O Mobile World Congress (MWC) 2018, a Feira GSMA, terá lugar este ano novamente na cidade de Barcelona, entre os próximos días 26 de febreiro ao 1 de marzo de 2018 nas instalacións do recinto feiral da Fira de Barcelona como vén sendo habitual.
Trátase do evento máis importante do mundo en canto a tecnoloxías para a telefonía móbil, sendo o lugar onde empresas provedoras de servizos móbiles, fabricantes de teléfonos móbiles, distribuidores de contidos, etc mostrarán todas as novidades presentes e futuras.
Hack&Beers ten como obxectivo organizar relatorios gratuítos para interesados na ciberseguridad nun ambiente distendido e acompañándoas cunhas cervexas.
A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de informar da súa dispoñibilidade para achegar soporte ás PEME da nosa terra interesadas en manter encontros bilaterais con outras empresas ou entidades no marco do evento Mobile World Congress, que se celebra en Barcelona do 26 de febreiro ao 1 de marzo. O obxectivo da Tecnópole é dinamizar a participación galega no evento. E faino na súa condición de membro da rede Galactea Plus, o nodo español da Enterprise Europe Network.
Segundo lembra a Tecnópole, nesta edición do Mobile World Congress (o maior evento do mundo no ámbito das comunicacións móbiles) participarán máis de 2300 empresas e entidades procedentes de 208 países, amosando as últimas innovacións en dispositivos móbiles e contando cun amplo programa de relatorios no que se darán a coñecer os retos e tendencias máis relevantes para o futuro do sector.
No seu papel de co-organizador do Brokerage Event que se celebra entre os días 26 e 28 de febreiro no marco da feira, o Parque Tecnolóxico de Galicia ten acceso á listaxe de participantes e ofrece soporte ás PEME galegas para “xestionar a procura de contactos axeitados, así como para concertar reunións con eles”.
A Tecnópole tamén lembra que durante a pasada edición o evento catalán acolleu cerca de dúas mil reunións bilaterais nas que participaron 429 empresas e entidades de 43 países de todo o mundo, “o que supón un marco de oportunidade moi relevante para encontrar socios tecnolóxicos e comerciais a nivel internacional”.
O vindeiro venres de 19:00 a 22:00 horas celebrarase en Forma Coworking (na Avenida da Gran Vía de Vigo) a terceira edición do Hack & Beers, encontro sobre seguridade informática que consistirá en tres relatorios de grande interese.
Bernardo Viqueira, consultor de seguridade en Inprosec, impartirá a charla Hack your enterprise for less than 10$; o investigador en seguridade informática en GRADIANT, David Álvarez, abordará unha Alnalise de Malware para non iniciados; e o director tecnolóxico de Legalpin, Daniel Fernández, realizará un relatorio titulado Hacking the UART for fun and profit.
Este encontro sobre seguridade informática está patrocinado por Inprosec, Gradiant e Sophos Iberia e conta coa colaboración de Forma Coworking e FabLabVigo.
Non é ningún segredo: a industria da tecnoloxía ten un problema de diversidade. O ambiente de contornas como o de Silicon Valley con xornadas de traballo interminables e un trato en ocasións discriminatorio, fan que as mulleres busquen oportunidades noutros sectores menos hostís. Esta pode ser unha das razóns polas que a presenza feminina en carreiras como a de informática diminuíse en España e no resto do mundo na última década.
Xigantes como Facebook e Google reciben cada ano críticas polas súas políticas de xénero. De feito, esta última firma recoñeceu no seu último informe interno sobre diversidade que o 70% dos seus empregados son homes. O estudo Tech Leavers, publicado en 2017, analiza as razóns polas que moitas mulleres abandonan este sector ao que critica, entre outras cousas, por un trato sexista e vexatorio.
A pesar de todo, hai mulleres que se atreven a emprender neste mundo dominado por homes. Son enxeñeiras e expertas en ciencias computacionais da xeración millennial, que desenvolveron tecnoloxías rompedoras en campos como a intelixencia artificial, os dispositivos microfluídicos, o internet das cousas ou a análise de datos.
O Auditorio Municipal de Ourense acolleu a presentación dos 'Cursos de Envellecemento Activo' que promove a Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense. En concreto 24, nesta convocatoria, nos que participan, desde o 15 de xaneiro, un total de 692 persoas maiores de 60 anos, 551 mulleres e 141 homes.
Ao acto asistiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen felicitou ao público asistente por manterse activos: "Non podemos permitirnos o luxo de pararnos en ningún momento", comentou. A esta presentación tamén asistiron a titular da área Social, Sofía Godoy, e a directora xeral de Maiores da Xunta de Galicia, Fabiola García. A oferta de actividades está dirixida ás persoas maiores de 60 anos que están empadroadas no Concello de Ourense, das que se recibiron un total de 1.342 solicitudes.
Materias máis solicitadas
As actividades máis demandadas foron as de exercicio físico, seguidas dos cursos de informática e dos de estimulación cognitiva. Finalmente, organizáronse todas as solicitudes en 39 grupos para realizar 24 cursos: Ioga e tai chi, teatro, inglés, risoterapia, tai chi e qigong, memoria, coaching para maiores, animación á lectura, mantemento físico e estimulación cognitiva, manualidades creativas, pilates, iniciación á informática e manexo del móbil, internet avanzado, natación, aquagym, relaxación, o valor da experiencia, primeiros auxilios, musicoterapia, ximnasia mental e ximnasia terapéutica.
A presentación contou, ademais, coa actuación da coral 'Gaudeamus', integrada por persoas que participan dos Cursos de Envellecemento activo.
Co obxectivo de promover as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles avanzados (novos teléfonos intelixentes e tabletas) para as persoas maiores xordas, a Fundación Vodafone España e a Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación lanzaron uns tutoriais formativos sobre o uso de dúas das Apps máis utilizadas polas persoas maiores: WhatsApp e Facebook.
A través de vídeo-pílulas formativas, de carácter gratuíto que incorporan lingua de signos, que pretenden formar ás persoas maiores xordas no uso de dúas das aplicacións máis descargadas a nivel mundial: WhatsApp e Facebook. Sen ningunha dúbida a incorporación da lingua de signos contribuirá a que as persoas maiores xordas poidan asimilar as súas funcionalidades e beneficiarse de servizos que favorecerán a súa autonomía persoal e a súa calidade de vida.
Estes novos tutoriais, un total de oito vídeos formativos para WhatsApp e dez para Facebook, están dispoñibles en YouTube e pronto tamén o estarán en www.fundacionvodafoneconlosmayores.com.
Os seus contidos abarcan desde a súa instalación no Smartphone, pasando pola súa configuración, envío de fotos, vídeos, audios, contactos e localizacións, cuestións de seguridade e privacidade, a creación de grupos, como crear publicacións ou reaccionar e compartir as publicadas por amigos. Así mesmo os tutoriais de Facebook ensinan como interactuar con persoas cos mesmos intereses a través dos grupos desta rede social.
A Xunta porá en marcha no primeiro trimestre deste ano unha nova sede electrónica, centrada nos servizos ao cidadán, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa. Este foi un dos obxectivos que destacou a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na inauguración esta mañá do Seminario “Modernización Dixital das Administracións Públicas en Galicia” no que tamén participou directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa.
Mar Pereira sinalou que Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis estatais 39 e 40/2015 coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que estaban marcadas para 2018. É o caso do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistros Xeral e das Delegacións provinciais da Xunta.
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou hoxe que o Goberno galego iniciou o pasado a elaboración da Lei de Administración dixital de Galicia, que se prevé aprobar en 2018 e que dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer nunha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos.
Entre as medias máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, a directora da Amtega sinalou o inicio da reformulación das Oficinas de rexistro como oficinas de atención, que facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais; a posta en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.
Ademais, a xornada contou coa participación da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, que falou da modernización dixital no eido do mar e do traballo da plataforma tecnolóxica da pesca, un proxecto da Xunta que se materializa na web pescadegalicia.gal e que facilita ferramentas de xestión ao sector e información sobre o eido marítimo-pesqueiro.
Neste sentido, a directora xeral explicou que a plataforma ofrece unha serie de servizos aos sectores produtivos e comercializadores, para servirlles de apoio na xestión dos recursos pesqueiros e na súa rastrexabilidade, en concordancia coas esixencias legais existentes. Ademais, este espazo inclúe datos do rexistro de buques pesqueiros, estatísticas de pesca fresca en Galicia, de acuicultura e outra información de interese sobre o sector e para o sector como os tamaños mínimos autorizados para a extracción de especies ou o calendario de mareas.
Outro proxecto da Consellería do Mar que destacou a directora xeral é o dos caixeiros automáticos Ticpesc, instalados nos portos pesqueiros e que permiten ao sector realizar diversas xestións e consultas relacionadas coa súa actividade as 24 horas do día durante os 365 días do ano. A través destes caixeiros, sinalou Mercedes Rodríguez, no 2017 o sector emitiu preto de 66.800 documentos da actividade pesqueira (documentos de transporte, de orixe e de rexistro, entre outros).
'Menú para todos' é unha iniciativa da consultora en turismo Equalitas Vitae para que as cartas e menús de bares e restaurantes poidan ser accesibles ás persoas cegas ou con discapacidade visual a través da consulta dunha páxina web.
Segundo explicou esta consultora especializada en turismo accesible, 'Menú para todos' nace para introducir a accesibilidade ao ámbito da restauración "con sinxeleza e eficacia". Por iso, o seu obxectivo é "conseguir que as persoas con discapacidade visual poidan elixir de forma autónoma que comer en calquera restaurante".
A elección dun establecemento determinado pódese realizar a través da páxina 'www.menuparatodos.com', onde se poderán descargar estes menús nos dispositivos móbiles mediante códigos QR en dúas versións: por voz en MP3 ou en versión PDF accesible para ser lida co lector de pantalla destes dispositivos.