main content

main content
12/06/201807:06
Presentación do evento.
Cambados

Cambados mostra ao empresariado e á cidadanía como garantir o consumo responsable das TIC

O Concello de Cambados, ao abeiro do programa de formación e capacitación Cambados Emprende, vai organizar este 14 de xuño un encontro divulgativo sobre as metodoloxías que podemos pór en práctica para sermos sustentables e eficaces en materia de redes e comunicacións, afinando os recursos para decantarnos sempre polas ofertas e servizos que máis se axusten ás nosas necesidades e economías.

A Charla sobre Consumo Responsable en Telefonía e Internet, organizada pola Concellería de Promoción Económica, será un faladoiro aberto sobre como garantir o emprego máis axeitado das novas tecnoloxías entre emprendedores e veciñanza en xeral.

A cita será en Exposalnés ás 20.30 horas e a asistencia é de balde previa inscrición no correo economia@cambados.es. A intención, segundo informa o Concello, é asesorar aos asistentes a elixir a operadora e o contrato máis axeitados, así como defender os seus dereitos ante posibles problemas ou disconformidades co servizo.

11/06/201811:06
Logo Codix.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso preparatorio para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

  • Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación que comezará en febreiro e rematará en maio, mes no que terá lugar o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 03 de setembro e rematará o 25 de novembro, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de novembro unha vez rematado o curso.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. 

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,20 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídos aqueles aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

 

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

 

Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o segundo semestre deste ano (no mes de outubro).

 

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 6.000 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación titorizada e 4.364 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

11/06/201810:06
Mans de muller sobre un escritorio.
Santiago de Compostela

A Xunta abre mañá o prazo de inscrición do programa Medrando Xuntas co que se apoia o talento feminino na economía social

  • A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece, a través dun plan formativo, as oportunidades que as entidades de economía social brindan ás mulleres para o seu desenvolvemento persoal e profesional
  • A segunda edición desta actuación incorpora este ano como novidade a celebración dun foro participativo no que as protagonistas serán as mulleres matriculadas no programa este ano e o anterior

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre mañá e ata o 15 de xullo o prazo para matricularse no programa formativo Medrando Xuntas, que organiza a Secretaría Xeral de Emprego para apoiar o talento feminino na economía social. A iniciativa conta con dous itinerarios, un dirixido a mulleres con responsabilidades de goberno e de xestión nas entidades de economía social e outro cuxas destinatarias son socias e/ou traballadoras.

Deste xeito, Medrando Xuntas. Directivas ofrece unha formación integral desde a perspectiva de xénero, co fin de potenciar as capacidades directivas das mulleres participantes como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dun curso executivo de 80 horas de duración, das cales 65 son presenciais e as restantes a distancia. Terá lugar entre o 7 de outubro e o 1 de decembro de 2018, na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela.

O programa conta cun cadro docente especializado nas diferentes áreas temáticas do curso, que abarcan cuestións vinculadas á xestión das organizacións de economía social (como a xestión operativa, de proxectos, a innovación, a transformación dixital, a responsabilidade social e a xestión do xénero e a diversidade) e habilidades directivas como o liderado participativo, o desenvolvemento e marca persoal, comunicación e oratoria e reunións eficientes de traballo.

Por outra banda, Medrando Xuntas. Socias e Traballadoras inclúe formación específica enfocada para empoderar as mulleres pertencentes ás organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais. Será un curso de 20 horas de duración que terán lugar na sede da Fundación CEL en Lugo, entre os meses de outubro e novembro de 2018. Esta acción súmase ás xa realizados o pasado ano na Coruña, Vigo e Ourense.

O programa formativo segue a mesma estrutura que o de directivas, cunha parte centrada en xestión das organizacións de economía social e outra en habilidades directivas.

A segunda edición de Medrando Xuntas incorporará este ano como novidade un foro participativo coas alumnas de ambas as dúas promocións. Será un espazo de conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen no mundo da economía social e as ferramentas e estratexias que se están a desenvolver para contribuír á construción de modelos de negocio de éxito, a través da creación dunha nova economía máis xusta, solidaria e xerativa.

Toda a información relativa á iniciativa pode consultarse na web de Eusumo, www.eusumo.gal/ As prazas para participar no programa formativo son limitadas. A inscrición pode realizarse a través do formulario que pode atoparse na web de Eusumo para o curso de directivas e para o de socias e traballadoras; no correo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal; ou no teléfono 605 545 606.

11/06/201807:06
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Aberta a convocatoria pública dos Proxectos de Transformación Dixital

  • A Comunidade "Conectados pola Accesibilidade" impulsa unha nova convocatoria para afrontar o reto da transformación dixital accesible aos colectivos con discapacidade.

 

"Conectados pola Accesibilidade" é unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa Sociedade.

Por elo, desde a Comunidade impúlsase a nova convocatoria dos Proxectos de Transformación Dixital, co obxectivo de apoiar novas iniciativas baseadas na innovación tecnolóxica aplicada ás persoas con discapacidade. O fin desta convocatoria, aberta ata o 15 de xullo, é aumentar a participación social e a visibilidade destes colectivos.

Na convocatoria poderán participar todas as entidades e federacións do ámbito da discapacidade que estean acollidas ao réxime fiscal especial previsto para este tipo de organizacións. Os proxectos deben presentarse conxuntamente en colaboración de dúas ou máis entidades e consistirán en poñer en práctica distintos escenarios de uso de novas solucións tecnolóxicas, tecnoloxía xa existente, ou que leve pequenas adaptacións da mesma. Ademais da innovación, valorarase entre outros criterios, a escalabilidade e sustentabilidade da solución.

A convocatoria conta cun orzamento total de 225.000€, no que cada candidatura pode recibir ata 15.000€, sendo seleccionadas ata un máximo de 15 proxectos.

Para presentar unha candidatura, será necesario cumprimentar o formulario on-line correspondente na web de Fundación Vodafone España, onde tamén se pode atopar toda a información sobre a convocatoria.

Máis información.

08/06/201809:06
Pantllazo da web www.juntoalautismo.org.
Santiago de Compostela

Xuntos pola inclusión social de persoas con TEA

Desde hai ano Orange e a Confederación Autismo España levan colaborando para poñer en marcha accións de divulgación, formación e distintos proxectos para favorecer ás persoas con trastorno do espectro autista (TEA). Agora, decidiron asinar un convenio marco de colaboración e poñer en marcha unha campaña que fomente o coñecemento social deste trastorno e promova a aceptación das persoas con TEA.

A campaña chámase #JuntoalAutismo e desenvolverase durante dous meses a través de seis vídeos nos que, a través de situacións cotiás, calquera persoa pódese poñer no lugar dunha persoa con TEA e reflexionar sobre o seu día a día.

Ademais, dentro da campaña, Orange e a confederación puxeron en marcha unha web, www.juntoalautismo.org, na que estarán dispoñibles os vídeos xunto a distinto material e información sobre este trastorno.

Na campaña participa tamén a Fundación Atresmedia, que tamén produciu e emitiu un anuncio televisivo nos seus medios para axudar na difusión desta iniciativa.

08/06/201808:06
Imaxe do interior dun quirófano.
Santiago de Compostela

Unha app con consellos médicos que une televisión e saúde

Hai uns anos puxéronse de moda as series de televisión sobre hospitais ou centros de saúde nas que en maior ou menor medida a ficción superaba á realidade, o que pode supoñer un prexuízo ás persoas cunha enfermidade crónica ou unha discapacidade que recibían información incompleta ou errónea sobre as súas patoloxías.

Con todo, a serie de RTVE "Centro Médico" quere converterse en todo o contrario, e para iso optou por utilizar a tecnoloxía para conectar coa súa audiencia e ofrecer consellos e respostas a preguntas que os usuarios poden ter sobre a súa enfermidade, discapacidade ou patoloxía.

Así, RTVE lanzou a aplicación Centro Médico na que ofrece estes consellos e información elaboradores por médicos, de maneira que se garante a súa rigorosidade, evitando que a ficción sexa un obstáculo para os usuarios.

Nesta app, os usuarios poderán atopar vídeos, consellos, respostas e curiosidades sobre as enfermidades e patoloxías que se tratan na serie, converténdose así nunha fonte fiable de información para os pacientes.

08/06/201808:06
Entrega de diplomas
Santiago de Compostela

Down Compostela e a Fundación Vodafone España recoñecen a alumnos/as con síndrome de Down e discapacidade intelectual preparados para dar o salto ao mercado laboral

  • 8 mozos con discapacidade intelectual recibiron un diploma que acredita que están preparados para traballar nunha empresa ordinaria
  • Este ano recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de Down Compostela
  • Preto de 1.000 alumnos con discapacidade intelectual de toda España formaron parte do programa "Yo me prep@ro"

 

Este luns tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos "Estamos prep@rados", un acto de recoñecemento no que Down Compostela e a Fundación Vodafone España entregaron diplomas aos 8 mozos con síndrome de Down e discapacidade intelectual que superaron o programa "Yo me prep@ro" de formación en Novas Tecnoloxías. Con este certificado, ambas as entidades acreditan que os mozos adquiriron as destrezas nas TIC que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.

Os encargados de repartir estes títulos foron as autoridades presentes, que tamén entregaron diplomas ás empresas participantes no programa polo seu apoio á inclusión laboral do colectivo. Estas empresas ofreceron aos alumnos a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.

Tanto os mozos como os empresarios compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores con esta discapacidade intelectual.

No acto interviñeron, a secretaria xeral de emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a directora xeral de maiores e persoas con discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García; a de políticas sociais, diversidade, saúde e centros cívicos do Concello de Santiago, Concepción Fernández; o presidente da Fundación Down Compostela, Juan J. Martínez; e o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro.

O presidente da Fundación Down Compostela, quixo dar a benvida a todas as persoas asistentes e dar "os parabéns ás 8 persoas que acaban de terminar este curso de Fundación Vodafone España en Novas Tecnoloxías". "Desde o inicio desta formación, 32 mozos de Down Compostela puideron formarse en novas tecnoloxías e 12 deles conseguiron un contrato de traballo". Martínez quixo engadir que as persoas con síndrome de Down "son traballadores útiles capaces de achegar moito nunha sociedade tan complexa como a que vivimos" e que "a formación é imprescindible para conseguir un posto de traballo hoxe en día".

O responsable de Administracións Públicas da Fundación Vodafone España agradeceu a invitación a este acto poñendo de manifesto que "é unha honra estar hoxe aquí, na presentación dos resultados dun proxecto que comezou en 2013 entre a Fundación Vodafone España e Down España" e que se foi ampliando anualmente. "Desde a Fundación Vodafone España queremos ofrecer as ferramentas necesarias para que as persoas con síndrome de Down adquiran os coñecementos necesarios que faciliten a súa inclusión no mundo laboral". Sueiro destacou que "desde o inicio da formación "Yo me prep@ro" case 1.000 mozos participaron no mesmo e 322 conseguiron un emprego" e quixo reivindicar "máis iniciativas como esta" por ser "sumamente importantes para que todos os colectivos teñan a súa oportunidade".

Pola súa banda, a directora xeral de maiores e persoas con discapacidade quixo "agradecer á Fundación Down Compostela que contasen coa Administración Autonómica nun acto destas características" e "felicitar ás empresas que fan posible a inclusión laboral para que se converta nunha realidade máis palpable". Quixo pechar a súa intervención destacando que "aínda queda moito camiño por andar en canto á inclusión laboral".

Durante a súa intervención, a concelleira de políticas sociais, diversidade, saúde e centros cívicos do Concello de Santiago deu os "parabéns aos participantes tras máis de 700 horas de esforzo e traballo" e destacou a importancia deste tipo de iniciativas colaborativas. Fernández deixou constancia de que "a educación é o mellor investimento que pode facer unha sociedade, xa que é o mellor camiño para lograr a inclusión laboral e a igualdade de oportunidades".

Para pechar a quenda de intervencións, a secretaria xeral de emprego da Xunta de Galicia resaltou que "falar de emprego é falar de cooperación, de formación e de capacitación". Tamén quixo facer fincapé na necesidade de "programas como este porque hai que traballar porque todos e todas teñamos unha vida digna".

Tras as intervencións institucionais, tivo lugar a mesa de experiencias, na que os responsables da cervexaría-tapería Milongas expuxeron as súas impresións tras a contratación de Daniel Pombo, usuario da Fundación Down Compostela, como axudante de camareiro.

Así, José e Mariano Rivas destacaron que a experiencia está a ser "boísima" e que a idea de contratar a unha persoa con síndrome de Down xurdiu tras ler nun xornal local "unha nova sobre outra empresa contratante". "É impresionante ver como se esforzan en conseguir as cousas". Ademais, quixeron destacar o traballo dos preparadores laborais da Fundación porque "fixeron un traballo espectacular".

Marcos Reimunde, responsable de Recursos Humanos de Milongas, destacou que "é unha aprendizaxe continua no que ves a súa ilusión e as súas ganas de traballar".

Por último, Daniel Pombo, explicou o seu día a día no local onde  o seu traballo consiste "en atender aos clientes, servir e recoller mesas, montar a terraza, cambiar as cartas de almorzos polas de comida, revisar os baños, montar as mesas de comedor, encher os servilleteros, varrer e fregar o almacén e calquera outra tarefa que me manden".  O mozo confesou que "este é o meu primeiro traballo e grazas a Mariano e a Jose cumprín un soño. Ben, varios soños: conseguir un traballo, ser camareiro, gañar o meu propio diñeiro e poder seguir soñando. Agora tócame pensar en que me vou a gastar o diñeiro".

 

O programa "Yo me prep@ro". 

O obxectivo do programa "Yo me prep@ro", que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudalos a salvar a fenda dixital que os pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 usuarios de Down Compostela, que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado. Estes alumnos de Santiago de Compostela sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.

Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.

Tras o éxito de anteriores edicións o proxecto afronta este cuarto ano a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas: sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, "Yo me prep@ro" conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país.

08/06/201808:06
Presentación do Cetiss.
Santiago de Compostela

O futuro Cetiss impulsará a transformación dixital no ámbito sociosanitario

  • A Xunta e Indra asinaron un convenio para poñer en marcha, este verán, o Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias

 

A Xunta de Galicia e Indra, unha das principais compañías globais de tecnoloxía consultoría, formalizaron o seu acordo para a posta en marcha, nas instalacións da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (Cetiss), cuxo fin é impulsar a transformación dixital dos servizos sociais e de saúde. Así, será posible a innovación en campos como o envellecemento activo, o cartón social, o fogar dixital ou a alimentación saudable.
 
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Indra, Fernando Abril-Martorell, foron os encargados de formalizar a firma deste acordo.
 
Neste contexto, Feijóo aseverou que este centro, que comezará a súa andaina o próximo mes de agosto, concentrará coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas.
 
Innovación tecnolóxica
O Cetiss nace co obxectivo de concentrar coñecemento e actividades de desenvolvemento e innovación tecnolóxica de diversas áreas sociosanitarias. Concíbese, así mesmo, como un centro demostrador de produtos e solucións orientados a mellorar a asistencia e calidade de vida dos cidadáns, nalgúns dos cales Indra e a Xunta xa están a traballar actualmente. É o caso de Fogar Dixital, que permite abordar un modelo de control teleasistido e proactivo aos pacientes crónicos, facilitando a detección temperá de posibles empeoramentos de saúde e evitando desprazamentos. Tamén é relevante, neste ámbito, o desenvolvemento da Historia Social Única, que contribuirá a axilizar a tramitación dos servizos e prestacións e a prestar unha atención máis personalizada.
 
Outro importante fin do Cetiss será o de actuar como elemento dinamizador para a creación dunha comunidade estable entre empresa, universidade, institucións sanitarias e centros de I+D+i galegos, que promova a mellora continua e a innovación establecendo marcos de relación entre os diferentes axentes involucrados, tanto a nivel local como internacional.   
 
Esta iniciativa enmárcase no Pacto para o desenvolvemento Dixital de Galicia que asinou a Amtega en 2013 coas principais empresas TIC con presenza nesta comunidade autónoma. O seu obxectivo é establecer un compromiso de cooperación firme entre a Xunta e o sector TIC para converter ao sector da economía do coñecemento nun dos motores da economía galega.
 
O presidente galego destacou que con este convenio para crear o Cetiss, no que traballarán entre 35 e 50 persoas, súmase unha nova iniciativa que consolida a Cidade da Cultura como "polo dixital de Galicia". Ademais, incidiu en que todas son iniciativas que tratan de mellorar o día a día dos cidadáns e de xerar oportunidades na Comunidade Autónoma.
08/06/201808:06
Participantes nas VII Xornadas #ASPACEnet.
Madrid

A innovación eixo central das VII Xornadas #ASPACEnet "Conectados coa parálise cerebral" na Fundación Vodafone

  • Os verdadeiros protagonistas foron as persoas con parálise cerebral, quenes comentaron aos asistentes os pormenores dos proxectos de innovación e de transformación dixital nos que participaron.
 
Os pasados días 31 de maio e 1 de xuño, celebráronse as VII Xornadas #ASPACEnet "Conectados coa parálise cerebral" na sede da Fundación Vodafone España. Nesta edición, centrada na innovación, os verdadeiros protagonistas foron as persoas con parálise cerebral, quenes comentaron aos asistentes os pormenores dos proxectos de innovación e de transformación dixital nos que participaron durante este ano.
 
As Xornadas foron inauguradas o xoves 31 de maio, pola súa presidenta Manuela Muro e por Francisco Román, presidente de Vodafone e a Fundación Vodafone España, quen valorou de forma moi positiva a recente renovación do convenio de colaboración entre a Confederación ASPACE e a Fundación Vodafone España.
 
Pola súa banda Manuela Muro agradeceu a Vodafone o apoio que brinda ao Movemento ASPACE que "permite mellorar a nosa calidade de vida grazas ás tecnoloxías da información e o apoio á comunicación". Muro ademais comentou que "cando todo un Movemento Asociativo unimos esforzos cunha entidade como a Fundación Vodafone para apostar pola innovación, os logros só se poden traducir nunha transformación dixital que imparte de forma positiva na nosa participación na sociedade, no exercicio dos nosos dereitos, e na nosa inclusión".
 
A continuación Sara Sánchez, responsable do programa #ASPACEnet presentou os resultados da enquisa realizada a entidades sobre novas tecnoloxías. A conclusión é que a maior parte das entidades considera esta área prioritaria, pero os recursos para abordala son escasos. O día terminou con talleres prácticos de "Design Thinking" onde se trataron o plan de formación de líderes en tecnoloxía de apoio, o centro de recursos tecnolóxicos, e o fortalecemento do traballo en rede.
 
O segundo día das Xornadas #ASPACEnet 2018 foi a quenda para a comunidade Conecta2Xaccesibilidad, onde se presentaron os catro proxectos de Transformación Dixital que levaron a cabo algunhas das nosas entidades, con outras entidades do Terceiro Sector.
 
Vanesa Morán de ASPACE Asturias, presentou o primeiro dos proxectos "Tv PC á carta " que levaron a cabo xunto a APACE Toledo e ASPACE Sevilla. Vanesa comentou que grazas a este proxecto "coñecemos novas ferramentas que utilizamos para realizar actividades, como son Eva Facial Mousse, Mefacylita e Mousse For All". TV PC á carta promove a participación de persoas con parálise cerebral de diversos perfís, unindo para iso a radio, a televisión e a escritura para dar a coñecer e experimentar a realidade de persoas con esta discapacidade.
 
"Comunico, aprendo e cóntocho" é o proxecto que realizou ASPACE Salamanca xunto a APAMP Vigo. Ten como obxectivo facilitar o acceso aos contidos do currículo ordinario a alumnos e alumnas con diversidade funcional e afectación motórica, favorecendo os procesos de inclusión educativa co apoio das TACS e soportes informático. En palabras de Mª Luz Oliveira e Manuel Da Silva, pais de Adrián que participou no proxecto "Comunico, aprendo e cóntocho" deunos moita tranquilidade, motivounos pensar en que Adrián pode chegar a desenvolver todo o seu potencial cognitivo grazas a que pode dispoñer dunha ferramenta tan importante como é a da comunicación".
 
"Transformación dixital nas aulas" é o proxecto realizado entre Fundació El Maresme, Fundación Gil Gayarre e AMIDOWN León co obxectivo de desenvolver actividades orientadas a traballar o currículo de primaria. Utilízanse materiais que potencian a aprendizaxe en forma de fichas, e prográmanse tanto no computador como na Tablet. Regina Suñé Puig, titora de aula na Escola l'Arboç de Fundació o Maresme comenta que "é unha ferramenta cómoda e lúdica para traballar cos nenos o vocabulario de nivel de Primaria. Permítenos reforzar o coñecemento de pictogramas para que despois os poidan recoñecer e utilizar no seu caderno de comunicación".
 
Por último "Mírame, eu decido" é o proxecto que traballou ASPACECIRE xunto a AUTRADE. O obxectivo deste proxecto é aumentar a autonomía e as decisións das persoas con discapacidade. A través das accións do proxecto, as e os participantes poden ter coñecemento das novas tendencias de moda, poden quedar, consultar sobre os diferentes produtos ou coñecer diferentes adaptacións de roupa.
 
Nas Xornadas tamén houbo tempo para coñecer o programa Talento ASPACE e o traballo en rede que se realiza, coa exposición de representantes das nosas federacións en Cataluña FEPCCAT, e en Andalucía con ASPACE Andalucía, quen deu a coñecer aos asistentes como traballan e intercambian coñecementos nos grupos do programa, o tema das novas tecnoloxías e sistemas de comunicación.
 
Finalmente presentáronse os proxectos de innovación tecnolóxica que se realizaron durante o ano grazas á Fundación Vodafone, en nove entidades diferentes, ASPACE Gipuzkoa, ASPACE León, Fundació El Maresme, ASPACE Granada, Fundació ASPACE Catalunya, ASPACE Navarra, ASPACE Salamanca, AVAPACE e Fundació L´Espiga. Nestes proxecto leváronse a cabo adaptacións sinxelas pero indispensables para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral, como adaptacións de pulsadores para avisar aos coidadores cando é necesario, unha sala de estimulación multisensorial de baixo custo, control da contorna en xardinería ou adaptacións para secar o pelo, facer funcionar a batidora, ou acender e apagar a TV entre outros.
 
#ASPACEnet é un dos proxectos que desde a Confederación ASPACE puxemos en marcha grazas á colaboración da Fundación Vodafone España. #ASPACEnet ten como misión mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral, a través da tecnoloxía e, especificamente, grazas ás Tecnoloxías de Apoio (TA) e os Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC).
 
Acceso a esta noticia completa na Web da Confederación ASPACE.
07/06/201817:06
Choque de cinco puños enriba dunha mesa con dispositivos electrónicos.
Santiago de Compostela

A contratación de internet en Galicia medrou un 20% en tres anos

  • Este incremento, rexistrado entre 2013 e 2016, acurtou a distancia coa media europea en preto de 7 puntos
  • En 2017 rexistrouse a creación 419 empresas do sector TIC, o que marcou un máximo histórico no número de altas de novas entidades
  • A directora da Amtega fixo hoxe balance dos indicadores de penetración das TIC e da Axenda Dixital 2020 no pleno do Observatorio da Sociedade da información
  • En dous anos de Axenda Dixital lévanse investidos 600 millóns de euros, 150 deles de capital privado, nos diferentes plans de transformación dixital
  • Entre as novidades do Plan de Traballo para 2018 o Osimga prevé a incorporación de novos indicadores sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na Enquisa a Fogares

 

Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga) sitúa no 78,7% a porcentaxe de fogares galegos con Internet contratado, un incremento do 10,1% no último ano. Cabe salientar que no período 2013 – 2016, o incremento na contratación de internet foi un 20%, o que permitiu reducir a fenda dixital respecto á media europea en 6,8 puntos porcentuais.

Foi un dos datos expostos no Pleno do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, onde deu conta dos últimos datos do Observatorio, do Plan de Traballo do Osimga para 2018 e fixo balance da situación de dous anos de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020.

 

Penetración das TIC 

Entre os indicadores destacados están tamén os referidos ao tecido empresarial galego que sinalan que as empresas galegas apostan pola banda larga móbil, presente en máis do 80% das pemes e no 69% das microempresas. O crecemento do uso de Big Data ou sinatura dixital achéganos aos desafíos marcados na Axenda Dixital de Galicia 2020, con valores que superan a media estatal. 

Tamén aliñados co obxectivos da Axenda Dixital, Galicia rexistrou un forte crecemento no número de empresas e no emprego do sector TIC: 2.579 empresas e 16.866 traballadores dan conta dun sector consolidado e estratéxico na economía galega.

Ademais, en 2017 rexistrouse un incremento de 419 novas empresas do sector TIC, o que marcou un máximo histórico no número de altas de novas entidades e unha de cada catro empresas TIC ten previsto contratar persoal nos vindeiros anos.

No marco do balance das actuacións do Osimga no ano anterior, destacouse a publicación do primeiro estudo da Xunta sobre a seguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Este estudo pioneiro amosou a crecente preocupación dos galegos nesta materia xa que o 90% considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede. 

 

Axenda Dixital 2020
En dous anos de Axenda Dixital lévanse investidos 600 millóns de euros, 150 deles de capital privado, nos diferentes plans de transformación dixital. 

Neste sentido a directora da Amtega destacou que este ano completarase a dotación de redes ultrarrápidas nas 81 superficies empresariais previstas e convocarase unha nova liña de axudas para empresas illadas do rural. Así mesmo, Mar Pereira lembrou que as axudas autonómicas e estatais permitirán que outros 330.000 galegos accedan á fibra óptica no 2020. 

Entre outros avances no proceso de dixitalización destacou que as xestións online coa Xunta superan ás que se realizan de forma presencial e sitúanse xa no 51%. No ámbito educativo o Proxecto Abalar posibilitou que 12.000 rapaces estuden exclusivamente con libros dixitais. As 98 Aulas CeMIT contan con máis de 72.000 usuarios rexistrados e máis de 280.000 horas de formación gratuítas impartidas desde a súa creación.

Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega, a Axenda Dixital ten en macha plans tecnolóxicos innovadores como o Plan Smarturismo coa dixitalización integral dos procedementos de turismo para os axentes do sector. No eido cultural, a Memoria Dixital de Galicia xa permitiu a posta en marcha da nova Galiciana, que integra os documentos dixitalizados do Arquivo e da Biblioteca dixitais de Galicia. 

O Programa Primare está impulsar a dixitalización do agro coa posta en marcha dunha plataforma de servizos de valor engadido e no sector da pesca iniciou a dixitalización de 35 lonxas. Ademais, no ámbito forestal entra en funcionamento este ano unha nova rede de videovixilancia dixital forestal como apoio á prevención e seguimento dos incendios.

 

Plan de Traballo Osimga 2018
Entre as novidades do Plan de Traballo do Observatorio para 2018 destaca a incorporación de novos indicadores na Enquisa a Fogares, que permitirán obter información sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na sociedade galega. 

Ademais no marco de colaboración con outras entidades, como a Unidade de Muller e Ciencia, elaborarase unha nova edición dos informes sobre o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero e a situación das mulleres no sector TIC. Co fin de contribuír a avaliación do Plan Estratéxico da Xuventude, darase continuidade ao estudo temático sobre A Mocidade e as TIC. No marco do Plan de Software Libre, o Osimga realizará novas vagas de estudos temáticos en 3 ámbitos: O Software libre nas empresas, no sector TIC e nos concellos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS