main content

main content
19/03/201810:30 - 12:00h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Coñece os teus dereitos nas túas compras online e a distancia. Compra con seguridade. Dereitos dos consumidores na contratación

O 15 de marzo celebrouse o Día mundial dos dereitos do consumidor, por elo, Caumas preparou un curso emitido por Internet que se realizará o vindeiro luns 19 de marzo de 10:30 a 12:00 h.

Neste seminario online descubriremos, da man de FACUA - Consumidores en Acción, todos os aspectos relacionados cos dereitos do consumidor en compras realizadas mediante comercio electrónico, nas que afondaremos nos principais riscos e dificultades que existen, así como os dereitos que nos asisten na compra online ou a distancia.

Os contidos deste seminario online serán:

  • Evolución do comercio electrónico: principais sectores.
  • As dificultades do comercio electrónico para o consumidor.
  • Dereitos do consumidor na compravenda a distancia (especial atención ao dereito de desistimiento).
  • Como reclamar.
16/03/201813:03
Consello da Xunta.
Santiago de Compostela

A Xunta dá luz verde á estratexia para impulsar os contidos dixitais en Galicia

  • O Plan DICO Mindset busca reforzar o capital humano, desenvolver proxectos tractores e fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia
  • Unha das iniciativas será a incorporación de tendencias interactivas ás emisións da televisión pública autonómica para adaptar a súa oferta aos novos hábitos de consumo
  • A captación de talento e a capacitación dos profesionais abordarase con programas de becas e formación específica para persoal directivo do sector
  • As pemes disporán dun catálogo de servizos para incorporar as novas tendencias no ámbito dos contidos dixitais

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai poñer en marcha o Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, aprobado no último Consello da Xunta. A estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

 

Proxectos tractores

Desde a Administración autonómica impulsaranse iniciativas en diferentes ámbitos, que ademais de dar resposta a demandas concretas, buscan ter un efecto de estímulo para o sector.

Entre os proxectos previstos a Amtega colaborará coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:

  • Incorporaranse á experiencia de usuario as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade.
  • Empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear de canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia.
  • Crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo.

Con estas iniciativas darase un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.

Ademais, en colaboración co sector audiovisual e o sector TIC crearase un centro de produción de contidos dixitais e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarse pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.

 

Capital humano dixital: mellora das capacidades dos profesionais do sector
As actuacións deste eixo céntrase en facilitar o acceso á formación do capital humano vinculado ao sector dos contidos dixitais para que conten coas ferramentas necesarias para afrontar procesos de renovación e reorientación empresarial.

Para iso apostarase pola xeración e atracción de talento a través de programas de bolsas para prácticas non laborais; formación específica para directivos como o Programa AceleraTIC para construír un perfil directivo no sector que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico e a convocatoria de actividades divulgativas orientadas a que os máis novos se orienten profesionalmente cara ao eido dos contidos dixitais.

 

Colaboración e competitividade dixital

As actuacións deste eixo buscan establecer colaboracións entre empresas, que permitan abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados.

A través do programa DICO Challenge, porase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais, na que unha empresa tractora presentará retos e demandas ao sector para súa resolución.

Facilitarase o acompañamento ás pemes do sector dos contidos dixitais co programa ReAcciona Digital Content, que presentará un catálogo de servizos que permita ás empresas deste perfil a incorporación ao seu proceso produtivo de novas tendencias tecnolóxicas.

Para facilitar o acceso ás novidades neste ámbito prevese a posta en marcha dun centro de análise e vixilancia das tendencias tecnolóxicas, en colaboración cos Clústers TIC e Audiovisual, que favoreza e fomente o contacto e a transferencia de coñecemento entre os axentes do ecosistema dos contidos dixitais.

 

Orzamento

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.

16/03/201813:03
Contido dixital.
Santiago de Compostela

O Goberno galego pon en marcha a estratexia para impulsar os contidos dixitais e configurar un sector máis potente e competitivo

  • A filosofía fundamental deste plan, cun investimento de máis de 13 millóns de euros ata 2020, é a colaboración entre entidades do ámbito público e privado
  • Este plan define actuacións en tres eixos: o desenvolvemento de proxectos tractores, o reforzo do capital humano e o fomento da competitividade dixital

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha da estratexia para impulsar os contidos dixitais e configurar un sector na comunidade máis potente e competitivo, un sector que, neste momento, aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

Feijóo explicou que este plan define actuacións en tres eixos: o desenvolvemento de proxectos tractores, o reforzo do capital humano e o fomento da competitividade dixital. No tocante ao primeiro eixo, precisou que o obxectivo é impulsar desde a Administración autonómica iniciativas en diferentes ámbitos que, ademais de dar resposta a demandas concretas, busquen ter un efecto de estímulo para o sector.

Así, un dos máis importantes será a colaboración prevista coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.

Para elo, incorporaranse á experiencia de usuario novidades como: as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade; empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia; e crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo, como complemento para o Programa Abalar.

Neste mesmo eido, o presidente da Xunta destacou ademais outras iniciativas como crear un centro de produción de contidos dixitais que poidan servir aos sectores que os requiran. Así mesmo, dentro da iniciativa de Memoria Dixital, apostarase pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.

Sobre o segundo eixo de actuacións, dirixido a facilitar e mellorar a formación do capital humano vinculado ao sector dos contidos dixitais, cómpre resaltar dúas liñas de actuación: a creación dun programa de bolsas para prácticas non laborais, que permita orientar ás novas xeracións que se forman nesta disciplina; e un programa de formación específica para directivos para construír un perfil directivo no sector que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico.

Finalmente, e co fin de buscar unha maior competitividade dixital, estableceranse colaboracións entre empresas, que permitan abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados.

Neste eido, poñerase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais, na que unha empresa tractora presentará retos e demandas ao sector para súa resolución. Así mesmo, aprobarase un programa de acompañamento ás pemes do sector dos contidos dixitais, que presentará un catálogo de servizos que permita ás empresas deste perfil a incorporación ao seu proceso produtivo de novas tendencias tecnolóxicas.

Feijóo concluíu aseverando que, cun investimento de máis de 13 millóns de euros ata 2020, bota andar un plan cunha filosofía fundamental que é a colaboración entre entidades do ámbito público e do ámbito privado; e co obxectivo claro de crear contidos dixitais que impulsen o sector tecnolóxico pero que, sobre todo, permitan dixitalizar tamén outros sectores económicos.

16/03/201813:03
Alberto Núñez Feijóo.
Santiago de Compostela

Feijóo avoga por seguir impulsando e apoiando as vocacións científico-tecnolóxicas para acadar a plena incorporación da economía galega á revolución dixital

  • O presidente da Xunta participou esta mañá na inauguración da xornada 'La era tecnológica: un desafío para las empresas y sus líderes'
  • “É necesario que as institucións e as empresas sigamos confiando e apoiando o talento galego”, asevera
  • Recorda que, segundo o informe avaliado onte no Consello, o 40% das empresas galegas están empregando as tecnoloxías 4.0, o que significa que aínda queda moito traballo por diante
  • Incide en que aplicar ás empresas os avances da era dixital serve para captar máis investimentos, para optimizar os procesos e para aumentar as vendas
  • Refírese tamén ao reto de aumentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres e valora as iniciativas da comunidade escolar e universitaria galega como: Estalmat Galicia, un proxecto que leva dez anos impulsando os talentos matemáticos entre nenas e nenos de 12 e 13 anos
  • Expón a necesidade de que as mozas con vocación científica coñezan as mulleres que viñeron antes e lles abriron o camiño. E, con este fin, recorda o premio María Wonenburguer

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir impulsando e apoiando as vocacións científico-tecnolóxicas para acadar a plena incorporación da economía galega á revolución dixital. “É necesario que as institucións e as empresas sigamos confiando e apoiando o talento galego”, aseverou.

Neste sentido, recordou que, segundo o informe avaliado onte no Consello da Xunta sobre o impacto das tecnoloxías 4.0 no sector produtivo galego, mentres no eido da automoción hai unha implantación moi importante das tecnoloxías 4.0, no resto de sectores un 40% das empresas galegas as están empregando, o que significa que aínda queda moito traballo por diante.

Durante a inauguración da xornada La era tecnológica: un desafío para las empresas y sus líderes, o titular da Xunta incidiu en que aplicar ás empresas os avances da era dixital serve: para captar máis investimentos, para optimizar os procesos e para aumentar as vendas.

 

Fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres

Ao longo do acto, Feijóo referiuse tamén ao reto de aumentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres. Ao respecto lembrou que nos últimos catro anos, por exemplo, se duplicou a taxa de participación das mulleres nas axudas da Xunta destinadas á innovación, pasando do 27% en 2013 ao 53% en 2017. Ao que engadiu que o apoio da Administración autonómica á igualdade na I+D+i se plasma, ademais, en documentos como o Plan galego de muller e ciencia, en vigor desde 2016; e no impulso a programas de referencia internacional como Innopharma, para o desenvolvemento temperán de fármacos, e un proxecto sobre nanomedicina contra o cancro metastásico, liderados por Mabel Loza e María José Alonso, respectivamente.

Así mesmo, Feijóo subliñou que este esforzo non o está liderando en solitario o Goberno galego, ao contar co compromiso das universidades e das empresas. Non en van o 47% das persoas que traballan en I+D+i nas universidades son mulleres (por riba da media nacional); “e, aínda que a porcentaxe segue sendo menos do que nos gustaría, hoxe, hai un 36% máis de mulleres traballando en innovación nas e empresas que hai unha década”.

O responsable do Goberno galego valorou as moitas iniciativas que están a brotar da comunidade escolar e universitaria galega para impulsar as vocacións STEM entre as mozas galegas como: Estalmat Galicia, un proxecto que leva xa dez anos impulsando os talentos matemáticos entre nenas e nenos de 12 e 13 anos, amosándolles desde as idades máis temperás que na súa vocación non debe haber diferenzas de xénero. E, coa iniciativa Donas do código, alumnas e alumnos de 6º de primaria do colexio de Laredo, en Redondela, investigaron e deron a coñecer as figuras de nove mulleres de referencia nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía.

Ao fío disto, expresou tamén a necesidade de que as mozas con vocación científica coñezan ás mulleres que viñeron antes e lles abriron o camiño. E, con este fin, recordou o premio María Wonenburguer.

16/03/201813:03
Exterior do consistorio de Brión nunha imaxe da Galipedia.
Brión

Brión fomentará a empregabilidade con cursos de informática básica

O Concello de Brión vén de anunciar o vindeiro desenvolvemento de actividades formativas para rachar coa fenda dixital e incrementar, con capacitación dixital, a empregabilidade da cidadanía. Máis polo miúdo, vai organizará cursos de balde de informática básica para persoas desempregadas, a celebrar na data que concreten os propios participantes e en canto haxa un mínimo de 8 persoas inscritas. Trátase dunha actividade que, en palabras do Concello, “busca que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade”.

En detalle, as persoas que participen aprenderán nocións básicas do manexo dun computador, do sistema operativo Windows, a manexar un procesador de textos, así como crear e manexar contas de correo electrónico e navegar por Internet. O curso terá lugar na aula CeMIT local, de martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas, na data que concreten as persoas que estean interesadas. A inscrición, polo tanto, estará aberta durante todo o ano na Casa da Cultura, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com.

16/03/201810:03
Alberto Núñez Feijóo.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza máis de 26 millóns para a formación de 8.700 persoas a través de 580 cursos especializados no naval, no metal e na automoción, en competencias dixitais e industria 4.0

  • Resalta que se investirán 6,65 millóns na realización de 145 cursos para cualificar a 2.175 persoas sen emprego nos sectores do metal, o naval e a automoción
  • Indica que a Xunta seguirá apostando por este tipo de programas formativos, xa que na edición do ano 2016, un 60% dos alumnos que se cualificaron nestes cursos acadaron un emprego
  • Lembra que as accións formativas, que empezarán a partir de setembro, se estenderán ao longo de 12 meses

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de máis de 26 millóns de euros para a formación de 8.700 persoas a través de 580 cursos especializados no naval, no metal e na automoción; na docencia de formación profesional para o emprego, e para as accións vinculadas coas competencias dixitais.

Máis polo miúdo, investiranse 6,65 millóns na realización de 145 cursos para cualificar a 2.175 persoas sen emprego nos sectores do metal, o naval e a automoción. En competencias clave, levaranse a cabo 58 cursos para cualificar a 870 persoas e, con preto de 4 millóns de euros desenvolveranse accións de formación sobre competencias dixitais para 305 desempregados.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo lembrou que nesta convocatoria, ao igual que na anterior, tamén se dará prioridade: aos cursos vinculados coa Industria 4.0; aos idiomas, coñecementos financeiros, xurídicos e ás especialidades con maior demanda ou maior inserción laboral. “Para iso, destinarase 13 millóns de euros”, dixo, incidindo en que a Xunta seguirá apostando por este tipo de programas formativos xa que na edición do ano 2016, un 60% dos alumnos que se cualificaron nestes cursos acadaron un emprego, catro puntos porcentuais máis que nos dous anos anteriores.

Cómpre recordar que as accións formativas, que empezarán a partir de setembro e se estenderán ao longo de 12 meses, enmárcanse na folla de ruta do Goberno galego en materia laboral: a Axenda 20, coa que tamén se está apoiando este ano outro tipo de programas dirixidos á cualificación para desempregados. Neste eido, destacan as unidades formativas na empresa cun compromiso mínimo de contratación do alumnado que se forme.

16/03/201810:03
Phonekid.
Santiago de Compostela

Un móbil pensado para os nenos... e os pais

  • A startup española Escudo Web Software desenvolveu un teléfono móbil pensado para converterse no primeiro móbil que utilicen os máis pequenos, xa que ofrece opcións moi avanzadas de control por parte dos pais, que á súa vez gañan en tranquilidade.

 

O terminal chámase phoneKid e a pesar de ter unha aparencia dun smartphone normal e corrente, no seu interior incorpora o software desenvolvido pola compañía que permite aos pais manter o control sobre o uso do dispositivo.

Este control tamén é especialmente interesante para pais con fillos con distintos tipos de discapacidade, xa que permite facilitar o uso do terminal, deixando só dispoñibles as aplicacións principais, e dá unha maior tranquilidade coas opcións de seguridade.

Ademais de decidir as aplicacións á que o seu fillo pode acceder, os pais poden utilizar unha función denominada 'Escóitame', pola que se conxela o móbil para que o usuario faga caso aos seus proxenitores.

En canto aos sistemas de seguridade, o teléfono ten a xeolocalización sempre activa de maneira que os pais poden saber a localización do neno. Tamén incorpora un botón SOS e a posibilidade de realizar chamadas de emerxencia ocultas, para que o pequeno as utilice en caso de situacións de perigo.

Un teléfono moi interesante pensado para cubrir ese momento no que os nenos xa reclaman aos seus pais un móbil pero estes queren controlar o seu uso. E tamén unha opción para o seu uso por nenos con discapacidade xa que ten unhas funcións de personalización e de seguridade moi valiosas.

16/03/201810:03
Xuntanza do xurado dos galardóns.
A Coruña

As TIC cobran protagonismo nas candidaturas dos premios empresariais da Deputación da Coruña

Os galardóns empresariais da Deputación da Coruña vanse entregar o vindeiro 23 de marzo. Estamos a falar do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial e das súas tres categorías, dotadas con 25.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova (para proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada (para empresas que conten con máis de cinco anos de actividade), e Mellor Iniciativa Socialmente Responsable (que premiará as firmas que contribúan ao medre sustentable da provincia). Segundo fai saber a Deputación da Coruña, coma na anterior convocatoria hai unha nutrida presenza de iniciativas tecnolóxico-dixitais entre as candidaturas presentadas. Estes e outros datos foron dados a coñecer esta semana, na xuntanza do xurado dos galardóns na sede da entidade que preside Valentín González. 

Como dixemos, os gañadores daranse a coñecer o vindeiro venres 23 de marzo, nun acto que contará coa presenza do presidente da Deputación e o deputado de Promoción Económica, José Luis García, e representantes do tecido empresarial da provincia.
A Deputación convocou este premio por segundo ano consecutivo dentro das accións do Plan de Emprego Local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento económico dos concellos coruñeses.

Na xuntanza desta semana fíxose saber que un total de 78 empresas da provincia presentaron as súas candidaturas ás tres categorías coas que conta o galardón. O xurado estivo presidido polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, mentres que o secretario foi Rafael Díaz-Aguado, Xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, entre as que se inclúen a Asociación de Empresarios Novos da Coruña, a USC, a UDC, a CEC ou a Cámara de Comercio de Santiago. 

Os dez membros do xurado avaliaron as candidaturas seguindo criterios como “a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de traballo ou a implantación de medidas de RSC, entre outros”.

En canto aos ámbitos de actividade das empresas, salientan as adicadas ás novas tecnoloxías da información e á programación informática, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.

16/03/201810:03
Aula informática.
Madrid

GoodJob forma en ciberseguridade a persoas con discapacidade

  • A Fundación iniciou a súa segunda edición de Certificado de Profesionalidade de Seguridade Informática.
  • O 60% dos alumnos da pasada edición acabaron contratados en empresas do sector.

 

Fundación GoodJob inicia a súa segunda edición de Certificado de Profesionalidade de Seguridade Informática para persoas con discapacidade. Dado o interese da temática e a falta de profesionais formados, desde GoodJob afirman que o 60% dos alumnos que finalizan as prácticas, acaban sendo contratados polo Centro Especial de Emprego da Fundación para pasar a formar parte do persoal de empresas do sector.

A entidade aposta por un sector clave na economía do noso país, como é o da seguridade informática, abordando temáticas de prevención de riscos asociados ao contexto dixital, como poidan ser roubos de identidade, protección de datos, etc.

O curso, impartido de maneira presencial na sede da Fundación GoodJob, ten unha duración de 420 horas cunha parte de prácticas de 80 horas. O certificado que reciben ao final do curso, acredita aos que o superen en capacitación para garantir a seguridade dos accesos e usos da información rexistrada en equipos informáticos, así como do propio sistema. A finalidade é que teñan coñecementos para protexer ás empresas de posibles ataques e exposición a vulnerabilidades.

Coincidindo con esta segunda edición, a Fundación GoodJob e o ISMS Forum Spain asinaron un acordo de colaboración para realizar actividades comúns que favorezan a integración das persoas con discapacidade no ámbito da Seguridade da Información e de protección de datos. Ambas as organizacións desenvolverán actividades conxuntas para favorecer o acceso a postos de traballo de persoas con discapacidade.

16/03/201809:03
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Volven as Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA, desta volta en Compostela

Os vindeiros 13 e 14 de abril celebraranse no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela a nova edición, a número 17, das Xornadas de Tecnoloxía da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA. Trátase, para quen non o saiba, dun acontecemento divulgativo e formativo encamiñado a achandar no ámbito docente o camiño da investigación tecnolóxica e científica. A metodoloxía empregada, basicamente, é formar a formadores e alumnado e intercambiar recursos e capacidades. O obxectivo, en última instancia, é estimular o noso talento.

Haberá 120 prazas, habilitadas sobre todo para o profesorado de Secundaria e Bacharelato, homologadas pola Consellería de Educación como actividade de formación do profesorado por un total de 12 horas. A inscrición pódese facer na páxina da APETEGA.

Respecto do programa de actividades, estas comezan o día 13 cunha visita ao CiTIUS, no Campus Sur da USC, centro referencial a nivel galego e estatal en materia de novas tecnoloxías de comunicación. Pola tarde, logo do xantar, celebrarase o acto inaugural, unha charla sobre satélites e un coloquio sobre escenas de cinema e debates tecnolóxicos. Ao día seguinte, o programa arranca cunha charla-coloquio sobre unidades didácticas de tecnoloxías e prosegue con comunicacións didácticas e exposición de proxectos. Logo, ao mediodía, será a quenda dos primeiros obradoiros, que proseguirán pola tarde, logo do xantar. Por temáticas, os obradoiros porán o foco nas seguintes cuestións: deseño en 3D, téxtiles intelixentes, galgas extensiométricas con Arduino, realidade aumentada, drons, robótica e aproveitamento e reciclaxe de material tecnolóxico. Ademais, introducirase aos participantes na iniciativa AppInventor, unha contorna de desenvolvemento de software creado por Google Labs para a elaboración de aplicacións dirixidas ao sistema operativo Android, lanzado por Google.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS