main content

main content
22/06/2018De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Seguridade en Internet e recursos de protección en dispositivos móbiles

A Tecnoloxía e Internet bríndanos multitude de posibilidades, pero para facer un correcto uso dela tamén é necesario coñecer os perigos cos que nos podemos atopar no seu uso.

Neste curso convidámoste a que deas un paso máis na túa formación e coñezas os seguintes contidos:

  • Principais perigos ao navegar por Internet
  • Ferramentas para manter os nosos equipos protexidos
  • Exemplos actuais de estafas en Internet para evitalas
  • Aplicacións de "Control parental" para avós e persoas que teñan menores ao seu cargo
21/06/201809:06
Dron voando.
Ourense

Máis de 550 persoas inscribíronse para participar nos Campamentos Tecnolóxicos da Molinera

Os Campamentos Tecnolóxicos de A Molinera (Ourense) están a resultar un éxito de pre-asistencia. En termos máis concretos, inscribíronse na actividade máis de medio milleiro de persoas, 557 en total. Máis polo miúdo, apuntáronse 98 persoas no campamento de audiovisual; 153 no campamento de realidade virtual; 70 no campamento de arquitectura 3D; 139 no de robótica e 97 no de drons. Este mediodía o pleno do Concello acollerá o reparto das prazas a través de sorteo aberto ao público. 

Amais dos devanditos, desenvolveranse 5 campamentos tecnolóxicos temáticos, con 30 prazas por campamento e unha duración de 1 semana. 

Poderán participar nestas actividades crianzas nacidas entre os anos 2010 e 2003, ambos incluídos. Os campamentos englóbase no proxecto A Molinera Kids, que organizan a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, e o Concello de Ourense. Ofertan un total de 150 prazas, divididas en cinco quendas, unha por cada unha das semanas que van desde o 25 de xuño ao 27 de xullo. 

O Campamento I (25 ao 29 de xuño) estará adicado aos Audiovisuais, e inclúe creación de fotografías Painting Light, edición de vídeos con Chroma Key, creación dunha curtametraxe de animación 3D e creación dun foto-cómic. O Campamento II (2 ao 6 de xullo) adicarase á realidade virtual e abrangue a creación dun mundo virtual, de animacións en 360º, dun avatar con fotografías e dun mundo con Minecraft. O Campamento III (9 ao 13 de xullo) será sobre arquitectura 3D e incorpora a creación dunha vivenda en tres dimensións, de maquetas e de son con placas Arduino. O Campamento IV (do 16 a 20 de xullo) será sobre robótica e ten as seguintes actividades: creación dun videoxogo, dun robot, dunha peza en impresión 3D e dunha estrutura Lego en 3D. O Campamento V, sobre drons, incluíra pilotaxe de vehículos aéreos, simulador e creación de radio por Internet. 

As crianzas participantes en cada campamento dividiranse en dous grupos en función da idade (de 8 a 11 anos e de 12 a 15 anos).

Con estas propostas preténdese fomentar as posibilidades creativas da cativada, fomentar o traballo en equipo, a cooperación, o espírito emprendedor, o interese por descubrir e contar, xerar ferramentas de expresión que posibiliten a comunicación artística, ou motivar a aprendizaxe a través da experiencia, entre outras cousas.

21/06/201809:06
Presentación da Galicia Maker Faire.
Santiago de Compostela

A cuarta Galicia Maker Faire confirmará o protagonismo de Santiago como cidade argalleira

Onte presentouse na Cidade da Cultura a cuarta edición de Galicia Maker Faire, a gran feira galega do coñecemento, das capacidades tecnolóxicas para compartir e da filosofía, apicada á innovación do noso tempo, de “se queres, podes facelo” (o movemento Maker). Na cita participaron Marta Lois, concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo; Berta Álvarez-Buylla, responsable do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, e Matilde Rodríguez Domínguez, co-organizadora da Galicia Maker Faire. A cita, segundo fixeron saber, celebrarase no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 23 ao 25 de novembro. 

As participantes na presentación tamén coincidiron á hora de asegurar que a Maker Faire é “a maior feira de inventores do mundo”, un escaparate “para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas” e que aglutina creatividade en ámbitos como a gastronomía, a robótica, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía.

No acto de hoxe, no que se lembrou que durante as edicións de 2015, 2016 e 2017 acudiron máis de 30.000 asistentes e ao redor de 500 argalleiros expuxeron os seus proxectos, fíxose fincapé no especial significado desta cuarta entrega, que será a confirmación definitiva do evento “como o máis importante da Península” na súa materia, tanto en número de argalleiros como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de cidades como Roma e París.

Respecto do programa, o venres celebrarase unha xornada enfocada en exclusiva ao sector profesional da industria 4.0 e movemento Maker, “favorecendo así que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. 

Polo que atinxe á fin de semana, manterase para o público xeral, cunha programación para todos os públicos que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos, entre outras moitas mais actividades programadas.

Para esta edición, a organización volve apostar tamén pola “internacionalidade do evento”, con relatoras/es e expositores de referencia, entre os que cómpre salientar (como primeiro confirmado) ao deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, unha das empresas mais coñecidas de creación de robots humanoides a nivel mundial.

Durante o evento o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 12 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc).

21/06/201809:06
Participantes no curso.
Monforte

A Fundación TIC adestra nas posibilidades dos móbiles aos maiores de Monforte

Seguimos a dar conta das accións formativas no rural, adestrando tecnoloxicamente á poboación de idade, da Fundación TIC da Deputación de Lugo. Se onte falabamos do obradoiro celebrado na Mariña, hoxe é a quenda de achegarnos a Monforte, onde se desenvolve o curso Manexo básico de móbil-smartphone que organiza a devandita entidade da Deputación. No obradoiro fixeron acto de presenza (hoxe) o deputado Miguel Angel Sotuela Vega e o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.

Sotuela Vega salientou que “este é un dos varios e exitosos cursos que dende a Fundación TIC de Lugo levamos a cabo por toda a provincia e que pretendemos que continúe a ser desta mesma maneira”. 

O dito curso de Monforte diríxese a familiarizar aos asistentes co uso dos ditos dispositivos e a introducilos nas súas principais vantaxes de comunicación e de busca de información e coñecemento en xeral. 

O obradoiro insírese no programa de alfabetización tecnolóxica da Fundación TIC para o rural deste segundo trimestre de 2018. Os días pasados as actividades chegaron a concellos como Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín, Baleira e Fonsagrada, amais da comarca da Mariña. En todas as citas estase a conseguir un alto nivel de participación, o que demostra, en palabras da Deputación, “o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. 

O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC. 

En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

21/06/201808:06
Certificado de Down España para Primux.
Ourense

Primux, recoñecida por Down España polo seu labor inclusivo

A firma galega Primux, amais de ser unha fabricante tecnolóxica referencial, é unha empresa comprometida socialmente. Proba diso son novidades como a aplicación de seu para permitir o uso de smartphones entre persoas con problemas de visión ou, máis recentemente, o recoñecemento recibido por Down España que certifica a Primux como empresa comprometida coa inserción laboral de persoas con síndrome de Down

O certificado Estamos preparados foille concedido durante un acto celebrado na Confederación de Empresarios de Ourense, no que se salientou o apoio da empresa (cuxo centro de I+D atópase na Tecnópole) á inserción laboral do colectivo.

O programa no que se inclúe a participación de Primux, Yo me prep@ro, promovido localmente por Down Ourense e a Fundación Vodafone España, trata de concienciar sobre a inclusión laboral das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. O obxectivo do programa, que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar aos ditos colectivos as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso axeitado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de “axudarlles a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible”.

21/06/201808:06
Imaxe de Google Home nun fogar.
Santiago de Compostela

Benvido, Google Home

  • Pasou bastante tempo, pero xa podemos dicir que Google Home aterrou en España, despois de que a compañía anunciase esta semana o lanzamento deste asistente por voz deseñado para axudar nos seus fogares a todas as persoas grazas á súa tecnoloxía de intelixencia artificial.

 

Este asistente por voz é especialmente útil para persoas con discapacidade xa que facilita a interacción tanto coa información de Google como con outros dispositivos que se poden conectar a este sistema.

Así, persoas con dificultades para o movemento ou con perda de visión poderán utilizar este asistente mediante a voz, superando barreiras que xeralmente sofren con outros dispositivos, especialmente coa masificación das pantallas táctiles.

O sistema actívase ao pronunciar as palabras "Ok, Google", e é capaz de comprender o que o usuario lle pide para recibir información ou para interactuar con dispositivos e electrodomésticos que estean conectados ao sistema.

Google Home incorpora un sistema de altofalante e de micrófonos de longa distancia para facilitar o seu uso en calquera parte do fogar.

Ademais, Google Home chega a España co seu irmán pequeno, a versión Mini, e con Google Wifi, que axuda a levar o sinal de Internet a todo o fogar con servizos intelixentes.

Unha gran noticia que este sistema aterrase en España xa que se postula como un dos grandes protagonistas dos fogares conectados, que supoñerán unha gran revolución para millóns de persoas con discapacidade.

21/06/201808:06
Logo 5G.
Santiago de Compostela

A Amtega e a AETG organizan o primeiro foro galego sobre os retos e oportunidades do 5G

  • O 27 de xuño operadores, fabricantes, clientes do ámbito empresarial, administracións públicas e entidades con iniciativas de 5G debaterán na Cidade da Cultura o potencial e o impacto desta tecnoloxía


O vindeiro 27 de xuño Santiago acollerá o foro “Oportunidades e retos das redes 5G”, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG). Trátase do primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.

O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G. Os interesados en asistir pódense inscribir na xornada a través do correo cdtic@xunta.gal.

 

Tecnoloxía 5G e marco estratéxico
Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. 

O segundo bloque abordará o marco estratéxico ante o 5G co relatorio dun representante da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital. A continuación terá lugar unha mesa redonda na que diferentes representantes de entidades e grandes empresas de diferentes ámbitos, como o Sergas ou PSA, abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.

 

Operadores e fabricantes
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, head of Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.

A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. Head of Strategy, Gov’t & Industry Relations, Marketing & Communications de Ericsson: Álvaro Sánchez. Head of Telefónica Account at Nokia; e José Nicolás Domínguez-Staedke, Strategy & Business Development at Colmena.

 

Entidades con iniciativas baseadas en 5G
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, Innovation Manager at Quobis; Luis Pérez Freire, director General de Gradiant e Héctor Estévez, Director General de Centum Research & Technology

As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas. 

A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.

21/06/2018De 11:30 a 12:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Os mellores trucos de WhatsApp para comunicarte cos teus familiares e amigos

Se utilizas WhatsApp para chatear, observarías que hai novos cambios e utilidades na aplicación. Queres coñecelos? 
 
Contidos

  • Novas utilidades de WhatsApp
  • Tipos de envíos con imaxes editadas e gifs animados
  • Usa a túa voz para escribir en texto as túas mensaxes
  • Consellos de utilización
21/06/2018De 11:30 a 12:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Fotografía dixital para un verán inesquecible

Este verán consegue imaxes das túas vacacións máis creativas e con resultados moito máis profesionais.
 
Contidos

  • Consellos para realizar fotografías con teléfonos intelixentes
  • Aplicacións para gardar, editar imaxes e melloralas
  • Creación de colaxes e fotografías con textos
  • Realización de imaxes con movemento para compartir por WhatsApp ou por outras aplicacións
1 mes 1 profesión dixital
Online

MEET AND CODE 2018

O obxectivo de MEET AND CODE é introducir a nenos e mozos, entre os 8 e 24 anos, no mundo da tecnoloxía e a programación. Os eventos están deseñados para mostrar aos mozos o divertida que pode ser a programación e como pode axudar a que as ideas cobren vida. Aprenderán como funciona a tecnoloxía e como as TI afectan as nosas vidas diarias. Ao explorar unha ampla gama de temas tecnolóxicos, dixitais e desenvolvendo unha programación creativa, animaráselles a desenvolver as destrezas dixitais que se necesitan no mundo de hoxe.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS