main content

main content
16/04/201809:04
Presentación dos obradoiros.
A Coruña

A Coruña lanza un programa de obradoiros para loitar contra as adicións dixitais

O Concello da Coruña quere combater os malos hábitos derivados dun uso non axeitado das novas tecnoloxías, poñendo o foco no expostas que están as novas xeracións. Por este motivo, vén de activar un programa divulgativo para a prevención de adiccións dixitais para menores e familias que ten, entre outros obxectivos, a vontade de facilitar recursos á cidadanía para que sexa quen de detectar os primeiros síntomas do devandito problema. Ese é o obxectivo dos obradoiros que comezarán o vindeiro 15 de abril e que se desenvolverán, nun primeiro treito, até o 15 de xuño en varios centros cívicos da cidade, impulsados polo departamento municipal de Xustiza Social.

Os destinatarios desta proposta son crianzas e adolescentes, de 11 anos en diante, e as súas familias, a quen se lles achegará información sobre as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, e os perigos que se derivan dun uso indiscriminado das mesmas. Os obradoiros, que se inclúen dentro do Programa de Prevención de Drogodependencias, dividirán aos participantes por franxas de idade para informar dos usos correctos e incorrectos, así como dos riscos que estes últimos poden xerar, do ámbito dixital. A asociación de loita contra a droga, ACLAD, será quen imparta estas actividades de divulgación, un total de 40 obradoiros (de 20 prazas cada un) que se prevé que cheguen a 800 persoas e nos que se falará de protección da privacidade, xestión da información ou videoxogos, ademais de ciberacoso, ciberchantaxe (sexting e outras modalidades) ou estafas de índole económica, entre outros contidos. As persoas interesadas en asistir a estes talleres deberán anotarse nos centros cívicos nos que se desenvolverán. Toda a información está na web do Concello.

19/04/2018De 09:30 a 14:00h
1 mes 1 profesión dixital
Sala Eisenman da Cidade da Cultura, Santiago de Compostela

Xornada Tecnolóxica do Cluster TIC Galilcia

O Cluster TIC Galicia, en colaboración co IGAPE, celebrará o próximo xoves, 19 de abril, unha xornada para dar a coñecer novos productos innovadores do sector tecnolóxico en Galicia.

16/04/201809:04
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O Cluster TIC Galicia celebra unha xornada tecnolóxica para presentar productos innovadores galegos

O Cluster TIC Galicia, en colaboración co IGAPE, celebrará o próximo xoves, 19 de abril, unha xornada para dar a coñecer novos productos innovadores do sector tecnolóxico en Galicia

A xornada terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, a partir das 9:30 h., coa inauguración a cargo de Antonio Rodríguez, presidente do Cluster TIC Galicia, e de Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE. 

A empresa viguesa Xesol Innovation será a encargada de abrir o encontro coa ponencia “O coche do futuro: tecnoloxía para unha nova automoción”. Esta compañía crea solucións para o sector da mobilidade intelixente e sostenible, como o software de codución autónoma Xesol Drive, que utiliza a intelixencia artificial para detectar outros vehículos, peatóns, semáforos, etc., e un novo programa no que están traballando para detectar a fatiga e as distraccións do conductor.

Tras a súa intervención, a empresa coruñesa de desenvolvemento de software Tecalis explicará os últimos avances na aplicación do blockchain ó mundo das transaccións. Esta tecnoloxía a utilizan na compañía como base dun dos seus produtos máis innovadores, a ferramenta de firma electrónica Signen, coa que garantizan unha maior seguridade, accesibilidade e rapidez á hora de asinar acordos entre varios usuarios.   

A continuación, o director do IGAPE, Juan Cividanes, moderará a rolda de presentación de productos innovadores. Nesta mesa presentaranse productos como a tecnoloxía de xeolocalización en interiores de Situm, a plataforma de gamifación Dogoplay de Cleventy, a plataforma de Business Intelligence OBSIDIAN de Ozona, creación de televisión automática de Cinfo, a plataforma cocoERP Alimentación de AVA  e a plataforma para xuntanzas virtuais e presenciais con validez legal de Councilbox.   

conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, será o ecargado de clausurar o evento. Ademáis, está prevista a asistencia de grandes clientes potenciais e investidores privados.

16/04/201808:04
Mans de adolescentes con teléfonos móbiles.
Oleiros

Oleiros acolle un obradoiro para combater nas familias a incomunicación dixital

O Concello de Oleiros quere afondar na problemática do mal uso das redes na adolescencia, un emprego inaxeitado da comunicación (por cantidade de uso e, tamén, por falta de protección á hora de acceder a determinados sitios e contactar con determinados usuarios) que está a levar (de maneira paradoxal) á incomunicación no ámbito familiar e docente. Se os días pasados o Goberno local organizou unha xornada na Fábrica para afondar nos pros e contras do espallamento das canles dixitais entre os menores, desta volta o equipo de Goberno local lanza un obradoiro (Conéctate á adolescencia 3.0) que fornece de ferramentas para salvar atrancos comunicativos coa mocidade.

Segundo informa o Concello máis en detalle, “o obxectivo é contribuír a dotar de ferramentas e recursos para mellorar as relacións nos contornos familiares; non perder a comunicación entre xeracións e seguir mantendo relacións de calidade nun mundo cada vez máis tecnolóxico no que, sorprendentemente, cada vez estamos máis comunicados pero cada vez máis illados”. Asemade, o Executivo local quere salientar a importancia que teñen as TIC e as redes sociais nas etapas máis temperás de vida, etapas nas que se forman as personalidades e os temperamentos e que teñen unha relevancia crucial para todo o que acontece nos anos vindeiros na vida das persoas. A idea, polo tanto, é axudar ás familias a preparar o terreo para que as rapazas e rapaces teñan os mellores hábitos posibles con respecto á Sociedade do Coñecemento. “A través de técnicas de adestramento educativo, de mindfulness e de educación emocional buscaremos reforzar e manter unhas relacións de calidade nas familias e que non se perda o contacto”.
A actividade será impartida por Virginia Pañeda e Sara Vierna, profesionais con ampla experiencia en todos os devanditos eidos de actividade así como no traballo con adolescentes.

O obradoiro desenvolverase en 8 sesións, de dúas horas de duración cada unha delas, os mércores, en horario de 19:00 a 21:00 h, no último andar da Casa da Cultura de Perillo. Serán un total de 15 prazas, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, dirixidas a pais e nais de menores con idades entre os 9 e os 17 anos de idade que figuren empadroados/as no Concello de Oleiros.

O proceso de inscrición será única e exclusivamente a través da web municipal, www.oleiros.gal, na pestana nun clic, dentro do apartado de catálogo de trámites, no taller Conéctate á adolescencia 3.0. O prazo vaise abrir o luns 7 de abril ás 10:00 h ata o venres 13 de abril ás 14:00 horas.

16/04/201808:04
Moza cun modelo de estrutura molecular.
Santiago de Compostela

Román Rodríguez anuncia unha gran feira Stem para poñer en valor os proxectos dos centros educativos

  • O conselleiro de Educación explica no Parlamento que o evento se celebrará os próximos días 20 e 21 en Santiago, contará cunha área de exhibición e espazos maker para alumnado e familias
  • Enmarca esta iniciativa no plan da Consellería para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego, sendo “a estratexia máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa”
  • Non en balde, a Estratexia galega para a educación dixital conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta tarde a celebración dunha gran feira STEM –que terá lugar os próximos 20 e 21 de abril no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela– para poñer en valor os diferentes proxectos que están realizando os centros galegos neste eido. O evento, que leva por nome STEMlab Galicia, é a primeira vez que se organiza e contará cunha área de exhibición de proxectos de 18 centros, así como espazos maker para alumnado e familias, conferenciantes de prestixio e formación específica para o profesorado.

Tal e como resaltou o titular do departamento educativo no Parlamento galego, esta feira demostra o compromiso da Consellería co impulso dos coñecementos científico-tecnolóxicos entre o alumnado, un compromiso recollido na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, que conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020. Precisamente, este plan céntrase na potenciación do proxecto dixital nas aulas –E-Dixgal ou libro dixital– e no fomento dos coñecementos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Segundo manifestou Román Rodríguez, “Galicia conta coa estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa; unha estratexia integral que é moito máis que unha acción ou un grupo de accións illadas, e que afecta á totalidade da comunidade educativa”.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que no curso pasado 2016/17 entregáronse kits de Robótica en todos os centros de secundaria. Tras o éxito desta medida, no curso actual optouse por estender os kits tamén a primaria, que chegan a máis de 10.000 alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria de 111 centros. A maiores, na actualidade hai máis de 5200 alumnos matriculados en Programación, Robótica e Identidade dixital (esta última pioneira en España). Pola súa banda, os clubs de ciencia esténdense este ano a 30 centros e, por primeira vez o pasado outono, púxose en marcha a Semana STEM, un campamento científico-tecnolóxico dunha semana de duración no que participaron 300 alumnos, maioritariamente mozas.

 

Formación do profesorado

A formación do profesorado neste ámbito é unha liña primordial para a Consellería, que dispón dun plan específico en robótica, programación e impresión 3D dirixido aos docentes vinculados ás ensinanzas tecnolóxicas.

Desde xaneiro de 2017 realizáronse un total de 262 actividades neste campo, cun total de 2535 docentes participantes en preto de 5000 horas. Tamén se realizaron 174 actividades de formación nos centros da rede (cursos, xornadas, encontros) da mesma temática, con máis de 3000 horas e case 2400 docentes participantes.

 

STEMlabGalicia

Deste xeito, a feira STEMlabGalicia nace co fin de mostrar o traballo innovador que están realizando os centros no ámbito STEM, uns proxectos vinculados coas accións e dotacións de equipamento da Consellería. En concreto, o venres día 20 haberá stands de exhibición de proxectos dun total de 18 centros, así como obradoiros e espazos maker para familias. Tamén se organizarán conferencias de persoeiros de prestixio como o científico Ángel Carracedo ou a directora do CINBIO, África González, entre outros. O sábado 21 estará centrado en formación específica para o profesorado.

Os centros que expoñerán os seus traballos son o CPI de Atios (Valdoviño), CPI Virxe da Cela (Monfero), IES David Buján (Cambre), IES de Ortigueira (Ortigueira), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES de Fene (Fene), CPI a Xunqueira (Fene), CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES de Meaño (Meaño), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Fraga do Eume (Pontedeume), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Laredo (Redondela), CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela), IES Xunqueira II (Pontevedra), CEIP Valle Inclán (O Grove), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e o IES Francisco Daviña Rey (Monforte).

Os centros que queiran visitar a feira poden apuntarse no web www.stemlab.gal.

 

16/04/201808:04
Dúas persoas maiores formándose en novas tecnoloxías.
Santiago de Compostela

A Amtega e Orange comezan este xoves unha nova edición da iniciativa de capacitación dixital “Ao lado dos nosos maiores”

  • O ciclo ofrece 17 talleres prácticos nas aulas da Rede CeMIT para facilitar o uso de dispositivos móbiles entre as persoas maiores
  • Estes obradoiros de balde serán impartidos por persoal propio de Orange de xeito presencial
  • O único requisito para poder asistir é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello, ou a través da web da Rede

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co operador de telecomunicacións Orange, organizan un ano máis a iniciativa “Ao lado dos nosos maiores”, un ciclo formativo sobre o uso de dispositivos móbiles. Serán un total de 17 talleres prácticos e gratuítos de dúas sesións de dúas horas de duración ,que se realizarán de forma presencial entre o xoves 19 de abril e o mércores 27 de xuño en diversas localidades da Rede de aulas CeMIT de Galicia.

O obxectivo principal desta actividade, impartida por persoal de Orange en calidade de aliado dixital, é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles así como solucionar as dúbidas que poidan ter para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e que se familiaricen coa tecnoloxía móbil.

Durante as 4 horas de actividade ensinarase a enviar fotos, vídeos e mensaxes por WhatsApp, gardar contactos, facer chamadas, acceder e navegar por Internet e resolver todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso do teléfono e/ou tableta.

Para asistir á actividade non é necesario ser cliente de Orange. É preferible que os participantes leven os seus propios terminais para acadar un maior aproveitamento do taller e no caso de que algún dos asistentes non acuda cun dispositivo móbil, os formadores disporán de 2 tabletas e 2 smartphones dispoñibles para o seu préstamo.

As persoas interesadas en asistir a estes talleres gratuítos poden inscribirse nas aulas CeMIT das seguintes localidades que amosaron o seu interese en participar:

Aula CeMIT

Sesión 1

Sesión 2

Pontedeume

Xoves 19 de abril de 16:00 a 18:00

Martes 24 de abril de 16:00 a 18:00

Boiro

Mércores 25 abril de 16:00 a 18:00

Mércores 2 de maio de 16:00 a 18:00

Brión

Venres 4 de maio de 11:30 a 13:30

Venres 11 de maio de 11:30 a 13:30

Vilanova de Arousa

Luns 07 de maio de 17:00 a 19:00

Luns 14 de maio de 17:00 a 19:00

Abegondo

Martes 8 de maio de 10:00 a 12:00

Martes 15 de maio de 10:00 a 12:00

A Coruña

Martes 8 de maio de 11:00 a 13:00

Martes 15 de maio de 11:00 a 13:00

Cuntis

Venres 11 de maio de 11.30 a 13:30

Martes 15 de maio de 11.30 a 13:30

Betanzos

Martes 22 de maio de 10:00 a 12:00

Martes 29 de maio de 10:00 a 12:00

Santa Comba

Mércores 23 de maio de 16:00 a 18:00

Mércores 30 de maio de 16:00 a 18:00

Valga

Xoves 24 de maio de 10:00 a 12:00

Xoves 31 de maio de 10:00 a 12:00

Xunqueira de Ambía

Martes 29  de maio de 16:30 a 18:30

Xoves 31 de maio de 16.30 a 18:30

Bande

Mércores 6 de xuño de 11:00 a 13:00

Mércores 13 de xuño de 11:00 a 13:00

Vimianzo

Martes 12 de xuño de 10:30 a 12:30

Mércores 13 de xuño de 10:30 a 12:30

Castro Caldelas

Martes 12 de xuño de 17:00 a 19:00

Martes 19 de xuño de 17:00 a 19:00

Marín

Mércores 13 de xuño de 10:00 a 12:00

Mércores 20 de xuño de 10:00 a 12:00

Ribadeo

Luns 18 de xuño de 11:30 a 13:30

Luns 25 de xuño de 11:30 a 13:30

Cerceda

Mércores 20 de xuño de 11:00 a 13:00

Mércores 27 de xuño de 11:00 a 13:00

 

A Rede CeMIT

 Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulasco obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel ce coñecemento.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

 

Orange

Como mecenas e aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, Orange traballa para combater a fenda dixital no marco das telecomunicacións loitando contra a exclusión relativa ás TIC ao tempo que fomenta a dinamización social onde se sitúa esta iniciativa que pretende achegar ás persoas maiores á tecnoloxía co fin de facerlles a vida más doada.

Ademais, Orange colabora noutras actividades como aliado dixital coa iniciativa “Sé + Digital” un curso online de 20 horas que ofrecen a empresarios e emprendedores as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa actividade profesional e as aplicacións da tecnoloxía para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios. E co programa de “SuperProgramadores” para mozos e mozas co obxecto de sensibilizalos e inicialos na programación dun xeito lúdico.

16/04/201807:04
Extremo dun cable RJ-45.
Santiago de Compostela

Máis de 330.000 galegos de 258 concellos terán acceso a internet de redes ultrarrápidas en 2020

  • O Plan de Banda Larga da Xunta e as medidas do Estado impulsarán a extensión de fibra no rural entre 2018 e 2020
  • Este ano completarase a conexión de 81 polígonos a redes de ata 350 Mbps e o 100% do centros educativos públicos disporán de conexións superiores aos 100Mbps
  • Galicia foi a primeira Comunidade en contar cunha Lei de impulso ás infraestruturas de telecomunicacións para axilizar os despregamentos
  • A normativa garante a incorporación de infraestruturas TIC na fase de construción da novas vivendas, da estradas e dos edificios públicos autonómicos
  • Está en marcha outro Decreto, que obrigará a que os novos polígonos industriais se proxecten contemplando a necesidade de acceso a redes ultrarrápidas

 

En 2020 máis de 330.000 galegos de 258 concellos terán acceso a redes ultrarrápidas, grazas ás iniciativas da Xunta e do Estado. O Plan de Banda Larga de Galicia, cun investimento de 14,2 millóns de euros, facilitará o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. As 258.000 persoas restantes beneficiaranse das medidas do Estado para chegar a núcleos de maior tamaño, cun investimento público de 21 millón de euros.  

Con estas actuacións en 2020 o 74% dos galegos terán acceso a redes de máis de 30 Mbps, unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias anunciadas polo Estado no marco do seu Plan 300x100. Esta iniciativa ten como obxectivo estender fibra óptica ao 100% dos núcleos de poboación de España cun investimento de 525 millóns de euros para o período 2018 – 2021.

A directora da Amtega, Mar Pereira, avanzou estes obxectivos durante a súa comparecencia na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para dar conta da evolución da Lei 3/2013, do 20 de maio de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta destacou que esta Lei foi unha das iniciativas clave de Galicia no ámbito das TIC, desde o punto de vista normativo, para facilitar o impulso e a extensión das infraestruturas de telecomunicacións na nosa Comunidade.

Pereira lembrou que coa aprobación desta Lei hai cinco anos Galicia converteuse na primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, que complementa a normativa estatal e evita a duplicidade de esforzos e investimentos nas administracións.

 

Lei galega de impulso ás infraestruturas de telecomunicacións

A Lei que se sustenta na coordinación, a planificación, e a anticipación para axilizar os despregamentos de telecomunicacións en Galicia, ten xa publicados tres  decretos e hai un cuarto adicional en marcha, que se prevé publicar neste ano 2018. Estes desenvolvementos normativos establecen as condicións axeitadas para un despregamento territorial áxil en estradas e edificios de titularidade autonómica, fogares e polígonos industriais.

No referente ás estradas autonómicas, a Lei garante a incorporación de canalizacións para as telecomunicacións en todos os proxectos de estradas de titularidade autonómica, evitando que  se levanten as estradas en reiteradas ocasións grazas a unha mellor coordinación e planificación.

En canto aos os edificios da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico, a norma establece que conten coas infraestruturas necesarias para ofrecer uns servizos dixitais de calidade coas máximas garantías de seguridade e dispoñibilidade.

Con respecto aos fogares, o obxectivo da Lei é garantir que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.

No caso dos polígonos industriais, a Lei busca garantir que ningún novo polígono industrial se proxecte sen ter en conta a necesidade de acceder a redes ultrarrápidas, obrigando a incluír as infraestruturas necesarias para as conexións de banda larga de alta velocidade durante a fase de construción.

 

Banda larga en polígonos, empresas e centros educativos

A extensión de fibra en núcleos de poboación é a terceira actuación do Plan de Banda Larga 2020, que se suma á de polígonos e á de axudas á empresas illadas do rural.

Este ano completarse a conexión de 81 polígonos industriais a redes de ata 350 Mbps, que sumados aos que xa contan con redes ultrarrápidas serán un total de 130 superficies empresariais, que representa o 93% da superficie empresarial ocupada.

Ademais, máis de 30 empresas de zonas illadas das catro provincias puideron conectarse a internet de entre 50 e 350  Mbps grazas á outra liña de axudas do Plan con case 400.000 euros tamén cofinanciados con FEADER.

No ámbito educativo, en colaboración co Estado, estase a desenvolverse a iniciativa “Escolas Conectadas” que está na recta final para dotar a máis de 800 centros educativos públicos con redes de máis de 100  Mbps. Unha vez finalizada esta actuación, nos próximos meses, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria terán acceso a redes  ultrarrápidas.

16/04/201807:04
Cartel dos premios.
Madrid

A Fundación máshumano impulsa ao talento novo

A Fundación máshumano lanza a XIII edición do Premio Novos máshumano, a través dunha convocatoria aberta nacional, dirixida a mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, que presenten ideas ou proxectos construídos desde a base da innovación e a Responsabilidade social que contribúan a mellorar as empresas e a sociedade.

A través do Premio Novos máshumano, a Fundación pon de relevo o seu compromiso e aposta por unha xeración de mozos con espírito emprendedor que lideren o cambio e a transformación necesaria das organizacións e a sociedade do século XXI.

O premio recoñece e premia as propostas dos mozos en materia de emprendemento e RSC, e achégaas a empresas e profesionais que apoien o seu crecemento e sustentabilidade, promovendo así o talento e o emprego novo, mediante propostas socialmente responsables que poidan lograr un impacto positivo.

Este ano, o Premio Novos máshumano recibiu o Selo Talento Novo Injuve outorgado á Fundación máshumano polo Instituto da Mocidade e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que recoñece a súa firme aposta e apoio a máis de 5.000 mozos durante trece anos.

Un xurado designado pola Fundación máshumano será o encargado de seleccionar os finalistas de cada unha das seguintes categorías establecidas, que á seguinte fase:

  • Premio Especial El Corte Inglés á Innovación ao servizo do Retail: Produtos sustentables que cubran necesidades sociais e ideas de negocio responsables no retail.
  • Premio Especial Bankinter á Mellor solución para a Integración de persoas con capacidades diferentes: Ferramentas destinadas a mellorar a calidade de vida e a integración de persoas con capacidades diferentes.
  • Premio Especial Fundación máshumano á Innovación social: Emprendemento social, voluntariado corporativo, Responsabilidade Social Corporativa, ONG´S, entre outros.

Este premio ofrece ao finalistas acceso a un intensivo programa de formación e mentorización, e os gañadores de cada categoría poderán obter financiamento para o seu proxecto, asesoramento legal por parte de Arrabe Integra e consultoría de analistas expertos en investimento da plataforma Socios Investidores. Ademais, PONS IP ofrecerá un servizo completo de "Due Diligence" para definir a estratexia de propiedade industrial e intelectual para un dos proxectos e IBM outorgará un premio especial para a mellor solución tecnolóxica ao servizo das persoas e a sociedade.

Tanto as empresas como a administración pública apoian e comparten o propósito do Premio Novos máshumano, que conta o apoio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, INJUVE, Bankinter e El Corte Inglés e IBM, e a colaboración de Arrabe Integra Asesores, Socios Investimentos, Pons IP, Comunidade de Madrid, Bridge for Billions, Fundación Empresa & Sociedade, Secot, TEAMLABS, Impact Hub, i-Answer, PANGEA, INES&CO, ¡HOLA!, O que de verdade importa, Universidade Francisco de Vitoria UFV Madrid.

13/04/201808:04
Cartel do curso.
Ribeira

Ribeira forma á mocidade en animación en 3D

O Concello de Ribeira, a Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación INCYDE van por en marcha en Ribeira un programa formativo dirixido a mozos e mozas interesados en adquirir novos coñecementos enfocados á animación 2D e 3D. Esta iniciativa, moi axeitada para optimizar, completar e actualizar a capacitación e os coñecementos de participantes de cara ao mercado laboral, desenvólvese baixo un epígrafe que fala por si só dos obxectivos do obradoiro: Constrúe o teu futuro: animación2D 3D e emprendemento. A actividade é de balde e está dirixida a persoas menores de 30 anos inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil.

Desenvolverase en Ribeira entre o 23 de abril e o 1 de xuño de 2018 e comporase de sesións grupais, titorías individuais e tarefas de asesoramento e seguimento. O horario das xeiras en grupo é a seguinte: de luns e xoves, de 10:00 a 12:00 horas, agás o 17 de maio, en que a sesión do xoves pasará ao mércores. Ademais, do 21 ao 25 de maio, o horario será luns e xoves, de 10 a 14 horas. As actividades realizaranse no Viveiro de Empresas do Concello de Ribeira.

As titorías individuais levaranse a cabo no horario que acorde o alumnado co seu consultor. Serán, tamén, no Viveiro de Empresas local (horario de mañá) ou nas Aulas de Formación da rúa Cristóbal Colón (horario de tarde). As persoas interesadas e que cumpran os requisitos (menores de 30 inscritos/as en Garantía Xuvenil) poden inscribirse na web da Cámara de Comercio de Santiago.

13/04/201808:04
Pantallazo da app.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha Saúde Móbil e Contacte, dous novos servizos dixitais que mellorarán o acceso á sanidade pública

  • Asevera que Saúde Móbil xa está dispoñible para a súa descarga e engloba todas as aplicacións que xa ofrecía o Sergas: E-Saúde, Sigue, Urxencias Sanitarias de Galicia e Vacgal
  • Indica que Contacte permitirá aos usuarios trasladar preguntas, críticas ou suxestións de maneira anónima ou identificada
  • Lembra que máis do 40% dos galegos solicitan cita previa no centro de saúde a través da Internet, en lugar de facelo por teléfono ou de xeito presencial

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha de Saúde Móbil e Contacte, dous novos servizos dixitais que facilitarán aínda máis o acceso á sanidade pública.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que Saúde Móbil, que xa está dispoñible para a súa descarga, engloba todas as aplicacións que xa ofrecía o Sergas: E-Saúde, Sigue, Urxencias Sanitarias de Galicia e Vacgal.

Deste xeito, a nova aplicación funcionará como xanela única para os servizos dixitais da sanidade pública galega. E permitirá coñecer as últimas novas relativas ao Sergas, ás redes sociais dos organismos que dependen da consellería e ofrecerá unha opción para recibir novas e avisos.

Pola súa banda, Contacte funcionará como canle única para realizar achegas ou reclamacións ao sistema público de saúde, dándose así un importante paso para canalizar as valoracións dos cidadáns sobre a atención que reciben.

Co lema Ti consultas, ti reclamas, ti suxires: nós respondemos, Contacte permitirá aos usuarios trasladar preguntas, críticas ou suxestións de maneira anónima ou identificada de modo dixital, sexa con certificado, co DNI electrónico ou con Chave365. Así mesmo, estará accesible na web do Sergas, na plataforma E-Saúde ou na app Saúde Móbil. E facilitará aos cidadáns levar un seguimento da tramitación da súa achega e realizar cambios.

 

Balance do uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía

Feijóo concluíu lembrando que, hoxe, xa máis do 40% dos galegos solicitan cita previa no centro de saúde a través de Internet, en lugar de facelo por teléfono ou de xeito presencial.

Diante da boa acollida destes servizos dixitais á Administración autonómica apostou por seguir introducindo novidades que faciliten a relación co Sergas a través de Internet, como por exemplo: a plataforma É-Saúde, que permite aos cidadáns xestionar as súas citas, revisar os seus tratamentos e coñecer a súa historia clínica e máis de 43.000 cidadáns empregan esta ferramenta de xeito habitual; Sigue, unha aplicación que xa rexistra 16.000 descargas e mellora a orientación dos usuarios a través dos hospitais Álvaro Cunqueiro e Lucus Augusti e recoller a quenda de espera; Urxencias Sanitarias de Galicia, que permite a consulta online cos profesionais do 061 e a localización de farmacias, centros de urxencias ou desfibriladores e que foi descargada 3.700 veces; e Vacgal, que facilita o seguimento do calendario vacinal de nenos e adultos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS