main content

main content
03/05/201811:05
Un mozo en cadeira de rodas utiliza unha tableta nunha biblioteca.
Santiago de Compostela

A verdadeira fenda dixital: o 70% das persoas con discapacidade non usa Internet

O 71% das persoas con discapacidade non utiliza Internet. Unha cifra desoladora e difícil de asimilar, pero que debe facer reaccionar a toda a sociedade. É necesario corrixir canto antes esta situación, para evitar que esta verdadeira fenda dixital acabe illando a millóns de persoas que xa afrontan cada día multitude de obstáculos.

No conxunto da poboación, segundo os últimos datos do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, só o 18% das persoas non utiliza Internet, unha cifra que se multiplica por catro no caso das persoas con discapacidade.

A situación é similar entre os distintos tipos de discapacidade, situándose no 80,3% no caso da cognitiva, preto do 70% na física, no 67% na auditiva e no 61,3% na visual.

Si que hai diferenzas por idades, alcanzando o seu pico máis alto entre as persoas maiores, das que case o 90% non usa Internet, mentres que entre os mozos menores de 45 anos a porcentaxe é do 31,1%.

En canto ás razóns polas que non acceder á Rede, a maioría sinala que é algo moi avanzado e complexo, mentres que o 15% apunta a que non é accesible á súa discapacidade. Tamén hai unha cifra significativa, case o 10%, de persoas que non utiliza Internet por medo a que lle poidan enganar.

Pola súa banda, as cuestións relacionadas co prezo do acceso a Internet son minoritarias, representando o algo menos do 8%.

Respecto dos que si utilizan Internet, a maioría úsao para buscar información (92,5%), correo electrónico (case 85%), redes sociais (70,8%) e ler a prensa ou ver vídeos (70,4%).

Estes datos, que proceden do Informe Olivenza 2017 elaborado polo Observatorio Estatal da Discapacidade en colaboración coa Fundación Vodafone, mostran ademais que os que si utilizan Internet son conscientes dos beneficios que lles ofrece.

Case o 30% afirma que a Rede lle facilita o acceso a información e unha porcentaxe similar destaca que o mantén conectado ao mundo. Tamén son moitos os que subliñan que Internet lles facilita a comunicación e a integración social.

É dicir, que os que están conectados ven beneficios claros no seu uso. Por iso é polo que é fundamental empezar a reducir esa brecha que mantén ao 70% das persoas con discapacidade afastada de Internet.

02/05/201814:05
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza o Plan Dico Mindset para dinamizar o sector dos contidos dixitais en Galicia

  • A directora da Amtega e os presidentes dos Clústers TIC e do Audiovisual presentaron hoxe o Plan aos axentes do sector
  • Unha das iniciativas será a integración de tendencias interactivas ás emisións da televisión pública autonómica para adaptarse aos novos hábitos de consumo
  • Amtega e CRTVG colaborarán na incorporación das segundas pantallas a través da realidade aumentada e na creación unha canle temática interactiva
  • A Xunta ten en marcha diferentes proxectos tractores neste ámbito como a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia-Norte de Portugal ou o novo espazo de produción de contidos dixitais educativos, DIxit


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os Clústers TIC e do Audiovisual de Galicia celebran hoxe a xornada de presentación do Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais aos axentes implicados. O obxectivo do Plan, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de marzo, ten o dobre obxectivo de impulsar a innovación tecnolóxica no ámbito dos contidos dixitais e desenvolver proxectos tractores para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo.

O Plan elaborouse en base a un exercicio de reflexión conxunta no que se implicou aos principais axentes do panorama dos contidos dixitais tanto do ámbito público como privado para a identificar as oportunidades que afronta este sector, que neste momento aglutina en Galicia en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

 

Proxectos Tractores

Na xornada de hoxe expuxéronse as liñas estratéxicas do Plan así como os proxectos tractores que ten en marcha a Xunta neste ámbito e que poden ser de interese de cara a novas liñas de negocio para empresas tecnolóxicas e audiovisuais.

Por unha banda, están a iniciativa Geoarpad para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia e o Norte de Portugal. Un proxecto enmarcado na Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso do patrimonio material e inmaterial galego a través da Rede.

No ámbito da educación, a Xunta ten en marcha a entrada en funcionamento dun novo espazo de contidos educativos baseados en tecnoloxías innovadoras, DIxit. Esta iniciativa forma parte de Abalar,  o proxecto de transformación dixital da educación que a  Xunta vén evolucionando desde 2010.

Ademais, estase a impulsar a creación de produtos ou servizos innovadores con base nos contidos dixitais en áreas de interese xeral como o turismo.

 

Colaboración coa CRTVG

Unha das liñas de actuación do Plan é da colaboración coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:

Incorporaranse á experiencia de usuario as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade; empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear de canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia. Crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo.

Con estas iniciativas búscase dar un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.

 

Orzamento do Plan

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.

02/05/201810:05
'III Congreso Nacional de Conjupes'.
Vigo

O bo trato, a comunicación non edadista e o uso das TIC entre as persoas maiores protagonizan o 'III Congreso Nacional de Conjupes'

  • O foro, que se celebrou de novo en Vigo, reuniu a preto de 200 congresistas de toda España baixo o lema "Superando desafíos e incertezas"
 
A psicóloga, psicoxerontóloga e responsable da área de psicoloxía no Complexo Terapéutico Xerontolóxico A Veiga (Lugo), Romina Mouriz Corbelle, deixou patente en Vigo que "a humanización no trato ás persoas maiores, especialmente a aquelas con vulnerabilidade cognitiva, é un dos novos grandes retos da Atención Sociosanitaria no noso país". Nese sentido, matizou, "nos últimos tempos, os avances na asistencia dos centros residenciais foron numerosos, ambiciosos e importantes", pero, advirtitió, "En España e na nosa contorna, estes cambios están a implementarse con moito atraso e os modelos ata agora vixentes, non valen, non son sufientes, teñen importantes carencias e déficits para atender a transformada realidade actual, e as novas demandas e necesidades que xera á súa vez o novo tipo de persoa maior actual". 
 
Por iso, sinalou, "é necesario identificar e divulgar algúns destes retos nos modelos de atención actuais, así como fomentar a transferencia de boas prácticas que nos permitan optimizar os nosos esforzos profesionais e, por suposto, mellorar a vida das persoas maiores institucionalizadas.". 
 
Nese sentido, subliñou, "a comunicación pode ser un bo indicador para coñecer as actitudes dos profesionais e, o elderspeak ou fala edadista, os estereotipos negativos que acaban converténdose en prexuízos, representan unha práctica negativa máis habitual do que podemos crer nun primeiro momento" e que, "sen dúbida constitúen mal trato ás persoas maiores" e fronte aos cales Mouriz aposta por que as persoas maiores "tomen as súas propias decisións, é dicir, desenvolver a súa autonomía, instaurar e desenvolver os novos modelos de atención persoal e estender estes principios a nivel profesional e social, especialmente recoñecer a heteroxeneidade do colectivo senior", por que, dixo, "as persoas maiores non son todas iguais, teñen a súa propia idiosincracia". 
 
Estas foron parte das conclusións do relatorio "O bo trato e comunicación coas persoas maiores e o Elderspeak" que Mouriz expuxo no III Congreso Nacional da Confederación de Xubilados, Xubiladas e Pensionistas (Conjupes) que se celebrou en Vigo este 27 de abril baixo o lema "Superando desafíos e incertezas". Un encontro que reuniu a preto de 200 congresistas de toda España co obxectivo de analizar o envellecemento poboacional da sociedade actual e as ferramentas que os equipos profesionais e de atención sociosanitaria teñen ao seu alcance para abordalo de forma positiva. 
 
No mesmo sentido manifestouse o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) Miguel Ángel Vázquez Vázquez referíndose a que os estereotipos negativos ou edadismos cara ás persoas maiores ofrecen unha imaxe moi distorsionada deste grupo que deriva na eliminación dos seus dereitos, na xustificación e recurrencia a malas prácticas e mesmo malos tratos na súa atención. 
 
Estes edadismos, argumentou, vértense ademais na comunicación cos adultos maiores simplificando e facendo superficial o diálogo, recorrendo a un ton emocional degradante, condescendiente, aclarando o que se di coma se o interlocutor non entendese o que se fala, estivese a aprender a falar coma se tratásese dun neno pequeno. 
 
O "fala para vellos" non só representa unha linguaxe paternalista, terminou expresando o xeriatra, "senón tamén un estilo de expresión que ten un ritmo máis lento, unha entoación esaxerada, un ton elevado e o vocabulario máis simple que o que se utiliza cun adulto nun discurso normal como recorrer a un xenérico "avó", cando non é o caso, ou para designar a todo o sector poboacional de maiores, falar de que mozo estás ou que ben te conservas, etcétera". 
 
Inauguración
A inauguración correu a cargo do presidente de Conjupes, Vicente Sanz Fernández que destacou os tres ámbitos nos que a entidade quixo centrar este novo encontro: "a preocupación polo mantemento do poder adquisitivo e a viabilidade das pensións, tema preocupante, moi actual e centro de moitos dos nosos debates; o bo trato nas persoas maiores, tanto desde o punto de vista de desterrar o seu aspecto negativo recolleitos no último informe do Imserso de 2016 e a falta de recoñecemento deste fenómeno como un problema social, como a potenciación do bo trato; e o manexo das novas tecnoloxías e o acceso a elas por parte das persoas maiores". 
 
Despois, a doutora en Psicoloxía do Envellecemento Activo da Universidade de Santiago (USC) e Investigadora da Fundación Matia, Sara Marsillas expuxo no seu relatorio "As novas tecnoloxías e as persoas maiores" que "a fenda dixital entre as persoas maiores e o resto da sociedade no seu acceso ás novas tecnoloxías da informacion e a comunicación TIC, xa non o é tanto, o factor idade empeza a non ter tanta importancia", indicou, "con cada xeración que se incorpora a esta etapa da vida vaise estreitando esta fenda dixital". 
 
Con todo, subliñou, "existen varias tendencias na actualidade, influídas polos estereotipos cara á vellez, que atrasan esa eliminación da fenda dixital". Entre elas, "crer que as persoas maiores non se interesan pola tecnoloxía e que terán dificultades por incorporala á súa día a día" ou, pola contra e paradoxalmente, "informatizar a vida dos maiores sen xeito nin dereito". 
 
Por iso, Marsillas definiu o acceso ás TIC das xeracións de máis idade como "un dos grandes retos da sociedade actual" que, debe afrontrarse, "en primeiro lugar, individualmente, desde as propias persoas maiores e, en segundo lugar desde todo tipo de entidades privadas e públicas", porque, asegurou, acceder a estas TIC, "mellora a calidade de vida, fortalece a independencia e a autonomía, mantén un estado de vida activo e saudable e estimula a actividade mental" polo que son imprescindibles para o envellecemento activo e supoñen "unha forma diferente de que as persoas permanezan activas e integradas socialmente". 
 
Por iso, concluíu, "as novas tecnoloxías, e máis concretamente Internet, son moi relevantes para o colectivo senior, xa que poden compensar, potencialmente as perdas relacionadas coa saúde, atrasar a aparición de enfermidades e patoloxías incapacitantes, potenciar o benestar mental e social, mellorar o sentido da competencia persoal, diminuír os niveis de soidade ao aumentar a inclusión, a participación e a interacción social, incrementar o nivel de actividade e mellorar a satisfacción vital". 
 
Estratexia do Imserso
Para concluír a quenda de relatorios, a directora xeral do Imserso, Carmen Balfagón, presentou a "Estratexia Nacional de Envellecemento Activo e o bo trato ás persoas maiores" realizada polo seu departamento que, asegurou, inclúe varias demandas do colectivo de maiores, principalmente "considerar o envellecemento como unha oportunidade e non como un problema". En moitos países da Unión Europea, advertiu, "tratouse aos maiores como un colectivo para apartar, a deixar ao carón, e non se pode permitir desperdiciar toda a experiencia, sabedoría e coñecemento acumulados durante anos, que é o que representa a idade". 
 
Por iso, esta "Estratexia", defendeu, "está realizada principalmente contando coas persoas maiores, precisamente para coñecer cales son as súas necesidades, demandas e situación. Para que se lles escoite, se os atenda, para que lle respecten os dereitos que adquiriron e que se deben adaptar á situación cambiante e actualizada e, sobre todo, poñer en valor o tesouro que representa o coñecemento acumulado da xeración senior". 
 
No documento ponse de evidencia, comentou, "a necesidade de adaptarse aos cambios sociais actuais e ofrecer e entregar ás persoas maiores e con dependencia o que necesiten. Unha opinión que debe prevalecer sobre a normativa". Así, insistiu, "como maior teño que poder decidir sobre todo o que vou facer coa miña vida ata o final". E, demandou, "adaptarse aos cambios da sociedade vixente, como transformar as viaxes do Imserso ao novo tipo de lecer e maneira de ver a vida que teñen as actuais persoas maiores". 
 
Outras lineas incluídas nesta "Estratexia", concluíu a titular do Imserso, son "combater a soidade non desexada, o illamento, a falta de comprensión e entendemento cara ao maior; a potenciación do movemento asociativo e o voluntariado senior; manter as pensións e sistema de vida digna; promulgar a participación activa na sociedade a través de asociacións e mesmo partidos políticos propios, "por que non ter un grupo políticos de maiores no Congreso?" propuxo; e evitar todo tipo de discriminación, principalmente os edadismos, en concreto, dixo, "os que utilizan algúns medios de comunicación, para que prevaleza o bo trato en todas as ordes: físico, psíquico e verbal".
 
V Premio Nacional Conjupes
Finalmente, entregouse a Antonio Conde Rios, presidente da Asociación Seixo Marín, o V Premio Nacional Conjupes polo seu "labor desinteresado e altruísta na mellora da calidade de vida das persoas maiores, especialmente aquelas con dependencia e discapacidade e pola súa longa traxectoria de atención persoal e profesional ao colectivo senior". 
 
O conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rei Varela clausurou o III Congreso Nacional de Conjupes poñendo en valor "a experiencia da idade" e instou as administracións e entidades públicas a "avanzar na mellora da calidade de vida" das persoas maiores que representan, engadiu, "a contribución ao progreso e benestar". 
 
"En Galicia unha de cada catro acodes ten máis de 65 anos, temos afortunadamente moitas persoas maiores, o que non é un problema", asegurou, "senón unha oportunidade que na Xunta queremos aproveitar". Nese sentido mencionou os plans e actividades específicos que desenvolve o Executivo galego, "para a mellora da calidade de vida" deste colectivo, pois, garantiu que "a mellora da súa calidade de vida é un dos eixos prioritarios das políticas sociais en Galicia". Nesta liña de actuación enmarcou as accións do Executivo autonómico para reforzamento da atención á dependencia, en especial dos servizos de axuda a domicilio, ata conseguir que "na actualidade máis de 8 de cada 10 galegos con dependencia recoñecida reciban prestación".
02/05/201810:05
Fotograma do vídeo que mostra a Alberto tuiteando cos ollos.
Santiago de Compostela

Alberto "volveu": tuitea cos ollos e rise ata de si mesmo

Hai poucas semanas falabamos de Santi, e agora é Alberto. A tecnoloxía volveu a lograr o seu grande obxectivo grazas a Irisbond e ao carácter de Alberto Moreno, quen afirma estar de volta tras sentirse "preso" do seu propio corpo.

Alberto sufriu hai dous anos un accidente de tráfico que o deixou inmobilizado salvo os ollos, as pálpebras e os beizos, por esa razón sentiuse illado. Agora, en cambio, volve rirse de si mesmo grazas á tecnoloxía de Irisbond, que lle permite comunicarse e tuitear a través dos ollos.

Trátase da segunda fase da campaña 'Tuits a ollo' na que participan Irisbond, a Fundación Mobile World Capital e Twitter, e cuxa primeira presentación foi a historia de Santi que podes ler aquí. Agora Twitter presenta a nova aplicación Eye Twitter, baseada nesta tecnoloxía e que está dispoñible en Android en fase de probas.

"Incomunicado e condenado ao silencio, dous anos nos que vin cambiar o mundo sen poder comentar nin compartir o que penso", laméntase Alberto nun vídeo que compartiu nas súas redes sociais.

Con todo, asegura que "o peor foi non poder rirme, de nada, nin de min mesmo". Con todo, afirma que "volveu", xa que "grazas a un móbil, os meus ollos e a tecnoloxía" pode escribir e comunicarse.

E fíxoo a través dun tuit no que fai o que máis botaba de menos: rirse.

02/05/201810:05
Nenos utilizando tabletas na escola.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía que cambia a forma de educar e de aprender

A tecnoloxía está a cambiar todos os aspectos da sociedade, incluída a forma que teñen os nenos e profesores de educar e aprender, co obxectivo de espertar o interese dos alumnos e preparalos mellor para o futuro.

Unha tecnoloxía que ademais é especialmente importante para axudar a nenos en situacións máis complicadas, como poden ser aqueles con discapacidade ou con trastorno do espectro autista (TEA).

Consciente do grande beneficio que pode achegar a tecnoloxía, Samsung puxo en marcha hai uns anos o programa Smart School e este venres presentou en Madrid 30 proxectos de transformación de aulas que se levaron a cabo dentro deste programa.

Estes proxectos desenvolvéronse en centros de 16 comunidades autónomas e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, e nalgúns casos serviron para equipar aulas TEA dirixidas a alumnos con este trastorno.

Son os propios profesores os que se mostran máis entusiasmados cos beneficios que achega a tecnoloxía e en especial nestas aulas TEA. Así, destacan que grazas ao uso das tabletas de Samsung os alumnos con TEA melloran a súa atención e están máis tranquilos, cun mellor control do tempo.

Ademais, estes beneficios non son exclusivos das aulas TEA. Estes alumnos pasan a maior parte do día cos seus compañeiros en aulas xenéricas, nas que a súa atención e rendemento tamén mellorou exponencialmente.

Así nolo contaron os responsables dos centros Joaquín Costa e Clara Campoamor de Alcorcón (Madrid) e Pedro Estopiñán de Melilla, todos eles colexios de educación infantil e primaria con aulas TEA abertas e que participan en Samsung Smart School.

Os profesores destacan como os nenos están "encantados" co uso das tabletas, que lles achegan moita confianza e autonomía, polo que aseguran que o uso da tecnoloxía "é un grande avance".

O futuro da sociedade pasa pola tecnoloxía, polo que é fundamental que os máis pequenos aprendan a utilizala tanto dunha maneira produtiva como responsable, por iso é tan importante educalos no seu uso a través de programas como Samsung Smart School.

02/05/201810:05
Unha moza aprende tecnoloxía e robótica nun lab.
Santiago de Compostela

A Fundación Orange busca aulas nas que implantar novos GarageLabs

En máis dunha ocasión falámosvos das accións da Fundación Orange cos mozos en maior desvantaxe no sistema educativo para que, a través da tecnoloxía, atopen unha educación. É o caso do programa Breakers, no que os alumnos fabrican nos chamados Fab Labs todo tipo de dispositivos, moitos deles deseñados para persoas con discapacidade.

En liña con esta idea, a fundación puxo en marcha tamén os GarageLabs, nos que os alumnos de Escolas de Segunda Oportunidade ou aulas de FP Básica desenvolven proxectos tecnolóxicos para o crecemento persoal dos estudantes.

Este programa xa está activo en cinco centros, nos que os alumnos responderon cuns claros datos de mellora do absentismo e dos seus resultados académicos, e agora a entidade está a buscar novos centros nos que implantar máis GarageLabs.

Estes GarageLabs son aulas equipadas con tecnoloxías e ferramentas creativas de fabricación dixital cuxa metodoloxía fomenta tanto a transformación do proceso de ensino e aprendizaxe como o crecemento persoal dos alumnos. E non só co equipamento, senón cunha metodoloxía que busca potenciar a aprendizaxe de maneira diferente e significativa.

Como ocorre con Breakers, este proxecto está dirixido aos estudantes en maior desvantaxe dentro do sistema educativo e ten como obxectivo, a través da contorna Fab Lab e o movemento "maker", reducir a taxa de abandono escolar mellorando a motivación do alumnado, e impulsar a mellora dos seus resultados académicos.

02/05/201810:05
Portada do estudo.
Santiago de Compostela

Máis do 80% das pemes e grandes empresas optan pola banda larga móbil, que xa está presente no 69% das microempresas

  • Increméntase a velocidade de conexión nas microempresas, o 58,4% dispón de máis de 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior
  • Máis do 25,6% das empresas de 10 ou máis empregados acceden a Internet con redes de 100Mbps ou máis
  • O tecido empresarial galego supera ao conxunto do Estado no uso da Administración electrónica, da sinatura dixital e na incorporación de técnicas de Big Data
  • Máis do 85% das empresas de 10 ou máis traballadores e preto do 40% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno de seguridade

 

O 58,4% das microempresas galegas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das empresas galegas de 10 ou máis empregados, cabe salientar o aumento nas velocidades superiores aos 100 Mbps, que acadan xa unha porcentaxe do 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2017, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 198.923 empresas; 1.385 máis que o ano anterior, das que o 96,3% son microempresas - con menos de 10 traballadores.

 

Aumento da banda larga móbil e das velocidades de contratación de Internet 
A contratación de Internet está amplamente estendida nas empresas galegas, especialmente nas de máis de 10 traballadores onde acada o 98,5%. Nas microempresas, o 62,7% tamén posúen conexión a Internet contratada.

Increméntase o uso de banda larga a través de telefonía móbil. Nas empresas de máis de 10 traballadores, esta porcentaxe acada o 80,5% mentres que nas microempresas con conexión a Internet, a banda larga móbil sitúase no 69,2%.

Tamén cabe destacar que un 58,4% das microempresas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 9,1 puntos máis que no ano anterior. No caso das grandes empresas, destaca o significativo aumento nas velocidades superiores ao 100 Mbps, que acadan xa o 25,6%, 3,3 puntos máis que no ano anterior.

 

Aumenta o uso de sistemas de control e análise de datos
A porcentaxe de empresas galegas que incorpora a análise Big Data é dun 4,3% nas microempesas, triplicándose no caso de empresas de maior tamaño. Son porcentaxes reducidas pero cunha evolución positiva que sitúa as empresas galegas por riba da media do conxunto do Estado neste indicador.

A sinatura dixital é utilizada por catro de cada cinco empresas de máis de 10 traballadores e por preto da metade das microempresas con conexión a Internet. A sinatura dixital nas empresas galegas supera xa a media de España e destaca, especialmente, o incremento experimentado nas microempresas galegas (7,8 puntos no último ano).

A compra dalgún servizo de Cloud Computing nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores aumentou 4,9 puntos porcentuais, chegando a un 16,4% en empresas con sede na nosa Comunidade.

O uso de sistemas de xestión de información do cliente, CRM, está claramente influenciado polo tamaño da empresa. Nas de 0 a 9 traballadores a súa utilización é do 7,6%, mentres que nas empresas de máis de 10 traballadores, acada ao 33,2% en empresas con sede en Galicia.

 

A visibilidade na estratexia empresarial e a publicidade en Internet
Un 33,1% das microempresas con conexión a Internet está presente en redes sociais, e un 42,4% no caso das grandes empresas. A presenza en medios sociais durante o ano 2017 aumenta en 4,5 puntos porcentuais entre as microempresas galegas.

Un 8,5% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega case a triplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores con sede e/ou actividade en Galicia (un 23%).

 

Á cabeza no uso da Administración electrónica 
Máis do 96% das empresas de 10 e máis asalariados interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet. No caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 74,6%. Ámbolos tramos empresariais galegos superan a media do conxunto do estado na descarga de formularios e na presentación de impresos cumprimentados.

Con respecto ao comercio electrónico, un 20,5% das grandes empresas con sede e/ou actividade en Galicia venderon a través de Internet fronte ao 2,4% no caso das microempresas. En termos de evolución, o indicador experimenta estacionalidade respecto do ano 2016, tanto a nivel galego como no conxunto de España.

 

Política de seguridade 
A seguridade é un tema vital importancia a nivel empresarial. Así, un 85,2% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 39,6% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno que defina a súa política neste ámbito.

O gasto total das empresas galegas en produtos ou servizos TIC superou os 202 millóns de euros, se ben as diferencias entre as pequenas e as grandes empresas son novamente sobresaíntes, de xeito que o 69,5% do gasto total foi realizado polas empresas de 10 ou máis traballadores.

02/05/201808:05
Un mozo en cadeira de rodas en metade da rúa.
Santiago de Compostela

Unha nova plataforma sobre información e venda de produtos de apoio

A Federación Nacional Aspaym lanzou unha nova plataforma online que permitirá aos usuarios manterse informados sobre noticias relacionadas coa accesibilidade e produtos de apoio para persoas con discapacidade física.

Ademais, a través deste portal calquera poderá comprar e vender ou difundir produtos e servizos de apoio mediante un taboleiro de anuncios.

A páxina (accesibilidad.aspaym.org) inclúe tamén videotutoriais e testemuños de persoas con discapacidade, familiares ou asistentes persoais, así como información sobre os convenios de colaboración para os socios de Aspaym.

En resumo, unha plataforma tanto de información como de compra e venda de produtos de apoio para persoas con discapacidade física, coa garantía de que está xestionada pola Federación Nacional Aspaym.

30/04/201810:04
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

A Amtega e os Clusters TIC e do eido audiovisual presentan o 2 de maio o plan para impulsar os contidos dixitais en Galicia

  • Exporanse as liñas estratéxicas do DICO Mindset nunha xornada aberta a todos os axentes implicados, que se celebrará na Cidade da Cultura
  • O Plan busca reforzar o capital humano, desenvolver proxectos tractores e fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia
  • Unha das iniciativas será a incorporación de tendencias interactivas ás emisións da televisión pública autonómica para adaptar a súa oferta aos novos hábitos de consumo

 

A Sala Eisenman da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 2 de maio a presentación do Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais aos axentes implicados. Esta estratexia, elaborada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Clúster TIC e co Clúster Audiovisual galego busca posicionar a Galicia neste ámbito, axudando ás empresas de contidos a transformarse dixitalmente para competir.

A estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

 

Proxectos Tractores

No encontro, que será inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira e presidentes dos Clústers TIC e do Audiovisual, Antonio Rodríguez e Jorge Algora respectivamente, detallaranse as liñas estratéxicas do Plan así como os proxectos tractores que ten en marcha a Xunta neste ámbito como o espazo de creación de contidos educativos innovadores ou a iniciativa Geoarpad para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia e o norte de Portugal.

A CRTVG, cuxo director Alfonso Sánchez clausurará a xornada, dará conta da súa colaboración coa Amtega para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:

  • Incorporaranse á experiencia de usuario as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade.
  • Empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear de canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia.
  • Crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo.

Con estas iniciativas darase un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.

 

Orzamento do Plan

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.

30/04/201808:04
Celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC no CITIC.
A Coruña

O CITIC sumouse á celebración do Día das Rapazas nas TIC

Este 26 de abril celebrouse no mundo o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e nós estivemos no que foi o epicentro da conmemoración galega: a sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), onde centos de nenas e nenos da nosa terra (in situ e por videoconferencia) departiron e interactuaron con catro representantes femininas do noso sector da innovación e das novas tecnoloxías. Porén, as celebracións da nosa terra non se limitaron ás organizadas en Santiago polo Centro de Supercomputación de Galicia e o CPEIG. Na Coruña, o Centro de Investigación TIC (CITIC) sumouse á xornada un día antes, o 25 de abril, cunha actividade de divulgación dirixida ás crianzas e co obxectivo de alentar o uso das novas tecnoloxías entre as nenas.

No evento organizado polo CITIC, a rapazada gozou dun contacontos sobre biografías de mulleres relevantes no mundo do TIC, senlleiras científicas e desenvolvedoras como Ada Lovelace, a nai da programación informática; Grace Murray, que desenvolveu o primeiro compilador para unha linguaxe de programación ou Hedy Lamarr, inventora da tecnoloxía precursora do Wi-Fi, o Bluetooth e o sistema de localización por satélite GPS.

Para as/os seareiras/os da robótica, celebrouse tamén un obradoiro creativo, que foi impartido polo investigador do CITIC, Javier Pereira, e que contou con LEGO Wedo, Escornabot, Makeblock e Robot Evolution. Tamén houbo marxe para desfrutar con xogos interactivos desenvolvidos con Scratch, nos que tiveron presenza os encerados electrónicos, as lentes con sensores e máis diferentes elementos xerados co MakeyMakey, un produto de hardware aberto que dá a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto cunha placa de circuítos impresos.

Segundo informa o CITIC, a nota creativa púxoa o obradoiro de debuxo Que son para ti as TIC?, no que todas as crianzas deixaron voar a súa imaxinación e así contaron a súa relación coa tecnoloxía e a importancia que ten no seu día a día.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS