O Kit de Activación Dixital, posto en marcha polo Concello da Coruña para atender a demanda dos axentes sociais e culturais (docentes, centros culturais, activistas, servizos sociais, traballadores de bibliotecas e profesionais en xeral de moi diversos ámbitos) de ferramentas accesibles e universais que favorezan a creación e distribución de contidos, está estes días aberto á participación directa da cidadanía. Segundo explican dende Coruña Dixital, recolleranse até o 28 de febreiro as contribucións de “todas aquelas persoas que teñan unha experiencia relacionada co audiovisual e as narrativas dixitais como ferramentas de traballo ou aprendizaxe no contexto da educación ou da transformación social”. O obxectivo: acadar entre todas e todos unha ferramenta máis completa e útil á comunidade.
A metodoloxía a seguir polos cidadáns que queiran achegar as súas propostas é esta: en primeiro lugar hai que acceder ao espazo web do Kit, e unha vez dentro, entrar no apartado de Achegas e cubrir un formulario online. Do mesmo xeito recóllense ideas, suxestións e dúbidas que teñan como obxectivo mellorar a guía metodolóxica do proxecto ou calquera outro apartado do mesmo. Segundo explican os responsables do Kit, a idea é que unha vez pechado o prazo de recollida, sexa posible elaborar un documento, que se habilitará para descarga en formato PDF e que “será a guía metodolóxica final”. Esta guía, xa definitiva, incorporarase á web o día 15 de marzo.
Para quen non o saiba, Kit de Activación Dixital é unha guía e un punto de encontro entre “persoas que fan e persoas que queren facer”, en palabras de Coruña Dixital, que engade que o proxecto pon en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, “pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos”. O Kit de Coruña Dixital está dispoñible para o público dende o 3 de febreiro. Detrás deste proxecto atópanse as seguintes entidades e colectivos: Coruña Dixital (Concello da Coruña), Gingko e La Mujer Forzuda.
Na tarde deste 14 de febreiro, coincidindo de maneira significativa co día de San Valentín (a festa por excelencia das e dos namorados), entregáronse en Vigo (no Museo do Mar de Galicia, a carón do Pergamiño Videl) os premios do certame Lingua de Namorar, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura e Educación) e a Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de promover a nosa lingua no ámbito das novas tecnoloxías da información. E co requirimento temático de que as creacións presentadas estean construídas, de maneira íntegra, para engaiolar ao destinatario ou destinataria. No acto de hoxe participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a escritora galega Rosalía Fernández Rial como condutora.
Durante a súa intervención Román Rodríguez salientou a importancia de “manter o galego como unha lingua dos afectos e das relacións persoais, de visualizala como o que sempre foi, a lingua do pobo de Galicia”, ao tempo que se avanza na súa presenza nos espazos formais, como a Administración.
O conselleiro explicou que as cantigas do Pergamiño Vindel “xa expresaban o amor en galego, tal e como o fixeron tamén os participantes neste certame Lingua de namorar”, demostrando que a lingua propia de Galicia non “só ten historia senón que tamén ten futuro; unha lingua de pergamiños, pero tamén de whatsapps”.
Os participantes no acto salientaron que o certame “foi un éxito”, xa que dobrou de maneira considerable a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1.509 mozos e mozas. Un total de 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.
De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A, Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado.
Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.
As gañadoras recibirán como premios un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea mini 9, un auricular Panasonic Diadema, unha smart TV Panasonic 32”, un smartphone Wiko 5” e unha cámara deportiva Mini Wifi 2”, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel, conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018 e mais un diploma acreditativo. Toda a información e textos gañadores está xa dispoiíble na web Lingua.gal.
As vítimas de infartos cerebrais que perden unha parte da mobilidade do seu corpo sométense a tratamentos de fisioterapia, mentres que as terapias baseadas no adestramento da atención resérvanse para pacientes con trastornos cognitivos como dificultades da aprendizaxe ou de memoria.
Investigadores do Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL) de San Sebastián e o Imperial Collegue de Londres analizaron durante máis de tres anos a arquitectura das lesións no cerebro de pacientes con ictus. O seu traballo propón unha nova terapia para os problemas de mobilidade que causan os ictus isquémicos.
O estudo, publicado na revista PNAS, abriu a porta a unha nova vía terapéutica que consiste en complementar os tratamentos físicos que reciben estes pacientes con terapias de carácter atencional, como o traballo con videoxogos.
Tras analizar con precisión os patróns de lesións no cerebro, os autores comprenderon mellor os problemas motrices que sofren os pacientes con infarto cerebral.
Segundo afirma o experto do BCBL David Soto, “os pacientes con lesións en zonas de control da atención do cerebro tamén teñen problemas no control da motricidade, mesmo cando o movemento requirido pola tarefa é moi simple”.
Os científicos centráronse en explorar o alcance e localización das lesións cerebrais de 167 pacientes de ictus durante máis de tres anos. A través dun ‘mapeo' realizado con resonancia magnética, identificaron a parte afectada e o tipo e tamaño da lesión, e analizaron a conectividade entre as diferentes zonas do cerebro.
A continuación, someteron aos pacientes a diversas tarefas motoras, algunhas moi sinxelas, como agarrar con forza un obxecto. Tras as probas, os investigadores comprobaron que esas tarefas quedaban “deterioradas” naqueles pacientes que tiñan lesións na zona do cerebro “involucrada” na atención.
Novas vías terapéuticas
Os expertos subliñan a importancia das partes atencionais do cerebro no control do movemento, o que “pode tamén suxerir algunhas vías terapéuticas”, como complementar “as terapias motoras baseadas en fisioterapia con outro tipo de adestramento cognitivo que aumente a atención nos pacientes”. Un exemplo sería o traballo con videoxogos.
David Soto explica que antes deste estudo pensábase que o control do movemento e o aspecto atencional eran “sistemas diferentes” con pouca relación entre si, e que os tratamentos habilitados para os pacientes con lesións cognitivas poderían non servir para os que tiñan problemas motrices. Con todo, as conclusións desta investigación mostraron o contrario.
“Temos que coñecer primeiro como controla a atención e o movemento o noso cerebro para deseñar ferramentas terapéuticas eficaces en pacientes con ictus e terapias específicas para cada individuo dependendo de onde se produciu a lesión”, conclúe Soto.
Para corroborar estes resultados, o seguinte paso será establecer un ensaio clínico con pacientes que sofren trastornos motores por culpa dun ictus e dividilos en dous grupos: un deles sometido a tratamento con fisioterapia e o outro, cun adestramento cognitivo complementario.
Os números mostran que as investigadoras publican menos, obteñen menos financiamento e progresan menos na súa carreira. Con todo, hai quen segue pensando que a fenda de xénero é unha construción ideolóxica. O primeiro paso para solucionar o problema é crer que existe, algo máis difícil do que parece entre parte da comunidade científica.
Nos últimos anos, numerosos estudos analizaron a existencia, alcance e causas da fenda de xénero na ciencia e na tecnoloxía. Hai menos investigadoras que publican menos, obteñen menos financiamento e progresan menos na súa carreira. Os datos apoian a existencia dun rumbo do que algúns aínda dubidan mesmo dentro da comunidade científica. ¿A que se debe tal negacionismo?
“Con este tema aos científicos cústanos moito actuar como científicos, non como persoas, e recoñecer que os nosos rumbos son reais”, comenta a Sinc a investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Teresa Valdés-Solís. “Como vai pasar isto se a ciencia é obxectiva e os concursos de méritos son todos iguais! É imposible que o meu xuízo sobre un currículo dependa do xénero!”, chancea esta doutora e enxeñeira química.
O escepticismo diferénciase do negacionismo en que, mentres que o primeiro pide evidencias, o segundo rexéitaas. Esta actitude xa foi estudada en relación co cambio climático, o fracking, a evolución biolóxica e a enerxía nuclear. En 2015, un estudo na revista The ANNALS of the American Academy of Political and Social Science analizaba ata que punto a política domina as opinións sobre ciencia. Os seus autores mostraban que o partido ao que votamos, a nosa ideoloxía política, os valores persoais e a relixión desempeñan un papel fundamental para decidir que feitos aceptamos e de cales dubidamos.
Con motivo do Mobile World Congress presentarase o Deep Learning ou aprendizaxe profunda que tamén terá unha aplicación destacada no ámbito da identificación, a interpretación e a categorización de imaxes, con aplicacións no campo dos videoxogos, as industrias culturais ou a medicina. O Centro de Excelencia en Big Data de Barcelona destaca que o móbil actúa “como un sensor máis” na recompilación de datos.
Máis información na Web de Big Data Coe Barcelona.
O obxectivo principal das xornadas é o de contribuír a mellorar a reflexión ante as necesidades que comportan a posta en marcha e consolidación das iniciativas empresariais dos emprendedores galegos.
Cada xornada, do 19 ao 23 de febreiro, traballarase un tema de interese para poñer en marcha ou consolidar o proxecto empresarial.
A entrada é de balde e o aforo limitado a 50 persoas cada xornada.
O CEIP de Laredo (Chapela, Redondela), un dos nosos principais referentes en afianzamento das tecnoloxías no día a día das/os escolares, comezou ano con forza no que a participación en certames tecnolóxicos se refire. Se recentemente falamos da súa presenza no proxecto educativo-aeroespacial Hana (no que concorre como centro piloto), hoxe puidemos saber que o seu proxecto Donas do Código foi un dos tres seleccionados, de entre 300 centros aspirantes a nivel estatal e latinoamericano, para parar á rolda final do Premio Wisibilízalas, convocado por Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, visualizando figuras referentes nestes eidos. O proxecto galego, finalista na categoría junior con outras dúas achegas, foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.
Utilizas Whatsapp? Coñeces todas as súas funcionalidades?
Neste curso aprenderemos moitas funcións descoñecidas, pequenos trucos que poden facerche a experiencia máis fácil á hora de usar a aplicación.
A que esperas para sacarlle o máximo partido a WhatsApp?
As novas tecnoloxías da información estarán moi presentes na vindeira iniciativa a prol da mocidade da Deputación da Coruña. Trátase, máis polo miúdo, dunha batería de programas de formación e prácticas para 90 mozos e mozas da provincia. Os sectores nos que se formarán serán as TIC e o turismo. A iniciativa, PEL Emprego Xuvenil, foi aprobada polo Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro da súa convocatoria de axudas destinadas á integración sustentable de persoas novas no mercado de traballo. A Deputación da Coruña recibiu 490.820 euros do FSE, que constitúen máis do 30% das axudas concedidas ás entidades locais da provincia, e, segundo engade a entidade provincial, unha cuarta parte dos fondos acadados para toda Galicia.
Esta axuda servirá para financiar algo máis da metade do orzamento total do proxecto, mentres que o resto, ata chegar a 868.695 euros, será aportado pola propia Deputación.
A Deputación desenvolve esta iniciativa dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL), un plan estratéxico que abrangue todos os recursos e actuacións destinados a fomentar a creación de emprego. Esta acción en concreto, PEL Emprego Xuvenil, está destinada aos mozos e mozas dos concellos coruñeses de entre 16 e 30 anos, e consistirá en seis itinerarios que incluirán formación específica e prácticas profesionais en empresas da provincia.
Para a escolma dos itinerarios que se ofertarán, a Deputación realizou un estudo do contexto socioeconómico nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes. Na investigación a entidade provincial achou que a maioría das ofertas de traballo diríxense a profesionais con capacitación nos sectores das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a promoción turística, polo que este nicho de mercado sería, en palabras da institución, “o máis axeitado para asegurar a inserción laboral dos participantes”.
Así mesmo, os contidos de cada itinerario responden ás competencias máis demandas e necesarias para acceder a postos de traballo de calidade, e contribuír ao mesmo tempo ao desenvolvemento dos concellos.
Tres dos percorridos formativos estarán centrados no eido da informática e as novas tecnoloxías, coas especialidades de sistemas de xestión de información, seguridade informática e administración de bases de datos. De maneira complementaria, inclúese tamén un curso de 70 horas sobre manexo de aeronaves pilotadas en remoto ou drons e outro sobre redes sociais.
Por outra banda, na área do turismo ofreceranse tres itinerarios especializados en creación e xestión de viaxes e eventos, venta de produtos e servizos turísticos e promoción turística local e información ao visitante. Neste caso, os participantes recibirán tamén un curso de 50 horas sobre mercadotecnia aplicada ao turismo e realizarán un obradoiro de emprendemento cooperativo, que consistirá na creación de iniciativas que promovan destinos turísticos intelixentes.