main content

main content
07/05/201808:05
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O Centro Demostrador TIC da Amtega acolle o 9 de maio unha sesión informativa sobre as axudas de Red.es para o sector do videoxogo

  • A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

 

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acolle, o día 9 de maio, de 10.00 a 12.00 h, unha sesión informativa sobre a recente convocatoria de axudas para o sector do videoxogo (https://cdtic.xunta.gal/ayudas-videojuegos), financiadas con cargo ao Programa Operativo 2014-2020 dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O Programa de impulso ao sector do videoxogo, posto en marcha polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, está dotado con 5 millóns de euros, o que permitirá mobilizar un total de 6,25 millóns de euros, xa que o importe de cada axuda representará o 80% do orzamento ata un máximo de 150.000€ por beneficiario e un mínimo de 20.000€.

A sesión informativa estará dirixida polos responsables da Dirección de Economía Dixital de Red.es, que lles explicarán ás persoas asistentes o procedemento de concesión de axudas, o tipo de actuacións subvencionables ou as características que deben ter os potenciais beneficiarios, pequenos estudios independentes, cunha antigüidade mínima de seis meses e que conten entre o seu persoal con profesionais con experiencia previa no desenvolvemento de videoxogos que xa foran publicados.

Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

A organización da sesión corre a cargo de Red.es, unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, que desenvolve programas de impulso da economía dixital, a innovación, o emprendemento, a formación para xente nova e profesionais e o apoio á peme mediante o fomento dun uso eficiente e intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

 

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

07/05/201807:05
Pantallazo da sede electrónica.
Santiago de Compostela

Preto de 17.000 persoas inscribíronse online no primeiro proceso selectivo da Xunta para persoal docente integramente electrónico

  • O uso da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe! evitará aos aspirantes presentar ata 86.000 documentos que acrediten a súa identidade, titulación ou a súa situación laboral
  • Os aspirantes poderán consultar o estado do seu expediente persoal a través da sede electrónica, durante as diferentes fases da convocatoria
  • O pasado mes de febreiro a Xunta puxo a disposición dos cidadáns unha nova versión da súa sede electrónica, máis sinxela e accesible

 

Por primeira vez dende a entrada en vigor da Lei 39/2015 para consolidar unha Administración integramente dixital, o proceso de inscrición para o ingreso nos diferentes corpos docentes, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, levouse a cabo de xeito integramente electrónico. En total, presentáronse 16.951 solicitudes a través da sede electrónica autonómica, das cales o 84% empregaron o servizo de claves concertadas, Chave 365, e as restantes optaron polo certificado dixital.

 

Interoperabilidade

Durante a tramitación do procedemento realizaranse aproximadamente 95.000 validacións de datos, das que arredor 90% faranse automaticamente a través Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que permite a interconexión dos sistemas de información entre  Xunta de Galicia e outras Administracións.

Entre estas comprobacións automáticas destacan as de identidade coa Dirección Xeral de Policía, as de verificación de titulacións oficiais co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou a situación de desemprego co Servizo Público de Emprego Estatal, entre outras. As consultas a través de Pasaxe evitarán aos solicitantes presentar ata 86.000 documentos que xa obran en poder da Administración.

 

Consultar o estado do trámite

Nas sucesivas fases da convocatoria calquera participante poderá consultar o estado do seu expediente persoal accedendo ao espazo “A miña sede”, empregando Chave 365 ou certificado dixital.

Outra das vantaxes da xestión online é a posibilidade de facer trámites as 24 horas do día, desde calquera lugar, e evitar os desprazamentos aos rexistros presenciais. Boa proba diso é que neste proceso para persoal docente, a primeira solicitude presentouse tan só 15 minutos despois de abrir o prazo, é dicir, ás 00:15 horas e a derradeira solicitude rexistrouse ás 23:55 horas do último día de inscrición, 5 minutos antes de pechar o prazo.

 

Administración electrónica

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), puxo en marcha en 2015 o Plan de Administración e Gobernos Dixitais para acadar unha administración accesible, áxil nas respostas e con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade.

No marco deste Plan, a Amtega, puxo en marcha o pasado mes de febreiro unha nova versión da sede electrónica da Xunta máis sinxela e accesible, enfocada ás necesidades e prioridades do usuario. A nova sede está adaptada a un mellor uso desde dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do tipo de colectivo: cidadán, empresa ou profesional, entidade local, asociacións e ONG.

O usuario pode realizar procuras xerais no buscador ou través das etiquetas destacadas en función do seu perfil, ben por ser termos ou procedementos máis destacados ou consultados polo colectivo ao que pertence. Ademais, incorpórase un novo tipo de contido por campañas, que abarca as axudas, procedementos e programas vinculados a un feito vital ou unha necesidade concreta (apoio á natalidade, apoio ao emprendemento).

04/05/201813:05
Moza usando un portátil.
Santiago de Compostela

A UVigo organiza o día 7 unha xornada para inspirar estudos tecnolóxicos entre as mozas

Seguindo o fío das actividades da semana pasada, inseridas na celebración do Día das Rapazas nas TIC (tanto as celebradas polo CESGA coma as desenvolvidas polo CITIC na Coruña), e co obxectivo de visualizar unha problemática que vai a máis (a progresiva desaparición das carreiras tecnolóxicas entre as principais eleccións formativas das nosas mozas), a Universidade de Vigo organiza a semana vindeira, o luns 7 de maio, un obradoiro que quere ser un chamamento a alentar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A cita IREI (Inspirando ás Rapazas para Estudar Enxeñaría) será na aula de internacionalización da sede do Consorcio da Zona Franca, en Bouzas. 

Contarase na sesión de apertura (ás 10.30 horas) coa presenza de Teresa Pedrosa, delegada do Consorcio, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, e Dolores González, vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo. A continuación será a quenda do relatorio Contextualización e caracterización do problema, a cargo de Dolores González e Iñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Logo da pausa do café, presentarase a iniciativa Inspira STEAM da Universidade de Deusto, de man de Oihane Zarate. Ao fío das 12.15, Zarate afondará en estratexias de asesoramento para reverter as devanditas fendas de xénero nas carreiras tecnolóxicas.

04/05/201810:05
GPDR.
Santiago de Compostela

Como che afectará a nova lei de protección de datos?

  • A GDPR xa é unha realidade que cambiará por completo a forma na que hoxe en día se entende Internet

 

A continua evolución de Internet fixo máis necesario que nunca transformar a maneira na que se utilizan, tratan e protexen os datos. Por iso mesmo, a antiga Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) deixa paso a unha versión renovada e adaptada aos tempos: o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da UE, máis coñecido como a European General Data Protection Regulation (GDPR). Neste artigo debúllanse as claves desta nova regulación e, sobre todo, explícase como nos afectará.

 

GDPR vs LOPD: en que cambia a nova lei?

Se hai algo polo que se caracteriza Internet é pola gran abundancia de datos que alberga. Por esta razón, é vital contar cun marco legal efectivo que vele polo bo uso destes datos e pola privacidade dos internautas, que en moitas ocasións ven exposta a súa información persoal ante as empresas. Fe diso dá precisamente o último escándalo de Facebook e a filtración de datos de contactos á compañía Cambridge Analytica.

Neste sentido, o 25 de maio entra en vigor a GDPR, que ten como obxectivo vixiar o tratamento que as empresas fan dos datos dos usuarios na contorna dixital. Pero, en que se diferencia da anterior lei de protección de datos?

A disparidade principal é que a GDPR é moito máis restritiva que a súa predecesora. De feito, a cantidade das súas sancións económicas pasa de 600.000 euros como máximo aos 20 millóns de euros. Pero, ademais diso, a nova lei centra moito máis o foco na protección dos usuarios fronte ao emprego indebido dos seus datos en Internet.

 

Consecuencias da GDPR para os usuarios

A posta en marcha da GDPR afectará directamente aos principais actores do ámbito dixital. Por unha banda, as empresas deberán extremar precaucións ao facer uso dos datos que recompilan e, por outro, os internautas dispoñerán de máis garantías para salvagardar a súa privacidade na Rede. Estas son algunhas das consecuencias da nova lei para os cidadáns:

  • Máis control

Aínda que quizais non sempre nos decatemos diso, cada vez que se utiliza Internet está a construírse unha pegada dixital e ata cedendo datos a webs, aplicacións e empresas. O emprego que estas compañías fan deses datos non sempre é o adecuado, polo que unha preocupación común entre os usuarios é a de ter control sobre os datos persoais. Esta demanda cumprirase grazas á GDPR, que obrigará ás compañías para dispoñer do consentimento explícito dos usuarios para poder utilizar os seus datos.

  • Máis privacidade

Son moitos os usos que se lle pode dar á Rede: desde aprender idiomas e contactar con amigos nas redes sociais, ata realizar xestións administrativas e informarse da actualidade. Con todo, nunca hai que perder de vista a exposición dos datos persoais. A GDPR sitúase como unha arma moi potente para protexer a privacidade, xa que ademais de centrarse máis na figura do cidadán que a súa antecesora, establece unha especial protección á información de carácter sensible e a grupos máis delicados como os menores.

  • Máis seguridade

O feito de dispoñer de máis ferramentas para garantir o dereito á intimidade e dun maior control sobre o tratamento e o destino dos datos repercute de forma directa na maneira de utilizar Internet. E é que cos seus distintos apartados, a GDPR achega máis seguridade aos usuarios ao ter que navegar na Rede.

  • Dereito ao esquecemento

Pero, sen dúbida, unha gran preocupación entre os internautas é dispoñer da posibilidade de borrar a súa pegada dixital. O novo regulamento alberga o dereito ao esquecemento, co que calquera cidadán poderá solicitar ás empresas a eliminación dos seus datos persoais, se xa non son necesarios para o fin co que foron recollidos ou cando se obtiveron de forma ilícita, entre outras circunstancias.

 

Un reto común

Coa aplicación da GDPR, ás compañías espéralles un arduo camiño para adaptarse a esta nova regulación que ofrece máis garantías que outrora aos cidadáns. Para o seu cumprimento, é esencial o compromiso de todos co fin de garantir a protección dos usuarios na contorna dixital. Haberá que esperar para ver como se efectúa este compromiso e se a lei cumpre o seu obxectivo de salvagardar a privacidade de todos.

04/05/201810:05
Un usuario recibe unha alerta de Visualfy no seu móbil polo pranto dun bebé.
Santiago de Compostela

Visualfy colabora coa CNSE para formar a mozos xordos en novas tecnoloxías

Visualfy desenvolveu un sistema de axuda a persoas xordas no fogar do que xa vos falamos en ocasións anteriores. Agora, a compañía quere afondar na axuda aos mozos con esta discapacidade doando o 0,7% dos seus beneficios brutos a formalos en novas tecnoloxías.

Para iso, asinou un convenio de colaboración coa Fundación CNSE para doar esa parte dos beneficios á realización de cursos de formación totalmente accesibles para mozos xordos co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e axudarlos na súa inserción no mercado laboral.

Estes cursos desenvolveranse con interpretación en lingua de signos para favorecer a súa capacitación e a súa inserción laboral a través das novas tecnoloxías.

Ademais, Visualfy tamén asinou un acordo con Caixa Popular para financiar a compra de Visualfy-Home aos usuarios.

Este sistema está baseado en intelixencia artificial e detecta e identifica os sons do fogar, traducíndoos a alertas accesibles mediante luces e cores, ademais de enviar sinais aos teléfonos móbiles e outros dispositivos dos usuarios.

04/05/201810:05
Pantallazo de iLibrary.
Santiago de Compostela

A plataforma iLibrary recolle todo tipo de datos e recursos sobre as Telecomunicacións e as TIC no mundo

Xa está dispoñible a plataforma iLibrary, unha biblioteca online con todo tipo de datos e información sobre as Tecnoloxías da Información a Comunicación (TIC) en todo o mundo. É a plataforma que lanzou a Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) e a Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE).

A biblioteca abarca todos os temas do sector das TIC tales como a accesibilidade, a intelixencia artificial, o cambio climático e os residuos electrónicos, a informática na nube, a información e a protección do consumidor, a ciberseguridade, a integración dixital, a cibersaúde, as comunicacións de emerxencia, a exposición das persoas a campos electromagnéticos, as infraestruturas e tecnoloxías das TIC, a innovación, a Internet das cousas, as contornas regulamentarias e comerciais, as cidades e sociedades intelixentes, a investigación espacial e as comunicacións por satélite.

 

Recursos de consulta, estatísticas e anuarios

iLibrary conta con informes sobre as TIC mundiais nunha soa plataforma, o cal facilita a divulgación de coñecementos e unha aceleración do desenvolvemento mundial de capacidades TIC. Pódense consultar recursos como o Índice Mundial de Ciberseguridade anual, o Anuario Estatístico de Indicadores de Telecomunicacións e TIC, o Informe anual sobre a Medición da Sociedade da Información con índice de desenvolvemento das TIC, o horario de radiodifusión por ondas decamétricas e a base de datos de indicadores mundiais de telecomunicacións/TIC con máis de 180 estatísticas, entre outras.

A plataforma inclúe todas as publicacións e os indicadores da UIT desde 1975, funcións simplificadas de acceso aos contidos complementadas cunha función de procura avanzada e a posibilidade de crear un perfil personalizado que permita aos usuarios salvar contidos para consultalos máis tarde.

"Os lexisladores, institucións académicas, empresas do mundo enteiro e outros interesados nas TIC poderán aproveitar realmente a nova plataforma dixital iLibrary da UIT, xa que lles dará acceso nun só lugar ao maior acervo de datos e informes relacionados coas TIC", dixo Houlin Zhao, Secretario Xeral da UIT.

04/05/201808:05
Portada do estudo.
Santiago de Compostela

O 90% dos internautas galegos considera necesario dispor de máis información sobre ciberseguridade

  • O primeiro estudo da Xunta sobre a seguridade e confianza dixital nos fogares galegos analiza o coñecemento da sociedade neste ámbito
  • Máis do 38% dos galegos desconfían da seguridade en Internet, o menor grao de confianza rexistrado no conxunto do Estado
  • Preto da metade dos usuarios recoñece ter sufrido incidentes de seguridade na Rede e a maioría están concienciados coas principais medidas de seguridade
  • O 69,1% dos internautas en Galicia emprega algún tipo de ferramenta ou software de seguridade
  • O 77,2% dos galegos que emprega Internet limitou o seu perfil ou contidos nas redes sociais
  • Un 40,2% só se conecta a redes WIFI seguras distintas á do seu domicilio
 
A ciberseguridade preocupa aos galegos e o 90% considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede. Esta é unha das principais conclusións do primeiro estudo “Ciberseguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 
O obxectivo deste informe, o primeiro deste tipo que realiza a Administración autonómica, é analizar o coñecemento en materia de ciberseguridade na sociedade galega.
 
 
O menor grao de confianza rexistrado en España 
O 38,2% dos internautas galegos confían pouco ou nada en Internet. O grao de confianza dos galegos que navegan a través da Rede é o menor dos rexistrados en España, situándose 5,5 puntos porcentuais por debaixo da media española.
Ademais un 28,9% está moi preocupado pola privacidade en Internet e amósase preocupado ante a posibilidade de que as súas actividades en Internet poidan ser gravadas por outras persoas ou empresas.
 
 
Preto da metade sufriu incidentes de seguridade en Internet 
O 47,4% dos internautas galegos declararon ter sufrido algún incidente coa seguridade en Internet no último ano. Os virus son os incidentes máis habituais (36,9%), seguidos pola perda involuntaria de información (12%).
 
Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de Internet. Neste senso, cabe salientar que un 67,2% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto (dirección, número de teléfono ou correo electrónico) e un 60,7% proporcionaron datos persoais (número do documento de identidade, data de nacemento...). Ademais, catro de cada dez internautas (43,9%) facilitaron detalles de pago (por exemplo, número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias).
 
 
A importancia das medidas de seguridade e privacidade
O 69,1% dos internautas galegos empregaron algún tipo de software ou ferramenta de seguridade. A diferenza coa media española (71,8%) é de tan só 2,7 puntos porcentuais, aínda que en termos globais, sitúa aos internautas galegos nos últimos postos en canto ao uso de medidas de ciberseguridade.
 
Entre as medidas de seguridade e privacidade adoptadas polos internautas galegos, cabe salientar a denegación de permiso de información persoal para fins publicitarios (78,9%) e a limitación do perfil ou contidos das redes sociais (77,2%). Ademais, máis da metade dos internautas galegos (51,1%) realizan regularmente copias de seguridade da súa información persoal.
 
No caso concreto das medidas de seguridade aplicadas nos teléfonos móbiles ou tablets, o recurso de protección máis empregado polos internautas galegos é o uso do PIN de desbloqueo (81,6%), seguido a moita distancia polo uso da pegada dixital ou datos biométricos (23%).
 
A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de Internet, tamén incide nas redes WIFI ás que se conectan. Así, un 40,2% dos internautas galegos verifica que as redes WIFI distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes WIFI con seguridade.
 
En relación ás cookies, información enviada por sitios web que se almacena nos equipos dos usuarios e recaban información deles, un 64,1% dos internautas galegos manifesta que coñece as cookies, dos cales, máis da metade indicou que directamente deixou de navegar polos sitios web que empregan cookies.
 

A ciberseguridade e a confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017

04/05/201807:05
Mans sobre o teclado dun portátil.
Santiago de Compostela

O CPEIG achéganos ás posibilidades profesionais e de desenvolvemento do hacking ético

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ao abeiro do seu plan de formación para 2018, vai organizar un obradoiro sobre as posibilidades do hacking para ir alén do significado tradicional do termo e das funcionalidades para as que foron concibidas boa parte das novas tecnoloxías que usamos hoxe. Todo isto co obxectivo de adestrarnos con vistas a actuar na creación de contornas dixitais máis seguras, accesibles, democráticas, solidarias e confiables. Estamos a falar do Curso Hacking, Ética e Hardware, a desenvolver durante o mes de xuño en Santiago de Compostela.

Segundo informa o CPEIG, a actividade formativa aborda as devanditas temáticas dende “a perspectiva do software, os sistemas e do hardware”. Na primeira semana falarase de todo o necesario para crear o noso propio hardware orientado ao hacking, mentres que na segunda semana trataranse os conceptos e metodoloxías apropiadas para profundar no ámbito do hacking ético. En palabras do colexio, trátase de dous mundos diferentes que conflúen nun punto de gran interese, polo que o curso é moi acaido para persoas que buscan novas experiencias e profundar nos ditos ámbitos e nos recursos que abrollan da súa interrelación. 

Para impartir o primeiro dos módulos (os días 1 e 2 de xuño) contarase coa presenza de Álvaro Núñez de Eleven Paths. Tocaranse cuestións como a placa libre Arduino, métodos para construír o noso primeiro hardware coa dita placa ou para dar forma a un lector NFC, ou as posibilidades do mundo sen fíos con ESP8266, entre outros temas. Na segunda semana abordarase os eidos do hacking ético e a ciberseguridade. O relator será Pablo González de Eleven Paths, quen introducirá aos presentes nas metodoloxías para publicar unha vulnerabilidade, na escolma e identificación de servizos, na explotación de recursos, nas técnicas de post-explotación, nos ataques de redes de datos, nas recomendacións para facer informes, etc. 

O curso ten unha duración de 20 horas e impartirase os días 1 e 2 de xuño e 8 e 9 de xuño de 2018 en horario de 16:30 - 21:30 (os venres) e de 9:30 - 14:30 (os sábados). Celebrarase en Santiago de Compostela Os participantes deberán levar a súa computadora portátil.

03/05/201812:05
Desenvolvedor de código ante unha pantalla.
Santiago de Compostela

Son Asperger, un "crack" en informática e busco traballo

En España hai 450.000 persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA). David Mínguez é un deles. Diagnosticáronlle síndrome de Asperger cando tiña 12 anos. A partir dese momento empezou a comprender, el e a súa contorna, por que o seu interese por Exipto converteuse nunha paixón case obsesiva.

Agora, aínda que mantén a súa curiosidade polos faraóns, a súa fixación é outra: a informática. Un campo que demanda unhas habilidades e capacidades que as persoas con Asperger demostraron ter. A súa elevada concentración, capacidade de análise e perseveranza son calidades que os converten en aptos para formar parte do mercado de traballo.

Con todo, entre o 76% e o 90% das persoas con TEA en idade laboral están desempregadas, segundo datos de Autismo Europa. Do mesmo xeito que lle ocorre a David, a pesar de ser administrador de redes con certificado oficial de Cisco (CCNA) e consultor de probas de software  (Certificado de Primeiro nivel do Foundation Level do ISTQB).

 

Habilidades innatas para desenvolver código

Ter un traballo debería formar parte do seu desenvolvemento como persoas con plenos dereitos nunha sociedade da que xa non están excluídos, pero na que seguen sendo vulnerables. Para iso é necesario non só que eles coñezan os seus puntos fortes, senón que as empresas cambien a súa visión.

"A incorporación destas persoas aos seus cadros de persoal non debe verse como unha axuda, senón como unha forma de achegar talento á súa engrenaxe". Así o explicaba Carmen Montes, directora de Inserta Emprego, durante a presentación de TICTEA o pasado 10 de abril en Madrid. "Imos falar de talento e non de limitacións", precisaba.

Este programa está deseñado para facilitar a incorporación de persoas con Asperger a postos de alta cualificación técnica. Impulsado pola Fundación ONCE e Microsoft, a iniciativa parte do éxito obtido por esta compañía na súa sede de Estados Unidos.

Alí levan aplicando un proxecto similar desde fai tres anos. Neste tempo, máis de 50 persoas con TEA pasaron a formar parte do seu cadro de persoal. "Os candidatos e empregados con trastornos do espectro autista poderían desempeñar practicamente calquera posto na nosa compañía", afirma Carlos da Igrexa, director de Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica, nunha conversación con nobbot . "Pero desde a posta en marcha do programa, a maior parte das incorporacións foron enxeñeiros informáticos, programadores, analistas de datos, científicos de datos ou probadores de código".

O éxito foi tal que agora van trasladar esta experiencia a Europa, con España como país piloto. "Os resultados do proxecto son moi positivos. O impulso dun persoal diverso a través dunha maior inclusión permítenos obter novos puntos de vista que resultan moi enriquecedores en todas as nosas actividades".

 

Sen mala intención

A síndrome de Asperger é un tipo leve dentro dos trastornos do espectro autista. "Precisan menos necesidades de apoio, manexan unha linguaxe máis consolidada e teñen un cociente intelectual (CI) medio. Lonxe do que se adoita crer, só o 10% ten altas capacidades", cóntanos José Antonio Peral, director técnico da Confederación Asperger España.

A estas habilidades, Peral engade a súa gran memoria, o seu procesamiento fino dos detalles e a súa rixidez na execución de ideas. Mínguez confírmao: "Non fago descansos cando estou a escribir código". E engade: "A nosa paixón querémola orientar ao noso traballo e aprender todo o posible sobre ela. Por iso temos un vocabulario tan amplo e adoitamos resultar pedantes"

As persoas con Asperger si comparten coas persoas con TEA as dificultades nas relacións persoais e en comprender as emocións. "Somos sinceros e non nos dedicamos ás conversacións banais. Cando falamos, sempre temos en mente un obxectivo", aclara David.

Convencións sociais, como saudar ao chegar a unha reunión antes de poñerse a traballar, non forman parte dos seus hábitos. "As persoas con Asperger adoitan pasar por maleducadas. Hai que entender a súa forma de comunicación para non atribuírlles unha intencionalidade negativa", apunta Xema Pallarés, responsable dos programas de emprego da Confederación Asperger España.

Pallarés cóntanos que ela mesma é testemuña a diario desa falta de empatía e exceso de sinceridade. Lembra que antes de acudir a unha entrevista de traballo, recomendou ao aspirante que dese unha boa imaxe. Ao chegar, o reclutador ía algo desaliñado. Así que o candidato non dubidou en preguntarlle por que a el lle dixeran que tiña que acudir ben vestido e el, con todo, non o facía. Por certo, o candidato conseguiu o posto.

 

Rompendo barreiras

O que parece unha situación cómica pode xerar situacións complicadas nos lugares de traballo. Por iso, as empresas han de superar o seu medo ao descoñecido e romper barreiras.

"Non só hai que ter boa intención, tamén hai que saber como facelo", apunta Montes. "Calquera oferta de emprego é susceptible de ser cuberta por unha persoa con discapacidade. Entre o 70% e o 80% non necesitan adaptacións especiais".

Pero si hai que saber detectalos e deseñar protocolos diferentes para facilitar a súa entrada no mercado laboral. Da Igrexa recoñece que é probable que haxa persoas con Asperger que optasen a un posto de traballo e non superasen a proba. "Só é necesario realizar uns pequenos cambios nos procesos de recrutamento". Algo que xa están a levar a cabo en Microsoft, a través do proxecto TICTEA, no que tamén están involucradas empresas colaboradoras agrupadas na International Association of Microsoft Channel Partners (IAMCP).

"Estes cambios vanse a introducir en tres aspectos. No momento do recrutamento, vanse a modificar os criterios de selección para incorporar ás persoas con TEA. Cando cheguen á empresa, imos establecer unha pautas para que a súa aterraxe sexa o máis leve posible. E vaise a impartir formación aos responsables de equipo", enumera o director de Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica.

O obxectivo é normalizar unha situación que deixa fóra do mercado laboral a persoas aptas para formar parte el. E que o que agora parece estraño, dentro duns anos sexa algo habitual.

03/05/201812:05
Cartel do evento.
Ourense

Arranca Ourense ICC Week, a semana da cultura e as tecnoloxías de vangarda

Xa está en marcha Ourense ICC Week, a semana da creatividade da provincia de Ourense, un completo programa de citas, xuntanzas e acontecementos (conferencias, concertos, obradoiros, quedadas tecnolóxicas, relatorios TIC) con capacidade para converter a provincia galega no eixe arredor do que xira a cultura innovadora de boa parte da Península. A semana, que vén da man da Deputación de Ourense, estará en activo até o domingo 5 de maio. 

Onte celebrouse a xornada inaugural, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un acto que contou coa presenza da fotógrafa e deseñadora, Ouka Leele; o artista e axitador cultura, Paco Clavel; o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez; a deseñadora gráfica ourensá, María Grande, e o deseñador gráfico, Javier Mariscal. Amais, tamén participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen puxo o foco no variado do programa (tematicamente e tamén en cuestión de formatos) e en como este carácter diverso, no canto de ser unha eiva, forma parte do éxito e da riqueza de Ourense ICC Week. 

Segundo fixo saber, a semana é “tamén unha homenaxe ás persoas que desde Ourense fixeron e fan da nosa provincia un referente en proxectos innovadores de éxito en ámbitos como a industria, a cultura, a historia, o deporte ou as ciencias, sempre coa pegada da nosa terra como selo de identidade e ourensanía".

Entre o 2 e o 5 de maio a Deputación de Ourense desenvolverá un programa de actividades que une modernidade e vangarda coa historia e a tradición de lugares emblemáticos da nosa provincia como son os mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo Otero Pedrayo" e tamén o Campus de Ourense, onde se desenvolverán conferencias, seminarios e actividades culturais e tecnolóxicas.

Na xornada inaugural analizouse a temática da Arte nas portadas, temática sobre a cal o Centro Marcos Valcárcel acolle unha mostra na que se recollen preto de 2.000 portadas de vinilos realizadas por grandes artistas, e na que retrata a importancia das artes visuais na industria musical española a través das portadas de discos. A mostra, comisariada por Paco Clavel e Juan Sánchez, reúne unha ampla representación de artistas plásticos que participaron no deseño de vinilos de bandas e intérpretes musicais españois: Picasso, Miró, Dalí, Antoni Tàpies, Barceló, Mariscal, Pérez-Villalta, Juan Gatti, Ouka Leele, Ceesepe, García- Alix ou Ruben Imichi, son algúns dos nomes que asinaron portadas emblemáticas da nosa cultura musical, reunidas nesta exposición. De seguido, foi a quenda para María Grande e Javier Mariscal, quen falaron sobre A cultura do deseño, e o peche da primeira xornada da Ourense ICC Week tivo lugar no Teatro Principal, co concerto que ofreceu o grupo Morgan.

Programación para o 3 de maio
Este 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación da Ourense ICC Week continúa no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) coa xornada sobre Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión, presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi, quen falará, ás 10.00 horas, do patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano, ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata; ás 11.30 horas o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, abordará o tema Propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto); e ás 12.00 horas, o profesor de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid Jorge López Quiroga exporá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en San Pedro de Rocas. Pola súa parte, o profesor da Universidade do Pireo (Grecia) Theodoros Ganetsos tratará, ás 12.30 horas, o tema das análises físico-químicos non destrutivos nas pinturas e frescos, e de seguido, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria.

Pola tarde, ás 17.00 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural Marcos Valcárcel para debater sobre o tema Supervivencia na xungla dixital, acto no que participarán os músicos e compositores, Nacho García Vega e Luis Mendo. Ás 18.00 horas arrancará no Campus de Ourense a ICC Gamers, e ás 19.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel os humoristas Rober Bodegas e Alberto Casado; a blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o xornalista, Juan Ramón Bonet, falarán de humor e creatividade, mesa que será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.


ICC Gamers
As actividades previstas para os días comprendidos entre o 2 e o 5 de maio inclúen unha quedada informática, a ICC Technium R Encounter, e máis unha competición a gran escala de seareiros dos deportes dixitais, a ICC eSports. Estas accións, abeiradas á etiqueta ICC Gamers, compleméntanse con outra actividade tecnolóxico-dixital de gran interese: a xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio

Volvendo a ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza tecnolóxica ICC Technium R Encounter (incluída en ICC Gamers) botará a andar hoxe ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of LegendsCounter Strike Global OffensiveHearthstone Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports

Alén destas actividades ligadas ao lecer dixital, a Ourense ICC Week 2018 será moito máis. Haberá, de feito, achegamentos diversos ás novas tecnoloxías, ao humor, á música e mesmo premios para xestoras/es culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada coa actividade Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, que contará coa presenza de diversas expertas-profesionais do noso ámbito innovador. O cometido desta celebración será visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa. 

Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.

Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacables como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS