main content

main content
13/06/201808:06
Participantes na xornada.
Santiago de Compostela

A programación do CNTG deste ano céntrase especialmente na ciberseguridade

Durante a xornada Hacker ético, que se desenvolveu onte pola mañá no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), déronse a coñecer os perigos e ferramentas para poder minimizar o dano que poden ocasionar os atacantes non autorizados en sistemas informáticos. Contou coa participación do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, quen puxo en valor a formación de calidade como a que se imparte no CNTG a través de 46 cursos no primeiro semestre deste ano para cualificar a preto dun milleiro de alumnos e alumnas.

Ademais, o centro leva a cabo 19 xornadas divulgativas, como a de onte de hacking ético. Son seminarios sobre os novos desenvolvementos no mundo das TIC nos que se prevé a asistencia de 500 persoas. En palabras de Marnotes, este seminario reflicte o compromiso da Xunta de dar resposta ás demandas reais de cada sector de actividade, destacando que a ciberseguridade vai ser un dos retos do futuro da sociedade. A xornada contou coa asistencia de Kenneth Peiruza, consultor e formador con 20 anos de experiencia profesional no mundo do hacking ético da administración e a seguridade en sistemas Linux.

A programación deste ano do CNTG céntrase na ciberseguridade. Nas accións formativas que se impartiron sobre esta materia participaron preto de 420 alumnos e alumnas.

13/06/201808:06
Participantes no programa.
Santiago de Compostela

A Cámara, o Concello de Santiago e o INCYDE achegaron a Internet das Cousas a 20 emprendedoras e emprendedores

Cámara de Comercio de Santiago de Compostela clausurou hoxe o seu programa de formación avanzada sobre os obxectos conectados e as súas posibilidades á hora de lanzar novos proxectos de mercado ou ampliar e mellorar proxectos xa existentes. Falamos do programa Constrúe o teu Futuro. Internet das Cousas (IoT) e Emprendemento”, do que tamén se entregaron os diplomas ás/aos participantes. A cita foi no viveiro de empresas que a Cámara ten no Polígono de Costa Vella. A formación, organizada con co-financiamento do Concello de Santiago e da Fundación INCYDE (a través do Fondo Social Europeo) foi clausurada pola concelleira de Desenvolvemento Económico de Santiago, Marta Lois; o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; e o director de Proxectos da Fundación INCYDE, Carlos Silván.

A formación, que se celebrou do 16 de abril ao 25 de maio na incubadora de Costa Vella, destinouse a mozos e mozas menores de 30 anos sen estudos en curso nin ocupación laboral na actualidade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ben sexan emprendedores ou profesionais que desexan iniciarse no desenvolvemento da IoT (Internet of Things), así como os interesados en ampliar e consolidar os seus coñecementos no eido da creatividade dixital.

O programa, no que participaron 19 alumnos e alumnas (10 mulleres e 9 homes), ten por obxecto “mostrar os distintos modelos de negocio baseados e realizados baixo este paradigma, con especial atención aos sectores máis puxantes e considerar as novas solucións que comercializan as novas firmas innovadoras nos ámbitos nacional e internacional”. 

Fernado Barros sinalou que na formación explicáronse as tecnoloxías vinculadas á Internet das Cousas e que tipo de requisitos son básicos para construír un modelo de negocio analizando e realizando un estudo de mercado. Tamén deu a coñecer as ferramentas necesarias e distinguiu casos de éxitos das empresas que xa triunfaron no eido IoT. Desenvolvéronse conceptos de información a gran escala, uso de aplicacións móbiles e conceptos de ciberseguridade e benchmarking. Ademais da entrega de diplomas, o alumno Óscar Bonome presentou o seu proxecto Bono Magic 3D.

13/06/201807:06
Emprendedores do viveiro de empresas de Barro.
Barro

Os 20 proxectos do coworking de Barro adestraranse en fabricación dixital

Falar de coworking é falar de novos xeitos de facer empresa. De aí a un protagonismo especial das novas tecnoloxías e da presenza feminina non hai máis ca un paso. Un exemplo disto é a nova edición (a segunda) do coworking de Barro, que comeza a funcionar este 14 de xuño froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI). Este novo espazo de traballo colaborativo contará coa participación de 20 proxectos emprendedores, unha parte dos cales son iniciativas relacionadas coas novas ferramentas dixitais. 

A sede de operacións será o viveiro de empresas de Barro, durante un período de cinco meses. Será de balde e, ademais, abrirá vieiros de acceso a importantes vantaxes formativas. Por exemplo, acceso ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) situado no mesmo espazo. Por certo que boa parte das iniciativas acubilladas están lideradas por mulleres, 13 das 20. Segundo afirmou na presentación do coworking Carmela Silva, presidenta da Deputación, este feito responde a que “as mulleres, nesta provincia, están a converterse en protagonistas do desenvolvemento económico”.

En total, os proxectos que comezan a desenvolverse en Barro centraranse en eidos como a psicoloxía, a publicidade online, a radio, o ensino, a internacionalización, a arqueoloxía, a nutrición e a saúde, o turismo, a avogacía, a selección de persoal, as tecnoloxías ou a fotografía. 

Amais do espazo de balde durante case medio ano, a Deputación de Pontevedra ofrece a estas novas emprendedoras e emprendedores acompañamento individualizado e accións formativas especializadas para “garantir o éxito dos seus proxectos”. Máis polo miúdo, a cada proxecto destinarase 40 horas de asesoramento persoal nas que se traballarán “conceptos esenciais para o desenvolvemento da súa idea empresarial”. Ademais, desenvolveranse 60 horas de formación específica a través de obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e xestión de proxectos (temas como as competencias emprendedoras, a creatividade e innovación aplicada ao mundo empresarial, a metodoloxía Lean StartUp adaptada ao modelo de negocio, como poñer en marcha un plan de mercadotecnia dixital, como atopar e consolidar a viabilidade económica, etc).

Ademais, como dixemos, as persoas participantes terán acceso de balde ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital), que está situado no mesmo viveiro de Barro, e onde se dispón de equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, unha fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, etc.). Nestes laboratorios, segundo informou a Deputación, desenvolveranse “unha completa programación de obradoiros específicos de Arduino e fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía”. Deste xeito, engadiu a entidade provincial, “calquera emprendedor ou emprendedora que o precise poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións”. Amais, e tamén no marco do FabLab, celebrarase unha jam (ensaio-improvisación colectiva) para a creación de solucións de forma conxunta a un reto que se lles proporá ás persoas que asistan.

Para rematar organizarase unha xornada de demostración (Demo Day) durante o cal se presentarán os proxectos participantes na segunda edición do coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

12/06/201811:06
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Até 400 persoas participan este venres na Noite da Enxeñaría en Informática

Para quen non o saiba, aínda a estas alturas, este venres 15 de xuño celébrase en Santiago, no Hotel Monumento San Francisco (a partir das 20.00 horas) o gran acontecemento de confraternidade anual das enxeñeiras e dos enxeñeiros en Informática da nosa terra. Estamos a falar da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo CPEIG, á que está previsto que acuda preto de 400 convidadas e convidados, entre representantes do empresariado, das administracións, do ámbito universitario e profesionais. A cita servirá ademais para recoñecer con diversos galardóns o traballo ben feito dos nosos profesionais en materia dixital.

Segundo lembra o colexio, “A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en Informática ao abeiro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.
Novamente podemos consultar todo o relativo ao festexo na web específica anoite.gal

O mestre de cerimonias será o actor e humorista Carlos Latre, e a previsión é de que a gala comece arredor das 20.00 horas, co cóctel de benvida. De seguido, arredor das 21.00 horas, procederase a entregar os premios que cada ano convoca o CPEIG e que, como dixemos, diríxense a mostrar os esforzos das nosas entidades, asociacións, profesionais e empresas no camiño de impulsar recursos e servizos tecnolóxicos de especial valor para o noso desenvolvemento social e económico (facendo fincapé, tamén, nas iniciativas, nos proxectos e nos persoeiros que máis e mellor tiveran impulsado e mellorado a profesión da Enxeñaría en Informática na nosa terra).

Estes son os galardóns que acompañan a celebración da Noite: Premio Proxecto Fin de Carreira/Master (José Joaquim de Moura Ramos), Premio e-Inclusión (proxecto Digitalizadas), Premio Iniciativa Emprendedora (aceleradora ViaGalicia), Premio Iniciativa Empresarial (ISMS Forum), Premio Ada Byron (Miriam Pena), Premio Iniciativa da Administración (Instituto Nacional de Ciberseguridade, INCIBE), Premio Traxectoria Profesional (Lucía Ardao), Premio 10 Aniversario da Noite (Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia) e a distinción Colexiado de Honra (Juan Pablo Peñarrubia).

12/06/201811:06
Participantes na xornada.
Madrid

As novas tecnoloxías permiten a mellora nos coidados, detección e tratamento das demencias

  • Sanitas organizou unha xornada na que os profesionais coincidiron na importancia da innovación na atención das persoas con demencias
 
En España, un de cada catro fogares españois vese afectado polo Alzheimer, segundo datos da Fundación Sanitas. En total, máis de 1,2 millóns de persoas en España viven con esta enfermidade. Neste escenario, Sanitas celebrou unha xornada que aposta por continuar innovando en demencia para mellorar a calidade de vida das persoas que viven con esta enfermidade e tamén para explorar novos tratamentos e métodos diagnósticos. 
 
A xornada foi inaugurada Iñaki Ereño, conselleiro delegado de Sanitas, que destacou o compromiso da entidade co coidado das persoas que viven con demencia desde a abordaxe da persoa é o primeiro. É dicir, "poñer o foco nas necesidades da persoa e non na enfermidade". Neste sentido, a empresa aposta polo coidado sen suxeicións, hoxe o 89% dos centros da rede da compañía están acreditados como libres de suxeicións, "menos dun 1% dos nosos residentes usan suxeicións fronte á media española, que se sitúa en máis do 20%", comentou Iñaki Ereño. 
 
Andrew Ketteringham, tesoureiro da Alzheimer"s Disease International (ADI, polas súas siglas en inglés) puxo en relevo a situación desta enfermidade a nivel mundial, segundo datos da organización, cada tres segundos, unha persoa no mundo desenvolve demencia. En termos económicos, en 2018 supón un custo dun billón de dólares en todo o mundo e subirá a dous billóns en 2030. "É moi importante que se desenvolvan plans nacionais contra esta enfermidade. A demencia debe ser unha prioridade de saúde pública. Na actualidade, 32 países teñen vixentes plans gobernamentais e 16, entre os que se atopa España, vanos a instaurar en 2018. O obxectivo que perseguimos é que 146 países teñan aplicadas en 2025 políticas nacionais contra esta enfermidade, é dicir o 75% dos países membros", explicou Andrew Ketteringham, tesoureiro de ADI.
 
 
Solucións dixitais para os coidados
A xornada contou coa presenza de Yuri Quintana, PhD de Harvard Medical School, quen falou do seu papel na creación de solucións tecnolóxicas de dixitais para mellorar a calidade de vida de quen vive con demencia e os seus coidadores. "En Boston desenvolvemos unha aplicación para maiores con InfoSAGE (Information Sharing Across Generations) que se integra nos altofalantes intelixentes e a intelixencia artificial de Amazon Alexa. Esta permite que as familias se involucren en maior medida nos tratamentos, respectando a independencia da persoa con demencia", afirmou Quintana.
 
Sobre este punto, Yuri Quintana subliñou a necesidade dar certo espazo ás persoas maiores. Os pacientes manifestan que queren contar co coidado da súa familia, pero tamén manter o control sobre as decisións sobre o seu coidado.
 
Juan Monzón, cofundador e conselleiro delegado de Exovite , empresa dedicada á investigación no ámbito da TeleRHB, eHealth e mHealth, puxo de manifesto "como a realidade virtual, entre outras tecnoloxías, axuda a traballar a reminiscencia ao traer de volta recordos positivos grazas á creación de bancos de recordos personalizados. Desta maneira, propón algunhas solucións como as visitas virtuais de Google Street View ou vídeos 360 para facilitar ao paciente o proceso de reminiscencia ou procura dos seus recordos". 
 
Pola súa banda, Pablo Gagliardo, director de Desenvolvemento de Negocio de Rehametrics http://rehametrics.com/, presentou un software de rehabilitación para tratar lesións físicas e cognitivas por dano cerebral, enfermidades neurodexenerativas e envellecemento. O experto explicou como a rehabilitación virtual axuda ao paciente. "Traballamos a motivación a través de técnicas de gamificación, non só nunha contorna clínica senón en calquera contorna asistencial, por suposto, tamén no propio fogar do paciente. Así conseguimos que se complete a totalidade do plan de tratamento pautado polo profesional dunha forma áxil", afirmou.
 
Javier Mínguez, co-fundador de Bitbrain Technologies, unha empresa aragonesa que naceu como spin-off da Universidade de Zaragoza destacou como a neurotecnoloxía pode ser parte importante en detección e tratamento da deterioración cognitiva. "A través das novas solucións podemos saber se as sesións de rehabilitación van ter resultado ou se o paciente alcanzou o límite de saturación".
 
 
Tendencias en innovación médica
A segunda mesa da xornada versou sobre innovación médica. María José Gil, do servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Torrexón explicou como "o risco de padecer Alzheimer dóbrase cada cinco anos tras cumprir os 65". Advertiu tamén sobre algúns dos factores de risco relacionados co Alzheimer, como as enfermidades cardiovasculares. A doutora incidiu na importancia de "previr a deterioración cognitiva mesmo en idades moi temperás. Ademais é importante facer estudos en pacientes asintomáticos, ao redor dos 45 anos, porque a enfermidade aparece moito antes que os síntomas". 
 
Carmen Terrón, do servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario Sanitas A Zarzuela, expuxo a relación entre a ausencia de actividade física e a deterioración cognitiva. "En España, un terzo da poboación non realiza actividade física e este é o factor de risco máis potente de desenvolvemento de Alzheimer na nosa contorna". Segundo a doutora, "os anciáns, de entre 70 e 80 anos, que se mantiveron fisicamente activos nos cinco anos previos poderían ter un 40% menos de posibilidades de desenvolver Alzheimer".
 
Mª Ascensión Zea Sevilla, da área Neuroloxía da Fundación Cien, centrou a súa exposición nos marcadores para o diagnóstico precoz de enfermidades neurodexenerativas. "O Alzheimer está asociado ao risco cardiovascular e maniféstase 15 anos antes de que aparezan os primeiros síntomas". A través do Proxecto Vallecas, desde a Fundación CIEN realizan un estudo para definir un método de diagnóstico precoz da enfermidade a maiores de 70 anos.
 
David A. Pérez Martínez, xefe do servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario 12 de Outubro, comentou a mellor abordaxe do tratamento da enfermidade desde o ámbito hospitalario en colaboración con outras institucións. Lembrou que "é necesario implementar un sistema ben codificado para interpretar ben os casos dos pacientes e medir os resultados porque potenciará a investigación". O doutor comentou que "a accesibilidade ao sistema e ás consultas é fundamental" para obter os datos necesarios. 
 
Pechou a xornada Domènec Crosas, director xeral de Sanitas Maiores, que puxo o foco no compromiso de Sanitas e de Bupa, o seu grupo matriz, na creación de sociedades inclusivas coas persoas que viven con demencia. "Temos a obrigación de mirar ao futuro e de apostar pola innovación, pero tamén de dar resposta ás necesidades das persoas que hoxe viven con demencia e as súas familias", afirmou Crosas. "Estamos nunha era na que as oportunidades da tecnoloxía no coidado e a atención ás persoas son maiores que nunca. Sexamos valentes, sexamos abertos, e aproveitémolo", concluíu.
12/06/201810:06
Mozo con cascos tombado nun sofá cun portátil encima das pernas.
Santiago de Compostela

Programador, unha profesión na que non existe o paro

  • A economía dixital necesita de máis programadores polo que esta profesión é unha grande oportunidade laboral que abre unha infinidade de posibilidades para os mozos.
 
Segundo as cifras entregadas en maio, España conta con 3.252.130 parados "a menor cifra desde decembro de 2008" e 18.915.668 cotizantes. Con todo, o desemprego entre os menores de 25 anos segue no 34,4%, aínda que hai unha profesión que xa exercen moitos mozos e que case non ten desemprego: a programación.  Nun momento do ano no que os estudantes están a decidir o seu futuro tras realizar a selectividade, esta profesión aparece como unha das apostas de futuro máis atractivas.
 
A economía dixital crece imparable. A creación de novos proxectos fan que esta profesión teña unha das mellores saídas laborais do mercado. Java é unha linguaxe de programación informática de código aberto que existe desde hai máis de 20 anos. É unha das linguaxes de programación máis populares, sen ir máis lonxe todas as aplicacións de Android utilízano. Estímase que está en 15.000 millóns de dispositivos en todo o mundo e o seu alcance chega ata grandes empresas como LinkedIn, Ebay, Wallapop ou Amazon.
 
"Un novo programador comeza a súa experiencia laboral cun salario dun 26 mil euros no seu primeiro ano de emprego, pero un sénior xa recibe un salario de 42 mil euros anuais de media", afirma Ignacio Cougil uno dos fundadores de JBCNConf, o evento de programadores Java máis importante de España.
 
Nacho Cougil e Jonathan Vila crearon estas xornadas debido a que non existía un evento que reunise aos programadores de Java e permitíselles aprender doutros, xerar sinerxias e conectar con empresas en busca de talento.
 
"Moitas empresas veñen buscar talento a JBCNConf porque existe moita calidade en España pero custa moitísimo atopar a xente dispoñible porque xa están a traballar noutros sitios. Hai moita oferta pero como non hai profesionais dispoñibles as empresas teñen que traer talento desde o estranxeiro, os cales veñen encantados porque en Londres cobras máis pero non tes a calidade de vida que hai en España.  Esta escaseza de programadores fixo que suban os salarios e se creen máis postos de traballo para programadores", afirma Jonathan Vila.
 
Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo é unha iniciativa do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a súa situación dentro do mercado de traballo. E no ámbito da formación, o goberno decidiu apostar pola programación en linguaxe Java.
 
A demanda de enxeñeiros que coñecen Java é unha das máis altas do mercado, e na actualidade non está a ser cuberta. Os mozos participantes recibirán formación na que se inclúen contidos temáticos sobre distintas linguaxes de programación, un módulo de empregabilidade, titorías individuais e a presentación de traballos finais. O goberno busca cubrir a demanda de profesionais cualificados para sectores como as aplicacións móbiles, ciberseguridade, realidade virtual e os videoxogos.
 
 
A canteira española de desenvolvedores de Java
Eventos como JBCNConf, o principal evento Java e JVM de Barcelona e un dos maiores a nivel europeo, buscan cubrir este oco no mercado. O evento conta co patrocinador de empresas de desenvolvemento de software nacionais e internacionais, que aproveitan o evento para levar a cabo procesos de selección.
 
Como destaca Nacho Cougil (Barcelona, 1977), un dos organizadores do evento: "un proceso de selección pode chegar a custar miles de euros a unha empresa. No sector existe moita rotación, ademais de en algúns casos elevados salarios (comparado coa media nacional). En cidades como Madrid e Barcelona existe unha gran canteira de profesionais, e as empresas de desenvolvemento buscan recrutalos ou mesmo trasladarse para aproveitar as vantaxes de España como hub tecnolóxico".
 
Jonathan Vila (Barcelona, 1972), organizador de JBCNConf, engade: "En eventos así creanse sinerxias e fluxos de información, ademais de realizar novos contactos profesionais. As empresas teñen necesidade de talento, por iso buscan entrevistar o máximo posible de persoas. JBCNConf dálles a oportunidade de compartir coñecementos, atopar sinerxias e detectar o talento dentro da comunidade que se reúne en torno ao ecosistema que hai ao redor desta linguaxe".
 
A 4ª edición da JBCNConf terá lugar os días 11, 12 de xuño, no Centro Comercial Heron City (Cinemas Cinesa) e o 13 de xuño no Hotel Alimara, en Barcelona. Nesta nova edición aspira a reunir a máis de 500 asistentes de diversas nacionalidades e contará con máis de 70 speakers que participarán nas conferencias sobre Java máis importantes do sur de Europa.
 
Máis información na Web de JBCNConf 2018.
12/06/201810:06
Alberto Oubiña.
Pontevedra

Novas tecnoloxías e zombis, eixes do programa PonteVerán de Pontevedra

As novas tecnoloxías e os zombis serán dous dos eixes temáticos da nova edición de PonteVerán (formato PDF), o programa estival de actividades do Concello de Pontevedra, especialmente dirixido á xuventude. A iniciativa foi dada a coñecer a semana pasada polo concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, quen salientou “a calidade, a cantidade a diversidade” da mesma. No que se refire a formatos, haberá accións de lecer alternativo e lúdico-formativas, con especial atención á igualdade, á actividade física e máis ao respecto polo medio ambiente e patrimonio. E, como diciamos ao comezo, haberá novas tecnoloxías e “xente resucitada”. O motivo? A celebración dunha cita terrorífica, Terra de zombies, o 31 de xullo, para mozas e mozos de entre 16 e 35 anos. 

Trátase, máis polo miúdo, dun xogo de rol en vivo cuxo obxectivo non é outro que procurar “a diversión en grupo”. Nun primeiro intre, a actividade incluirá unha explicación do xogo (obxectivos, normas de respecto entre compañeiras e compañeiros para logo pasar á caracterización dos participantes e encetar a actividade si mesma).

Segundo explicou Alberto Oubiña acerca das temáticas a tratar, nesta edición, “atendendo a demanda que temos dende hai tempo” incorpóranse á oferta de PonteVerán varios obradoiros e cursos relacionados coas novas tecnoloxías (de informática, de programación, de navegación, de robótica, de holografía e realidade virtual, etc). Isto responde á necesidade de fornecer á mocidade de accións acordes cos seus intereses. Na súa opinión, “cómpre non esquecer que xa temos máis dunha xeración nativa dixital”.

A programación de PonteVerán vai dirixida a nenos/as e mozos/as de 8 a 35 anos. A maior parte das actividades son de balde, xa que “as cuestións económicas non deben ser razón para non participar”, sinala Oubiña. As solicitudes para participar nas actividades de PonteVerán poden facerse a partir do 11 de xuño en: apuntate.pontevedra.gal.

12/06/201808:06
Presentación do STEMbach.
Santiago de Compostela

Os centros educativos galegos contarán o vindeiro curso co bacharelato de excelencia STEM

A educación en novas tecnoloxías, por moitos e variados motivos (por exemplo, as TIC abren unha manchea de posibilidades laborais, profesionais, comunicativas creativas e de emprendemento), estase a introducir no noso sistema educativo, aínda que se cadra non tan decontado como sería de desexar. O máis recente avance nesta dirección dunha docencia máis envorcada coas ferramentas dixitais presentouse hoxe oficialmente en Santiago, na Cidade da Cultura, onde o Goberno galego deu a coñecer que os nosos centros educativos de secundaria contarán o curso que vén cun Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach. Será, sinalou a Xunta, unha alternativa docente que abranguerá un proxecto final que o alumnado, individualmente ou en grupo, deberá explicar e defender ao remate do segundo ano.

Estes e outros datos foron achegados polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen debullou na presentación de hoxe un paquete de iniciativas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para o próximo curso 2018/19, enmarcadas en Edudixital 2020, no que se integra precisamente o devandito bacharelato tecnolóxico-científico (que será a acción prioritaria). Segundo indicou o conselleiro, o STEMbach é unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, será en si mesma unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o devandito proxecto a defender forma parte deste adestramento.

Este proxecto, semellante ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O conselleiro tamén fixo saber que o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e “cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos. O alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa. 

Outra das novas accións STEM presentadas hoxe é a creación dos Espazos Maker, en palabras do conselleiro “lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación”. Nesta primeira convocatoria búscase chegar a 10 centros educativos, aos que se fornecerá do equipamento necesario, así como dunha achega individual de 2.000 euros. 

Ao devandito cómpre engadir a Semana STEM, que se vai celebrar entre finais de agosto e principios de setembro de 2018, e tamén o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek, na que poderán participar 200 alumnos de 3º e 4º de ESO. Estas 200 prazas súmanse ás 450 deste ano da Semana STEM. co cal un total de 650 rapaces e rapazas poderán mellorar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos en campamentos fóra do horario lectivo.

12/06/201808:06
Participantes no curso.
Ourense

Até 35 persoas fórmanse na Molinera en prototipar ferramentas 4.0

O Centro de Innovación Social Dixital A Molinera de Ourense está a acoller estes días (e até o 18 de xuño) unha actividade formativa sobre metodoloxías da nova revolución industrial e tecnolóxica. Trátase do obradoiro Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos, un curso de extensión universitaria organizado polo Campus de Ourense (co financiamento da Deputación) no que participan 35 persoas adquirindo os recursos precisos para desenvolver todo o proceso de elaboración dun prototipo, desde a súa programación e electrónica ata a súa impresión en 3D. 

O curso está dirixido polo catedrático Florentino Fernández-Riverola e polo profesor José Ramón Méndez Reboredo, do Grupo de Investigación SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración) do Departamento de Informática da Universidade de Vigo. Cunha duración de 60 horas impartidas en horario de tarde na Molinera, a formación divídese en tres módulos, un primeiro de electrónica e programación, un segundo de corte con láser e un terceiro de impresión 3D. 

Segundo detallan os directores do curso, “o crecente interese polo desenvolvemento de sistemas electrónicos e microinformáticos orientados ao control de calquera proceso ou sistema e nun escenario onde todo dispositivo tende a conectarse a Internet, o uso de sensores e actuadores en combinación con circuítos electrónicos e microinformáticos posibilita o control de calquera sistema”. Ao fío disto, os directores engaden que a materialización de placas de circuíto impreso que integren todos os compoñentes eléctrico/electrónicos, así como o coñecemento de principios básicos de electrónica, “resultan imprescindibles para abordar o deseño, aplicación e posta en marcha de calquera proxecto electrónico”. 

Os obxectivos detallados do curso abranguen cuestións como capacitar ao alumnado para o desenvolvemento de circuítos electrónicos, para deseñar e fabricar prototipos electrónicos e programables funcionais e para comprender os fundamentos básicos do deseño de placas de circuíto impreso. Ao longo das sesións, as e os participantes, aprenderán ademais a manexar o instrumental necesario na construción de prototipos que manexan hardware electrónico e iniciaranse no mundo do hardware libre e os microcontroladores utilizando a plataforma Arduino e no manexo dunha ferramenta de deseño vectorial, entre outras temáticas.

14/06/201820:30h
1 mes 1 profesión dixital
Exposalnés (Cambados)

Charla sobre consumo responsable de telefonía e internet

A intención da charla é asesorar aos asistentes a elexir a operadora e o contrato máis adecuados, así como defender os seus dereitos ante posibles disconformidades co servizo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS