main content

main content
30/05/201810:05
Firma do convenio.
Madrid

Sesiad, Incibe, Red.es e Cisco únense para promover a capacitación dixital de cidadáns e profesionais

O impulso da estratexia dixital de España depende tamén da capacitación dixital de cidadáns e profesionais. Por ese motivo, a Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (SESIAD), Red.es, Incibe e Cisco uníronse na firma dun convenio para fomentar estas capacidades dixitais.

Segundo as estimacións da Comisión Europea, en 2020 podería haber entre 750.000 e 900.000 postos TIC sen cubrir na UE. Igualmente, o último informe Spain Digital Society Index (DESI, Comisión Europea, maio 2018) destaca que as habilidades dixitais dos españois están aínda por baixo da media da UE, mentres en 2020 máis da terceira parte dos empregos demandarán competencias dixitais que hoxe non se consideran cruciais (Foro Económico Mundial, xaneiro 2016), coa consecuente necesidade de formación continua dos profesionais.

De aí a importancia de poñer en marcha medidas que promovan a formación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a economía dixital. O acordo ten unha duración de catro anos prorrogables a outros catro e contempla a realización de accións conxuntas de formación para o emprego, formación continua, formación profesional e formación universitaria.

 

Marcos de actuación do convenio

Estas accións centraranse en catro ámbitos principais. Por unha banda, a concienciación a través da comunicación do conveniente que é formarse no ámbito dixital, tanto para profesionais do sector como para estudantes, centros formativos e empresas implicadas na creación e desenvolvemento de contidos dixitais.

Por outra banda, a empregabilidade e competitividade como colaboración para impulsar o desenvolvemento de capacidades dixitais para as novas xeracións, forza de traballo e pemes, co fin de mellorar a empregabilidade dos cidadáns e a competitividade das empresas.

En terceiro lugar o reforzo de plans en marcha colaborando para impulsar os plans e iniciativas do Goberno vinculados coa Estratexia Dixital para unha España Intelixente. En cuarto lugar, as sinerxias a través da colaboración para maximizar o impacto e os resultados de todas estas iniciativas conxuntas que pretenden fomentar as habilidades e competencias en TIC e economía dixital, sumando esforzos e buscando sinerxias.

1 mes 1 profesión dixital
Ponteveda

Pont-Up Store 2018

O Pont-Up Store é unha iniciativa de apoio ao emprendemento, aberta a toda a cidadanía, e que centra os seus esforzos no incremento da cultura emprendedora na sociedade.

No marco do Campus Crea este encontro é unha decidida aposta pola creatividade e o emprendemento para o desenvolvemento persoal e da sociedade en xeral.

30/05/201810:05
Cartel do evento.
Pontevedra

A quinta Pont-Up Store abre prazo de presentación cunha campaña retrofuturista

Quen queira ver en persoa en con todo luxo de detalles como as ideas innovadoras se converten en empresas de empuxe, vai ter unha oportunidade de ouro á volta do verán na quinta edición da feira Pont-Up Store, que se celebra en Pontevedra dando acubillo a empresas de sectores do máis variado (novas tecnoloxías, moda, deseño gráfico, alimentación, educación, lecer, etc) pero co nexo común de teren proxectos novos entre mans. O encontro, segundo nos conta a organización, xa comezou a facer ruído. E faino cunha campaña que reivindica “o talento transformador como enerxía para cambiar o mundo”, e que está protagonizada por unha emprendedora heroína retrofuturista que se inspira nos videoxogos. Esta edición xirará arredor da tecnoloxía e a aprendizaxe e, en palabras da organización, “adicará parte da programación a celebrar dun xeito moi especial estes cinco anos de percorrido”.

Por certo que a campaña, amais de carta de presentación, tamén sirve para abrir o prazo para a presentación de contribucións. A feira desenvolverase os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra. Esta iniciativa, liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33stands de balde dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés, no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 4 mulleres escoitantes, representantes de importantes empresas e entidades galegas. 

Por certo que o Puntazo Exprés vén este ano coa novidade de que as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das ouvintes. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades dende este 29 de maio até o 8 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.

A organización tamén quere salientar o traballo da Comunidade UP!, que comezou a funcionar hai dúas edición e que está integrada por todas as persoas emprendedoras que pasaron polo encontro, tecendo “unha gran rede galega de emprendemento”. Esta comunidade, que protagonizou a campaña da pasada edición, será nesta ocasión o eixo central das celebracións do quinto aniversario, na que se inclúen a mostra Cos cinco sentidos e xeiras de presentacións e networking gamificado

Volvendo á campaña deste ano, lembrar que está inspirada no periplo “dunha intrépida moza”, decidida a lograr o éxito da súa misión emprendedora grazas ao impulso que recibe no Pont-Up Store. A acción trasládanos a unha Pontevedra retrofuturista situada nun mundo paralelo, onde o talento, tal e como se sinala na campaña, é “a enerxía capaz de transformar o mundo”. A moza chámase Kore, nome que na mitoloxía grega fai referencia á deusa da iniciativa, a curiosidade e a renovación. A clave argumento é a seguinte: a rapaza recibe unha chamada á aventura, lánzase, cruza o limiar, abandona a súa realidade e mergúllase nun mundo descoñecido onde recibe a axuda dun pequeno robot que sostén nas súas mans e que a vai guiando cara o seu obxectivo. Neste punto atópase a escena que se representa na ilustración da campaña, obra de Iván Pan, de Seele Comunicación, unha das empresas que forma parte da Comunidade UP! O destino de Kore é a estación flotante de Pont-Up Store, que xira arredor de Pontevedra e que se presenta como un lugar “de encontro, de cooperación, de aprendizaxe, de proxección e de recursos que explotar”.

30/05/201808:05
Cartel do evento.
A Coruña

MOLAB celebrará a súa primeira Game Jam

A asociación estudantil coruñesa Monkey Laboratory (MOLAB) convoca entre os días 8 e 11 de xuño a I MOLAB Gamejam, unha competición de creación de videoxogos durante 72 horas en grupos de até 4 persoas de xeito non presencial (xa que aproveitarase a plataforma en liña Itch.io), cunha temática que desvelarase no día de inicio do evento.

Tras o traballo conxunto, o luns 11 de xuño a partires das 18:00 horas realizarse unha mostra pública dos xogos desenvolvidos, que avaliaranse por parte dun xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos (Polygon-e, SYBIC, Imaxin Software e Gato Salvaje) xunto co decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, onde ten lugar esta interesante actividade. O resultado da competición darase a coñecer ás 19:30 horas, galardoándose ao mellor videoxogo, o mellor deseño de xogos, o mellor deseño artístico e o mellor deseño sonoro. Os trofeos entregaranse en persoa, pero tamén poderá seguirse a entrega de premios en directo a través de Twitter e Twitch.Paralelamente, o día 11 de xuño ás 18:00 horas tamén organizarase unha competición de videoxogos clásicos de recreativa nunha máquina construída na propia facultade.

30/05/201808:05
Casas destruidas vistas desde o ceo en Tui.
Tui

A veciñanza de Tui abre campaña na plataforma GoFundMe para reconstruír fogares

Seguen sendo as redes material de primeira liña para a colaboración entre persoas? Sen dúbida si, e non está de máis que recordemos unha vez máis, nestes tempos de anti-ciberseguridade e riscos dixitais diversos por mor dun mal uso das mesmas. Un exemplo de como a solidariedade atopa nas tecnoloxías unha das súas principais valedoras é que está a acontecer estes días en Tui, onde, logo da catástrofe do estoupido do almacén de pirotecnia do pasado 23 de maio, vense de poñer en marcha, da man da propia veciñanza, unha campaña de microcenado para axudar ás familias que se atopan desaloxadas aínda. A iniciativa estase a materializar en GoFundMe, a plataforma tecnolóxico-social de recollida de doazóns e crowdfounding. O obxectivo é recadar 200.000 euros. 

As/os impulsores da campaña informan, acompañando o lanzamento da mesma, que cómpre que teñamos en conta que unha vintena de fogares ficaron totalmente destruído tras a explosión, e que outro centenar tivo danos por mor do estoupido da polvoreira do almacén ilegal de Páramos, propiedade de La Gallega (a explosión, que tivo un radio de alcance de 300 metros, provocou a morte dun matrimonio de orixe magrebí, ademais de deixar a 37 persoas feridas).

Liderando a campaña atópase Andrea Costa Amorín, veciña da localidade afectada, que recorreu á solidariedade dos internautas para que as persoas que foron reacollidas en hoteis poidan “ter unha vivenda nova canto antes”. Os fondos recadados irán destinados á conta oficial que abra o Concello de Tui.

30/05/201807:05
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

IBM encabeza a iniciativa "Call for Code" para utilizar tecnoloxías cloud, de datos, intelixencia artificial e blockchain para axudar nos desastres naturais

  • IBM investirá 30 millóns de dólares durante cinco anos nesta iniciativa que busca unir aos desenvolvedores para que co seu traballo axuden a resolver problemas sociais perentorios e tamén participa a Oficina de Dereitos Humanos da ONU e a Cruz Vermella da man da Fundación Linux e o creador David Clark Cause.

 

IBM e un grupo de organizacións presentaron a iniciativa "Call for Code", o maior e máis ambicioso esforzo para unir a desenvolvedores de startups, empresas e universidades para resolver un dos problemas sociais máis relevantes do noso tempo: previr, responder e recuperarse dos desastres naturais. Durante unha charla maxistral na Conferencia VivaTech en París, a presidenta e CEO de IBM, Ginni Rometty, fixo un chamamento á industria tecnolóxica para axudar a construír un futuro mellor. Rometty comprometeu a tecnoloxía de IBM e un investimento de 30 millóns de dólares durante cinco anos nunha iniciativa anual e global denominada "Call for Code". O seu obxectivo é unir aos desenvolvedores de todo o mundo para que utilicen a análise de datos e as tecnoloxías de IA, blockchain, cloud e IoT para abordar diferentes desafíos sociais.
 
"Desde IBM queremos impulsar o poder de tecnoloxías como a IA, blockchain, IoT e cloud para enfrontarnos a algunhas das máis grandes oportunidades e desafíos empresariais", dixo Bob Lord, director de estratexia dixital de IBM. "Agora, con Call for Code, facemos unha chamada a todos os desenvolvedores para que se nos unan e utilicen estas tecnoloxías de vangarda para axudar ás persoas, ás comunidades e á sociedade".
 
A través de "Call for Code", IBM e David Clark Cause uniron esforzos coa Oficina de Dereitos Humanos das Nacións Unidas e a súa aproximación á acción humanitaria baseada nos dereitos humanos, que se enfoca en asegurar a participación dos grupos afectados na súa preparación, resposta e esforzos de recuperación, e en atraer a atención cara ás poboacións máis excluídas e marxinadas.
 
"A tecnoloxía pode ser unha ferramenta poderosa para avanzar nos dereitos humanos e construír sociedades máis equitativas. Call for Code é unha excelente oportunidade para explorar como a tecnoloxía pode xogar un papel na solución dos problemas das poboacións máis vulnerables e daqueles que están en risco de que os seus dereitos humanos sexan violados no contexto das crises humanitarias", apunta Laurent Sauveur, director de relacións externas da Oficina de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.
 
Call for Code tamén integra a estratexia da Cruz Vermella América que busca novas vía para dar apoio ás vítimas de desastres, especialmente tendo en conta que 2017 foi un dos peores anos en número de catástrofes, incluíndo lumes, inundacións, terremotos e tormentas.
 
"Responder a desastres nacionais e internacionais de grande escala é un traballo de equipo, e estamos entusiasmados coa idea de aproveitar os coñecementos e puntos de vista da industria tecnolóxica para enfrontarnos aos desafíos globais", afirmou Brad Kieserman, vicepresidente dos Servizos de Desastre da Cruz Vermella América. "Acordos e tecnoloxías como estes permiten responder de maneira máis intelixente, o que é crítico para axudar a aqueles que o necesitan de maneira rápida e eficaz".
 
"Call for Code" convida aos desenvolvedores a crear novas aplicacións que axuden ás persoas e ás comunidades para estar máis preparados ante os desastres naturais. Por exemplo, os desenvolvedores poden crear unha aplicación que use datos do tempo e información da cadea de subministración para alertar ás farmacias da necesidade de que aumenten as súas existencias de medicamentos, auga embotellada ou outros artigos baseándose na predición de mal tempo. Ou construír unha aplicación que prediga cando e onde os desastres poderían ser máis severos, de modo que os equipos de emerxencia poida chegar antes de tempo e nun número adecuado para tratar aos afectados.
 
O investimento de IBM de 30 millóns de dólares durante cinco anos financiará o acceso a ferramentas de desenvolvemento, tecnoloxías, código gratuíto e formación con expertos. O equipo gañador recibirá un premio económico e terán acceso a asesoramento a longo prazo para mover a súa idea de prototipo a unha aplicación para o mundo real. Isto inclúe asesoramento de maneira continuada por parte da Fundación Linux aos desenvolvedores.
 
Ademais, o equipo gañador pode pasar a formar parte dos equipos do programa de Responsabilidade Social Corporativa de IBM - Corporate Service Corps", (CSC) para aplicar a súa solución, coa axuda de expertos de IBM, en beneficio dunha entidade local. Os equipos de IBM CSC son multi-disciplinares e están formados por expertos de IBM  que pasan entre catro e seis semanas en comunidades desatendidas en todo o mundo aplicando tecnoloxía para axudar a resolver os problemas locais.
 
Como participar en Call for Code
  • Os desenvolvedores poden rexistrarse na Web de Call for Code.
  • Os proxectos poden entregarse por persoa -ou equipo de ata 5 persoas- entre o 18 de xuño de 2018 e o 31 de agosto de 2018.
  • Trinta semifinalistas serán seleccionados en setembro de 2018. Un xurado prominente que incluirá a algúns dos tecnólogos máis emblemáticos do mundo elixirá os tres finalistas.
  • O gañador será anunciado en outubro de 2018 durante un concerto en vivo coordinado por David Clark Cause.
Os detalles adicionais e un calendario con todos os eventos presenciais, virtuais e de formación para o Call for Code están dispoñibles na Web de "Call for Code" en IBM e o acceso a esta noticia na Web de IBM sobre o Call for Code.
29/05/201816:05
Mar Pereira asinando o convenio.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza que o CETISS impulsará a transformación dixital no ámbito socio sanitario en eidos como o envellecemento activo, a tarxeta social, o fogar dixital ou a alimentación saudable

  • Asevera que este centro, que comezará a súa andaina este verán, concentrará coñecemento e actividades de innovación para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas
  • “Participar na revolución tecnolóxica supón deixar un legado de prosperidade para os que nos han suceder”, afirma
  • Destaca a consolidación da Cidade da Cultura como “polo dixital de Galicia” onde se atopa a sede da Amtega e o Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta; e onde traballan máis de 400 tecnólogos
  • Lembra que Indra xa participou noutros proxectos de relevancia para a Comunidade como a transformación dixital da Sanidade coa Historia clínica electrónica ou a Historia social única

 

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a creación do Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario permitirá impulsar a transformación dixital en eidos como o envellecemento activo, a tarxeta social, o fogar dixital ou a alimentación saudable.

Durante a sinatura do convenio entre Indra e a Administración autonómica para a súa posta en marcha, Feijóo aseverou que este centro, que comezará a súa andaina este verán, concentrará coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas, coa formación dunha comunidade estable entre empresa, Universidade, institucións sanitarias e centros I+D+i. Ademais, concibirá produtos e solucións que se poidan exportar e terá un centro demostrador de produtos.

Feijóo lembrou que a Xunta iniciou en 2009 unha firme aposta pola tecnoloxía, establecendo unha folla de ruta ata 2020, que permitirá un investimento de ata 3000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da Comunidade. “Participar na revolución tecnolóxica supón deixar un legado de prosperidade para os que nos han suceder”, afirmou.

Unha acción que está enmarcada no Gaiás, onde se atopa a sede da Amtega e o Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta; e onde traballan máis de 400 tecnólogos entre profesionais TIC da Administración e traballadores de empresas tecnolóxicas que colaboran en iniciativas da Axenda dixital de Galicia 2020. O presidente destacou que con este convenio para crear o Centro de excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario, no que traballarán entre 35 e 50 persoas, se suma unha nova iniciativa que consolida a Cidade da Cultura como “polo dixital de Galicia”.Ademais, incidiu en que todas son iniciativas que tratan de mellorar o día a día dos cidadáns e de xerar oportunidades na Comunidade.

Nesta liña, referiuse a modo de exemplo a outras iniciativas da Axenda Dixital 2020: á dixitalización do patrimonio cultural galego; á modernización do sistema de transporte por estrada; ao avance na dixitalización dos servizos sociais como a posta en marcha da Historia social única electrónica, á que xa se adheriron máis de 200 concellos e que xa conta con medio millón de expedientes dixitais; á mellora das infraestruturas de telecomunicacións; ou á aposta pola seguridade e a dispoñibilidade dos servizos, cun plan de seguridade horizonte 2020.

Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que a creación do CETISS é froito do Pacto dixital de Galicia, asinado en 2013 con varias empresas, entre elas Indra, para seguir traballando no ámbito tecnolóxico. Ademais, en virtude deste convenio, Indra colaborará no Plan de talento dixital de Galicia para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás con iniciativas como as Bolsas Áncora e Tecnólogos por un día.

Por último, Feijóo resaltou que con esta nova iniciativa, Indra renova o seu compromiso con Galicia. Non en van, xa participou noutros proxectos de relevancia para a Comunidade como a transformación dixital da Sanidade coa Historia clínica electrónica ou a Historia social única.

29/05/201809:05
Concello de Vigo.
Vigo

Vigo organiza cursos de alfabetización dixital durante os meses de xuño e xullo

O Concello de Vigo quere que a recta final da primavera e os comezos do verán veñan acompañados de formación tecnolóxica para a cidadanía. Por esta razón, a oficina municipal de Teis e o edificio municipal do Areal acollerán o desenvolvemento de cursos de alfabetización dixital durante os meses de xuño e xullo. O requisito é estar empadroado e a inscrición se formalizará a través do 010. Haberá obradoiros para introducirnos na Internet, no correo electrónico ou mesmo en eAdministración. 

As persoas interesadas en formarse en informática e internet básicos, no uso e nas vantaxes das redes sociais, no emprego de correo electrónico ou en trámites electrónicos coa administración, poderán participar nos cursos que se desenvolverán no mes de xuño, entre ás 16.30 e ás 19.00 horas na Oficina Municipal de Teis (Camiño Maceira s/n). Aquelas persoas que queiran formarse en mecanografía por ordenador, iniciación á informática ou trámites electrónicos coa administración poderán acceder aos cursos que se impartirán tamén en xuño e en xullo na Aula de formación TIC-CeMIT entre ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Segundo informa o Concello, o único requirimento esixido para participarmos nestes obradoiros é estarmos empadroados en Vigo. O Goberno local engade que terán preferencia aquelas persoas que non tiveran realizado o mesmo curso con anterioridade. Para máis información e inscricións cómpre chamar ao 010 de atención cidadá (986 810 260 desde fóra de Vigo ou desde un móbil).

29/05/201808:05
Presentación do Living Lab en Ourense.
Ourense

A Tecnópole e o CHUO impulsan a eSaúde en Ourense

A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) vai dinamizar o laboratorio vivente (living lab) da área sanitaria da cidade e a súa contorna. Así o fixeron saber os días pasados os responsables do complexo empresarial, engadindo que o laboratorio vivinte abrirá ao remate do verán un proceso de recollida de ideas susceptibles de seren incluídas no traballo asistencial e logo comercializadas. O proxecto de living lab está a ser liderado polo Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A Tecnópole, ao abeiro desta iniciativa, actuará como ligazón entre as empresas o laboratorio, identificando e dinamizando propostas que poidan incorporarse ao espazo de traballo e innovación. 

living lab liderado polo CHUO é un ecosistema de innovación aberta cun enfoque de co-creación sistemática, co fin último de aumentar a calidade de vida dos pacientes. A súa prioridade é integrar universidades, centros de investigación, empresas e administracións (o SERGAS) para “colaborar en solucións baseadas na innovación e a transferencia de coñecemento enfocadas á atención integral, as infraestruturas, a calidade asistencial e a xestión eficiente dos recursos”.

O seguimento remoto de pacientes, o control de satisfacción, a robótica, os novos materiais ou a impresión 3D son algúns ámbitos nos que xa se está a traballar. Os resultados obtidos serán compartidos no marco das redes de living labs a nivel europeo, o que abre esta xanela de oportunidade das empresas galegas ao ámbito internacional. A colaboración de Tecnópole na iniciativa enmárcase no seu programa de actuacións para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) no noroeste peninsular.

29/05/201808:05
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Emetel compartirá achados en protección na xornada de ciberseguridade do CPEIG

A firma galega Emetel Sistemas, especializada en servizos avanzados de comunicación e seguridade, mostrará o vindeiro 31 de maio, na terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia que organiza o CPEIG, os seus achados recentes en protección tecnolóxica, entre os que se contan, por exemplo, a marca BE:SEC para a salvagarda dos datos e dos servizos de comunicacións de todo tipo de entidades, organizacións e empresas. Emetel, que como lembraremos foi elixida por IBM en 2014 como empresa referencial no ámbito da ciberseguridade, participará na devandita xornada galega, na sección de empresas, xunto con Microsoft, Symantec ou Google. 

Como sinalamos os días pasados, a terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia conta co patrocinio da propia firma Emetel e a colaboración de ABANCA, Symantec, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e o Campus Innova (UDC). A cita será en Santiago, en horario de mañá, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Con esta actividade, o CPEIG quere “conectar co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de cidadáns, empresas e administracións públicas”. 

A xornada será inaugurada ás 10.00 horas por Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Roberto Baratta (director de Prevencion Perdida, Continuidade e Seguridade en ABANCA), Manuel Lago (director xeral de Emetel) e Mar Pereira Álvarez (directora da axencia AMTEGA). Logo haberá relatorios sobre administracións públicas e protección TIC a cargo de Alberto Hernández Moreno (director xeral de INCIBE), Jose Luis Piñar (DPO do Consejo General Abogacia Española) e Javier Candau (xefe de Ciberseguridade do Centro Criptográfico Nacional – CCN). A continuación da pausa para café, será a quenda das empresas. Intervirán Rafael Ave, director de Transformación Dixital e Seguridade de Emetel, Julien Blánchez (Google Cloud at Google Inc), Fernando Rubio (Microsoft), Ramsés Gallego (Symantec) e Román Ramírez (co-fundador e co-organizador do evento RootedCON). O peche correrá a cargo de Fernando Suárez e Roberto Baratta.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS