O vindeiro mércores, 9 de maio, finaliza o prazo para inscribirse na Academia Dixital da Fundación ONCE, un novo proxecto que ofrece formación en novas tecnoloxías a mozos con discapacidade, co obxectivo de aumentar a súa empregabilidade mediante a adquisición de competencias dixitais e laborais altamente demandadas polas empresas.
A Academia Dixital é un proxecto financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo e polo tanto os alumnos deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles, estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGJ).
A inscrición estará aberta ata o 9 de maio a través da páxina web: academiadigital.fundaciononce.es.
A lista de admitidos darase a coñecer entre o 17 e o 22 de maio.
Por outra banda, o curso terá lugar en tres sedes situadas en Madrid, Barcelona e Sevilla e impartirase en grupos reducidos de 15 a 20 persoas en quendas de mañá e tarde.
O programa desenvolverase en dúas fases:
Bolsas e axudas económicas
A Fundación ONCE concederá bolsas aos alumnos para apoialos economicamente cos gastos de transporte e aloxamento que poidan ter con motivo da súa participación na Academia. Así, estableceuse unha bolsa de réxime xeral para todos os participantes, que consiste nun importe fixo por día de asistencia. Así mesmo, haberá bolsas cunha contía diaria superior para o transporte e/ou aloxamento dos estudantes que se despracen desde a súa localidade.
Esta fin de semana, da man da ICC Week da Deputación de Ourense, foi unha fin de semana cultural e dixital na provincia. Houbo charlas, faladoiros, demostracións e un apartado completo da ICC Week destinado a fomentar o coñecemento e a innovación arredor dos videoxogos e os deportes dixitais (eSports): o programa ICC Gamers. Este programa incluíu (no pavillón do Campus de Ourense) a quedada-party ICC Technium R Encounter e o certame ICC eSports, nos que se inscribiron medio milleiro de participantes e que deron acubillo a catro torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl. Finalmente repartíronse 4.000 euros en premios en torneos dentro da party.
No transcurso destas actividades, o presidente da Deputación, Manuel Baltar visitou o pavillón acompañado polo director xeral da operadora R (patrocinadora do evento), Alfredo Ramos; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e polos organizadores da cita. De maneira complementaria, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, celebrouse a actividade ICC Kids, unha acción enfocada a crianzas e xuventude que contou coa participación dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho, quen explicaron como fixeron da súa paixón a súa profesión.
Previamente a estas citas, no Liceo, desenvolveuse a conferencia A traxectoria dunha muller creativa, a cargo da directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, e máis unha xornada adicada a sectores emerxentes e ás TIC, no mosteiro de san Clodio, en Leiro, baixo o título Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. As mulleres tech, que contou coa presenza da directora de Imaxin Software, Luz Castro; a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez; e a avogada e policy manager, Sara Rodríguez; quen falaron das tendencias de máxima actualidade como son a Realidade Virtual, a Realidade Aumentada, o mundo do software e a gamificación e a economía colaborativa.
As redes sociais non son só ferramentas para a comunicación, o coñecemento e o lecer, son tamén enerxía extra para os nosos currículos e para os nosos proxectos de mercado. En base a isto, a vontade de fortalecer a formación de profesionais e emprendedores, o Concello da Coruña está a ofertar novos cursos sobre redes sociais. O programa vén da man da área de Emprego, a concellería que dirixe Alberto Lema. Achéganse dous niveis diferenciados de formación: básico e avanzado. Os obradoiros impártense este mes de maio.
As actividades previstas teñen como finalidade “dar a coñecer os principais recursos dispoñibles para potenciar a visibilidade, presenza e reputación en liña, e para así poder acadar mellores resultados comerciais”. A área que dirixe Alberto Lema ofertará dous niveis de talleres, cuxas aulas impartiranse no Centro Municipal de Emprego dos Rosais. O nivel básico, entre o 21 e o 25 de maio, en horario de 09.30 a 13.30 horas, afondará en cuestións como a identidade dixital, as principais plataformas e aplicacións e dará a coñecer as principais ferramentas para a xestión de contas e seguimento da reputación en liña. Pola súa banda, o nivel avanzado, que se impartirá do 28 a 31 de maio (en horario de 09.30 a 13.30 horas de luns a mércores, e de 10.00 a 13.00 horas o xoves) estudará “as posibilidades de Internet como canle de venda”, de xeito que abordará cuestións como as relacións comerciais en Internet, o deseño comercial de páxinas web, a creación de tendas virtuais e implantación de pasarelas de pago. Para participar, pódese formalizar a preinscrición a través do teléfono 981 184 399 ou da páxina web municipal http://www.coruna.gal/papagaio/es/formacion
Os emprendedores interesados en participar na terceira convocatoria de ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ xa poden presentar as súas candidaturas. Este programa, impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrece apoio e formación a iniciativas empresariais de innovación social dixital.
Valorarase especialmente o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con discapacidade e persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxit
Desde hoxe e ata o 31 de xullo os emprendedores interesados en participar na terceira convocatoria de ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’, poden presentar as súas candidaturas. Este programa, impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrece apoio e formación a iniciativas empresariais de innovación social dixital.
Poderán solicitar a súa participación no programa “Vodafone Connecting for Good Galicia” todas aquelas empresas e emprendedores maiores de 18 anos que, desde Galicia, conten cun modelo de negocio innovador e claras vantaxes competitivas para un produto ou servizo que resolva algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou en calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020.
Valorarase especialmente o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con discapacidade e persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito.
Principais características do programa
Nesta convocatoria seleccionaranse ata un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas pola Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio ‘Conectados pola Accesibilidade’ de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal.
Os proxectos incorporados ao Programa beneficiaranse de sesións de formación e mentoring e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación. Todas as iniciativas dispoñerán dun espazo de traballo na sede de ‘Vodafone Connecting for Good’, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.
A convocatoria
O fallo do Xurado cos proxectos seleccionados notificarase antes do 1 de outubro. A fase de formación dos participantes terá unha duración de seis meses, desde o 15 de outubro de 2018 ata o 15 de abril de 2019.
Para a valoración dos proxectos, deberase rexistrar a candidatura na web www.fundacionvodafone.es/premios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases.
Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto. Máis información: http://www.fundacionvodafone.es/premios.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar o premio de innovación educativa Desafíos STEM: Programación, Robótica e Impresión 3D, dirixido aos centros de ensino públicos que impartan ESO ou bacharelato, co fin de recoñecer os proxectos neste ámbito creados polos propios centros escolares.
Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería, a través da cal se busca lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica. Por outro lado, tamén se pretende romper coa fenda de xénero nos estudos STEM.
Para a convocatoria Desafíos STEM deste ano establécense dúas categorías: Unha STEM Iniciación, dirixida ao alumnado de 1º,2º, 3º da ESO, FP Básica ou PMAR; e unha STEM Afondamento, para alumnos de 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato. Dentro de cada categoría, cada proxecto poderá optar a tres Desafíos: Desafío Robots, Desafío Programación ou Desafío Impresión 3D. Haberá un total de seis premios, un por cada desafío e categoría, todos eles dotados con 2000 euros para centro; así como unha distinción para os alumnos participantes.
Tal como establece a resolución, os centros interesados teñen de prazo ata o 10 de xullo para presentar a correspondente solicitude así como un informe coa documentación relativa ao proxecto que presente. Cada centro pode presentar ata un máximo de seis equipos, cada un deles composto por entre 3 e 6 alumnos que deberán pertencer ao mesmo nivel educativo. Os proxectos deberán estar elaborados integramente polo alumnado empregando o equipamento de robótica, as placas de comunicación e programación e os equipos de impresión 3D cos que a Consellería de Educación dotou a estes centros.
Respecto aos criterios de valoración, teranse en conta a funcionalidade do proxecto presentado, a súa calidade técnica e pedagóxica, a implicación do alumnado mediante un traballo cooperativo e a implicación do centro en actividades de fomento de vocacións STEM, entre outros.
A tecnoloxía é un aliado fundamental para a gran maioría das persoas con discapacidade e para as persoas maiores que viron minguadas algunhas das súas capacidades, e así o recoñece un verdadeiro experto neste ámbito, o director do Ceapat, Miguel Ángel Valero.
Nunha entrevista en Radio Roncalli, Valero afirmou que "a tecnoloxía ben utilizada é multiplicadora de capacidades", facendo fincapé en dous aspectos fundamentais: os beneficios que pode achegar a tecnoloxía e a importancia de que se utilice de forma correcta.
O responsable do Ceapat, que é o Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas, destaca como a tecnoloxía é un "apoio" á capacidade física, visual e intelectual, a condición de que estea "centrada nas persoas", é dicir, se é accesible.
Con todo, admitiu que aínda hai moitas barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade, e non só as arquitectónicas. Por exemplo, considera que tamén hai unha "barreira de concienciación moi grande" e outra tamén importante de "acción", é dicir, de levar a cabo os proxectos e as políticas necesarias para universalizar a accesibilidade.
Valero é un dos grandes expertos en España en materia de tecnoloxía, accesibilidade e discapacidade. E demóstrao con afirmacións como estas nas que subliña a importancia dun uso correcto da tecnoloxía e como pode ser fundamental para mellorar a vida das persoas con discapacidade e as persoas maiores.
Quen quixera robótica e espírito maker (o espírito de “se queres podes” aplicado á tecnoloxía) tivo hoxe unha boa oportunidade de enchouparse nestas cuestións tecnolóxicas na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Porque de tecnoloxías para facer e usar sen cancelas é do que tratou a Competición de Robots da dita Escola, unha cita na que participaron (logo de meses de arduo traballo) un milleiro de alumnas e alumnas das nosas catro provincias, mostrando “en sociedade” os seus enxeños. Por exemplo máquinas para traballar no agro, para non ser detectadas polas demais máquinas ou simplemente para trasladarse do recanto a outro dun edificio sen tropezar con obxecto algún.
A cita, que contou coa colaboración dos estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e de International Society of Automation, convocouse co obxectivo de introducir no día a día a rapazada o manexo común de novas tecnoloxías, robots e disciplinas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas). Este ano contouse coa participación de 183 equipos, o que sitúa a edición deste ano como a de meirande poder de convocatoria. A competición artellouse novamente en dúas categorías: Wall-E, dirixida a estudantes de ensino secundario e Bacharelato, e R2D2, orientada a ciclos superiores e estudos universitarios. En total, tomaron parte no concurso 174 equipos en Wall-E e nove en R2D2, cada un deles co seu propio robot, deseñado, construído e programado por elas e eles mesmos.
Ao longo da mañá, cada equipo tivo que poñer a proba as súas creacións e algúns grupos mesmo tiveron que realizar axustes “a pé de pista” con ordenadores portátiles, desparafusadores e mesmo cinta adhesiva para arranxos de última hora. Á hora de competir, houbo que facer que os robots seguiran unha liña e evitasen obstáculos. Logo celebrouse unha proba de sumo entre enxeños. Finalmente, e tras varias clasificatorias, na categoría Wall-E, o equipo Tecnoval 2 do IES de Valadares foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; ElectroTeam do CPR Liceo la Paz impúxose entre os equipos de 3º e 4º da ESO e o Brión 1 do IES de Brión nos de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo JAN do Colegio de Fomento Montecastelo. Ademais, o xurado outorgou galardóns á orixinalidade, na categoría Wall-E para o IES San Rosendo Amolou 4 en na deR2D2 para Las leyendas da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.
A Coruña segue a facer comunidade arredor dos universos maker (faino ti mesmo), software libre e tecnoloxía colaborativa e social. En palabras do Concello e para ilustrar sobre o devandito, “a cidade ferve estes días de actividades técnicas e novos colectivos informáticos”. Sen ir máis lonxe, a primeira quincena de maio comeza na Coruña unha ampla gama de actividades que arrincou este xoves cunha xuntanza da comunidade Coruña Agile en HUB Escola. Este sábado prosegue o fervedoiro de propostas e enxeños para compartir. Será no Centro Ágora, de 10.00 a 20.00 horas, e consiste nunha nova sesión de Coruña Hacks.
Segundo informan dende Coruña Dixital (a fronte común do Concello e os colectivos tecnolóxico-sociais da cidade), Coruña Hacks brinda quedadas regulares que se desenvolven desde o 3 de marzo, e, ao seu abeiro, estanse a desenvolver varios proxectos de aplicacións baseadas no software libre. Para saber máis e inscribirse, xa que se traballa en equipos abertos a novas incorporacións e ideas, podemos acceder ao seu meetup. Para quen non o saiba, Coruña Hacks, promovida por GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña, conta co apoio do Concello da Coruña a través de Coruña Dixital e do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática.
Para a tarde do 9 de maio está prevista unha nova sesión de GPUL Labs, que terá lugar no espazo Accede Papagaio (19h-22h), dependente da área de Emprego e Economía Social. Nesta ocasión o tema será Montando unha toolchain de Perl con Ansible e GNU stow. Para máis información, e para formalizar a inscrición, hai xa operativo outro meetup.
O 10 de maio proseguen as actividades, desta volta da man de Informáticos Anónimos, que celebra unha xuntanza na sede de Mogben (19:30-21:30) co obxectivo de xerar un espazo de coñecemento mutuo (quen somos, como traballamos). A xornada está aberta a todas as persoas que pertencen á industria do software. Igual que nos outros casos, está habilitado un meetup para información e inscricións.
E para quen queira seguir facendo comunidade e fronte común, na xornada do 11 de maio, a comunidade técnica CoruñaJUG organiza unha xuntanza que se desenvolverá no espazo Accede Papagaio (16:30-18:30) e que contará coa participación de Simon Rittler, en palabras dos organizadores da xornada “un Java Champion referente a nivel mundial”. A cita será sobre Technical Deep Dive into Java from Azul. Hai un meetup habilitado para este evento.
A Deputación de Pontevedra vai ofrecer este mes de maio un completo programa de obradoiros TIC a través de SmartPEME facendo fincapé nas 37 accións formativas previstas para as sedes de Cambados, os viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e as oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. A maiores, cómpre engadir os sete cursos da sede da Deputación en Pontevedra, todos co nexo común de querer botar unha man no proceso de adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital.
As quendas da cidade do Lérez son as seguintes: esta sexta feira 4 de maio, Elixe a túa plataforma de comercio electrónico, ás 17:00 horas. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 8 ás 19:00 horas baixo o nome de Que é o Internet das cousas? Introdución e aplicacións e, a seguinte, Descubre como funciona o certificado dixital, o teu DNI en liña o 10 de maio no mesmo horario. A seguinte quenda será o día 15 ás 19:00 horas, coa acción Novidades na Lei de protección de datos 2018, RGPD Europeo, un evento que, ademais, será retransmitido en directo para todas as persoas interesadas que non poidan asistir de maneira presencial.
O 21 de maio será a quenda de Ferramentas e Apps imprescindíbeis para o sector legal, tamén ás 19:00 horas, ao igual que Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, o día 23. Por último, o martes 29 de maio será a quenda de Excel avanzado I: Uso de fórmulas en follas de cálculo, de novo en horario de 19:00 horas.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networkingtrimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.