main content

main content
06/03/201808:03
Cartel do evento.
Ourense

A Biblioteca de Ourense celebra o día 10 un Wikimaratón para encher de mulleres a Galipedia

A Biblioteca Pública de Ourense será o epicentro das celebracións previstas para conmemorar o 10 de marzo os quince anos da Wikipedia en galego, a Galipedia. Entre outras cousas, a biblioteca vai acoller un Wikimaratón colectivo dirixido a festexar dúas cousas moi complementarias: por unha banda os tres lustros de vida da enciclopedia libre e dixital galega e, por outra banda, o importante papel que as mulleres despregaron, despregan e despegarán a prol do coñecemento científico, tecnolóxico e cultural. A actividade, enmarcada no programa do Día da Muller, está aberta a toda a cidadanía e, en palabras da comunidade da Galipedia e do Concello de Ourense, quere “pór en valor a figura de mulleres destacadas en diferentes ámbitos que non teñen a merecida referencia na enciclopedia galega en liña”.

Segundo fixo saber na presentación da iniciativa o alcalde ourensán, Xesús Vázquez, “a historia é a que se escrebe, e hai moitas mulleres en perigo de caer no esquecemento sen ninguén que escriba sobre elas; polo tanto parécenos un acto de xustiza social e un paso moi importante para o futuro deste país”, dixo. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, lembrou que “hoxe en día, só hai referencias de 52 mulleres galegas na Galipedia, e delas só 5 son de Ourense”. Ademais, a concelleira de Educación, Belén Iglesias, recordou que “o labor preventivo da escola ten moito que dicir no traballo pola igualdade”.Na presentación tamén se fixo saber que a Biblioteca Pública porá ao servizo de todas as persoas que queiran anotarse ao Wikimaratón equipos informáticos e fondos bibliográficos, pero sobre todo a súa “vocación de colaborar coas iniciativas veciñais”, aseguraba Rosa Díaz Naya, directora do espazo público. Desde as 10.30 horas, todas as persoas que se queiran apuntar á edición da Galipedia poderán presentarse na propia Biblioteca (rúa Concello 11) “ou facelo a través das súas casas”, apuntaba Adrián Estévez, representante da enciclopedia, para encher a biografía das mulleres propostas (Obdulia Díaz, as irmás Touza, Olimpia Valencia ou Carmen Gurriarán) ou realizar as súas propias achegas. “Só hai que anotarse na Galipedia para poder editar e seguir as indicacións descritas no propio espazo web”, engadiu Adrián Estévez. 

Quince históricos anos de vida 
O mes de marzo de 2003, concretamente o día 8, nacía un dos grandes proxectos web da nosa terra, con toda probabilidade un dos máis importantes pola súa utilidade no subministro de coñecemento, e tamén, pola reivindicación do galego como unha lingua válida, viva e plenamente afianzada na era da Internet. Estamos a falar da Galipedia, a Wikipedia en galego, que está xa mergullada na celebración dos seus quince anos de historia, tres lustros de traballo incansable a prol do coñecemento sen cancela de milleiros de voluntarias e voluntarios, que foron quen de facer medrar a Galipedia e de dar azos ao galego na Internet. Segundo nos lembra a comunidade do proxecto, a enciclopedia dixital en galego segue viva e con devezos de continuar medrando. 
A día de hoxe, a Galipedia foi quen de mellorar a calidade das súas entradas e de chegar ao posto número 14 na lista de wikipedias por mostra de artigos, cando no 2013 estaba na posición 22, sobre un total de máis de 280 linguas.

No balance de cifras tamén cómpre salientar os case 150.000 artigos acadados, entre os que se contan máis de 150 de gran calidade (que son os que a comunidade etiquetou como as melloras achegas e entre os que se inclúen traducións de entradas da Wikipedia e artigos de colleita propia, abordando temáticas variadas: historia, artes, xeográfica, bioloxía, medicina ou ciencias exactas). Os impulsores da Galipedia, no seu ollar cara atrás (que é o complemento ideal para a práctica de ollar cara adiante, cara ao futuro), engaden que dun tempo a esta parte e co obxectivo de reparar a discriminación masculina perpetuada en décadas e séculos de xeración de coñecemento, están a darlles meirande visibilidade ás mulleres, “tentando reducir a fenda de xénero existente neste tipo de artigos entre as biografías de homes e de mulleres”.

06/03/201808:03
Multitasking Cubes.
Ourense

Investigadores do Campus de Ourense desenvolven unha ferramenta para rehabilitación cognitiva

O grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da ESEI de Ourense vén de presentar unha ferramenta web de uso clínico para favorecer a rehabilitación cognitiva de pacientes con dano cerebral, adiccións, doenzas neurodexenerativas ou deterioro das capacidades. Trátase de Multitasking Cubes, un software libre cuxo desenvolvemento estivo liderado polo profesor Miguel Reboiro, contando cun equipo desenvolvedor constituído por Rosalía Laza, Reyes Pavón e Hugo López. Segundo explica o profesor Miguel Reboiro “este proxecto pretendeu desenvolver unha ferramenta que permitise estimular e avaliar o rendemento dos pacientes, fomentando a actividade cerebral como un mecanismo xerador de reserva cognitiva”. 

Para facelo optouse polo programa Memodado, que se caracteriza por empregar un formato de xogo de mesa e dados para acadar obxectivos. “A idea do proxecto naceu a proposta de Adolfo Piñón, Francisco Otero e Adrián Varela, que buscaban avanzar no proxecto de levar á web Memodado despois de ter feito un primeiro prototipo", indica Miguel Reboiro, engadindo que a realización de Multitasking Cubes artellouse en cinco subproxectos. En primeiro lugar, creouse unha aplicación web para os pacientes, na que poden realizar as sesións asignadas polos terapeutas, e tamén unha aplicación web para os administradores, directores de centros e terapeutas, que poden usar para xestionar a información do sistema, incluíndo a creación de sesións de xogos, a asignación das sesións e o seguimento dos pacientes por parte dos terapeutas. En terceiro lugar, hai unha biblioteca independente da aplicación dos xogos que permite a súa integración noutras ferramentas e, a maiores, habilitouse unha aplicación na que se poden probar os xogos do proxecto de forma rápida ou usalos de xeito libre, sen necesidade de utilizar o resto de recursos da plataforma. En quinto lugar figura un subproxecto que abrangue a xestión do almacenamento da información da aplicación. Estas cinco ferramentas foron xa publicadas en repositorios públicos baixo unha licencia de software libre GPLv3.

Segundo explica o grupo de investigadores, en cada sesión o paciente afronta nunha serie de tarefas ou exercicios a realizar que o terapeuta pode configurar cuns parámetros, tales como tempo máximo, nivel de dificultade ou número de intentos posibles. As tarefas seleccionadas e propostas para ser utilizadas no Multitasking Cubes “son algunhas das utilizadas con meirande frecuencia nos estudos da memoria nos últimos anos, como trigramas, paradigma de pares asociados, procesos de recuperación da información por recordo e recoñecemento e span atencional”, engaden.

05/03/201812:03
Un home cego no interior dun museo.
Santiago de Compostela

Solucións avanzadas de wi-fi para facilitar a mobilidade en interiores

Unha das grandes contas pendentes para a mobilidade de persoas con discapacidade visual é o guiado en interiores, xa que os sistemas de guiado habituais como o GPS deixan de ser útiles e é necesario un modelo máis avanzado.

Unha das solucións é a utilización doutro tipo de sinais como o wi-fi ou o bluetooth que levan incorporados os smartphones.

Así o fixo unha compañía española, chamada Air-Fi, co seu produto Air-Go que utiliza unha tecnoloxía híbrida entre os sinais GPS, wi-fi, bluetooth e sensores de movemento MEMS.

Esta solución de localización en interiores permite ofrecer moitas características para os visitantes destas grandes superficies como guías e ferramentas de comunicación, descontos en función da súa posición ou servizos de entretemento baseados na localización.

Con todo, os responsables da compañía, cos que estivemos a falar durante o Mobile World Congress de Barcelona, explicáronnos que unha das posibles aplicacións é a de axudar ao guiado de persoas cegas.

Bastaría con que o usuario apunte ao establecemento ao que quere ir e o sistema iríao guiando mentres camiña polo interior. A tecnoloxía para permitir isto xa está dispoñible con este produto, só fai falta que as grandes superficies o demanden.

05/03/201812:03
Entrada ao Mobile World Congress de Barcelona na súa edición de 2018.
Barcelona

O impacto social da tecnoloxía, clave na presente edición do MWC

  • O 5G, o coche autónomo e o conectado e a realidade virtual acapararon a atención
 
A presente edición do Mobile World Congress deixou claro o "grande poder de convocatoria" da principal feira móbil, "o impacto social da tecnoloxía" e "o importante peso específico da feira para xuntar tecnoloxía de ideas, talento e negocio", que no caso do centro tecnolóxico Eurecat xa se traduciu no peche de vendas por parte das empresas que estiveron presentes na súa caseta.

Así o explica o director xeral de Negocio de Eurecat, Miquel Rey, que considera que a evolución que impulsou o Internet das Cousas, a analítica de grandes volumes de datos e a ciberseguridade, xunto con innovacións como a electrónica impresa e a integración da sensórica permitiron "dotar de intelixencia aos obxectos" e deseñar produtos que "toquen de pés no chan e onde se entende facilmente para que serven".

O responsable do centro Tecnio resalta tamén "o efecto que tivo este ano o MWC no posicionamento do centro en proxectos de anticipación tecnolóxica coas empresas de referencia que expuxeron.

Neste sentido, a responsable de Desenvolvemento de Negocio TIC de Eurecat, Gemma Batlle, remarca que a tecnoloxía presentada polo centro tecnolóxico na feira "comparte os obxectivos da presente edición do certame", que se centra na innovación social e o papel da tecnoloxía como transformadora da sociedade.

En palabras da experta, actualmente "xa non se fala tanto de tecnoloxía, que se dá por suposta, senón do seu impacto social". Neste sentido, apunta, "o debate pasa por como ir máis aló da tecnoloxía e facela chegar a todo o mundo".

Nesta liña, Batlle engade que as innovacións presentadas por Eurecat no MWC "reforzan a posición do centro tecnolóxico no ámbito da 'eSaúde' e a innovación aplicada aos hábitos saudables", aínda que o centro tamén levou ao principal congreso de tecnoloxía móbil a súa experiencia en tecnoloxía big data, de tecidos funcionais ou robótica, entre outros.

"O Mobile World Congress deste ano non nos decepcionou pola variedade e o tipo de tecnoloxía que estiveron presentes", xa que "máis aló da grande cantidade de avances esperados en deseño e prestacións dos dispositivos móbiles, como as melloras en cámaras, pantallas, son, seguridade e autonomía, destacaron aplicacións e produtos onde o móbil é un actor importante, pero non o principal", subliña a directora científica de Tecnoloxías Dixitais de Eurecat, Eugenia Fuenmayor.

Neste sentido, "as tres grandes vedettes deste congreso, tanto pola súa presenza no congreso como pola atracción que xeraron entre o público foron, nesta orde, o 5G, o coche autónomo e o conectado e a realidade virtual", especifica Fuenmayor.

Polo lado do hardware 5G, presentáronse antenas, módems, dispositivos móbiles e PC mentres que, polo lado das aplicacións, estiveron presentes unha gran cantidade de produtos e servizos en automoción, robótica, Internet das Cousas (IoT) e outros, que xa teñen en conta a tecnoloxía.

Outras tecnoloxías interesantes que destacaron foron a analítica de datos e o Internet das Cousas cos seus principais compoñentes: sensores (wearables, domésticos e industriais, entre outros), infraestruturas, solucións cloud e micro-cloud, ciberseguridade, intelixencia artificial e analítica de datos.

O pavillón 8 do MWC estivo dedicado a tecnoloxías en desenvolvemento un pouco máis distantes do mercado, pero con prototipos funcionando, onde se puideron ver robots humanizados, drons e unha variedade de probas de concepto usando o grafeno, desenvolvidas por varias institucións europeas coa axuda da UE.

05/03/201808:03
Participantes na xornada ‘Hubs de Innovación Dixital. Novos marcos de colaboración’.
Santiago de Compostela

Conde presenta os Hubs de Innovación Dixital como o mellor instrumento para desenvolver o ecosistema innovador galego

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este venres en Santiago de Compostela na xornada ‘Hubs de Innovación Dixital. Novos marcos de colaboración’
  • Avanza que este instrumento, previsto no Plan Galicia Innova 2020, permitirá cohesionar o sistema galego de innovación para salvar a distancia entre o coñecemento e o mercado e facelo sustentable
  • Sinala a importancia de desenvolver Hubs naqueles sectores estratéxicos para a economía galega con máis potencial e destaca que se trata dun modelo de colaboración público-privado e aberto que se configura como punto de encontro da empresa, a investigación e o financiamento
  • Anima a emprendedores, empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos e administracións a sumarse a esta iniciativa con propostas para poder poñer en marcha os primeiros hubs o vindeiro ano

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou este venres en Santiago que os Hubs de Inovación Dixital -a nova ferramenta prevista no Plan Galicia Innova 2020- será o mellor instrumento para desenvolver o ecosistema innovador galego, durante a xornada Hubs de Innovación Dixital. Novos marcos de colaboración, que se celebrou na Cidade da Cultura.

Tal e como explicou o conselleiro, no proceso de diálogo para a elaboración do Plan Galicia Innova 2020, detectouse un consenso de todos os participantes no sentido de que a Comunidade ten unha boa base sobre a que medrar no desenvolvemento da I+D+i grazas ao talento, as capacidades, a infraestrutura, as empresas e un sector industrial e empresarial con potencial. Así xurdiron os Hubs como o camiño a seguir para facer fronte aos retos do futuro, como a dificultade das pemes para innovar en solitario ou a necesidade de incorporar tecnoloxías facilitadoras en todo o sector produtivo.

Así, desenvolverase un sistema de colaboración aberto público-privado que será capaz de cohesionar o sistema galego para salvar a distancia entre o coñecemento e o mercado e conseguir ser sustentable. Os obxectivos que se perseguen son adaptar as características do tecido galego a unha especialización nos sectores estratéxicos, potenciar a incorporación de tecnoloxías facilitadoras e impulsar o potencial innovador das pemes.

Conde falou de “cambio cualitativo no modelo de innovación que queremos para a Galicia de 2030” e presentou os Hubs como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento e avanzou que se configurarán como ventanillas únicas de servizos das que se beneficiarán todos os axentes implicados xa que, entre outros, poderán acceder a facilidades para incorporar tecnoloxía, apoio na planificación e acceso a investimentos, servizo de mentoring especializado, axuda para o emprendemento ou formación. Ademais, os centros de coñecemento participantes ofrecerán as súas infraestruturas e capacidades para o lanzamento de proxectos piloto ou demostración de novas tecnoloxías. “A empresa protagonizará o desenvolvemento de novas tecnoloxías e teremos a capacidade de desenvolver novas solucións innovadoras a través da carteira de servizos que ofrecerán estes Hubs”, afirmou.

Para a súa posta en marcha -que o Goberno galego agarda que se produza en 2019, tras estudar as primeiras propostas nos vindeiros meses- Conde avogou por centrarse naqueles sectores galegos con máis potencial, pois o obxectivo final é contar cun modelo realista, viable e sustentable no futuro.

O conselleiro pediu, ademais, a implicación de todo o sistema: desde os emprendedores ás administracións, pasando polos investidores, as pemes, as empresas tractoras e os centros de coñecemento e tecnolóxicos para que o éxito da innovación en Galicia chegue sobre a base da unión.

 

Plan Galicia Innova 2020

Conde referiuse a aposta que o Goberno galego está a realizar pola innovación e lembrou que entre 2011 e 2016, o Plan I2C permitiu executar un investimento público-privado de 1964 millóns de euros para fortalecer as infraestruturas de innovación, promover a investigación e consolidar o novo modelo de xestión do talento innovador. Un exemplo de programas postos en marcha neste eido son Oportunius, Principia, Ignicia, as Unidades Mixtas de Investigación ou as aceleradoras neste eido.

O conselleiro asegurou que o camiño cara a innovación en Galicia está planificado na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que desde 2014 ten permitido a posta en marcha de 1900 proxectos innovadores e destacou que, tras o traballo realizado para fortalecer as infraestruturas e capacidade da I+D+i galega, chega o momento de apostar polas persoas e pola unión de talentos e capacidades a través do Plan Galicia Innova 2020. A folla de ruta do Goberno galego dos tres vindeiros anos que, cun investimento de 1775 millóns de euros, pretende posicionar a Comunidade como territorio de referencia para innovar, poñendo o acento na investigación, mellorando a transferencia do coñecemento e logrando o seu retorno á sociedade grazas a un sistema científico innovador sustentable.

05/03/201808:03
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O 14 de marzo toca falar de Cidades Intelixentes no encontro CIMS GAL de Santiago

O vindeiro 14 de marzo a Cidade da Cultura vai acoller un encontro arredor das Smart Cities, os principais retos que poñen en xogo e as súas importantes posibilidades en materia de calidade de vida, sustentabilidade, Administración Electrónica, transporte, xestión urbana e comunicación. Estamos a falar do encontro CIMS GAL 2018, acrónimo de Cidades Innovadoras Modernas e Seguras. 

A cita, que se vai desenvolver de 9.00 a 14.30 horas, contará coa presenza dos seguintes moderadores: Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Sandra Sinde, directora de Innovación Aberta do IDOM, Conchi Campos, co-directora da Rede Localis. O evento vén da man do Clúster TIC Galicia, Vicepresidencia da Xunta e as axencias AMTEGA e GAIN. 

Os relatores serán André Castelo (socio director de APDTIC), Hugo Álvarez, responsable de Big Data de Micro Focus, Ana Vázquez, xefa da Área da Subdirección Xeral do Rexistro Xeral de Protección de Datos da AEPD, Andrés López, xerente de Innovación de Ruta N Medellín, Diana Alonso, conselleira técnica e coordinadora da Rede Innpulso (MINECO), Javier Vázquez, asesor TIC do Concello de Santiago, Jesús Cañadas, xefe de área do Gabinete da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información (MINETAD), Patricia Argerey (directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN), Pedro Rodríguez, conselleiro técnico da Subdirección Xeral de Desenvolvemento Urbano (MINHAFP), Aitor Cubo (subdirector xeral do Impulso á Administración Dixital e Servizos ao Cidadán, SGAD), Daniel Neira (avogado e investigador da USC) e Javier Albertos (responsable de Modernización e Innovación do Servizo de Administración Electrónica do Concello de Vigo).

A xornada será inaugurada ás 9.00 horas polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez. A continuación dará comezo a mesa redonda Cidades Seguras, moderada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

05/03/201807:03
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Santiago acolle unha relevante xornada sobre mulleres que collen as rendas do sector TIC

O vindeiro 16 de marzo celebrarase en Santiago de Compostela unha completa e interesante xornada sobre as importantes posibilidades de enriquecemento que se abren nas empresas TIC de todo coa incorporación da muller a todo tipo de postos de relevancia. A sesión, que se vai desenvolver co epígrafe A era tecnolóxica: un desafío para as empresas e os seus líderes, vén da man de AUDICON e a Asociación para el Progreso da Dirección (APD), e conta (no que a nosa terra se refire) coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Executivas de Galicia, Mindset, e Valora Consultores. A xornada terá lugar no Auditorio ABANCA, no número 23 da rúa do Preguntoiro, en horario de 9:00 e as 14:30 horas. 

A xornada busca pór de relevo dous feitos que, en palabras dos organizadores, son a todas luces incontestables: “Estamos convencidos de dúas cousas; a primeira, que ningunha actividade económica poderá sobrevivir se non integra a tecnoloxía ao seu modelo de negocio e ao seu quefacer cotián; e a segunda, que é imprescindible que as mulleres estean presentes nesta revolución tecnolóxica que estamos a vivir e que é noso deber outorgarlles visibilidade”. Para incidir neste obxectivo de “dar visibilidade” participarán na sesión empresas e profesionais referentes en Santiago de Compostela para falar de tecnoloxía, talento e “do imprescindible papel da muller no proceso de crecemento das organización”. Participará como relatora a directora financeira en Ebay Internacional, Laurent St. Clair, e outros representantes de organizacións como a Fundación Telefónica (Rosa María Sainz e Milagros Sainz), Bahía Software (Ana Armada), MindSet (Mónica Quintana), Gamering (Txema Arnedo), Accenture (María José Sanz), Gradiant (Luis Pérez Freire), Clun (Adali Morales), Executivas de Galicia (Carla Reyes Uschinsky), Inteligenz (Cristina Aranda), Eventim.com (Basola Vallés), e docentes da Universidade de Santiago de Compostela (Ángeles Romero ou Elena Vázquez Cendón).

05/03/201807:03
Participantes de no acto de
Santiago de Compostela

Santiago acolleu o lanzamento de Dixitalizadas, un programa para formar en TIC a 5.000 mulleres do rural

Dixitalizadas, unha iniciativa de ámbito estatal destinada a fornecer de coñecemento tecnolóxico ás mulleres da contorna rural, foi presentada e lanzada o venres oficialmente en Compostela. A encargada de dala a coñecer foi a raíña Letizia, que estivo acompañada (entre outros persoeiros) polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou o potencial de acción que ten o dito programa na nosa terra, e máis (explicou) tendo en conta o peso demográfico, social e económico das mulleres que viven no rural galego, pois preto da metade das explotacións agrícolas son titularidade delas. A cita do venres, celebrada no Hostal dos Reis Católicos, quixo ser unha chamada de atención (á sociedade civil, ás empresas e ás institucións) para acadar máis compromiso contra a fenda dixital de xénero.

Na presentación, amais de representantes das Administracións galega e estatal e dos responsables das entidades que desenvolven o programa, que son a ONG do xigante tecnolóxico Google e máis as entidades sociais Fundación Cibervoluntarios e a Fundación Mulleres, participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, Francisco Ruiz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España, María Soleto, directora e vicepresidenta da Fundación Mulleres, Yolanda Rueda, presidenta da Fundación Cibervoluntarios, e Dolors Montserrat, ministra de Sanidade.

No acto celebrado en Santiago, a raíña aproveitou a ocasión para lembrar que a alfabetización dixital vai alén das operacións propias da Administración Electrónica, xa que abrangue tamén as actividades de lecer, o acceso á cultura, a igualdade de oportunidades e o impulso do rural. Amais destes datos, na cita cos medios tamén se fixo saber que Dixitalizadas pretende chegar en ano e medio a cinco mil mulleres das contornas non urbanas, que disporán, grazas a este programa, de formación dixital e en emprendemento. A intención dos impulsores da iniciativa é abranguer participantes de dez comunidades, incluída a nosa. A todas as mulleres que concorran nas actividades ofreceráselles a posibilidade de participar no programa Google Actívate de competencias dixitais. 

Dixitalizadas presenta tres áreas de formación básica de 6 horas de duración cada unha:

  • Obradoiros para cubrir os coñecementos básicos do manexo e contorna da internet co fin de ofrecer independencia na súa usabilidade. Neles ensinarase desde crear un correo electrónico e a súa correcta utilización así como o manexo e a navegación na internet.
  • Obradoiros de ferramentas dixitais para o emprendemento: dirixidos a coñecer e mellorar o uso das diferentes ferramentas que ofrecen as redes e internet na xestión da súa propia empresa ou idea emprendedora.
  • Obradoiros de habilidades dixitais para a procura activa de emprego: elaboración de currículos e cartas de presentación, coñecemento dos principais portais de procura de emprego así como aprender a detectar aqueles que poidan ser fraudulentos.

O programa tamén contempla promover unha rede de voluntarias que poidan apoiar á súa comunidade, así como a creación dunha rede nacional de mulleres Dixitalizadas que se convertan en embaixadoras do programa nas súas comunidades locais para garantir a continuidade da alfabetización dixital na contorna rural.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Galicia Open Future

Galicia Open Future_ é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e Telefónica con obxecto de apoiar ao sector industrial de Galicia aspirando a situarse como punto de conexión entre o novo talento emprendedor dixital, tanto local como internacional, e as empresas tractoras de Galicia.. 

O presente reto enmárcase dentro do Programa de Innovación Aberta, no que empresas tractoras expoñen retos de negocio á comunidade para buscar solucións que axuden á implantación de tecnoloxías no ámbito da Industria 4.0 das empresas, coa implicación de persoas emprendedoras, startups, pemes ou organizacións como universidades ou centros tecnolóxicos. Son retos de negocio reais que poden ser abordados mediante solucións innovadoras baseadas en tecnoloxía.

02/03/201812:03
Presentación Galicia Open Future.
Santiago de Compostela

A cuarta edición de Galicia Open Future aposta de cheo pola innovación aberta

Para quen non o saiba, Telefónica e o Goberno galego (AMTEGA) comezaron o ano avanzando na sua colaboración e poñendo en marcha unha nova edición (a cuarta xa) do Galicia Open Future, o centro de crowdworking da Cidade da Cultura. Segundo avanzaron daquela, esta nova entrega ía vir con novidades. Por exemplo: unha viraxe cara ao que se coñece como Industria 4.0, ou sexa, cara ás metodoloxías intelixentes de traballo que resultan da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información. Dar conta destas e doutras novidades foi o obxectivo da xornada Galicia en Dixital, Industria 4.0, que se celebrou onte no Gaiás e na que participou, entre outros, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. 

Na cita, Conde salientou a importancia de desenvolver proxectos de innovación aberta, como os de Galicia Open Future, precisamente, co obxectivo “de dar resposta ás necesidades do tecido empresarial co novo talento”. E engadiu: “A industria do futuro será dixital, polo que é necesario dar cobertura aos proxectos que nacen do talento e a innovación”, apuntou.

O conselleiro aproveitou para facer un chamamento a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación “para que participen no programa e presenten os seus retos de negocio, xa que poden ser abordados mediante solucións baseadas en tecnoloxías”.

Segundo se fixo saber na cita de onte, o prazo para achegarmos propostas a Galicia Open Future (retos que serán afrontados polas empresas participantes) estará aberto até o 13 de marzo. Entre estas propostas figura, por exemplo, unha de Nova Pescanova, que consiste en procurar respostas de coñecemento detallado sobre o ciclo de cría do langostino. Outra das empresas que concorre cun desafío é FINSA, que conta cun proxecto para o deseño de novo mobiliario que aproveite as novas tecnoloxías para a creación de hábitats intelixentes.


Máis datos sobre a cuarta edición de GOF
Baixo o epígrafe Galicia Open Future_: Edición Retos Industria 4.0, a cuarta edición de GOF busca “dirixir o talento emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria galega”, informou os días pasados Telefónica, engadindo que nesta cuarta entrega colaborarán novamente a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). 

Como dixemos, ao abeiro do novo programa, proporase a grandes empresas referenciais galegas (entre as que se contan as devanditas Nova Pescanova e FINSA) que lancen publicamente un total de seis retos reais de negocio, baixo un modelo de innovación aberta. Ao abeiro desta proposta colectiva, abriranse convocatorias a través da plataforma Telefónica Open Future para cada un dos desafíos, ás que poderán presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores, e entre os que se seleccionará a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora, e tres finalistas.

O gañador terá unha axuda de GAIN de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como os tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como “recoñecemento ao seu esforzo innovador”. Logo, transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por AMTEGA.

Telefónica tamén explicou que aparte das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá á empresa gañadora un préstamo reembolsable pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de até 50.000 euros.

A xeito de balance, a compañía tamén recordou que nas tres edicións anteriores de Galicia Open Future presentáronse un total de 416 proxectos de alicerce tecnolóxico, dos cales foron acelerados 145, o que supuxo un total de 1.100 horas de traballo individualizado e o desenvolvemento de 90 actividades formativas e obradoiros abertos en materias como fiscalidade, mercadotecnia dixital, imaxe de marca ou novos modelos de financiamento. 

Durante a súa participación, as novas firmas innovadoras puideron presentar os seus proxectos a potenciais clientes, participar en eventos internacionais como o South Summit, recibir apoio á internacionalización, celebrar sesións de adestramento e retro-alimentación con directivos de Telefónica, entrar en contacto coa rede global da plataforma Telefónica Open Future e recibir un apoio económico por parte da consellería de Economía, Emprego e Industria dirixido a aquelas empresas con mellor aproveitamento na aceleración.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS