main content

main content
13/03/201810:03
Logo Premios AEF.
Madrid

A Asociación Española de Fundacións convoca a terceira edición dos premios AEF

A Asociación Española de Fundacións (AEF) convocou a terceira edición dos Premios AEF, un galardón co que pretende 'dar voz' ás fundacións españolas que reflicten os valores do sector. Os premios son de carácter anual e consisten nun diploma acreditativo e un símbolo artístico.

Como novidade, este ano inclúese a categoría 'Transformación Dixital' co fin de recoñecer o traballo de fundacións que implementaron con éxito a tecnoloxía na xestión e solución de problemas sociais. As fundacións españolas poderán presentarse ao premio en catro modalidades: Premio á Iniciativa Filantrópica; á Colaboración; á Innovación Social, e á Transformación Dixital.

O galardón á Iniciativa Filantrópica recoñece a unha persoa ou grupo de persoas que, con recursos propios, puxese en marcha, no últimos tres anos, unha fundación sustentable, de especial relevancia e impacto, ou dotase de recursos significativos a unha fundación co fin de gañar relevancia, impacto e sustentabilidade.

O Premio á Colaboración fai o propio cunha fundación ou grupo de fundacións que puxese en marcha ou realizara un proxecto de colaboración de acreditado valor social ou cultural, con outra ou outras fundacións ou entidades do terceiro sector, nos tres últimos anos.

O da Innovación Social premia a unha fundación que lograse, no últimos tres anos, dar unha resposta eficaz a un problema ou demanda social non atendidos anteriormente, ou introducir unha innovación disruptiva en resposta a un problema ou demanda xa atendidos.

Finalmente, o Premio á Transformación Dixital recoñece a unha fundación que lograse, nos tres últimos anos, utilizar con éxito as tecnoloxías dixitais (Intelixencia Artificial, realidade virtual/aumentada, análise avanzada de datos, Internet das cousas, etc.) para adaptar a súa xestión interna permitíndolle responder de maneira eficaz a un problema ou demanda social ao integrar ao seu día a día as oportunidades que a contorna dixital ofrece.

 

Prazos e bases

A convocatoria estará aberta ata o 5 de maio de 2018. A continuación, un xurado único, composto por persoas de recoñecido prestixio, decidirá a quen se concede os premios. O fallo do xurado farase público antes de finalizar o verán e a entrega dos premios realizarase nun acto público no último cuadrimestre do ano. As bases completas da convocatoria pódense consultar na web da AEF.

Na segunda edición, o Premio á Iniciativa Filantrópica recaeu en Amancio Ortega pola ampla e xenerosa labor filantrópica desenvolvida en beneficio da sociedade española en diferentes campos da sanidade, a educación ou a acción social. O de Colaboración en Fundación Accenture polo programa 'Xuntos polo emprego dos máis vulnerables' levado a cabo en colaboración con máis de 1.289 ONG, Empresas e AAPP; e o galardón á Iniciativa Social Innovadora na Fundación Recover polo proxecto 'Telemedicina. Saúde 2.0'.

A Asociación Española de Fundacións é unha asociación privada e independente, declarada de utilidade pública e actualmente agrupa ao redor de 800 fundacións españolas das máis diversas dimensións, finalidades e ámbitos de actuación. Os seus principais fins son representar e defender os intereses de todas as fundacións españolas; prestar servizos ás entidades asociadas; e articular e fortalecer o sector fundacional. É a entidade máis representativa a nivel nacional e a segunda máis importante de Europa.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Materiais dixitais accesibles (2ed)

A xeración e o uso de documentos dixitais é parte da transformación dixital que está a experimentar a sociedade, na formación, na comunicación, nos negocios, nos trámites administrativos, etc.

Existen pautas que fan posible adoptar un camiño ordenado e sustentable na creación de documentos dixitais, especialmente no ámbito da formación. Existen ademais estratexias e recursos fáciles de utilizar que permiten que os nosos documentos cheguen a unha audiencia máis ampla, incluíndo a persoas con e sen discapacidade, con maior impacto en Internet, e cumprindo coa ética e coa legalidade vixente.

13/03/201810:03
Cartel do curso.
Santiago de Compostela

Curso Materiais dixitais accesibles (2ed) UNED e a Fundación ONCE

  • Curso pertencente á Canle Fundación ONCE en UNED Aberta.
  • Financiado polo Real Padroado sobre Discapacidade, do Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade do Goberno de España.

 

A xeración e o uso de documentos dixitais é parte da transformación dixital que está a experimentar a sociedade, na formación, na comunicación, nos negocios, nos trámites administrativos, etc. Existen pautas que fan posible adoptar un camiño ordenado e sustentable na creación de documentos dixitais, especialmente no ámbito da formación. Existen ademais estratexias e recursos fáciles de utilizar que permiten que os nosos documentos cheguen a unha audiencia máis ampla, incluíndo a persoas con e sen discapacidade, con maior impacto en Internet, e cumprindo coa ética e coa legalidade vixente.

 

Obxectivos

O curso permite desenvolver competencias e habilidades orientadas a:

  • Adquirir, como autores, estratexias para a produción sustentable de material dixital, como a modularidade.
  • Recoñecer e abordar os desafíos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade (por exemplo os estudantes) ao usar os documentos electrónicos, adquirir conciencia e experiencia.
  • Obter unha mellor comprensión da accesibilidade como un asunto de dereitos civís e desenvolver os coñecementos e habilidades necesarios para deseñar recursos de aprendizaxe que promovan ambientes de aprendizaxe inclusivos.
  • Valorar como os documentos accesibles benefician a todas as persoas, incluíndo ás que teñen e ás que non teñen discapacidade, a través dunha maior facilidade de uso e a interoperabilidade dos materiais baseados na web.
  • Tomar conciencia de que como os autores poden non só eliminar barreiras, senón evitar crealas en primeiro lugar.
  • Adquirir autosuficiencia na produción de contidos accesibles e na identificación de problemas de accesibilidade.

 

Calendario do curso

  • Inicio do curso: 9 de abril de 2018
  • Fin da atención tutorial: 13 de maio de 2018
  • Peche do curso: 9 de setembro de 2018

Máis información

13/03/201808:03
Cartel do evento.
A Coruña

As actrices de A Panadaría presentarán a gala de Youbeir@s edición 2018

Xa se albisca ao lonxe o momento álxido da edición actual de Youtubeir@s, o concurso encamiñado a encher YouTube de vídeos en galego, feitos polas nosas novas directoras e directores e botando man de dous ingredientes fundamentais: a defensa da lingua galega e mailo talento da nosa mocidade. Por certo que o momento álxido do certame (cuxo prazo de inscrición remata o 15 de marzo) non é outro que a gala de premios do certame, que vai contar cunhas mestras de cerimonias de excepción: as integrantes da compañía teatral A Panadaría. A cita será o 20 de abril no Teatro Colón da Coruña. Participarán as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Segundo informa a organización do concurso, o público poderá acceder de balde á gala, tras reservar antes as súas entradas a través da ligazón específica do Teatro Colón

Youtubeiras, como lembraremos, é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos Concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas tres Universidades e pola Deputación da Coruña. O obxectivo do Proxecto Youtubeir@s é “promover e dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global, a rede YouTube”. O reto é “fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social desde o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as”.

 

Prazo até o 15 de marzo
Os galardóns artéllanse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados poden concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado.

O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas. “Deste xeito, o galego estase a espallar polo YouTube e a acompañar as novas linguaxes e modos de comunicación da chamada xeración milennial”, explica a organización. 


A Panadaría
Fundada no ano 2013, A Panadaría converteuse nos últimos anos nunha das compañías referentes no panorama escénico galego. Co seu primeiro espectáculo Pan Pan! , a formación constituída por Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman obtivo o premio Xuventude Crea 2013 e o Premio da Crítica Galicia 2015. A partir dese espectáculo, desenvolveron dúas montaxes máis, Panamericana e Elisa e Marcela. Nesta última produción, a compañía fixo o primeiro achegamento escénico a Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron en 1901 na Coruña. A Panadaría, ademais, ten presentado diversas entregas de premios como os Premios da Música Martin Códax.

13/03/201808:03
Cartel do evento.
A Coruña

Coruña Bloggers adianta unha semana a súa edición de marzo

O encontro solidario Coruña Bloggers, que o último mércores de cada mes xunta a interesados no mundo dos blogs, as redes sociais e o sector TIC en xeral no salón de actos da Fundación Barrié da Coruña, instando aos asistentes a acudir cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a súa entrega á Cociña Económica, ten xa aberta a inscrición para a edición deste mes, a número 16, que de xeito excepcional adiántase ao 21 de marzo (para non coincidir coa Semana Santa).

O XVI Coruña Bloggers abrirá con José Antonio Vázquez, director xeral da empresa de hospedaxe web Andaina.net, quen impartirá unha charla sobre a seguridade e a optimización do xestor de contidos máis empregado a nivel mundial, WordPress (empregado polo 57% dos blogueiros coruñeses).

Completarán a xornada Julya Pepry e Fanny Looks, blogueiras que nesta ocasión achegarán as súas claves para facer un bo directo en Instagram e Facebook, elementos que consideran fundamentais para influencers e marcas para atraer e reter seareiros nas redes sociais.

A xornada que desenvolverase de 19:30 a 21:00 horas na Fundación Barrié, continuará cunha sesións de networking en La Taberna de Rita, un local de hostalaría próximo.

13/03/201807:03
Recollida do Premio Nacional Wisibilízalas.
Redondela

O CEIP de Laredo, primeiro premio nacional Wisibilízalas

Finalmente, o Colexio de Infantil e Primaria de Laredo (Chapela, Redondela) foi recoñecido o pasado sábado 10 de marzo co primeiro Premio Nacional Wisibilízalas (categoría junior), convocado polo buscador Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, poñendo o foco en figuras referentes nestes eidos. O proxecto do CEIP de Laredo foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos. 

Segundo nos contan fontes do colexio, a iniciativa recoñecida por Wisibilízalas (o proxecto Donas do Código) consistiu en mostrar ante o mundo docente mulleres actuais dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, referencias, destacadas e sobranceiras. Para impulsar a visualización do traballo destas investigadoras incluíronse charlas, encontros e outras actividades coas mulleres investigadas. Encontros como o realizado recentemente no centro con África González, unha das figuras máis salientables dos eidos da inmunoloxía e a nanotecnoloxía, ou Alba Alonso e Edita de Lorenzo, referentes nos ámbitos das tecnoloxías da información e na loita contra a fenda dixital de xénero. 

O resultado do traballo das crianzas do CEIP de Chapela pode verse na web donasdocodigo.ceipdelaredo.com ou ben, na súa versión para móbiles con Android, nun espazo específico de Google Play


Máis detalles sobre Donas do Código
En detalle, os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.

12/03/201809:03
A Raíña dona Letizia durante a presentación do proxecto de Google.
Santiago de Compostela

Google dará formación a mulleres para acabar coa 'fenda dixital' no campo

  • O buscador lidera un proxecto para formar dixitalmente a 5.000 mulleres de contornas rurais de España.

 

A fenda dixital é unha realidade en España, tanto desde un punto de vista xeográfico como de xénero. Ante iso, Google.org xunto á Fundación Mulleres e a Fundación Cibervoluntarios, en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, puxeron en marcha unha iniciativa que pretende pechar ao máximo esta grande fenda que afecta a mulleres en contornas rurais no noso país.

Baixo o nome de Dixitalizadas presentouse o pasado venres en Santiago de Compostela este novo proxecto, nun acto que contou coa participación da Raíña Letizia, a Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Dolors Monsterrat, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e o director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España e Portugal, Francisco Ruiz, entre outras personalidades. A dita iniciativa ten como máxima conseguir a formación dixital de 5.000 mulleres que actualmente viven en contornas rurais en máis da metade do territorio español.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), a fenda dixital está relacionada principalmente coa "falta de coñecementos de informática e habilidades necesarias para participar na sociedade da información". Feito que se acentúa ante "a falta de infraestrutura" que afecta, especialmente, ás zonas rurais.

 

Obradoiros

Dixitalizadas defínese como un proxecto que quere contribuír a empoderar á muller no ámbito tecnolóxico e dixital, así como dotala de mellores ferramentas dixitais para o seu desenvolvemento profesional. Por este motivo, o programa dividiuse en tres partes: obradoiros para cubrir os coñecementos básicos do manexo e contorna de Internet; obradoiros de ferramentas dixitais para que as mulleres poidan empezar a xestión da súa propia empresa ou idea emprendedora; e obradoiros de habilidades dixitais para a procura activa de emprego.

Ante o grande avance da tecnoloxía no día a día, a alfabetización dixital converteuse nunha das medidas prioritarias para reducir a fenda dixital, que afecta especialmente á contorna rural. Un exemplo represéntao María José Álvarez, de Palomares del Río, pobo de 8.500 habitantes na provincia de Sevilla. Aos seus 39 anos de idade, María é artesá e fai bonecos de gancho. Tras quedar en paro hai uns anos, reconverteu a súa afección na súa forma de vida grazas á creación dunha plataforma que lle permite vender os seus produtos por Internet. María del Carmen Cao Sánchez, pola súa banda, é coidadora familiar, de 63 anos, e asegura que os obradoiros de informática que recibiu cambiáronlle a vida. Xa ten conta en Facebook.

Estes son só dous exemplos da repercusión que segundo Google vai ter o seu proxecto, que arrincará o próximo mes de abril.

13/04/201816:00h
1 mes 1 profesión dixital
Sala Eisenman, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela

CreaGaiás

A xornada CREAGAIÁS é unha iniciativa lúdico-formativa que nace co obxectivo de potenciar o emprendemento e a creatividade así como darlle visibilidade ás empresas e proxectos residentes no Centro de Emprendemento do Gaiás. Nesta primeira edición, CREAGAIÁS pon o acento na imaxe e en como empregala de forma eficaz a través das redes sociais para facer visible o traballo das persoas emprendedoras.

A xornada está especialmente dirixida a persoas emprendedoras e profesionais do sector creativo, así como a público interesado en aprender sobre xestión de marca e imaxe na contorna dixital ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento.

12/03/201808:03
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

CreaGaiás móstranos como deixar a máxima pegada visual nas redes sociais

O vindeiro 13 de abril a Cidade da Cultura acollerá a xornada CreaGaiás, unha iniciativa “lúdico-formativa” que ten a finalidade de mostrar e fortalecer o emprendemento e a creatividade, así como visualizar as empresas e proxectos do Centro de Emprendemento local, emprazado no complexo compostelán. Na súa estrea, CreaGaiás pon o foco en como tirar partido da imaxe (persoal, empresarial, de marca) nas redes sociais. Neste caso concreto, porase o foco na imaxe do traballo das persoas emprendedoras.

A xornada, que arrancará ás 16 horas, está especialmente dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado en aprender sobre xestión de marca e imaxe na contorna dixital, ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento no Gaiás, que, segundo informa a Cidade da Cultura, apoiou xa uns 350 proxectos dende a súa creación. No programa inclúense obradoiros, charlas e un mercado de emprendemento creativo, ademais de espazos para o networking e a música, cun concerto acústico de Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, do grupo Tulsa. 

De xeito complementario a este programa, CreaGaiás pon en marcha un certame de reportaxes fotográficas co emprendemento como eixo, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais. Os participantes deberán retratar en sete imaxes a semana dun emprendedor ou empresa do Gaiás, mostrando a realidade do seu día a día como profesionais. A reportaxe gañadora será galardoada cun premio dotado con 1.200€. Como engadido, lanzouse a través da rede social Instagram un concurso dirixido a instagramersde toda Galicia que os anima a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300€. Ambos contarán cun xurado especializado composto por profesionais da fotografía, e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

O 13 de abril, as actividades iniciaranse ás 16:00 cun obradoiro de imaxe e marca na contorna dixital, especialmente dirixido a emprendedores, creadores e profesionais do ámbito das industrias culturais. Estará impartido por Iván L. Gimeno, especialista en xestión de redes sociais, country manager de Kafe Rocks e socio de Valumbo, consultora de desenvolvemento de negocio e transformación dixital de empresas.

12/03/201807:03
STEM.
Santiago de Compostela

O Plan de Talento Dixital da Xunta pon en marcha as primeiras iniciativas para impulsar as vocacións STEM entre os máis novos

  • As empresas asinantes do Pacto Dixital ofrecen preto de 80 becas para o programa Áncora e máis de 50 prazas para a iniciativa Tecnólogos por un día
  • Este ano poranse en marcha a iniciativa Girl Stem para fomentar o atractivo vocacional das carreiras científico tecnolóxicas entre as mozas, os campamentos de verán TIC Digitalia e o programa de actividades lúdicas Techkids
  • Son 5 das 20 iniciativas do Plan para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos desde idades temperás
  • Só o 9,3% dos matriculados nas universidades galegas estudan carreiras STEM
  • A porcentaxe de mulleres no sector TIC en Galicia sitúase no 32%, segundo o último estudo elaborado polo Osimga
  • A fenda de xénero comeza xa no ensino obrigatorio, cando só o 33% das mozas da ESO optan polo Bacharelato científico-tecnolóxico

 

Estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás, con especial atención ás mozas, son os obxectivos principais do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

O Plan, conta xa coa adhesión das empresas asinantes do Pacto Dixital que se suman ás primeiras iniciativas propostas pola Amtega o pasado mes de decembro, o Programa de becas Áncora e a o programa Tecnólogos por un día.

Ademais, tamén se porá en marcha este ano unha iniciativa focalizada nas rapazas, Girl Stem un programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que a través de diferentes sesións de traballo achegarán a súa experiencia ás nenas, clarificando posibles dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

Tamén se levarán a cabo os campamentos TIC Digitalia para rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, que se incluirán na edición de 2018 do Programa de Campamentos de verán da Xunta. Outro dos programas que se lanzarán este ano é Techkids, dirixido a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos, que poderán participan en obradoiros para deseñar, construír, probar e programar robots e aplicacións.

Son cinco das 20 iniciativas formuladas no Plan DigiTalent para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos desde idades temperás.

 

Becas Áncora e Tecnólogos por un día

Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Altia, Coremain, Everis, Iecisa, Indra, R e Televés ofrecen un total de 78 prazas para estudantes universitarios, de FP ou recentemente titulados que estean cursando formación da rama tecnolóxica.

Ata 54 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos poderán ser Tecnólogos por una día e experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.). Altia, Coremain, Everis, Iecisa e Indra mostraranlle aos participantes as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolver as súa dúbidas vocacionais.

 

Escasa demanda das carreiras STEM

Actualmente en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). A presenza de mulleres nestes estudos redúcese ao 29%, unha fenda de xénero que comeza xa na elección dos estudos posteriores á ESO, cando só o 33% das mozas galegas se decantan polo Bacharelato científico-tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.

A baixa demanda das carreiras STEM contrasta coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. En Galicia o sector tecnolóxico mantivo nos últimos anos una taxa de emprego estable en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de empregabilidade en 2016 con máis de 16.000 traballadores.

 

Fenda de xénero no sector TIC

A porcentaxe de empregadas do sector sitúase no 32%, segundo os últimos datos do estudo “As mulleres no sector TIC” publicado esta semana polo Osimga, un reflexo do que acontece xa antes do Bacharelato.

Respecto aos roles, o estudo sinala que mentres o 26,8% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 7,4% son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Tamén cabe salientar a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC: 17% de homes fronte a tan só un 4,3% de mulleres.

A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Así, só o 11,1% das mulleres desenvolve funcións TIC fronte ao 41,5% dos homes. En relación ao persoal que non desempeña tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (17,7%) é só 3,8 puntos inferior á dos homes (21,5%)

Dentro das empresas TIC galegas, tan só un 21,1% de empresas TIC contan con mulleres directivas. E respecto aos traballadores dedicados á I+D+i, o 88,6% son homes fronte ao 11,4% de mulleres. Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS