Co gallo da celebración (este 6 de febreiro) do Día Internacional de Internet Segura (a nivel internacional, Safer Internet Day), promovido pola Comisión Europea e organizado por Insafe, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de emitir un comunicado que ten a tripla finalidade de (primeiro) adherirnos aos galegos á devandita xornada, (segundo) de facer un chamamento a prol dun “uso responsable e seguro das novas tecnoloxías” e (terceiro) de fornecer á cidadanía (especialmente aos máis pequenos, por ser os máis vulnerables) dunha serie de recomendacións e consellos que axuden a tirar o mellor proveito posible das novas ferramentas de comunicación e información.
No comunicado, o CPEIG considera “de vital importancia” que a sociedade galega faga un “uso responsable e seguro das novas tecnoloxías”, e lembra que o lema desta nova entrega da celebración (Crea, conecta e comparte respecto: unha Internet mellor comeza contigo) transmite dunha maneira clara e inequívoca a devandita mensaxe entre os menores de idade e a mocidade, tal e como tamén a transmite o contido do programa Navega con Rumbo posto en marcha hai sete anos, e aínda en activo, polo CPEIG e a Consellería de Educación.
En concreto, o CPEIG considera “que os cidadáns deben tomar conciencia da necesidade de navegar pola rede de forma segura, protexendo os seus datos persoais durante as transaccións e compras en liña e incorporándose á cultura da protección de datos”. Baixo estas premisas, o Colexio elaborou unha listaxe de recomendacións para que a cidadanía sexa consciente das oportunidades e riscos que ofrece a Internet:
O local Lar de Endesa das Pontes acolleu esta pasada finde unha nova xornada dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros da asociación do mesmo nome. Na cita maker deste sábado (a 18.1) participaron máis de medio centenar de creadoras/es tecnolóxicas/os de todas as idades, non só das Pontes senón tamén de Melide, A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago e Vigo. A cita, como dixemos, foi unha cita para maiores pero tamén para crianzas. De feito, a disposición dos máis pequenos habilitouse un obradoiro de téxtil interactivo, no que puideron deseñar os seus antefaces con vistas ao Entroido, así como un boneco ateigado de luces LED.
Amais disto, houbo un recanto para interactuar con tiras de LED manexadas por microcontroladores e mediante un servidor web con conexión Wi-Fi, e outro espazo para a robótica onde se acabou de dar forma, colectivamente, ao que sería un dos primeiros velocistas dos Amigus Labs, un vehículo miúdo de carreiras habilitado para seguir trazados (liñas) marcados previamente no chan. Na xeira de traballo deste sábado adicouse unha parte do tempo a calibrar o dito vehículo carreiras, mediante a programación da placa Arduino Nano que o controla.
Ademais, achegáronse impresoras 3D, a tempo completo, para que os participantes puideran facer as súas máis variadas creacións, incluídas as dúas pezas que restaban para o remate dunha fresadora CNC.
Por outra banda, exhibíronse varias creacións dos argalleiros de Amigus, desde cúpulas xeodésicas ao prototipado de pezas encargadas por algúns establecementos da localidade e feitas dende o Fab Lab. A zona Arcade coas máquinas recreativas feitas en anteriores obradoiros volveu ter a visita de curiosos e xogadores que puideron familiarizarse cos compoñentes con que foron fabricadas, así como lembrar vellos xogos das recreativas e consolas dos anos 80 e 90.
Dende o Fab Lab de Amigus valoraron o resultado da xornada como “moi positivo”, grazas “aos comentarios dos usuarios e as propostas para vindeiras edicións que esperamos poder facer con maior periodicidade”, sinalaron, engadindo que no futuro tamén agardan emendar “a problemática” de non contaren cun espazo propio, non só para acubillar o material preciso para o traballo, senón tamén para poder achegar o coñecemento amoreado nestes anos con formato apropiado de aula formativa aberta e dispoñible todos os días do ano.
Desde Amigus Labs agradeceron a todas as entidades colaboradoras e á súa implicación día a día no proxecto: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter e ao Grupo de Empresa de Endesa.
Xornada que xirará ao redor do uso das novas tecnoloxías por parte de nenos e nenas, organizada por UNICEF Comité Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.
A Facultade de Educación de Santiago vai acoller este xoves 8 de febreiro unhas xornadas sobre TIC e sobre como estas están a chegar a unha gran cantidade de nenas e nenos pero deixando excluída unha significativamente importante porcentaxe de crianzas menos favorecidas (por motivos económicos, sociais, xeográficos e culturais ou simplemente por vivir lonxe das contornas onde hai máis posibilidades de vivirmos conectados). Nas xornadas presentarase ante os medios de comunicación o informe Os nenos e nenas da fenda dixital en España 2018 e, ademais, tentarase dar resposta ás seguintes preguntas: quen son os nenos que aínda non teñen acceso ás TIC, ou que teñen acceso limitado? Como viven os riscos e as oportunidades da Rede? Que impacto teñen neles perigos como o ciberacoso, o sexting ou a falta de privacidade?
No informe que se presentará nas xornadas, que veñen da man de UNICEF Comité Galicia, a ONG tenta analizar as devanditas as devanditas cuestións desde un enfoque de dereitos, pondo o foco en tres dos colectivos máis vulnerables: xitano, inmigrante e LGTBI.
Ademais da responsable de Estudos de UNICEF Comité Español (Cristina Junquera), na cita contarase con expertos de Galicia en nenez e novas ferramentas dixitais dos ámbitos institucional, académico e terceiro sector (Milagros Otero, valedora do Pobo, Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social e profesor da USC, Fernando Gil, xefe do Departamento da Sociedade da Información de AMTEGA, Natalia Gómez, técnica de Intervención Social da Fundación Secretariado Xitano), así como coa presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño, Edita Pousada, que trasladará as recomendacións dun grupo de crianzas galegas para facer un bo uso do TIC.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas da Xunta para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación ás que destinará este ano preto de 7 millóns de euros.
Dunha banda, ábrese a partir do luns e ata o 15 de outubro o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, dotado con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías terán a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea. Por unha banda, a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apoiarase cun bono de 4000 euros sempre que o desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumentará nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa poderá alcanzar os 8000 euros.
Como novidade, inclúese un bono de 1000 euros de formación por cada persoa contratada que será opcional para as empresas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, doutra banda, inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadores en 195 firmas.
Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso xa está aberto e remata o próximo 31 de xullo.
Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3000 euros. Poderán ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.
O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.
Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.
As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.
Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías.
A Deputación de Lugo anunciou hoxe que xerará no eido da provincia outros 188 novos postos de traballo en empresas e colectivos sen ánimo de lucro. Farao a través da cuarta edición do programa Ben Empregado e, igual que en convocatorias previas, apostando polas profesións TIC (entre outras moitas). Novamente, a entidade que preside Darío Campos asumirá durante 1 ano os custos laborais dos novos traballadores con 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers ou os técnicos en informática.
O presidente Darío Campos, na presentación destes 188 novos postos de traballo, puxo en valor o “esforzo que estamos a facer dende o Goberno provincial para xerar emprego de calidade para os lucenses e na nosa provincia”. Segundo engadiu, malia que “a Deputación non ten as competencias directas en emprego”, dende o Executivo provincial “non miramos cara a outro lado, pois a nosa prioridade son as persoas”. Campos engadiu que, neste senso, o esforzo investidor xa foi alén dos 20 millóns de euros na xeración, nos 67 concellos da provincia, de máis de 1.000 empregos para lucenses a través do Ben Empregado e do DepuEmprego.
O prazo de solicitude para participar abrirase o vindeiro luns e ficará aberto até o 19 de febreiro. Os interesados deberán inscribirse a través da Axencia de Colocación da Deputación. Poden facelo de maneira telemática, entrando directamente a http://deputacionlugoportalemp.com, que o enderezo da plataforma web da dita Axencia, ou ben entrar en www.deputacionlugo.gal e logo premer no bannerda Axencia. Unha vez entradas nesta plataforma, as persoas interesadas deberán rexistrase e acceder ao Espazo do Demandante, onde verán todos os empregos ofertados para solicitar os mesmos. Tamén poden inscribirse, de xeito presencial na oficina da Axencia de Colocación da Deputación, que se sitúa no primeiro andar do Pazo de San Marcos.
Como dixemos, os 188 empregos son en practicamente todos os sectores, incluído o sector das novas tecnoloxías e os chamados da innovación (comunity managers, técnicos superiores en sistemas informáticos, programadores, deseñadores gráficos, etc).
O temor a que as máquinas nos substitúan nos nosos traballos xerou certa aversión cara á robótica. Unha coñecida teoría neste campo sostén que, canto máis se parece a nós un androide, maior é o noso rexeitamento cara a el. Con todo, moitas persoas con necesidades especiais atopan nalgúns robots ao amigo que non poden ver noutros humanos.
Paro
Paro non é unha foca calquera. Non é fácil atopala en Groenlandia, de onde procede a súa especie, e sería bastante estraño vela nun zoo. O seu hábitat natural é o colo de persoas maiores con necesidades especiais, fundamentalmente con demencia e alzheimer, aínda que tamén pode atoparse entre os brazos de mozos con autismo.
A foca robótica máis famosa do mundo, que apareceu en series como Os Simpson e Master of None, naceu hai 15 anos no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada de Xapón como unha ferramenta terapéutica non farmacolóxica —así a recoñeceu a Axencia Estadounidense do Medicamento— que reduce a tensión e a ansiedade, activa a comunicación, favorece a autonomía e aumenta a autoestima.
“O seu tacto suave convida a acariñala e o seu peso, de dous quilos e medio, lembra ao dun bebé, o que evoca emocións positivas a pacientes que foron nais”, explica Rocío Alonso-Redondo, directora de comunicación de Adele Robots, a empresa que comercializa Paro en España baixo o nome de Nuka. “Con todo, evitouse caer no seu deseño nunha imaxe infantil, xa que o seu uso está pensado para persoas adultas, aínda que teñan deterioración cognitiva”.
O robot segue coa mirada a quen lle fala por medio do sistema de intelixencia artificial que leva incorporado, detecta o tacto de quen lle acariña grazas aos sensores nos seus bigotes e barriga e interpreta se lle están tratando con agarimo. “Elixiuse un bebé foca porque non temos ningunha idea preconcibida sobre o comportamento deste animal, o que implica que o paciente non vai presupoñer as súas reaccións”, engade Alonso-Redondo.
A súa aparencia e a experiencia derivada do seu uso é o resultado do traballo conxunto de profesionais que exceden o campo da enxeñería. No seu desenvolvemento, participou un equipo multidisciplinar de artistas plásticos, pedagogos, psicólogos, profesores e expertos en comunicación.
Robot NAVE
Os investigadores do CSIC Manuel del León e Luis Miguel Martínez consideran que os autistas teñen menos dificultades para interactuar cos androides porque estes presentan patróns de comportamento sinxelos e facilmente identificables que lles achegan seguridade.
A compañía francesa Aldebaran descubriu este potencial oculto nos seus deseños con Nave. Trátase dun robot humanoide de 58 centímetros provisto de sensores táctiles, capaz de recoñecer voces, obxectos e caras e de interactuar con humanos mediante un sistema de intelixencia artificial.
Na súa caseta nunha feira científica, unha nai confesou á empresa que nunca vira á súa filla autista de dous anos responder ante un estímulo como o facía con aqueles androides. Desde entón, impulsaron o seu uso como ferramenta terapéutica en colexios e institutos.
Stephanie Shirley, fundadora de Priors Court, unha escola para nenos con autismo severo pioneira neste tipo de terapia, recoñeceu nunha entrevista á BBC que non todos respondían ao robot, pero os que o facían, relacionábanse con el de maneira sorprendente. “Vin como un alumno despedíase do robot cun bico; e falamos dun neno que normalmente non quere bicar nin á súa nai", dixo.
Leka
Leka é un robot esférico deseñado para nenos con necesidades especiais. Os seus sensores permítenlle entender os estímulos que recibe e responder con luces e cores para que os mozos poidan participar dos xogos que lles propón mentres avalía os seus progresos. A súa pantalla emite dous grandes ollos e unha boca cos que expresa emocións que o neno poida comprender. A súa forma permítelle desprazarse por calquera estancia sen problemas.
Para facilitar a dinámica de xogo, Leka está vinculado a unha tablet, que tamén serve como control remoto. “Queremos que sexa o can guía de nenos autistas; coleccionar os datos que recollan os nosos robots e ofrecelos a pais, investigadores e terapeutas”, explica o responsable desta iniciativa, Ladislas de Toldi, nun vídeo promocional. “Podemos axudar a descubrir patróns que outras ferramentas de investigación non son capaces de recoller”.
De Toldi asegura que os xoguetes destinados a mellorar o desenvolvemento cognitivo non destacan por ser baratos e considera que o prezo polo que pensa comercializar o seu robot —algo menos de 700 euros— é razoable para que unha familia poida adquirilo e non teña que depender dun centro especializado en terapia infantil.
Tico
A empresa que comercializa Nuka, Adele Robots, desenvolve desde 2011 Tico, un androide social que favorece o diagnóstico de trastornos na linguaxe, déficit de atención e hiperactividade. Mediante unha serie de probas e cuestionarios que realiza grazas ao seu sistema de intelixencia artificial, Tico crea un vínculo afectivo que axuda a enriquecer as habilidades motoras, sensoriais e sociais de nenos con problemas.
O seu aspecto amigable (a súa cara componse exclusivamente de dous grandes ollos) convérteo nun robot polivalente: participa en campañas publicitarias e no ámbito educativo indistintamente. “O seu deseño pode lembrar a Johnny 5 da película Curtocircuíto, ou a Wall-E, segundo a que xeración pertenzas”, explica Alonso-Redondo. “Esta familiarización non é casual; está pensado para que se empatice con el con máis facilidade”.
Mensualmente os albaneis da nube xúntanse en encontros gastronómicos por distintas localizacións galegas para fornecer o contacto dos distintos axentes do sector TIC galega, e esta iniciativa chamada LaconNetwork ten xa como unha tradición iniciar o ano celebrando o seu aniversario e celebrando unha gala de entrega de premios que axude a dar visibilidade a iniciativas tecnolóxicas da nosa terra.
Este ano non foi un caso distinto, pero os premios desta edición organizáronse en colaboración co Clúster TIC Galicia, de xeito que coñécense como Premios TIC Galicia, que entregáronse esta mesma mañá en PALEXCO (A Coruña), nunha gala integrada no encontro de 8º aniversario da LaconNetwork, e que estivo conducida polo xornalista Fran Hermida.
Os galardoados desta edición foron Visual Publinet pola Mellor Campaña de Marketing Dixital (pola campaña de lanzamento de Trazers); Boardfy Pricing como a Mellor Startup; Xercode Media Software veu recoñecida a súa implantación de Koha ILS na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia; Bahía Software conseguiu vencer na categoría de Innovación polo seu proxecto uFOREST; na categoría de internacionalización o galardón foi parar a Netex Knowledge Factory; o premio ao mellor evanxelizador foi para José Luís Gómez de La Casa de la Aldea; Tino Fernández (Altia Consultores) recibiu un recoñecemento á súa traxectoria profesional; Supervisión y Control recibiu unha mención especial como empresa tractora pola súa aposta por startups galegas e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) recibiu unha mención especial como Iniciativa TIC pola axuda á creación, lanzamento e/ou asentamento de empresas e ao propio emprendedor.
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo en Vigo un encontro con comerciantes no que se lles informou e se lles resolveu as súas dúbidas sobre as axudas da Xunta para apoiar este ano, con preto de 4,5 millóns de euros, a modernización e impulso do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais galegos.
A través de tres iniciativas, financiaranse proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; e programas da competitividade da artesanía galega.
O obxectivo destas convocatorias, que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), é ofrecer, segundo destacou Vázquez Abeal, un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsase entre o comercio e os obradoiros artesáns galegos a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.
Por unha banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local.
O investimento subvencionable, segundo o tipo de axuda solicitada, poderá ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda será en todos os casos do 50%.
Doutro lado, en canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, contará cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes on line e, como novidade, fabricantes. A directora xeral de Comercio explicou que o que se pretende é impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. No primeiro caso o investimento subvencionable máximo vai dos 3000 aos 60.000 euros e no caso das iniciativas pop up vai ata os 8000 euros. En todos os casos cóbrese o 50%.
Por último, apoiarase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. As axudas máximas serán de 8000, 30.000 e 15.000 euros respectivamente e a intensidade pode chegar ao 80%.
Con estes tres programas, a Xunta, segundo salientou Vázquez Abeal, agarda impulsar o comercio e a artesanía galegas coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade e mellorar a imaxe dos centros urbanos das cidades facéndoos máis atractivos. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos con case dous millóns de euros.
Estas axudas reforzaranse con outras accións dirixidas a potenciar os espazos comerciais e o asociacionismo cun orzamento adicional de catro millóns de euros e enmárcanse no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020.