main content

main content
19/02/201810:02
Presentación do Plan de Banda Larga en Lugo.
Lugo

A Xunta e o Estado teñen en marcha actuacións para mellorar o acceso a internet na provincia de Lugo

  • A directora Amtega e o delegado da Xunta reuníronse con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para abordar a situación do acceso á rede na provincia
  • Nos vindeiros dous anos ata 20.000 veciños de 22 concellos lugueses terán cobertura de redes de máis de 30 Mbps, grazas ás medidas do Goberno estatal
  • A Xunta porá en marcha este ano outra medida do Plan de Banda Larga 2020 para levar redes ultrarrápidas a núcleos de menos de 150 habitantes en toda Galicia
  • Ámbalas Administracións están a investir 35 millóns de euros para subvencionar os despregamentos en zonas non rendibles para os operadores
  • A Xunta lembra que a evolución das redes inalámbricas será clave para mellorar a calidade de acceso a Internet nas zonas con maior dispersión poboacional e que é a única tecnoloxía que posibilita o incremento da cobertura móbil
  • Instaláronse 253 torres de telecomunicación en practicamente todos os concellos de Lugo, que facilitaron a chegada da tecnoloxía 4G

 

A Xunta de Galicia e o Goberno do Estado teñen en marcha diferentes actuacións para impulsar a extensión de redes ultrarrápidas na provincia de Lugo. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para expoñerlles as medidas en marcha, a situación actual na provincia e recoller as súas demandas respecto á cobertura de internet.

A directora da Amtega explicou aos veciños que as Administracións públicas subvencionan a extensión de infraestruturas en zonas brancas, é dicir, en zonas nas que non existe cobertura nin previsión de tela.

Neste sentido indicou que neste momento a Xunta e o Estado teñen en marcha medidas complementarias para impulsar os investimentos dos operadores de telecomunicación en redes utlrarrápidas, das que se beneficiará a provincia.

 

Extensión de redes ultrarrápidas

Durante os vindeiros dous anos, o Estado investirá 21 millóns de euros para facilitar o acceso de internet de máis de 30 Mbps en toda Galicia. Na provincia de Lugo beneficiaranse desta medida 20.000 habitantes de 22 municipios lucenses. Cómpre destacar que o Estado ten previstas novas convocatorias de axudas.

Ademais, a Xunta investirá máis de 14 millóns de euros para levar estas redes ultrarrápidas a núcleos de menos de 150 habitantes en toda Galicia. Vén de pecharse a convocatoria de axudas ao operadores e coñecerase os lugares exactos unha vez se resolva a concesión destas axudas.

Por outra banda, tras a adxudicación de frecuencias na banda de 800 Mhz aos operadores do denominado dividendo dixital, o Estado ten a potestade de obrigalos a alcanzar unha cobertura de redes de 30 Mbps ao 90% do poboación que reside en núcleos de menos de 5.000 habitantes a finais de 2019. Actualmente está en proceso de tramitación o plan a executar por estes operadores para proporcionar a cobertura comprometida.

 

Evolución das redes inalámbricas, clave para as zonas con máis dispersión

Cómpre ter en conta que en Lugo existen case 10.000 núcleos de poboación, un 13% do total de España e que a poboación media destes núcleos é de 34 habitantes, fronte á media estatal de 600 habitantes por núcleo e a galega de 89 habitantes por núcleo.

Esta dispersión dificulta en gran maneira o despregamento de redes fixas, máis aínda que en calquera outra provincia de Galicia, facendo que a evolución das redes inalámbricas sexa especialmente relevante nesta zona, ademais de ser a única solución tecnolóxica que posibilita tamén a cobertura de móbil.

 

Melloras do I Plan de Banda Larga
A directora da Amtega lembrou que a Xunta vén impulsando os despregamentos de redes de telecomunicación desde 2010. O I Plan de Banda Larga actuou en máis de 5.000 núcleos, maioritariamente con redes inalámbricas instalando 253 emprazamentos repartidos entre 65 dos 67 concellos da provincia de Lugo. Estes despregamentos facilitaron a chegada do 4G permitindo que, a día de hoxe, preto do 83% da poboación dispoña de acceso a Internet a través desa tecnoloxía e se mellorase a cobertura de móbil en todas esas zonas.

Ademais, leváronse a cabo tres convocatorias de axudas para a contratación da internet satélite de polo menos 2 Mbps dirixidas aos cidadáns que non podían acceder a internet a través de ningunha outra tecnoloxía, da que se beneficiaron máis de 2.000 familias galegas.

 

Actuacións de banda larga ultrarrápida ata 2020

Mentres que o obxectivo principal do I Plan de Banda Larga era que todos os galegos tivesen acceso a Internet, o obxectivo do Plan de Banda Larga 2020 é incrementar a calidade das conexións, estendendo redes ultrarrápidas na Comunidade.

As actuacións comezaron en 2016 mellorando a cobertura dos polígonos e este ano un total de 14 polígonos industriais da provincia de Lugo terán acceso a redes de ata 350 Mbps.

En 2017 a Xunta lanzou una convocatoria de axudas para empresas illadas cun investimento de preto de 400.000 euros para dotar de banda larga de ata 350 Mbps a máis de 30 empresas das cales 10 estaban na provincia de Lugo.

Ademais, en colaboración o Estado estase a desenvolver o Programa Escolas Conectadas: para dotar de redes de máis de 100 Mbps a todos os centros educativos públicos de primaria e secundaria.

19/02/201810:02
Presentación do Plan de Banda Larga en Lugo.
Lugo

O plan de banda larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350 Mbps a 14 polígonos da provincia de Lugo

  • O Plan, impulsado pola Amtega, chegará durante 2018 a 9 superficies luguesas tras activar o servizo noutras 5 entre 2016 e 2017
  • Unha vez completado o Plan, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps
  • Como complemento a esta actuación, a Xunta abriu no ano 2017 unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural
  • Ademais, a Amtega lanzou unha convocatoria de axudas a operadores para estender internet de alta velocidade en núcleos de menos de 150 habitantes

 

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 9 polígonos lugueses, acadando así un total de 14 superficies empresariais da provincia con redes ultrarrápidas. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había 5 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse un total de preto de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50 Mbps e 350 Mbps.

 

350 Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R

 

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

 

Axudas para núcleos de poboación do rural

Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega puxo en marcha o pasado 15 de xaneiro a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.

Onte, xoves 15 de febreiro, pechábase o prazo de presentación de solicitudes para acceder a esta liña de axudas cun importe total de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100 Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
 

Polígonos que se cubrirán co PDBL2020

CONCELLO

POLÍGONO

DATA COBERTURA

BEGONTE

ÁREA INDUSTRIAL DE CARRAL

Cuberto

LOURENZA

PARQUE EMPRESARIAL DE LOURENZÁ

Cuberto

MONDOÑEDO

PARQUE EMPRESARIAL DE MONDOÑEDO

Cuberto

OUTEIRO DE REI

PARQUE EMPRESARIAL DE OUTEIRO DE REI

Cuberto

RIBADEO

POLÍGONO INDUSTRIAL DE RIBADEO

Cuberto

CHANTADA

POLÍGONO INDUSTRIAL DE OS ACIVROS

Previsto 2018

GUITIRIZ

PARQUE EMPRESARIAL DE GUITIRIZ

Previsto 2018

LUGO

POLÍGONO INDUSTRIAL A LOUZANETA

Previsto 2018

MONFORTE DE LEMOS

PORTO SECO DE MONFORTE

Previsto 2018

MONFORTE DE LEMOS

POLÍGONO INDUSTRIAL DE REBOREDO

Previsto 2018

MONTERROSO

PARQUE EMPRESARIAL DE MONTERROSO

Previsto 2018

PALAS DE REI

PARQUE EMPRESARIAL DE PALAS DE REI

Previsto 2018

SARRIA

POLÍGONO INDUSTRIAL DE O MORELLE

Previsto 2018

SARRIA

PARQUE EMPRESARIAL SAN XULIÁN DE VEIGA

Previsto 2018

 

19/02/201810:02
Home manipulando impresora 3D.
Pontevedra

As posibilidades da impresión en 3D, ao detalle nun curso aberto do Campus de Pontevedra

Quen queira expandir a mente coas posibilidades da impresión en 3D, vai ter unha oportunidade de facelo ao abeiro do obradoiro que prepara a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo), un curso de 30 horas que se desenvolverá na Escola de Enxeñaría Forestal nas tardes dos martes e que xa ten aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas. Segundo nos conta a Vicerreitoria, o Taller de impresión 3D ten o obxectivo de levarnos alén “dos filamentos que de forma xeral se empregan nas impresoras 3D” e “de explorar as posibilidades que outorgan diferentes tipos de materiais”.

O curso, que busca servir como continuación ao obradoiro centrado nestas tecnoloxías, mantén aberta desde esta semana a súa inscrición na plataforma Culturxest e desenvolverase a partires do 6 de marzo, na Escola de Enxeñaría Forestal.

Cun prezo de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o resto da cidadanía, e cun número máximo de 16 prazas, o curso responde o interese que existe entre os makers das máis variadas procedencias e dedicacións de sacarlle o máximo partido á impresión en 3D.

Segundo explica Vicente López Díaz, Txapu, responsable de impartir este taller xunto co técnico dos servizos informáticos Antón Vázquez, non será preciso nin esixible contar cuns coñecementos de base para asistir á actividade. Por outra banda, no caso de xuntar alumnado con diferentes graos de manexo deste tipo de dispositivos, artellaríase en diferentes grupos.

De carácter práctico, o propósito central do taller é que as e os asistentes, unha vez conten cuns coñecementos introdutorios, poidan “centrarse en imprimir propiamente”, explica López, engadindo que o que se busca é que “coñezan as potencialidades deste tipo de tecnoloxías experimentando directamente, realizando diferentes probas e prototipos”.

19/02/201810:02
Un home maior utiliza unha tableta mentres toma un café.
Santiago de Compostela

Stimulus, unha app para a estimulación de maiores con deterioración cognitiva

Stimulus é unha aplicación deseñada para axudar á estimulación e rehabilitación de persoas maiores con deterioración cognitiva ou nas fases iniciais de Alzheimer, e recibiu unha valoración moi positiva por parte de Orientatech, o proxecto da Fundación Vodafone e Cruz Vermella a través de Tecsos.

A aplicación está composta por distintas series de exercicios e actividades interactivas dirixidas á estimulación dos distintos procesos cognitivos.

A app permite realizar tanto un adestramento autoadministrado como unha formulación con planificación e seguimento a través de coidadores.

Aquí podedes ler a análise completa que Tecsos realizou sobre esta aplicación, dispoñible tanto en Android como en iOS e cunha versión de proba gratuíta que serve para analizar a idoneidade do seu uso.

19/02/201810:02
La Molinera, Ourense.
Ourense

O número de usuarios do espazo tecnolóxico A Molinera disparouse un 60% durante o último ano

  • A instalación converteuse en centro de referencia para emprendedores e 'startups'

 

O número de usuarios que participan ou asisten ás diferentes actividades que programa o centro de coñecemento e innovación "La Molinera" disparouse durante o pasado ano. A instalación, dependente da área de Emprego do Concello de Ourense, rexistrou máis de 32.500 usuarios nas 150 iniciativas desenvolvidas ao longo de 2017, un incremento do 60% respecto ao ano anterior, no que se contabilizaron 13.000 usuarios.

O edil Jorge Pumar destaca que o centro cumpre á perfección co seu labor, que é "funcionar como un laboratorio de innovación social dixital, centrado nas persoas", e como plataforma de conexión para as pemes, emprendedores, 'startups', administracións públicas e universidades. Con esta finalidade, "La Molinera" pon a disposición dos usuarios espazos, ferramentas tecnolóxicas e dixitais e mentorización.

Así, "La Molinera" pechou 2017 cun balance que mellora todos os indicadores. Máis usuarios e máis horas aberto ao público. En concreto, ao longo de todo o ano pasado permaneceu aberto 228 días en horario de mañá e tarde, salvo o mes de agosto con apertura só matinal.

Este horario, asegura a área de Emprego de Ourense, permitiu "fidelizar" o número de usuarios no transcurso do exercicio, pasando dos 50 diarios nos primeiros meses ata os 100 dos últimos. A época máis activa correspóndese co mes de novembro, no que se celebraron máis de 5 actividades diarias de media, cun fluxo de 4.500 usuarios.

Ademas de crecer o número de usuarios e actividades, "La Molinera" diversificou a súa oferta potenciando espazos como Kids, Maker e CeMIT, que representan máis do 50% da actividade que se desenvolve no centro.

Así mesmo, un de cada tres días desenvolvéronse iniciativas a través das cesións de espazo do centro, cun total de 15 eventos organizados nas instalacións pero alleos á oferta formativa da Molinera que, doutra banda, recibiu 14 visitas de colexios. O "gran colofón", indicou Pumar, foi o desafío social da campaña #fabricandosorrisos, na que se elaboraron 150 xoguetes con impresoras 3D para os pacientes ingresados na área infantil do CHUO. Para este proxecto, "La Molinera" contou coa colaboración dos propios usuarios do centro e das impresoras 3D fabricadas no mesmo.

Por último, o Concello destaca que aínda que a instalación seguirá vertebrada a través dos mesmos tres eixos estratéxicos (innovación social dixital, a nova empregabilidade e as tecnoloxías 4.0), 'La Molinera' "camiña cara a novas demandas cidadás e tecnolóxicas". Así, o novo espazo Teslab, ou o LabCafé, son as novas propostas ideadas para consolidar a estrutura do centro dentro do organigrama municipal.

16/02/201808:02
Logo Ágora Tecnoloxía.
Santiago de Compostela

Finaliza a terceira edición do proxecto “Ágora-Tecnoloxía” de FEGAUS e a Fundación Vodafone España para a inclusión dixital das persoas maiores

  • Seis mil persoas formadas no uso dos Smartphone e as Tablets para favorecer o envellecemento activo

 

A terceira edición do proxecto “Ágora Tecnoloxía”, finalizou recentemente consolidándose como un dos programas referentes en formación de novas tecnoloxías adaptadas ás persoas maiores. A súa metodoloxía, proximidade e contidos chegaron a todo tipo de institucións, centros, programas e servizos de atención ao maior da Comunidade Galega, facilitándolles a adquisición de competencias dixitais, tan indispensables nos nosos días.

O proxecto foi posible, unha vez máis, grazas á colaboración da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior, (FEGAUS) e a Fundación Vodafone España.

“Ágora Tecnoloxía” formou a máis de 12.000 persoas maiores no uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación desde o ano 2015. O gran interese que esperta o tema entre as persoas maiores e a súa actitude aberta e participativa cara aos programas formativos que melloren a súa calidade de vida, propiciou o enorme éxito e impacto do programa.

Nesta terceira edición ampliáronse contidos, dinamizáronse os plans formativos e prestouse especial atención a Facebook, WhatsApp e ás aplicacións móbiles de mobilidade, accesibilidade, saúde, sociabilidade e inclusión dixital a través de vídeo-pílulas formativas adaptadas á linguaxe dos maiores realizadas pola Fundación Vodafone.

Vídeo

16/02/201808:02
Logo Fundación Universia.
Madrid

A Fundación Universia entrega 50.000 euros en axudas a proxectos para a inclusión das persoas con discapacidade

  • Como novidade deste ano a Fundación Universia presentaba o nacemento do ‘Ecosistema de Apoio Inclusivo'
  • Máis de 200 asociacións, fundacións e universidades traballarán conectadas xerando unha rede de contactos, sesións de formación e acceso a un mapa de tendencias no emprego, a educación, cultura, deporte e investigación sobre o apoio ás persoas con discapacidade en España

 

Fundación Universia resolvía o luns 12 de febreiro a VI Convocatoria de Axudas a Proxectos Inclusivos, coa colaboración da Fundación Konecta e o apoio do Banco Santander.

Os oito proxectos gañadores desta convocatoria recibirán 50.000 euros, 10.000 euros por categoría, para desenvolver os seus proxectos de emprego, educación, deporte, investigación e cultura co obxectivo de impulsar a inclusión e a autonomía das persoas con discapacidade.

Nesta xornada celebrada en TheCube Madrid, participaron máis de 100 persoas de entidades participantes e finalistas e o xurado de expertos desta edición. Seguida dunha sesión de traballo, desenvolvéronse sesións formativas nos ámbitos da Comunicación e o Orzamentario e xeráronse cinco mesas de traballo cos responsables dos proxectos finalistas deste ano.

Como novidade principal, tivo lugar a presentación do ‘Ecosistema de Apoio Inclusivo'. Trátase dunha iniciativa que a Fundación Universia pon en marcha para xerar unha rede de contactos que sirva para conectar ás distintas organizacións (asociacións, fundacións e universidades) en función das súas ofertas, demandas, proxectos e oportunidades de crecemento, co fin de mellorar ou reforzar o desenvolvemento das súas iniciativas. Ademais, este ecosistema buscará facilitar o acceso a un mapa de tendencias no emprego, a educación, cultura, deporte e investigación sobre o apoio ás persoas con discapacidade, que se está traballando en España.

 

Emprendemento, tecnoloxía QR, impresión 3D, rugby e moita ciencia

Na categoría de Emprego as entidades premiadas: Fundación CIEES grazas ao seu proxecto “Social Business Factory” que apoian, asesoran, incuban e impulsan Empresas Socialmente Inclusivas, en definitiva como eles mesmos describen “socializan o coñecemento” das persoas con discapacidade; e a Asociación para o Estudo da Lesión Medular Espinal (AESLEME) co seu proxecto “Pódeche pasar”, unha campaña de prevención de accidentes de tráfico cuxo obxectivo é transmitir a nenos e mozos as causas e consecuencias das imprudencias ao volante.

En Educación, a Fundación Amas Social alzouse como única gañadora polo seu proxecto “Impress3D”, que aposta fortemente polo sector tecnolóxico e informático como xerador de oportunidades persoais e profesionais para persoas con discapacidade intelectual.

Na categoría de Cultura o premio foi de novo repartido: A Asociación Compañía de Danza Mobile co seu programa para o desenvolvemento do talento artístico en persoas con discapacidade intelectual que ademais inclúe o deseño dun curriculum formativo innovador e propostas artísticas coa interacción das artes e a diversidade. Desde AFAMP, Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual, presentaron o proxecto PDICIENCIA, unha iniciativa pioneira en España, que pretende lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través dun programa audiovisual de cultura científica inclusiva.

Tamén na categoría de Deporte foron dúas as entidades premiadas: a Agrupación Socio-Deportiva Alter-Nativa (A.S.D.A.N.) e o seu proxecto de intervención ‘Vive Deportivamente'. Dirixido a persoas cunha enfermidade mental crónica e consiste en realizar actividades físico-deportivas normalizadas, inclusivas e adaptadas ás características individuais dos usuarios. A Fundación do Lesionado Medular co seu proxecto sobre o deporte como medio rehabilitador e integrador social en persoas con lesión medular, cuxo obxectivo é fomentar unha práctica accesible e inclusiva no contexto social.

En Investigación a Universidade Autónoma de Madrid presentaba o Proxecto AssisT-Task. Esta investigación aplicada ofrece asistencia para a realización de tarefas da vida diaria a persoas con diversidade funcional intelectual. Para iso, baséase en códigos QR (para identificar as tarefas) e é a secuenciación das tarefas en pasos simples, apoiados con imaxes, podendo ser utilizado tanto na contorna doméstica, como o laboral e o educativo.

16/02/201808:02
Logo Fundación Vodafone España.
Barcelona

A Fundación Vodafone presenta os proxectos que mostrará no MWC 2018

A Fundación Vodafone España presentou en Barcelona as solucións que mostrará na próxima edición do Mobile World Congress (que se celebrará entre o 26 de febreiro e o 1 de marzo), todas elas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión a través da tecnoloxía.

Mefacilyta con Realidade Aumentada: Mefacilyta é unha ferramenta dixital que serve para crear e compartir contidos multimedia útiles e personalizados, dirixida especialmente a persoas con necesidades de apoio, como persoas con discapacidade intelectual, persoas maiores, persoas con parálise cerebral, etc.

A Fundación Vodafone España xunto con máis de 100 entidades, entre as que destacan AMPANS, TRACE (Associació Catalá de Traumàtics Cranioencefàlics i Dany Cerebral), a Fundació O MARESME e a Unidade de Ictus do Hospital Vall d'Hebrón, realiza o deseño e validación desta plataforma. Nesta ocasión, mostrarase na caseta de Vodafone no Mobile World Congress o último desenvolvemento baseado en Realidade Aumentada.

A plataforma, atendendo aos últimos avances tecnolóxicos e co obxectivo de achegar cada vez máis a tecnoloxía a estes colectivos, ofrece a creación de escenarios baseados en Realidade Aumentada, personalizables e desenvolvidos polo profesional que traballa con eles. Estes escenarios servirán, entre outros casos de uso, para traballar as sensacións, a percepción e os sentidos. Búscase así mellorar a asimilación da información sensorial que se lles ofrece optimizando a súa relación coa contorna e as súas aprendizaxes. Gañadores da XI Edición dos Premios ‘Connecting for Good' á innovación en telecomunicacións

Como cada ano estarán presentes tamén na caseta de Vodafone os proxectos galardoados na última edición dos Premios ‘Connecting for Good' á Innovación en Telecomunicacións.

PPa (Protection People app). Esta solución, desenvolvida pola ONG itwillbe, utiliza o recoñecemento biométrico (dactilar, facial e da pegada palmar) para que as Ong poidan identificar e xestionar os datos dos seus beneficiarios de maneira eficiente e transparente, e por tanto que as súas accións de protección de colectivos vulnerables teñan maior impacto. Ao estar ligado a unha app, pode ser utilizado en zonas remotas, de emerxencias, e en proxectos dirixidos a nenos que viven na rúa ou poboacións migrantes, entre outros. A “Librería para a xeración de linguaxe natural en español”, desenvolvida por Silvia García Méndez ten como obxectivo facilitar a comunicación a persoas con trastornos na linguaxe ou o fala grazas á adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. Grazas ao algoritmo desenvolvido, a xeración de linguaxe natural realízase de forma automática tanto para castelán como para inglés.

Por último, Navilens desenvolvida por NEOSISTEC en colaboración co MVRLAB (Laboratorio de Investigación en Visión Móbil) da Universidade de Alacante permite a persoas con discapacidade visual moverse de forma completamente independente en espazos descoñecidos, sen necesidade de ser acompañada. Mediante a instalación de marcadores visuais e utilizando Visión Artificial, esta tecnoloxía fai accesible a cartelería presente en calquera lugar (hospitais, aeroportos, hoteis, centros comerciais, etc.), utilizando para iso unicamente un dispositivo móbil. A tecnoloxía de Navilens estará dispoñible tamén na caseta de Vodafone no Mobile World Congress para guiar aos visitantes a través das distintas demos.

16/02/201808:02
Logo Fundación Mapfre.
Santiago de Compostela

A Fundación Mapfre apoiará proxectos con alto impacto social

  • A Fundación Mapfre convoca a emprendedores de Latinoamérica e Europa á primeira edición dos Premios á Innovación Social, por medio da cal apoiará con 30 mil euros aos proxectos gañadores

A Fundación Mapfre convoca a emprendedores de Latinoamérica e Europa á primeira edición dos Premios á Innovación Social, por medio da cal apoiará con 30 mil euros aos proxectos gañadores. A compañía indicou que as persoas interesadas en participar no certame poden presentar o seu proxecto ata o 30 de abril, o cal, ademais de ser innovador, debe ter impacto social, así como viabilidade de implementación desde o punto de vista técnico, económico e loxístico. Nun comunicado, explicou que se valorará a capacidade e experiencia dos participantes, respecto da súa demostración con probas piloto ou prototipos que levasen a cabo e que acrediten que o proxecto pode ser unha realidade. A convocatoria dos premios estará dispoñible en tres rexións xeográficas: Brasil, Latinoamérica e Europa. A final do certame celebrarase o 17 de outubro de 2018 en Madrid.

Os premios contemplan tres categorías: Mellora da Saúde e Tecnoloxía Dixital (e-Health), que recoñece proxectos enfocados a mellorar a cultura da saúde, impulsar condutas saudables e contribuír a un cambio de hábitos máis positivos. A segunda categoría é Innovación Aseguradora, que premia ideas tecnolóxicas dedicadas á promoción de seguros máis accesibles e transparentes para os clientes, así como mellorar o servizo e eficiencia das aseguradoras para incentivar o interese pola previsión social. Así como Mobilidade e Seguridade Viaria, que galardoa solucións tecnolóxicas que reduzan o número de accidentes, o tráfico e a contaminación, así como as propostas para implementar contornas urbanas máis sustentables. 

16/02/201808:02
Juan Pardo, director da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.
Vigo

Máis de 180 equipos de toda Galicia mediranse na competición de robots da EE Industrial de Vigo

A organización da competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial (Campus de Vigo) vén de informar da presenza no torneo de 185 equipos confirmados de todos os recantos de Galicia medindo forzas e enxeños o vindeiro 4 de maio. A proba, que vai pola súa cuarta entrega, acadou coa devandita cifra un récord de participación, e máis se temos en conta que, contando os membros dos ditos equipos, estariamos a falar dun milleiro de participantes. Estas cifras foron valoradas moi positivamente por Juan Pardo, director da EEI, quen recoñece que se ben a previsión era atopar unha boa resposta, as cifras de participación finalmente acadadas superaron as expectativas. 

En total, para a cuarta edición da proba, rexistráronse máis de 170 equipos na categoría Wall-E, dirixida a alumnado da ESO e Bacharelato, e 15 equipos na R2D2, para alumnado de titulacións superiores e outras persoas interesadas. A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entrega a organización da proba.

Cun total de 60 equipos, o 1º curso de Bacharelato é o que máis inscricións rexistrou, seguido de 2º da ESO con 41 e 4º da ESO con 37. Por provincias, a de Pontevedra sitúase á cabeza en canto á procedencia dos centros participantes, cun 63% do total, seguida de a de A Coruña con case un 34%. Asemade, cóntase con algúns centros das provincias de Lugo e Ourense, pero son maioría os de Pontevedra e A Coruña que van tomar parte nesta competición, coa que se busca que o alumnado, en especial as mozas, perdan o medo ás disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics), sobre todo no caso dos estudos de enxeñaría.

Superada a barreira dos 1000 participantes, a organización da competición está a considerar introducir algunhas modificacións respecto a anteriores edicións, “dunha banda, estudamos a posibilidade de habilitar algunha aulas para que alí as e os participantes poidan poñer a punto os seus robots e, da outra, pensamos en implantar algunhas melloras tecnolóxicas na medición dos tempos, para facelo dun xeito máis profesional”, explica o director do centro. A competición de robots está organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Enginieers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS