No Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se conmemora o 26 de abril, o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impulsa e colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nunha xornada que se celebrará este xoves na sede do organismo en Santiago de Compostela (Avenida de Vigo s/n).
O evento de ámbito internacional foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas, co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. E en concreto esta actividade do CPEIG e o CESGA, "Día das Rapazas nas TIC 2018", diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén porá de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9% actualmente.
Memes feitos con calquera tipo de imaxe, debuxo ou fotografía para Instagram
O CPEIG e CESGA convocan o I concurso de Memes “Rapazas e Tecnoloxía, unha actividade incluída no "Día das Rapazas nas TIC 2018" que ten por obxecto provocar a reflexión sobre o papel activo das rapazas e as mulleres no mundo tecnolóxico cunha linguaxe nova e divertida. Poderán participar no concurso rapaces e rapazas nados ou residentes en Galicia de entre 10 e 18 anos.
Os participantes poderán usar calquera tipo de imaxe, debuxo ou fotografía orixinais, excepto as que teñan unha natureza abertamente racista, violenta, sexual ou vexatoria (a organización do concurso resérvase o dereito de retirar as imaxes que considere inadecuadas). O meme deberá ser feito polo participante e non terse empregado antes. Non se aceptarán traducións ou plaxios doutros memes, ou fotos protexidas por dereitos de autor. Cada participante poderá participar cun máximo de tres creacións.
Haberá dous modos de participación, ben a través dunha publicación na súa conta de Instagram, acompañada do hastag #RapazasNasTIC, ou subir o meme á páxina http://www.ictgogirls.eu/gl/dia-de-las-chicas-en-las-tic/concurso/ indicando o nome e dirección de correo de contacto. Os memes enviados á páxina do concurso aparecerán publicados na conta de Instagram https://www.instagram.com/elearningcesga.gal/, e na web do concurso aparecerá unha galería interactiva con todas as imaxes que participan no concurso.
O certame comezará o día 26 de abril e o prazo para presentar os memes rematará o 17 de maio ás 24:00 horas. O xurado estará composto por cinco persoas, organizadoras do evento “Día das Rapazas nas TIC 2018” e pertencentes ou nomeadas polo CPEIG e CESGA. O resultado será anunciado o día 18 de maio, a través da propia páxina do concurso, e mediante a conta de Instagram: https://www.instagram.com/elearningcesga.gal/. Haberá un primeiro premio, consistente nun kit de robótica, e tres accésit que recibirán unha cunca conmemorativa do “Día das Rapazas nas TIC 2018”. As bases do concurso están publicadas en http://www.ictgogirls.eu/gl/dia-de-las-chicas-en-las-tic/concurso/.
Coloquio virtual entre mulleres emprendedoras do ámbito das TIC e estudantes de Secundaria
A xornada comezará pola mañá, de 11:00 a 12:30 horas. Contará cun coloquio virtual onde varias mulleres emprendedoras galegas –investigadoras e tecnólogas no eido das TIC– atenderán, desde as salas do CESGA, calquera pregunta que formulen por streaming os estudantes, desde os seus centros de Secundaria e Primaria, sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital.
As convidadas deste ano son: María José Durán (Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes); Ana Cidre (Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular); Susana Rey (Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R); Cecilia Grela (Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i –entre outros, o ICT-Go-Girls!–, así como formadora en TIC).
Pola tarde, o CPEIG organizará unha master class sobre o videoxogo Minecraft EDU, unha plataforma de aprendizaxe que permite mediante a construción de proxectos colaborativos o desenvolvemento de diversas habilidades nunha contorna orixina, motivante e activa. Cunha instrución previa, os nenos e nenas participantes aprenderán a escribir código e programar na ferramenta educativa cuns exercicios de media hora de duración.
O CPEIG e CESGA son impulsores do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Educación Secundaria a través das TIC). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
O programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ concedeu hoxe 35.000 euros aos mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2017. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da segunda edición do programa, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, nunha xornada na que participado o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde; a directora da Amtega, Mar Pereira; o director de Administracións Públicas de Vodafone, Carlos Becker; e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.
‘Connecting for Good Galicia’ é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores.
Os seis proxectos participantes da súa segunda edición foron 3DAcoustic, it!, Formadox, Mediación Móbil, Sense(z) e Tapper. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través de GAIN, concedeu unha axuda de 25.000 euros ao mellor proxecto da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido it!, é unha empresa de creación e fabricación 4.0 que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade” ao dous proxectos, Sense(z) e 3D Acustic, con 5.000 euros a cada un por ser os que mellor incorporaron os Principios de Accesibilidade Universal.
Sense(z) é un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Pola súa banda 3DAcoustic proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto axustado a cada persoa.
Todos os proxectos participantes recibiron o diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring que se impartiu no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
No acto celebrado esta mañá, anunciouse tamén a apertura da III Edición do Programa, ao que se poden presentar as candidaturas desde o 7 de maio ata o 31 de xullo. Máis información en: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia.
Hoxe, perante a presenza de múltiples representantes das nosas TIC máis solidarias, celebrouse na Cidade da Cultura o acto de clausura da segunda convocatoria do programa Vodafone Connecting for Good Galicia. A cita foi na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e no seu transcurso colleu novos azos (con vistas a vindeiras edicións) o principal obxectivo do programa: impulsar novas ferramentas e servizos para dar reposta ao meirande número de demandas das nosas entidades sociais e dos colectivos en risco de exclusión social ou tecnolóxica; ao tempo que se enriquecen os ámbitos da saúde, o benestar ou o envellecemento saudable. De todo isto tratan, precisamente, a media ducia de proxectos empresariais impulsados na segunda edición de Vodafone Connecting for Good Galicia.
Na cita participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, quen aseguraron que os seis proxectos que participaron na convocatoria 2017-2018 son “o exemplo de como a innovación ponse ao servizo das persoas para mellorar o seu benestar e calidade de vida con iniciativas que dan resposta a retos sociais relacionados coa saúde, o envellecemento activo e a modernización de sectores con tecnoloxías facilitadoras”.
O conselleiro enmarcou esta iniciativa no mapa de aceleradoras galegas que están posibilitando o desenvolvemento de 600 proxectos cun investimento que supera os 18 millóns de euros.
Como lembraremos, Connecting for Good Galicia vén da man da Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A finalidade do programa é “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC, en Galicia”.
Os seis proxectos devanditos participantes están orientados a buscar solucións tecnolóxicas a cuestións vencellladas á accesibilidade, á creación e fabricación 4.0, á formación interactiva, á mediación social, á tecnoloxía biométrica e á contribución ambiental.
Son os seguintes:
Xuventude do Concello de Vilagarcía vén de pór en marcha a segunda edición de APPtualízate, un obradoiro sobre as máis novas e innovadoras tecnoloxías dixitais no que se poderán formar 20 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.
Segundo informa o Concello, trátase dunha nova acción de formación non regrada concibida para mellorar as competencias laborais e a empregabilidade do alumnado. O curso consta de 25 horas lectivas que se impartirán do 2 ao 10 de maio na aula CeMIT do Centro de Formación Permanente de Matosinhos. A participación é de balde, e o prazo de inscrición (que se pode facer en liña a través de Google Docs) remata o 26 de abril.
A organización do obradoiro engade que este está deseñado como un curso introdutorio na temática das novas tecnoloxías e no manexo de ferramentas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Os contidos específicos a abordar abranguen o eido de posta en marcha dunha iniciativa empresarial, as aplicacións móbiles, a programación, a robótica ou o GPS.
A Concellería de Xuventude programa por segundo ano consecutivo esta actividade formativa que terá continuidade no mes de xullo co campamento tecnolóxico de Verán. Ambas iniciativas están integradas no mesmo programa, contan con financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra a través do plan Concellos 2018 e serán impartidos pola Asociación O Núcleo.
A Deputación da Coruña vai apoiar a dixitalización e modernización das entidades e comunidades económicas da provincia, poñendo o foco nas ligadas aos sectores que constitúen a base do tecido económico: os sectores do agro e o mar. En total, destinaranse 1,7 millóns a apoiar ás asociacións agrarias e labregas e ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica. Ao abeiro desta liña de subvencións e investimentos inclúense actividades de asesoramento e formación innovadora ou de fomento do emprego de novas tecnoloxías da información (compra de material e programas, implantación de Internet e aplicacións, etc).
As axudas, cuxo prazo para solicitalas remata o 21 de maio ás 14.00 horas, pediranse de forma telémática a través da plataforma Subtel. As liñas abertas suman un orzamento de 1.250.000 euros, aos que cómpre engadir outros 482.000 que a Deputación destina en 2018 para apoiar ás confrarías de pescadores. O deputado responsable da área de Promoción Económica José Luís García, puxo de relevo a relevancia destas axudas por ir destinadas a apoiar á xente do mar e do campo “nunha provincia como a da Coruña, na que o sector primario é fundamental para o desenvolvemento da nosa economía”. O obxectivo, engadiu, é que estes incentivos “contribuirán a manter a actividade das entidades e a modernizar as súas infraestruturas, facéndoas máis competitivas”.
400.000 euros para apoiar a entidades agrarias
A área de Promoción Económica da Deputación da Coruña destina en 2018 un orzamento de 403.000 euros para apoiar ás entidades agrarias, labregas e forestais da provincia nas súas actividades e investimentos con dúas liñas de subvencións que contan con orzamentos de 285.000 € e 118.000 €, respectivamente.
Entre as actividades e investimentos susceptibles de ser subvencionadas pola Deputación, as bases inclúen as accións tendentes á recuperación e posta en valor dos produtos agrogandeiros locais, o asesoramento e formación para a realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica ou mellora da calidade xenética, o fomento do uso das novas tecnoloxías e as enerxías renovables, ou os proxectos orientados ao aproveitamento forestal e á prevención de incendios.
Poderanse co-financiar actividades como construción de peches, acondicionamento de locais, adquisición de equipos e programas informáticos, accións de repoboación forestal, campañas de desbroce, implantación de novos cultivos ou proxectos de modernización de instalacións agropecuarias.
850.000 euros para a promoción económica da provincia
A segunda liña de axudas convocadas hoxe están destinadas ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica e contan cun orzamento global de 850.000 euros, dos que 500.000 € destinaranse a investimentos e 350.000 € a actividades. O obxectivo é financiar accións tendentes ao desenvolvemento económico, o fomento do emprego, o apoio ao comercio e á hostalaría entre as que se contan a organización de eventos, actividades de dinamización e apoio do comercio local, etc.
No apartado de investimentos, as axudas estarán orientadas á reforma e mellora dos locais sociais da entidades, a implantación de Internet no rural, a adquisición de material informático e a outros equipamentos tecnolóxicos como os TPV para á adaptación ás obrigas de facturación, a mellora das instalacións eléctricas ou a creación e desenvolvemento de páxinas web e aplicacións para móbiles.
Preto de medio millón para as confrarías coruñesas
A Deputación destina tamén este ano 482.000 euros a apoiar ás confrarías de pescadores coruñesas mediante dúas liñas de subvencións que financian actividades e investimentos. As bases especifican que no apartado de actividades, os pósitos poden optar a axudas para a contratación de persoal, a adquisición de sementes de moluscos, o aluguer de maquinaria ou equipamentos precisos para o desenvolvemento das actividades de lonxas ou confrarías.
Na liña de investimentos, as confrarías e agrupacións de mariscadoras coruñesas poden optar a axudas provinciais para o equipamento e explotación do frío industrial en lonxas, a aplicación de novas técnicas que modernicen o proceso produtivo e a comercialización de produtos do mar, a modernización do equipamento das oficinas ou a adquisición de vehículos para mellorar a comercialización ou a vixilancia.
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés puxo en marcha onte un novo servizo de préstamo en sala de tabletas, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro. Esta nova opción estará a disposición de todos os usuarios e usuarias e permite ampliar os servizos de dispositivos electrónicos, como ordenadores, portátiles e lectores de libros electrónicos, dos que dispón este centro. Desta forma ofrécese unha nova forma de lectura, de acceder á información adaptada ás necesidades de cada usuario. As condicións do citado préstamo serán as mesmas que as dos ordenadores portátiles.
Os datos de balance do ano pasado desta biblioteca pública xestionada pola Consellería de Cultura e Educación, un referente na cidade da Coruña, apuntan a realización de 140.000 préstamos de libros, revistas, cómics, discos, series televisivas e videoxogos. En 2017 o centro coruñés rexistrou preto de 230.000 usuarios, o que supón unha media diaria duns 80 usuarios.
No ano 2017, a biblioteca Miguel González Garcés rexistrou preto de 22.600 participantes nas 246 actividades organizadas por propia iniciativa, ás que hai que sumar outras 186 actividades non organizadas pola biblioteca, pero que se levaron a cabo nas súas instalacións. Os usuarios con carné de socio ou socia da biblioteca en 2017 ascenden a 40.332, o que supón un incremento do 3% sobre os socios do ano anterior. A gran maioría viven na cidade, aproximadamente o 85%, mentres que o resto de usuarios son persoas que se achegan de concellos da área metropolitana.
Entre as actividades máis destacadas atópanse as sesións para formación de usuarios, os cinco clubs de lectura que manteñen activos, as mostras, exposicións e guías de lectura, os cursos de alfabetización dixital e os obradoiros de linguas estranxeiras, impartidos por voluntarios culturais. Así mesmo, a biblioteca tivo unha participación destacada de dinamización e promoción na Feira do Libro da Coruña.
A intelixencia artificial e os drons serán a clave da formación para o emprego en España, segundo unha análise da compañía de formación en Tics Exes. Aseguran que, a pesar de que na próxima década crearanse máis de 3 millóns de empregos relacionados coa dixitalización e a innovación tecnolóxica, con perfís profesionais con competencias dixitais, só o 7% dos estudantes españois está a cursar estudos científico-tecnolóxicos.
España, Italia e Polonia son os países europeos que maior desaxuste mostran. "Se o noso país non é capaz de cubrir eses postos con perfil STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics) o mercado laboral absorberá outras nacionalidades, seguramente europeas, e perderemos competitividade", explica José Antonio Álvarez, CEO de EXES.
Un estudo realizado por Randstad encamíñase na mesma liña xa que detecta un déficit de profesionais con determinadas habilidades, como son perfís especializados en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, que as empresas van demandar, pero que non van poder cubrir completamente ante a falta de candidatos.
"Debemos formar aos profesionais non só no período anterior a incorporarse á vida laboral senón durante toda a súa traxectoria, adaptando a nosa oferta ás necesidades que irán xurdindo. A tecnoloxía evoluciona exponencialmente e a formación continuada será clave para o éxito", considera Álvarez. Neste sentido, entende que é necesario ofrecer formación especializada con programas de máster ou cursos, senón tamén completar a formación con programas online ou semipresenciais.
"A aprendizaxe continua convértese non xa nunha obrigación, senón nunha necesidade laboral, a risco de quedar fose do mercado. Ademais, debe ser unha formación o máis próxima ao desempeño real da súa actividade e permitir ao alumno actualizarse e aprender de forma autónoma e continua", afirma José Antonio Álvarez.
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela iniciará o vindeiro 14 de maio un nova edición do curso de formación troncal do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), que se impartirá nas aulas da entidade ata o 1 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O curso ofrecerá orientación en temas de empregabilidade, información referente a habilidades sociais e técnicas de comunicación e competencias dixitais para a busca de emprego, onde os participantes coñecerán o manexo das redes sociais e a creación de perfís profesionais en Linkedin ou outras plataformas. Será un curso práctico, baseado en dinámicas de grupo e con simulación de entrevistas de traballo. A inscrición estará aberta ata o luns 7 de maio nas nas oficinas centrais da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo 44, baixo).
Esta formación troncal forma parte do plan de capacitación do programa gratuíto PICE, unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo. Está destinada a perseguir a empregabilidade de mozos e mozas menores de 30 anos, que nin están estudando nin traballando actualmente.
Na primeira edición da formación troncal, que se celebrou este mes de abril, os alumnos manifestaron nas enquisas de satisfacción estar moi satisfeitos co curso, ao que cualificaron como “imprescindible” para a formación orientada ao inicio da vida laboral, con contidos moi proveitosos e unha docente “moi apta” para desenvolver o curso.
A plataforma de préstamo de libros e revistas en formato electrónico GaliciaLe incorpora agora un catálogo audiovisual á súa oferta cunha proposta de 77 filmes, entre os que se poden atopar documentais, películas de animación e longametraxes de ficción. Comeza, deste xeito, unha nova etapa deste servizo bibliotecario da Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que tamén conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do catálogo eBiblio.
Desde que o programa GaliciaLe se puxo en marcha, en outubro de 2014, o número de usuarios incrementouse cada ano ata os 3.236 cos que pechou 2017. O número de préstamos para ese mesmo ano foi de 16.937. Actualmente, o número de títulos da plataforma é de 1.768, dos que 1.609 son libros electrónicos, 77 corresponden a filmes, 31 son revistas, 50 son audiolibros e hai tamén un libro interactivo.
Entre as películas que pasan a estar dispoñibles na plataforma GaliciaLe atópase un amplo abano de posibilidades, desde De profundis a Sicixia ou A Esmorga, pasando por Mimosas, Todos vós sodes capitáns, Un bosque de música, A cicatriz branca, O club da calceta ou De bares, ata obras como Celso Emilio Ferreiro. O poeta da vida ou Aquel neno chamado Xosé Neira Vilas.
A nova andaina de GaliciaLe foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola directora da Amtega, Mar Pereira, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coincidindo co Día do Libro. No acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, a directora da Amtega sinalou que “hai catro anos falabamos de GaliciaLe como unha peza máis da estratexia da Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso á nosa cultura na rede e naquel momento avanzabamos un novo sistema de xestión de bibliotecas”. Mar Pereira destacou que hoxe “ese sistema é unha realidade á que se están sumando as bibliotecas públicas municipais e axencias de lectura e que permite que os usuarios accedan cun carné único a todos os servizos das bibliotecas públicas integradas e á plataforma GaliciaLe”.
Mentres, Anxo Lorenzo afirmou que “GaliciaLe pretende facer accesible a cultura en calquera momento e lugar e complementar, deste xeito, a oferta de obras en formato físico das bibliotecas públicas galegas”. Para o secretario xeral, os datos presentados “confirman que este é un servizo que se está a consolidar entre os usuarios das bibliotecas, tanto polo número de préstamos como polo de persoas que fan uso del”. Finalmente, sinalou que GaliciaLe é “un proxecto vivo, que vai adaptándose ás necesidades do público, ao incorporar aos libros electrónicos outros formatos como as películas e as revistas”.
Na rolda de prensa tamén interviron a xerenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Uxía Caride; e o vogal da Asociación Galega de Editoras Xulio Amigo. Tamén asistiron á rolda de prensa a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e a directora da Área de Modernización das Administracións Públicas, María José García Sexto.
Nos últimos seis meses tamén se incorporaron á colección de GaliciaLe un total de 95 títulos de libros electrónicos en galego, como Rosa tántrica, de Luz Pozo Garza; A burra Ramona, de Paula Carballeira; Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz; As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez; Illa soidade, de An Alfaya; Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville; ou Fume, de Antón Fortes.
A Consellería de Cultura e Educación adquiriulles as obras do catálogo galego a nove editoriais galegas (Alvarellos Editora, Baía Edicións, Ediciones del Viento, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Laiovento, Netbiblo e OQO editora), que se completan con obras cedidas mediante convenio polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Nas vindeiras semanas a oferta completarase con outros 44 títulos de títulos electrónicos e tamén revistas en galego.
A estas editoriais engádense agora, coa incorporación do catálogo audiovisual, 24 produtoras galegas: Abano, Agallas, Arraianos, Adivina Producciones, Amanita, Alicia Veira Ramos, Ces Media, Cinebinario, Ficción Producciones, Film Arante, Frida Films, Madeleine Producciones, Marcos Nine Búa, Matriuska, Miolos Filmes, Nós Produtora Galega, Noveolas Producciones, Numax, Pórtico, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea, Xamalú Filmes e mais Zeitun Films.
A Secretaría Xeral de Cultura lanza tamén, con motivo do Día do Libro, unha campaña de difusión da plataforma GaliciaLe. Distribuíronse nas bibliotecas da rede marcadores para os andeis que conteñan obras que tamén estean en formato dixital na plataforma, xunto con cartelería –o novo cartel está deseñado por Federico Fernández, Premio Nacional de Ilustración 2001– e marcapáxinas para nenos e adultos. Fíxose, así mesmo, un vídeo de promoción do servizo que está accesible en www.cultural.gal, nas redes sociais e na canle de Youtube (https://www.youtube.com/watch?v=uEy1tIH36PI&feature=youtu.be) do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, no que participan a actriz María Mera, o catedrático de Física Jorge Mira, o escritor e editor Francisco Castro, o booktouber Sebas García Mouret e a cantante de Mamá Cabra, Gloria Roel.
Para ser usuario ou usuaria de GaliciaLe cómpre ter o carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e as claves de acceso a GaliciaLe, así como dispor dun dispositivo compatible (tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil etc.). Para rexistrar cómpre acceder á páxina web www.galiciale.gal.
O 2 de maio de 2018 celébrase a xornada de presentación e lanzamento do Plan DICO Mindset, un plan para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, orientado a reforzar o capital humano, desenvolver proxectos tractores e fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia.