main content

main content
04/04/201808:04
Glucómetro iHealth.
Santiago de Compostela

Xiaomi alíase con iHealth para ofrecernos un glucómetro conectado para diabéticos

Coñecémolo máis polos seus móbiles, pero hai tempo que a ambición de Xiaomi fixo que o seu catálogo de produtos chegue a moitas outras industrias, e entre elas está a da saúde ou a monitoraxe da actividade física.

A nova proposta do fabricante así o demostra: o chamado Xiaomi iHealth Smart Blood Glucose Meter (idéntico ao dispositivo iHealth Align) é un glucómetro conectado desenvolvido por iHealth Labs que nos permite medir os niveis de azucre en sangue e rexistralos cunha aplicación móbil que nos revela se todo vai ben neste importante índice. O dispositivo é unha alternativa interesante para persoas con diabetes.

 

Pequeno e funcional

O deseño deste glucómetro de Xiaomi e a empresa estadounidense iHealth é desde logo curioso: trátase dun dispositivo pequeno de 52 x 30 x 9,5 mm que pesa tan só 10,3 gramos e que destaca por esa forma de pinga e por contar co conector de 3,5 mm que tradicionalmente asociamos aos auriculares pero que Xiaomi leva tempo usando para algúns dos seus accesorios para móbiles.

Os fabricantes fixeron uso dun polímero PMMA que segundo eles faino totalmente hixiénico, e no seu interior atopamos un pequeno procesador Cypress que se encarga da calibración do algoritmo de medición e de achegar a máxima precisión á hora de ofrecer eses datos sobre os niveis de azucre en sangue.

Este glucómetro fai uso dunha pila de botón (CR1620) non recargable que se pode substituír facilmente. O dispositivo apenas consome enerxía, o que fai que estas pilas aguanten moito tempo sen necesidade de ser cambiadas.

 

A información do glucómetro sempre ao teu alcance

A medición dos niveis de azucre en sangue realízanse de forma idéntica ás doutros glucómetros: o dispositivo inclúe 25 packs de papeis de proba, agullas recolectores de sangue e sabas desinfectantes, ademais dun bolígrafo recolector no que colocamos esas agullas cando as imos usando.

Unha vez colleitamos unha pequena pinga de sangue e introducímola no glucómetro, poderemos conectar este dispositivo ao noso móbil a través da toma de auriculares.

A aplicación desenvolvida por Xiaomi para facer o seguimento deses niveis está dispoñible tanto para iOS como para Android, e en cinco segundos ofrecerá a información sobre a proba realizada.

 

Xiaomi non fabrica, esta vez só revende

O dispositivo que está a comercializar Xiaomi está deseñado e desenvolvido por iHealth Labs, unha empresa estadounidense con presenza europea na que Xiaomi investiu 25 millóns de dólares en 2014.

Esta empresa tamén o comercializa co nome de iHealth Align por 19,95 euros coa súa propia aplicación, e de feito dispón dun modelo superior de 69,95 euros que non depende do smartphone.

Podémolo atopar en tendas chinesas online baixo a marca de Xiaomi, pero tamén está á nosa disposición por exemplo en Amazon, onde custa 19,95 euros máis 2,99 euros de gastos de envío.

Este dispositivo está orientado a pacientes de diabetes e o fabricante indica que foi aprobado polas autoridades regulatorias, incluídas as europeas, e iso permite que conte co selo CE, ademais de estar clinicamente validado co protocolo ISO 15197:2013.

Máis información | iHealth Labs

04/04/201808:04
Cartel SmartPeme Pontevedra.
Pontevedra

A sede de SmartPEME en Pontevedra acolle en abril oito novos obradoiros

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de abril na súa sede pontevedresa (o edificio administrativo da entidade provincial) un total de oito actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Pontevedra desenvolverase este mércores, co curso n a descubrir que son e para que serven as redes sociais
Tras este primeiro obradoiro, esa mesma semana, o 6 de abril, impartirase Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. A seguinte semana terán lugar dous novos obradoiros: o martes 10 de abril, Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online e, o 12 de abril, Como mellorar a reputación online do teu establecemento de hostalería.

Pola súa banda, a seguinte semana, os obradoiros continuarán en Pontevedra o luns 16 de abril con Prestashop II: xestión dunha tenda online e Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, o xoves 19 de abril. Por último, o luns 23 de abril Pontevedra acollerá o obradoiro Aprende a crear vídeos promocionais para o teu negocio e rematará o mes con Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo.


Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os días 6 e 12 de abril, que serán ás 17 horas, e as inscricións poden facerse chamando ao 886 202 020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.

A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses. A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro. Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.

 

Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos denetworking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

03/04/201812:04
Asistentes ao taller sobre debuxo, este luns na aula Cemit.
Celanova

Xogos e obradoiros achegan a tecnoloxía aos menores

Uns 40 nenos e nenas de Celanova participaron esta semana Santa nos talleres e actividades organizadas polo Concello celanovés a través da aula de informática, incluída na Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Cemit) de Galicia.

No último, celebrado onte mesmo en colaboración coa biblioteca pública, os menores tiveron a oportunidade de elaborar debuxos para participar no concurso "Un conto de H. C. Andersen en cómic" coincidindo co Día do Libro Infantil e Xuvenil. "Os nenos e nenas sempre veñen moi contentos á aula, porque é unha oportunidade que teñen para xogar e achegarse as novas tecnoloxías", apuntaba Laura Fernández, responsable das instalacións.

 

Curros e A Chaira

Durante as vacacións escolares, as instalacións municipais situadas no parque das Triguerizas, albergaron diferentes actividades adaptadas segundo a idade. A estes obradoiros hai que engadir a oferta lúdica relacionada coa literatura local organizada pola Fundación Curros Enríquez na Casa dous Poetas, así como a programación de lecer e de natureza deseñada desde o Centro Terapéutico, Cultural e Educativo A Chaira de Amoroz.

03/04/201810:04
Logo helpin.name.
Santiago de Compostela

Unha app para facilitar as doazóns a causas solidarias

Unha empresa española creou a primeira aplicación de móbil pensada para facilitar as doazóns a causas solidarias, co obxectivo de acelerar e simplificar os trámites das persoas que queren colaborar en todo tipo de proxectos, como o apoio a persoas con discapacidade ou a persoas maiores.
 
Esta aplicación, que se chama Helpin.Name, é un exemplo máis de como a tecnoloxía pode axudar, aínda que sexa de forma indirecta, a mellorar a calidade das persoas que teñen unha situación máis complicada.
 
A idea desta aplicación naceu das dificultades que os seus fundadores atoparon para realizar unha doazón a través dun teléfono móbil, momento no que decidiron desenvolver unha solución que permita simplificar este tipo de transaccións.
30/06/2018De 09:00 a 15:00h
1 mes 1 profesión dixital
Cidade da Cultura, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela

IV edición local da Olimpíada Internacional de Robótica (WRO)

O próximo 30 de xuño, de 9:00 a 15:00 horas, celebrarase a IV edición local da WRO, Olimpíada Internacional de Robótica, na Cidade da Cultura no Gaiás, iniciativa organizada polo CPEIG, FEGAMP e Arkitas Robótica. 

A WRO é unha Olimpíada na que nenos e nenas de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten cos seus robots en distintas categorías e retos segundo idades. Esta competición conta cunha fase local, unha nacional, que este ano será en Platja d’Aro, Girona, e a internacional, que terá lugar en Tailandia en novembro de 2018.

03/04/201809:04
Rolda de prensa do Carballo Interplay.
Carballo

Despega a quinta edición do festival galego de webseries, o Carballo Interplay

Esta semana celébrase en Carballo a nova edición (a quinta) do festival Interplay de webseries, referente galego, estatal e internacional en materia de contidos dixitais e en todas as cousas que teñen que ver co audiovisual e a súa confluencia cos novos xeitos tecnolóxicos de facelo, distribuílo e, por suposto, velo. O certame, que non as proxeccións, comezou xa hoxe, coa presentación do mesmo e coa posta en marcha do Campamento Kamikaze, que converte a praia de Razo nun innovador e dinámico encontro de creadoras e creadores. O Carballo Interplay, que durará até este sábado 7 de abril, abranguerá tamén unha sección oficial con webseries de todo o mundo, xuntanzas, obradoiros, concretos, debates ou vídeo conferencias. A cita foi dada a coñecer polo alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, que enxalzou o potencial do certame para situar Carballo no mundo. E tamén “para poñer o mundo en Carballo”.

Na rolda tamén participou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que salientou “a perspectiva de xénero que ten o evento” e como este foi concibido (este ano máis ca nunca) para “reivindicar a figura da muller na Historia”, abranguendo a historia da tecnoloxía e da innovación. Esta vontade de visualizar o pulo creativo feminino percíbese en múltiples dos elementos que acompañan esta edición, por exemplo a imaxe gráfica do Interplay ou o propio programa da gala de clausura, que presentará a actriz e cómica Akira Valero co título Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible? A idea, segundo sinalou o edil, é reivindicar a figura de creadoras e investigadoras fundamentais para o audiovisual e as invencións técnicas que son habitualmente ignoradas: Hedy Lamarr (precursora da tecnoloxía móbil, GPS e Wi-Fi), Ada Lovelace (matemática e escritora británica), Alice Guy (primeira persoa en dirixir un filme de ficción), Ángela Ruiz Robles (inventora do e-book), Delia Derbyshire (pioneira da música electrónica), Margaret Hamilton (científica computacional, matemática e enxeñeira), Radia Perlman (percursora de Internet), Mary Allen Wilkes (enxeñeira programadora), Susan Kare (pioneira no deseño de interfaces de usuario) e Agnès Varda (cineasta cunha carreira dende a Nouvelle Vague ata a autoficción dixital).

Na cita cos medios tamén interveu Sonia Méndez, directora do festival, quen fixo un percorrido polo roteiro do programa do Interplay, que arrancou hoxe co Campamento Kamikaze, cuxo resultado, por certo, poderá verse con formato de webserie este mércores ás 20.30 horas no auditorio do Pazo de Cultura. O día seguinte, 5 de abril, celebrarase unha xuntanza para profesionais (Día Pro) na que estarán presentes (partillando coñecemento e propostas) directivos e directivas de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, Vice, Globomedia, 2btube, Hitsbook ou Infomix. Os responsables destas compañías participarán nun networking con profesionais acreditados no que terán ocasión de coñecer máis de 32 proxectos. 
María Yáñez, coordinadora de actividades do festival, destacou os esforzos do evento para pór en valor contidos da nosa terra, salientando o Premio a proxecto de webserie en galego, que o ano pasado gañou Hai vida en Bran?, a creación de Ángela Andrada cuxa estrea pechará a xornada do 5 de abril, xusto despois de que as propostas finalistas deste ano defendan os seus proxectos. 


42 webseries
Até 42 webseries de todo o mundo compiten finalmente na sección oficial da quinta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Así nolo contaron os días pasados as principais impulsoras do certame, Sonia Méndez e Sandra Lesta, xunto co Concello de Carballo, engadindo que a quinta edición do concurso elixiu (entre máis de 250 propostas chegadas de todo o mundo) un total de 3 propostas galegas e en galego, 12 do resto do ámbito estatal e 27 do resto do mundo. 

Noutras palabras: os que acudamos ao festival, teremos a sorte e o privilexio de ver, dende o corazón de Bergantiños, achegas audiovisuais innovadoras (por formato, por contido) de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza, Uruguai e, por suposto, España. Cada unha das tres categorías repartirá 800 euros en premios. O xurado do certame estará composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Óscar Cruz e a directora Anxos Fazáns. Ademais, o público decidirá cos seus votos (entre todas as contribucións) un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade, a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e programador do Xiria Pop Maikel Pérez.

03/04/201809:04
Man sostendo un cartón de crédito por riba dun portátil.
Lugo

A Aula TIC PEME de Lugo volve mostrarnos como vender en liña

Aula TIC PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) vén de pór en marcha a edición número once do seu obradoiro sobre novos e eficaces xeitos de vender nas redes, de facermos empresa e de comunicarnos cos nosos clientes. A vindeira edición do seu Taller Online sobre Xestión de Tendas con Pretashop é o novo paso dunha referencial actividade formativo-tecnolóxica, referencial polos recursos de axuda que ten posto en xogo para novos empresarias/os e emprendedoras/es, e tamén polos éxitos de participación acadados. De feito, a onceava convocatoria do obradoiro é unha consecuencia directa da boa acollida que tivo a última edición. 

O curso tamén é unha resposta a un desafío concreto: o reto de acadar da maneira máis simple e eficaz a dixitalización da actividade das nosas empresas, e máis tendo en conta até que punto, nos últimos anos, disparáronse as cifras correspondentes ás vendas de comercio electrónico sobre o total das vendas a nivel galego e estatal. Segundo informa a Aula TIC do Campus de Lugo, entre abril e xuño do ano 2017, a facturación por vendas en liña subiu un 23,4% internanual até acadar os 7.338,1 millóns de euros. Estas cifras, que figuran nos datos sobre ecommerce achegados pola CNMC, obrigan ás empresas a facérense a seguinte pregunta: hai que permitir que a competencia se adiante ou cómpre que aproveitemos a oportunidade de negocio que nos brinda as novas tecnoloxías e canles da información?

Durante o desenvolvemento do obradoiro, o alicerce temático será a plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do curso inclúe o seguinte: instalación e posta en marcha da aplicación, administración dos clientes e dos empregados, manipulación do catálogo de produtos, xestión dos pedidos e dos pagos, análises estatísticas dos datos e outras ferramentas. 

Respecto da metodoloxía a seguir, é un obradoiro de natureza práctica baseado en software libre e de código aberto, impartíndose integramente de maneira virtual a través dun espazo dixital habilitado para tal efecto. Inclúe vídeo-titorías das temáticas devanditas e convídase ao alumnado a revisar os materiais fornecidos e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos. No curso, con independencia de que se dirixa sobre todo a emprendedores, PEME e autónomas/es, poderá participar calquera persoa interesada na temática do mesmo. A duración da actividade é de 50 horas. Desenvolverase entre o 13 de abril e o 23 de maio deste mesmo ano.

03/04/201809:04
Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo en Lugo.
Lugo

A Fundación TIC achegará contidos para sensibilizar sobre o autismo

A Deputación de Lugo e a Fundación TIC, integrada na entidade provincial, están a achegar hoxe a súa colaboración co Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. E fano sumándose aos actos organizados por Raiolas Lugo e levando a cabo actividades concretas como o revestimento con cores azuis das fachadas do Pazo de San Marcos e do Fogar de Santa María, unha intervención que simboliza, en palabras da Deputación, “a sensibilidade do organismo provincial coas persoas e familias afectadas polo autismo”.

Asemade, a Fundación TIC está a achegar os seus equipos humanos e tecnolóxicos para gravar as actividades desenvolvidas na Praza Maior. Por exemplo a lectura do manifesto a cargo de Jorge Vilaboa, usuario de Raiolas. A Fundación TIC gravará todo o evento para difundilo por toda a provincia e nas redes sociais co fin de sensibilizar e concienciar á cidadanía. 

As actividades comezaron ás 10.30, coa inauguración na sede provincial dunha mostra de fotografías feitas polos integrantes da dita asociación. Pola tarde, na Praza Maior, está previsto o desenvolvemento dun photocall, unha mesa informativa, un certame de debuxo, un obradoiro de decoración de galletas e un taller de concienciación. Ademais, ás 19.00 horas entregaranse os premios do dito certame e escenificarase o derrube simbólico dunha barreira, símbolo dos atrancos que separan ás persoas autistas das oportunidades das que gozan os restantes cidadáns. A Fundación TIC, como dixemos, creará contidos dixitais a partir do acontecido hoxe no centro neurálxico de Lugo.

03/04/201809:04
Cami e Santi Rey.
A Coruña

CUAC FM contará cun espazo sobre o uso seguro e responsable da tecnoloxía

Asociación Educativa AtlanTICs, nacida en 2016 co obxectivo de fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía, ten desenvolvido distintos cursos, charlas e obradoiros a prol da alfabetización dixital, a promoción da mediación parental e a concienciación sobre as normas de comportamento propias da cidadanía dixital, á que o vindeiro 12 de abril sumarase a emisión do magazine radiofónico Internet de tu Color Favorito, que poderá escoitarse a través de CUAC FM.

O novo espazo sonoro desenvolverase os xoves de 19:00 a 20:00 horas, incluíndo faladoiros, debates, entrevistas, novas de actualidade, axenda de eventos... coa intención de achegar aos seus oíntes ferramentas e consellos para poder enfrontase aos cambios que supón a sociedade dixital actual.Internet de tu Color Favorito é un proxecto dos irmáns Cami e Santi Rey, acompañados por La Gata-Cristi, quen buscarán dar vida a un espazo ameno, divertido e desenfadado, e aínda que a emisión do programa estea ligada á plataforma da emisora comunitaria da Coruña, cómpre lembrar que pode seguirse dende todo o mundo a través da Internet, e os seus programas goza de especial difusión a través do formato podcast.

03/04/201808:04
Cartel do evento.
A Coruña

O Ciclo CyberCoruña mostra o potencial en ciberseguridade da UDC

Esta semana, os días 5 e 6 de abril, celébrase na Universidade da Coruña (o CITIC e a Facultade de Informática) un interesante achegamento colectivo (da man de diferentes investigadoras/es dos campus) á realidade actual e vindeira da protección tecnolóxica e da información, dende a óptica dos achados locais. O Ciclo CyberCoruña Actualidade Europea en Ciberseguridade vén da man da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da UDC (OTRI), o Centro de Investigación TIC (CITIC), a Facultade de Informática da Coruña e a Xunta. 

As xornadas, segundo informan as entidades organizadoras, buscan reunir a todos os actores do sector e “dar a coñecer a aposta da Universidade da Coruña a prol dunha formación e investigación aplicada en ciberseguridade”, unha cuestión que adquire cada vez máis relevancia e xera, ao mesmo tempo, importantes oportunidades laborais e empresariais. As entidades impulsoras dos encontros, para facernos unha idea da dimensión dos temas a tratar, tamén lembran que “o sector da ciberseguridade resulta unha oportunidade de mercado non só en Europa senón a nivel global, onde se prevé que en 2018 móvanse ao redor duns 100 billóns de dólares de negocio”.

Seguindo este fío, as xornadas CyberCoruña diríxense a ofrecer unha visión múltiple da ciberseguridade a nivel europeo, en canto a formación, investigación e recursos humanos altamente cualificados, así como as oportunidades de desenvolvemento e innovación nos programas europeos máis competitivos. As xornadas están orientadas, por unha banda (sesión da tarde) aos actores industriais e do sector público, así como aos investigadores e formadores. Por outra banda, na sesión da mañá, o foro ficará aberto para que se incorporen aos perfís devanditos os alumnos e investigadores interesados no sector, ben porque “ven unha oportunidade de formarse nun ámbito de futuro prometedor, ben porque realizan investigación no ámbito ciber e teñen intención de proxectarse a nivel europeo”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS