Entre medias hai miles de persoas que necesitan asistencia en momentos puntuais do seu día a día, unha axuda que moitas veces prestan os familiares ou amigos.
Con todo, a web Familiados ofrece a estas persoas a posibilidade de acceder a un coidador profesional dunha maneira moi sinxela e rápida, a través de Internet e elixindo o coidador que prefiran entre as opcións máis próximas ao seu lugar de residencia.
Así, a través de páxina os interesados poden solicitar asistencia indicando o lugar no que se atopan e recibirán unha lista de coidadores profesionais, na que poderán ver os comentarios doutros usuarios que xa foron atendidos por esta persoa.
Unha vez contraten ao seu coidador profesional, poderán facer os trámites de pago a través da propia web, o que tamén facilita todo o proceso.
Para utilizar o servizo os usuarios danse de alta e buscan ao coidador que mellor se axuste ás súas necesidades e que eles prefiran, e pregúntanlle se ten dispoñibilidade. En paralelo, a plataforma buscará a outros coidadores que si estean dispoñibles e ofrecerá esa alternativa ao usuario por se o profesional que elixiu en primeiro lugar está ocupado.
Unha vez se atopou o profesional que se desexa e que teña dispoñibilidade, o usuario pode reservar o servizo e realizar o pago, que poderá cancelar sen custo ata dúas horas antes da cita prevista.
Pola súa banda, os coidadores que queiran formar parte deste ‘marketplace' poderán darse de alta e ofrecer os seus servizos a través da plataforma.
Familiados é unha grande idea que se puxo en marcha hai case dous anos e que tamén ofrece servizos de coidado de nenos, tarefas do fogar ou transporte.
A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra ten deparado un amplo programa de actividades TIC para autónomos, empresarios e empresas da provincia este mes de febreiro. Segundo vén de informar a entidade que preside Carmela Silva, as oficinas da SmartPEME da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante este mes de febreiro dezaoito novos obradoiros. Como lembraremos, SmartPEME é a rede tecnolóxico-dixital de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, a rede SmartPEME (con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, a partir de datas vindeiras, todo apunta a que tamén na Estrada).
En febreiro, a primeira oficina en acoller un dos obradoiros será Ponteareas, que o venres 2 acollerá o curso Woocommerce II – A solución para vender por internet. Unha semana despois, o xoves 8 febreiro impartirase o obradoiro Edición de fotografía para plataformas e-commerce. Pola súa banda, o mércores 14 de febreiro será a quenda do curso Aprende a promover a túa empresa con Pinterest e o martes 20, Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Dous días máis tarde, Ponteareas acollerá o curso Linkedin: a túa rede de networking e rematará o mes o luns 26 con Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5. Todos os cursos tamén comezarán ás 19.00h.
Pola súa parte, as dependencias do Porriño acollerán o seu primeiro obradoiro do mes o vindeiro luns 5 de febreiro con Fotografía de vehículos para a súa venda online. Esa mesma semana, o mércores 7 de febreiro, celebrarase o obradoiro Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite. A actividade no Porriño seguirá o luns 12 de febreiro, con Linkedin: a túa rede de networking. Tamén esa mesma semana, o xoves 15 de febreiro, terá lugar o curso Woocommerce I – A solución para vender porInternet. Para rematar, o mércores 21 de febreiro terá lugar o curso Aprende a promover a túa empresa con Pinterest e o martes 27, Sesión informativa: Así funciona Whatsapp Business. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
En canto as quendas na oficina de Vigo, a primeira será o martes 6 de febreiro, co curso Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería. A segunda, será Facebook para non iniciados e impartirase o luns 12 de febreiro, tan só dous días antes do terceiro obradoiro do mes, Crea os teus propios informes: Google Data Studio. Unha semana despois, o martes 22 de febreiro, impartirase en Vigo o curso Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura?. Pola súa banda, o xoves 22 de febreiro terá lugar o obradoiro Comercio electrónico para micropemes e para rematar, o mércores 28 de febreiro, Prestashop I: Comeza a crear a túa propia tenda online. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3. Os catro obradoiros comezarán ás 19.00h.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O Concello de Ames, a xeito de complemento da gran xornada Maker do 2 de febreiro no Milladoiro (a xuntanza argalleira Innovames), organizou esta terceira feira, martes 30, unha charla sobre a filosofía do Do it yourself (faino coas túas mans) aplicada á tecnoloxía, á robótica e ao desenvolvemento científico. A cita foi no IES do Milladoiro, e foi impartida por Marcos Saavedra, de Design Thinkers & Makers SL, quen mostrou perante o alumnado de 4º da ESO en que consiste o concepto Maker e que tipo de argalleira/o define: unha persoa innovadora que inventa ou desenvolve un produto e súbeo á Rede para compartilo co resto do mundo. Deste xeito, sinalou, “o mundo Maker é un movemento aberto, un modelo orientado a actividades de fabricación tecnolóxica, robótica, impresión 3-D, metalurxia, carpintería”.
Saavedra tamén explicou que este movemento a prol do coñecemento e as habilidades en aberto compleméntase coa firme crenza nas importantes capacidades de cada quen (todo o mundo sen excepción leva un deseñador ou creador de tecnoloxías dentro) e nas importantes potencialidades da reciclaxe (un mundo con máis reciclaxe é un mundo máis intelixente e sustentable). Isto, sinalou, é aplicable á xente de a pé, pero tamén ao eido empresarial: “Cada día son máis as empresas que advirten o potencial deste perfil e incorporan makers ao seu persoal para que solucionen os problemas máis variados”.
A charla tivo unha duración aproximada dunha hora, e ademais, de falar disto tamén se lles explicou aos rapaces e rapazas o programa da xornada Innovames deste venres 2 de febreiro. Por último, animouse ao alumnado a inscribirse nos obradoiros que se van a celebrar en dita xornada.
Sobre Innovames
Este 2 de febreiro, na Casa de Cultura do Milladoiro, temos unha cita co espírito Maker. A cita Innovames vén da man do Concello de Ames, e trátase dunha xornada de innovación e argalleira (Maker). Contarase coa presenza de grandes referentes da filosofía do Do it yourself aplicada ao software, á robótica, a proxectos científicos ou a calquera tipo de enxeño, tanto a nivel galego como estatal e internacional.
Pola mañá, de 09:00 a 14:00 horas, haberá unha xornada adicada a profesionais do sector. De seguido, pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos/as, unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2018 e demostracións de experimentos científicos. Este é o segundo evento destas características que organiza o Concello de Ames, despois do Roteiro Maker feito en decembro de 2016. Para obter máis información ou inscribirse na xornada profesional e nos obradoiros hai que acceder á web innovames.gal. Segundo informa a organización, premendo na ligazón da dereita, baixo o apartado de descargas, poderemos obter o programa de Innovames.
O obxectivo deste encontro Makeré achegar as últimas tendencias no mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que dean lugar a proxectos innovadores”.
Esta iniciativa está composta de conferencias e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Todo isto, informa o Concello, conforma o groso dunha programación que se artella en dúas xeiras. Por unha banda, a matinal, que estará dirixida exclusivamente ao sector profesional. As 09:30 realizarase a presentación do evento. De seguido, de 10:00 a 10:30 horas, contarase coa presenza de Sonia Pazos Álvarez do INL, International Iberian Nanotechnology Laboratory, que ofrecerá un relatorio sobre as posibilidades que nos outorga a nanotecnoloxía en múltiples sectores e onde presentará todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. No programa matinal tamén destaca a presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no polígono do Novo Milladoiro como NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit entre outras compañías locais, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.
Ademais, haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presenza de makers galegos creadores de proxectos de innovación de referencia. Uns petiscos porán o punto final a unha sesión de networking que se dirixe a impulsar creación de sinerxías entre empresarios e argalleiros asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “coa creación de Innovames o Concello de Ames busca pór en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital Maker galego”.
Programa de tarde
O evento completarase cunha sesión de tarde que estará máis enfocada ao público familiar a través da programación de diferentes actividades e obradoiros orientados aos máis cativos. Celebraranse demostracións de ciencia e de realidade virtual, obradoiros de robótica e videoxogos, e habilitarase un espazo para programar aplicacións móbiles. A xeira de tarde comezará as 16:00 horas cun obradoiro de papirotrónica, dirixido a nenos e nenas de máis de 6 anos. De 18:00 a 20:00 haberá outros dous obradoiros de robótica e de programación de apps, que están dirixidos a nenos/as de máis de 8 anos.
Ademais, durante toda a tarde haberá unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 na que participarán as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S., I.E.S. Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR, e SPAINLABS, así como demostracións de experimentos científicos.
O Concello da Coruña (Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento) vén de facer reconto do acadado coa programación da segunda tempada de Coruña Dixital, que dende maio a novembro fortaleceu e ampliou o cometido inicial do programa: facilitar a expansión das distintas prácticas de cultura dixital que se dan na cidade e na súa contorna. Segundo lembra a organización, este ano fíxose fincapé na creación audiovisual coa posta en marcha do LAIC: Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación. O seu obxectivo foi potenciar o talento, facer comunidade e tirar proveito das posibilidades da Internet.
Entre as principais actividades desenvolvidas ao abeiro do LAIC atopouse a súa presentación a Casa dos Peixes (o 16 de xuño, contando coa participación dos principais colectivos de creación audiovisual e dixital da Coruña, como por exemplo Videolume ou Bricolabs) ou a convocatoria aberta para facer comunidade arredor do LAIC (o 26 de xuño, nunha xuntanza á que acudiron medio cento de persoas de diversos perfís: youtubers, cineastas, expertos en redes sociais e mercadotecnia, arquivos, etc). Asemade, o 13 de setembro presentouse de xeito oficial a programación do LAIC, nunha xuntanza arredor da innovación audiovisual na que estivo presente o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, coa asistencia de 40 persoas. Neste encontro presentouse a imaxe de marca propia do LAIC, e comezouse a difundir o cartel e mais o folleto coa programación por toda a cidade e polas redes sociais.
A programación do #LAIC desenvolveuse “de xeito intensivo”, en palabras do Concello, durante os meses de outubro e novembro en distintos espazos da cidade. Estas foron as nove sesións celebradas:
Fóra da programación do LAIC, Coruña Dixital estivo presente na organización de distintas actividades impulsadas por outras iniciativas na cidade, facilitando espazos ou apoiando en tarefas de produción e comunicación. Ao abeiro desta liña de actividade, realizáronse varias charlas sobre software libre ao abeiro dos GPUL Labs, estreouse a serie Peter Brandon no Teatro Rosalía (co apoio de Coruña Dixital), celebrouse o Noroeste Videocampo ou desenvolveuse o Hackatiño (onde seu deu forma a catro aplicacións para mellorar a mobilidade na Coruña.
Ademais, Coruña Dixital colaborou con outras actividades como o LabComSeaSons, un laboratorio de comunicación multimedia para o festival Sea Sons, que xurdiu do colectivo Videolume. A maiores, o programa viaxou até Pontevedra para participar na segunda edición do Tek-Fest, Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio, nunha mesa redonda sobre culturas de vangarda en Galicia, xunto con outras iniciativas e festivais como SinSal, WOS ou Carballo Interplay.
Outra das actividades foi o desenvolvemento do Kit de activación dixital, que se define como un punto de encontro e guía profesional web para poñer en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación e a innovación audiovisual, especialmente nas aulas de centros educativos e nos espazos socioculturais de proximidade.
Este 2 de febreiro celébrase o oitavo aniversario do evento Laconnetwork detallando o programa de actividades, e entre as cousas que vai acoller esta oitava edición e que non podemos deixar de lado atópase sen dúbida a presentación do Programa Especial Hamsternauta (HANA). De que se trata o programa Hamsternauta? Pois basicamente de facilitar aos centros de educación secundaria os recursos precisos para converter o soño espacial do seu alumnado en realidade: o soño de contribuír, cos seus recursos, á carreira espacial e ao coñecemento do que está alén das nosas nubes.
Máis polo miúdo, a través desta iniciativa poderán enviar fóra da Terra o dummy dun hámster coa axuda dunha sonda e un globo meteorolóxico. O programa vén da man das startups da Asociación Galega de Innovadores en TICs. O reto do alumnado participante: lograr a misión máis completa.
Segundo nos explica Frankie Gómez dende a organización, a clave para acadar a misión máis completa e as mellores valoracións do xurado reside nas seguintes tarefas: ensamblaxe de compoñentes informáticos con programacións sinxelas, adestramento do Hamster, cálculos de gases, aceleracións, deceleracións, xeolocalización e “unha longa listaxe de posibles investigacións tan reais como as que até hai moi pouco só eran posibles para as axencias espaciais”.
Como dixemos, os instrumentos básicos a empregar son un globo meteorolóxico e unha sonda desenvolvida polos propios escolares. A súa misión consistirá en recuperala e manter con “vida” o seu boneco-hámster, polo que terán que avaliar ao detalle cada fase do proxecto.
A xeito de respaldo tecnolóxico, achegando a súa bagaxe, as empresas da dita asociación (asiduas dende hai oito anos ao evento Laconnnetwork, estreitando ligazóns e xerando colaboracións) subministrarán dende diferentes áreas de actividade os elementos técnicos, os coñecementos en programación e as sinerxías precisas para que este proxecto colectivo se converta en éxito.
Entre estas firmas innovadoras atópanse, por exemplo, Fitting Pup, adicada a facer seguimento da saúde das mascotas (será a encargada de prover o dummy e a sonorización do hámster); Lupeonou IPglobal, que interveñen fornecendo de compoñentes de impresión 3D ou aditiva, así como compoñentes tecnolóxicos de última xeración, entre os que se contan sensores, placas e sistemas de alimentación para que os enxeños soporten os menos de setenta graos que pode acadar a sonda a 30.000 pés de altura (unha altura dúas veces máis grande cá aquela na que adoitan voar os avións). Tamén contribuirán ao proxecto APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin.
Para elixir o proxecto gañador, teranse en conta aspectos como o investimento en compoñentes, o número de participantes por grupo, cantos mozos e mozas concorren no grupo, os experimentos e cálculos realizados antes da misión, o grao de colaboración con outros equipos, se é a súa primeira sonda ou é un reincidente, etc. “En resumo”, lembran a organización, “trátase dunha verdadeira carreira espacial divertida para nenos, pero coma nos anos sesenta”.
Como parte do proxecto está previsto realizar un campamento científico a finais de curso cos colexios que finalicen as sondas onde expertos de diferentes áreas darán o visto e prace definitivo aos lanzamentos. Aqueles que consigan un maior éxito da misión, poderían gozar dunha viaxe ás instalacións da NASA ou a unha das axencias espaciais da nosa contorna.
HANA é un programa educativo que achega a ciencia e a tecnoloxía de maneira divertida aos nenos de educación secundaria a través do desenvolvemento dunha misión espacial real.
A secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela, afirmou este mércores en Madrid que a tecnoloxía “ten que ser inclusiva”, porque se non o é “quedará curta”, ou, mesmo, “acabará por non ser tecnoloxía”.
Vela, tamén presidenta da Axencia Estatal de Investigación, fixo estas consideracións na sede da Fundación ONCE, na inauguración dun encontro con empresas tecnolóxicas, movemento asociativo da discapacidade e emprendedores, enmarcado na XI Asemblea Xeral da Plataforma eVIA.
O devandito encontro pretendeu dar a oportunidade aos seus participantes de coñecer retos, analizar problemas e buscar solucións que impulsen a autonomía persoal e a vida independente das persoas con discapacidade.
No seu discurso, a secretaria de Estado asegurou que se a tecnoloxía non é inclusiva, non será de utilidade, non só para persoas con discapacidade, senón para a sociedade en xeral, xa que calquera, nalgún momento da súa vida, necesitará que as TIC sexan accesibles. A representante do Goberno fixo un repaso do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación, aprobado polo Consello de Ministros o pasado 29 de decembro, que, segundo dixo, pretende conectar o desenvolvemento, a investigación e a innovación para que “sumen” e fagan chegar os resultados da I+D+i á cidadanía canto antes.
A xornada, titulada ‘Emprendemento e talento dixital para a inclusión laboral', contou na súa apertura tamén coa presenza de Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE; Jesús Hernández, presidente da Plataforma Española de Tecnoloxías para a Saúde e a Vida Activa e Independente (eVIA,) e director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE; Pedro Mier, presidente da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais (Ametic), e Felipe Romera, presidente da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
Alberto Durán agradeceu na súa intervención o labor que vén desenvolvendo a Plataforma eVIA para lograr unha sociedade dixital que non exclúa a ninguén. “Ese debe ser o obxectivo”, recalcou. “O mundo da tecnoloxía é unha enorme oportunidade, pero tamén un enorme risco de exclusión para as persoas con discapacidade”. Neste sentido, apostou por seguir avanzando na colaboración público-privada para chegar a superar todas as barreiras.
Na mesma liña manifestáronse Pedro Mier, presidente de Ametic, e Felipe Romeu, presidente de APTE, para quen o traballo conxunto de entidades cun papel relevante no emprego e na inclusión, e o apoio da Secretaría de Estado, é a mellor forma de avanzar.
O encontro enmarcouse na XI Asemblea Xeral da Plataforma eVIA, entidade que, segundo destacou Jesús Hernández, suma xa preto de 500 membros que apostan polos criterios de accesibilidade e deseño para todas as persoas. Ao longo da xornada abordaron o emprendemento e a empregabilidade das persoas con discapacidade.
Innovames é a xornada de innovación do Concello de Ames e celebrarase o 2 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxias que den lugar a proxectos innovadores.
Este 2 de febreiro celébrase no Milladoiro a cita Innovames, organizada polo Concello de Ames. O evento, unha xuntanza Maker, contará coa presenza de grandes referentes da filosofía do Do it yourself aplicada ao software, á robótica, a proxectos científicos ou a calquera tipo de enxeño, tanto a nivel galego como estatal e internacional. Será, ademais, unha cita para todas as idades e contornas: rompendo barreiras xeracionais e de formación. Un dos moitos proxectos que se poderá ver na exposición de Innovames vén da man, precisamente, dun grupo de estudantes do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, baixo a tutela dos profesores Lourdes García e Benito Búa. Trátase dun micrófono direccional que mellora a capacidade auditiva das persoas con problemas de audición.
O enxeño, que recentemente foi seleccionado para participar no prestixioso concurso Teen Tech e máis o evento Galicia Maker Faire (Santiago), foi desenvolvido por Inés Pérez, Javier de la Cruz e Carlos Argibay, todos eles estudantes de segundo de bacharelato. A súa proposta consiste nun micrófono direccional que emenda as eivas dos audífonos convencionais en espazos pechados, evitando ruídos e permitindo seguir polo miúdo os relatorios.
Doutra das achegas que poderemos ver na área expositiva (mostra de iniciativas presentadas en Galicia Maker Faire) temos falado previamente, salientando a súa participación no programa Connecting for Good Galicia de Vodafone, destinado a impulsar e acelerar proxectos tecnolóxico-sociais con vontade de mellorar a calidade de vida dunha manchea de colectivos. Trátase de PsicoVR, un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
O programa de Innovames
Pola mañá, de 09:00 a 14:00 horas, haberá unha xornada adicada a profesionais do sector. De seguido, pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos/as, unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2018 e demostracións de experimentos científicos. Este é o segundo evento destas características que organiza o Concello de Ames, despois do Roteiro Maker feito en decembro de 2016.
O obxectivo deste encontro Maker é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que dean lugar a proxectos innovadores”.
Esta iniciativa está composta de conferencias e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Todo isto, informa o Concello, conforma o groso dunha programación que se artella en dúas xeiras. Por unha banda, a matinal, que estará dirixida exclusivamente ao sector profesional. As 09:30 realizarase a presentación do evento. De seguido, de 10:00 a 10:30 horas, contarase coa presenza de Sonia Pazos Álvarez do INL, International Iberian Nanotechnology Laboratory, que ofrecerá un relatorio sobre as posibilidades que nos outorga a nanotecnoloxía en múltiples sectores e onde presentará todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. No programa matinal tamén destaca a presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no polígono do Novo Milladoiro como NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit entre outras compañías locais, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.
Ademais, habilitarase o devandito espazo de exposición.
Uns petiscos porán o punto final a unha sesión de networking que se dirixe a impulsar creación de sinerxías entre empresarios e argalleiros asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “coa creación de Innovames o Concello de Ames busca pór en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital Maker galego”.
Pola tarde
O evento completarase cunha sesión de tarde que estará máis enfocada ao público familiar a través da programación de diferentes actividades e obradoiros orientados aos máis cativos. Celebraranse demostracións de ciencia e de realidade virtual, obradoiros de robótica e videoxogos, e habilitarase un espazo para programar aplicacións móbiles. A xeira de tarde comezará as 16:00 horas cun obradoiro de papirotrónica, dirixido a nenos e nenas de máis de 6 anos. De 18:00 a 20:00 haberá outros dous obradoiros de robótica e de programación de apps, que están dirixidos a nenos/as de máis de 8 anos.
Ademais, durante toda a tarde haberá unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 na que participarán as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S., I.E.S. Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR, e SPAINLABS, así como demostracións de experimentos científicos.
Google segue mellorando a súa tenda para Android, e para iso acaba de dar un novo paso: engadir os audiolibros. Aínda que pareza que a Play Store de Google só é unha tenda de aplicacións para Android, é moito máis que iso: é un mercado que reúne aplicacións, xogos, películas, series de televisión, música, revistas e libros electrónicos. Agora, deu o salto e por fin poderemos adquirir tamén audiolibros para Android, unha característica que sairá en primeira instancia en corenta e cinco países e en nove idiomas distintos.
Este novo engadido non é máis que a progresión natural da Play Store a engadir contido máis accesible para todos os usuarios, e o que de feito nos sorprende é que non estivesen xa na tenda.
Do mesmo xeito que noutras plataformas similares, podedes escoitar unha vista previa do audiolibro na Play Store, e unha vez descargados pasarán a formar parte de maneira automática da nosa biblioteca familiar. Deste xeito, se vos facedes cun título, poderedes compartilo con toda a vosa familia sen que teñan que compralo máis dunha vez. Os audiolibros teñen soporte para inglés, alemán, francés, italiano, ruso, coreano, xaponés, polaco e español, aínda que esperamos que vaia aumentando o número de idiomas dispoñibles co tempo.
Un ano máis, a Plataforma eVIA organiza a súa asemblea xeral, que alcanza a súa undécima edición baixo o título ‘Emprendemento e talento dixital para a inclusión laboral'. A cita será mañá, 31 de xaneiro, no salón de actos da Fundación ONCE, en Madrid.
Durante a xornada, dedicaranse espazos e sesións informativas sobre ‘O talento dixital: a inclusión social a través do emprego', para o que distintas entidades de referencia expoñerán o seu punto de vista sobre o papel das tecnoloxías en xeral e as TIC en particular como facilitadores da inserción de persoas con discapacidade no ámbito laboral.
Así mesmo, presentarase o labor que realiza o Programa Inserta Emprego da Fundación ONCE, así como testemuños de empresas e persoas que participaron nel.
Por último, asistirán representantes sindicais para compartir a súa visión sobre a importancia do talento dixital no desenvolvemento das empresas e a transformación dixital.
O outro gran asunto que se abordará na xornada será o ‘Apoio ao emprendemento en favor da autonomía persoal', é dicir, a actividade emprendedora como motor para cubrir as necesidades detectadas entre colectivos en risco de exclusión.
Emprendedores e usuarios serán os protagonistas dunha mesa redonda onde se debaterá ao redor das principais necesidades detectadas nestes colectivos e como o emprendemento e a tecnoloxía pode ser un aliado para abordalas.
Os certames Uninnova e Innova eVIA, dedicados a premiar as mellores solucións innovadoras no sector das tecnoloxías aplicadas á saúde e a accesibilidade, tamén terán voz nesta cita, que concluirá cun repaso das actividades e iniciativas levadas a cabo pola Plataforma eVIA en 2017 e as novidades previstas para 2018.
A asistencia á xornada é gratuíta. Se queres inscribirche ou consultar o programa, podes facelo nesta ligazón.