main content

main content
29/06/201810:06
Cartel do evento.
Vigo

Os nosos centros preparan unha nova cita (a terceira) coas máquinas que pensan

Xa non é que a aprendizaxe das máquinas (Machine Learning) chegase para quedar, é que cada ao imos escoitar falar máis de sistemas e robots con capacidade de aprender e de tomar as mellores decisións, a medida que progresen e se espallen cousas como a tecnoloxía 5G, os datos a gran escala e as ferramentas de análise destes datos, os algoritmos avanzados ou a Internet das Cousas. Co fin de afondar no potencial de uso das máquinas “pensantes” nunha manchea de sectores empresariais, vaise organizar en Vigo, da man dos centros tecnolóxicos galegos, unha nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018

workshop, previsto para o vindeiro 18 de outubro, virá da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordina o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) e o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC). 
O gran obxectivo da xornada é impulsar os avances en ML, xa que, segundo sinalan os ditos centros tecnolóxicos, “o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que temos por diante un futuro cheo de novos retos e oportunidades”. Para a organización do workshop, o espallamento do ML xa está a xerar importantes achados en ámbitos como os seguintes: sistemas de procura, análise de textos e redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria ou aplicacións de analítica para a intelixencia do negocio.

Segundo engaden os centros organizadores do evento, nesta edición darase prioridade aos traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning en casos reais, co fin de mostrar á industria o potencial destas tecnoloxías. Tamén se valorarán traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou industrial.

O comité científico da xornada está formado por Ricardo Cao (CITIC - UDC, ITMATI), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC – UVigo), David Mera Pérez (CiTIUS – USC), Andrés Gómez Tato (CESGA) e Fernando Vázquez Núñez (Imatia). Este ano a relatora convidada será Ana Peleteiro Ramallo, directora de Ciencia de Datos en Tendam (previamente, o grupo Cortefiel) coa súa charla titulada Vivindo a era da IA: contos de Machine Learning e datos".


Lugar de celebración
Tralo éxito colleitado en 2016 e 2017, cunha manchea de relatorios e máis de 100 participantes (entre investigadores e empresas en cada edición, AtlantTIC asume a organización da III edición do Machine Learning Workshop Galicia, que será o 18 de outubro de 2018 en Vigo a partir das 09:00 na Sede Afundación, Rúa Policarpo Sanz, 24-26.

29/06/201810:06
Presentación do curso.
Celanova

O curso de audiovisual de Celanova achega adestramento en novos formatos e vieiros

Celanova vaise mergullar este mes de xullo nas novas correntes do audiovisual e novos xeitos de presentárnolo nas nosas casas. Estamos a falar da quinta edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CEMAC), que este ano celébrase do 3 ao 6 de xullo. O obradoiro, integrado no programa de extensión universitaria do Campus de Ourense (UVigo), contará entre os seus “adestradores” cos responsables de Tele5 e Mediaset e con parte do equipo da serie Fariña

Amais, dará acubillo á estrea de Luz de Contra, feita por alumnado da Universidade de Vigo. O curso servirá para tomarlle o pulso á narrativa audiovisual do noso tempo (vieiros, formatos e pantallas). Na presentación, celebrada na sede da Deputación, participaron Esther de Blas, vicerreitora do Campus, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade colaboradora. 

Tamén fixeron acto de presenza o administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares, Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC, José Luís Ferro, alcalde de Celanova, e Paulino Pérez, director do Taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, que forma parte do Curso de Medios Audiovisuais, quen foi o encargado de dar os detalles desta edición. Pérez salientou do curso que novamente “mesturará proxeccións con conferencias e debates nos que participarán profesionais do sector audiovisual galego e estatal”. Entre os protagonistas deste ano destacou a Mediaset/Tele 5, coa participación de Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España; Félix Sabroso, director de contidos e ficción deste grupo, e Sergio G. Sánchez, director e guionista da súa produción El Secreto de Marrowbone. Do eido galego apuntou a participación da Voz Audiovisual, coa súa directora Fernanda Tabarés ao fronte; de actrices de Fariña como Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias e do actor Manuel Lourenzo e a proxección de producións galegas como Matria, entre outros aspectos.

28/06/201812:06
Vista parcial dun teclado coa tecla enter en vermello.
Madrid

Indra e a Fundación Universia lanzan a III Convocatoria de Axudas a proxectos de Tecnoloxías Accesibles

Indra e a Fundación Universia lanzaron a III Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada á creación de novas tecnoloxías accesibles, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

Os proxectos deben estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade ou favorecer o seu acceso ao emprego.

 

Requisitos para a presentación de proxectos

Entre os criterios requiridos, destaca a excelencia tecnolóxica da solución, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, segundo o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea, ademais do seu nivel de innovación.

Tamén se terá en conta que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.

Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais das persoas con discapacidade e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará a participación nos proxectos de investigadores ou alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións e fundacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de centros de produción de software de Indra en España. Ademais, valorarase que potencien sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos por Indra.

A convocatoria diríxese a entidades pertencentes ao sistema universitario español, que poden presentar as súas propostas desde o 26 de xuño ao 15 de outubro na páxina web de Indra e no portal http://www.tecnologiasaccesibles.com. A preselección das propostas finalistas será realizada por profesionais voluntarios de Indra e unha comisión de adxudicación, formada por recoñecidos expertos, elixirá as tres iniciativas que recibirán financiamento e que se darán a coñecer o 3 de decembro, coincidindo co día internacional das persoas con discapacidade.

28/06/201812:06
Cartel do evento.
Madrid

Terminus7 convoca o primeiro Hackathon de Intelixencia Artificial solidario en busca de solucións para prevención do cancro de mama e a diabetes

  • Máis de 50 desenvolvedores vivirán unha xornada maratoniana no Hackathon #AI4Good, convocado por Terminus7, que supoñerá unha oportunidade única que unirá tecnoloxía, talento, competición e solidariedade e ademais, o recadado doarase á Asociación de Diabetes de Madrid e a GEICAM.

 

A Intelixencia Artificial acumula boa e mala prensa case a partes iguais. A esperanza xerada polas infinitas posibilidades que esta tecnoloxía vaticina para o futuro -e evidencia desde hai xa tempo- é tan grande como o medo que suscita. Con todo, os expertos deste campo non cren que o futuro sexa apocalíptico senón prometedor, e para evidencialo, máis de 50 programadores e programadoras, con nivel inicial e experto, da área do Machine Learning e o Deep Learning de toda España déronse cita en Madrid para traballar xuntos e compartir coñecementos nunha xornada maratoniana cun mesmo obxectivo: cumprir o reto de chegar a desenvolver solucións de predición e análise intelixentes destinadas a apoiar a loita contra o cancro de mama e a diabetes.
 
Trátase do Hackathon AI for Good (#AI4Good), posto en marcha por Terminus7, empresa de desenvolvemento de Intelixencia Artificial, e que avoga por unha IA que promova o desenvolvemento e resolución de problemáticas sociais actuais. E a saúde é un dos sectores con maior proxección e posibilidades en torno ao desenvolvemento de tecnoloxía predictiva. En casos de cancro de mama, por exemplo, o deep learning utilízase para o recoñecemento de imaxes médicas, a partir das cales poder diagnosticar tumores, analizar as súas características e facer un seguimento a pacientes. Sobre este tipo de tumores, hai estudos que apuntan a unha coincidencia do 93% entre resultados de sistemas intelixentes e outros achados por especialistas. En canto á diabetes, existen aplicacións con IA que, baseándose en datos, predín e avisan ao usuario dun episodio de hipoglucemia unhas tres ou catro horas antes de que se produza.
 
"Queremos contribuír ao cambio desa imaxe negativa e distorsionada que se ten da IA, desmitificando a idea de que se pode dar ás máquinas unha intelixencia próxima á conciencia que pode acabar sendo superior á nosa", apunta Cristina Aranda, CMO das empresas desenvolvedoras de Software e Intelixencia Artificial Intelygenz e Terminus7. "A Intelixencia Artificial non vai diso nin chegará a substituír o noso complexo sistema cognitivo humano. A IA, de momento, fai ás máquinas predictivas, dámoslles uns patróns de recoñecemento e fanse autómatas. É importante entender o que realmente é a IA para poder dirixir a nosa atención no que verdadeiramente achega á sociedade, ao mundo da empresa e a investigación, que é moito e de gran impacto".
 
De feito, a consultora Gartner publicou informes que demostran que a IA pode crear máis empregos dos que destrúe, sendo a área da saúde, o sector público e a educación os máis beneficiados. Os datos indican que a aplicación desta tecnoloxía mellora a produtividade de moitas empresas, eliminando postos de baixa cualificación, pero creando moitas novas posicións de alto nivel de formación, de especialidades, de xestión e administración e, mesmo, redefinindo outras variedades de perfís menos cualificados. "Por elo merece a pena o investimento e coñecer esta tecnoloxía polo seu inminente impacto social e económico", asegura Aranda.
 
Competición, investigación, programación e solidariedade: Hackathon #AI4Good, o 29 e 30 de xuño
O Hackathon #AI4Good, reunirá ao talento, calidade tecnolóxica, competición e ganas de mellorar a vida dos que máis o necesitan. O equipo de Terminus7 exporá dous retos aos participantes asistentes: no primeiro utilizarase un conxunto de datos sobre unha poboación real de persoas cuxa información deberá ser utilizada para predicir que suxeitos teñen diabetes e cales non; e o segundo, dun nivel moito máis avanzado, tratarase un conxunto de datos de imaxes de mamografías, desenvolvendo unha solución que indique en que imaxes se detectan anomalías e en cales non.
 
Os participantes organizaranse por equipos dun máximo de tres persoas e haberá tres premios en cada categoría por un valor de entre 150 e 600 euros, que outorgará un xurado experto en software e hardware.
 
Ademais, todo o recadado a través das inscricións será doado integramente ás ONG Diabetes Madrid e Geicam - Investigación en cancro de mama, así como todo o importe das camisetas que adoitan entregarse neste tipo de eventos. En España, uns dous millóns de persoas descoñecen que padecen diabetes e diagnostícanse cada ano 25.000 tumores mamarios. Ante esta realidade, o Hackathon #AI4Good supoñerá unha oportunidade única para unir coñecemento, ideas, talento e tecnoloxía para atopar solucións a problemas da poboación actual.
 
Máis información sobre o Hackathon #AI4Good
 
Data e hora
  • Venres, 29 de xuño: 19:00 a 21:00.
  • Sábado, 30 de xuño: 9:00 a 21:00.
Lugar
  • IBM Client Center Madrid. C/ Corazón de María, 44. 28002 Madrid
Máis información sobre #AI4Good na Web de Terminus7.
28/06/201812:06
Pantallazos da app.
Madrid

Unha App facilita a empresas cumprir coa Lei Xeral de Discapacidade

  • Plena Inclusión Madrid presentou durante a celebración da xornada Retos e Ferramentas do Emprego con Apoio, a App Discontrata que facilitará ás empresas o cálculo do número de traballadores con discapacidade que deben contratar segundo marca a Lei Xeral de Discapacidade para empresas de máis de 50 traballadores.

 

Grazas a esta App as empresas poderán calcular nuns minutos o número de empregados con discapacidade que deben contratar, e poderán contactar con REDempleo de forma que os máis de 90 profesionais expertos en emprego con apoio poidan asesoralos no proceso de contratación de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Discontrata está dispoñible xa en Google Play para usuarios de Android, e pronto o fará para os de iOS a través de APP Store.

Trátase da segunda App creada por REDempleo, despois de VideoCV, publicada en 2017 co fin de que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan crear de forma sinxela os seus propios videocurrículums cos que presentarse ás empresas.

A presentación tivo lugar durante a celebración da xornada Retos e Ferramentas do Emprego con Apoio, realizada grazas á participación no programa Poises da Fundación ONCE, con apoio do Fondo Social Europeo, na que tamén se presentou o Manual de Servizos de Emprego con Apoio.

Ligazón á noticia na web de Plena Inclusión.

28/06/201812:06
Unha persoa utiliza unha liña braille.
Santiago de Compostela

Como se prepara a industria para o novo estándar en liñas braille

Hai só unhas semanas traiámosvos a grande noticia sobre o traballo conxunto da industria tecnolóxica (incluíndo empresas como Microsoft, Apple ou Google) para desenvolver un novo estándar USB que permitirá conectar as liñas braille a case calquera computador de forma automática, sen a necesidade de instalar drivers, programas nin complementos.

Este grande avance permitirá que os usuarios de liñas braille, igual que sucede cando conectamos un teclado, poderán utilizar esta tecnoloxía en calquera computador, facilitando en grande medida o seu uso para persoas con discapacidade visual.

Hoxe, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas Xordocegas, quixemos repasar os retos aos que se enfronta a industria para que a implantación deste estándar sexa unha realidade.

En primeiro lugar, os creadores dos sistemas operativos que utilizan os computadores deben actualizalos para que sexan compatibles co novo estándar.

Neste proceso é clave que tanto Microsoft como Apple participasen no desenvolvemento do estándar, xa que, por unha banda, demostra o interese e a implicación de ambas as compañías neste proxecto; e, por outro, facilitará que os seus sistemas operativos sexan compatibles a el.

O seguinte grande reto é máis complicado e levará, previsiblemente, máis tempo, xa que será necesario que os fabricantes de liñas braille actualicen os dispositivos existentes e preparen os futuros desenvolvementos para que sexan compatibles co estándar.

Neste caso, un dos principais fabricantes de liñas braille do mundo, Freedom Scientific, explica no seu blogue que están comprometidos con que a súa última xeración de liñas braille Focus Blue actualícese para que sexa compatible. Con todo, engade que aínda non teñen un calendario previsto para esta actualización e, ademais, apunta que non será algo inminente.

Tamén explican en Freedom Scientific que a súa intención é que as liñas braille que utilicen este estándar sexan compatibles co seu produto "estrela", o JAWS, pero iso é algo que tampouco ocorrerá no curto prazo.

E, por último, cando a industria estea preparada será o momento para que os usuarios actualicen ou renoven as súas liñas braille con novos modelos compatibles co estándar. Algo que, inevitablemente, tamén levará o seu tempo.

En resumo, a creación deste estándar foi unha grandísima noticia para as persoas con discapacidade visual, incluídas as persoas xordocegas que utilizan de forma moi frecuente estes dispositivos, pero teremos aínda que esperar para ver a súa verdadeira implementación no mercado.

28/06/201811:06
Imaxe parcial dun computador e un rato.
Santiago de Compostela

O Clúster TIC celebra cinco mesas de traballo para visualizar os intereses das nosas empresas

O Clúster TIC de Galicia vai organizar este 28 de xuño cinco mesas de traballo arredor dos intereses principais do noso sector das novas tecnoloxías. A cita será no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela e insírese no marco da asemblea xeral ordinaria da plataforma empresarial. Nas sesións, os asociados poderán debater sobre algúns dos temas máis relevantes e de meirande proxección no eido das novas tecnoloxías da comunicación. Serán espazos físicos nos que, dende as 13:20 ata as 14:45 horas, os asistentes exporán o estado e posibilidades de participación e influencia do Clúster TIC. 

Os asociados están convidados a formar parte deste evento previo á asemblea. Tamén se ofrecerá un xantar de networking de balde para os asistentes. A intención é que con estas sesións de traballo se poidan extraer conclusións de valor e utilidade, sentando os alicerces dun debate do que abrollen medidas que favorezan “o posicionamento do colectivo sectorial como referente”, sinala o Clúster.

Os temas que se tratarán en cada una das mesas de traballo son os seguintes.

  • Mesa HUB de Innovación
    • Dentro do actual escenario de lanzamento de dous HUB de innovación por parte da Xunta de Galicia, analizarase o desenvolmento destas estruturas e tamén a posición do Clúster TIC nestas novas redes de fomento da dixitalización marcadas pola Comisión Europea. Os socios convidados a esta mesa son os seguintes: 3.14 Financial; Asigal, Atos, Ava, CESGA, Cinfo, Cloud Factory, ConfirmSign, LibreBit, EGATEL, Estratega, CITIC, Hacce, HPE, Idom, Igalia, Iterdata, R, RETEGAL, Sixtema e Tesla.
  • Mesa Formación
    • Esta mesa ten como obxectivo informar de novas convocatorias públicas de apoio á formación de empregados. Tamén se busca propoñer melloras a convocatorias xa pechadas co fin dun maior aproveitamento do financiamento público á formación. Concorren Academia Postal, Softic, Clictic, Computer-3, CPEIG, Dos Espacios, Forensic & Security, Galicloud, Formación EGS, Imatia, Indra, Cleventy, Nolegaltech, People and Market, Inprosec, Serviguide, Sicom, Softwcare, Softwhisper e Streaming Galicia.
  • Mesa Laboral
    • Ao fío do recente convenio colectivo estatal de empresas de consultoría e estudios de mercado e da opinión pública, esta mesa diríxese a elaborar un inventario de boas prácticas a establecer como recomendacións por parte do Clúster e que complemente o dito convenio. Nesta mesa os asociados convidados serán: Accentia, Abertal, Aitire, APDTIC, AGGETT, DataLawyers, Deza, Dinahosting, Intergal, Prosegur, Seidor, Itelsis, Satec, SIVSA, Tagen Ata, Plexus, Terravanza, Visual Publinet, Yourspace, Zadia Software e Zemsania. 
  • Novos recursos
    • Ante novas necesidades detectadas entre os asociados, búscanse medidas para incrementar as vocacións en carreiras STEM, tamén distintas estratexias para unha maior captación de recursos financeiros para proxectos innovadores e por último, ideas e medidas para a obtención de maior oferta de solo tecnolóxico. Os socios convidados a esta mesa son Altia, Bahía, Cafedered, Cai, Corunet, Deindo Ideas, Dimensiona, Windsock, Enxenio, Evelb, Everis, Sistemius, Desarrollo SEO, Igalia, Icarto, Macrotest, Redegal, Sicasoft, Tecalis e Wireless Galicia.
  • Negocio
    • Segundo informa o Clúster, en reunións recentes coa administración pública propúxose á organización empresarial galega inventariar solucións e proxectos tecnolóxicos de aplicación na administración. Nesta mesa tratarase de catalogar ideas e solucións de aplicación de novas tecnoloxías a servizos públicos para presentarllas de maneira conxunta. Os socios convidados son Aldaba, Anubía, Appentra, Avansig, Councilbox, Enxendra, Imaxin Software, Ilux, Imagames, Inforhouse, Infonet, Ítaca, Muutech, Ozona, Queres, Scio Soft, Serinfer, Situm, Teimas, Telecon Galicia e Torus Software. 

Tralo peche do debate, os asistentes estarán convidados a un xantar de networking que precederá á asemblea xeral ordinaria. Ao rematar a sobremesa arrancará a convocatoria, nunha primeira chamada ás 15:30 e nunha segunda ás 16:00. Tanto o evento de análise do sector como a reunión de asociados posterior terá lugar no auditorio da Biblioteca Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

28/06/201811:06
Presentación dos cursos.
Lugo

Entra na recta final o prazo para inscribirnos nos cursos tecnolóxicos pro-emprego da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo informou onte da entrada na súa recta final do prazo de matrícula dos seus cinco cursos formativos encamiñados a mellorar o currículo e o adestramento profesional das persoas en paro da provincia. Os obradoiros, ofrecidos a través de LugoWork, están inseridos no plan de emprego xuvenil da entidade provincial, que quere beneficiar a menores de 30 anos que estean no paro e que inclúe 2 millóns de euros de orzamento captados da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Segundo indicou hoxe a Deputación, tralo adestramento (un parte importante do cal está centrado nas TIC) os participantes terán a posibilidade de traballar en entidades da provincia e cubrir as necesidades que demandan ditas empresas. 

As persoas interesadas en participar nestes cursos teñen ata o 30 de xuño para facer a súa solicitude nas páxinas web www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es. Como requirimento básico, amais dos devanditos, esíxese que os solicitantes estean inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil. Os cursos en cuestión son os seguintes:

  1. Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas en liña e offline
  2. Aplicacións e Manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados – Drons: Este curso conta con 220 horas de formación e 15 prazas. Serán impartidas en Lugo por profesionais do Aeroclub das Rozas. Con esta acción o organismo provincial cubre “a necesidade de formación nun dos nichos de mercado en expansión con máis posibilidades de medre”. 
  3. Curso de Emprendemento: Está dirixido a 15 persoas que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. A Deputación porá a disposición dos participantes un titor asignado que os asesorará en aspectos coma os modelos de negocio, ou estratexias de vendas, entre outras cuestións. Este curso o impartirán profesionais da Fundación CEL. 
  4. Desenvolvemento en aplicacións Android: Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán unhas 200 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender todo o relacionado co desenvolvemento nativo de aplicacións Android para poder crealas dende cero. 
  5. Técnico en automoción e de maquinaria agrícola: Nesta acción formativa, 15 lucenses recibirán unhas 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender operacións básicas de mantemento no motor e sistemas auxiliares en automóbiles e maquinaria agrícola, proporcionando os contidos teóricos e prácticos necesarios neste eido.
28/06/201810:06
Fotograma do traballo dun dos gañadores.
Santiago de Compostela

Compostela, presente no palmarés do segundo certame de creación audiovisual das Cidades Patrimonio

Finalmente o palmarés do segundo Certame de Creación Audiovisual do Grupo Cidades Patrimonio ten presenza galega. Máis polo miúdo, a do compostelán Alejandro Gesto, que, cunha peza sobre a riqueza patrimonial de Compostela, gañou o devandito certame na categoría de 19 a 30 anos. A listaxe de gañadoras/es foi dada a coñecer onte pola Comisión de Patrimonio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, do que forma parte o Concello de Santiago. 

Este concurso para mozos e mozas creadoras de entre 16 e 30 anos forma parte das celebracións do 25 aniversario da rede e enmárcase no Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Divídese en dúas categorías: de 16 a 18 anos e de 19 a 30. Nesta última, alzouse co primeiro premio Alejandro Gesto. O certame conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Con esta iniciativa, dirixida a rapaces e rapazas de entre 16 e 30 anos, o grupo quere propiciar un maior coñecemento e sensibilización cara ás quince Cidades Patrimonio, potenciar o uso das novas tecnoloxías, desenvolver a creatividade no eido da imaxe e estimular a capacidade de observación da contorna da cidade.


Gañadores
Categoría de 16 a 18 anos
Primeiro Premio, dotado cun smartphone de última xeración para cada un dos integrantes do equipo e de equipamento informático por valor de 3.000 euros para o Centro Xuvenil da cidade:
Ana Orilla Pozo, Belén Bajo Ortega e Lucía Lara Cardona, de Córdoba
Título do traballo: Córdoba, una ciudad de ensueño.


Categoría de 19 a 30 anos
Primeiro Premio, dotado con 2.000 euros
Alejandro Gesto Louro, de Santiago de Compostela
Título do traballo: Cal é o maior patrimonio de Santiago?


Segundo Premio, dotado con 1.500 euros
Raquel Echeandía Sánchez, de Alcalá de Henares
Título do traballo: Alcalá, ilustrar al mirar


Terceiro Premio
Gabriel Novau Blanch, de Tarragona
Título do traballo: La millor manera de conoixer el patrimonio de Tarragona

28/06/201810:06
Participantes no curso.
Pantón

Os maiores de Pantón métense de cheo no uso do móbil

Esta semana proseguen as actividades formativas no rural da Fundación TIC da Deputación de Lugo, fornecendo á xente de idade de recursos tecnolóxico-dixitais de utilidade para o seu día a día e para os seus labores cotiáns. Este mércores, o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, visitaron aos alumnos do curso gratuíto que imparte a Fundación TIC no local social de Santiago de Cangas en Pantón. O obradoiro de novas tecnoloxías céntrase en achegar claves para o manexo e uso de móbil. 

Fernández Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Segundo engadiu, “as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.

O vicepresidente tamén salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, entre outros concellos da nosa provincia”. Isto, dixo, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.

En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS