main content

main content
28/06/201810:06
Gañadores da Galiciencia 2018.
Santiago de Compostela

Conde sinala que Galiciencia contribúe á aposta da Xunta polo talento e por espertar a vocación científica entre os máis novos

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou onte en Santiago na presentación dos proxectos gañadores de Galiciencia 2018
  • Destaca que unha das prioridades da Xunta é inculcar entre os rapaces e rapazas o espírito da curiosidade, o emprendemento e a creatividade para que Galicia poida seguir progresando e competendo con outras rexións
  • Nos 13 anos de celebración deste certame xa se expuxeron 700 proxectos, o que significa que se está a lograr o obxectivo de consolidar Tecnópole como espazo para a divulgación da ciencia e da innovación

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou onte en Santiago na presentación dos proxectos gañadores de Galiciencia 2018, onde destacou que se trata dun programa que contribúe á aposta da Xunta por fomentar o talento científico e innovador do futuro, un obxectivo que tamén se recolle no Plan Galicia Innova 2020. Esta folla de ruta ten entre os seus retos prioritarios espertar vocacións científicas e incentivar ese espírito, especialmente as vocacións STEM, nas ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.

O titular de Economía apuntou que o Goberno galego ten entre os seus obxectivos inculcar nos máis novos o espírito da curiosidade, o emprendemento e a creatividade para que Galicia siga prosperando e poida competir con outras rexións. Conde indicou que a Comunidade precisa do talento de rapaces e rapazas, como os que participaron en Galiciencia, que serán os que traballadores e traballadoras do futuro en profesións vinculadas á innovación, á investigación e ás novas tecnoloxías. “Un futuro baseado no coñecemento e na innovación é a garantía dun crecemento económico sostible e unha mellor calidade de vida”, engadiu.

O conselleiro subliñou que Galiciencia é a mellor axuda para espertar vocacións científicas e afirmou que é unha mostra de que en Galicia existe talento. Lembrou, ao respecto, que os vencedores do ano pasado gañaron o primeiro premio de Exporecerca, a maior feira a nivel estatal, e representarán a España no certame europeo Expo Science Europe. Ademais, os gañadores do segundo galardón da pasada edición gañaron o primeiro posto na feira vasca. Conde, así mesmo, resaltou que os 13 anos de celebración deste certame ten permitido facer deste evento a maior feira científica de Galicia con recoñecemento a nivel nacional. Desde a primeira feira xa se expuxeron 700 proxectos e visitárona 25.000 persoas. Para Conde, estes datos significan que se está a lograr o obxectivo de consolidar Tecnópole como espazo para a divulgación da ciencia e da innovación.

Dos máis de 150 investigadores e investigadoras noveis que participaron na 13ª convocatoria deste evento, elixíronse 7 proxectos desenvolvidos por alumnos de Educación Secundaria e Bacharelato. Conde indicou que “os participantes souberon identificar cal é a realidade na que temos que traballar para mellorar o noso medio ambiente, para ter unha sociedade máis sostible e para loitar contra o cambio climático”. Destacou, ademais, a innovación, pero, sobre todo, a creatividade dos traballadores presentados.

 

Os sete proxectos galardoados

O primeiro posto recaeu no plan Rebinxe, que busca involucrar á comunidade local na recuperación da biodiversidade animal e vexetal de Mondoñedo, Abadín e Lorenzá. Foi desenvolto por dúas alumnas de Bacharelato do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo (Lugo).

O segundo premio foi para o deseño dun novo foguete de combustible sólido cun corpo e motor o máis eficiente posible que levaron a cabo dous alumnos de 4º da ESO do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo (Pontevedra).

O terceiro posto acadouno o proxecto Cero lume, unha estación meteorolóxica electrónica para emitir alertas de incendio elaborado por dúas alumnas de 2º e 3º da ESO das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña).

O galardón ao método científico e proceso de investigación mellor definido obtívoo As oleorresinas da leña empregada nas grellas e fogo perfecto, para determinar cal é o fogo perfecto para potenciar o sabor dun asado. O proxecto realizárono dous alumnos de 3º da ESO do Colexio Plurilingüe San José-Josefinas de Ourense.

O premio á mellor comunicación foi para Unha nova vida para o papel para concienciar á comunidade escolar sobre as vantaxes da reciclaxe de papel. Dous alumnos de 3º da ESO desenvolvérono, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña).

O proxecto máis innovador nesta edición de Galiciencia foi para o deseño dun contedor de lixo para invidentes que realizaron dous alumnos de 1º da ESO das Aulas Tecnópole de Ourense.

Por último, a mellor iniciativa relacionada co cambio climático, a temática central desta edición do certame, recaeu nunha alumna de 2º da ESO e un alumno de 1º da ESO do Colexio Plurilingüe Alborada de Vigo. Realizaron unha caracterización dos plásticos da praia de Vilariño, na ría de Aldán.

28/06/201810:06
Cartel do premio.
Santiago de Compostela

A Comisión Europea premiará con 5 millóns de euros as mellores solucións sociais baseadas en blockchain

Comisión Europea abriu a convocatoria internacional para optar ao premio Blockchain Horizon, un galardón que incentiva o desenvolvemento de proxectos sociais baseados na tecnoloxía blockchain.

A chamada a participar é para as startups, emprendedores independentes, desenvolvedores, investigadores ou calquera persoa que mostre interese no potencial da plataforma. En total serán entregados 5 galardóns de 1 millón de euros cada un ás solucións máis innovadoras que teñan impacto social, segundo informou a Comisión a través do portal ec.europa.eu.

"O desafío é desenvolver solucións descentralizadas escalables, eficientes e de alto impacto para os desafíos da innovación social. Para tal fin búscase aproveitar a tecnoloxía de contabilidade distribuída (DLT)", puntualizou a institución.

A xuízo da Comisión Europea, o potencial para xerar un cambio social a través da descentralización dos procesos (relacionados cos desafíos da sustentabilidade local ou global), aínda non foi aproveitado.

As solucións descentralizadas na área social contan con innovacións en diferentes campos. A organización cita exemplos como os proxectos que se executan para ter un comercio máis xusto, unha mellor monetización do traballo, maior visibilidade do gasto público e unha maior transparencia dos procesos administrativos.

 

Traballos a propoñer

Os proxectos para presentar deben ser solucións descentralizadas pioneiras que sirvan para enfrontar os retos da sustentabilidade local e global. De acordo á institución, as propostas deben demostrar viabilidade, intercambio de información, recursos que respecten a privacidade, altos niveis de transparencia e unha distribución máis equitativa.

O concurso está aberto a todas as persoas xurídicas (isto é, persoas legais ou naturais, incluíndo organizacións internacionais) ou grupos de persoas xurídicas, así como emprendedores e startups.

Un dos requisitos máis importantes é que, aínda que os participantes son libres de explotar comercialmente as aplicacións ou os servizos baseados nas solucións desenvolvidas, é preciso que o seu código fonte sexa publicado baixo unha licenza de código aberto.

O calendario para o desenvolvemento do premio quedou establecido da seguinte maneira: 16 de maio de 2018 realizouse a convocatoria, 2 de abril de 2019 é a data tope para o rexistro dos participantes e o 3 de setembro de 2019 é o último día para presentar as solicitudes.

A misión final do premio é estimular a aplicación das tecnoloxías en campos que vaian máis aló do mundo financeiro, o que se traduce en ter enfoques multidisciplinarios que buscan un impacto positivo na sociedade moderna.

A Comisión Europea ten a súa sede principal en Bruxelas, Bélxica, no edificio Berlaymont.

27/06/201817:06
Mar Pereira e Julio Sánchez.
Santiago de Compostela

Galicia contará cun Plan 5G para posicionarse como territorio piloto no desenvolvemento de solucións baseadas nesta tecnoloxía

  • Mar Pereira sinalou que esta estratexia dá continuidade á política dixital da Xunta de converter a Galicia nunha Comunidade facilitadora da extensión de infraestruturas de telecomunicación
  • A directora da Amtega e o presidente da AETG inauguraron hoxe o primeiro foro galego sobre 5G
  • Operadores, fabricantes, clientes do ámbito empresarial, administracións públicas e entidades con iniciativas baseadas nestas redes abordaron hoxe na Cidade da Cultura o potencial e o impacto desta tecnoloxía

 

A Xunta de Galicia porá en marcha un Plan 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais, para posicionar á Comunidade como territorio preferente na fase de pilotaxe de solucións tecnolóxicas baseadas na tecnoloxía 5G, que será o paso previo ao despregamento destas redes. Así o avanzou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na inauguración do Foro “Retos e Oportunidades do 5G” na que tamén interveu o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez.

Para avanzar no obxectivo do Plan a Xunta, en colaboración cos axentes do ecosistema galego, identificará áreas estratéxicas de aplicación da tecnoloxía 5G en Galicia para desenvolver probas de concepto que dean resposta a novos retos sociais e económicos.

 

Fortalezas do ecosistema 5G de Galicia

Galicia conta con diferentes capacidades para posicionarse no desenvolvemento de casos de uso que faciliten o despregamento destas redes nunha fase posterior. Unha destas fortalezas é o hipersector TIC galego, formado por preto de 3.400 empresas e máis de 21.000 profesionais cun valor engadido bruto duns 1.200 millóns de euros, un 2,1% do PIB galego.

Ademais, na Comunidade existen centros de referencia no eido tecnolóxico como as universidades e centros tecnolóxicos galegos de primeira orde en ámbitos coma as telecomunicacións, supercomputación ou a automoción internacional.

Tamén existen proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G. É o caso do corredoiro entre Vigo e Oporto para realizar ensaios transfonterizos en torno ao vehículo conectado ou o existencia dun Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Civil UAVs Initiative no polo das Rozas.

Na cobertura 4G, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis cobertura de redes 4G, só por detrás de Madrid e País Vasco, o que pode facilitar a penetración futura de servizos 5G.

A existencia dun operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos de rede, é outro dos factores a favor da Comunidade.

 

Retos do 5G

Aínda que está previsto que as tecnoloxías 5G adquiran madurez tecnolóxica e comercial no período 2018-2020, o despregamento masivo deste tipo de redes estímase que terá lugar a partir do ano 2020 e antes requirirá resolver diferentes retos.

Entre eles, está atraer inversión para un despregamentos de rede cun elevado custe, xa que as redes precisan dunha ampla capilaridade; definir un modelo de negocio ou a necesidade de lograr un estándar único global

 

Primeiro foro galego de 5G

Baixo o título “Oportunidades e retos das redes 5G”, a Amtega e a AETG organizaron o primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.

O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G.

As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas.

A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír á transformación dixital da Comunidade.

27/06/201809:06
Amplifon.
Santiago de Compostela

Amplifon presenta unha revolucionaria luva para percibir o son a través do tacto

  • Un equipo de enxeñeiros e deseñadores de varias partes do mundo encargouse de deseñar este prototipo para que as persoas con perda auditiva poidan percibir os sons

 

No marco do congreso internacional Sónar D, Amplifon lanzou un desafío á comunidade creativa, tecnolóxica e empresarial para mostrar e crear conciencia sobre a perda de audición. Así, dentro da plataforma Sónar Innovation Challenge (SIC), reuniuse un equipo de enxeñeiros e deseñadores de varias partes do mundo que desenvolveu un prototipo de luva con sensores que permite ás persoas que foron diagnosticadas con perda auditiva percibir os sons a través do tacto.  
 
A creación desta luva ten como obxectivo espertar os demais sentidos das persoas con problemas auditivos a través de diferentes sensacións. Desta forma, mediante a implementación da tecnoloxía háptica -que estimula o sentido do tacto e permite sentir obxectos virtuais-, o prototipo provoca diferentes vibracións utilizando seis sensores. Estes sensores están conectados cun instrumento musical a través de bluetooth para poder achegar ao usuario unha experiencia sen cables. O equipo elixiu unha luva sobre outros posibles elementos xa que as mans, xunto cos beizos, son a parte do corpo na que máis puntos de sensibilidade temos.  
 
E é que, Amplifon está comprometido coa innovación para establecer achados clave e solucións versátiles para a prevención e o tratamento futuros desta condición. Así, quixo participar nesta iniciativa do Sónar D, permitindo que un equipo de expertos creativos e científicos experimentasen e creasen un prototipo disruptivo que se puidese consolidar como un gran avance tecnolóxico para dispositivos posteriores e demostrando que hai outras alternativas, ademais do sentido do oído, para poder percibir os sons.
 
Os integrantes seleccionados para o equipo de Amplifon traballaron vía online no proxecto durante cinco semanas e coñecéronse, por primeira vez, o pasado 13 de xuño, no Sónar D. En tan só catro días, Jose Carlos Flórez e Adolfo González, codificadores creativos; Daniel Rosero, enxeñeiro; Dimitrios Kreatsoulas, deseñador e científico de datos; e Giancarlo Orsi, deseñador, finalizaron este prototipo dentro dunha contorna de colaboración único como é o SIC. 
 
Para Giancarlo Orsi "foi unha experiencia moi positiva onde puidemos armar un grupo de traballo con diferentes especialidades para desenvolver un prototipo que ten moito potencial e diferentes aplicacións tanto para persoas que teñen problemas auditivos como para quen non teñen algún tipo de inhabilidade, pero que poderían utilizar a comunicación háptica e as diferentes comunicacións que permite a luva (Midi, audio, datos) noutro tipo de contexto (realidade virtual, aplicacións educativas ou artísticas, por exemplo)".
 
Como explica outro dos participantes, Dimitrios Kreatsoulas, "a perda auditiva é un problema de saúde que non pode ser revertida. O que creamos no SIC é unha alternativa aos audífonos. O prototipo permite ao usuario sentir a música e o son a través de vibracións, un sentido moi poderoso, especialmente para as persoas que non escoitan ben. Os wearables son o futuro. Utilizando LEDs, motores de vibración ou mesmo realidade aumentada podemos transformar os sons en contido visual e cinético e así ter un sentido extra para escoitar". 
 
O SIC é unha das propostas centrais do Sónar D, unha plataforma virtual e presencial colaborativa entre empresas e creativos, na que Amplifon participou este ano, dentro do seu patrocinio do festival, para apoiar e impulsar o futuro da industria creativa, neste caso en materia auditiva.
1 mes 1 profesión dixital
Online

Breakthrough Junior Challenge

O Breakthrough Junior Challenge é unha competición global de estudantes de ciencias e matemáticas, deseñada para inspirar o pensamento creativo sobre conceptos fundamentais nas ciencias da vida, física e matemáticas.

30/06/201812:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Edificio CINC, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela

Educar con criterio e ALGO MÁIS

O psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza Javier Urra, especializado en psicoloxía clínica e psicoterapia – acreditado por la Federación Europea de Asociaciones de Psicólogos– e pedagogo terapeuta, explicará aos pais e nais asistentes á charla o esencial para educar aos seus fillos con criterio. Falará de prevención e intervención, da necesidade do contacto pel con pel e do contacto na rede.

27/06/201808:06
Ciberataque.
Santiago de Compostela

A familia de termos relacionados coa ciberseguridade entra no Dicionario da RAG

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) informou a semana pasada dunha serie de incorporacións que nos tocan de cheo, tanto a quen fan este medio dixital como a quen o segue acotío. De feito, boa parte das novas inclusións no dicionario en liña son termos directamente relacionados coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e teñen en común, tamén, que son palabras en proxección e cada vez máis empregadas (algunhas, por desgraza, cada vez máis usadas). Palabras como ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia inclúense no novo paquete de entradas. Porén, tamén se introduciron outras como conectividade ou xestor. 

Estes termos e as correspondentes definicións foron sancionados polo Seminario de Lexicografía da institución, que entre xaneiro e a primeira quincena de xuño revisou ademais, por orde alfabética, preto de 2.200 voces desta ferramenta de referencia da lingua galega. Neste mesmo período, as novas entradas, as novas acepcións en termos xa recollidos no Dicionario e os cambios nas definicións foron preto de 350.

Outros termos incorporados, amais da familia “ciber” son blogosfera, conectividade, ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelincuente e ciberdelito. Estas inclusións, segundo informa a RAG, responden ao obxectivo de ·ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. De igual xeito, o termo “nube” engade a acepción referida ao espazo de almacenamento virtual e recóllese xestor (a de comunidades como voz propia para o anglicismo community manager).

Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90, para designar o medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas.

27/06/201808:06
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CPEIG trae a Santiago a Javier Urra para mostrarnos como educar dixitalmente aos pequenos

A medida que medra a presenza da información dixital nas familias, as nais e os pais queren saber dos métodos máis axeitados a seguir para que esa información e eses hábitos TIC sexan positivos, enriquecedores, non-violentos e, tamén, de utilidade. Para atender esta demanda, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza decote actividades de divulgación para proxenitoras/es e divulgadoras/es. Unha destas actividades está prevista para este 30 de xuño e promete ser unha cita moi axeitada para despexarmos dúbidas sobre que camiños seguir no día a día tecnolóxico dos nosos fogares. 

A xornada-conferencia será impartida polo reputado psicólogo navarro Javier Urra e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Educar con criterio e ALGO MÁIS. A cita será ás 12:00 horas no Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. A conferencia, aberta ao público en xeral, está enmarcada nas actividades da cuarta edición da Olimpíada de Robótica de Galicia, da que o CPEIG tamén é entidade organizadora xunto á FEGAMP e Arkitas.

Segundo informa o CPEIG, Urra é psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza, está especializado en psicoloxía clínica e psicoterapia (acreditado por la Federación Europea de Asociacións de Psicólogos) e é pedagogo terapeuta. 
Na charla, explicará aos pais e nais asistentes á charla o esencial para educar aos seus fillos con criterio. Falará de prevención e intervención, da necesidade do contacto pel con pel e do contacto na Rede.

Segundo ten sinalado previamente Urra, actualmente existen diversos tipos de pais e nais, que se caracterizan por “seren inmaduros, sobreprotectores que queren mercar o cariños dos seus fillo ou que acceden á chantaxe dos rapaces, pais que non queren ser auctoritas, ou pais e nais que non saben educar e non teñen criterios”. Neste último grupo centrarase o relator na súa exposición.

No que atinxe ao papel de Internet, Urra indica que “se debe ensinar aos nenos e nenas a ter respecto polos demais e pedir perdón”. E engade: “A Rede é un instrumento máis, e o rapaz que causa ciberacoso a través das redes sociais tamén o fai no colexio”, considera.

27/06/201808:06
Acto de entrega dos diplomas.
Narón

Narón entrega 72 diplomas tecnolóxicos

O Concello de Narón vén de recoñecer a capacitación e o alto nivel de preparación das/os 134 participantes nos cursos organizados polo Goberno local, boa parte dos cales foron cursos vencellados ás TIC. Máis polo miúdo, a alcaldesa Maríán Ferreiro e máis a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, entregaron no auditorio municipal os diplomas correspondentes a un total de vinte accións formativas, nas que resultaron aptas as devanditas 134 alumnas e alumnos. En total, foron 27.000 euros os investidos nestas actividades, que abrangueron case 1.074 horas de adestramento e capacitación. 

Ferreiro e Hermida felicitaron a tódalas persoas que remataron con éxito estas accións formativas, animándoas a continuar na súa preparación e convidándoas a solicitar ao Concello toda a información que estimen oportuna sobre as vindeiras convocatorias nas áreas de Formación e Novas Tecnoloxías. Polo que se refire aos cursos tecnolóxicos, impartidos na Aula CeMIT da Xuvia, xeraron un total de 72 diplomas. Desenvolvéronse entre os meses de febreiro e xuño deste ano e implicaron un total de 556 horas formativas. Estas foron as actividades desenvolvidas: Iniciación a Internet e correo, Iniciación ao tratamento de textos, Iniciación follas de cálculo, Iniciación bases de datos, Iniciación presentación de gráficas, Internet e almacenamento na nube, Tratamento de textos avanzados, Follas de cálculo avanzado, Bases de datos avanzado, Presentación de gráficas avanzadas, Comunicación Social Media, Trámites e compras en liña, Edición de imaxes con GIMP e Busca de emprego en internet foron os cursos impartidos nesta área.

Hermida subliñou que desde as áreas que preside estase a traballar para conseguir a homologación de máis accións formativas desde o Concello, entre elas a de Competencias Clave Nivel 2, e valorou, xunto coa alcaldesa, o traballo realizado polo persoal da Administración local para poder desenvolver cada ano unha ampla oferta formativa.Finalmente, a alcaldesa manifestou o seu desexo de que o alumnado poida mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral a través destes cursos. “O Concello non ten competencias na área de emprego pero si en formación, unha área á que cada ano tratamos de dotar de máis recursos económicos para poder ofrecer a maior variedade posible de cursos”, asegurou.

26/06/201815:06
Logo 5G.
Santiago de Compostela

Santiago acolle mañá o primeiro foro galego sobre 5G, onde se coñecerán iniciativas como o coche conectado

  • Un stand mostrará o vehículo prototipo do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia
  • Fabricantes como Nokia, Ericcson, Huawei e Colmena analizarán o futuro destas redes e as súas oportunidades de negocio
  • Os operadores Telefónica, Vodafone, Orange e R debaterán sobre o papel do 5G na economía e sobre as dificultades do seu despregamento
  • Sergas, PSA ou a Autoridade Portuaria de Vigo exporán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan desta tecnoloxía
  • Entidades como o CTAG, Gradiant, Quobis e Centum Research & Technology mostrarán as solucións, baseadas en 5G, nas que xa están traballando


A Cidade da Cultura acolle mañá o Foro “Retos e Oportunidades do 5G”, o primeiro encontro galego sobre estas redes para analizar desde todos os puntos de vista o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente

A xornada contará cun stand no que se mostrará in situ un vehículo prototipo de CTAG, conectado e autónomo. Os asistentes que se acheguen ata o stand poderán ver diferentes proxeccións nas que se amosan as funcionalidades incorporadas no vehículo. Estes prototipos permiten avaliar e experimentar en fases temperás as futuras tecnoloxías que se incorporarán nas próximas xeracións de vehículos.

O encontro abordará as inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados, operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G. Os interesados en asistir pódense inscribir a través do correo cdtic@xunta.gal.

 

Tecnoloxía 5G e marco estratéxico

Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

A continuación terá lugar unha mesa redonda na que Antonio Fernandez, responsable do Programa Innovación 5G produto en PSA; Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade; e Ana Ulloa, Xefa de Explotación en Autoridade Portuaria de Vigo abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.

 

Operadores e fabricantes
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, head of Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.

A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. Head of Strategy, Gov’t & Industry Relations, Marketing & Communications de Ericsson: Álvaro Sánchez. Head of Telefónica Account at Nokia; José Capote, Integrated Solution Sales Manager en Huawei Technologies; e José Nicolás Domínguez-Staedke, Strategy & Business Development at Colmena.

 

Entidades con iniciativas baseadas en 5G
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que xa están traballando nelas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, Innovation Manager at Quobis; Luis Pérez Freire, director General de Gradiant e Héctor Estévez, Director General de Centum Research & Technology

As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas.

A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS