Para miles de persoas a súa lingua materna é a lingua de signos, polo que é fundamental que xurdan iniciativas para a súa difusión e normalización, e iso é o que conseguen proxectos como Movistar+ 5S.
Este servizo de Telefónica ofrece ás persoas xordas contidos audiovisuais, como películas, series ou documentais, en lingua de signos, ademais de con outras axudas como subtitulado ou audiodescrición.
Pero ademais, a oferta de contido en LSE nunha plataforma como Movistar+ supón un grande paso cara á normalización e a promoción do uso desta lingua, o que sen dúbida é un dos grandes obxectivos deste Día Internacional da Lingua Materna.
Neste sentido, a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) súmase á declaración da Unesco na que defende a necesidade de preservar a diversidade lingüística e promover o plurilingüismo.
Así mesmo, a confederación reclama que o desenvolvemento regulamentario da lei que recoñece a existencia das linguas de signos españolas (27/2007) inclúa un apartado específico no que se recollan aspectos relativos á protección e promoción destas linguas, ademais do relacionado coa accesibilidade.
En definitiva, é fundamental a total normalización do uso da LSE, estendendo a súa incorporación a todo tipo de contidos dixitais e audiovisuais. Aínda queda moito camiño por percorrer, pero iniciativas como Movistar+ 5S van na dirección correcta e convértena na primeira plataforma de televisión accesible do mundo.
Sen dúbida, este tipo de iniciativas e servizos deben de ser reivindicados nun día no que se celebra a existencia das linguas maternas.
Este encontro tratou de proporcionar unha visión xeral das iniciativas e proxectos que existen na Unión Europea sobre solucións dixitais innovadoras que apoien a prestación de servizos en áreas rurais. Desta forma, os participantes poden aprender destas iniciativas, compartir leccións aprendidas e enfoques diferentes para abordar os desafíos e oportunidades que xorden no ámbito da innovación dixital e a súa aplicación a contornas rurais.
Ademais presentáronse as ‘Condicións básicas para dixitalizar os servizos rurais: a situación da cobertura de banda larga da UE e a necesidade de estimular a demanda'. Tamén se abordou o papel dos Programas de Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e doutras políticas na creación dunha contorna propicia para a innovación dixital na provisión de servizos rurais.
Esta é a terceira reunión do Grupo Temático ‘Smart Villages' dentro dun traballo máis amplo sobre zonas rurais intelixentes e competitivas e, ademais, contribúe ao plan de acción da UE ao redor das ‘smart villages'. Os resultados da reunión presentaranse durante o seminario da Rede Europea de Desenvolvemento Rural sobre ‘Smart Villages', que se celebrará o 22 de maio.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta, o día 27 de febreiro, os dous novos programas formativos que vai poñer en marcha, #MesD e #DemosXWeb, no marco da Xornada: “Marketing Dixital e Comercio Electrónico: Tendencias 2018-2020” (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-novos-programas-cdtic).
Durante a Xornada, Rubén Bastón, director da revista Marketing4ecommerce e especializado en social media e contidos dixitais en Elogia, esbozará as tendencias en Comercio Electrónico e Marketing Dixital que gañarán peso nos vindeiros anos, motivados por un escenario de constante evolución, tanto tecnolóxica como cultural. A continuación as pemes tomarán a palabra nunha mesa de debate onde compartirán a súa experiencia na venta dos seus produtos e servizos a través de internet.
Esta actividade, que poderá seguirse nas redes sociais a través do hashtag #eTendencias2020, está destinada principalmente a cargos directivos, propietarios e persoal de pequenas e medianas empresas. Para asistir cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-novos-programas-cdtic) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.
Programa #MesD
Trátase dun programa que se desenvolverá ao longo de sesións formativas concentradas cada mes nun tema amplo e cunha duración aproximada de dúas horas.
O primeiro bloque temático estará centrado no Comercio Electrónico. Desenvolverase ao longo do mes de marzo, todos os martes, na aula CeMIT de Vigo. Nestas xornadas abordaranse os seguintes aspectos: claves para o éxito, prezos e competencia, campañas e promocións, plataformas tecnolóxicas e tendas.
O segundo bloque temático, que se celebrará no mes de maio, estará dedicado ao Marketing Dixital, con sesións sobre o marketing de buscadores, marketing en redes sociais, email marketing ou analítica de resultados web.
Programa #DemosXWeb
Estoutro programa desenvolverase a través de sesións demostrativas dunha hora, que se retransmitirán exclusivamente por streaming, e que tratarán sobre unha ferramenta, aplicación ou tema concreto. O obxectivo deste formato é ter unha explicación rápida e cómoda para o receptor, que non ten que desprazarse.
Inicialmente, os temas que se van tratar nestas sesións serán: redes e internet, marketing, comercio electrónico, mobilidade, produtividade e negocios, multimedia e utilidades.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de iniciar un ciclo de vinte charlas informativas sobre o uso de dispositivos móbiles dirixidas a persoas maiores.
Os contidos, explicados dunha forma amena e sinxela, están orientados para que os asistentes saquen o máximo partido do uso habitual da tecnoloxía, novas aplicacións e recursos que facilitan a vida cotiá como o orientados á planificación de viaxes, os trámites electrónicos, a fotografía e o vídeo, os pagos por internet ou as aplicacións relacionadas coa saúde e os coidados para una madurez mais activa.
Estas actividades informativas son gratuítas e desenvolveranse ata 23 de marzo, inclusive, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Estas charlas poden seguirse en streaming dende calquera das dezaoito aulas CeMIT que participan e que ofertan un total de 600 prazas.
As aulas que retransmitirán algunha ou todas estas actividade son: Ames, Arzúa, Bande, Beariz, Boiro, Campo Lameiro, Carballedo, Celanova, Cuntis, Fisterra, Leiro, Marín, Oroso, Ortigueira, Pontevedra, Ribadeo, Valga e Xunqueira de Ambía.
É recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada unha das charlas ou inscribirse a través de internet no web https://cemit.xunta.es, para acudir as sesións presenciais, sendo o único requisito esixible o de ser usuario da rede CeMIT.
Aliad@s Dixitais
FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales a aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior) agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos séniors.
A Aula CeMIT do Concello de Ponteareas vén de retomar a súa actividade, logo do cambio de ano, con novos cursos de balde sobre diferentes aspectos da informática e todos co nexo común de impulsar a alfabetización dixital da cidadanía. Segundo informa a Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Benito Márquez, da que depende o centro, a aula seguirá ofrecendo os seus servizos até decembro deste ano 2018 gracias ao convenio de colaboración entre o Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA). Estes obradoiros están dirixidos a tódolos tramos de idade co obxectivo de “formar, actualizar os currículos do alumnado e, sobre todo, achegar a informática e as novas tecnoloxías a toda a cidadanía”, explican dende a Concellería.
Haberá cursos (todos de balde) sobre o manexo de Excel, edición informática ou sobre ofimática en xeral. Ao longo do ano tamén haberá obradoiros específicos, como por exemplo manexo de Facturaplus que serán anunciados na páxina web do Concello. O horario destas actividades será de 16:00 horas a 21:00 horas e están abertas a toda veciñanza de Ponteareas. “O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola brecha dixital”, explica Benito Márquez, engadindo que “tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEME as vantaxes da Sociedade da Información”. O edil tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.
Hoxe remata o prazo para presentar contribucións a unha das grandes novidades da edición 2018 do certame Youtubeir@s. Estamos a falar do apartado Premio do público, unha categoría na que poden participar as persoas usuarias de Facebook, e poderán facelo propoñendo (cun comentario no perfil de Youtubeir@s) un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. Con todas as contribucións recibidas crearase un álbum na páxina de Facebook do certame para que todo o mundo poida votar polos seus vídeos favoritos, a través de “gústame”. Esta votación realizarase do 25 de febreiro ao 15 de marzo.
Os cinco vídeos que reciban máis “gústame” nese prazo pasarán ao xurado dos premios. Deles escollerase, seguindo os criterios das bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira, valorado en 500 €.O certame Youtubeir@s, que vai pola súa segunda edición, ten o obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua, fomentando a creatividade con temas propios e xerando referentes en galego. O proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove), das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. A convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Nos galardóns poderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. As pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición.
Os devanditos 5.500 euros repartiranse nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como dixemos antes, a través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.
Na xornada do Amigus Labs • Maker 18.2 seguiremos traballando cos nosos prototipos, mediante Arduino e Raspberry PI, avanzaremos no prototipo da instalación interactiva, unha instalación manexada mediante o internet, onde os usuarios podrán interactuar cos obxectos fabricados no Fab Lab pontés.
Tras as probas na pasada sesión do mes de febreiro do robot velocista, levaremos acabo a montaxe dos robots velocistas de competición, pequenos vehículos intelixentes de carreiras, controlados por un microcontrolador ATmega328 con micromotores, Bluetooth e repleto de sensores, cámaras…
Outro equipo de traballo pondrá a punto a CNC, cos últimos retoques na estrutura para poñela a pleno rendemento.
Dentro da zoa Amigus Labs Kids comezaremos un novo proxecto realizaremos durante as vindeiras 4 sesións; a creación de reloxos dixitais. Nesta primeira sesión analizaremos o produto, aprenderemos a modelar en 3D e como imprimir as nosas pezas nas impresoras 3D.
O vindeiro 3 de marzo, no Lar de Endesa en As Pontes, terá lugar unha nova xornada de traballo dos Amigus Labs, os espazos cooperativos de arte, creación dixital e formación organizados pola asociación Amigus. A nova xornada, o encontro Maker 18.2, os participantes entrarán en contacto cos prototipos cos que se veñen traballando nos obradoiros previos, prototipos con base en Arduino e Raspberry PI. A xeito de exemplo, avanzarase no camiño iniciado no laboratorio de febreiro cun robot velocista, levando a cabo a montaxe de máquinas “corredoras” de competición, pequenos vehículos intelixentes de carreiras, controlados por un microcontrolador ATmega328 con micromotores, Bluetooth e equipado con sensores, cámaras e demais elementos de recoñecemento.
Outro equipo de traballo porá a punto a fresadora CNC, cos últimos retoques na estrutura para poñela a pleno rendemento. Ao abeiro do recanto Amigus Labs Kids comezarase un novo proxecto que será madurado ao longo dos vindeiras catro sesións; a creación de reloxos dixitais. Nesta primeira sesión analizarase o produto, aprenderase a modelar en 3D e a imprimir as pezas resultantes nas impresoras 3D. Segundo informa Amigus, é recomendable carrexar á sesión un portátil ou PC para traballar cada un no seu propio equipo. A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde. Tódalas actividades realizaranse en horario de 11:00 a 20:00 horas, facendo unha parada para xantar, de 14:00 a 16:00, no propio Lar, cun prezo de 15€/persoa (opcional). Para asistir ao laboratorio tamén podemos acudir equipados co noso computador e todo o necesario para poder conectalo a un só enchufe. Podemos inscribirnos no obradoiro (antes do 1 de marzo) a través do seguinte correo: amigus@amiguslabs.org. Organizan: Asociación Informática Amigus, Amigus Labs e Merca Nas Pontes.
Entre as empresas galegas que van ter presenza na edición 2018 do salón Mobile World Congress de Barcelona atópase a firma Tecalis Innovación, con sede de seu no Milladoiro (Ames). Tecalis, segundo acaba de informar, presentará na dita feira a plataforma Signen, unha tecnoloxía de seu que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos, algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo.
Signen, o primeiro produto propio da empresa galega, ten importantes potencialidades para unha manchea de sectores. A súa presenza no salón Mobile World Congress, que se celebra a partir do 26 de febreiro, está a xerar interese. “Mesmo dende unha moi coñecida multinacional tecnolóxica estadounidense que cotiza en NASDAQ”, informa Tecalis.
A plataforma Signen, amais de polo devandito, tamén salienta por ser doada de empregar, botando man da mesma filosofía accesible que WeTransfer, por poñer un exemplo ilustrativo. A metodoloxía que mostra é ben sinxela: modelo open cun email do emisor, email do/os receptor/es, documento que se adxunta, elixir método de sinatura-aceptación e validación final da firma.
A tecnoloxía de Tecalis, ademais, pode empregarse para contratos privados entre persoas (compravenda, aluguer de inmobles, acordos de carácter privado, etc) e pode usarse entre empresas (acordos mercantís, en sinaturas de contratos e en todo tipo de documentos), e tamén inclúe unha API aberta que permite integrar Signen cos programas de xestión da nosa compañía.
Lembrar tamén que a plataforma está elaborada con tecnoloxía Blockchain, que garante a máxima seguridade, e é de balde. Pode usarse en versión web ou en versión aplicación móbil para dispositivos con iOS ou con Android.