A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, recibiu a mañá do martes 6 de febreiro de 2018 a responsables do operador Adamo, que lle explicaron o seu plan de despregamento en Galicia. A empresa ten previsto estender fibra óptica en 38 concellos da provincia de Lugo de xeito progresivo durante os vindeiros tres anos.
A Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, especialmente nas zonas menos rendibles. A orografía e a dispersión dificultan en gran medida os despregamentos de telecomunicacións na Comunidade, que concentra o 40% de núcleos de poboación de España, e o 90% dos cales teñen menos de 100 habitantes.
Obxectivo europeo: 30 Mbps no 2020
Para salvar estas dificultades e cumprir co obxectivo da Unión Europea de dotar de cobertura de 30Mbps a todos os cidadáns, o Estado, que é a Administración competente en materia de telecomunicacións, e a Xunta, de forma complementaria, están a incentivar o despregamento de redes ultrarrápidas en zonas brancas, aquelas que non dispoñen dunha conexión a internet con estas velocidades e que non resultan rendibles para os operadores.
O Estado adxudicou 21 millóns de euros entre 2015 e 2017 en subvencións públicas a operadores que permitirán dotar de redes ultrarrápidas a uns 900 núcleos e preto 260.000 galegos, nos próximos dous anos. Como medida complementaria, a Xunta, publicou o pasado 15 de xaneiro unha convocatoria de axudas a operadores con máis de 14 millóns de euros para actuar en máis de 26.000 núcleos de menos de 150 habitantes e en 80 de ata 300.
Apoio aos despregamentos
Para impulsar os despregamentos, a Administración autonómica ofrece asesoramento aos concellos, a través da Oficina Técnica de Banda Larga, sobre a concesión de licenzas municipais neste ámbito e a través da Lei 3/2013 de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que establece o marco legal para facilitar a extensión de redes de telecomunicación.
O quinto Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará do 4 ao 7 de abril de 2018, vén con novidades. Trátase da a inclusión estrea dunha xornada profesional específica, que busca incrementar as pontes entre webseries e plataformas e que responde a un dos obxectivos principais do certame: evolucionar e abrir diálogos permanentes cos novos xeitos e linguaxes de entender a cultura audiovisual na Rede. Máis en detalle, consistirá na organización de actividades e de espazos particularmente concibidos para conectar aos artistas coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación interesados en “fichar” contidos dixitais de creación propia. Lembrar, a maiores, que esta edición do Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. Xa podemos participar até o 18 de febreiro a través de carballointerplay.com.
Xa confirmaron a súa presenza neste recanto profesional (o Día PRO do Interplay, o 5 de abril) marcas tan significativas como Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), Playz (RTVE Digital), CRTVG ou Playground, entre outras. Tamén virán a Carballo representantes das principais asociacións do sector en Galicia (como o Cluster do Audiovisual, AGAG ou CREA) e directores e directoras e programadores e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais, co “obxectivo de definir unha terminoloxía común para este tipo de producións”, explica a organización do certame, engadindo que tamén se habilitará un espazo de encontro que fomente o contacto, a través de citas profesionais, entre os creadores e creadoras de series dixitais e as plataformas e produtoras asistentes.
Derradeiros días para presentar propostas á sección oficial
As organizadoras do evento lembran tamén que, quen desexe presentar as súas webseriesou proxectos de webserie á sección oficial e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o festival, teñen que inscribirse antes do 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As creacións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais deste ámbito e do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego.
O luns presentouse o Informe da Sociedade Dixital en España 2017, sdiE[17, elaborado pola Fundación Telefónica, e que reflicte a aposta cada vez maior pola tecnoloxía a nivel social, nun proceso no que a intelixencia artificial e a Internet das Cousas xogan cada vez un rol máis importante (no que dan en chamar Sociedade Cognitiva). O informe sostén que España ten unha sociedade dixital grazas principalmente á banda larga móbil, destacando tamén que España mantén a súa posición líder no despregamento de redes de fibra óptica até o fogar, con máis clientes de FTTH que os mercados de Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia xuntos.
No que se refire á cobertura móbil, o informe asegura que as conexións de 3,5G chegan practicamente á totalidade dos fogares, mentres que a cobertura 4G chegaría o 94% dos mesmos.
Entre os detalles máis salientables do informe asegúrase que en 2018 o 50% dos mozos españois son mobile first, ou sexa, que entre o 90 e o 100% do seu tempo en rede é a través do móbil. De feito, o 86% posúe un smartphone e úsao como dispositivo de referencia para a mensaxería instantánea, acceder a redes sociais, consumir música e ver vídeos en streaming.
Dos 24 millóns de españois de entre 16 e 74 anos que se conectan a diario á Internet (o 64% do total) temos unha clara diferenciación en función da idade, de xeito que o 98% dos mozos conéctanse á Rede a diario, mentres que en adultos de entre 65 e 74 anos falamos dun 43,7%. Precisamente entre estes últimos o uso da Internet medrou un 26% en 2017.
Outro detalle a destacar é o pulo da economía colaborativa, cun 21,4% dos internautas empregando páxinas web ou aplicacións para acordar un aloxamento e un 8,9% para concertar o transporte con outro particular.
No informe da Fundación Telefónica tamén vemos como o ordenador perde usuarios, manténdose como o dispositivo máis utilizado só para usos profesionais (76,3%), mentres que para o lecer medra o uso de tabletas (36,6%).
A televisión por Internet (27,5%) tamén sube lixeiramente, como o uso da banca móbil (56,7%) e o comercio electrónico (51,6%). Na mensaxería instantánea o 30,8% envía mensaxes de voz (un 36% se nos referimos a mulleres e un 25,3% no caso dos homes), mentres que o envío de imaxes ou vídeos e o máis habitual (35,7%).
Entre as cousas presentadas na pasada edición (a oitava) do evento Laconnetwork, na Coruña, brillaron con luz propia iniciativas como o Programa Especial Hamsternauta (HANA), un proxecto que permite aos centros de educación secundaria converter ao seu alumnado en novos enxeñeiros aeroespaciais, fornecendo aos estudantes de recursos para enviar fóra da Terra un dummy-hámster coa axuda dunha sonda e un globo meteorolóxico. O certame, que tamén é un concurso (trátase de ver que equipo acada a misión máis completa), vén da man das startups da Asociación Galega de Innovadores en TICs, entre as que se contan Fitting Pup, Lupeon, IPglobal, APDTIC, Confirmsign, Mememtum,Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin. Tamén participa (patrocinando) a rede de academias Tokio School. Na presentación celebrada o 2 de febreiro na oitava Laconnetwork concorreron tamén estudantes do CEIP de Laredo, que será o centro piloto do certame.
O obxectivo desta iniciativa é “promover desde idades temperás o talento humano en áreas necesarias para a xeración de coñecemento, como son as novas tecnoloxías e a investigación científica. En palabras de Claudio Freijeiro, responsable de formación de Tokio School, “é unha oportunidade moi boa para que os nenos traballen nun ámbito que até hai poucos anos estaba reservado para uns privilexiados e que non se inclúe nos programas formativos tradicionais”.
Na presentación fixo de mestre de cerimonias Frankie Gómez, co-impulsor de HANA, quen sinalou que o proxecto “xorde cun carácter transxeracional para que nuns anos os alumnos que comecen con esta experiencia poidan asesorar e tutelar a outros nenos e que estes xoguen a superar os retos das misións anteriores”. A fórmula da que se bota man, sinalaron, é unha fórmula “dinámica, divertida e aplicada á realidade”, procurando en todo intre que o alumnado coñeza a pegada e as oportunidades que presenta a tecnoloxía aeroespacial e dixital actual. Ou sexa, as oportunidades que subministran eidos como a información a gran escala (Big Data), a intelixencia artificial, a robótica ou a programación.
O proxecto, explicaron, tamén quere ser un reclamo co que apreixar a curiosidade científica da rapazada. “A investigación científica e as novas tecnoloxías avanzan a pasos axigantados”, apunta Andrea Magán, directora de Proxectos en Tokio School, “e é preciso que os nenos sexan conscientes, porque deles dependerá o futuro”.
Na presentación de HANA tamén puidemos saber que o CEIP de Laredo (Chapela, Redondela) foi seleccionado como centro piloto para levar á practica o devandito proxecto educativo e aeroespacial. Na cita da Coruña participou o alumnado de quinto e sexto do centro pontevedrés, na gala de presentación oficial celebrada en PALEXCO e na compaña do impulsor do certame, Frankie Gómez. O CEIP valorou moi positivamente as posibilidades de desenvolvemento científico e tecnolóxico que se abren coa iniciativa: “Teremos á nosa disposición recursos e materiais para poder montar a nosa sonda espacial cun globo aeroestático totalmente equipado así como a posibilidade de poder lanzalo lonxe...moi lonxe nun campus científico; ao que cómpre engadir a participación en exercicios de gravidade, aceleración, impacto, temperatura, etc”.
A clave para acadar a misión máis completa e as mellores valoracións do xurado ao abeiro de HANA reside nas seguintes tarefas: ensamblaxe de compoñentes informáticos con programacións sinxelas, adestramento do Hamster, cálculos de gases, aceleracións, deceleracións, xeolocalización e “unha longa listaxe de posibles investigacións tan reais como as que até hai moi pouco só eran posibles para as axencias espaciais”.
Como dixemos, os instrumentos básicos a empregar son un globo meteorolóxico e unha sonda desenvolvida polos propios escolares. A súa misión consistirá en recuperala e manter con “vida” o seu boneco-hámster, polo que terán que avaliar ao detalle cada fase do proxecto.
A xeito de respaldo tecnolóxico, achegando a súa bagaxe, as empresas da dita asociación (asiduas dende hai oito anos ao evento Laconnnetwork, estreitando ligazóns e xerando colaboracións) subministrarán dende diferentes áreas de actividade os elementos técnicos, os coñecementos en programación e as sinerxías precisas para que este proxecto colectivo se converta en éxito.
Entre estas firmas innovadoras atópanse como dixemos Fitting Pup, adicada a facer seguimento da saúde das mascotas (será a encargada de prover o dummy e a sonorización do hámster); Lupeon ou IPglobal, que interveñen fornecendo de compoñentes de impresión 3D ou aditiva, así como compoñentes tecnolóxicos de última xeración, entre os que se contan sensores, placas e sistemas de alimentación para que os enxeños soporten os menos de setenta graos que pode acadar a sonda a 30.000 pés de altura (unha altura dúas veces máis grande cá aquela na que adoitan voar os avións). Tamén contribuirán ao proxecto APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, TucoSystems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin.
Para elixir o proxecto gañador, teranse en conta aspectos como o investimento en compoñentes, o número de participantes por grupo, cantos mozos e mozas concorren no grupo, os experimentos e cálculos realizados antes da misión, o grao de colaboración con outros equipos, se é a súa primeira sonda ou é un reincidente, etc. “En resumo”, lembraron dende a organización, “trátase dunha verdadeira carreira espacial divertida para nenos, pero coma nos anos sesenta”.
Como parte do proxecto está previsto realizar un campamento científico a finais de curso cos colexios que finalicen as sondas onde expertos de diferentes áreas darán o visto e prace definitivo aos lanzamentos. Aqueles que consigan un maior éxito da misión, poderían gozar dunha viaxe ás instalacións da NASA ou a unha das axencias espaciais da nosa contorna.
A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra ten deparado un amplo programa de actividades TIC para autónomos, empresarios e empresas da provincia este mes de febreiro. Segundo informamos os días pasados as oficinas da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante este mes de febreiro dezaoito novos obradoiros. A estas actividades cómpre engadir a ducia de xeiras formativas que se van desenvolver na sede da Deputación en Pontevedra (seis) e no Centro Exposalnés de Cambados (outros seis). Como lembraremos, SmartPEME é a rede tecnolóxico-dixital de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, a partir de datas vindeiras, todo apunta a que tamén na Estrada.
O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, acollerá seis novos obradoiros. SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas locais as seguintes accións formativas: o martes 6 de febreiro Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope..., e o xoves día 8, A túa páxina web en menos de 90 minutos. A terceira quenda celebrarase unha semana despois, o xoves día 15, con Google Analytics: Iniciación á analítica Web. Tras ela, a seguinte será o luns 19 de febreiro, co curso Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone" Para rematar a actividade deste mes de febreiro, o mércores 21 terá lugar o curso Crea os teus propios informes: Google Data Studio e o martes 27, Aprende a promover a túa empresa con Pinterest. A oficina SmartPEME de Pontevedra, na sede Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Polo que respecta ás actividades previstas para Cambados, serán seis obradoiros no mes de febreiro. A actividade arranca esta sexta feira, 5 de febreiro, co obradoiro Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO. O seguinte, Woocommerce I–A solución para vender por internet, celebrarase o xoves 8 de febreiro. O terceiro obradoiro do mes nas oficinas de Cambados será Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas, o martes 13 de febreiro. Pola súa banda, o luns 19 de febreiro impartirase Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo. As dúas últimas citas do mes serán Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope..., o mércores 21 de febreiro, e Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, o mércores 28 de febreiro. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal. Todas as actividades comezan ás 19 horas.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co que se busca visibilizar o traballo das mulleres neste ámbito e fomentar a cultura científica entre as novas. Organizacións profesionais, fabricantes de xoguetes e ata Barrio Sésamo traballan para que o vello estereotipo do físico descoidado ou o enxeñeiro excéntrico deixe paso a novos modelos femininos.
Se metésemos a todos os estudantes universitarios de España nunha mesma clase, máis da metade serían mulleres, segundo os datos da OCDE, pero as porcentaxes cambian se analizamos cada especialidade. En ciencias, matemáticas e informática as estudantes representan o 30%, mentres que en enxeñería son o 23%. Estas disciplinas, reunidas baixo o acrónimo STEM, mostran unha fenda de xénero que profesionais, profesores e investigadores loitan por romper.
Segundo a oitava Enquisa de Percepción Social da Ciencia que leva a cabo a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o interese das mulleres por estes temas medrou nos últimos anos, pero segue por baixo do dos homes. Un bo número de iniciativas, nacionais e internacionais, buscan cambiar o panorama. Hai boas razóns. Unha delas é que a ausencia de investigadoras repercute sobre a calidade da ciencia, como se describía nun estudo publicado recentemente en Nature Human Behaviour.
A Fundación CNSE, e a Confederación Española de Familias de Persoas Xordas, FIAPAS, asinaron este luns a súa adhesión ao acordo marco de colaboración que manteñen a Fundación Vodafone España e a Fundación ONCE para impulsar a accesibilidade audiovisual.
Concha Díaz, presidenta da Fundación CNSE, e José Luis Aedo, presidente de FIAPAS, foron os encargados de asinar a adhesión de cada unha das partes xunto a Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, e José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
A Fundación Vodafone España e a Fundación ONCE manteñen un acordo de colaboración que inclúe a creación do fondo para o ‘Impulso da accesibilidade audiovisual' así como a posta en marcha dunha comunidade de voluntarios encargados de transcribir contidos audiovisuais. A partir de agora a Fundación CNSE e FIAPAS súmanse a ambas as propostas.
Ademais, traballarán para facilitar a transcrición de material académico en polo menos seis universidades españolas e para mellorar o acceso á aula de alumnos xordos ou doutros colectivos cuxa participación plena na actividade académica se vexa favorecida pola aplicación destas técnicas.
A Fundación Xeral CSIC e Envellecemento en rede lanzan a nova marca “EnR?|”, que desenvolve contidos e temáticas de actualidade sobre envellecemento, apoiados por elementos visuais, gráficos e multimedia. O seu obxectivo é converterse nunha plataforma web colaborativa de referencia como punto de encontro ciencia-sociedade ao redor desta temática. Un espazo para a interacción dos diferentes axentes interesados neste ámbito, heteroxéneo e multidisciplinar.
O fenómeno do envellecemento da poboación ocupa, pola súa importancia, un papel relevante nas diferentes estratexias e liñas de actuación das políticas de investigación e innovación das principais economías mundiais e europeas. É necesario que a ciencia aborde desde diversas áreas os problemas da poboación maior e desenvolver solucións, novas estruturas, modelos innovadores e aproximarse ao sector privado para permitir transformar en oportunidade o reto do envellecemento, mellorando a calidade de vida da nosa sociedade.
Son moitos os axentes que investigan, propoñen e experimentan solucións desde os ámbitos da saúde e a medicina, a discapacidade e a dependencia, a economía, os servizos e os recursos sociais, as infraestruturas, as tecnoloxías, a demografía, etc. A plataforma EnR?| pretende fomentar a participación de todos eles e dar voz aos profesionais e científicos deste ámbito, aglutinar as súas experiencias, impulsar solucións interdisciplinares e impactar no beneficio da sociedade.
Entre os contidos que se poden atopar na plataforma EnR?| áchanse artigos de actualidade e de opinión, entrevistas a expertos, informes de divulgación científica, boletíns, información infográfica, podcasts e calendario de eventos. Ademais, dispón dun buscador avanzado que facilita localizar o contido de interese.
Esta etapa de EnR?| xorde da colaboración entre a Fundación Xeral CSIC e o Laboratorio Envellecemento en rede do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía (IEGD) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa vocación de ser un referente en coñecemento e información contrastada, rigorosa e de calidade sobre investigación e innovación en envellecemento, tanto persoal como poboacional, cunha importante base documental e multimedia.
Ten a cara dun neno amigable e curioso e case da mesma altura. Pódese levantar, manterse en equilibrio sobre unha soa perna, detectar a presenza de xente e saudar coa súa man: esas son só algunhas das capacidades de iCub, o robot. Pode ser útil nunha chea de actividades: manufactura, coidados da saúde e axudar a persoas maiores a vivir nas súas casas por máis tempo.
Os investigadores que traballan no proxecto Andy tamén están a desenvolver expresións faciais para iCub, o que lle permitirá ser máis empático. “A visión que temos deste tipo de robot é o de asistente persoal, o cal pode ser adaptado de distintos modos, desde o robot para a rehabilitación ata un para asistencia,” di Giorgio Metta, vicedirector científico no IIT, o Instituto Italiano de Tecnoloxías en Xénova.
O coordinador do proxecto Daniele Pucci afonda máis nas funcións técnicas: "O robot ten varios sensores para entender como se move o humano,” explica. “A presenza do humano é detectada, primeiro, por visión. Despois, durante a interacción, o robot é capaz de establecer contacto co humano a través da súa ‘pel'. Por tanto, para permitir ao robot ser consciente das accións do humano, necesita estar equipado con sensores”.
O proxecto Andy executarase durante 4 anos ata finais de 2020. O seu orzamento, próximo aos 4 millóns de euros, é achegado totalmente pola Unión Europea.
O proxecto MyCyFAPP participado con fondos europeos desenvolveu unha ferramenta dixital para axudar aos pacientes de fibrose quística e ás súas familias para calcular a dose óptima de encimas. As probas clínicas comezan agora en 5 países europeos. O proxecto tamén desenvolveu un xogo que axuda aos nenos a entender como unha boa nutrición pode axudalos a mellorar o seu nivel de saúde.