A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo cos representantes do Clúster de Turismo galego na que abordaron diferentes asuntos, entre eles, as melloras de conectividade previstas pola Xunta e o Estado e das que se beneficiarán diferentes puntos turísticos.
Desde a Xunta avanzouse que o Plan de Banda Larga 2020 facilitará o acceso a redes de 100Mps a 74.400 persoas de núcleos de 181 concellos galegos, entre eles, diferentes zonas do Concello de Sanxenxo. O Clúster trasladoulle a ambas directoras a necesidade de mellorar a cobertura neste municipio, que concentra un importante fluxo turístico, especialmente no verán.
Esta actuación do Plan, que se inicia este ano, cun investimento público de 14,2 millóns de euros estenderá fibra óptica en núcleos de menos de 300 habitantes das catro provincias galegas.
Máis do 74% dos galegos con redes ultrarrápidas en 2020
Ademais o Estado ten en marcha outras medidas que beneficiarán a outros 258.000 galegos de núcleos de maior tamaño, grazas a un investimento público de 21 millóns de euros de Fondos FEDER.
Polo tanto, ambas medidas posibilitarán que no 2020 máis de 332.000 galegos de 258 concellos teñan acceso a redes ultrarrápidas. Así, en dous anos, máis do 74% do galegos poderán acceder a internet de alta velocidade. Esta porcentaxe incrementaranse con novas convocatorias anunciadas polo Estado dentro do Plan 300x100.
Plan Smart Turismo
A mellora da conectividade é un dos aspectos chave na modernización dos principais sectores produtivos galegos, entre eles o turismo. A Xunta ten en marcha, desde o 2015, o Plan Smart Turismo para impulsar a dixitalización do sector e favorecer a prestación de servizos de calidade, personalizados e con valor engadido; a captación de turistas e de novos mercados; para mellorar eficiencia e que o sector teña capacidade de dar respostas áxiles fronte a mercados cambiantes.
Nós últimos tres anos púxose en marcha a plataforma tecnolóxica Turespazo para facilitarlle ao sector a xestión online da súa información administrativa e tamén a difusión da súa información promocional e a comercialización dos seus produtos.
Publicouse un novo portal de Turismo de Galicia para fortalecer a difusión, tanto a nivel nacional coma internacional de Galicia coma destino turístico.
O Plan conta, ademais, cunha liña para o Camiño de Santiago, SmartCamiño, que puxo a disposición do sector e dos peregrinos un portal e una aplicación específicas, como solucións vivas que evolucionarán acorde ás necesidades dos viaxeiros
Entre as novas liñas de actuación estase abordar a posta en marcha dunha Rede Intelixente de Información Turística, unha reformulación das oficinas de turismo na que a modernización tecnolóxica terá un papel fundamental.
Jabber Bot é un pequeno robot que se move só evitando obstáculos e que é capaz de interactuar co seu usuario mediante ruídos, algo que nos parece moi interesante para nenos cunha discapacidade física ou cognitiva que supoña unha dificultade para a manipulación de xoguetes.
Con este robot, que comercializa Juguetrónica, os pequenos poderán ver como reacciona ante ruídos fortes como palmadas ou golpes, ademais de ser totalmente autónomo para moverse evitando obstáculos.
Os seus ollos tamén parpadean e os brazos e pernas son móbiles, ademais de poder subirlle ou baixarlle a máscara da cara.
Este Jabber Bot forma parte da familia de robots Bot, polo que é capaz de comunicarse con outros dispositivos similares emitindo sons.
Encántannos os xoguetes que están adaptados, por exemplo, para o seu uso con pulsadores, pero no caso deste robot nin sequera é necesaria esa adaptación, xa que cun golpe o robot responde o usuario.
Finalmente entregáronse este 20 de abril os galardóns da segunda edición do certame Youtubeir@s, dirixida novamente a encher a rede social YouTube de vídeos referenciais en galego feitos sobre as máis variadas temáticas, pero co nexo común da creatividade e a utilidade. A cita foi no Teatro Colón e foi conducida por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, todas elas integrantes da compañía de teatro A Panadaría. Participaron na gala dúas ducias finalistas escollidas polo xurado (formado por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño) entre as/os 230 participantes que concorreron nesta segunda edición. Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo Como escaquearse dunha comida familiar, de As cousas do Choio. No apartado de vídeo-opinarmos, o premiado resultou o vídeo A expedición Balmís e a vitoria da vacinación, de Xacobe de Toro Cacharrón. E o premio á mellor canle acadouno Nubes Baixo ti. As tres categorías contan cun premio de 1000 euros.
Por outra banda, o apartado de creatividade gañouno Os cazapantasmas vídeo-facermos, de Moustache Media Producciones, mentres que eficiencia comunicativa foi para O galego Fermoso (e o que non o é tanto) de Aquel-e, a categoría da calidade técnica conquistouna Viaxar, de Aarón Vilariño Figueiras, e a categoría de calidade lingüística foi para Reivindicación oceánica, de Xosé Iglesias. Finalmente, o premio a proposta youtubeira, entregado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, recoñeceu o vídeo Como dar cartos ás agachadas, de As Cousas do Choio. Estes catro galardóns conta cunha dotación económica de 500 euros.
O acto contou coa asistencia e participación de representantes da practica totalidade das institucións organizadoras. Deste xeito, os alcaldes da Baña, José Andrés García Cardeso; de Carballo, Evencio Ferreiro; de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e do Grove, José Antonio Cacabelos Rico, convertéronse en entregadores/as, ao igual que a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias; a concelleira de Ames, Isabel Vaquero, e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña Piai. Os representantes das universidades Carlos Aymerich (Universidade da Coruña), Manuel Núñez Singala (Universidade de Santiago) e Paulo Cabral Pedreira e Cristina Rodríguez Ricard (Universidade de Vigo) completaron o cadro de entregadores/as.
Pola súa banda, as actrices Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, ofreceron unha retranqueira gala que xirou arredor da xeración millennial e os contidos que se crean en Internet.. A idea básica foi celebrar os contidos en galego que están a agromar na rede a través de Youtubeir@s. Pola súa banda, Mónica Fernández, coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, salientou na súa intervención en nome da organización “a alta participación” e a “gran calidade” dos vídeos participantes nesta segunda edición. Fernández, ademais, definiu Youtubeir@s como “un proxecto colaborativo, rico en todos os aspectos, nas ideas” que permite que “as administracións, grandes e pequenas, da costa e do interior, de todas as provincias poidan xuntarse e sumar esforzos”.
Nesta segunda edición, rexistráronse un total de 230 inscricións entre vídeos e canles participantes nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle. Segundo informaron as organizadoras do certame, nesta edición a categoría que maior interese concentrou entre os concorrentes foi a de vídeo-facermos, na que competiror un total de 116 propostas, o cal representa o 50% dos vídeos a concurso. Mentres, a categoría de vídeo-opinarmos abrangue o 38%, ao constar con 88 participantes.
Galicia entrará na rede de oficinas de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) cunha delegación para o noroeste de España, que se abrirá nos vindeiros meses da man da Xunta e da Universidade de Vigo, e co obxectivo de fomentar as vocacións científicas.
Con esta iniciativa a Comunidade sumará os recursos da ESA á vocación e a entrega do profesorado e ao potencial do alumnado. Non en van esta delegación significará mellor formación para os profesores; unha porta aberta para que os rapaces participen nos programas e concursos da axencia e a tradución dos seus materiais educativos ao galego.
O presidente da Xunta participou na inauguración da xornada educativa Stemlab Galicia, onde destacou a oportunidade que supón este evento, a primeira feira que se celebra en Galicia destas características e na que participarán preto de 3.000 alumnos e 18 centros, para facer máis visibles os proxectos de ciencia e tecnoloxía, a creatividade e a capacidade de innovar da comunidade escolar galega. Feijóo destacou que o obxectivo de calquera comunidade educativa é ofrecer aos alumnos a oportunidade de ser o que queiran ser “niso consiste a educación, en poder realizar o soño que temos”.
Ademais, agradeceu a presenza no evento do astronauta Pedro Duque, que estivo no transbordador Discovery e na Estación Espacial Internacional, que está hoxe “cos nenos e as nenas galegos que se están formando e que serán, sen dúbida, os líderes da Galicia de dentro de moi pouco tempo”.
Ao respecto, Feijóo recordou que durante o curso pasado, máis de 5.000 profesores se formaron en tecnoloxía e máis de 2.200 en robótica (programación en Arduino e Raspberry e impresión 3D). Máis de 5.000 rapaces tamén se forman na actualidade en robótica, programación ou identidade dixital; e 22.000 alumnos dispoñen xa dun kit de robótica, de impresión 3D e de computación maker. Feijóo destacou que “o noso compromiso é que de aquí ata o 2020 vamos a seguir avanzando no ámbito da robótica, no ámbito da programación, da identidade dixital e da impresión 3D” e dixo que “de aquí ao ano 2020 temos unha estratexia: que en Galicia todos os alumnos, todas as alumnas se poidan formar en robótica e en programación”.
Nesta liña, a Xunta está a sumar esforzos para multiplicar oportunidades, con máis plurilingüismo, con máis apoio ás necesidades educativas especiais e con máis tecnoloxía ao alcance do alumnado, a través de novos contidos para o libro dixital, ordenadores portátiles e mellor conexión á internet.
Nos vindeiros meses a Xunta seguirá comprometida co impulso das vocacións científico-tecnolóxicas na educación pública galega, con iniciativas como a organización da Semana STEM, que se desenvolverá totalmente en inglés; a creación dunha rede de centros con especial interese nestas materias; e o desenvolvemento dos Espazos Maker, onde os estudantes poidan desenvolver a súas capacidades innovadoras.
Ademais, a creación do Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía incorporará unha materia extracurricular desta área e rematará coa presentación dun traballo de investigación.
O presidente da Xunta concluíu poñendo en valor o traballo e o compromiso de todo o persoal educativo galego que acompañan, día a día, aos alumnos para que fagan realidade a súa vocación. “Para conseguilo necesitamos a profesores comprometidos, sen profesores non hai educación”, aseverou.
A ONCE quíxose sumar, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional do Libro, hoxe 23 de abril, coa celebración de diferentes actividades por todo o territorio estatal, para dar a coñecer o seu compromiso por facilitar o acceso das persoas cegas e con discapacidade visual grave á lectura.
Así, na actualidade, a Biblioteca Dixital ONCE (BDO) conta cun fondo documental de 52.959 títulos, dos cales 30.910 están dispoñibles en formato de audio dixital accesible (Daisy) e 24.698 en formato TLO de Braille.
En 2017, os títulos máis solicitados foron "Patria", de Fernando Aramburu, con 3.038 descargas; "Todo esto che darei", de Dolores Redondo, con 2.814; e "Os herdeiros da terra", de Ildefonso Falcones, con 2.310 descargas. En total, ao longo do pasado ano contabilizáronse un total de 298.248 descargas, a través da BDO, da que se benefician actualmente 8.703 usuarios cegos. A eles hai que sumar, aqueloutros lectores que acceden ás obras a través do servizo de atención a usuarios (teléfono, correo electrónico ou presencial), cos que a cifra alcanza as 11.117 persoas.
O centro responsable de coordinar todo o proceso de produción e posta a disposición dos usuarios do fondo documental é o Servizo Bibliográfico da ONCE (SBO), que conta con dúas sedes, unha en Madrid e outra en Barcelona , entre as que se recibe máis do 60% de solicitudes de adaptación bibliográfica. Durante 2017, o SBO produciu un total de 3.542 obras novas, delas 1.901 en braille e 1.641 en son. Ás que hai que sumar outro tipo de documentos de produción rápida (apuntamentos, exames, documentos breves, etc.) que non se soben á BDO, así como todo tipo de material en relevo.
Día Internacional do Libro
Como cada ano, a ONCE conmemora o Día Internacional do Libro coa organización de numerosas actividades por toda España. Unha boa parte delas, congréganse en torno ao SBO, como peza clave no acceso á lectura das persoas cegas.
En Barcelona, con motivo da celebración do Día do Libro e da Rosa, un ano máis, a Delegación Territorial da ONCE estará presente cun "caseta" no Paseo da Rambla, onde expoñerá libros en braille e soporte sonoro, e materiais en relevo.
Noutros puntos de España, a Organización tamén participa en diferentes Feiras que se celebran con motivo deste día.
En Madrid, a sede do SBO celebra unha xornada de portas abertas, nas que, durante a mañá, 45 persoas poderán facer visitas guiadas, onde coñecerán o proceso de produción dos libros en braille e en soporte sonoro, e de diversos materiais en relevo; e outras 15 poderán asistir a unha clase de introdución ao braille. Pola tarde, terá lugar unha mesa redonda sobre os modos de lectura das persoas con discapacidade visual, "O mundo ao alcance das mans e o oído". A Delegación Territorial de Madrid acolle, un ano máis, hoxe día 23, a celebración do Maratón "A poesía únenos", na súa xa sexta edición. Unha cita que, ao longo de doce horas ininterrompidas, desde as 11.00 ata as 23.00 horas, a ONCE aúna diferentes formas de expresión artística: literatura, música e teatro.
Outro exemplo é a Semana Cultural programada polo CRE da ONCE en Madrid para os seus alumnos, nas que se realizarán, entre o 23 e o 27 de abril, visitas ao CIDAT e ao Museo Tiflolóxico, actividades de Scape Room e "minicheff", un concurso de microrrelatos e un festival de primavera, con actuacións dos alumnos.
Ademais, hoxe día 23, varios membros do Club Braille de Madrid participarán na lectura do Quixote que se celebra durante todo o día na sede do Instituto Cervantes en Madrid. En definitiva, unha ampla oferta cultural e literaria coa que a ONCE pon de manifesto a importancia da lectura para as persoas cegas e trata de mostrar as accións que se desenvolven para facilitarlles o acceso á mesma.
Este xoves comezou Give & Gain 2018, a VIII Semana Internacional do Voluntariado Corporativo -do 19 ao 29 de abril-, que organiza Forética en España e que conta co apoio de numerosas empresas, entidades sociais e institucións. A inauguración realizouse na sede de IBM en Madrid.
Nesta edición, o Give & Gain céntrase en xerar o maior impacto posible na mellora das condicións de vida das comunidades máis vulnerables e na súa inclusión social e laboral. Para iso, elaborouse un calendario completo de actividades: Á túa maneira e A medida.
O director Xeral de Forética, Germán Granda, destacou que "este movemento global levado a cabo de forma simultánea en países dos cinco continentes demostra como un voluntariado corporativo estratéxico, ben xestionado, aliñado coa actividade, os valores e o posicionamento da empresa, causa un impacto moi positivo desde a perspectiva de factor humano en empregados, empresas, ONG e beneficiarios".
Belén Perales, directora de RSC de IBM, explicou como se desenvolve o voluntariado corporativo na compañía, o cal abarca a máis de 3.000 persoas -empregados actuais e xubilados- en 60 países. "O voluntariado corporativo ten beneficios para o empregado, a comunidade receptora e a empresa. Cambia a vida das persoas", sinalou.
Os datos de impacto preliminares da Semana Internacional mostran un incremento en número de voluntarios, beneficiarios, empresas e Ong respecto da anterior edición, como explicou o coordinador da iniciativa desde Forética, Ricardo Trujillo.
Máis de 70 empresas de diferentes sectores económicos (enerxético, restauración, hostalería, alimentación, banca, tecnoloxías, institucións públicas, entre outros) en colaboración con máis de 90 Ong van realizar diferentes accións de voluntariado corporativo nas que participarán máis de 1.600 voluntarios en proxectos sociais, ambientais, deportivos, culturais ou formativos, beneficiando a máis de 10.000 persoas.
O acto tamén contou coa participación de José Miguel Machimbarrena, subdirector Xeral Adxunto de ONG e Voluntariado do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (MSSI), quen abordou os aspectos máis relevantes desde o punto de vista empresarial do Proxecto de Regulamento da Lei do Voluntariado, anunciando próximas reformas na actual Lei de Voluntariado de 2015.
Baixo o título "O factor humano do voluntariado corporativo e o seu impacto", tivo lugar unha mesa de diálogo na que se analizaron as tendencias máis destacadas no ámbito do voluntariado corporativo, co foco de conseguir iniciativas de alto impacto en canto ao factor humano para os diferentes actores que entran en xogo: empresas, Ong, voluntarios e beneficiarios. Neste punto compartiron as súas impresións e experiencias Marisol García, directora xeral da Fundación Hazloposible; Lucía Velasco, directora de Innovación Social, Estudos e Participación na Fundación Tomiño; Susana Gato, responsable de RSC de Atresmedia; e Rosario Ortiz, fundadora de ADALAB.
Dos relatorios, como boas prácticas innovadoras, cabe destacar o programa 'Ideas con valor' da Fundación Hazloposible, que expón ese voluntariado na alta dirección, unindo a distintos perfís nun espazo de networking e contribuíndo a aumentar a conciencia social dentro das empresas. Así, quen ten o poder da toma de decisións poden entender mellor os problemas sociais e redefinir a súa estratexia de RSC.
Finalmente, Germán Granda clausurou o acto afirmando: "Aproveitemos todos o potencial de comunicación que temos para divulgar os valores do voluntariado corporativo e traballemos por marcar a diferenza".
Esta iniciativa de referencia a nivel internacional no ámbito do voluntariado corporativo e da acción solidaria dos empregados conta coa Fundación Hazloposible como partner estratéxico, o patrocinio de IBM e Johnson & Johnson e Janssen, o apoio institucional do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o Cabildo de Tenerife, a Comunidad de Madrid e a Xunta de Galicia e a participación do Grupo ATRESMEDIA como media partner. O Club Asturiano de Calidade, a Confederación de Empresarios de Andalucía, Eticentre, Fundación Corresponsables, Respon.cat e Voluntare son colaboradores da iniciativa.
Nas súas sete edicións en España, participaron máis de 8.900 voluntarios de 326 empresas con máis de 488 organizacións, en actividades que beneficiaron a máis de 63.000 persoas.
A secretaria xeral da Fundación ONCE, Teresa Palahí, asegurou este mércores que non hai dúbida de que a robótica "é unha das tecnoloxías crave para a inclusión social", que é, á súa vez, un dos principais obxectivos polos que traballa esta entidade.
Palahí fixo estas consideracións no acto de inauguración de Global Robot Expo 2018, a feira internacional de robótica, tecnoloxías afíns e innovación, que tivo lugar en Madrid ata este venres, 20 de abril.
A secretaria xeral da Fundación ONCE compartiu mesa inaugural con Enric Forner, CEO de GR-EX, e con Luís Cueto, coordinador xeral da Alcaldía de Madrid, quen percorreu tamén, tras o acto de apertura, as diferentes casetas expostas na feira.
Na súa intervención, Palahí asegurou que a Fundación ONCE sabe "de primeira man" que a robótica figura entre as tecnoloxías que máis avances experimentou nos últimos anos. "Anualmente levamos a cabo un estudo de vixilancia en tecnoloxía accesible que nos permitiu constatar que os robots non só son cada vez máis intelixentes senón que están a adquirir capacidades moi innovadoras e beneficiosas para todas as persoas", explicou. Desde esta perspectiva, a secretaria xeral da Fundación ONCE detallou que están a xurdir robots con capacidades afectivas, próteses de última xeración e exoesqueletos, que dotan de mobilidade a persoas con parálises ou capacidade de movemento moi limitada. "Tamén estamos a ser testemuñas", proseguiu, "de como a intelixencia artificial foi capaz de dotar a estas máquinas de sentido do tacto e de capacidade para detectar, de antemán, o momento exacto en que unha persoa diabética necesita insulina".
Por todo isto, Palahí convidou aos asistentes a visitar Global Robot Expo, onde poderán atopar robótica de rehabilitación, telepresencia, exoesqueletos e prótese robóticas, cirurxía robótica e tecnoloxía asistencial.
Na súa terceira edición, Global Robot Expo mostrou os avances na Industria 4.0, robótica de servizo, intelixencia artificial e tecnoloxías intelixentes, drons e aeroespacial, tecnoloxía educacional, tecnoloxía para a saúde e impresión 3D. Ademais, houbo conferencias, demos e mesas redondas en tres escenarios, nas que participaron profesionais de recoñecido prestixio.
Queremos compartir contigo esta nova oportunidade que nos brinda o aliado dixital Orange para ampliar e consolidar os teus coñecementos e habilidades dixitais para lanzar ou promocionar o teu pequeno negocio dende a túa localidade.
Trátase dun curso online gratuíto de 20 horas de duración de carácter eminentemente práctico no que poderás afondar sobre aspectos clave do teu negocio mediante vídeos explicativos e testemuños sinxelos, accesibles a través dunha plataforma de teleformación. Os contidos son os seguintes:.
Se estás interesado en formar parte dunha nova comunidade virtual tes ata o 2 de maio para formalizar a túa inscrición. É importante que no campo “Seleccione un curso” marques a opción “Amtega Galicia” para acceder correctamente aos contidos do curso.
O curso finaliza o día 16 de maio e conta coa certificación EOI para que poidas acreditar a túa experiencia e coñecementos adquiridos.
Un ano máis, e xa van uns cantos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai achegar o seu apoio á celebración das mulleres tecnolóxicas prevista para o 26 de abril, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, un acontecemento sen fronteiras que se dirixe a acadar dous obxectivos ben claros: por unha banda tentar inverter a cada vez menor concorrencia das mozas nos estudos ligados ás novas tecnoloxías e, pola outra, mostrar ante o mundo o importante traballo despregado polas mulleres ao progreso científico-tecnolóxico e as súas grandes contribucións neste eido. O Día das Rapazas nas TIC terá coma sempre edición galega (o día 26) e é aí onde entra en xogo o traballo do CPEIG, que colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nas actividades de difusión e concienciación que novamente impulsará o centro na súa sede de Santiago.
Segundo lembra o colexio que preside Fernando Suárez, a devandita é “unha efeméride de ámbito internacional creada para motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren as TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”. Respecto do programa previsto, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2. Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia. O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU).
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC. Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.
Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.