main content

main content
26/01/201812:01
Cartel do evento.
A Coruña

A Coruña acolle o 2 de febreiro a oitava edición da LaconNetwork e a primeira dos Premios TIC-Galicia

O venres día 2 de febreiro, celebrarase na Coruña (PALEXCO) a oitava edición-aniversario da LaconNetwork e a primeira dos Premios TIC-Galicia. A xornada desenvolverase cun gran programa con charlas, mesas de debate e entrega de galardóns. Á xeira de tarde engadirase un Demo Day da aceleradora Conector e unha nova iniciativa de pitching onde emprendedores de proxectos exporán a asistentes e investidores cadansúas propostas de negocio. Segundo informan os organizadores, este ano a novidade é que a xornada vén con dúas sesións: a xeira de mañá que será de entrada libre para todos os asistentes rexistrados na web, e maila sesión de tarde, que comeza coa sesión de traballo en rede LaconNetwork e que será exclusiva a asistentes que mercasen a entrada. 

Trala inauguración do evento por parte do fundador do concepto, Frankie Gómez (director executivo de Confirmsign) haberá unha keynote de inicio da man de Telmo Pérez Luaces, xefe de Innovación no Grupo Acciona, que ofrecerá o seguinte relatorio: Entre corporacións e startups, quen acelera a quen?

Tamén haberá unha mesa de debate na que participan empresas como R, Estrella Galicia, ABANCA e Kaleido, que teñen aceleradoras e que participarán na xornada mostrando o seu funcionamento e máis os éxitos e os fracasos nas súas traxectorias coas firmas innovadoras impulsadas. 

Durante o evento farase entrega dos primeiros Premios TIC-Galicia, fusión dos galardóns do Clúster TIC Galicia e os propios de LaconNetwork, que xuntan forzas neste evento para demostrar, en palabras dos responsábeis das entidades, “que sumar está no ADN das empresas e entidades TIC galegas”.

Como grandes novidades do formato, nesta edición presentarase o primeiro proxecto colaborativo impulsado por empresas LaconNetwork, o proxecto Hana, e desenvolverase o Pitch Lacon Estrella e o Demo Day da aceleradora Conector que será clausurado por Carlos Blanco, investidor en máis de 35 compañías dixitais.

A xeito de colofón final, celebrarase unha nova edición da xornada de traballo LaconNetwork, que, como lembraremos, foi votada recentemente como unha das mellores iniciativas de networking de todo o panorama estatal. 

Temos o programa completo do encontro na súa web.

26/01/201812:01
Presentación dos Premios INCUVI-Emprende.
Ourense

A sétima edición dos INCUVI-Emprende premiará novamente o enxeño innovador universitario

Onte no Politécnico presentáronse os detalles da sétima edición dos Premios INCUVI-Emprende da Universidade de Vigo, destinados a apoiar, recoñecer e impulsar os novos proxectos galegos destinados a marcar un antes e un despois na nosa relación coas tecnoloxías e co coñecemento. Proxectos de emprendemento postos en marcha por mozas e mozos acabados de saír dos tres campus da UVigo (catro iniciativas do de Ourense, dous do de Pontevedra e seis do de Vigo). Segundo se fixo saber, o prazo para presentar achegas ficará aberto até o 31 de xaneiro. O acto contou coa presenza José María Faílde, director da Área de Descentralización do Campus de Ourense, que salientou que os premios brindan “un de preincubación dun ano de duración” no que as persoas beneficiarias “contan co apoio das institucións para transformar as súas ideas en proxectos emprendedores”. 

Alejandro Martínez, director da Área Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, foi o encargado de explicar os asistentes as características da convocatoria, á que se pode presentar tanto alumnado da Universidade de Vigo de grao, mestrado e doutoramento como persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores.

Os premios, sinalou Martínez, fornecen aos proxectos gañadores de actividades formativas e de asesoramento, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía nun espazo de traballo na preincubadora correspondente. “As propostas”, dixo, “poden ser elaboradas de xeito individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas”. Amais, engadiu, a súa temática deberá encadrarse nalgún dos eidos de coñecemento contidos nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura. 

Entre as novidades desta edición, Alejandro Martínez destacou a incorporación da Xunta de Galicia ao panel das entidades colaboradoras e cambios no proceso de selección, que nesta edición contará con tres fases: unha primeira de entrevista persoal ante un panel de persoas expertas en emprendemento, unha segunda consistente nun obradoiro de ideas para as iniciativas preseleccionadas e unha terceira de presentación ante a comisión de selección.

No acto tamén interveu Ricardo Capilla, director do Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole, entidade na que se instalan durante un ano os proxectos gañadores dos INCUVI-Emprende de Ourense. Capilla salientou que se trata “dunha oportunidade única e moi interesante”, cuns importantes premios que achegan aos emprendendores e emprendedoras “a posibilidade de pórse en contacto con empresarios” do ámbito estatal e internacional e “desenvolverse nunha contorna empresarial”.

04/05/201810:30h
1 mes 1 profesión dixital
Vigo

IV Competición de Robots

O obxectivo fundamental deste concurso é achegar a Universidade aos alumnos de Ensino Secundario e Bacharelato ademais de promocionar as titulacións da Escola de Enxeñería Industrial e fomentar o interese dos alumnos polas disciplinas STEAM, máis especificamente polos estudos de Enxeñería. En particular, coa categoría superior, preténdese potenciar a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos. Por outra banda, este evento é unha oportunidade para tratar de impulsar a interconexión entre estudantes de distintas disciplinas tanto no ámbito universitario como de ciclos superiores.

26/01/201812:01
Competición de Robots.
Vigo

Os mellores robots dos nosos estudantes medirán forzas na UVigo o 4 de maio

O bo destes tempos é que os robots, o seu deseño e construción, deixaron de estar ao alcance duns poucos. Agora, non hai dúbida, existen tecnoloxías, comunidades e movementos sociotecnolóxicos (por exemplo o movemento Maker) que nos permiten botar abaixo as barreiras que nos separan do que, en tempos, era pouco máis que ciencia ficción. Por se isto fose pouco, tamén hai certames onde o futuro faise presente e aléntase abertamente á creatividade tecnolóxica. Por exemplo a Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial (UVigo) que se celebra o 4 de maio, convocando a estudantes de ensino secundario e superior da nosa terra. No certame, que vai pola súa cuarta edición, convidarase aos participantes a dar forma aos seus propios robots. O 4 de maio, os seus enxeños veranse as “caras”. 

Segundo fai saber Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, un dos obxectivos da cita é “achegar á Universidade aos futuros e futuras estudantes”, amais de “fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics)” e potenciar o traballo por proxecto e a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación dos robots autónomos.

A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entregará a organización. O 4 de maio será o día no que os equipos porán a proba os seus robots, que deberá superar unha serie de probas de destreza. Os alumnos e alumnas de ensino secundario que desexen vivir esta experiencia e desenvolver as súas capacidades tecnolóxicas deberán facelo na categoría Wall-E, mentres que os estudantes de titulacións superiores pode inscribirse na modalidade R2D2. A data límite para formalizar a matrícula é o vindeiro luns 29 de xaneiro.

Como dixemos, neste 2018 a competición acada xa a súa cuarta edición, consolidándose, en palabras dos organizadores, “como unha cita de referencia que cada ano reúne centos de estudantes de toda Galicia”. Segundo indican, facendo balance de edicións previas, en 2017 superáronse os 800 inscritos e as expectativas desta nova convocatoria pasan por manter o mesmo grao de participación.

Respecto das categorías, a modalidade Wall-e está concibida para estudantes de ESO e Bacharelato, sendo o seu obxectivo que as e os participantes se familiaricen co mundo da robótica, participando na montaxe e programación dun robot móbil partindo do kit mBot Robot Educativo (2.4G), programable de xeito doado con Scratch e compatible coa plataforma aberta Arduino. A competición realizarase en equipos de entre tres e seis estudantes e un profesor titor que deberán someter o seu autómata a dúas probas: completar no menor tempo posible un circuíto con obstáculos e unha especie de combate ente droides que deben sacar do campo de xogo aos seus opoñentes.

Polo que atinxe á outra categoría, o alumnado de Formación Profesional e de titulacións universitarias competirá en grupos de menos de seis persoas ou ben de maneira individual na modalidade R2D2, que comprende catro probas, tres individuais e unha colectiva. Neste caso cada equipo debe crear un robot cun tamaño máximo de 20 cm de lado e un peso máximo 1.500 gramos. Na proba de rastrexo os robots deben completar unha volta completa de non máis de catro metros, pero si con cambios bruscos de dirección, nun máximo de 60 segundos. Nun tempo inferior a un minuto, os robots deberán superar o seguinte exame de clasificación, un labirinto rectangular de 2x2 metros. Na terceira proba deberán retirar seis latas dun recinto de aproximadamente 1 metro de diámetro, e o derradeiro test será tamén un combate entre droides, como na modalidade Walll-e.

26/01/201812:01
“Programa de Empoderamiento e Activación para o Emprego”.
Santiago de Compostela

83 mulleres con discapacidade de Galicia desafían as construcións sociais

Un total de 83 mulleres con discapacidade de Galicia desafían as construcións sociais que impiden a súa autonomía social e económica a través do “Programa de Empoderamiento e Activación para o Emprego” executado por COGAMI.

Esta iniciativa desenvolveuse a nivel estatal grazas ao convenio establecido entre a Obra Social ”La Caixa” e a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

“Gustaríame que este programa continuase para outras mulleres que o necesitan. Para min supuxo unha oportunidade laboral. Despois de estar durante 5 anos sen traballar, sen expectativas de atopar traballo, con inicios de depresión porque cría que a culpa de todo o malo era miña, entrei a formar parte deste programa cando mo comunicaron desde COGAMI. Aos dous meses, roldando xa os 50 anos, chámanme dunha empresa para traballar como administrativa. Formar parte deste programa serviume para rexurdir, para valorarme, para crer en min e, por favor, que non desapareza” asegura Salomé Fernández, participante no Programa en 2017 en Galicia.

O emponderamento é a capacidade dunha persoa para deixar de ser “obxecto doutras” e converterse na “persoa protagonista da súa propia historia”. Ao facilitar paso da dependencia á independencia, están a favorecerse capacidades como a toma de decisións, o acceso á información e recursos, asertividade, adoptar un rol activo na resolución de conflitos, a mellora da autoimaxe, etc.

O Programa conta cunha metodoloxía de intervención individual e grupal, centrado nas preferencias das mulleres con discapacidade participantes, que permite facer un seguimento personalizado e adecuado ás súas necesidades.

Desta forma, en Galicia realizáronse con 82 mulleres con discapacidade itinerarios personalizados de inserción social e laboral e seguimento a nivel individual; 38 mulleres participaron en sesións grupales de empoderamiento e 48 foron beneficiarias de sesións grupales de habilidades prelaborales e alfabetización tecnolóxica. Así mesmo e como resultado da súa participación no programa, 29 mulleres con discapacidade atoparon emprego ao longo do ano.

O traballo coordinado con Incorpora, o programa de inserción laboral da Obra Social ”La Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE, facilitou a orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa en procura activa de emprego.

A secretaria de Muller e Igualdade de COCEMFE, Marta Valencia, destaca que “o crecente interese de organismos públicos e privados nesta problemática, permitiunos participar en diferentes xornadas e actividades de formación e sensibilización dirixidas a profesionais e a poboación en xeral”. Neste sentido, en Galicia leváronse a cabo cinco acciones de formación e/ou sensibilización en materia xénero e discapacidade enfocadas na centralidade do traballo como perspectiva fundamental para o emponderamento e independencia da muller con discapacidade.

26/01/201812:01
Clara Navarro e Sonia Mulero.
Santiago de Compostela

A Fundación Ship2B e a Fundación Banco Sabadell puxeron en marcha o programa de innovación social B-Value

A iniciativa está dirixida a entidades sen ánimo de lucro de toda España que traballen con calquera tipo de colectivo. O obxectivo é que asociacións e fundacións poidan profesionalizar o seu labor e mellorar a súa proposta de valor. Ademais, durante o programa de B-Value, recibirán axuda de mentores e da rede de colaboradores do programa para desenvolver proxectos de innovación social dentro do seu ámbito de traballo.

Seguir lendo na fonte da noticia...

 

26/01/201812:01
Un televisor LG OLED IA C8 nun salón preto das montañas.
Santiago de Compostela

LG integra Google Assistant nos seus novos televisores intelixentes

  • LG deu un paso moi interesante nos seus últimos televisores ao presentar os primeiros modelos ThinQ IA que incorporan asistentes por voz para facilitar o seu uso coa voz, un factor moi interesante para persoas con discapacidade.

Así, por exemplo, os modelos LG Signature OLED IA C8 e W8 incorporan tanto Google Assitant como o asistente de Amazon, Alexa, o que permite aos usuarios utilizar o micrófono situado no mando a distancia para manexar o televisor.

Desta forma, os usuarios poden pedir por voz ao televisor que poña unha certa canle, que lle ofreza información sacada da internet, como pode ser o resultado dun partido, ou que acceda directamente a un conector como pode ser unha consola de videoxogos.

Todas estas axudas son fundamentais para facilitar o manexo do televisor por parte de persoas con discapacidade, como poden ser aquelas persoas cunha discapacidade visual ou física.

A integración destes asistentes por voz así como o resto de novidades que incorporan estes modelos de televisores valéronlle á compañía coreana para levar numerosos premios na feira de electrónica de consumo CES celebrada hai unhas semanas en Las Vegas.

31/01/201810:30 - 12:00h
1 mes 1 profesión dixital
Online

A tecnoloxía para facilitar a túa vida cotiá. Recursos e aplicacións ao teu alcance

Imaxinas realizar a compra da semana pulsando un botón? ou que os teus electrodomésticos fagan a compra por ti? ou que a calefacción se acenda soa en función da túa localización?

Este tipo de tecnoloxía xa é real e pode facernos a vida moito máis fácil. As casas do futuro serán intelixentes grazas ao que se coñece como “a casa conectada” ou domótica, para facer a túa vida máis fácil, cómoda e segura.

Agora os electrodomésticos axúdannos a preservar e preparar os alimentos a través de refrixeradores e tostadores conectados, e monitorar as temperaturas óptimas con sistemas de calefacción intelixentes. Queres coñecer como? Pois non te perdas este curso.

30/01/201810:30 - 12:00h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Mellora a túa alimentación e elabora os teus menús de tempada co teu móbil ou tablet

Cansado para comer sempre o mesmo? Gustaríache levar unha dieta sa e máis variada?

Seguir unha alimentación correcta, equilibrada e variada son claves importantes para a nosa saúde. Pero non sempre é fácil reconducir certos costumes que en ocasións interferen na nosa alimentación facéndoa monótona e repetitiva.

Unha maneira de gozar da nosa dieta mediterránea, é incorporando os alimentos de tempada, os cales, permítennos variar o noso menú dunha forma sa, equilibrada e máis barata.

Neste curso aprenderás a:

  • Mellorar a túa alimentación con aplicacións interesantes no teu teléfono móbil.
  • Facer unha dieta máis equilibrada coas mellores receitas de tempada.
  • Buscar a través de Internet para traer á túa mesa os ingredientes máis frescos e máis baratos.
  • Descubrir cales son os produtos de tempada e como cociñalos.

Aprende agora como unha boa alimentación pode mellorar a túa saúde.

25/01/201811:01
AMPHIBIAN.
Santiago de Compostela

A realidade virtual ofrece experiencias únicas para empatizar coa discapacidade

Imaxinádesvos poder experimentar o que sente unha persoa con discapacidade física ou mental? Ultimamente vimos falando da tecnoloxía como ferramenta de apoio que melloran a vida das persoas con discapacidade. Non tan afastado deste feito, o mergullador Dhruv Jain cre que coa realidade virtual ofrece experiencias únicas para empatizar coa discapacidade. 

 

En que consiste o método de Jain?

Jain, estudante de posgrao en Li quere levarte ao fondo do mar para que poidas entender a súa vida un pouco mellor. É un mergullador ávido e estudante de posgrao en Living Mobile de MIT, tras a súa formación Jain creou Amphibian, un simulador de realidade virtual que mergulla aos usuarios en case todos os aspectos dunha inmersión de mergullo real, excepto a auga.

 

AMPHIBIAN

Amphibian é un dos proxectos innovadores de Jain baseado no mergullo SCUBA que permite explorar a magnífica diversidade oceánica de fermosos corais, peixes rechamantes e misteriosos restos de naufraxios. Con todo, só un pequeno número de persoas pode experimentar estas marabillas, xa que o mergullo é custoso, desafiante mental e fisicamente, necesita un gran investimento de tempo e require acceso a grandes masas de auga.

Propoñen un sistema de realidade virtual, Amphibian que proporciona unha inmersiva experiencia de mergullo SCUBA a través dun conveniente simulador terrestre. Os usuarios déitanse sobre o seu torso nunha plataforma de movemento cos seus brazos e pernas estendidos colocados nun arnés suspendido. Os usuarios reciben retroalimentación visual e auditiva a través da pantalla montada na cabeza Oculus Rift e un par de auriculares. Adicionalmente, simulan cambios de flotabilidade, arrastre e temperatura a través de varios sensores

 

Como xurdiu a inspiración de Amphibian?

Jain comezou a mergullar despois de ir ao MIT e descubriu que estar en ambientes submarinos onde o son está silenciado proporcionaba unha experiencia tranquila, case meditativa, similar á que sente cando apaga as súas audífonos. “Se pecho o meu audífono, síntome liberado”, di. “Quería que a xente sentise a privación sensorial que sinto cando pecho os ollos”. Grazas á realidade virtual as persoas que non padecen ningunha discapacidade poderían sentir na súa propia pel como é a vida dunha persoas con perda auditiva, á vez que se aventuran nunha experiencia única.

A tecnoloxía para todos permite que o acceso a calquera dispositivo sexa accesible para calquera persoa, pero tamén desde a tecnoloxía podemos educar en discapacidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS