O operador español de telecomunicacións por satélite Hispasat, ven de lanzar a segunda edición da Bolsa HISPASAT para que unha muller enxeñeira poda realizar estudios de posgrado nun máster habilitante de Enxeñaría Aeronáutica ou de Telecomunicacións relacionado co sector aeroespacial.
A Bolsa HISPASAT "Mujer Ingeniera", de carácter anual, pretende fomentar a presenza do talento feminino no ámbito tecnolóxico e contribuír así tanto ao desenvolvemento profesional das mulleres nestes estudos como ao aumento do número de mulleres no sector espacial.
O prazo para presentar solicitudes finaliza o vindeiro 18 de maio.
SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de abril nas súas diferentes sedes un completo feixe actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Amais das 8 citas programadas para a sede de Pontevedra, vanse desenvolver até 47 cursos sobre as máis variadas temáticas TIC, todas elas co nexo común de capacitarnos para emprender máis e mellor e, para o caso de termos unha iniciativa de mercado en marcha, optimizala, visualizala e fortalecela. Este medio cento de accións celebraranse este mes nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. Afondarase nas redes sociais, na seguridade informática, no deseño web ou no manexo de programas informáticos, entre outros temas.
Todas aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME da provincia é de inscrición cen por cen de balde, poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Citas en Cambados
O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá este 3 de abril ás 19 horas o curso Como mellorar a percepción dos teus clientes cos teus correos. Tras este primeiro obradoiro, o xoves 5 de abril ás 17 horas impartirase Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial. A seguinte semana ás 19 horas terán lugar dous obradoiros de SmartPEME comezando o luns 9 de abril con Facebook marketing e rematando o 12 de abril con Sesión informativa: así funciona Whatsapp Business. Os obradoiros continuarán o 16 de abril con Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone e o mércores 18 de abril con Linkedin: a túa rede de networking, os dous ás 19 horas. Por último, pecharase o mes de abril con Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console, o luns 23 de abril á mesma hora, e con Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, o día 25 ás 17 horas.
Obradoiros en Barro
A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Barro terá lugar este mércores 4 de abril co curso Seguridade informática: conceptos básicos ás 19 horas. A seguinte semana, o 9 de abril, ás 19 horas, ofrecerase o obradoiro Crea un servizo privado de almacenamento na nube, e o mércores 11, tamén ás 19 horas, Aplicación de drons na enxeñería e proxectos. Pola súa banda, o luns 16 de abril, impartirase a partir das 11 horas o primeiro módulo de Iniciación ao Arduino, primeiros pasos e, a partir das 13 horas, o segundo módulo. Para rematar, o xoves 19 de abril, ás 11 h, comezará o terceiro módulo e, ás 13 horas, o cuarto e último módulo deste obradoiro. Para finalizar, o martes 24 de abril, ás 19 horas, terá lugar no viveiro de empresas de Barro o obradoiro Que é o Internet das cousas? Introdución e aplicacións.
Vídeos profesionais en Deza
As primeiras citas do mes na comarca de Deza terán lugar na Estrada, comezando o día 4 con Sácalle partido á túa conta de Gmail. A seguinte semana, os obradoiros continuarán con Vén descubrir que son e para que serven as redes sociais, o martes 10 de abril, e Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone, o xoves 12. A seguinte semana, a actividade continuará no Polígono Lalín 2000 o mércores 18 de abril con Xestiona o teu negocio dende móbil e o venres 20 de abril con Plataformas online para crear o teu e-commerce. Pola súa banda, pechará a actividade en Lalín, durante este mes de abril, o curso Claves para a comercialización online no turismo de interior.
En canto á Estrada, o Viveiro de Empresas acollerá o mércores 25 de abril, ás 19 h, o obradoiro A túa páxina web con Wordpress. Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os dos días 10, 12 e 20 de abril, que serán ás 17 horas.
Ferramentas de Google e SmartData
As oficinas en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán, durante o mes de abril 23 novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. A primeira cita na oficina de Vigo comezará este martes 3 de abril co curso Google Calendar, moito máis que unha axenda e o día 5 de abril con Como mellorar a percepción dos teus clientes cos teus correos. A seguinte semana celebraranse dous novos obradoiros, o día 10,Transformación dixital nas empresas e produtos turísticos e o 12 de abril con Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console.
A seguinte semana comezará en Vigo con SmartData, o CRM como aliado para conquistar o cliente, o 16 de abril, e rematará con Habilidades ofimáticas: uso de fórmulas en follas de cálculo, o 19. Pola súa banda, o 23 de abril celebrarase Elixe a túa plataforma de comercio electrónico e o mércores 25 de abril, Mellora a calidade das túas imaxes con editores online. Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19 horas na sede da Deputación en Vigo, agás os días 10 e 23 de abril, que comezarán ás 17 horas.
Máis cursos en Ponteareas e O Porriño
En Ponteareas, a axenda comeza tamén este 5 de abril con Sesión informativa: así funciona Whatsapp Business. O seguinte obradoiro será o 9 de abril, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. Esa mesma semana celebrarase Elixe a túa plataforma de comercio electrónico, o 11 de abril. O mes continuará con Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial, o 18 de abril e seguirá un día despois con Claves para a comercialización online do turismo de interior.
Na última semana do mes, chegarán a Ponteareas dous novos obradoiros: Marketing de contidos: como xerar unha estratexia efectiva, o 24 de abril, e Facebook Ads, o 27 de abril. Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea, agás os días 19 e 27 de abril, que comezarán ás 17 horas.
No Porriño as sesións formativas comezan o día 3 con Fai as túas propias fotografías para o comercio electrónico e dous días despois con Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. A rede SmartPEME da Deputación continuará a seguinte semana con Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?, o 10 de abril, e con Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online. Unha semana despois, O Porriño acollerá dous novos obradoiros: Optimiza a visibilidade da túa web con Google Seach Console, o luns 16 de abril, e Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, o 18 de abril.
Por último, o 23 terá lugar no Porriño o curso SmartData, o CRM como aliado para conquistar ao cliente e o 25 de abril, Habilidades ofimáticas: uso de fórmulas en follas de cálculo. Todos os obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello do Porriño e comezarán ás 19 horas, agás os días 10 e 18 de abril que empezarán ás 17 horas.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses. A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro. Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange España lanzan o novo programa de formación online gratuíta Sé + Digital en Galicia. O obxectivo da iniciativa é convidar a todos os galegos a que participen nesta formación en ferramentas dixitais, cuxos fins son o impulso do desenvolvemento empresarial, a xeración de emprego e a retención do talento local a través das novas tecnoloxías.
Deste xeito, a Xunta de Galicia e os promotores de Sé + Digital, EOI e Orange, contribuirán a axudar a empresarios e emprendedores na mellora da súa actividade profesional mediante a formación en habilidades dixitais que lles faciliten a aplicación das novas tecnoloxías para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios.
A fase de inscrición para esta convocatoria de Sé + Digital en Galicia iniciouse onte e estará aberta na web até o 2 de maio. O período para completar o curso, que ten unha duración de 20 horas, concluirá o vindeiro 16 de maio. Finalizado o curso, os alumnos recibirán o seu correspondente diploma, certificado e avalado por EOI.
Sé + Dixital é a continuación de Sé Digital, un programa impulsado por EOI en colaboración con Orange para fomentar a transformación dixital dos cidadáns, co fin de lograr unha rápida e efectiva adaptación de toda a poboación aos retos que expón a nova economía dixital global. Desde o seu lanzamento, en marzo de 2016, Sé Digital formou a máis de 7.500 persoas de 130 municipios de toda España, interesadas en coñecer as oportunidades de negocio que lles poden ofrecer as TIC para participar na nova economía global desde as súas localidades.
Esta nova iniciativa Sé + Digital ofrecerá aos seus participantes a oportunidade de profundar nos conceptos presentados en Sé Digital cun enfoque máis práctico. Así, os participantes nesta ampliación do programa descubrirán novas oportunidades para facer negocios e ofrecer servizos profesionais online desde as súas cidades; aprenderán conceptos e ferramentas básicas para desenvolver as súas actividades dixitais dunha maneira sinxela e estratexias de posicionamento en liña para que os atopen desde calquera parte do mundo; e tamén coñecerán boas prácticas e novas formas de financiamento na internet para poñer en marcha os seus proxectos, así como ferramentas recomendadas para iniciar a transformación dixital dos seus negocios ou comezar a emprender dixitalmente.
Ademais, os alumnos de Sé + Digital terán acceso ao consello de expertos en economía dixital, así como á experiencia de emprendedores locais que xa lanzaron as súas propias iniciativas empresariais desde as súas localidades utilizando as novas tecnoloxías.
Así mesmo, os participantes no programa poderán interactuar cos integrantes da Comunidade de Aprendizaxe Virtual asociada á iniciativa Sé + Digital. No devandito foro, que conta xa con máis de 550 membros e que ten o seu epicentro en Facebook, tanto ex-alumnos que xa lograron a súa titulación como novos interesados comparten experiencias e coñecementos nunha contorna online similar á plataforma na que se desenvolve a formación. Desta forma, foméntase o coñecemento colaborativo a través do intercambio de información e boas prácticas e a xeración de novas ideas entre os usuarios.
Ademais, o foro contribúe a dotar de maior visibilidade aos proxectos empresariais dos seus membros.
Seguramente, estás a realizar un grande esforzo para adaptarte e manterte actualizado na nova contorna online co fin de reducir a fenda dixital que te separa dos teus fillos. A pesar disto, é posible que eles non perciban de forma positiva este progreso, considerándoo máis ben, unha intromisión no seu espazo que pode levar a perda da súa liberdade.
A maioría dos nenos e adolescentes consideran que se desenvolven "como peixe na auga" en Internet e por tanto, non necesitan a axuda de ningún adulto. Pero a verdade é que é necesario que aquí tamén conten con referentes, xa que carecen de madurez e experiencias vitais, sendo igual de vulnerables que fóra da Rede. Por tanto, realizar unha adecuada mediación parental é necesario.
Os conceptos de mediación parental e control parental adoitan crear confusión e mesmo interpretarse de maneira incorrecta. Pois ben, a mediación parental fai referencia á educación dixital do menor por parte dos seus responsables. Consiste en acompañalo neste proceso para que se realice un uso seguro e responsable das novas tecnoloxías, velando para impedir que os riscos das TIC se materialcen e en caso de ocorrer, ofrecer solucións.
Mentres que o control parental fai referencia a un tipo concreto de recurso para exercer a supervisión na contorna dixital, que comprende aplicacións e funcionalidades que permiten supervisar e delimitar o uso das pantallas por parte dos menores.
Ante a dúbida de por cal decantarse, é necesario aclarar que ambas son complementarias no proceso educativo, o adecuado é desenvolver autoridade, pero enfocada de maneira positiva, aplicando tanto mediación activa (supervisión, acompañamento e orientación) como restritiva (establecer regras e límites).
Débense descartar accións por exemplo, impoñer un criterio, espiar ou prohibir o acceso ás TIC, pois só conseguiremos unha solución temporal que desencadeará conflitos no fogar, facendo perder a confianza dos nosos fillos en nós.
Existe a idea preconcibida de que educar dixitalmente e manter ese equilibrio resulta moi complicado. Con todo, trátase dunha apreciación errónea, pois calquera pai ou nai sen necesidade de ser un experto TIC pode desenvolver esta tarefa de maneira adecuada. A clave principal está en mostrar unha boa disposición e contar con recursos útiles, como pode ser a guía de mediación parental de IS4K que achega pautas e coñecementos de maneira sinxela, converténdoos en comprensibles para calquera adulto.
Tal e como mostra a Guía "Aprender a vivir coas pantallas" o cerebro novo ten moita máis plasticidade, maleabilidade e capacidade de cambio que o cerebro adulto e por elo é máis sensible a unha exposición excesiva ás pantallas. A dopamina é o neurotransmisor que se dispara cando nos dispoñemos a mirar o móbil, a tablet ou a xogar co noso videoxogo preferido. O recordo do pracer pon en marcha o circuíto de recompensa, desencadeando unha conduta adictiva.
Precisamente como cada etapa do menor é diferente, tamén debe de selo este acompañamento e supervisión ata conseguir, igual que no resto de aspectos da vida, unha autonomía.
A través do seguinte vídeo móstranse unha serie de pautas básicas que poden ser de gran axuda á hora de realizar a mediación parental en cada etapa do menor. Mediante a visualización, tamén che quedará claro onde atopar na web de IS4K os diferentes recursos nos que che podes apoiar neste proceso.
As novas tecnoloxías forman parte dos menores e evitalas ou prohibir o seu uso carece de sentido nunha sociedade cada vez máis globalizada e interconectada. Os casos tratados a través da Liña de Axuda de IS4K demostran que seguen existindo carencias de pais e fillos en canto a habilidades TIC. Por elo, ante a dúbida e en determinadas situacións máis complexas, é adecuado recorrer á axuda profesional. Neses casos, non esquezas que podes contar con IS4K a través do teléfono gratuíto e confidencial: 900 116 117.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou na mañá do luns o novo Espazo Emprende -anteriormente denominado Espazo Xove- de Lalín onde os mozos poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través de procesos de coworking. Nestas instalacións, os usuarios dispoñerán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.
A representante da Consellería de Política Social, que estivo acompañada neste acto polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor da dinamización económica de Lalín e a súa contorna. Aludiu á existencia dun firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, "que non son só o noso capital de futuro senón tamén do presente", afirmou. En consonancia, dixo, esta iniciativa vai encamiñada a darlles un espazo onde desenvolver os seus proxectos, pero tamén onde atopar unha serie de apoios que van desde o asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e asesoramento individualizado e formación e coaching persoal.
Ideas de negocio
Os mozos que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán permitiranlles continuar cunha dinámica de crecemento e avance. O prazo para que se inscriban nesta iniciativa ábrese este mes.
Ademais, ao longo do presente ano organizaranse encontros sectoriais para a creación dunha dinámica de diálogo e coñecemento entre a mocidade e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade dos seus tecidos empresariais e que poidan valorar os seus recursos e potencialidades.
Xunto co centro de Lalín, Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores, emprazados nas localidades de Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa, aínda que esta rede alcanzará tamén o norte de Portugal a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia- Norte de Portugal situada no municipio ourensán de Verín e os centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Mocidade e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho-Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.
Os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto Lidera, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xuvenil transfronteirizo (acrónimo Lidera), que forma parte da actividade Crece de impulso do traballo xuvenil en rede. Foi aprobado no marco do Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep) e conta cun orzamento de 1.428.692 euros e financiamento dun 75 % do Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios do referido proxecto transfronteirizo: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do AVE.
A Fundación MAPFRE, xunto coa IE Business School, lanzou un concurso de startups que pretende axudar na consolidación de ideas innovadoras que xeren impactos positivos nas comunidades, achegando servizos de mentoring e financiamento de 30,000 euros aos gañadores.
Aberta ata o 30 de abril, a convocatoria contará con tres semifinais (en Brasil, México e España), para pechar a competencia cun evento en Madrid en outubro próximo, no que se definirán aos proxectos gañadores en tres categorías: Mellora da saúde e tecnoloxía dixital; Innovación aseguradora Insurtech e Mobilidade e seguridade viaria.
A competencia valorará especialmente a capacidade e experiencia dos participantes, respecto da súa demostración con probas piloto ou prototipos que levasen a cabo e que acrediten que o proxecto pode ser unha realidade. Tras un filtro dos proxectos rexistrados en cada país, as semifinais comprenderán 27 participantes en total, é dicir, tres aspirantes por categoría e rexión. A final presentará un só candidato por categoría de cada semifinal.
Durante esta primeira fase poden inscribirse para competir colectivos, empresas e usuarios, tanto independentes como integrantes do ecosistema emprendedor, así como as redes de incubación con que IE e MAPFRE colaboran.
O espazo Coworking de La Molinera puxo en marcha unha nova edición para a xestión de novos proxectos empresariais. Neste sentido, o Concello de Ourense está a pechar xa os 22 proxectos emprendedores que tutelará, xunto coa Deputación provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI). Presentáronse a este edición un total de 40 candidatos. Do total de ideas emprendedoras presentadas, un 55% foron por mulleres e un 53% por mozos con estudos universitarios, segundo a memoria que difunde o Concello.
Por idades, un 25% son menores de 30 anos e un 28% aínda non cumpriron os 40. Do total de presentados, un 42% son desempregados, un 30% son autónomos e o 28% restante traballadores por conta allea. Como en edicións anteriores, a maioría das ideas emprendedoras que optan a estar en La Molinera pertencen ao sector servizos, sobre todo en aspectos relacionados co turismo.
Unha vez se poña en marcha a nova edición dos proxectos —concluído o proceso de selección—, La Molinera poñerá a disposición dos participantes no Coworking o centro de innovación social para desenvolver o concepto e deseño de cada proxecto e poder levar a cabo un primeiro test da súa viabilidade.
Este venres 6 de abril o Concello de Oleiros lévanos da man ás vantaxes e aos riscos do espallamento das redes sociais entre a mocidade, vantaxes e riscos que teñen relación directa co tipo de uso que se lle dea aos servizos dixitais. Trátase da xornada Redes sociais e adolescencia, que se celebra no auditorio da Fábrica ás 19.30 horas en formato de charla aberta, dirixida sobre todo ás familias. A cita fundamenta un dos seus piares no seguinte dato: as comunidades e servizos en liña son xa o lugar preferido para o lecer do 90% da mocidade. Polo tanto, tendo en conta esta elevada porcentaxe, “é fundamental que as nais e os pais teñan información para previr moitos dos problemas no futuro”, sinala o Concello.
Porén, explica a organización, o contido desta charla non é de ciberseguridade na Rede coma outras semellantes que se organizan desde os centros educativos para as familias, nin as que teñen como destinatarios/as o propio alumnado. “Esta xornada”, engade o Concello, “está enfocada ás familias, co obxectivo de coñecer os comportamentos e as relacións que manteñen os rapaces e as rapazas nesa idade, etapa fundamental no desenvolvemento e na que configuran a súa personalidade e identidade, así como as súas crenzas”.
O Goberno local tamén explica que “as redes sociais están a xogar un papel moi importante” entre as mozas e mozos, e son xa un dos elementos de socialización máis importantes para eles e elas, “polo que as familias deben coñecer de preto que hai detrás, que está a pasar nas relacións que manteñen a través desas canles, como inflúen na súa vida, no seu desenvolvemento, nas relacións entre iguais e coa súa familia”.
Logo da charla abrirase un coloquio co público asistente no que poderán realizar preguntas ás relatoras, Virginia Pañeda e Sara Vierna, educadoras especialistas en redes sociais, xénero, intelixencia emocional e adestramento educativo, que nos achegarán á realidade que están a vivir os menores de idade nestes intres nas redes.
O vindeiro 30 de xuño, de 9:00 a 15:00 horas, celebrarase en Santiago un gran acontecemento ligado á intelixencia artificial, a automatización, as máquinas con capacidade de aprenderen (e de sorprendernos) e, sobre todo, ao espírito argalleiro e creador da nosa rapazada. Estamos a falar da cuarta edición local da WRO, a Olimpíada Internacional de Robótica, na Cidade da Cultura no Gaiás, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Arkitas Robótica.
Segundo nos conta o colexio profesional que preside Fernando Suárez, a WRO é unha olimpíada na que nenos e nenas de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten cos seus robots en distintas categorías e retos segundo idades. Esta competición conta cunha fase local, unha nacional, que este ano será en Platja d'Aro, Girona, e a internacional, que terá lugar en Tailandia en novembro de 2018. Na segunda edición, clasificouse un colexio da Coruña na nacional en Logroño, conseguindo unha praza na internacional de Nova Delhi.
Para informarrnos sobre os retos da WRO e a realización de inscricións, o CPEIG recorda que podemos dirixirnos www.wroboto.es.
Ademais da WRO e, pensando naqueles que non compitan nesta e queiran probar outras especialidades, celébrase o II Campionato de Sumo Arkitas e o I Campionato de Bolos Robóticos. Para informarnos sobre as bases e inscribirse ao Campionato de Sumo ou ao de Bolos, ou para calquera dúbida ou ampliación de información sobre a WRO, desde Arkitas Robótica, como socios locais da WRO e organizadores das distintas actividades do evento do 30 de xuño, están á nosa disposición a través da conta de correo info@arkitas.es.