O Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos (CTGV), con sede no Porriño (Pontevedra), xa é unha realidade dende hai uns meses, xerando e achegando recursos para impulsar a nosa industria, apostando polo talento local e tendendo pontes de innovación entre investigadores, empresas e, en última instancia, seareiros. Ao longo dese tempo, segundo desvela nunha entrevista Dinahosting, empresa colaboradora, xa foron contabilizados máis de 200 contactos coas galegas e galegos que queren achegarse a este sector, tanto con ideas e propostas como a través de iniciativas reais e concretas.
Entre os obxectivos do centro figuran os seguintes: por unha banda emprazar a nosa terra na vangarda do desenvolvemento estatal de videoxogos (mostrando Galicia como unha Comunidade competitiva e innovadora en materia de lecer dixital) e, pola outra, facer medrar a porcentaxe de xogos que achegamos ao mundo. Sobre este último punto, o centro asumiu o reto de incrementar a taxa dende o 2,5% actual (o índice de produtos xerados a nivel estatal) até un moi salientable 10%. A día de hoxe o CTGV conta con dous estudos e ten en marcha tres proxectos, amais de dispor do apoio de catro patrocinadores.Amais de ser un punto de encontro (unha comunidade onde se xunten profesionais do sector galego e onde teñan un lugar no que poñer en común proxectos e ideas), o centro quere ser unha factoría de transferencia tecnolóxica (carrexando ideas e iniciativas ao tecido industrial da nosa terra) e de transferencia de coñecemento (levando as experiencias xeradas no CTGV aos centros de formación de Galicia, incluídas as universidades). A comunidade de impulsores do centro conta coa presenza do programador Jorge Pérez, do debuxante e artista gráfico Andrés Gil Vázquez, do programador e guionista Nicolás Casal e do deseñador gráfico e de videoxogos Javier F. Morales.
O vindeiro 19 de xullo de 10:00 a 12:00h o CDTIC en Santiago acollerá a sesión “Facturascripts a mellor alternativa para o seu negocio” (https://cdtic.xunta.gal/facturascripts), organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Asociación Galega de Software Libre (Agasol) e Ítaca Software Libre.
O obxectivo desta sesión é presentar FacturaScripts, un programa software libre de uso fácil, accesible e potente, que permite levar ao día a contabilidade da empresa dun xeito sinxelo, xa que xera ao momento todo o necesario para que os responsables poidan centrarse no seu negocio. Conforme fai as facturas ou albarás, dá de alta os clientes ou provedores, engade os produtos ao catálogo e xera os asentos contables. No mesmo proceso calcúlanse os prezos de custo ou asígnanse os de venda. Tamén permite facer orzamentos e cun par de clics, convertelos en pedidos, albarás ou facturas, co que se aforra tempo de xestión.
Esta sesión demostradora, impartida polos integrantes da cooperativa Ítaca Software Libre (http://www.itacaswl.com) Asier Epelde e Yolanda Sánchez, está dirixida a todas as empresas que busquen simplificar as súas xestións ou esquecerse de complexos programas de facturación e contabilidade que lles obriguen a configurar centos de opcións antes de empezar a traballar.
Para participar na actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Colaboración con Agasol
Agasol (https://www.agasol.gal/) é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.
Plan de Software Libre da Xunta
Esta xornada enmárcase no Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación dirixidas ao sector empresarial para mellorar o coñecemento de solucións de software libre entre as empresas galegas así como o achegar experiencias e casos de uso concretos, medidas demandadas polo empresariado galego, segundo se reflicte dos informes anuais do uso de software libre elaborados polo OSIMGA.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
O Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), dependente da Amtega, renova a súa web, www.osimga.gal, para ofrecer un acceso sinxelo e intuitivo aos diferentes contidos. O novo portal incorpora o deseño responsive que facilita a navegación dende diferentes dispositivos.
O portal do Osimga é a principal ferramenta de difusión pública das actividades realizadas polo Observatorio como organismo de xestión, información e vixilancia da evolución da sociedade da información en Galicia. Este portal é unha canle aberta de comunicación e difusión dos datos, informacións, estudos e outros materiais elaborados polo Observatorio. En 2017, osimga.gal recibiu 121.878 visitas, un 5,2% máis que o ano anterior, e o número medio mensual de visitas ao web situouse en máis de 10.100.
Estatísticas de referencia
Tras 7 anos en funcionamento desde a súa posta en marcha en 2011, os cambios e avances tecnolóxicos, tanto na forma de visualizar e presentar a información como no xeito de acceder á información por parte dos usuarios, facían necesaria unha renovación do portal. Ademais do cambio visual, realizouse unha reorganización dos contidos destacados, de xeito que a lectura sexa máis limpa e clara.
Entre as novas seccións, cabe salientar o apartado de “Estatísticas”, que ofrece un Cadro de Mando cos principais indicadores da Sociedade da Información en Galicia, conforme ao Plan Galego De Estatística 2017 – 2011 da Comunidade Autónoma de Galicia.
Outra novidade é a sección “Informes”: estudos coa información estatística máis ampla e detallada sobre as TIC existente en Galicia, cunha consulta sinxela por categoría ou anos.
Boletín trimestral
A través da súa web e do seu boletín trimestral de actualidade, que conta xa con máis de 2.700 subscritores, o Observatorio subministra unha selección de noticias de actualidade, eventos, ligazóns con outras fontes de información, observatorios ou entidades relacionadas coa modernización da Administración autonómica galega e a Sociedade da Información.
Ademais, o fondo histórico do OSIMGA presenta unha panorámica, ordenada de modo cronolóxico e temático, da evolución da Sociedade da Información e a Administración electrónica en Galicia.
Plan de Traballo Osimga 2018
O pasado mes de xuño celebrouse o Pleno do Observatorio do Osimga, no que se expuxo o plan de traballo para este ano. Entre as novidades para 2018 destaca a incorporación de novos indicadores na Enquisa a Fogares, que permitirán obter información sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na sociedade galega.
Ademais, no marco de colaboración con outras entidades, como a Unidade de Muller e Ciencia, elaborarase unha nova edición dos informes sobre o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero e a situación das mulleres no sector TIC. Co fin de contribuír a avaliación do Plan Estratéxico da Xuventude, darase continuidade ao estudo temático sobre A Mocidade e as TIC. No marco do Plan de Software Libre, o Osimga realizará novas vagas de estudos temáticos en 3 ámbitos: O Software libre nas empresas, no sector TIC e nos concellos.
A Fundación Barrié organiza Achégate á Robótica, un programa que promove a robótica educativa para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, á vez que favorece o desenvolvemento de competencias como a comunicación, o traballo en equipo, a xestión do tempo, a análise e a resolución de problemas, todas elas clave para o desenvolvemento persoal e profesional.
Achégate á Robótica está dirixida a estudantes de Educación Primaria (3º ciclo) e Educación Secundaria Obrigatoria, que serán agrupados por ciclos educativos: 5º e 6º de Primaria; 1º e 2º de ESO; e 3º e 4º de ESO. A actividade terá unha duración de 2 horas e un máximo de 50 participantes. Para participar non será necesario dispoñer de coñecementos previos en robótica e programación.
Datas e lugar de celebración: do 19 ao 23 de novembro de 2018, ambos inclusive, en diversidade de horarios, entre as 9.30h e as 17.30h. Fundación Barrié, sede A Coruña (Rúa Cantón Grande, 9)
Equipos e materiais: Robots educativos Makeblock mBot, programables desde tablets (todos os materiais serán proporcionados pola Fundación Barrié).
Prazo de inscrición do 5/09/2018 ao 05/10/2018. Prazas limitadas.
A Fundación Barrié organiza Achégate á Robótica, un programa que promove a robótica educativa para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, á vez que favorece o desenvolvemento de competencias como a comunicación, o traballo en equipo, a xestión do tempo, a análise e a resolución de problemas, todas elas clave para o desenvolvemento persoal e profesional.
Achégate á Robótica está dirixida a estudantes de Educación Primaria (3º ciclo) e Educación Secundaria Obrigatoria, que serán agrupados por ciclos educativos: 5º e 6º de Primaria; 1º e 2º de ESO; e 3º e 4º de ESO. A actividade terá unha duración de 2 horas e un máximo de 50 participantes. Para participar non será necesario dispoñer de coñecementos previos en robótica e programación.
Datas e lugar de celebración: do 19 ao 23 de novembro de 2018, ambos inclusive, en diversidade de horarios, entre as 9.30h e as 17.30h. Fundación Barrié, sede A Coruña (Rúa Cantón Grande, 9)
Equipos e materiais: Robots educativos Makeblock mBot, programables desde tablets (todos os materiais serán proporcionados pola Fundación Barrié).
Prazo de inscrición do 5/09/2018 ao 05/10/2018. Prazas limitadas.
FEGAUS e a Fundación Vodafone España, tras o éxito conseguido o ano pasado coa formación de máis de 5.900 maiores a través do proxecto Ágora Tecnoloxía, colaborarán de novo este ano na impartición de talleres formativos no uso dos Smartphones en Galicia.
A aparición destes dispositivos xerou unha nova contorna de comunicación que as persoas maiores han de asimilar para poder beneficiarse dos servizos que lles axudarán a vivir con maior autonomía persoal e independencia.
A iniciativa Ágora Tecnoloxía (www.agoraseniors.com) inclúe este ano a formación de máis de 4.500 persoas maiores no uso dos novos teléfonos móbiles e o acceso a Internet desde os mesmos, e ao longo da mesma mostraranse as diferentes posibilidades que ofrecen estes dispositivos: como utilizalos, para que nos poden servir e que aplicacións poden usar segundo os seus gustos e preferencias, especialmente para o contacto con familiares e amigos, todo iso co fin de mellorar a calidade de vida dos maiores.
Os talleres terán lugar entre os meses de maio de 2018 e febreiro de 2019 e retransmitiranse en directo a través de internet para a súa maior difusión dentro do colectivo.
Este ano, Ágora conta co apoio dun conxunto de organizacións, entidades e empresas cuxo obxectivo é impulsar esta iniciativa para conseguir que chegue a toda a poboación galega susceptible de interesarlle e poder verse beneficiada.
Ponteareas vai seguir movéndose entre os principais referentes do ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) da actualidade. E farao coa súa participación no evento Hands of Science, onde concorrerá por segundo ano consecutivo e onde terá parte activa en tres relatorios científicos. Máis polo miúdo, a embaixada ponteareá no Hands Of Science de Barcelona (do 16 ao 20 de xullo) estará formada por tres estudantes locais (Aida Rodríguez, Ana Nogueira e Ana Presa), dous profesores e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández. En palabras do Concello, a presenza do concello pontevedrés no dito evento “coloca o nome da nosa cidade nun dos congresos científicos internacionais de máis prestixio”.
Para quen non o saiba, Hands of Science promove o achegamento á ciencia a través da aprendizaxe activa na que todas as teorías poidan ser postas en práctica para coñecer a utilidade dos métodos científicos. Acollerá unha serie de presentacións, conferencias, e exposicións nas que os participantes poidan intercambiar experiencias, problemáticas no ensino, boas prácticas e todas aquelas cuestións relacionadas coa Ensinanza das Ciencias.
No evento farán acto de presenza comitivas de países como Croacia, Francia, Italia, Xapón, Polonia, Portugal ou Romanía. HSCI´2018 Conference abranguerá toda a variedade de temáticas relacionadas co Ensino das Ciencias: novas tecnoloxías da información, robótica, química, física, tecnoloxía, botánica, arqueoloxía, matemáticas, ciencias da saúde, psicoloxía, socioloxía, bioloxía, xeografía, arquitectura, zooloxía… Os relatorios versarán sobre os novos retos da ciencia, a innovación científica, o papel da ciencia no ensino e na sociedade, métodos de ensino da ciencia, o acceso da muller á ciencia, a ética na investigación científica… Cristina Fernández salienta a necesidade de seguir achegando o importante papel do coñecemento avanzado e a investigación á sociedade para “pór en valor as súas aplicacións, para concienciar da importancia da investigación en todos os eidos e, sobre todo, para que a comunidade educativa traspase a barreira e vexa esta materia como algo máis accesible, menos duro e máis práctico”.
O Goberno central vai adicar 100 millóns de euros á transformación dixital das empresas. E farao a través do programa Industria 4.0, sendo o obxectivo da iniciativa que “o tecido produtivo estatal non fique atrasado na revolución tecnolóxica”. Ademais, a medida busca facer máis competitiva a economía española: unha factoría reforzada e sustentable de creación de emprego. O dito orzamento foi dado a coñecer pola ministra de Industria, Reyes Maroto, no transcurso do Congreso Digitales Summit, que se celebrou esta semana en Madrid.
Segundo engadiu, o Goberno central está “comprometido co impulso da transformación dixital da economía e a sociedade” e atópase mergullado nun proceso de transformación para mellorar o talento tecnolóxico e fomentar a formación en eidos como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas. “Cómpre promover un modelo de aprendizaxe continua en competencias dixitais que dea resposta ás necesidades presentes e futuras”, sinalou a ministra, engadindo que é “unha obriga” apoiar ás empresas nos seus procesos de dixitalizacion, “xa que non é unha opción para as empresas, senón que se converteu nun imperativo para non verse desprazadas no mercado”.
Ao abeiro deste plan, o Ministerio prepara múltiples actuacións, como a creación dun programa para fomentar a transformación intelixente da industria e os servizos, que contará coa participación doutros ministerios pola natureza transversal da dixitalización, así como coa dos axentes sociais e os principais actores da transformación innovadora da economía española.
Maroto tamén engadiu que España ocupa o posto 14 da UE en canto a competencias dixitais da poboación e que o país “carece de modelo de formación que prepare aos traballadores para os cambios que se van a producir nese futuro próximo”. Esta é a razón de que salientase a necesidade de achegar unha “oferta formativa en todas as etapas da vida en competencias dixitais avanzadas”.
As escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades sociais van ter recursos de apoio para modernizarse e dixitalizarse. Así o vén de informar o Goberno galego e así se especifica no DOG de onte, onde se fan públicas axudas para obras menores de adecuación e mellora nos centros, así como para a compra de equipamento e integración das novas tecnoloxías nas aulas. O prazo para solicitar as subvencións ábrese este 12 de xullo e fica aberto até o 11 de agosto. Achégase un crédito total de 600.000 euros, co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A iniciativa, integrada no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), estipula como subvencionable (entre outras melloras e engadidos) a dotación de conexión a Internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.
No DOG faise saber que se financiará até o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.