“Mozos, entusiastas, positivos, optimistas e dixitais”, así se definen os máis de 1500 hackers que se darán cita para os días 8, 9 e 10 de marzo en 11 cidades españolas, co fin de propoñer solucións tecnolóxicas innovadoras que dean resposta a unha serie de retos sociais expostos pola cidadanía en xeral, e todo iso co fin de construír un mundo mellor aproveitando a onda de progreso que supón estar xa inmersos nunha “Sociedade Dixital”.
Os retos son unha parte importante deste encontro, sobre todo porque poden ser propostos por calquera persoa ou organización a través da web http://www.hackforgood.net, e están asociados aos premios e universidade ou entidade que os concede.
Durante este hackathon, os hackers desenvolverán aplicacións asociadas aos retos sociais nun tempo record, valorando moito a formación de equipos “multidisciplinares” que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc.
No encontro, valorarase a creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackathon e o impacto social das mesmas. Con todo iso, os participantes poderán acceder a tres categorías de premios: locais, globais e Big Day.
Participan nesta edición as seguintes 20 universidades: U. Politécnica de Madrid, U. Complutense de Madrid, U. Rey Juan Carlos, U. Internacional da Rioxa, U. Europea, U. Francisco de Vitoria, U. Politécnica de Cataluña, U. de Barcelona, U. Pompeu Fabra, U. de Valladolid, U. Salamanca, U. Pontificia de Salamanca, U. Católica de Murcia, U. Politécnica de Valencia, U. de Castela A Mancha, U. de Las Palmas de Gran Canaria, U. de Sevilla, U. de Estremadura e U. de Vigo. Ademais, tamén impulsa esta iniciativa a Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía (ESNE).
Xa se albisca ao lonxe a edición 2018 das Xorrnadas de Automatización Industrial (as JAI, polas súas siglas en inglés), con toda probabilidade o evento galego e estatal que máis ten feito por preparar o terreo do que hoxe en día se coñece como Industria 4.0, e tamén un dos máis referenciais á hora de tender pontes entre as empresas do sector (o elemento contratador) e o alumnado (o futuro equipo profesional desas empresas). A sétima edición das JAI, que se celebran do 12 ao 16 de marzo na Escola de Enxeñaría Industrial, foi presentada hoxe nos seus detalles polo coordinador e impulsar das xornadas, o profesor José Ignacio Armesto, e máis polo reitor, Salustiano Mato, quen adiantou que “todo indica que as JAI poderán dar en breve o salto e converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no noroeste español”. O evento contará coa participación de máis 700 profesionais das principais empresas do sector, 400 estudantes e un convidado de excepción: o robot humanoide Yao, que hoxe amosou as súas habilidades.
Segundo fixeron saber Armesto e Mato, estes encontros oriéntanse á difusión das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización industrial, combinando as presentacións e conferencias impartidas por líderes sobranceiros no seu sector e por profesionais da industria, institucións e centros tecnolóxicos, achegándose un showroomcon 35 postos nos que mostrar a vangarda destas tecnoloxías.
Armesto e Mato tamén sinalaron que gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI (dúas ducias de firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se suman outras como entidades colaboradoras) son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no mellor dos casos”.
Armesto tamén lembrou que no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos. O programa arrancará o luns 12 de marzo e logo da apertura oficial artellarase en diferentes conferencias. A primeira, correrá a cargo de Juan José Areal, responsable do Proxecto de Innovación en Proceso do Grupo PSA, que falará sobre automoción 4.0. e seguiranlle membros de Repsol (industria de proceso), Navantia (estaleiro 4.0), HP (vantaxes da tecnoloxía 3D) ou Kuka (robótica).
Dixitalizadas, unha iniciativa estatal para achegar o coñecemento tecnolóxico a 5.000 mulleres da contorna rural, vai coller pulo na nosa terra. Aproximarnos aos obxectivos desta iniciativa que quere favorecer a inclusión TIC das áreas non urbanas, hoxe en día en claro risco de verse perpetuadas na fenda dixital (a que separa as contornas sociais plenamente afianzadas no uso diario das ferramentas tecnolóxicas e as redes de coñecemento das que non o están), é o gran obxectivo da cita deste 2 de marzo, prevista para o Hotel dos Reis Católicos de Compostela e en horario de 12.00 a 13.00 horas. A convocatoria servirá para presentar o programa Dixitalizadas e para poñelo en marcha dende Galicia.
O acto será presidido pola raíña Leticia, por representantes das Administracións galega e estatal e polos responsables das entidades que desenvolven o programa, que son o xigante tecnolóxico Google e máis as entidades sociais Fundación Cibervoluntarios e a Fundación Mulleres. Máis polo miúdo, participarán Francisco Ruiz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España, María Soleto, directora e vicepresidenta da Fundación Mulleres, Yolanda Rueda, presidenta da Fundación Cibervoluntarios, Dolors Montserrat, ministra de Sanidade, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
Os responsables da iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña) veñen de anunciar o vindeiro desenvolvemento de proxectos de aplicación para as necesidades da cidade. As xeiras de traballo comezarán o 3 de marzo (de 11:00 a 20:00 no centro Ágora) e prolongarase alomenos até o mes de xuño, nos primeiros sábados de cada mes. Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”.
Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e con capacidade transformadora”.
Segundo engade o Concello a conto destes obradoiros, Coruña Hacks responde a estas liñas, ao igual que outros proxectos apoiados no seu momento por Coruña Dixital, como o primeiro Hackatiño de Datos Abertos e a súa segunda edición, que desenvolveu catro proxectos de aplicacións para mellorar a mobilidade na cidade. Neste intre as actividades atópanse en proceso de coller corpo definitivo, sobre todo no que se refire ao seu programa de relatores e temáticas concretas a tratar. Para perfilalo, Coruña Hacks está a recoller ideas e propostas na súa web, tanto de particulares como de colectivos, cun interese especial en suxestións que teñan que ver con necesidades da cidade, das súas asociacións e entidades, para traballar en resolvelas dende a perspectiva do código aberto, para, a partir de marzo, comezar a traballar.
A campaña ambiental e sustentable Longa vida aos teus aparellos electrónicos! está a piques de rematar en Compostela. Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de concienciación e participación obtidos, os impulsores da iniciativa (o Concello de Santiago e a empresa Teimas a través de Tropa Verde) van organizar este 6 de marzo unha xornada de divulgación, O papel das cidades na Economía Circular. A cita será no edificio CERSIA e contará con relatores de referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en en desuso.
Quen queira participar na xornada pode facelo enviando os seus datos á conta de correo comunicacion@revertia.com. A sesión de clausura insírese como dixemos na campaña Longa vida aos teus aparellos electrónicos!, un programa posto en marcha para fomentar a captación e o tratamento axeitado de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, aumentando as porcentaxes de reutilización e reciclaxe. A campaña foi posta en marcha polo Concello de Santiago de Compostela xunto coas empresas Teimas Desenvolvemento, Revertia e Recyclia. A finalidade foi “incentivar a responsabilidade ambiental nos cidadáns e cidadás de Santiago de Compostela e mellorar os índices de reutilización e reciclaxe destes residuos e prever así graves problemas de contaminación da auga, do chan e emisións de substancias tóxicas”.
Na presentación da iniciativa, celebrada o ano pasado, explicábase que para participar na mesma cumpría un rexistro previo na plataforma web tropaverde.org co fin de ir xuntando estrelas pola entrega de residuos eléctricos e electrónicos nos 14 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e polideportivos (as estrelas podíanse trocar despois por premios e descontos nos establecementos de Santiago que patrocinan o programa, premios entre os que se inclúe o sorteo, precisamente, de dous portátiles e dous teléfonos móbiles).
Na campaña incluíuse a recollida de equipos de informática e comunicacións como PC, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de cabelo, torradoras, cepillos de dentes eléctricos, tabletas, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén apañaron pilas e baterías.
A Fundación Barrié abriu o xoves 22 de febreiro, a quinta convocatoria de máis Social.
Máis Social, é un programa innovador da Fundación Barrié dirixido ao fortalecemento do Terceiro Sector, a través do cal, desde o ano 2011, facilita ás entidades sociais medios e estratexias dirixidas a optimizar a súa xestión e promover un modelo de acción social economicamente sustentable.
65 prazas para reforzar a comunicación externa das entidades non lucrativas galegas de acción social
O eixo da convocatoria Máis Social 2018-2019 oriéntase fundamentalmente a reforzar a comunicación externa das organizacións non lucrativas, por entender que a comunicación ten un valor estratéxico na xestión das organizacións e que a súa planificación é fundamental non só para mellorar a maneira de chegar aos seus grupos de interese, senón tamén para obter o pleno recoñecemento do valor social e tamén económico que estas entidades achegan á sociedade.
A Fundación Barrié asume integramente o custo das 65 prazas que se ofertan nesta convocatoria e que se distribúen en varias liñas de apoio.
A Asociación Arela e a Fundación Barrié constatan, desde hai tempo, como se incrementaron as diferentes problemáticas relacionadas co uso polos máis novos das novas tecnoloxías, así como a necesidade de realizar unha reflexión por parte do alumnado, docentes e profesionais da intervención, en xeral.
Por iso, baixo o lema “2018: enreda na rede”, realizaranse ao longo dos próximos meses, unha serie de actividades orientadas á toma de conciencia sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes (as súas vantaxes, os seus inconvenientes e os seus riscos por un uso inadecuado ou excesivo: sexting, grooming, ciberacoso escolar, gambling…) así como a identificar, por parte da comunidade educativa e profesional, condutas inapropiadas aprendendo estratexias para modificalas.
Concurso de deseño
Co obxectivo de fomentar o debate na aula sobre o uso das novas tecnoloxías, e de que os estudantes reflexionen sobre a utilización das redes sociais, achegando a súa visión persoal, ponse en marcha un concurso de deseño baseado na creación dun eslogan e unha representación gráfica sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes. O deseño máis valorado será utilizado para unha tirada de camisetas para a aula gañadora ou á que pertenza o autor/a do mesmo.
Está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2017-2018 en centros educativos de Galicia en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional, quen pode presentar as súas propostas entre o 15 de febreiro e o 15 de abril de 2018.
Máis información e bases en: http://www.fundacionbarrie.org/concurso-enredanarede-ktorce18
Taller para estudantes de ESO e bacharelato – Programa Desconecta
Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta, impartirá un taller destinado a estudantes de ESO e bacharelato, de carácter participativo, e actividades que proporcionarán o grao de dependencia ás novas tecnoloxías.
Data: 3 de maio 2018
Lugar: sede da Fundación, A Coruña (Cantón Grande, 9)
Hora: xornada de mañá
Inscricións: 986 212 537 ana@arela.org
Actividade sen custo
Xornada formativa para profesionais
O mesmo 3 de maio, pola tarde, celebrarase na sede da Fundación Barrié da Coruña unha xornada formativa para os profesionais da educación e a intervención social, que ten como obxectivo xeral crear un espazo de formación e reflexión sobre o uso das redes sociais entre adolescentes e como inflúe nos centros educativos, para poder identificar condutas inapropiadas e aprender estratexias para modificalas, así como coñecer experiencias destacadas no ámbito do traballo do bo uso das novas tecnoloxías.
Tamén contará coa participación de Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta. así como doutros profesionais vinculados a esta temática.
O prazo de inscrición á xornada abrirase a partir do mes de marzo.
Programa Ktorce-18 de prevención de condutas infractoras
“2018: enreda na rede” forma parte de Ktorce-18, unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación Arela, que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (pais, alumnado e profesorado) e que chegou a máis de 28.000 participantes desde a súa posta en marcha no ano 2012.
O programa KTORCE-18 seguirá tendo o seu eixo fundamental da intervención no contexto escolar na realización de charlas, para o alumnado e profesorado, así como para familias, convocadas polos departamentos de Servizos Sociais dos Concellos de Galicia.
Esta intervención ten o obxectivo xeral de tentar previr a comisión de feitos delituosos entre adolescentes, así como dar a coñecer o contido da Lei do Menor á sociedade. As charlas Ktorce18 pódense solicitar directamente a través das webs das entidades organizadoras: www.fbarrie.org e https://www.arela.org.
Máis información en:
Asociación ARELA
Rúa: Ernesto Lecuona, 11 baixo. 36205 Vigo
Persoa de contacto: Xullo Barreiro González
Teléfono: 986 21 25 37
Web: http://www.fundacionbarrie.org/ktorce-18
A aula CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) de Ferrol ofreceu o pasado ano preto de 500 horas de formación, destacando na súa maioría a referente á alfabetización dixital –iniciación á informática, ofimática, redes sociais, etc.–.
Ás devanditas actividades de 2017 acudiron un total de 273 persoas e, actualmente, o espazo situado no terceiro piso do Edificio Adiministrativo da Xunta –Praza Camilo José Cela– conta con 1.133 usuarios –un 1,7% da poboación total do municipio–, segundo datos facilitados pola administración autonómica, de quen depende a Rede CeMIT.
En canto ao perfil das persoas que fan uso deste servizo, a media é muller cunha idade entre 45 e 60 anos. Así, do número de usuarios totais, o 81 por cento son mulleres e o 19% restante homes e, por idade, o 66% dos usuarios teñen máis de 45 anos.
Actividades
A aula CeMIT de Ferrol é un dos 98 espazos públicos destas carcaterísticas existentes en Galicia –na comarca hai oito: Ferrol, Narón, Ares, Mugardos, Pontedeume, San Sadurniño, Ortigueira e As Pontes– que teñen a finalidade de conseguir a alfabetización dixital e a inclusión tecnolóxica dos seus habitantes, “de tal maneira que todo galego ten unha aula a media hora de distancia do seu fogar e pode acceder á formación presencial e tamén formación on-line desde calquera punto”, indica a Xunta.
A Rede caracterízase pola impartición de actividades formativas no campo da alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital, polo que actualmente na cidade naval están a levarse a cabo cursos de iniciación á informática e outros algo máis avanzados en colaboración coa Casa da Muller –referidos a un dos lotes de actividades ofertados no devandito espazo, xunto cos de empoderamento feminino e o primeiro lote referido ás áreas de desenvolvemento persoal e actividades cognitivas e físicas–, que comezaron o pasado mes de outubro e finalizarán en maio.
Así mesmo, a aula ferrolá tamén ten planificado realizar actividades no mes de outubro en colaboración con outras entidades con presenza na cidade como CCOO ou a ONCE.
Un dos obxectivos principais da Rede, tal e como sinalan desde a súa dirección, é “promover ou uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a Pemes e Micropemes as vantaxes da sociedade da información”.
Ademais, esta plataforma habilitouse para a formación e avaliación dos contidos para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática (CODIX) en maio de 2014, polo que foron máis de 5.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación tutorizada e 3.752 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.400 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte de Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas na aulas CeMIT.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de completar a renovación de 133 ultraportátiles para o alumnado dos 3 centros educativos da Comarca de Bergantiños, de 1.111 ultraportátiles para o alumnado dos 11 centros educativos das Comarcas de Santiago, Ordes e Sar e de 403 ultraportátiles para o alumnado dos 8 centros educativos das Comarcas da Mariña adheridos á iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar.
Os novos equipos dos alumnos poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e traen integradas un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías como imaxes en 3D de planetas, táboa periódica ou editor de moléculas para ciencias; dicionarios para as materias de lingua; apps de experimentos e circuitos eléctricos para física ou de operacións e gráficas para matemáticas, entre outras.
A renovación de equipamento é unha das melloras previstas pola Xunta para impulsar a extensión do libro dixital nos centros educativos galegos, á que se suman a posta en marcha dun Servizo de Soporte Premium, a ampliación de contidos e a mellora da conectividade dos centros.
Servizo Premium
Este ano activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica, online, email, apps..); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
Alumnado, docentes e familias terán neste servizo unha única vía de atención, a través de diferentes canles para todas as cuestións relacionados co uso do libro dixital, dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. Desde este punto, atenderanse todas as dúbidas, consultas e incidencias que poidan ter os usuarios, resolvéndoas de xeito remoto, se é posible, ou activando os servizos presenciais para que estas se resolvan onde se atopen os usuarios se non fose posible resolvela remotamente.
O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran una atención presencial.
Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Novos Contidos
Respecto aos contidos, en marzo estarán dispoñibles os novos contidos do Grupo Planeta aulaPlaneta, que se incorpora como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé.
aulaPlaneta integrará na plataforma do libro dixital máis de 7.800 recursos curriculares para 5º e 6º de Primaria e máis de 12.500 recursos para 1º e 2º da ESO. Ademais das materias obrigatorias, ofrece máis de 400.000 recursos educativos de animacións, fotografías e gráficos de alta calidade, vídeos e fragmentos sonoros, estatísticas actualizadas, atlas mundial, cronoloxías, artigos de temas de actualidade, navegador visual, etc. Tamén ofrece máis de 500 horas de formación a profesores para a integración e desenvolvemento da competencia dixital docente.
A proposta curricular de aulaPlaneta enriquece os contidos con secuencias didácticas adaptables ás necesidades da aula, propostas para fomentar a indagación, a investigación e o traballo colaborativo, así como exercicios para pensar e consolidar o aprendido.
Ademais, están en fase de licitación dous novos contratos: por un lado, o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos innovadores; e por outra parte, o contrato do provedor de contidos en inglés.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.
Plan de formación dixital
Outra das medidas é o desenvolvemento dun plan continuo de formación dixital a docentes. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas sobre a educación dixital. Actualmente, estanse a desenvolver plans de formación permanente do profesorado sobre E-Dixgal en 40 centros.
Investimento
O goberno galego investirá un total de 27 millóns de euros no curso 2017-2018 no desenvolvemento de todas estas liñas de actuación para consolidar a educación integramente dixital en Galicia.
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal en Bergantiños
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal nas Comarcas de Santiago, Ordes e Sar
Centros adheridos á iniciativa E-Dixgal nas Comarcas da Mariña
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, pon en marcha preto de 40 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles “intelixentes” e das tabletas, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.
Estas actividades, que comezan o luns 26 de febreiro, chegarán a un mínimo de 20 aulas da Rede que ofertan máis de 600 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tabletas para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo.
As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.
As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.
As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as datas de realización por localidades na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas organizadoras para resolver ás dúbidas que poidan xurdir á hora de formalizar a súa inscrición
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.
Fundación Vodafone
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente. dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove diversos programas de formación con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación e a excelencia docente nas novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Outros obxectivos da Fundación son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios. www.fundacionvodafone.es
*Xúntase listado de localidades onde se desenvolverán estas actividades
|
Aula CeMIT de |
Provincia |
|
|
1 |
BETANZOS |
Coruña, A |
|
2 |
BOIRO |
Coruña, A |
|
3 |
BRIÓN |
Coruña, A |
|
4 |
CORUÑA, A |
Coruña, A |
|
5 |
FISTERRA |
Coruña, A |
|
6 |
OROSO |
Coruña, A |
|
7 |
PONTEDEUME |
Coruña, A |
|
8 |
PONTES, AS |
Coruña, A |
|
9 |
SAN SADURNIÑO |
Coruña, A |
|
10 |
SANTA COMBA |
Coruña, A |
|
11 |
BARREIROS |
Lugo |
|
12 |
CARBALLEDO |
Lugo |
|
13 |
FOZ |
Lugo |
|
14 |
QUIROGA |
Lugo |
|
15 |
RIBADEO |
Lugo |
|
16 |
CASTRO CALDELAS |
Ourense |
|
17 |
XUNQUEIRA AMBÍA |
Ourense |
|
18 |
CUNTIS |
Pontevedra |
|
19 |
MARÍN |
Pontevedra |
|
20 |
VALGA |
Pontevedra |