main content

main content
08/02/201808:02
Pernas de atletas.
Santiago de Compostela

A Rede CeMIT da Xunta organiza este venres unha xornada sobre a xestión online na sede electrónica para entidades deportivas

  • Está dirixida aos responsables dos clubes deportivos galegos para facilitarlles a actualización telemática dos seus datos no Rexistro de Entidades Deportivas
  • A Amtega e a Secretaría Xeral do Deporte coordinan a xornada, que terá lugar o 9 de febreiro de 12:00 a 13.30 horas no CDTIC
  • Poderá seguirse tamén por videoconferencia nas aulas CeMIT de 18 concellos de Galicia

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral para o Deporte organizan o 9 de febreiro a xornada “Faite dixit@l e tramita nun clic - Rexistro de Entidades Deportivas”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 12:00 h a 13:30 h.

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de emprazar a máis de 8.000 entidades deportivas de Galicia a actualizar a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas, de conformidade coa Lei do Deporte de Galicia. Nas vindeiras semanas estas entidades deberán achegar online, a través da sede electrónica da Xunta, a documentación necesaria para cumprir o trámite.

O obxectivo da xornada, dirixida aos responsables dos clubes deportivos galegos, é facilitarlles as nocións básicas sobre o funcionamento da sede electrónica, clarexar posibles dúbidas, difundir os servizos dispoñibles na sede e indicarlles as canles para obter máis información en caso de que a precisen durante a realización da xestión.

O enfoque da xornada será eminentemente práctico con exemplos sobre emprego dos diversos sistemas de identificación e sinatura dixital admitidos pola sede, incluído o sistema Chave365, que evita o uso do certificado dixital.

 

Aulas CeMIT participantes na xornada

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula CeMIT do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:

Provincia

Concello

Enderezo da Aula CeMIT

URL GoogleMaps

A Coruña

Santiago de Compostela

Rúa de Airas Nunes, s/n-Conxo

http://bit.ly/2E5ClHn

A Coruña

Abegondo

San Marcos, s/n,

http://bit.ly/2GOsp6N

A Coruña

Ames

Praza de Chavián s/n

http://bit.ly/2nJxPY7

A Coruña

Arzúa

Rúa Lugo, s/n

http://bit.ly/2nHaqrd

A Coruña

Brión

Carballeira de Santa Minia, 2 -baixo

http://bit.ly/2nC9fca

A Coruña

Coruña, A

Rúa Terranova de Eirís, 7

http://bit.ly/2E0fehj

A Coruña

Narón

Praza do Concello, s/n

http://bit.ly/2nDJWH3

A Coruña

Oroso

Rúa do Deporte, 9

http://bit.ly/2BZzL3A

A Coruña

Ortigueira

Rúa Márquez Cortiñas s/n

http://bit.ly/2s75SyP

Lugo

Barreiros

Estrada da Praia, 1 – San Cosme

http://bit.ly/2BHbGTt

Lugo

Carballedo

Praza Victor Portomeñe Carballedo (Santa Maria)

http://bit.ly/2nJOwCJ

Lugo

Ribadeo

Casa da Xuventude - Antonio Otero, 15-2º andar

http://bit.ly/2E419ni

Ourense

Bande

Casa do Concello, 1º andar - Rúa San Roque, 2

http://bit.ly/2EHK9jM

Ourense

Celanova

Parque das Triguerizas, s/n

http://bit.ly/2E4yWIP

Ourense

Ourense

Rúa do Abrevadeiro 1

http://bit.ly/2EHhRpu

Pontevedra

Cuntis

Casa do Médico - Circunvalación Don Aurelio, 65

http://bit.ly/2nHCJom

Pontevedra

Poio

Carreiro do Campo, 17

http://bit.ly/2BHtKge

Pontevedra

Pontevedra

Avenida Montero Ríos, s/n

http://bit.ly/2EdIapA

Pontevedra

Valga

Ferreirós, 1

http://bit.ly/2GM7OAd

 

En total disponse de máis de 260 prazas para asistentes, das que 25 están dispoñibles  presencialmente na aula CeMIT no CDTIC en Santiago de Compostela e o resto para seguir por videoconferencia.

Pódense consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros


A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

08/02/201808:02
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego.
Santiago de Compostela

A Xunta expón ao sector TIC a súa aposta pola cualificación especializada a través das unidades formativas na empresa

  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantivo hoxe en Santiago un encontro cos axentes e emprendedores deste ámbito para explicarlles a aposta do Goberno galego pola formación á carta en consonancia coas demandas das empresas
  • Apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0
  • Puxo en valor o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) que forma ao ano unha media de 1000 profesionais das TIC

 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego, incluíndo tamén emprendedores, a aposta da Xunta por este eido ofrecendo unha formación especializada en consonancia coas demandas das empresas, que se traduce, en palabras de Marnotes, na creación de máis e mellores postos de traballo.

O director xeral explicou que o Goberno galego traballa en adaptar a formación dos traballadores galegos ás necesidades reais do tecido produtivo con diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías, entre as que destacou as unidades formativas na empresa, dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0, como é o ámbito das TIC.

As unidades formativas dirixidas a desempregados ofrecen formación á carta na propia empresa que, pola súa banda, ten que comprometerse a un mínimo de contratación, ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. O prazo de solicitude para a primeira das convocatorias deste programa xa está aberto. Para presentar as inscricións das axudas correspondentes ao financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, o prazo rematará o 5 de abril. No caso dos incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2018.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia, a través desta actuación, o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.

Nesta convocatoria, optarán a estas axudas as empresas ou agrupacións temporais de firmas que presenten unha solicitude conxunta. Este programa inclúe tamén para 2018 de xeito novidoso o seu carácter bianual coa finalidade de que os cursos sexan máis complexos e poidan prolongarse durante máis meses, ata o ano 2019.

O programa destinado a ocupados céntrase na formación en empresas de sectores estratéxicos, entre os que se atopan as TIC. A previsión é a través desta iniciativa formar a 1500 traballadores en 500 compañías. O prazo de solicitude deste programa tamén está aberto, rematando o 2 de abril. O Goberno galego, a través desta actuación, financia tamén o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

 

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Outra das iniciativas que puxo en valor o director xeral de Orientación e Promoción Laboral é o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Xunta, específico para o sector TIC, no que se forman ao ano unha media de 1000 traballadores.

Marnotes avanzou a programación para este ano e lembrou que este centro vén de recibir un dos galardóns dos Premios TIC Galicia, que organiza o Clúster TIC Galicia, xunto coa Laconnetwork, o premio Iniciativa TIC, dedicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas ou privadas) que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e ao propio emprendedor. O galardón recoñece o labor do CNTG no seu impulso á formación dos traballadores con perfís tecnolóxicos e pola súa contribución a que este colectivo de profesionais estea preparado para dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo galego relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.

“Trátase, en definitiva, de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, rematou Marnotes, quen subliñou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.

08/02/201808:02
Visita ao IES Mestre Landín de Marín.
Marín

A Xunta destaca o impulso ao libro dixital coa renovación de portátiles e o reforzo da formación

  • Esta semana complétase a entrega de 13.000 novos equipos para o alumnado dos 154 centros E-Dixgal
  • O conselleiro de Educación e a directora da Amtega visitan o IES Mestre Landín de Marín, un dos centros beneficiados cos novos equipos
  • Román Rodríguez agradece o compromiso do profesorado con este proxecto, que busca xerar máis oportunidades de futuro ao alumnado e outorgarlle máis competencias no actual mundo global
  • Mar Pereira sinalou que os novos equipos serán a “mochila dixital” do alumnado, que lles que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais dentro e fóra da aula cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidencia

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, visitaron esta mañá o IES Mestre Landín de Marín, onde destacaron o impulso que se deu no curso actual ao proxecto E-Dixgal (libro dixital) a nivel de recursos e formación do profesorado. Precisamente, este instituto é un dos tres centros do concello marinense, xunto co CEP Sequelo e o CEIP da Laxe (nova incorporación este curso 2017/18) que traballan co libro dixital, e que ademais xa recibiron parte dos 13.000 novos portátiles que se están distribuíndo polos 154 centros E-Dixgal de toda Galicia. Na provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4982.

Tal e como destacou o conselleiro, a aposta polo libro dixital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, presentada en setembro do ano pasado. Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a máis de 11.600 alumnos.

Neste sentido, Román Rodríguez quixo agradecer o compromiso do profesorado con este proxecto, posto que supón un esforzo a nivel formativo. Por iso, curso a curso, a Consellería reforza o plan anual de formación do profesorado co fin de acompañar aos docentes na súa actualización e adquisición dos coñecementos clave para os retos que presenta a educación dixital. De feito, entre e setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos formativos, nos que participaron 430 profesores; e este curso tamén se puxo en marcha un plan de formación específico sobre E-Dixgal.

Tal e como salientou, “o IES Mestre Landín é un exemplo dese compromiso, dese traballo continuo dos profesores para preparar o alumnado de cara aos retos da sociedade global e darlle máis oportunidades de futuro”. Tamén valorou a introdución das TIC no ensino como unha ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, posto que se democratiza o seu acceso e uso independentemente da situación socioecononómica do alumno.

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que o reparto de equipos é unha da melloras previstas para avanzar cara unha educación integramente dixital. Neste sentido indicou “que pasamos do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao rapaz en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais a súa disposición, cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidencia.”

Na visita participaron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira.

 

Servizo Premium e novos contidos

En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.

Deste xeito, profesores, alumnos e familias disporán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (telefónica, correo electrónico, web, app no móvil, ...), dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha atención presencial. Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.

Respecto aos contidos, a principios de 2018 a editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma materiais innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato do provedor de contidos en inglés.

 

Mellora da conectividade

A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.

08/02/201808:02
Innovames.
O Milladoiro

O Milladoiro converteuse en capital da innovación e a tecnoloxía que se comparten

Finalmente a Casa da Cultura do Milladoiro foi, o pasado 2 de febreiro co gallo da xornada Innovames organizada polo Concello de Ames, un fervedoiro de cultura Maker. Ou sexa, da cultura de faino coas túas mans. Por que motivo? Pois por varias razóns: porque se fixo un convite integral a crear colectivamente tecnoloxías (sen límites autoimpostos), porque se compartiron coñecementos a esgalla e porque se reivindicou un tipo de recursos tecnolóxicos doados de empregar e de entender por xente de todas as idades e formacións. Ademais, abríronse xanelas ás principais correntes tecnolóxicas futuras: foi como albiscar como serán as/os makers de dentro dunha década. 

Segundo nos conta o Concello, a programación matinal estivo adicada aos profesionais do sector, mentres que pola tarde, entre as 16:00h e as 20:00 horas, as actividades e obradoiros estiveron destinados a un público familiar. Innovames, que contou coa presenza de grandes referentes da innovación a nivel galego, nacional e internacional, completouse cunha exposición de proxectos do evento Maker Faire Galicia 2017 e cunha demostración de experimentos científicos. O alcalde José Miñones foi o encargado de inaugurar a cita, mentres que a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, clausurou a xornada da mañá.

O obxectivo foi achegar as últimas tendencias do mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo” e abranguendo conferencias e mesas de debates centradas na tecnoloxía, na innovación, no audiovisual e na utilización de novos materiais. O rexedor, na xeira de mañá, salientou moi positivamente o feito de que Ames acubillase un evento destas características, por dous motivos fundamentais: “Por unha banda, porque son profesor da USC no eido da nanotecnoloxía e antes de ser profesor era investigador nesta mesma universidade; e segundo motivo é que a través deste evento temos a oportunidade de dar a coñecer as empresas do Polígono Novo Milladoiro, no que abundan compañías relacionadas coa tecnoloxía e o audiovisual”. Segundo engadiu, o complexo empresarial do Milladoiro “xa se comeza a coñecer co nome de Milladoiro Valley”, xa que cada vez son máis as empresas que elixen este parque empresarial para medrar. “Podemos dicir que proximamente instalarase en dito polígono unha importante empresa de informática con máis de 100 traballadores”, avanzou, enxalzando de seguido a importancia de innovar, porque “innovar é avanzar, avanzar e medrar e medrar é Ames”. Sobre as 10:00 horas celebrouse un relatorio sobre as posibilidades da nanotecnoloxía nunha manchea de sectores. Sonia Pazos Álvares do INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), foi a encargada de dar a coñecer todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. O programa matinal incorporou, así mesmo, a presenza de diferentes representantes de empresas asentadas no polígono Novo Milladoiro como é o caso de NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit, entre outras. Estas firmas ofreceron cadanseu punto de vista sobre o estado da innovación nos seus respectivos sectores. 

A maiores, a xornada, como dixemos, deu acubillo a un espazo de exposicións no que se mostraron exemplos salientables de enxeños maker galegos, coa presenza de argalleiros creadores de proxectos de innovación de referencia. A programación matinal rematou cunha sesión de networking, que buscou a creación de sinerxías entre empresarios, empresarias e makers asistentes.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou no acto de clausura da mañá que “coa creación de Innovames”, o Concello de Ames “buscou poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital maker que atesouramos”. A edil tamén incidiu “no gran capital empresarial que ten o parque Novo Milladoiro” con “grandes empresas que traballan no desenvolvemento tecnolóxico e que se basean na innovación”. Ademais, adiantou que dende o seu departamento xa están a traballar na vindeira edición deste evento que pretenden consolidar no concello de Ames.

As actividades programadas para a tarde estiveron enfocadas para un público familiar, coa realización de diferentes actividades e obradoiros orientados ás máis cativas e cativos: demostracións de ciencia, realidade virtual, obradoiros de robótica, videoxogos, un espazo para programar aplicacións móbiles. Na mostra de enxeños da Maker Faire Galicia 2017 participaron as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S, I.E.S Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR e SPAINLABS. A programación tamén incluíu unha demostración de experimentos científicos. Despois da organización do Roteiro Maker de decembro de 2016, este é o segundo evento deste tipo organizado polo Concello de Ames.

07/02/201813:02
Presentación sdiE[17.
Madrid

O salto de España da Sociedade Dixital á Sociedade Cognitiva

Dirixímonos cara a unha sociedade cognitiva baseada na información que os usuarios de dispositivos conectados facilitamos a través da experiencia e a avaliación. Información que a Intelixencia Artificial e a Internet das Cousas (IoT) encárganse de analizar primeiro, para xerar despois solucións personalizadas a todos os ámbitos da vida. É unha das conclusións do Informe da Sociedade Dixital en España 2017 que a Fundación Telefónica presentou esta semana.

Segundo o estudo, España prepárase para dar o salto da sociedade dixital á sociedade cognitiva. Cando aínda falamos dos procesos de transformación dixital que viven a administración pública e o sector privado, o informe que cada ano aglutina o estado de implantación das TIC en España e apunta as tendencias do sector, asegura que a española é xa unha sociedade dixital grazas aos servizos de banda larga de acceso móbil que traen un proceso transformador imparable. Ademais, o informe sitúa a rede española de acceso mediante fibra como a terceira máis extensa entre os países da OCDE e a primeira de Europa.

Seguir lendo na fonte da noticia...

07/02/201813:02
Logo porTalento.
Santiago de Compostela

Coñece os cursos e ciclos de formación dispoñibles para persoas con discapacidade

  • Na seccion Educación-Cursos de Discapnet publicamos cada semana as últimas novidades de cursos para persoas con discapacidade dispoñibles

 

Entre os cursos dispoñibles neste momento atópanse cursos organizados por Por Talento, xestionados por INSERTA Emprego e outras organizacións, así como outros centros formativos.

Para acceder aos cursos de Por Talento é necesario estar rexistrado no portal como candidato, e logo preinscribirse no curso elixido, onde o equipo de emprego e formación valorarán dita solicitude.

Os cursos sempre están orientados a complementar e ampliar a formación do usuario/a para un mellor posicionamento no mercado laboral e para fomentar a inclusión laboral.

Entre os cursos que se atopan este momento dispoñibles para a solicitude está o de Desenvolvedor web, un curso presencial, que se impartirá en Málaga e Madrid. O límite para a inscrición é o 1 de abril para o de Málaga e o 5 de marzo para o de Madrid.

Outros dos cursos que destacamos na web son o de formación para o sector sanitario, o taller "abrindo portas" e outros cursos e talleres orientados a profesionais do sector médico e sanitario.

Esta mesma semana péchanse as datas límite de inscrición para algúns cursos de interese que se impartirán en Barcelona, Lugo, Ferrol, Oviedo e As Palmas de Gran Canaria. Por exemplo o que forma para ser monitor de comedor escolar (pecha o 9 de febreiro a inscrición e será en Canarias) ou o de atención básica ao cliente (pecha o 9 de febreiro e impartirase en Ferrol, e outro que se impartirá en Lugo, pecha o rexistro este mércores 7 de febreiro).

Máis información en Por Talento.

07/02/201812:02
Logo Kipam.
Vigo

Docentes do Programa Universitario de Maiores fórmanse en programas especializados para o seu alumnado

Entre unha aula de mozas e outra de estudantes sénior existe unha multitude de diferenzas derivadas da idade, da motivación, da presión das cualificacións, etc. Por iso, para os docentes dos programas de maiores é de especial importancia coñecer as claves que lles permitan adaptar as clases ás características do alumnado. Este é o obxectivo da xornada de formación que se desenvolveu no campus de Vigo organizada ao amparo do proxecto 'Erasmus+ Kipam' do que a Universidade de Vigo é entidade social. Neste foro, ao redor de 40 profesores e profesoras do Programa para Maiores dos tres campus universitarios galegos participaron en tres sesións que tiveron como obxectivo axudarlles a conducir as súas clases, unha das premisas dos deseñadores deste proxecto europeo. 
 
E é que a finalidade principal do Erasmus+ Kipam, explica Michel Nombela, responsable do Programa para Maiores da Universidade, é "aproveitar o potencial das universidades como institucións de educación superior, é dicir, o coñecemento, organización, infraestrutura, persoal, etcétera, para establecer e desenvolver centros ou unidades que difundan a idea da aprendizaxe ao longo da vida entre as persoas maiores de 50 anos". Ademais, que as persoas maiores se convertan nun colectivo máis activo e independente mediante o desenvolvemento de competencias non vocacionais, co obxectivo de evitar a súa exclusión social.
 
O curso comprendeu tres sesións ao longo da xornada nas que se abordaron desde unha análise das características xerais do alumnado constituído por persoas maiores de 50 anos, ata unha reflexión sobre os métodos de aprendizaxe máis recomendables para desenvolver a docencia co alumnado sénior. Xa pola tarde os docentes aprenderon a identificar e previr situacións difíciles dentro da aula con estudantado de máis de 50 anos.
 
Formación
O curso foi impartido polo propio Nombela, xunto con Marisa Castro e Alberto Vaqueiro, coordinadores do Programa para Maiores nos campus de Vigo e Ourense, respectivamente.
Nombela explicou que o obxectivo da xornada era "mellorar as calidades e aptitudes do profesorado dos maiores. O que queremos non é impoñer modelos nin maneiras de facer as cousas, unicamente suxerir opcións e que lles sirva de axuda para mellorar as competencias á hora de enfrontarse á docencia con maiores". 
 
Os asistentes achegáronse ás características propias do alumnado sénior, “un colectivo moi heteroxéneo, cunha franxa de idade moi ampla”, apunta Nombela, que "vai desde os 55 anos ata os 82, idade dos estudantes máis maiores deste curso". Por outra banda, nestas aulas hai tanto xente xubilada como en activo, persoas con estudos universitarios e outras que non tiveron a oportunidade de estudar na súa mocidade. Ademais as experiencias vitais de cada persoa son moi distintas, engade, e en función do grupo, "débense adaptar as clases”, remarca esta experta.
 
Motivación senior
Neste sentido tamén fixo fincapé nas características que definen as aulas sénior. “É o perfil ideal: con motivación, con interese polos contidos, moi participativo, con ilusión e sen a presión das notas”. Isto tamén require deseñar a docencia e elixir as metodoloxías tendendo a estas circunstancias. Así, nesta xornada o persoal docente tamén asistiu a unha sesión centrada neste aspecto, que como recoñece o coodinador, “non pretende propoñer nada diferente do que se emprega nas aulas de grao ou posgrao”: técnicas como o traballo en grupo, aprendizaxe por proxectos ou a motivación por obxectivos. “Comprobamos que se lles explicamos os obxectivos e ven clara a utilidade e repercusión na súa vida, implícanse moitísimos máis”. Para Nombela esta é a verdadeira fortaleza do Programa de Maiores da Universidade de Vigo, “que sexa aberto, que non se impoña un programa docente, senón que cada un elixe as materias e crea o seu propio itinerario docente”, e isto contribúe a incrementar “a motivación” e a que o “alumnado acuda ás clases con ilusión”.
 
Finalmente, a xornada completouse cunha sesión para aprender a identificar situacións complexas nas aulas. Son contextos cos que as e os profesores “seguramente xa se atoparon, pero outros hai que telos en conta” como propios de grupos desta idade. Por exemplo, o responsable do programa lembra que para moitos estudantes sénior trátase dunha situación nova, “é a primeira vez que forman parte dunha clase de alumnos universitarios”. Por outra banda tamén destaca que, aínda que a experiencia vital de cada un contribúe moito e enriquece as relacións e a formación, tamén é certo que se aferran “ás súas vivencias, á súa experiencia profesional e de vida e, ás veces, é complicado facerlles cambiar unha idea preconcibida”. Outro aspecto para ter en conta son as novas tecnoloxías, porque aínda que hai estudantes que se desenvolven ben na contorna dixital, a outros élles alleo, conclúe.
07/02/201809:02
Muller usando un ordenador.
Santiago de Compostela

Como atraer o talento feminino cara ao negocio tecnolóxico

  • É indispensable un cambio na cultura empresarial

 

As longas xornadas de traballo e o ambiente discriminatorio da industria tecnolóxica escorrentan ás mulleres, a pesar de que a UE ten unha estimación de crecemento do emprego do 8% ata 2025 no sector. Un estudo de universidades catalás propón medidas para lograr unha maior igualdade de oportunidades. Segundo os especialistas, é necesario un cambio cultural nas empresas, con novas regras para a xestión do tempo e programas de asesoramento.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), as mulleres supoñen un 23,8% dos empregos en tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) en España. Unha investigación da Universidade Aberta de Cataluña e a Universidade de Barcelona analiza as razóns polas que as mulleres están infrarrepresentadas neste sector. Entre elas destaca un ambiente moi masculinizado, con longos horarios que non facilitan a conciliación.

Ana González Ramos, investigadora en socioloxía de Universidade Aberta de Cataluña e autora principal do estudo, explica a Sinc que hai grandes oportunidades neste sector económico: “A UE estima que haberá un crecemento do emprego do 8% ata 2025 na industria tecnolóxica e as previsións mundiais tamén apuntan no mesmo sentido, polo que resulta moi importante abordar un cambio de tendencia que incorpore a máis mulleres preparadas con destrezas suficientes para deseñar e producir innovacións tecnolóxicas”.

Na súa opinión, “estas habilidades non terán porqué vir de carreiras tecnolóxicas puras e duras, senón que poderían proceder de campos do coñecemento moi diversos, desde a bioloxía e a saúde ata as artes ou a filosofía, pero cunha base relacionada coas TIC”.

 

Tendencia á sobrecualificación

A autora destaca que o actual clima laboral desta industria “dificulta que as mulleres poidan compaxinar as súas aspiracións profesionais e persoais. As xornadas intensas, a dispoñibilidade total e a dedicación extralaboral son algúns dos factores considerados como máis negativos”.

As mulleres que finalmente se deciden por unha carreira tecnolóxica e logran traballo no sector “atópanse cun mundo complexo, organizado dunha maneira allea aos seus intereses, e sustentado en prácticas informais masculinas dentro e fóra da contorna de traballo. Todo iso produce situacións de illamento que, en ocasións, conducen a unha sobrecualificación das mulleres como única maneira buscar espazos de recoñecemento nos núcleos de poder establecidos”, agrega González Ramos.     

O estudo atopou que a idade supón tamén un motivo de discriminación engadida ao xénero. Os datos da EPA indican que as mulleres menores de 24 anos e maiores de 46 son as que teñen maior dificultades para atopar traballo en compañías TIC.

Por outra banda, as empresas do sector puxeron de manifesto a necesidade de que as universidades sexan máis flexibles á hora de formar aos estudantes de maneira óptima para adaptarse ao cambiante sector das tecnoloxías. Con todo –opina González Ramos– “moi poucas firmas teñen en conta os beneficios que achega a diversidade dos equipos de traballo”.

 

Promoción das vocacións tecnolóxicas femininas

Respecto das medidas para que a situación cambie, a experta menciona, entre outras, “a promoción das vocacións tecnolóxicas femininas mediante programas de asesoramento e dar visibilidade ás mulleres que ocupan postos de responsabilidade na industria”. Tamén cre necesario “cambiar a imaxe dos estudos de tecnoloxía, mostrando non só o seu aspecto gris, senón as súas utilidades en campos como a saúde, a seguridade, o deseño e a arte”.

Pero, sobre todo, “é necesario que as compañías cren condicións do emprego máis igualitarias, especialmente en canto á fenda salarial e as oportunidades de progreso, e unha mellor xestión do tempo para atraer o talento feminino”, conclúe. 

O artigo, publicado na Revista Española de Investigación Sociolóxica, foi elaborado dentro do proxecto GENTALENT, que busca promocionar o talento das mulleres no sector ocupacional das tecnoloxías e que conta con financiamento da Asociación Catalá de Universidades Públicas (ACUP) e a Obra Social ”la Caixa”.

07/02/201809:02
Cartel do evento.
Lugo

O mes que vén celebrarase en Lugo o segundo TEDxRúaSanFroilán

A despedida do TEDxGalicia o pasado mes de decembro non supón a desaparición dos eventos independentes TED en Galicia, senón que o vindeiro 10 de marzo no auditorio do centro cultural O Vello Cárcere de Lugo terá lugar a segunda edición de TEDxRúaSanFroilán.

Este encontro que xirará ao redor das intelixencias contará con 9 relatores que achegarán os seus puntos de vista dende ámbitos tan diversos como a ciberseguridade, a educación, o deporte ou a comunicación. Temos así que destacar a participación de Roberto Anta, especialista en ciberseguridade; de Mar Castro, comunicadora especialista en NETiqueta, oratoria emocional e protocolo; e Daniel Sánchez, físico especializado na transformación das empresas en entidades eficientes.

Os interesados en asistir a este encontro deberán aboar 12 euros cos que sufragarase a organización do evento, e dado que só poñen a disposición do público 80 billetes, espérase que en poucos días xa non estean dispoñibles.

O evento que terá lugar entre as 10:00 e as 14:30 horas conta co patrocinio e a colaboración do Concello de Lugo, Abanca, DNG Photo Magacine, Carmen Porteiro e a Fundación TIC, resultando un tanto rechamante que a comunicación en liña a realicen unicamente en español.

07/02/201809:02
Logo Blappy.
Santiago de Compostela

Blappy, o whatsapp para persoas con discapacidade visual e auditiva

Pregúntaste cal é a maneira máis rápida na que se poden comunicar as persoas con discapacidade visual e auditiva entre eles? Hoxe coñecemos unha das apps que mellor comunica a persoas con este tipo de discapacidades, BLAPPY.

En España hai preto dun millón de persoas que teñen discapacidade visual e ao redor doutro millón que teñen discapacidade auditiva, segundo o Centro Español de Subtitulado e Audiodescripción (CESyA). Por iso, investigadores desta institución, xestionada pola Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), desenvolveron Blappy, unha aplicación gratuíta para smartphones que permite a comunicación por chat entre dúas persoas con diversidade funcional.

Blappy, é unha aplicación que se pode baixar libremente en Android, que mediante conexión bluetooth entre dous dispositivos móbiles permite conversar ben textualmente, ben por mensaxes. O seu creador, Adrián Baeza, definiuna como “unha ferramenta que permite o diálogo cando os interlocutores non comparten a mesma canle de comunicación, xa sexa por diversidade idiomática ou por diversidade funcional”. Para iso converte mensaxes de voz en texto e viceversa.

Ademais, tamén ofrece a posibilidade de incluír imaxes con alto contraste, facer zoom na pantalla e é compatible co servizo de accesibilidade TalkBack, deseñada por Google para discapacitados visuais.

Personaliza as túas Comunicacións

  • O modo de vista normal (con tons azuis) ou no alto contraste (branco, amarelo e negro).
  • Configuracións de axustes do chat como o tamaño da fonte, o modo de notificacións, o fondo de pantalla elixido…
  • Variables que se gardan se é a primeira vez que se executa a app.
  • Modo de inicio da aplicación co tutorial ou sen el.
  • Incorporación do botón “Home” na barra superior de navegación en todas as pantallas de axustes e da sección axuda para volver ao menú principal e facilitar a navegación.
  • Engadido ao menú superior, a opción de borrar a conversación.
  • Selección continúa do foco na caixa de texto para o envío de mensaxes e apertura automática do teclado.
  • Borrar conversacións individualmente desde o propio chat ou desde a sección de conversacións gardadas, ou na pantalla principal mediante pulsación longa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS