A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa, asinaron hoxe un convenio de colaboración para facilitar á adaptación deste órgano á Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Este acordo facilitará ao Consello Consultivo o acceso ao catálogo de servizos dixitais que a Amtega ten á disposición doutras administracións públicas no marco do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020. Un dos principios deste Plan é a aposta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais entre os diferentes niveis administrativos para simplificar o acceso á Administración electrónica, tanto aos empregados públicos como aos cidadáns e empresas.
A colaboración entre a Amtega e o Consello Consultivo comezará coa posta á disposición deste órgano do Portasinaturas, a plataforma da Xunta que permite asinar documentos de xeito electrónico, evitando desprazamentos, o uso do papel e axilización da tramitación.
Progresivamente e, en función das necesidades que se determinen, o Consello Consultivo poderá acceder a outros servizos como as notificacións electrónicas, a plataforma de interoperabilidade, ou o Arquivo Electrónico.
Segundo recolle o acordo asinado hoxe, o Consello Consultivo achegará a Amtega 73.800 euros ata 2021 para financiar as actuacións previstas.
Plan de Administración e Goberno Dixital 2020
A Xunta de Galicia vén traballando na dixitalización da Administración cunha folla de ruta desde o ano 2010, primeiro con Plan de Modernización da Administración Autonómica, co que se asentaron as bases da Administración electrónica e agora co Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 co que se dá resposta ás esixencias do novo marco normativo. Un Plan aprobado en 2015 cun investimento de 27,7 millóns de euros en 5 anos que nos permitiu afrontar as esixencias das Leis 39/40 desde un bo punto de partida.
Como complemento ao cumprimento destas leis, a Xunta está a tramitar a Lei de Administración Dixital de Galicia para universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.
O Goberno quere levar fibra óptica a 300 Mbps a 803.685 galegas e galegos. Así o fixo saber onte o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, na presentación do Plan 300x100, dirixido a impulsar “a transformación dixital da economía no ámbito estatal e pechar a fenda dixital xeográfica”. Ou sexa, a fenda de oportunidades e de accesibilidade que separa o rural dos espazos urbanos, máis plenamente inseridos na Sociedade da Información (por contar con meirande e mellor oferta, máis oportunidades de acceso e, en xeral, máis poder adquisitivo). O plan, en termos concretos, prevé estender a fibra óptica e os 300 Mbps de capacidade ao 100 por cen dos núcleos de poboación de España. Está dotado con 525 millóns de euros para o período 2018-2021.
O plan, que é un novo paso do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-NGA) posto en marcha no ano 2013, quere pór o foco nas pequenas poboacións e as zonas rurais, sendo a nosa terra (polo disperso da súa poboación, pola súa orografía e pola gran cantidade de aldeas e vilas de pequeno tamaño), un dos principais obxectivos do programa. De feito, destinaranse para Galicia case 70 millóns de euros, achegándose arredor de 87 euros por cidadán durante o período de vixencia da iniciativa. Na cita de hoxe deuse a coñecer que os 525 millóns de euros que se destinarán ao Plan 300x100 serán co-financiados con fondos FEDER (395 millóns de euros) e que este venres o Consello de Ministros dará luz verde á primeira partida destas axudas coa convocatoria de até 150 millóns de euros para estender a banda larga en 2018.
Álvaro, María, Javier, Raquel, Daniel forman parte dun grupo de 13 mozos traballadores, en formación ou en procura de emprego.
Desde outubro, todos os venres acoden ás instalacións da Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid a un obradoiro de programación con Scratch para desenvolver un videoxogo.
No seu día a día, hai unha circunstancia engadida: son persoas con síndrome de Down. E poida que o primeiro grupo de persoas deste colectivo que desenvolvan un videoxogo en España, baixo o nome Block Down.
Desde o pasado outubro, Voluntarios Telefónica e Down Madrid, co apoio de "Jóvenes Inventores", puxeron en marcha unha serie de obradoiros de programación con scratch para traballar nun videoxogo sobre a reciclaxe dirixida a nenos.
Con iniciativas como esta, a Fundación Telefónica e Down Madrid colaboran para aumentar a conciencia social para a inclusión e a autonomía deste colectivo.
A partir deste proxecto, desenvolverase unha metodoloxía propia sobre como ensinar a programar con Scratch a persoas con síndrome de Down e mostrar que a tecnoloxía, e en concreto a programación, non son barreiras para ninguén:
"A programación é un elemento clave na sociedade actual e o proxecto achega esta nova linguaxe a un colectivo que ata agora tivo pouco acceso a iso.
Os alumnos pensan de maneira independente e toman as súas propias decisións. Os voluntarios temos un rol de consultores tecnolóxicos, e só cando eles precisan a nosa axuda, nós botámoslles unha man para que a súa aprendizaxe sexa o máis óptima posible", comenta Héctor Sánchez Martínez, voluntario de Telefónica implicado no proxecto.
Unha vez máis, e xa van catro, a capacidade das nosas empresas e grupos de investigación para impulsar o fluxo do coñecemento avanzado duns grupos a outros, e dos grupos ás empresas, e das empresas e grupos á sociedade, vai ter recompensa. Estamos a falar dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2018, convocados novamente pola Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. Segundo puidemos saber, o prazo para presentarmos candidaturas xa está aberto (até o 31 de maio), introducíndose este ano unha importante novidade: unhas bases significativamente máis accesibles, co obxectivo de facilitar o proceso de presentación de proxectos.
Como exemplo desta simplificación, habilitouse a tramitación de candidaturas de xeito totalmente telemático. Segundo informa a RAGC, “isto facilitará a concorrencia de grupos de investigación, PEME e grandes empresas”. A cuarta edición edición mobiliza unha contía total de 28.000 euros netos para repartir en premios. O obxectivo do certame: recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, investigadores e empresarios.
Modalidades
A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación emprazados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase “a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado”. A dotación do premio ascende a 6.000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra da nosa terra.
As dúas modalidades empresariais buscan “os casos de éxito máis representativos de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía”. A primeira delas vai dirixida ás PEME galegas (incluíndo as microPEME) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascende a 12.000 euros netos. No caso das grandes empresas, o premio toma como referencia os mesmos méritos que se valoran nas PEME, coa diferencia de que o premio para a empresa ten carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.
A CRTVG, en colaboración coa AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, creará unha canle temática dirixida á comunidade educativa non universitaria de Galicia. Esta acción encádrase dentro da Área de Innovación da CRTVG e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.
O acordo entre as dúas institucións inclúe tamén a creación dun modelo de análise de datos que procese o consumo e os comportamentos da mocidade galega ante os contidos audiovisuais dixitais e ante as novas tecnoloxías. O novo proxecto terá unha duración inicial de tres anos nos que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica necesaria para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela.
No seu desenvolvemento utilizaranse os modelos narrativos dixitais nativos que teñen o maior impacto no consumo audiovisual e multimedia da poboación infantil e xuvenil, como por exemplo as narrativas dos youtuber e dos influencers, ou das diferentes plataformas de vídeo baixo demanda que operan nos mercados internacionais, como emisións en directo de grandes eventos e conferencias con persoas de prestixio internacional. Tamén se incorporarán as novas tendencias no consumo audiovisual, como a incorporación de elementos creados con realidade aumentada ou con realidade virtual.
O proxecto contempla a creación de programas que poden ser emitidos en canles tradicionais coma a televisión ou a radio. Para iso incorporaranse á experiencia de usuario novidades como as segundas pantallas complementarias á formación con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten actualmente.
Eido educativo
Esta canle dixital, transmedia e interactiva, complementará o Programa Abalar de integración das TIC na práctica educativa de Galicia, e permitirá aos docentes e aos estudantes de primaria ou secundaria obter recursos audiovisuais baixo demanda relacionados cos diferentes contidos das materias que se imparten na formación entre 6 e 16 anos.
Nesta nova canle, os dispositivos móbiles serán utilizados, fundamentalmente, como visualizadores avanzados de contidos multimedia que permiten aos estudantes e ao profesorado unha ampliación de información e de entretemento sobre os obxectos de estudo, como por exemplo a posibilidade de que o dispositivo móbil etiquete e describa monumentos de referencia en Galicia a través da realidade aumentada, ou de que se recreen sucesos naturais ou históricos a través da realidade virtual. No eido formativo preténdese, en definitiva, ofrecer a posibilidade dun modelo educativo envolvente, que permita achegar a información necesaria no momento no que sexa demandado tanto polo estudante coma polo profesor.
A Asociación Comunidade Redes de Telecentros participará na "All Digital Week", campaña internacional impulsada desde a rede europea do mesmo nome co obxectivo de sensibilizar á poboación acerca da importancia da competencia dixital en todos os ámbitos da vida, especialmente no laboral.
Durante a semana do 19 ao 25 de marzo de, os membros de All Digital organizan accións e eventos pensados para xerar confianza na tecnoloxía mediante o desenvolvemento dun pensamento crítico. A campaña ten un enfoque transversal que expón a formación ao longo da vida como unha constante que manteña as nosas competencias dixitais actualizadas nun contexto en continua transformación.
Esta campaña anual de empoderamento dixital desenvolvida en espazos TIC, telecentros, bibliotecas, escolas, centros comunitarios e organizacións sen fins de lucro en toda Europa, atrae a 100.000 europeos cada ano en atractivos eventos online e offline que abordan a transformación dixital e os seus efectos.
A Semana ALL DIGITAL ofrece ferramentas e enfoques para mellorar as habilidades dixitais e axudar a potenciar as habilidades laborais. A campaña pretende:
Para tratar estes temas haberá unha serie de eventos e actividades que abarcarán unha variedade de temas, desde a alfabetización dixital ata seguridade en liña e ciberseguridade, ata a programación de código.
Neste sentido, as redes de Telecentros de Estremadura (Plan de Alfabetización Tecnoloxía), Castela e León, (Espazos CyL Dixital), e a Fundación Dédalo e a Fundación Esplai organizaron unha serie de actividades aberta á participación de todos os telecentros.
A operadora de telecomunicacións Orange España e ILUNION Sociosanitario lanzarán o próximo 2 de abril 'Serena', un servizo de atención para persoas maiores que, por primeira vez, combina todas as vantaxes das telecomunicacións e a teleasistencia, tanto en casa como fóra dela.
A presentación deste servizo tivo lugar este martes no auditorio de Torre ILUNION, en Madrid, nun acto no que interviñeron o director xeral de ILUNION Sociosanitario, Joaquín Leizaola, e o CMO-Chief Márketing Officer de Orange España, Samuel Muñoz.
'Serena' permitirá que os usuarios (principalmente persoas maiores de 65 anos e dependentes, o que supón unha poboación superior aos 9 millóns de persoas en España), poidan gozar de todos os servizos que ofrece a teleasistencia, así como dunha atención cualificada e inmediata en caso de necesidade urxente, tanto no seu domicilio como fóra del, grazas ao seu dispositivo móbil e á app desenvolvida para ese efecto.
Desta forma, a través de 'Serena', os usuarios terán un servizo de teleasistencia en mobilidade en todo o ámbito nacional, as 24 horas de día, os 365 días do ano, tan só accionando un botón, que estará dispoñible tanto no seu terminal móbil como na propia 'app'.
Funcionalidades
Ademais de funcionalidades como os avisos de emerxencias, a comunicación con persoal cualificado experto en teleasistencia mediante chat, chamadas de acompañamento ou xeolocalización, os usuarios deste servizo contarán cun sistema de notificacións de axenda persoal e familiar, como as relativas á medicación, as citas médicas ou os eventos familiares, entre outras.
Así, tanto o propio usuario do servizo como os seus familiares terán a tranquilidade que supón un contacto con asistencia inmediata e especializada en todo momento, e atención constante a través dos servizos dos profesionais de ILUNION Sociosanitario. Todo iso a través dun servizo fácil de usar e grazas ao cal os usuarios poderán sentirse máis independentes e tranquilos.
'Serena' poderase solicitar tanto a través do teléfono 1470 de atención ao cliente de Orange como nas tendas da operadora por 15,90 euros ao mes, sen custos de alta ou instalación, sen permanencias e sen necesidade doutro terminal que o propio móbil do cliente, facilitando así unha asistencia completa e especializada ao alcance de todos. O cliente poderá contratar o servizo na súa modalidade 'Esencial' (simplemente configurando o botón físico dispoñible no seu terminal móbil tradicional de teclas asociado) ou 'Total' (a través dun smartphone coa app de 'Serena'). En ambos os casos, o prezo é o mesmo e o usuario unicamente deberá ser cliente dunha tarifa móbil de contrato de Orange. 'Serena' intégrase, por outra banda, na liña de negocio de Orange, desde a cal se xestionan todos os servizos dirixidos a usuarios senior. Ademais de 'Serena', inclúense na categoría seniors de Orange outros servizos que completan a súa aposta por unha xestión especializada para este segmento, como son O meu Fixo, Esencial Tablet, o servizo de atención ao cliente especializado en usuarios maiores ou os obradoiros gratuítos formativos que Orange imparte a estes clientes nas súas tendas para familiarizalos co uso de dispositivos móbiles e co servizo 'Serena'.
Atención inmediata e humana
'Serena' incluirá un servizo de atención inmediata ante situacións de emerxencia que precisen a mobilización dos recursos públicos, privados e persoais máis adecuados. Tamén recibirán periodicamente chamadas de seguimento e atención de persoal experto de ILUNION Sociosanitario, que lles ofrecerá información de interese, como recomendacións de hábitos tanto físicos como alimenticios para manter unha vida saudable. Doutra banda, 'Serena' contará cun microsite dirixido a familiares dos usuarios, cun rexistro das interaccións co servizo de 'Serena', unha área para visualizar documentación do seu interese particular, facturas e un espazo para ver os avisos que recibe o usuario. 'Serena' combina a tecnoloxía en telecomunicacións de Orange coa atención personalizada, profesional e humana do servizo de teleasistencia de ILUNION, cuxo obxectivo é proporcionar autonomía, tranquilidade e seguridade aos usuarios e os seus seres queridos. O servizo de teleasistencia en mobilidade de ILUNION, composto por un equipo de profesionais altamente cualificados e cunha gran calidade humana, outorga unha grande importancia á promoción da autonomía persoal, á prevención de situacións de risco por mor da idade e á socialización das persoas maiores para combater a soidade.
A tecnoloxía ao servizo das persoas
Os promotores da iniciativa destacan que a unión de ILUNION e Orange no lanzamento de 'Serena' é unha mostra clara de como a tecnoloxía se pon ao servizo das persoas para ofrecer servizos útiles e sinxelos que lles permiten gozar da súa vida. "En 'Serena' conflúe, en definitiva, o obxectivo común de Orange e ILUNION de utilizar a tecnoloxía para conectar aos usuarios a aquilo que queren ou necesitan. Neste caso, un persoal especializado, que, mantendo unha relación próxima e clara cos clientes máis senior, dálles a tranquilidade e seguridade necesarias para facer máis fácil a súa día a día", conclúen.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu hoxe ao conselleiro delegado de Orange España, Laurent Paillassot, quen lle explicou o estado dos traballos para dotar de conexións ultrarrápidas a máis de 800 sedes de centros educativos públicos de primaria e secundaria de Galicia.
Este era o obxectivo da iniciativa Escolas Conectadas, da que Orange resultou adxudicatario e que se desenvolve na Comunidade grazas á colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura Deporte e Red.es, a entidade estatal responsable da licitación.
Esta actuación, sumada as que xa tiña en marcha a Administración autonómica, posibilitará que o 100% das sedes dos centros públicos de primaria e secundaria da Comunidade, máis de 1.200, dispoñan de redes ultrarrápidas.
Ata 500 Mbps de velocidade
Laurent Paillassot trasladoulle ao presidente da Xunta que están abordando a fase final do proxecto, que prevé completar en abril os traballos nos últimos 22 centros –dun total de 811-.O 63% destes centros disporán de velocidades de 500 Mbps e o 37% restante de 150 Mbps. Ademais, Orange proporcionará wifi a 400 centros e a Xunta a outros 400. O investimento público destas actuacións xunto co custe do mantemento das liñas supoñen un orzamento de 19,7 millóns de euros.
A Xunta farase cargo do mantemento das liñas, unha vez que se complete a fase de validación dos centros, que garante que as velocidades de conexión son as estipuladas nos pregos. Esta fase non se completará previsiblemente ata despois do verán. Desde a Xunta trasladóuselle a operador a necesidade de acurtar os tempos de resposta ante as posibles incidencias técnicas nas conexións.
Investimentos de Orange na Comunidade
Por outra banda, Laurent Paillassot avanzou ao presidente galego os obxectivos da súa compañía en Galicia. O conselleiro delegado do operador sinalou que a finais de 2019 a compañía terá investido en Galicia máis de 92,5 millóns de euros no despregamento da súa rede de na comunidade, acadando unha cobertura aproximada do 53% sobre o conxunto de vivendas principais da Comunidade galega, distribuídas en 40 municipios.
De forma paralela á construción desta rede de fibra, Orange destinou ata o momento 202 millóns de euros para despregar a tecnoloxía móbil 4G na Galicia, aos que se sumarán outros 5,3 millóns máis este mesmo ano para completar o despregamento destas redes.
Esta semana, entre hoxe e mañá, celébrase na Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense unha nova edición (a terceira) do Foro Emprego. A cita, un espazo común para empresas do sector TIC e alumnado (onde poder establecer contacto e achandar o terreo para máis que posibles colaboracións laborais) desenvólvese a partir das 10.00 horas no salón de graos do Edificio Politécnico. No foro están a participar arredor dunha vintena de compañías e entidades, todas elas co nexo común de demandar profesionais do eido tecnolóxico. Segundo apuntou a Escola na inauguración (hoxe pola mañá) do encontro, “o que diferenza este foro de emprego doutros é que o alumnado participa nel consciente das vantaxes que lle dan as elevadas taxas de empregabilidade destes titulados e tituladas”.
O obxectivo da iniciativa, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é duplo. Por unha banda,“ao alumnado permítelle coñecer o mercado laboral, contactar con empresas do sector e ver que proxectos están a desenvolver na actualidade”. Por outra banda, sinalou, “ás empresas permítelles contactar co alumnado de mestrado e de grao desde etapas temperás, antes da súa saída ao mercado laboral”. O director da ESEI tamén lembrou as “altas taxas de empregabilidade do sector, superiores ao 90% unha vez remata a titulación”. Repetindo moitas delas de anteriores edicións, o foro conta coa participación de empresas e entidades como Bahía Software, Tecnologías Plexus, Grupo Cuevas, Balidea Consulting, Viewnext, Gradiant, Altia, Redegal, Arbentia Consulting, Optare Solutions, Imatia Innovation, Sivsa Soluciones, Coremain, Everis e Indra Sistemas.
A programación permite ao alumnado asistente asistir a presentacións de cada unha destas entidades e por outra realizar entrevistas individuais cos representes destas empresas, entrevistas nas que os estudantes poden entregarlles os seus currículos e establecer contacto. A primeira das presentacións correu a cargo de Bahía Software, empresa de consultaría tecnolóxica de software a medida nada en 1999 e que na actualidade conta con arredor de 180 traballadores e traballadoras. Iria Vázquez, técnica de selección da entidade, e Álvaro Suárez, responsable da delegación en Ourense, foron os encargados de explicar ao alumnado presente as características da empresa, dalgúns dos perfís tecnolóxicos que están a procurar e de proxectos que na actualidade están a desenvolver en diferentes eidos, sobre todo no da saúde.