Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, traémosvos a historia dunha estudante británica que desenvolveu unha luva capaz de traducir os movementos da lingua de signos a texto para facilitar a comunicación con persoas non signantes.
A luva é capaz de rexistrar os movementos dunha persoa signante e traducilos a texto a través dunha pantalla, á vez que rexistra as palabras pronunciadas polo non signante e pásaas tamén a texto para que as poida ler a persoa xorda.
Este proxecto, que se denomina BrightSign, está aínda pendente de recibir o financiamento necesario para comercializar o dispositivo, pero a súa fundadora, Hadeel Ayoub, confía en poder comercializalo antes de que termine o ano, segundo apunta nunha reportaxe publicada na web www.diginomica.com.
Esta luva ten algunhas vantaxes respecto doutros proxectos similares. Por unha banda, é capaz de aprender signos propios, de maneira que vai evolucionando en liña co seu usuario. Por outro, a súa creadora ten o obxectivo de comercializalo a un prezo moi inferior a outras opcións parecidas, situándoo por baixo dos 1.000 euros.
Este tipo de desenvolvementos son os que demostran a capacidade da tecnoloxía para facilitar a vida de persoas con discapacidade, pero atópanse co escollo de lograr o financiamento necesario para a súa comercialización.
O vindeiro 23 de xuño terá lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega de premios da III edición do concurso escolar Aprendo Programando, que organiza o CPETIG coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora.
A esta edición concurriron un total de 72 equipos – 57 de ESO e 15 de Primaria- que presentaron os seus traballos programados con Scratch baixo a temática Patrimonio cultural europeo, proposta polo CPETIG para a convocatoria deste ano. Esta alta participación supón un récord sobre as edicións anteriores, chegando case a duplicar o número de equipos inscritos o ano pasado.
Aprendo Programando ten como finalidade achegar ao alumnado de Primaria e ESO a programación, contribuíndo así a integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías xa desde a infancia. Deste xeito, a iniciativa representa para o alumnado de ensino primario e secundario a oportunidade de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación a través do Scratch, e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Esta ferramenta didáctica abre numerosas posibilidades creativas, como desenvolvemento de xogos, historias interactivas, animacións ou programación de robots.
Os premios: un robot educativo, tablets e libros
A entrega de premios será o sábado 23 de xuño ás 12.00 horas en Santiago de Compostela, nun acto que contará coa asistencia do presidente do CPETIG, Marcos Mata; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, como entidades colaboradoras.
Os equipos participantes optan a premios como un mBot, robot educativo; tablets; exemplares do libro titulado 50 anos de Baloncesto en Galicia, editado pola Federación Galega de Baloncesto; e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.
A Fundación Vodafone vai manter aberto até o 31 de xuño o prazo para presentarmos candidaturas á terceira edición de Connecting For Good Galicia, a iniciativa conxunta da compañía de telecomunicacións e o Goberno autonómico para impulsar, visualizar e premiar proxectos tecnolóxicos con clara vontade de facer o ben, solidarios e sociais. En concreto, valóranse aquelas iniciativas que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020. Ademais, terase moi en conta o “enfoque inclusivo” en relación a persoas con diversidades funcionais ou cognitivas e persoas maiores.
Nesta convocatoria, coma nas edicións previas, seleccionaranse un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con diversidades para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.Os proxectos incorporados ao programa beneficiaranse de sesións de formación e asesoramento e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través “dun traballo personalizado” e “dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación”. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de Vodafone Connecting for Good, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para “facilitar a coordinación e xestión das propostas”. O fallo do Xurado cos proxectos seleccionados notificarase antes do 1 de outubro. A fase de formación dos participantes terá unha duración de seis meses, desde o 15 de outubro de 2018 até o 15 de abril de 2019.Para a valoración dos proxectos, os responsables dos mesmos deberán rexistrar a candidatura na web específica da fundación, www.fundacionvodafone.es/premios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases.
Hai un par de meses formalizouse a Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, Videoxogo.gal, para potenciar a súa industria dos videoxogos na comunidade galega servindo de ponte entre as empresas do sector para crear sinerxías e dinamizar o seu sector, e onte presentouse esta iniciativa en sociedade nun acto que tivo lugar na Coruña e onde o presidente da asociación, Fernando Prieto (do estudio Gato Salvaje) explicou os obxectivos que se teñen marcado e anunciou que como incentivo para asociarse os integrantes de Videoxogo.gal poderán acceder sen custo adicional á vindeira edición de Mundos Digitales, congreso que desenvolverse en PALEXCO na Coruña entre os días 5 e 7 de xullo.
Durante o acto de presentación, a tesoureira de Videoxogo.gal, Luz Castro (Imaxin Software), tamén instou aos presentes a interesarse pola nova entidade e animarse a xuntar forzas a prol dun sector que precisa dunha maior visibilidade en Galicia. Entre os obxectivos da nova asociación figura tamén a promoción da produción de entretemento dixital como unha actividade relevante e innovadora dentro do lecer, a cultura, a Industria 4.0 e as TIC, o fomento da competitividade e a internacionalización, o desenvolvemento dunha industria ao redor da produción de lecer dixital, a representación do sector en distintos foros e incluso a busca do recoñecemento en Galicia do entretemento dixital como produto cultural.
Videoxogo.gal nace da asociación das empresas Gato Salvaje, Imaxin Software, Ficción Producciones e Datalawyers, esperando aglutinar nos vindeiros meses a moitos outros socios que exerzan a súa actividade en Galicia e como actividade principal teñan a produción, creación e desenvolvemento de software de lecer ou participen a nivel profesional na cadea de valor do sector dos videoxogos ou dos contidos interactivos. A asociación tamén está aberta a estudantes que estean a formarse no sector.
O Concello da Coruña vén de abrir unha consulta coa cidadanía para determinar as súas preferencias á hora incorporar sistemas intelixentes nos edificios públicos. A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de Rexeneración Urbana, está concibida para desenvolverse coa axuda da cidadanía en materia de suxestións e propostas en relación a diferentes eidos (mobilidade, seguridade, eficiencia enerxética, xestión, control), co fin de dar forma a un proxecto piloto que optará á convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes (Red.es, Ministerio de Economía). A Concellería recolle as suxestións a través dunha enquisa en liña dispoñible na web http://coruna.gal/edifintel. A enquisa pode facerse durante todo o mes de xuño e responde á estratexia do Goberno local de “involucrar á veciñanza nos procesos municipais”.
Xiao Varela fixo fincapé “na oportunidade que supón este proxecto para a mellora dos edificios en aspectos que teñen unha grande influencia en todas as persoas que fan uso deles, como son a mellora da mobilidade, a eficiencia enerxética e a seguridade”. Ao fío disto, informou que o seu departamento está a realizar unha rolda de contactos coa Universidade da Coruña, diferentes consellerías da Xunta, ministerios, a Deputación provincial, entidades sociais e as autoridades de transporte, que xestionan os inmobles de nodos de comunicación como son o aeroporto, a estación de trens ou de autobuses. Os froitos de todos estes contactos e da devandita enquisa á cidadanía incorporaranse ao documento de traballo da concellería. Esta iniciativa insírese no plan para converter á Coruña nunha Cidade Intelixente. O plan pretende (entre outras cousas) equipar os edificios públicos da cidade, que suman case 300, de sensores que se comuniquen coa plataforma Smartcity Coruña. Os datos servirán como base de análise para levar a cabo unha xestión máis eficiente da cidade e a concreción de novos servizos para a cidadanía. Estes sensores tamén se poderían dispor no exterior dos edificios, de maneira que sirvan para a mellora da mobilidade sustentable e das contornas dos inmobles.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a posta en marcha da primeira convocatoria das unidades formativas en empresas que, cunha achega de 5,4 millóns de euros, permitirá desenvolver 332 cursos para dar formación adaptada ás demandas do tecido empresarial a 3.200 persoas, tanto desempregados como ocupados.
Trátase do programa de formación máis ambicioso do Estado que está dirixido ao tecido empresarial, o único programa de formación á carta. O presidente do Goberno galego precisou que estas unidades estarán centradas nos sectores estratéxicos da economía galega. Así, no sector naval formaranse máis de 1.000 persoas, a través de 139 cursos; na automoción serán máis de 800 persoas en 66 cursos; no sector TIC, 431 traballadores por medio de 51 unidades; e no metal formaranse unha 340 persoas a través de 31 cursos.
Así mesmo, tamén contarán con formación á carta en sectores como a conserva, o aeronáutico, o forestal, a pedra e a lousa, o téxtil, o sociosanitario, as enerxías renovables e os vinculados ao plástico e envases.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que as axudas para as unidades formativas dividiranse en dúas modalidades: as dirixidas a traballadores ocupados, nas que se investirán 3,1 millóns para mellorar a cualificación de 2.000 persoas; e as orientadas a desempregados, cun investimento de 2,3 millóns para chegar a 1.200 persoas.
“No caso destas últimas, as empresas comprométense a contratar ao 40% das alumnas e alumnos”, dixo, subliñando que aquelas compañías que superen o compromiso de contratación contarán con apoio da Xunta para as fichaxes, financiándose os contratos indefinidos con entre 7.000 e 16.000 euros.
Cómpre salientar que, a proposta das propias empresas, deseñáronse 27 programas de formación personalizados que foron aprobados polo Goberno central e que terán validez en toda España, entre os que destacan: a creación de dúas novas especialidades de soldadura; unha programación avanzada en materia de robótica industrial e técnicas de automatización; e, no sector naval, cursos especializados de electricista, aplicador e climatización.
Tal día como hoxe do ano 2013 deuse a coñecer a aprobación por parte de ICANN do dominio .galpara a lingua e a cultura galegas, e para celebrar estes 5 anos da concesión do dominio (que delegaríase en abril de 2014, estrearía a súa primeira páxina en maio e abriríase ao público en decembro do mesmo ano) lánzase unha promoción de duración limitada, que permitirá o rexistro de dominios .gal até o vindeiro día 17 a un prezo máximo de só 5 euros + IVE a través dos rexistradores BlackKnight, CDmon, Core, Dinahosting, Don Dominio, Com Laude e Openprovider.
Os dominios .gal superan actualmente a barreira dos 4.700 rexistros, e pretenden superar os 5.000 antes de rematar o presente ano, obxectivo para o que están a realizarse diversas promocións e campañas que principalmente buscar dar unha maior visibilidade ao dominios de primeiro nivel ideal para representar á nosa sociedade na Internet.
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, entregou onte en Ferrol os diplomas do curso desenvolvido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Incyde no Centro de Formación Ocupacional ferrolán, que permitiu formarse en márketing dixital e emprendemento a 22 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.
A iniciativa forma parte dos acordos de colaboración en materia de formación no eido comercial nos que a Xunta coopera coa Fundación Incyde, que contan cun orzamento conxunto de 300.000 euros e que inclúen tamén accións destinadas á creación e diagnose de plans de acción para a mellora da competitividade do sector.
Activiza "unidade de innovación, formación e consultoría de Saraiva", en colaboración coa entidade Afundación e os espazos 60, organiza dous novos cursos de 'Envellecemento activo e saudable'. A cita será os días 20 e 21 de xuño, na sede de Afundación de Vigo "rúa Policarpo Sanz 26, 2ª planta".