No MEET AND CODE do 2017, realizáronse ao redor duns 600 eventos en 280 cidades, con case 30.000 participantes. No 2018, este acontecemento entra no seu segundo ano, como parte da Semana Europea da Programación da UE (EU Code Week), que se celebrará do 6 ao 21 de Outubro.
MEET AND CODE quere mostrar, unha vez máis, que a contorna dixital e a programación pode ser divertida para os máis novos. As Entidades Sen Fins de Lucro de 22 países poderán presentar as súas ideas de evento para optar a unha subvención que os faga realidade. Grazas ao apoio de SAP, IT-Portal Stifter-helfen, TechSoup Europa e Proxecto Doo, xestionado por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, como representante en España.
Participa ata o 15 de setembro
As ideas de eventos pódense presentar na web www.meet-and-code.org antes do 15 de setembro do 2018, previo rexistro da entidade. Cada idea de evento será avaliada e aquelas clasificadas como elexibles recibirán unha subvención de ata 500 € para executar as actividades popostas na idea de evento, podendo participar calquera Entidade Sen Fins de Lucro.
Entre outros requisitos, os eventos deben estar orientados a nenas, nenos e mozos, entre os 8 a 24 anos de idade. E o obxectivo dos eventos debe ser, por unha banda, presentar o mundo da tecnoloxía dixital e a programación aos mozos e, doutra banda, mostrar como os mozos poden dar vida e forma ao mundo a través da programación.
MEET AND CODE lévase a cabo en: Austria, Bosnia e Herzegovina, Bulgaria, Croacia, República Checa, Inglaterra, Francia, Alemaña, Hungría, Irlanda, Italia, Kazajstán, Macedonia, Polonia, Rumania, Rusia, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Suíza e Ucraína.
Novo: Premio MEET AND CODE para as mellores ideas de eventos
Este ano, MEET AND CODE busca, en todos os países participantes, as ideas de eventos máis creativas e as implementacións máis orixinais. O novo Premio MEET AND CODE preséntase en tres categorías: Kick and Code (Tema do Ano), Innovation (Innovación) e Diversity (Diversidade). En cada categoría serán premiados 5 eventos. Pode atopar máis información sobre o premio en: www.meet-and-code.org.
Quen está detrás do MEET AND CODE
Detrás desta iniciativa está a organización alemá Haus das Stiftens gGmbH co seu portal de TI Stifter-helfen, os respectivos socios locais da rede TechSoup Europa e como representante en España o Proxecto Dono, xestionado por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade. MEET AND CODE é posible grazas á promoción e financiamento de SAP.
Máis información: Proxecto Dono.
Un taller práctico para potenciar o teu desenvolvemento profesional, empresarial e emprendedor a través dunha dinámica coa que conseguirás ter máis coñecementos, maior seguridade e máis ideas para chegar a ser unha líder 4.0.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo prosegue estes días, activamente, co seu traballo tecnolóxico-formativo para as/os maiores da provincia. Unha das máis recentes actividades do programa InLugo deste ano desenvolveuse na comarca da Mariña, onde tivo lugar o obradoiro Manexo básico de móbil-smartphone que organiza a Fundación TIC. O curso, que recibiu este 19 de xuño a visitada da deputada pola bisbarra costeira lucense Mayra García Bermúdez, diríxese a familiarizar ás asistentes co uso dos ditos dispositivos e a introducilas nas súas principais vantaxes de comunicación e de procura de información.
O obradoiro é un dos cursos que integran o programa de alfabetización tecnolóxica da Fundación TIC para o rural deste segundo trimestre de 2018. Os días pasados as actividades chegaron a concellos como Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín, Baleira ou Fonsagrada. En todas as citas estase a conseguir un alto nivel de participación, o que demostra, en palabras da Deputación, “o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.
O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior. O obxectivo, engade, é “dar resposta á alta demanda que hai destas actividades, tal e como queda reflectido cada vez que se abre a inscrición e quedan cubertas todas as prazas ás poucas horas”.
Conseguírono. Ao fin poderán cumprir o seu gran soño: desenvolver o seu proxecto tecnolóxico en Silicon Valley, California. Nalú Rodríguez, Clara Pantín e Paula Lamas proclamáronse onte gañadoras do premio nacional Audi Creativity Challenge, cuxa gran final, na que participaron dez equipos, disputouse este sábado no Teatro Príncipe Pío de Madrid. Alumnas de cuarto da ESO do Colexio Manuel Peleteiro, deixaron impresionado ao xurado co seu traballo: Globed, que ten como obxectivo facilitar o acceso a estudos de Primaria e Secundaria a millóns de nenos sen recursos de todo o mundo sen saír das súas casas.
Como se pode conseguir un computador nun país subdesenvolvido? Aí entraría en xogo a solidariedade das sociedades máis ricas, sinalan as autoras. As tres alumnas do Colexio Manuel Peleteiro pensaron nunha computadora "moi pequena e económica" "elas utilizaron unha Blackberry no seu prototipo" á que se conectaría un monitor, un rato e o teclado, elementos que se conseguirían cunha doazón.
E se non hai electricidade para enchufar o dispositivo? Para solucionar este problema, as gañadoras do premio, que financia a marca de automoción Audi, pensaron nun sistema de carga mediante placas solares e unha pequena batería que permitiría que o computador funcionase.
Poucos minutos despois de aterrar en Lavacolla, as tres gañadoras, a súa titora e as súas familias visitaron a sede do Grupo Correo Galego. As mozas aínda estaban desbordadas pola emoción de resultar gañadoras. Paula Lamas comentaba que lles tocou a última quenda para expoñer o seu traballo e que os "nervios estiveron a flor de pel ata o último minuto". Afortunadamente, conseguiron o reto. "Agora gustaríanos que o proxecto saíse adiante e se fixese realidade, para poder axudar aos nenos máis desfavorecidos do mundo", subliñou tamén Nalú Rodríguez.
O seu traballo despuntou na primeira fase do premio, na que participaron máis de 300 equipos de alumnos de centros de toda España. Onte conseguiron facerse co gran premio en Madrid cun veredicto unánime do xurado. Así, a finais deste mes viaxarán a California, Estados Unidos, para desenvolver o proxecto na meca da tecnoloxía, Silicon Valley, onde poderán traballar na mesma mesa que afamadas personalidades do sector. Ademais, tamén poderán coñecer as instalacións das grandes firmas tecnolóxicas, como Google ou Facebook, entre outras.
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) vén agradecendo de forma pública o labor realizado polos elementos máis dinámicos e comprometidos da sociedade en favor dos dereitos, a participación comunitaria, a inclusión e o benestar das persoas con discapacidade e das súas familias. A tal fin, o CERMI instituiu uns Premios, baixo a denominación de cermi.es, nome do seu órgano oficial de comunicación, que constitúen un recoñecemento e unha expresión de gratitude á solidariedade demostrada pola sociedade cos obxectivos defendidos pola representación organizada das persoas con discapacidade e das súas familias.
Con estes galardóns, recoñécese anualmente o traballo en España en favor das persoas con discapacidade e as súas familias, co fin de "lograr unha sociedade máis inclusiva e xusta que non deixe atrás a ninguén", segundo explica o propio Cermi.
As persoas, entidades, organizacións ou institucións que desexen participar nestes galardóns deben enviar a súa candidatura á sede do Cermi Estatal -na rúa Recoletos en Madrid- ou ao correo electrónico cermi@cermi.es, cumprimentando o formulario que aparece xunto ás bases dos galardóns na web do Cermi.
O fallo do xurado coñecerase na segunda quincena do mes de setembro deste ano. O Cermi anima a participar nestes premios, "porque ademais de recoñecerse publicamente o traballo en favor da inclusión, pode servir como inspiración e exemplo de boas prácticas a outras persoas ou organizacións, algo que non só beneficia ás persoas con discapacidade, senón a toda a sociedade".
Distintas categorías
Nesta edición, o Comité Executivo do Cermi Estatal estableceu doce categorías dentro dos galardóns: Inclusión Laboral; Investigación Social e Científica; Acción social; Accesibilidade Universal " Fundación Vodafone; Acción Cultural Inclusiva; Fundación CERMI Mulleres - Acción en beneficio das mulleres con discapacidade; Medios de Comunicación e Imaxe social da Discapacidade; Mellor Acción Autonómica e/ou Local; Responsabilidade Social Empresarial/Discapacidade; Activista-Traxectoria Asociativa; Mellor práctica de cooperación asociativa na esfera do Terceiro Sector da discapacidade, e Institucional.
O fallo dos Premios realizarao un xurado integrado por representantes do Cermi, asistidos por profesionais relevantes da comunicación e a responsabilidade social corporativa de acreditada traxectoria, quen se constituirá en Comité Técnico Asesor. Formará parte do xurado unha persoa representante da axencia de noticias Servimedia como apoio operativo. Actuará como Secretaria do Xurado, con voz e voto, a directora executiva do Cermi.
O xurado dirimirá cada premio por maioría simple para cada unha das categorías, e ás persoas ou organizacións gañadoras faráselles entrega dunha escultura representativa, obra dun prestixioso artista.
En moitas ocasións non son só as empresas as que poden axudar a persoas con discapacidade, senón que son os propios traballadores os que toman a iniciativa e súmanse a proxectos de voluntariado co obxectivo de destinar parte do seu tempo e os seus coñecementos á inclusión destas persoas.
Un exemplo moi claro deste tipo de proxectos é o dos traballadores de Indra, que durante o mes de maio uníronse á Fundación Xoán XXIII Roncalli para aproveitar os seus coñecementos para desenvolver tecnoloxía que axude a persoas con discapacidade intelectual.
Esta colaboración realizouse a través do programa con.TTigo, que supuxo unha iniciativa de voluntariado inclusivo pioneira e innovadora que persegue buscar solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade.
Así, os voluntarios traballaron durante un mes no deseño de aplicacións dirixidas a tres ámbitos diferentes. Por unha banda, á atención, para facilitar a vida en comunidade e a autonomía no fogar.
Doutra banda, centráronse na formación a través dun curso sobre accesibilidade cognitiva; e, por último, desenvolveron aplicacións centrada na inclusión laboral a través de servizos de produtos ecolóxicos.
As aplicacións desenvolvidas durante estas semanas inclúen unha ferramenta de apoio no fogar, un interface sinxelo para acceder a información a través de códigos QR e unha ferramenta para a trazabilidade de cultivos, a súa manipulación e entrega ao cliente a través do servizo de produtos ecolóxicos.
Sen dúbida, un fantástico exemplo de como os traballadores de empresas tecnolóxicas se involucran no obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade e persoas maiores.
O Concello de Santiago anunciou a semana unha importante iniciativa para impulsar “o emprego de calidade”. Trátase do Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, un proxecto cun orzamento de 320.000 euros (dos que 256.000 procederían de fondos europeos FEDER e o resto do Concello) e que ten como obxectivo fornecer de maneira continua “servizos que melloren as condicións de empregabilidade das persoas en situación de desemprego”, e fomentar “a creación de postos de traballo estables e de calidade”. Estes datos foron achegados pola concelleira María Rozas, alcaldesa en funcións.
Segundo fixo saber máis en detalle, ao abeiro do centro quérese crear unha incubadora de procesos colaborativos e do Observatorio da Innovación Social, así como impulsar a execución de teses, traballos fin de grao e traballos fin de máster ligados ás áreas de traballo actuais que mostran meirande potencial de creación de emprego, tanto en cantidade como en calidade.
Rozas tamén engadiu que o labor do CETEC estará vinculado á Mesa polo Emprego de Santiago, e o obxectivo do Concello é que permita "intensificar a colaboración coas entidades vinculadas ao ámbito laboral, tamén a Universidade de Santiago".