Os estudos TIC son creativos, abren unha chea de portas, permítenos contribuír a mellorar o mundo e, aínda por enriba, incrementan ao máximo as nosas posibilidades de atopar traballo. Por se isto fose pouco, as profesións relacionadas coas TIC adoitan ser profesións flexibles, que abren a marxe para traballar a distancia e sen limitacións. Con estes outros moitos argumentos as participantes na celebración galega (no CESGA, en Santiago) do Día Internacional das Rapazas nas TIC tentaron (e en certa medida conseguírono) botar abaixo todos e cada un dos argumentos que separan ás nosas mozas dos estudos tecnolóxicos.
Na cita, impulsada por sexto ano consecutivo polo CESGA (coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e con ramificacións cos nosos centros educativos), todas as participantes expresaron o seu desexo de que chegue un día en que non sexa necesario celebrar o Día Internacional das Rapazas nas TIC, por estar normalizada a súa presenza no plano dixital. “Non pode ser que nas aulas dos estudos tecnolóxicos só haxa unha moza por cada quince mozos”, lembrou a directora de GAIN, Patricia Argerey.
A celebración deste 26 de abril comezou ao fío das 11.00 horas nas dependencias do Centro de Supercomputación de Galicia e, unha vez máis, dirixiuse a alentar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A xeira de mañá incluíu como de costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que fixeron acto de presenza no CESGA (estudantes de primaria e secundaria de Cerceda) ou que se conectaron co centro vía streaming, puideron facer todo tipo de preguntas sobre as súas respectivas experiencias profesionais.
Previamente ao coloquio houbo unha sesión de apertura na que participaron María José Malmierca, responsable de eLearning do CESGA, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Fernando Suárez, presidente do CPEIG. Segundo fixo saber Argerey, “queremos romper coa tendencia que baleira as aulas de estudos tecnolóxicos de mulleres; estamos aquí para lembrar que nós podemos crear tecnoloxías, dirixir equipos de traballo e levar produtos innovadores ao mercado”. A maiores, alén de poñer o foco no talento das mulleres, recordou que o mercado profesional está a reclamar mozas tecnólogas e que as empresas necesitan delas para acadar graos de competitividade e calidade que doutro xeito non serían posibles: “Van facer falta máis físicas, máis matemáticas e máis informáticas”. E engadiu: “Non é certo que a unha nena á que lle gustan as TIC sexa unha friki, nin, por suposto, hai nada de verdade no argumento de que as nenas teñan menos capacidades”.
López Abella, pola súa banda, lembrou a importancia do Día Internacional das Rapazas nas TIC. Segundo fixo saber, máis de 300.000 mozas participaron xa na celebración dende os seus inicios, procedentes de 166 países, o que dá unha idea da relevancia deste acontecemento e pon de manifesto que non se trata dun problema local, senón que abrangue todos os países. “O sector das novas tecnoloxías precisa novos talentos”, engadiu, “e aí temos que estar as rapazas”. López Abella tamén puxo o foco na importante contribución do CPEIG para visualizar as grandes contribucións das mulleres á sociedade dixital e ao seu desenvolvemento, e puxo como exemplo deste compromiso o Premio Ada Byron, que convoca anualmente o colexio para mostrar profesionais galegas referentes nas TIC e distinguir as súas achegas e o seu traballo normalizador.
Logo das presentacións foi a quenda do coloquio coas profesionais convidadas, comezando a rolda de relatorios Susana Rey, enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R. Susana falou das orixes mesmas da súa vocación tecnolóxica (dende nena amañaba cousas), dos seus estudos (de Telecomunicacións) e dos seus primeiros pasos profesionais, que non estaban ligados á protección dos datos e das tecnoloxías, senón a garantir que os usuarios de R tiveran os mellores servizos de rede posibles. Segundo fixo saber, o seu rumbo profesional virou logo dun ataque masivo que deixou a medio mundo sen conexión e que lle mostrou a importancia da seguridade informática para garantir non só a actividade das empresas senón do progreso tecnolóxico en si mesmo. Na súa opinión, o termo “hacker” non significa algo malo, senón que alude a unha persoa que atesoura tantos coñecementos tecnolóxicos que é quen de facer con eles cousas que os creadores de tecnoloxías non foron capaces de prever”. Isto pode ser orientado cara ao negativo, pero acada grandes cotas de relevancia cando é encamiñado cara ao ben. Este eido de acción, dixo, é sen dúbida unha gran oportunidade de traballo para as nosas mozas.
A seguinte en intervir foi Cecilia Grela, enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. Cecilia falou dos porqués do seu rumbo profesional (tamén era unha nena que tentaba amañar todo canto aparello electrónico ou eléctrico caía nas súas mans, incluído o seu primeiro computador) e lembroulles ás mozas que participaron na actividade do CESGA que a informática “está en todos lados”, e máis que estará, mesmo nas pequenas cousas e nos obxectos máis teoricamente insignificantes da nosa vida cotiá, dende o noso sistema doméstico de calefacción até a nosa neveira, que coas novas tecnoloxías de acceso á Rede e de intelixencia nas máquinas pode chegar a ofrecernos as mellores suxestións gastronómicas do día tendo en conta o que acubilla no seu interior. Neste espallamento das TIC cara ao máis inmediato, sinalou, tamén hai un importante nicho profesional e unha palestra de talento para a nosas rapazas.
A continuación foi a quenda de María José Durán, enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes. María José comezou o seu relatorio facendo un percorrido polos seus estudos e polas razóns que a levaron a pór en marcha un establecemento en liña de cosméticos ecolóxicos. “O bo dos estudos TIC”, sinalou, “é que che permiten facer calquera cousa que se ocorra”, mesmo darlle soporte tecnolóxico a unha empresa. Segundo fixo saber, as carreiras tecnolóxicas teñen unha manchea de saídas profesionais e mostran un número salientable de camiños a percorrer. “Xa que a informática está en todos os recantos”, explicou, “podemos traballar no ámbito que queiramos, facer todo o que se nos ocorra, mesmo sermos empresarias”.
A rolda de presentacións pechouna Ana Cidre, experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ana falou dos seus estudos (grao en Belas Artes e máster en negocios e economía internacional) e da súa actividade presente (a día de hoxe é desenvolvedora de software especializada en Angular). Respecto dos porqués de terse orientado cara as TIC logo de ter estudado Belas Artes, sinalou que “non sempre tes que saber exactamente o que queres facer”, e que ás veces a resposta aparece logo, no medio do camiño. Porén, sinalou, “o importante é non ter límites e non negarnos a facer cousas novas, como, no meu caso, escribir códigos informáticos e manexar computadores”. Segundo deu a entender, non hai unha gran distancia entre a carreira de Belas Artes e as carreiras tecnolóxicas, todas elas teñen en común ser moi creativas e abrir unha chea de portas. Asemade, salientou que o traballo TIC sexa moi flexible, “e malia que ás veces hai que estar en persoa nas dependencias dunha empresa”, permítenos en determinadas ocasións e para determinadas tarefas estar desenvolvendo o noso labor a distancia.
Todas elas coincidiron en que non lles resultou complicado atopar traballo.
Logo do xantar
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2.
Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia.
O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU).
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.
Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.
Cando un pensa nos obstáculos que unha persoa con discapacidade ten que afrontar para acceder á tecnoloxía, adoita centrarse no caso de discapacidades sensoriais, como a vista ou o oído. Con todo, son as persoas con discapacidade cognitiva os que teñen maiores problemas para utilizar os dispositivos tecnolóxicos.
En concreto, case o 60% das persoas cunha discapacidade cognitiva nin sequera utiliza teléfono móbil, dos que case a metade non o teñen porque é inaccesible para a súa discapacidade ou o seu uso é demasiado complexo.
Esta cifra é moito máis elevada que no caso dunha discapacidade visual ou auditiva. No primeiro caso, os cidadáns que non utilizan un móbil son o 27%, mentres que entre aqueles con unha discapacidade auditiva é o 31,3%.
Así o mostra o Informe Olivenza 2017 editado polo Observatorio Estatal da Discapacidade e que dedica un capítulo, elaborado en colaboración coa Fundación Vodafone, á utilización das novas tecnoloxías por parte de persoas con discapacidade.
Por que a porcentaxe de persoas que non utiliza teléfono móbil é o dobre entre aquelas con discapacidade cognitiva respecto ao resto? Pois principalmente porque, mentres que as persoas con discapacidades sensoriais teñen que enfrontarse a barreiras de accesibilidade, moitas persoas con discapacidade cognitiva deben afrontar ademais barreiras intelectuais e de comprensión.
Con todo, a pesar destas maiores dificultades, a maior parte dos desenvolvementos para mellorar a accesibilidade da tecnoloxía céntranse nas discapacidades sensoriais e, en moitos casos, esquecen a aquelas persoas que teñen unha discapacidade cognitiva.
A ONCE propúxose que todos os nenos con discapacidade visual adscritos á súa organización poidan contar nas súas aulas ao longo deste curso con Braitico, un método inclusivo que favorecerá a aprendizaxe da lectura e a escritura en braille, e que, ademais, permitirá que o resto dos seus compañeiros se interesen, coñezan e familiaricen con este código.
Esta nova didáctica «dotará ao alumno cego das ferramentas necesarias para adquirir destrezas e ser competente», asegurou durante a presentación celebrada onte o delegado territorial en Galicia, Manuel Martínez Pan.
Braitico vaise adaptando ás necesidades e capacidades do neno desde que nace e durante toda a súa etapa escolar, e faino cunha base didáctica e neurolóxica que vai unida ás últimas innovacións educativas.
O sistema é froito do traballo realizado por un importante número de profesores e educadores da ONCE de toda España.
A Xunta promove unha maior participación das mulleres no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación, xa que hoxe se celebra a nivel internacional o Día Internacional das Mulleres nas TIC. Este acto ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres emprendedoras neste eido e ofrecerlle un espazo de intercambio e comunicación, no que participan 17 centros de toda Galicia e máis de 700 estudantes
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey participaron esta mañá no acto de celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha data que ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas rapazas, así como rebaixar a brecha dixital de xénero.
Segundo explicou López Abella, só o 30% dos traballadores no sector tecnolóxico en Europa son mulleres e, en España, a cifra redúcese ao 18%, o que pon de manifesto unha gran desigualdade no acceso ás carreiras desta área, o que se reflicte coa baixa representación feminina en postos directivos e de responsabilidade.
A secretaria xeral da Igualdade afirmou que o crecemento intelixente necesita aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e profesións relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación. Por iso o programa Rapazas nas TIC está deseñado para ofrecer unha serie de actividades de visualización e participación positiva das mulleres no eido das TIC, ademais de ofrecer cauces para a participación das alumnas en accións de creación no ámbito das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.
Patricia Argerey manifestou a necesidade de impulsar a presenza de mulleres neste ámbito polo que propuxo algunhas medidas como romper cos estereotipos de xénero, ofrecerlles referentes femininos ou promover políticas que contribúan a concienciar e corrixir esta situación.
No tocante ás políticas públicas, Argerey destacou o traballo que está desenvolvendo o CESGA a prol do aumento da porcentaxe feminina no sector das TIC, a través, por exemplo, do proxecto europeo ICT-Go-Girls para promover o emprendemento entre as rapazas a través das TIC, que foi recoñecido como caso de boas prácticas pola Comisión Europea. Así mesmo, apuntou algunhas medidas que está aplicando a Xunta de Galicia no ámbito da I+D+i como introducir o criterio de xénero como factor de desempate nos contratos de investigación pre e postdoutorais ou dar prioridade en convocatorias da Axencia Galega de Innovación ás empresas que teñan plans de igualdade.
Celebración internacional
Dende hai sete anos, o cuarto xoves de cada mes de abril, celébrase a nivel internacional este día. Promovido pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), organismo de Nacións Unidas para as tecnoloxías da información e a comunicación, cuxa finalidade é crear un ámbito mundial que motive as nenas e mulleres novas a considerar a posibilidade de seguir carreiras no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Así, a Xunta de Galicia, a través do CESGA organiza este acto xa que participa no Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC, e xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, coordinan a iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, que se dirixe ás rapazas de primeiros anos de secundaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina no eido das TIC.
O Concello da Coruña e a Asociación Pro Persoas Con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA) veñen de implantar no Centro Ágora un proxecto piloto que ten como finalidade favorecer o desenvolvemento da autonomía das persoas con diversidade cognitiva ao abeiro do equipamento municipal. O proxecto piloto pon en xogo unha aplicación móbil, a través da cal as persoas usuarias terán acceso a recursos informativos que favorezan a súa independencia. O obxectivo último? Que poidan facer pleno uso das infraestruturas (espazos e servizos) que ofrece o devandito centro sociocultural, poñendo o foco na biblioteca e nos seus moitos recursos.
A iniciativa, posta en marcha polo Servizo Municipal de Bibliotecas coa colaboración da entidade social ASPRONAGA, implicou a instalación de códigos QR na entrada do inmoble e no mostrador. Segundo informa o Concello, os códigos “conteñen información sobre o acceso a servizos nos que a persoa pode estar interesada, como poden ser facerse socia, realizar un préstamo, dirixirse ao mostrador para realizar unha xestión ou ir ao baño”. E engade o Goberno local sobre o funcionamento da iniciativa. “Unha vez que se escanea o QR, este ofrece, a través dunha secuencia en imaxes, pequenos vídeos ou texto de lectura doada, os pasos precisos para tirar proveito do servizo sen necesidade de preguntar a outras persoas, o que favorece o desenvolvemento da autonomía das persoas con diversidade cognitiva”.
O Concello tamén lembra que a Biblioteca Municipal do Centro Ágora comezou a traballar na implantación da aplicación Mefacilyta (un proxecto da Fundación Vodafone que se desenvolveu coa colaboración de máis de 50 entidades sociais e do ámbito da saúde) hai máis dun ano. Este mes de abril, un grupo de usuarias de ASPRONAGA avaliou os distintos pasos recollidos nos desenvolvementos propostos polo persoal da biblioteca e validou o servizo como útil e comprensible.
A Fundación Konecta acaba de lanzar a súa 'Convocatoria de Axudas Emprendemento + Discapacidade' co fin de brindar un apoio inicial ao establecemento e desenvolvemento de proxectos de emprendemento promovidos por persoas con discapacidade, ou proxectos especificamente dirixidos á mellora da calidade de vida deste colectivo.
Os proxectos presentados deberán enmarcarse entre tres categorías diferenciadas: 'Excelencia en Accesibilidade', 'Negocio innovador ou con compoñente tecnolóxico' e 'Impacto social'. As solicitudes deberán ser enviadas ao correo electrónico ayudasemprende@fundacionkonecta.org, co asunto 'Axudas EMPRENDE + DISCAPACIDADE 2018' desde o 24 de abril ata o 31 de maio de 2018.
Para a selección dos proxectos gañadores tomaranse en conta criterios como o seu carácter innovador, o potencial de creación de emprego e calidade do mesmo (especialmente contémplase o emprego de persoas con discapacidade), o impacto social e mellora na calidade de vida das persoas con discapacidade, así como a súa viabilidade e sustentabilidade económica.
As propostas finalistas serán valoradas por un xurado composto por profesionais expertos no ámbito do emprendimiento e a discapacidade, provenientes da contorna educativa, social e empresarial, que elixirá os tres proxectos que percibirán unha dotación económica de 3.000 euros cada un. Ademais, o premio complementarase cun servizo de aceleración de startups da Fundación ONCE.
A adxudicación das axudas realizarase en dúas fases. Nunha primeira fase, o equipo de Fundación Konecta realizará unha primeira preselección na que resultarán un máximo de tres proxectos finalistas en cada categoría; e nunha segunda fase, no terceiro trimestre do ano, realizarase a reunión de xurado na que participarán os proxectos finalistas, cada un dos cales presentará o seu proxecto de emprendimiento nunha exposición dun máximo de 15 minutos de duración.
Nesta xornada decidiranse os tres proxectos gañadores que recibirán a dotación da axuda co fin de brindarlles un apoio inicial para o establecemento e desenvolvemento das súas propostas, segundo detallan os impulsores.
A entrega das axudas aos gañadores realizarase en outubro de 2018 nun acto organizado en Madrid, ao que asistirán as persoas impulsoras dos tres proxectos de emprendemento gañadores. Para consultar as bases desta convocatoria, así como o formulario de inscrición, os interesados deberán dirixirse á páxina web de Fundación Konecta.
O Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, destina 10.925.000 de euros ao novo "Programa de axudas para impulsar a formación continua e mellora da empleabilidad no ámbito das TIC e da economía dixital", dentro da iniciativa Profesionais Dixitais, que ten como fin potenciar a adquisición de competencias dixitais en todas as etapas da vida laboral.
Está dirixido a entidades que desenvolvan plans de formación para persoas traballadoras, principalmente ocupadas, para a adquisición e mellora de competencias no ámbito da transformación e da economía dixital. O obxectivo é favorecer a adquisición dos coñecementos e habilidades demandadas polas empresas, e incentivar o acceso a mellores postos de traballo nestas materias.
Os case 11 millóns de euros de orzamentos cos que conta o programa proceden do Fondo Social Europeo, cofinanciado polo Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación.
Poderán solicitar axúdalas asociacións (incluíndo federacións, confederacións ou unións das mesmas), fundacións, así como sociedades mercantís que cumpran cos requisitos que se establecen nas bases.
O importe mínimo de axuda será de 40.000 euros, por cada beneficiario e proxecto subvencionable, asociado a cada grupo de rexións, ata un máximo de 500.000 € por beneficiario, en total. Destínase ao grupo de rexións formado por Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, A Rioxa, Madrid, Navarra e País Vasco, 1.166.673 de euros. Ao grupo B, formado por Asturias, Ceuta e Galicia, 1.148.858 millóns de euros, mentres que ao grupo C, ao que pertencen Andalucía, Canarias, Castela - A Mancha, Melilla e Murcia correspóndelles 7.496.748 de euros. O grupo D está integrado por Estremadura, que conta con 1.112.719 de euros.
Subvencionarase entre o 50% e o 80%, e corresponderalle á entidade beneficiaria a porcentaxe restante. Os plans de formación están dirixidos prioritariamente a ocupados aínda que tamén poderán participar en menor medida persoas en situación de desemprego ou inactivas en idade de traballar.
O prazo para a presentación de solicitudes finaliza o 23 de maio ás 23:59 como se establece na convocatoria publicada no BOE. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes na sede electrónica de Red.es. Ata entón, Red.es celebrará xornadas informativas durante as próximas semanas ao longo de diversas zonas do territorio nacional.
Para representar os intereses do sector dos videoxogos e os contidos interactivos en Galicia vén de nacer Videoxogo.gal, Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, que busca potenciar a súa industria na comunidade galega servindo de ponte entre as empresas do sector para crear sinerxías e dinamizar o seu sector. Fundan esta nova entidade as empresas Imaxin Software, Datalawyers, Ficción Producciones, Mundos Digitales e Gato Salvaje Studio.
Videoxogos.gal fomentará a competitividade e a internacionalización das empresas galegas dedicadas aos videoxogos e contidos interactivos, así como a transferencia da súa innovación a outros sectores, aplicando novos coñecementos de xeito transversal. Tamén buscan incrementar a oferta de emprego e a especialización dos profesionais, así como colaborar con autoridades e administracións en traballos, estudos, investigacións de mercado, propostas de lexislación, actividades formativos e de I+D...
As súas actividades centraranse na formación especializada para profesionais e en programas de profesionalización dos proxectos empresariais do sector. Porán en valor os produtos desenvolvidos polos membros da asociación e facilitarase a divulgación e difusións dos mesmos, así como tamén fomentarase unha denominación de orixe de calidade e innovación, como un xeito adicional de internacionalizar e promover a cultura galega e a súa experiencia en videoxogos e contidos interactivos.
Esta nova entidade está aberta á participación a calquera persoa física ou xurídica que teñan a súa sede ou actividade social en Galicia, e que teña como actividade principal a creación e desenvolvemento de software de lecer ou participe a nivel profesional na industria dos videoxogos e contidos interactivos. Amais, tamén haberá cabida para persoas que estean a cursar algún ciclo formativo ou universitario relacionado co sector, sendo posible participar como socio colaborador (por parte de empresas interesadas que non sexan do sector) ou socio institucional (entidades públicas). Os interesados poden contactar coa asociación por correo electrónico.
Este 25 de abril celébrase, para quen non o saiba, o Día das Redes Galegas, co epicentro no Campus de Pontevedra. Trátase dunha xornada con dous obxectivos definidos: salientar a figura dos responsables de comunidades virtuais e mostrar o importante potencial do alumnado (futuras/os profesionais) da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A cita arranca no salón de graos deste centro a partir das 9.30 horas, nun acto que conta coa presenza de Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus en funcións; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo; e Xabier Martínez Rolán, director das xornadas.
Na organización do evento atópase o profesor Xavier Martínez Rolán, en colaboración coa dita Facultade, a Vicerreitoría do Campus, a Área de Normalización Lingüística da Universidade (ANL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A xornada contará un ano máis cun panel de conferenciantes moi destacable: as/os tituladas/os de Ciencias Sociais e Comunicación. Entre as relatoras figuran (entre outras) Lucía Gómez, directora de mercadotecnia de contidos e medios sociais de Elogia, a referencial axencia de márketing con sede en Vigo; Cristina García, responsable de comunicación dixital en Esmerarte Industrias Creativas, firma centrada en promoción cultural ao abeiro das novas ferramentas e en facer comunidade arredor do fenómeno creativo; ou Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos.
Xunto ás devanditas relatoras, o Día das Redes Galegas contará tamén coa presenza activa de Cristina Rodríguez, técnica de normalización lingüística da ANL, que abordará neste evento a experiencia de Youtubeir@s, proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, nove concellos e a Deputación da Coruña e dirixido a dar visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social.
Tralas intervencións iniciais de cada conferenciante, a xornada, que será retransmitida por UVigo-TV, completarase, a partires das 12.00 horas, cun coloquio moderado polo profesor Alberto Dafonte.