A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 19 de febreiro e rematará o 25 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de maio.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar posteriormente unha taxa de 10,20 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).
Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse ao longo deste ano dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 5.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación titorizada e 3.752 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.400 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan Galicia Innova 2020 para, a través da innovación e cun investimento de 1775 millóns, impulsar a actividade económica e industrial e xerar máis emprego.
Logo de precisar que Galicia investirá en innovación ata 2020 un 35% máis que no período anterior, Feijóo salientou que este plan se marca tres grandes retos á hora de definir un crecemento baseado na innovación: poñer en valor o coñecemento científico-tecnolóxico; mellorar a transferencia do coñecemento entre os investigadores, as empresas e o sociedade; e procurar un retorno para o investimento que se realice en innovación.
Cara a esta tripla meta, o presidente da Xunta precisou que o Galicia Innova debuxa tres grandes áreas de acción para o desenvolvemento da I+D+i.
Na primeira área, a xeración e transferencia de coñecemento especializado. Nesta liña reforzarase a investigación en sectores clave como a industria intelixente, a biotecnoloxía, a sanidade ou a aviación civil non tripulada.
Sobre a segunda área, referida á captación e retención de talento innovador, Feijóo avanzou a posta en marcha de accións para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas e para impulsar que as novas empresas con grandes ideas poidan acceder ao financiamento.
Por último, e en relación ao terceiro eixo de actuación, centrado na innovación nas empresas, o titular da Xunta aseverou que o Plan Galicia Innova porá especial atención nas pequenas e medianas empresas.
Para desenvolver o Galicia Innova, a Xunta seguirá avanzando, ademais, cara a un modelo de Hubs de Innovación Dixital, estruturas que permitirán agrupar, ordenar e especializar a I+D+i en ámbitos estratéxicos para a Comunidade. Estes hubs estarán integrados por centros de investigación, pemes, grandes empresas, incubadoras, universidades, clústers, asociacións sectoriais, inversores e a propia Administración pública, coa misión de sacar o máximo partido do potencial innovador de Galicia.
Feijóo concluíu aseverando que, con este plan, Galicia aspira a incrementar un 10% máis de traballadores ligados á I+D+i, un 15% máis de empresas innovadoras e un 20% máis de investimentos privado en innovación.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que grazas á capacidade de Galicia para anticiparse aos novos retos e crear unha cultura innovadora “hoxe temos a infraestrutura necesaria para xerar coñecemento de valor e convertelo en solucións con capacidade de competir no mercado garantindo o retorno e a sustentabilidade do sistema de I+D+i”.
Conde tamén incidiu en que o novo Plan Innova Galicia 2020 prestará especial atención ao traballo investigador, que é o pilar fundamental da innovación, é as persoas, especialmente ao desenvolvemento do seu talento e ao apoio para a xeración de coñecemento.
En moitos casos, tanto de persoas maiores como de persoas con algúns tipos de discapacidade, é posible conseguir unha independencia na vida cotiá se se mantén algún tipo de control por parte de familiares ou persoas próximas.
Este ‘control' pódese exercitar de moitas maneiras, algunhas máis invasivas e outras máis respectuosas coa vida privada de cada un. Unha destas maneiras é a utilización de sistemas para o control das rutinas, de maneira que non é necesario que o familiar ou amigo coñeza en todo momento o que a persoa está a facer, pero si que poida detectar algunha anomalía na realización das tarefas rutineiras.
Con esta idea naceu a empresa cordobesa Beprevent que desenvolveu unha serie de etiquetas intelixentes que colocadas sobre obxectos de uso cotián poden informar sobre o cumprimento das devanditas rutinas.
Por exemplo, a etiqueta pódese colocar no armario do café para saber se almorzou e a que hora, no mando da televisión para saber se estivo utilizándoa, ou nas chaves de casa para saber se saíu.
Estas primeiras etiquetas estaban pensadas principalmente para persoas maiores e agora Beprevent anunciou que lanzou unha segunda versión máis avanzada pensada tamén para persoas con algún tipo de discapacidade cognitiva e que precisen este tipo de atención para a súa vida independente.
As etiquetas colócanse sobre calquera obxecto e a través de distintos sensores informan aos familiares sobre o seu uso. Ademais das etiquetas, a información pasa por un aparello, similar a un router que se coloca no fogar do usuario, e chega aos familiares mediante unha aplicación totalmente personalizable coas rutinas do usuario.
Un dos grandes obxectivos é lograr que cada día máis persoas maiores e con discapacidade poidan vivir unha vida independente, e desenvolvementos como estas etiquetas poden ser en moitos casos unha grande axuda para logralo.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade, que porá á disposición dos viaxeiros un transporte público máis accesible. Unha iniciativa que beneficiará aos 20 millóns de viaxeiros que anualmente empregan as máis de 1.300 liñas e as máis de 14.100 paradas existentes na Comunidade, así como un mellor servizo tanto para os que o prestan –os operadores- como para os que o utilizan.
Cun investimento de 6,6 millóns de euros ata 2020, Feijóo aseverou que esta iniciativa permitirá consolidar o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade, peza fundamental deste novo modelo, que trasladará a información en tempo real da posición dos autobuses, dos desfases das rutas ou do número de viaxeiros. Unha información dispoñible tanto para a Administración como para os operadores, que permitirá optimizar os servizos e planificar as rutas.
Ademais, a explotación desta información con técnicas de Big Data permitirá avanzar as tendencias na demanda do transporte e anticiparse ás necesidades dos viaxeiros.
Por outra banda, e co obxectivo de facer que esa información en tempo real sexa útil para os cidadáns, o presidente da Xunta subliñou a posta en funcionamento do portal de transporte público de viaxeiros, que será a porta de acceso a todos os servizos dispoñibles. Trátase dun único punto no que se centralizará toda a información dos servizos de transporte regular: as rutas, os tempos de espera en cada parada, incidencias ou a solicitude de transporte baixo demanda. Esta información estará dispoñible a través de diferentes canles e soportes: web, app, paneis embarcados ou paneis en estacións de autobuses.
Así mesmo, tamén se porá en marcha un servizo de queixas e incidencias multicanle (presencial, telefónico, web) para que os viaxeiros poidan informar de calquera deficiencia ou diminución da calidade de servizo.
Ademais de recoller novos métodos de pago para os viaxeiros, como o pago desde un dispositivo móbil, onde o usuario tamén recibirá a notificación das recargas dispoñibles, o plan tamén aposta por dixitalizar os procesos que desenvolven os operadores, creando unha plataforma tecnolóxica que integrará a información relativa aos contratos de transporte e ao seu sistema de tramitación.
Deste xeito, os operadores e profesionais accederán á plataforma a través da Oficina Virtual, o que lles permitirá realizar desde un único punto todas as xestións relativas ao sector coa Administración.
A Deputación de Pontevedra está a informar estes días da vindeira actividade da rede SmartPEME, unha liña de acción para este arranque de 2018 que vén acompañada dun especial significado: pola nova andaina prevista da man da empresa KPMG, pola incorporación do Viveiro de Empresas do Concello da Estrada e, tamén, polos resultados de participación obtidos en 2017 que pasan por ser os mellores da historia de SmartPEME. Volvendo á actividade deste comezo de ano, a Deputación deu a coñecer o seu programa de obradoiros tecnolóxico-dixitais para as sedes de Cambados (con catro obradoiros) e de Pontevedra (outros catro).
Respecto de Cambados, o Centro Exposalnés acolleu este mércores o obradoiro Crea os teus propios informes: Google Data Studio e seguirá o luns 22 co curso Rendibiliza o teu perfil profesional en Facebook. Esa mesma semana, o xoves 25 de xaneiro, Cambados acollerá o obradoiro Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura? Por último, o martes 30 de xaneiro, celebrarase o curso Como facturar electrónica mente.
A oficina de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades comezan ás 19 horas.
Respecto de Pontevedra, este 18 de xaneiro, ás 19.00 horas celébrase o curso Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura?. A seguinte cita terá lugar o luns 22 de xaneiro, tamén ás 19 horas, cando impartirase a actividade formativa Comercio electrónico para microPEME. Pola súa banda, o mércores 24 de xaneiro, a mesma hora, Pontevedra acollerá o curso Guía de boas prácticas para redes sociais. Por último, o luns 29 de xaneiro organizarase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A oficina de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Os vindeiros días a Cidade da Cultura (20 e 21 de xaneiro) vai acoller un evento especialmente indicado para as crianzas e para as nais e os pais que comparten con elas o seu gusto pola animación e os mundos dixitais. Trátase de Pequefilmes 2018, a nova edición do festival de cinema de curtas que este ano incluirá a proxección de máis dun cento de pezas e a celebración de obradoiros para familias: dúas accións formativas cuxo obxectivo é que pais, nais, fillas e fillos descubran a través do xogo os principios do cinema de animación.
Os obradoiros, un sobre técnicas stop motion con alimentos e outro sobre emuladores virtuais con mesas de luz, achegaranlles formación básica no uso de técnicas e ferramentas de creación audiovisual. Amais de proxeccións e actividades divulgativas, o certame abranguerá votacións e premios do público.
Boa parte das máis de cen curtas que se van exhibir no marco de Pequefilmes foron premiadas e/ou seleccionadas para os máis prestixiosos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, por exemplo o de Annecy (Francia), o Chicago ICFF, o Animamundi, o Animafest, o Dresdner Kinderfilmfest ou o festival de Clermont Ferrand (Francia). As pezas, con orixe en 33 países dos cinco continentes, artéllanse en tres seccións: Pequefilmes Vagalumes (de 0 a 3 anos), Pequefilmes Miñocas (máis de 4 anos) e Pequefilmes Fanecas (máis de oito). Co obxectivo de subliñar o protagonismo das crianzas que acudan ao certame, fomentando a vertente activa e crítica da súa participación no mesmo, os dous galardóns (Premio Miñocas e Premio Fanecas) serán elixidos polas nenas e nenos do público.
O salón FITUR que se está a desenvolver en Madrid constitúe unha xanela ao turismo pero, tamén, á innovación de vangarda ligada ao turismo. Un exemplo disto é a solución faceIDNN do Centro Tecnolóxico Gradiant, unha tecnoloxía biométrica cunha completa listaxe de posibilidades para facilitar a operativa dos viaxeiros e dos lugares que acollen os viaxeiros. Por que motivo? Pois porque, entre outras cousas, permite que un establecemento hoteleiro saiba que un cliente é quen di ser (sen a marxe de dúbida e intuición existente nos procedementos tradicionais) só con comparar a súa faciana coa fotografía do DNI, carné de conducir ou pasaporte. A eficacia da solución baséase nas técnicas de recoñecemento facial desenvolvidas por Gradiant, que comproban en tempo real se dúas imaxes pertencen á mesma persoa.
A solución faceIDNN preséntase (até o 21 de xaneiro) en FITUR da man de Roommatik, que conta con presenza de seu na feira madrileña (pavillón 1010F30) e que permite probar a tecnoloxía galega ao tempo que dá conta da súa experiencia con ela na procura dun chek-inseguro en hoteis.
Segundo nos conta Gradiant, faceIDNN constitúe o elemento de seguridade, usabilidade e calidade que moitas das empresas do sector turístico estaban agardando. Entre as principais características desta tecnoloxía figura a de ter sido equipada cun motor de recoñecemento facial baseado en Deep Learning axeitado para os procesos de onboardingdixital (solucións de identificación electrónica de persoas) e de Know Your Customer (KYC). Por outra banda, faceIDNN tamén é salientable por cumprir cos requirimentos legais que se lle esixen a este tipo de ferramentas, e, en palabras de Gradiant, “adáptase perfectamente aos procesos de check-in que requiren o carné de identidade do cliente ou a verificación co pasaporte”. Ademais, engade o centro tecnolóxico galego, “evita os ataques de suplantación de identidade mediante o emprego de mecanismos de detección de vida que combinan técnicas colaborativas e non colaborativas”.
A Biblioteca Municipal do Concello do Porriño vén de dar a coñecer o seu programa de actividades para este ano entrante, e dáse a circunstancia de que se trata dun programa con moito contido TIC: non só porque vén de ser pendurado na web de seu, que tamén, senón porque unha parte importante das accións previstas teñen que ver coas novas tecnoloxías da información e, máis polo miúdo, coas novas formas de achegarnos ao coñecemento e á lectura que imprimen as novas tecnoloxías. O nexo común de todas as accións previstas é o de potenciar o papel da biblioteca como espazo de aprendizaxe, inserción social e, tamén, alfabetización dixital. Este último eido dixital será, de feito, o miolo dun dos obradoiros preparados.
En palabras do Concello e dos responsables da biblioteca, a idea é ir alén do que servizo natural dunha biblioteca pública, “reorientando a actividade para adaptarse á evolución da comunidade de usuarios e as necesidades sociais”.
Para este ano, a Biblioteca Municipal do Porriño ofrece obradoiros variados, actuacións musicais, roteiros de patrimonio, clubs de lectura para adultos e menores, cursos de cociña, grupos de conversación en alemán e inglés en varios niveis; cursos de alfabetización dixital para maiores en distintos niveis, obradoiros de fotografía dixital, de escritura creativa, formación de usuarios, charlas, proxección de documentais ou encontros de ciencia.
Ademais, a biblioteca iniciará un programa de visitas escolares durante todo o ano para formar ao alumnado local na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece, como a consulta e manexo da súa páxina web e do catálogo, facilitando ordenadores para uso das alumnas e alumnos nestas visitas reguladas.
Na web www.bibliotecadoporrino.com xa aparece publicada a relación de cursos e obradoiros para este ano, indicando que as inscrición xa está abertas para as que se celebren antes do verán. Todas son de balde, aínda que é precisa a inscrición previa (presencial ou no teléfono 986337624), tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Os participantes tamén deberán ser socios/as da Biblioteca Municipal ou da rede de bibliotecas de Galicia.
A Universidade da Coruña e a firma TIC Everis veñen de xuntar forzas a prol da formación tecnolóxica e a investigación. Froito da alianza, rubricada e presentada onte polo reitor da UDC (Julio Abalde) e o socio responsable de Everis en Galicia (Jesús Lage), crearase a Cátedra de Transformación Dixital adscrita á Facultade de Informática. O seu obxectivo é afondar nos cambios aos que están sometidas as nosas entidades públicas e privadas en relación coas novas tecnoloxías da información, cambios que atinxen á forma (comunicación nas redes, transparencia, eficacia, dispoñibilidade de datos, axilidade no traballo diario) e tamén ao fondo.
Entre as actividades que se están a poñer en marcha ao abeiro da Cátedra está a creación do Premio ao mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado, a realización de obradoiros e conferencias e o desenvolvemento de prácticas de alumnado da Facultade de Informática na empresa Everis.
O reitor asegurou que hoxe “é un día importante para a UDC pola formalización deste convenio” que “vén establecer unha liña máis de transferencia de coñecemento da universidade á empresa do que se espera se beneficie o tecido industrial galego”.
Para Jesús Lage, “esta alianza reafirma o compromiso de ambas as dúas entidades co desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia, favorecendo unha aplicación práctica do coñecemento e impulsando a economía galega baseada nun modelo de crecemento dixital”.
Unha alianza que vén de lonxe
Este convenio, engadiron, consolida a colaboración existente entre a Universidade da Coruña e Everis que comezou no ano 2010 e que culmina coa creación da devandita Cátedra de Transformación Dixital, que ten unha duración de tres anos porrogables.
Abalde e Lage avanzaron que outro dos eidos de traballo a explorar está relacionado co novo Grao Ciencia e Enxeñaría de Datos que se implantará na Facultade de Informática no curso 2019/2020. Este título sobre xestión da información a gran escala (Big Data) “amplía o abano de posibilidades de colaboración coa empresa Everis”, explicou o reitor, engadindo que pon novamente de manifesto que o concepto de informático tiña un perfil profesional monolítico pero os novos requirimentos tecnolóxicos precisan a diversificación nas titulacións e o novo grao da UDC de xestión de datos é “estatéxico”, segundo cualificou Lage.
Fujitsu desvelou as nove tendencias que transformarán o sector retail en 2018. Desde a firma destacan que o modelo de colaboración xa medrou este ano e seguirá facéndoo de forma significativa no 2018. Moitos supermercados farán o mesmo buscando recrear o modelo “store-within-a-store”. E, ademais, verase unha maior consolidación de compañías polas fusións e adquisicións.
En canto ao móbil, Fujitsu avanza que seguirá sendo clave en xerar tráfico e vendas para os retailers. Tal e como se puido ver neste pasado Black Friday, a maioría dos éxitos deste sector viñeron ligados ao uso do móbil, especialmente porque os teléfonos son cada vez máis grandes e teñen mellores pantallas.
As cadeas de subministración veranse influídas por moitos factores. Un deles é “driverless” e a robótica. “Veremos máis proxectos piloto onde os retailers e fabricantes utilizarán estas tecnoloxías que alterarán o proceso de entrega para os compoñentes e produtos e isto acelerará a chegada ao mercado. A fabricación vólvese moito máis avanzada tecnoloxicamente e intelixente”, explican desde a firma. Na agricultura, por exemplo, pódense utilizar dispositivos IoT e a analítica para identificar o mellor momento de usar pesticidas, cultivar cultivos ou criar gando. Segundo fontes de Fujitsu, “isto permite aos agricultores aproveitar os datos e utilizar a analítica para cultivar de maneira intelixente, aforrando tempo e diñeiro, o que á súa vez mellora a cadea de subministración”.
A Intelixencia Artificial (IA). Desde Fujitsu aseguran que “está aquí para quedar. Xa noutros sectores estamos a ver como a metade das persoas están cómodas ao ser diagnosticadas polos chamados 'doutores de IA' e con todo no retail nin se dá un conta de que a está utilizando”. Por exemplo, os webchats, que son usados polos retailers para responder preguntas, cada vez serán máis sofisticados e esperemos que cheguen á industria hostaleira, brindando aos clientes o seu propio conserxe persoal 24 h.
En canto á seguridade, sinalan que “nunca foi tan importante como neste momento. Os ataques poden chegar a destruír unha marca e ter importantes impactos financeiros e de reputación. Tamén son capaces de deter o comercio e isto para un retailer pode ser desastroso”. No próximo ano deberán priorizar a súa cíberseguridade para poder previr ataques ou mitigar e reducir o dano, apuntan desde Fujitsu. Aos consumidores non lles gustan as fendas de seguridade e preocúpanse rapidamente por se se verán afectados. Se se lles impide facer unha compra porque os sistemas pecháronse, irán comprar a outro lugar e perdeuse a ese cliente.
Os pagos serán un tema candente para os comerciantes polo miúdo o próximo ano, tal e como vimos que o fixo este ano o contactless e continuará evolucionando. Será moi interesante ver que innovacións adoptarán os retailers nos próximos meses, xa que xogan un papel importante no seu desenvolvemento de negocio para crear unha experiencia de compra máis fácil para o consumidor.
A personalización tamén é un punto prioritario, segundo Fujitsu. Grazas ao avance da IA e os sistemas CRM agora é máis fácil coñecer aos seus clientes desde o momento que entran no seu establecemento, fan click on-line ou usan o móbil. Durante o 2018, esperamos que os comerciantes polo miúdo utilicen estas ferramentas para mellorar a experiencia do seu cliente xa que agora teñen moita máis información dos seus consumidores.
Orde de voz. “Culturalmente Amazon e Apple cambiaron a forma en que interactuamos cos nosos dispositivos a través de Alexia e Siri e veremos que se instalarán como algo cotián na nosa vida. Xa hai varios retailers que avanzaron neste campo e no próximo ano esperamos que haxa máis acordos con asistentes de voz para ofrecer aos clientes unha nova e interactiva forma de comprar”, afirman desde Fujitsu.