main content

main content
19/06/201809:06
Bosque.
Santiago de Compostela

A Rede Dixital de Vixilancia Forestal da Xunta disporá de dez centros máis e incrementa a súa cobertura ao 54% do territorio

  • A Rede, en fase despregamento, emprega tecnoloxía de visión de altas prestacións
  • O novo sistema posibilitará aos técnicos forestais a monitorización das zonas videovixiladas as 24 horas do día
  • Permite xeoposicionar as imaxes, o que facilitará o seguimento do incendio e a toma de decisións para asignar recursos

 

A Xunta de Galicia está a despregar a Rede de Vixilancia dos espazos forestais como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento deste tipo de incendios. O sistema incorpora as melloras ofertadas pola empresa adxudicataria, a galega Itelsis, que incrementou o número de centros de 34 a 44, o que permitirá monitorar o 54% do territorio, fronte ao 48% inicial.

A nova rede estase a despregar aproveitando as infraestruturas de Retegal. Nesta primeira fase instalaranse cámaras en 44 centros de telecomunicacións do operador público, que facilitarán cobertura visual de máis de 1,5 millóns de hectáreas, máis da metade do territorio galego, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.

Os obxectivos principais da rede son a vixilancia remota e servir de apoio na extinción de incendios. En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.

A rede, anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal, xestionarase a través dunha plataforma tecnolóxica que facilitará a vixilancia remota dos montes desde un centro de control as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.

 

Investimento e evolución da rede
No desenvolvemento da rede colaboran a Consellería do Medio Rural, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal que articula a posta en marcha e mantemento desta Rede de Vixilancia dos espazos forestais ata 2022 cun investimento de 2.026.000 euros.

Nunha segunda fase, e en base ás necesidades detectadas polos equipos forestais, definirase a ampliación da cobertura da rede. Ademais, a medida que a evolución tecnolóxica ofreza novas solucións, analizarase a posibilidade de incorporar innovacións neste eido que melloren a eficacia do dispositivo ou permitan avanzar na detección temperá de lumes.

19/06/201809:06
Cartel da xornada.
A Coruña

Ábrese a solicitude de invitacións para o vindeiro Coruña Bloggers

O vindeiro día 27 ás 19:00 horas terá lugar a XIX edición de Coruña Bloggers, encontro que cada mes xunta a apaixonados ás tecnoloxías, os blogs, as redes sociais e outras temáticas tanxenciais na Fundación Barrié da Coruña para escoitar un par de relatorios e completar a xornada cunha sesión de networking nun local de hostalaría próximo.

Este evento de carácter solidario (os asistentes deben achegar un mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica a xeito de billete) precisa de invitación para o control da asistencia, que nesta ocasión será limitada, xa que en vez de desenvolverse as charlas no auditorio, trasládanse a unha sala do cuarto andar do edificio, de xeito que limitan o aforo a 40 persoas.

O primeiro relator deste encontro será Iván Cernadas, blogueiro que falará de SEO e copywriting, ou sexa, que compartirá consellos de redacción de contidos para atraer tráfico e público na Rede.

Collerá o relevo Marta Falcón, que repite en Coruña Bloggers cunha actividade especial, xa que esta deseñadora de servizos vai facer que os presentes desenvolvan unha dinámica práctica en grupos para ver a importancia de pensar fóra da caixa á hora de proxectar os contidos dun blog.

19/06/201809:06
SpeakSee.
Santiago de Compostela

SpeakSee convertirá conversas en grupo a texto incluso en galego

Como ferramenta para a integración social das persoas con eivas auditivas son moi prácticas as tecnoloxías de recoñecemento de voz, pero normalmente só resultan prácticas para comunicacións de un a un, de aí que xurdise SpeakSee, un sistema portátil de micrófonos que poden transcribir conversas a texto con precisión, soportando a varios usuarios á vez, para facilitar que as persoas xordas poidan participar en conversas grupais, como ceas familiares, encontros cos amigos ou xuntanzas de traballo.

Esta solución está baseada nunha aplicación móbil que comunícase cos micrófonos sen fíos que poden pendurarse facilmente na roupa mediante imán, e presenta as conversas que están a ter lugar dun xeito semellante a como sería unha aplicación de mensaxería instantánea, co detalle de que neste peculiar chat cada un dos recadros de texto estará na cor do micrófono que recolle a voz, ou sexa, que será doado distinguir o que di cadaquén por separado, facilitando o seguimento do fío das conversas. Sería algo semellante a gozar de subtítulos do mundo real (e incluso podería aplicarse a chamadas telefónicas).

Para facer posible esta tecnoloxía están a recadar financiamento a través de Indiegogo, onde teñen marcado como obxectivo o mes de febreiro de 2019 para ter este produto listo, que pode reservarse por un prezo de 249 dólares para 1 base e 1 micrófono ou por 379 dólares para unha base con 3 micrófonos (a opción claramente máis recomendable). Pero a compra do hardware non sería o único investimento a realizar, xa que a tecnoloxía de SpeakSee é un servizo de subscrición, que ofrece até 5 horas de balde ao mes, pero que para un uso frecuente precisaría do pagamento de 9,99 dólares/mes.

Os micrófonos de SpeakSee serían dispositivos con batería recargable que funcionarían a unha distancia de até 20 metros da súa base, contando tamén cunha entrada adicional de audio (para poder o micrófono a un teléfono ou a un televisor). A tradución da voz a texto podería verse nunha aplicación móbil e unha das grandes vantaxes deste sistema é que traballan con compañías que aseguran poder recoñecer máis de 120 linguas e variantes, de xeito que, por exemplo, recoñece até 20 variantes do español e, sorprendentemente, tamén aseguran que o sistema funcionará para transcribir de voz a texto o galego.

 
19/06/2018De 19:00 a 20:30h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Adestra a túa memoria de forma divertida coas TIC

Sabías que dedicando só 15 minutos ao día con exercicios sinxelos podes ter unha mellor memoria?

Descobre como co uso da Tecnoloxía o facer exercicios e prácticas para manter o teu cerebro activo é moito máis divertido e efectivo!

Neste curso mostraremos aplicacións e recursos que podes utilizar de forma diaria para que a túa mente estea en forma. Anímate e participa!

18/06/201809:06
Acto de entrega dos diplomas.
Pontevedra

Down Pontevedra Xuntos e a Fundación Vodafone España recoñecen a alumnos/as con síndrome de Down preparados para dar o salto ao mercado laboral

  • 8 mozos con discapacidade intelectual recibiron un diploma que acredita que están preparados/as para traballar nunha empresa ordinaria
  • Este ano recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de Down Pontevedra Xuntos
  • Preto de 1.000 alumnos con discapacidade intelectual de toda España formaron parte do programa "Yo me prep@ro"

 

Esta mañá tivo lugar en Pazo Mugartegui (Pontevedra), "Estamos prep@rados", un acto de recoñecemento no que Down Pontevedra Xuntos e a Fundación Vodafone España entregaron diplomas aos 8 mozos con síndrome de Down que superaron o programa "Yo me prep@ro" de formación en Novas Tecnoloxías. Con este certificado, ambas as entidades acreditan que os/as mozos/as adquiriron as destrezas nas TIC que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.

A encargada de repartir estes títulos foi a responsable local do programa "Yo me Prep@ro", Paula Villaverde Gondar, quen tamén entregou diplomas ás empresas participantes no programa polo seu apoio á inclusión laboral do colectivo: Sincofa S.L., Deputación de Pontevedra, Arume Alimentación Saudable Galega, Asociación Manaia, BBVA, A´Devesa e Alcampo SAU. Estas empresas ofreceron aos/ás alumnos/as a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.

Tanto os/as mozos/as como os/as empresarios/as compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores/as xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros/as. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores/as con esta discapacidade intelectual.

No acto interviñeron a deputada da Área de Emprego, Monserrat Magallanes; o secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ramón Pereiro; a concelleira de Benestar Social e Deportes do Concello de Pontevedra, Anxos Riveiro; o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro; e o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez.

A deputada da Área de Emprego comezou resaltando a importancia da formación para acceder ao mercado laboral. Tamén afirmou que a sociedade "necesita esa integración real e efectiva tratando de eliminar aquelas barreiras que fan que, para algunhas persoas, sexa un pouco máis diferente conseguir o que todos queremos: que é desenvolver un horizonte, un proxecto de vida e ser, en definitiva, independentes social e economicamente".

O secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra aproveitou a ocasión para lembrar o compromiso da Xunta "coa visibilidade e concienciación pública respecto á síndrome de Down".

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Deportes declarou estar moi orgullosa do traballo da Asociación e incidiu na importancia do programa "Yo me prep@ro": unha acción que, nas súas palabras, "parece digna de ser coñecida e recoñecida".

Durante a súa intervención, o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia destacou a importancia da formación en Novas Tecnoloxías para a inclusión laboral das persoas con síndrome de Down e quixo agradecer a súa involucración aos participantes do programa: "é un orgullo o que conseguistes; pola nosa banda, puxemos á vosa disposición as ferramentas para que vós poidades aprender e acceder a un emprego".

O presidente de Down Pontevedra - Xuntos explicou o programa, que definiu como "un ambicioso proxecto de formación nas Novas Tecnoloxías para persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais co que se pretende facilitar a súa inserción laboral".

Durante o acto tamén interveu a xerente de Panaderías A Devesa, unha das empresas recoñecidas, que contou a súa experiencia coa contratación de Helga García, participante do programa "Yo me prep@ro": "Todos os comezos son complicados pero Helga tivo que ir un paso máis aló porque estaba en todas as tendas, tivo que coñecer e adaptarse a once encargadas diferentes, once equipos de traballo e once costumes. A verdade é que foi un pracer a experiencia". Pola súa banda, Helga destacou a relación cos seus compañeiros de traballo: "Gustoume moito traballar en Panaderías A Devesa, tiven moi boas compañeiras que me axudaron".

 

O programa "Yo me prep@ro". 

O obxectivo do programa "Yo me prep@ro", que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlos a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 usuarios/as de Down Pontevedra Xuntos, que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado/a. Estes/as alumnos/as da provincia de Pontevedra sumaranse a outros/as en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.

Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario/a comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.

18/06/201809:06
Presentación da Web FamilyON.
Madrid

Orange presenta FamilyON, unha Web para gozar da tecnoloxía en familia

  • FamilyON, desenvolvida coa colaboración da Fundación Universidade de Pais, ofrece unha serie de divertidas actividades multimedias que potencian habilidades como a creatividade, o pensamento crítico, a intelixencia racional ou a innovación.
  • Con exercicios para dous tramos de idade, a web propón actividades con ferramentas como Toontastic, Scratch ou Geoguessr e pon a disposición das familias fichas pedagóxicas e tutoriales.

 

Orange presentou a Web FamilyON, un espazo pensado para que as familias poidan gozar da tecnoloxía, realizando divertidas actividades á vez que se potencian habilidades como a creatividade, o pensamento crítico, a intelixencia racional ou a innovación.
 
Desenvolvida coa colaboración da Fundación Universidade de Pais, equipo que elaborou e que é responsable dos contidos pedagóxicos do proxecto, FamilyON ofrece actividades desagregadas en dous tramos de idade.
 
Por unha banda, Os Exploradores, actividades pensadas para familias con nenos de entre 8 e 12 anos coas que se traballan a intelixencia creativa, o pensamento crítico, a empatía e o traballo en equipo. Estes xogos interactivos permiten adestrar as habilidades de todos os participantes no uso de ferramentas tecnolóxicas como Tootastic, Scratch, Piktochart, Kahoot, Gueogessr ou Powtoon, e ademais axudan a potenciar elementos positivos como a autoestima, a comunicación interxeneracional ou a intelixencia emocional.
 
Doutra banda, Os Loitadores, para familias con nenos maiores de 12 anos. Neste apartado FamilyOn propón aos pais e adolescentes unha aventura compartida onde o traballo en equipo é fundamental para gozar da familia e da aprendizaxe compartida da tecnoloxía e das habilidades necesarias da toma de decisións. Os Loitadores concibiuse como unha única actividade, con oito etapas diferentes, na que, mediante o uso de todas as ferramentas TIC (buscadores de información, redes sociais, tutoriales), adolescentes e adultos adestran o pensamento racional, a toma de decisión e a acción responsable. Todos os xogos exponse cunha estrutura de obxectivo-reto, fomentando así o liderado, a motivación e o traballo colaborativo.
 
Todas as actividades contan con tutoriales e fichas pedagóxicas que facilitan a súa realización.
 
Ademais, a través da sección "Aprende  +"FamilyON ofrece, no seu blogue, diversos contidos de actualidade relacionados coa tecnoloxía e a familia, e abre, á súa vez, un espazo para que as das familias participantes que queiran compartir a súa experiencia poidan facelo de viva voz.
 
En definitiva, FamilyON trata de cumprir un triplo obxectivo: promover o uso seguro e responsable da tecnoloxía, fomentar o diálogo entre pais e fillos e desenvolver a competencia dixital familiar.
 
O proxecto vén completar a aposta de Orange  por un uso seguro e responsable das tecnoloxías, unha das súas principais liñas de actuación no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa no que destacan iniciativas como a plataforma para profesores EducaInternet ou a campaña "Por un uso Love da tecnoloxía", unha campaña destinada a xerar debate no seo familiar ao redor de temas como o ciberbulling, sexting, sharenting, contidos ilícitos, etc... que en algo máis de sete meses sumou xa máis de 10 millóns de visualizacións.
 
Máis información na Web FamilyON.
1 mes 1 profesión dixital
Online

Convocatoria Proxectos de Transformación Dixital 2018-19

"Conectados pola Accesibilidade" é unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa Sociedade.

18/06/201809:06
Parte do cartel do evento.
A Coruña

A XVII edición de Mundos Digitales contará cos mellores creadores de contidos dixitais do mundo

Mundos Digitales, o congreso internacional máis importante para os profesionais do sector da animación, os efectos especiais, videoxogos e os novos media que se celebra en España, abrirá de novo as súas portas do 5 ao 7 de xullo na Coruña para celebrar as súa XVII edición. De novo, os tres días do congreso acollerán conferencias, obradoiros e encontros cos mellores creadores da industria, que expoñerán as máis novas técnicas de creación dixital en cinema, televisión, videoxogos, publicidade e novas aplicacións que van desde a arquitectura dixital ata o márketing. 

«Un ano máis, teremos a responsables de grandes estudos norteamericanos e europeos como Walt Disney ou Epic Games e a estrelas do sector como Jayse Jansen ou Mike Ladlaw, pero tamén entre os conferenciantes hai moitos profesionais españois: algúns traballan nas grandes multinacionais do sector e outros evolucionaron ata crear as súas propias compañías, convertéronas en punteiras e están a desenvolver proxectos de gran envergadura de forma independente», sinala o director de Mundos Dixitais, Manuel Meijide, quen engade que «estamos nun momento clave para o sector en Galicia, coa posta en marcha dun grao de creación de contidos dixitais, animación e videoxogos que se suma ao posgrao en videoxogos que ofrece a Universidade da Coruña, que nos obriga a afrontar retos como a identificación de talento, a aceleración e a internacionalización».

Por iso, nesta edición de 2018 de Mundos Digitales, que se celebrará un ano máis en PALEXCO, hai espazo para a industria galega. É o caso da produtora coruñesa Gato Salvaxe, que xunto a Mundos Dixitais puxo en marcha Videoxogos. gal Asociación galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, presentada o xoves en sociedade nun encontro na Coruña

«Videoxogo. gal naceu con cinco socios pero está aberta a que se sumen máis, e non só produtoras, senón que nos gustaría incorporar a medios, profesionais, empresas auxiliares ou calquera industria que teña que ver cos contidos interactivos», sinala Fernando Prieto, de Gato Salvaxe. No encontro, ao que asistiron numerosos profesionais do sector en Galicia, anunciouse que o ingreso en Videoxogo.gal dará dereito a entradas de balde para Mundos Dixitais durante os tres días de celebración do congreso. 

Ademais das conferencias, obradoiros e encontros entre profesionais, unha das actividades máis importantes de Mundos Digitales é a feira de emprego, a segunda máis importante de Europa no sector, na que preto de 20 empresas buscarán este ano novos talentos para os seus proxectos. «É unha das claves de Mundos Digitales: a posibilidade de abrir a porta ao mundo laboral a mozos creadores, desenvolvedores ou técnicos», asegura Meijide. 

Nesta edición, Mundos Digitales incrementa os contidos da sección Out of the Box, centrada en novas aplicacións industriais e empresariais da creación dixital e reforza a sección School Leads, dedicada aos centros formativos, universidades, escolas e academias españolas do sector da animación, os efectos visuais e os contidos dixitais en xeral. A oferta de actividades complétase co Festival Internacional de Curtas de Animación.

 

Conferencias

Na edición deste ano repite asistencia Rajesh Sharma, director tecnolóxico de Walt Disney Animation Studios, que protagonizou unha das conferencias máis concorridas da pasada edición e que nesta ocasión describirá, de principio a fin, o proceso de facer películas de animación e os retos do futuro deste xénero.

Sebastian Sylwan, CTO e socio creativo de Felix & Paul Studios, presentará as últimas tendencias no puxante sector de narrativas en ambientes inmersivos. Sylwan é o creador de experiencias inmersivas de alta calidade como Jurassic Park e Inside the White House with Barack and Michelle Obama. Outro conferenciante de primeira fila será Jayse Hansen, o cerebro detrás de interfaces de usuario ficticias como as que ven en películas de éxito como Los Juegos del HambreIron Man e Star Wars.

Tamén están confirmados Mike Ladlaw, un dos mellores consultores da industria dos videoxogos que colabora agora coa empresa coruñesa Gato Salvaje na súa nova creación, The Waylanders. Fernando Prieto, socio e produtor executivo de Gato Salvaje será outro dos conferenciantes. Os responsables do Ranchito, a produtora de FX máis internacional do noso país que colaborou en series e películas como Juego de Tronos e Un monstruo viene a verme, desvelarán o seu traballo para reproducir a Verona de Romeo e Julieta na serie Still Star Crossed.

18/06/201809:06
Cartel da campaña.
Santiago de Compostela

Ábrese a convocatoria dos Proxectos de Transformación Dixital 2018-19

A Fundación Vodafone España anuncia que se atopa aberta a convocatoria pública dos Proxectos de Transformación Dixital, co obxectivo de apoiar novas iniciativas baseadas na innovación tecnolóxica aplicada ás persoas con discapacidade, que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa sociedade.

Este proxecto forma parte de Conectados pola Accesibilidade, unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC, ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade. Actualmente, na comunidade participan máis de 150 entidades locais e son máis de 4.095 persoas con discapacidade e profesionais os que comparten retos e experiencias que dignifican ás persoas con discapacidade e contribúen ao seu desenvolvemento persoal. Conectados pola Accesibilidade púxose en marcha pola Fundación Vodafone España co apoio de Plena Inclusión España, Down España, Orde Hospitalaria San Juan de Deus, FEDACE, Confederación ASPACE e Hospital Vall D'Hebrón.

Na convocatoria poderán participar todas as entidades e federacións do ámbito da discapacidade que estean acollidas ao réxime fiscal especial previsto para este tipo de organizacións. Os proxectos deben presentarse conxuntamente en colaboración de dúas ou máis entidades e consistirán en poñer en práctica distintos escenarios de uso de novas solucións tecnolóxicas, tecnoloxía xa existente, ou que leve pequenas adaptacións. Ademais da innovación, valorarase entre outros criterios, a escalabilidade e sustentabilidade da solución. A convocatoria conta cun orzamento total de 225.000 euros, no que cada candidatura pode recibir ata 15.000 euros, sendo seleccionadas ata un máximo de 15 proxectos. O prazo para presentarse en liña finaliza o día 15 de xullo.

18/06/201808:06
Mar Pereira e José Manuel Rey Varela firmando o convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia organiza por primeira vez dous campamentos tecnolóxicos de verán dirixidos á mocidade

  • O albergue xuvenil de Gandarío acollerá do 1 ao 8 de setembro dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, que lles permitirán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo e os fundamentos para a creación, control e voo dun dron

 

A Xunta de Galicia amplía a oferta de actividades de ocio e formación dirixidas á xente nova para esta tempada estival coa organización de dous novidosos campamentos centrados no fomento das vocacións tecnolóxicas. Esta acción, enmarcada, no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent 2020) que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), engádase á programación da Campaña de Verán 2018 que impulsa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, na que tamén se enmarca 

Precisamente, o conselleiro José Manuel Rey Varela, e a directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez, veñen de asinar o convenio de colaboración para o desenvolvemento destes novos campamentos de educación non formal que terán como sede as instalacións do Albergue Xuvenil de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo. En concreto, estas novas accións denomínanse ‘Vídeo Mapping. Fai visible o que levas’ e ‘A vista de paxaro. Primeiros pasos con drons’, de 20 prazas cada un e que se celebrarán do 1 ao 8 de setembro. 

Na primeira destas dúas propostas, os participantes poderán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo, e mediante o emprego de ferramentas informáticas serán quen de crear as súas propias composicións e compartilas cos seus compañeiros, mesmo con proxeccións nocturnas no propio albergue. Pola súa banda, na segunda, os mozos e mozas achegaranse aos fundamentos que permiten a creación, o control e voo dun dron.

Aos mozos e mozas que participen facilitaráselles aloxamento no albergue de Gandarío durante as sete noites que dura o campamento, manutención completa e o material preciso para o desenvolvemento do programa de actividades establecido. 

O obxectivo da oferta de accións de verán da Xunta é que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: culturais, deportivas, ambientais, de voluntariado ou, como é o caso, de carácter tecnolóxico. Trátase de que a xente nova se divirta ao mesmo tempo que se fomenta o seu enriquecemento vital e persoal.

Por outra banda, estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás é tamén un obxectivo prioritario da Xunta, recollido na Axenda Dixital de Galicia e que se materializa en actuación como o Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS