main content

main content
05/07/201810:07
emega.
Santiago de Compostela

O Diario Oficial publica a convocatoria de axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

  • Inclúe tamén liñas para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución que establece as bases do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino. O seu obxectivo é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e outros servizos de asesoramento ou titorización.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral e persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar. O que se busca é que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo así á creación de novos postos de traballo.

Para articular estas axudas, o programa Emega implementa catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, hai dúas axudas complementarias: a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e ‘Dual’, para a participación no programa de titorización sobre proxectos empresariais.

Para financiar estas axudas, habilitouse un orzamento de algo máis de 856.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe e prolongarase durante un mes.

Poderán ser beneficiarias das axudas as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans ‘Innova’ ou ‘Activa’ no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data do fin de prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta.

 

Contía das axudas

A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 8.000 a 20.000 euros; na ‘Innova’, de 12.000 a 20.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 15.000; e na ‘ITEF’, de 16.000 a 40.000.

No caso das axudas complementarias, irán de 1.000 a 5.000 euros no caso do ‘Concilia’ ; e na ‘Dual’, serán de 500 euros.

05/07/201810:07
Rosana Rielo.
Lugo

O Concello de Lugo ofrece 25 cursos gratuítos de novas tecnoloxías con 323 prazas

O Concello de Lugo vai impartir, no Edificio de Novas Tecnoloxías da cidade vella, máis dúas ducias de cursos de balde sobre novas ferramentas dixitais e sobre as súas principais variantes para mellorar currículos, capacidades e empregabilidade. Os 25 obradoiros previstos foron dados a coñecer pola concelleira Rosana Rielo, quen salientou que a través deles achéganse 323 prazas. A programación de Tecnoloxíza-T!, que arrinca este luns, desenvolveranse nas aulas CeMIT do Castiñeiro e de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías. Por temas, apenas se deixará unha vertente dixital por cubrir. 

Edición de fotos e vídeo, creación de webs e videoxogos, robótica, utilidades das redes sociais, pasos a seguir para facer trámites co móbil ou deseño gráfico son algunhas das cuestións sobre as que se botará luz. 

Segundo fixo saber a concelleira de Concello e Cidadanía, as persoas interesadas poden formalizar a inscrición neste centro TIC da cidade vella até as 20:00 horas do día do peche da inscrición, que é distinto para cada curso. O acceso aos cursos será por sorteo.

No caso da aula do Castiñeiro, as actividades están dirixidas a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, e no resto, para persoas maiores de 14 anos. Así mesmo, na aula do Castiñeiro as actividades serán en xornada de mañá na época estival e en setembro, e de tarde, a partir de outubro. Na de María Balteira todas serán en quenda de mañá, ao contrario que no Edificio de Novas Tecnoloxías, que serán todas ao longo da tarde.

Amais das devanditas cuestións, tamén se abordarán temas de gran interese para estudantes, profesionais e cidadáns en xeral, como por exemplo comunicación a través de redes sociais (WhatsApp, Youtube ou Instagram), impresión en 3D, introdución á informática (tanto iniciación como nivel intermedio), retoque de fotografías, recursos para converternos en youtubers, negocios en liña ou primeiros pasos en Autocad, entre outros. Tamén haberá titorías tecnolóxicas encamiñadas a dar servizo a usuarias e usuarios que precisen aclarar calquera tipo de dúbida sobre novas tecnoloxías e posibilidades das mesmas. 

Tal e como explicou a edil, o número máximo de alumnos e alumnas é de 10 ou 15, dependendo da actividade formativa, sendo o mínimo de persoas inscritas de 8 no caso de que as prazas ofertadas sexan 15, ou de 6 no caso de 10 prazas.

05/07/201810:07
Unha muller traballa nun Contact Center.
Santiago de Compostela

Dez anos de tecnoloxía para a inclusión laboral de persoas con discapacidade

Fai dez anos naceu o proxecto Discatel centrado en propiciar a inclusión laboral das persoas con discapacidade en Contact Center. Neste tempo, a compañía Altitude foi a encargada de achegar a tecnoloxía necesaria para a adaptación dos postos de traballo que permitiron a máis de mil persoas con discapacidade lograr un emprego.

En concreto, nestes dez anos foron 1.150 persoas con distintos graos de discapacidade as que atoparon un traballo a través do proxecto Discatel, que desde o seu nacemento propúxose demostrar a posibilidade técnica e a rendibilidade económica e social da incorporación destes traballadores aos persoais dos Contact Center.

A tecnoloxía achegada por Altitude permite adaptar os postos de traballo ás necesidades dos traballadores, que en casos de mobilidade reducida implicaban mesmo o traslado do lugar de traballo ao domicilio do empregado.

Incorporarse ao mercado laboral é fundamental para as persoas con discapacidade e as empresas tecnolóxicas son un punto clave para lograr este obxectivo.

05/07/201810:07
II Congreso Internacional de Voluntariado Corporativo.
Madrid

A Fundación Telefónica aposta polo voluntariado dixital como ferramenta para transformar o mundo

  • O Espazo Fundación Telefónica acolleu, o martes 3 de xullo, a segunda xornada do II Congreso Internacional de Voluntariado Corporativo.
  • Os temas a debate foron a aliñación cos ODS, o potencial das novas tecnoloxías e o protagonismo dos empregados na acción social das empresas.

 

"O voluntariado é un labor que corresponde a todos. Non é algo que poidan facer as empresas soas. Por iso, as organizacións e os encontros como este son imprescindibles". José María Sanz-Magallón, director xeral da Fundación Telefónica, abriu a segunda xornada do Congreso Internacional de Voluntariado Corporativo, organizado por Voluntare. Un encontro dirixido aos voluntarios e as empresas que desenvolven voluntariado corporativo e que se definen polo seu "optimismo inconformista".

Os días 2 e 3 de xullo, en CaixaForum Madrid e Espazo Fundación Telefónica, respectivamente, celebrouse o II Congreso Internacional de Voluntariado Corporativo. Un evento que reuniu en Madrid aos principais referentes a nivel mundial, entre eles grandes empresas españolas como aFundación TelefónicaFundación "la Caixa"Iberdrola ou Endesa. Durante estas dúas xornadas analizáronse os retos do voluntariado corporativo no século XXI.

"Este é un dos eventos que máis nos satisfai acoller no noso auditorio porque vai sobre os voluntarios, que loitan por un mundo mellor", destacou José María Sanz-Magallón durante o seu discurso de benvida. "A tecnoloxía será o que queiramos que sexa e o mundo tamén. Por iso, será xenial que haxa moita xente traballando por levarlle aos máis vulnerables todos os beneficios", engadiu.

Na era dixital, as novas tecnoloxías son un instrumento e un fin en si mesmo. Carmen Morenés, responsable global do Programa Voluntarios Telefónica, participou no panel "Voluntariado e novas tecnoloxías: o potencial das TIC no Voluntariado corporativo". Na súa intervención, incidiu na importancia do voluntariado corporativo neste contexto: "Telefónica é unha empresa tecnolóxica e por iso, desde o seu programa de Voluntariado Corporativo, busca integrar a todas as persoas na nova era dixital, para así contribuír á igualdade de oportunidades. Utilizamos a tecnoloxía como unha canle para chegar máis lonxe. Ademais, sabemos moi ben o que é responsable e seguro das contornas dixitais, e iso tamén o trasladamos aos nosos voluntarios".

Morenés tamén sinalou durante a súa intervención: "Voluntarios Telefónica estamos en 32 países, temos programas en 16 e colaboramos con 350 entidades. O ano pasado tivemos unha participación de case 40.000 voluntarios e grazas a todo isto puidemos chegar a case 300.000 persoas de forma directa. As novas tecnoloxías rompen barreiras e nós estamos tentado que cheguen ao voluntariado. Ademais, todos podemos ser axentes do cambio".

O martes 2 de xullo, o Congreso Internacional de Voluntariado Corporativo reuniu a case 300 directivos de empresas e ONG en CaixaForum Madrid. E a segunda sesión do mércores 3 de xullo, no Espazo Fundación Telefónica, contou con relatoras de gran relevancia representando á Fundación Telefónica, IMPACT 2030, Iberdrola, Rede Española do Pacto Mundial, Voluntarios ONU, Samsung, Suez, Plataforma do Voluntariado de España, DKV, Forética, Vera Works ou a Fundación Seres.

05/07/201810:07
XVII edición dos Premios Everis ao emprendemento.
Madrid

Seis startups innovadoras pasan á final internacional dos Premios Everis ao emprendimiento

  • Os proxectos finalistas, englobados en tres categorías -Novos modelos de negocio na economía dixital; Biotecnoloxía e saúde; e Tecnoloxías industriais- foron seleccionados por un xurado de expertos de carácter internacional durante seis días de avaliación e o galardón está dotado con 60.000 euros para o gañador e un servizo de asesoramento valorado en 10.000 euros.
 
Fundación Everis seleccionou aos proxectos finalistas da XVII edición dos Premios Everis ao emprendemento. Durante seis días de semifinais en Madrid e en Barcelona, o xurado, formado por un panel de expertos internacionais de diversos ámbitos, elixiu como finalistas a seis startups das categorías de Biotecnoloxía e Saúde, Novos modelos de negocio na Economía Dixital e Tecnoloxías Industriais.
 
Nesta edición presentáronse preto de 1.000 proxectos procedentes de 20 países, que, en palabras de Karla Alarcón, directora da Fundación Everis, "todos teñen un denominador común: que responden, a través da innovación tecnolóxica, ás necesidades cotiás do día a día, deixando así unha clara pegada na sociedade", destacou.
 
Os Premios, que teñen como obxectivo fomentar a innovación e a investigación para apoiar o emprendemento, contan cunha dotación económica de 60.000 euros non reembolsables para o gañador e un paquete de servizos de asesoramento por parte de i-deals, empresa do Grupo Everis especializada en emprendemento tecnolóxico, valorado en 10.000 euros. Ademais, os seis finalistas obteñen tres meses de mentoring para desenvolver e mellorar o seu proxecto para a gran final, que se celebrará nos próximos meses.
 
Estes son os proxectos finalistas da convocatoria:
 
Biotecnoloxía e Saúde
  • Echophone, ecógrafo de peto de altas prestacións, deseñado especialmente para emerxencias e atención primaria.
  • MJN Neuroserveis, dispositivo médico en forma de auricular capaz de rexistrar a actividade eléctrica do cerebro e realizar un electroencefalograma continuo fora do ámbito hospitalario, co obxectivo de dar solucións de saúde a diferentes patoloxías, como as crises epilépticas.
Novos modelos de negocio na Economía Dixital
  • FOXid, mellora da seguridade diminuíndo a fraude en documentos de identidade.
  • NaviLens, tecnoloxía que permite ás persoas cegas ler e identificar un novo código de sinalética dixital a través de dispositivos móbiles.
Tecnoloxías Industriais
  • Alén Space, nanosatélites e solucións vinculadas coa tecnoloxía aeroespacial que permiten democratizar o acceso á información.
  • Venvirotech Biotechnology, creación de bioplástico rapidamente degradable a través de transformación de residuos orgánicos por bacterias.
Entre as novidades deste ano, a Fundación Everis ofreceu aos semifinalistas a opción de participar no concurso Open Innovation Contest, organizado por NTT DATA, co fin de achegar aos emprendedores ao mercado asiático.
 
 
Acordo entre Elzaburu e a Fundación Everis
No marco da XVII edición dos premios, por primeira vez, a firma internacional Elzaburu especializada en Propiedade Industrial e Intelectual e Tecnoloxías da Información, subscribiron un acordo de colaboración coa Fundación Everis, reafirmando así, o seu compromiso coa innovación. Mediante o acordo, a firma ofrece aos seis finalistas unha avaliación dos méritos desde a perspectiva da Propiedade Industrial e Intelectual e un mentoring sobre aspectos fundamentais, relacionados con esta práctica. Ademais da co-creación dun plan de comunicación desta colaboración, para dala a coñecer nos distintos ecosistemas de influencia de ambas as organizacións.
 
Máis información na Web da Fundación Everis.
05/07/201810:07
Carmen Basadre.
Lugo

Formación audiovisual e reparación de móbiles, entre a oferta de actividades de Lugo para a mocidade

O Concello de Lugo presentou os días pasados as súas actividades estivais dirixidas á mocidade, inseridas na iniciativa +Xtí (a prol da prevención do consumo de drogas) e todas elas co nexo común de abrir vieiros saudables de colaboración, interacción e creatividade. Parte das accións foron dadas a coñecer no Edificio de Novas Tecnoloxías da cidade vella pola concelleira de Cultura, Turismo e Xuventude, Carmen Basadre, quen puxo o foco no variado da proposta: hai dende xogos tradicionais, populares e interxeracionais até actividades ligadas directamente ás novas ferramentas. 

Na vertente programa atópanse cursos relacionados coa formación audiovisual: un obradoiro de iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e outro de creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiranos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.

Asemade, tal e como sinalou previamente a propia Basadre (acompañando a cita cos medios dun chamamento á poboación máis nova para “ocupar o seu tempo de lecer aprendendo novas habilidades deportivas ou sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos e mozas da súa idade”), haberá este mes de xullo un obradoiro para aprender a reparar móbiles e electrónica básica; día 2 ao 20, en horario de 11:00 ás 14:00 horas, no Vello Cárcere. A inscrición debe facerse na Casa da Xuventude ata o 28 de xuño.

O programa tamén inclúe, entre outras moitas cousas, un actividade de habilidades de comunicación e xestión emocional, previsto para este mes de xullo (do día 2 ao 30 de xullo) na Casa da Xuventude. Está dividida en catro módulos: desenvolvemento e adestramento en habilidades emocionais, desenvolvemento das habilidades comunicativas, adestramento en oratoria e linguaxe comunicativa para crear mensaxes e beneficios da comunicación para a xestión de equipos e conflitos. O límite de prazas é de 15 por actividade para a mocidade de 18 a 35 anos censada no municipio ou que estude e traballe en Lugo.

05/07/201807:07
Concello de Vigo.
Vigo

Vigo quere poñer 150 edificios na vangarda das cousas conectadas

O Concello de Vigo quere avanzar no camiño de converterse en cidade smart. Ou sexa, no vieiro de ser unha urbe mellor comunicada, xestionada e sustentable. Con este obxectivo, vén de dar a coñecer que concorrerá ás axudas europeas para edificios intelixentes solicitando 5 millóns para máis de 150 inmobles, entre os que se contan os predios que pertencen á entidade local: dende bibliotecas a mercados, pasando por museos e estacións. 

Este proxecto piloto prevé instalar nos ditos emprazamentos o chamado Nodo IoT, que permitirá captar e procesar información en tempo real do que acontece nos edificios a través da tecnoloxía da Internet das Cousas e das redes que fan posible conectar obxectos de maneira efectiva e co mínimo esforzo: as redes 5G. Esta colleita de datos a tempo continuo posibilitará, en palabras do Concello, tomar as mellores decisións ambientais, de seguridade e de mobilidade. 

O alcalde Abel Caballero explicou onte que a devandita achega de 5 millóns de euros virá dada a través da axenda dixital para España con edificios intelixentes. O proxecto piloto de Vigo, dixo, “está enfocado á mellora do benestar e calidade de vida das persoas”.

Segundo o rexedor, a instalación do Nodo IoTpermitirá facer cousas como “comunicar en tempo real o que pasa nos edificios para extraer datos e tomar medidas como a elaboración de mapas de ruído, de contaminación e de consumo enerxético”. Caballero mostrouse convencido de que a cidade de Vigo reúne as condicións establecidas para ser beneficiaria, xa que nesta convocatoria poderán participar municipios de máis de 200.000 habitantes de Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia e Madrid. O prazo para presentar propostas é o 26 de xullo e Vigo concorrerá cunha selección de máis de 150 inmobles da cidade.

Liderada polo Concello, a proposta incluirá todos os edificios administrativos, o parque de servizos do Concello, o Auditorio Mar de Vigo, os museos, as bibliotecas, o Estadio de Balaídos, a Escola de Artes e Oficios, o Albergue Municipal, os mercados, os centros cívicos, os aparcamentos subterráneos, o VigoZoo, o edificio da Xerencia de Urbanismo, o aeroporto, a estación de ferrocarril, a estación de autobuses e o porto. Tamén se proporán edificios de sectores privados como vivendas, centros comerciais, hoteis ou Zona Franca.

05/07/201807:07
Presentación do mapa.
Lalín

Lalín lanza un mapa dixital con preto de 1.200 recursos patrimoniais rexistrados

A semana pasada o Concello de Lalín presentou unha nova iniciativa tecnolóxica para afianzar o municipio na primeira liña dos municipios turísticos galegos. Trátase dun novo mapa dixital que abrangue e mostra a longa e rica listaxe de recursos patrimoniais que atesoura. A iniciativa, accesible a través de turismo.lalin.gal, foi dada a coñecer polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e máis os auxiliares municipais da dita área, Nuria Álvarez e Martín Riádigos. En concreto, o mapa rexistra máis de 1.176 elementos (igrexas, cruceiros, muíños, pontes, castros, mámoas, petroglifos, pazos, fontes, fervenzas, etc...). 

Segundo engadiron, a ferramenta foi creada tirando proveito do servizo dixital Google Maps, dando como resultado un recurso libre, de balde e utilizable dende calquera soporte informático ou trebello móbil con conexión a Internet. Isto polo que se refire á vertente técnica, ao alicerce tecnolóxico. No que atinxe ao fondo, o mapa elaborouse en base ao inventario municipal de patrimonio etnográfico e turístico creado polo Concello o ano pasado. “Con esta iniciativa”, sinalaron o edil e máis os técnicos, “ademais de poñer en valor os múltiples elementos patrimoniais de Lalín, localizámolos e describímolos”, e todo co obxectivo de incrementar e mellorar as experiencias á hora de visitalos”.

Francisco Vilariño explicou que "agora mesmo non coñecemos ningún outro concello que teña este tipo de ferramenta". O edil sinalou que o mapa rexistra 1.176 elementos contabilizados actualmente e clasificados en diferentes categorías: 

  • Bens relixiosos: Igrexas e capelas (70), petos de ánimas (1), cruceiros (41).
  • Arquitectura civil: pazos (17), casas e casais (69), outros (6).
  • Castros mámoas e petroglifos: castros (31), mámoas e sartegos (42), petroglifos (11).
  • Muíños, hórreos e alvarizas: muíños (9), hórreos (774), alvarizas (24).
  • Pontes, fervenzas e fontes: pontes (8), fontes (9) e fervenzas (2).
  • Esculturas (30)
  • Miradoiros, áreas de lecer e áreas naturais (31) e outros (11).

Finalmente o concelleiro de Turismo puxo de relevo o traballo que está realizando o Goberno de Lalín para “darse a coñecer tamén a través das redes e de Internet”, como plataforma imprescindible na actualidade para a promoción turística.

04/07/201817:07
Presentación do portal.
Santiago de Compostela

A Xunta renova o Observatorio da Lingua Galega

  • O portal e o seu boletín de noticias celebran dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial
  • O secretario xeral de Política Lingüística e a directora da Amtega presentaron hoxe en rolda de prensa a versión actualizada

 

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), renovan o portal web do Observatorio da Lingua Galega que chega, canda ao seu boletín de noticias, aos dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora da Amtega, Mar Pereira, acompañados de Miguel Costas, representante da consultora Eosa, xestora do proxecto, presentaron hoxe ao mediodía en rolda de prensa a versión actualizada, á que xa se pode acceder no enlace www.observatoriodalingua.gal.

“Presentamos a versión actualizada dunha ferramenta xa consolidada como referente no eido das linguas, que nos ofrece, semana a semana, cumprida información da actualidade lingüística e, periodicamente, resultados de estudos e diagnoses que permiten orientar as políticas públicas de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde os diferentes ámbitos sociais e sectores que marca o Plan xeral de normalización da lingua galega”, salientou o secretario xeral na súa intervención.

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que a renovación destes espazos web e o incremento de servizos online forma parte da estratexia da Xunta para consolidar unha Administración dixital. O obxectivo é facilitar e axilizar o acceso da cidadanía á información e a os novos servizos electrónicos. Nos últimos anos, a Administración autonómica consolidou un modelo de presenza en internet que ten como piar central o portal corporativo xunta.gal, ao redor do cal se integran os restantes portais institucionais. Xunta.gal recibe máis 6 millóns de visitas anuais e conta con máis de 1,4 millóns de seguidores nas redes sociais.

 

Dez anos do proxecto en cifras

O web do Observatorio da Lingua Galega, ferramenta dixital de acceso libre e de balde creada en 2008 como instrumento divulgativo e informativo sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos sociais, chega aos seus dez anos de funcionamento como referente en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial. Ao longo deste tempo, recibiu visitas de máis dun cento de países diferentes (dos cinco continentes) e subscribíronse ao seu boletín máis de 1200 persoas (tanto de Galicia coma do exterior), ás que lle chegaron 500 boletíns con máis de 16 000 novas sobre linguas.

No web están tamén dispoñibles as observacións feitas nos ámbitos da educación, medios de comunicación, economía e empresa, sanidade, tecido asociativo, telecomunicacións, cidadanía e organismos de intermediación, elaboradas todas elas seguindo unha metodoloxía de traballo centrada tanto na vertente cuantitativa (a través da elaboración e realización de enquisas, levadas a cabo nas diferentes organizacións que integran cada un dos ámbitos sinalados) como na cualitativa (traducida na realización de 25 paneis de escoita en cada un dos cales participaron entre cinco e sete persoas relacionadas co ámbito de análise -148 en total- e asistidas por un grupo de apoio, co obxectivo de contrastar opinións e debater sobre temas vinculados á lingua galega para recompilar información e valoracións sobre aspectos non tratados nos estudos cuantitativos).

 

Imaxe renovada

O web do Observatorio da Lingua Galega, que ofrece os seus contidos en galego e en castelán, estrea o dominio .gal e unha imaxe máis moderna e dinámica, na que se reducen as seccións e se amplían os contidos informativos para un aproveitamento máis eficiente e eficaz da súa usabilidade e unha maior adaptación tanto a novos dispositivos coma ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), en vixencia desde o 25 de maio.

Desde a súa páxina de inicio, pódese navegar por seis bloques de información (carrusel de mensaxes, destacados, últimas noticias, axenda de actividades, accesos directos a seccións internas e subscrición ao boletín) e cinco seccións (observatorio, actualidade, proxectos, información e recursos). Canto ao novo boletín, que se continuará enviando aos enderezos electrónicos das persoas subscritas con periodicidade semanal, cada xoves, configúrase en seis bloques de información (nova en portada, novas de Galicia, de España e do mundo, axenda e destaques), cun deseño no que priman a cabeceira e o contido gráfico.

04/07/201814:07
Cartel do evento.
A Coruña

O CPEIG organiza coa Amtega un taller de creación de personaxes de animación impartido polos creadores de Tadeo Jones

  • Celebrarase mañá xoves e o venres no marco do congreso internacional "Mundos Digitales" no Palexco da Coruña, de 10 a 13 horas
  • Participarán gratuitamente dez rapaces que aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un taller xuvenil de “Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D” conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que se celebrará mañá xoves e o venres 6 de xullo, entre as 10:00 e as 13:00 horas, no Palexco da Coruña dentro das actividades da XVII edición do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media –Mundos Digitales–, o evento de referencia para a industria da animación e efectos visuais en España dirixido e impulsado por Manuel Meijide.

Este taller, impartido polos creadores de Tadeo Jones, é unha actividade enmarcada no programa TechKids do CPEIG coa Amtega. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe. 

O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapaces e rapazas de 14 a 18 anos que soñan con ser deseñadores de personaxes. Participarán gratuitamente no obradoiro dez rapaces, elixidos entre todos os participantes no concurso de debuxos onde tiñan que recrear un monstro e un neno ou nena, deseñados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témpera, collage, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS