Non hai nada mellor que proxectos nos que todos os participantes saen beneficiados, e ese é o caso do desenvolvido pola Fundación Xoán XXIII Roncalli e a empresa Exponential Solidarity, que xuntos crearon un videoxogo para unha das alumnas con discapacidade intelectual.
O interesante do proxecto, é que na elaboración e no desenvolvemento do videoxogo participaron todos os compañeiros da alumna á que foi destinado o programa, de maneira que todos puideron enriquecerse da experiencia de traballar de forma conxunta, coa tecnoloxía, para axudar á súa compañeira con discapacidade.
En concreto, o videoxogo desenvolveuse nun taller para nenos dentro do campamento urbano de verán que organiza a entidade.
Nel, os alumnos participaron coma se traballasen nunha empresa real de desenvolvemento de videoxogos, e tiveron que colaborar entre eles para cubrir as necesidades da súa compañeira.
O resultado é un videoxogo pensado para esta alumna que ten como obxectivo mellorar a súa capacidade de comunicación e interacción coa contorna, a súa memoria e a atención, a través das cores que lle gustan, as persoas que coñece da súa contorna máis próxima e do seu grupo de música favorito.
O proxecto, que estivo patrocinado polos traballadores da empresa Bombardier, desenvólveo a compañía Exponential Solidarity, que está especializada en ofrecer este tipo de experiencias en distintos centros aos que asisten persoas con discapacidade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do Plan Galicia 5G, que permitirá á nosa Comunidade captar solucións tecnolóxicas en fase piloto baseadas neste método ultrarrápido de transmisión de datos.
Esta medida, explicou o titular do Goberno galego, ten un dobre obxectivo. Por unha banda, converter a Galicia nun dos primeiros territorios europeos en dispoñer desta tecnoloxía e, pola outra, conseguir que se instalen na nosa Comunidade os equipos de desenvolvemento de equipamento e software necesarios.
Para iso, o Plan Galicia 5G márcase catro liñas de actuación con medidas concretas:
Tal e como salientou Feijóo, Galicia ten potencial suficiente para acoller desenvolvementos que faciliten despregar redes 5G nunha fase posterior. E é que a nosa Comunidade conta cun sector TIC potente con 21.000 profesionais e preto de 3.400 empresas; con universidades e centros de referencia; e con proxectos innovadores relacionados co 5G, como o Consorcio Aeronáutico de Galicia ou o corredoiro Vigo-Oporto.
“Galicia é a terceira Comunidade autónoma con máis cobertura para redes 4G”, subliñou o presidente, para logo engadir que conta cun operador público neutro, Retegal, que pode facilitar e racionalizar o despregamento da rede 5G.
En concreto, esta tecnoloxía indispensable na evolución de elementos innovadores permitirá impulsar a transformación dixital do rural, mellorar a atención ás persoas maiores ou con doenzas crónicas, prestar servizos médicos a distancia e ofrecer servizos turísticos máis especializados.
Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego animou ás sete cidades galegas a implicarse no desenvolvemento desta normativa, dado que as empresas de telecomunicacións xa trasladaron o seu interese en impulsar proxectos 5G en Galicia.
A CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas) poñerá en marcha co impulso da Fundación Mutua Madrileña, o servizo online ALBA de atención e asesoramento sobre violencia de xénero para mulleres xordas, que nace para paliar a escasa accesibilidade que atopa este colectivo no seu acceso á información, os servizos e os recursos existentes neste ámbito.
"As mulleres xordas son un colectivo especialmente vulnerable ante a violencia de xénero", ata o punto de que "algunhas nin sequera saben que están a sufrir esta violencia, canto menos que poden facer, que dereitos teñen e que servizos hai á súa disposición" explica Concha Díaz, presidenta da CNSE. Para Díaz, estas mulleres "necesitan unha comunicación accesible que inclúa a lingua de signos, e contar con mediadoras xordas debidamente formadas para que as poidan seguir, acompañar e apoialas durante todo o proceso, así como ofrecer asesoramento aos equipos profesionais que deben atendelas".
Neste sentido, o servizo ALBA estará atendido por unha experta xorda en igualdade de xénero que orientará ás vítimas de violencia machista nas súas necesidades (avogados, recursos especializados de atención a vítimas, subvencións), fará un seguimento de cada caso; orientará ás persoas próximas á vítima (familia, amigas e amigos...); e actuará como consultoría para asesorar a entidades públicas e privadas que traballan coas vítimas de violencia de xénero.
A atención realizarase por videochamada en lingua de signos española ou chat, segundo o demanden as persoas usuarias, dunha maneira totalmente anónima, e sempre preservando a confidencialidade.
O proxecto ALBA foi un dos proxectos seleccionados na VI Convocatoria Anual de Axudas a Proxectos de Acción Social da Fundación Mutua Madrileña, que este ano celebra o seu XV Aniversario, dentro da categoría loita contra a violencia de xénero.
Prevese que o servizo comece a funcionar nas próximas semanas como unha aposta pioneira que segundo cualificou a presidenta da CNSE "pretende botar luz e combater na medida do posible, esta grave situación de desvantaxe que tanto risco leva na seguridade e a saúde das mulleres xordas".
A esta iniciativa súmanse outras como un programa de promoción accesible de hábitos saudables, unha campaña contra o micromachismo, e a formación de voluntarias para a prevención da violencia de xénero en mulleres xordas, que a CNSE desenvolve desde hai anos co apoio da súa rede asociativa.
A Fundación Xoán XXIII Roncalli, en colaboración coa empresa de desenvolvemento tecnolóxico Exponential Solidarity, presentou na sede da Fundación a primeira ferramenta interactiva destinada a unha usuaria do centro con discapacidade intelectual.
A iniciativa enmarcouse dentro do proxecto solidario Videoxogos para a inclusión, un taller para nenos desenvolvido dentro da programación do Campamento de Verán que a Fundación organiza durante os meses de xuño e xullo para fillos dos seus traballadores.
O seu obxectivo foi a aprendizaxe de novas tecnoloxías a través da definición, creación e entrega de aplicacións e ferramentas adaptadas e personalizadas para persoas con discapacidade intelectual do Centro de Día de Fundación Xoán XXIII Roncalli. "Con este proxecto, non só conseguimos que os nenos asistentes ao campamento de verán aprendan sobre novas tecnoloxías, senón que tamén afiancen valores como a solidariedade, a sensibilización cara á discapacidade intelectual e a comprensión de que a mellor aplicación da tecnoloxía e a nosa capacidade é axudar ás persoas con necesidades diferentes", sinalou Rocío Alonso, Directora de Innovación e Desenvolvemento da Fundación.
O desenvolvemento do videoxogo foi realizado pola empresa Exponential Solidarity co fin de mellorar a capacidade de comunicación e interacción coa contorna, a memoria e a atención da usuaria, recorrendo para iso a cores que lle gustan, persoas ás que coñece da súa contorna máis próxima e ao seu grupo de música favorito. "É unha proposta experimental que forma parte da actividade pedagóxica "Coding4Solidarity" dentro da nosa liña de innovación educativa. Foi o noso primeiro proxecto xunto á Fundación Xoán XXIII Roncalli.
"A experiencia no campamento foi unha marabilla. Estamos seguros de que vai ser a semente doutros proxectos fantásticos e enriquecedores para todos os participantes", declarou Lucas Carmona, cofundador da empresa.
Esta experiencia innovadora e pioneira supuxo unha primeira toma de contacto co mundo laboral para os nenos do campamento, que se organizaron por departamentos (comunicación, deseño, programación...) coma se traballasen nunha empresa de desenvolvemento de software e tivesen que satisfacer as necesidades do seu cliente, que neste caso foi a usuaria final do videoxogo.
Este proxecto foi patrocinado pola empresa Bombardier grazas á cesión do seu salario por parte dos traballadores que xa realizaron hai unhas semanas no marco dunha acción de RSE coa Fundación, e está perfectamente aliñado con dúas das liñas estratéxicas da Fundación Xoán XXIII Roncalli: poñer ás persoas no centro da organización e fomentar a innovación. É un claro exemplo de aposta polas novas tecnoloxías aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas.
ILUNION Sociosanitario incorporou nos seus centros un robot de apoio para reforzar o acompañamento ás persoas maiores, nas actividades que se desenvolvan no centro e que favorezan as relacións sociais co resto de usuarios.
A compañía do Grupo ILUNION aposta, así, pola tecnoloxía e a robótica como ferramenta de apoio ao seu persoal especializado e fortalecer as actividades de acompañamento.
O robot Roni é un prototipo desenvolvido pola empresa francesa Kompaï Robotics, que incorpora a tecnoloxía Big Data e Internet das Cousas e que permitirá fortalecer o desenvolvemento de distintas actividades de apoio para persoas maiores ou en situación de dependencia. Roni, bautizado con este nome polos usuarios dun dos centros de día que xestiona ILUNION Sociosanitario, conta cunha pantalla táctil con xogos e vídeos dirixidos á estimulación cognitiva. Ademais, facilitará a comunicación dos usuarios con outras persoas que se atopen fora do centro a través de vídeo conferencias, entre outras posibilidades.
O robot permite tamén a programación de mensaxes con tarefas concretas, o que xera unha función de recordatorio de tarefas e a asimilación de determinadas rutinas, como a comida ou outras tarefas cotiás. Para o director xeral de ILUNION Sociosanitario, Joaquín Leizaola, "esta incorporación traerá melloras significativas no reforzo da atención personalizada aos usuarios dos nosos centros".
O robot atópase na actualidade nunha primeira fase de programación e validación de tarefas. Unha vez finalice esta primeira etapa, Roni contará cun catálogo de funcións de acompañamento en actividades cognitivas, de lecer, de ocupación, animación, orientación e reforzo do benestar físico e mantemento funcional. Roni configúrase como un asistente de apoio nas terapias e mellorará a experiencia das persoas. Nesta tarefa está a ser fundamental o persoal de ILUNION Sociosanitario, que reforzou a escoita activa para detectar a percepción que os usuarios teñen da nova incorporación.
Este é o mesmo modelo de robot no que se basea o premiado proxecto "Mario, Managing active and healthy aging with use of caring service robot", un proxecto europeo deseñado especificamente para o seu uso en demencias e con persoas maiores a través de intervencións multifactoriais apoiadas neste modelo de robot asistencial. Os seus beneficios acaban de ser destacados nun estudo da Comisión Europea.
As novas tecnoloxías estarán presentes na programación complementaria do Campus de Pontevedra para o vindeiro ano, impulsada pola Vicerreitoría e materializándose xa nunha ampla oferta (non só de novas tecnoloxías) de obradoiros de extensión cultural para o primeiro cuadrimestre. En total ofértanse nove cursos de diversos eidos como arte, música, cine, danza ou ferramentas dixitais que se desenvolverán entre os meses de setembro e novembro e para os que a pre-matrícula se abrirá do 23 de xullo ao 13 de agosto.
Os primeiros en arrancar farano o 10 de setembro, coincidindo co inicio do curso e son os obradoiros de cinema comparado e de uso de motores gráficos. O primeiro deles, Reflexos fílmicos. Obradoiro de cinema comparado, pretende formar a ollada crítica do alumnado sobre o cinema e as formas audiovisuais mediante a comparación directa entre obras sen relación aparente entre si.
Pola súa banda, o curso de uso de motores gráficos-UNITY-Perfiles non técnicos baséase na aprendizaxe do funcionamento dos motores gráficos, así como a familiarización cos termos e nomenclaturas empregadas no deseño e desenvolvemento de produtos de entretemento interactivo, videoxogos, etc. Unha semana máis tarde, o día 17, comezan outros dous obradoiros, neste caso sobre programación radiofónica e sobre lingua de signos. O primeiro deles consiste nunha iniciación á creación dun programa de radio co obxectivo de dar a coñece ao alumnado as distintas ferramentas necesarias para a creación dos diferentes contidos dun programa. O curso de lingua e cultura da comunidade xorda ofrece aos asistentes a posibilidade coñecer una lingua visoxestual, facendo un repaso pola crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda. O día 1 de outubro dará comezo outro dos obradoiros do primeiro cuadrimestre, desta volta centrado en aplicacións coa placa de hardware e software libre Arduino. A finalidade é que estudantes “comprendan e saiban aplicar diferentes aspectos” relacionados coa programación na dita placa, coñezan as características destas tecnoloxías e shields máis comúns e poidan executar programas no microcontrolador, entre outras competencias.
Un día máis tarde botará a andar o obradoiro de iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, no que se tratará de achegar a todos os asistentes estes novos compoñentes, ligados á impresión en 3D, ademais da análise dos filamentos e como se comportan. Segundo informa a Vicrerreitoría do curso a respecto desta acción formativa, subminístrase con ela a posibilidade de asesorar e axudar a crear todo tipo de proxectos que xa están en marcha tanto por alumnos de Enxeñaría Forestal, Belas Artes e mesmo Comunicación Audiovisual. O día 11 de outubro comeza o curso de introdución á danza tradicional galega e un pouco máis tarde, un actividade formativa de cerámica. A programación péchase co curso de iniciación á escalada en rocódromo, que se desenvolverá do 19 de outubro ao 23 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
O Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre ten como meta o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, incrementando o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Pode optar a este premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do curso académico actual 2017-2018, que cumpra cos criterios definidos nas bases do premio.
O 84,1% dos fogares galegos contan con Internet, 5,4 puntos porcentuais máis que ao ano anterior. Este incremento sitúa a Galicia, por primeira vez, por riba da media estatal e reduce a menos dun punto a diferencia coa media europea. Así se desprende dos resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.
Segundo o informe, o crecemento da contratación de internet no período 2014 – 2017 foi dun 20%. Cómpre destacar tamén a evolución da calidade de conexión á Internet, cun crecemento de máis do 13% na contratación de servizos de máis de 30 Mbps de velocidade.
Ademais, no último ano rexistrouse un crecemento destacado en indicadores chave para a evolución da sociedade da información en Galicia, como unha maior contratación en concellos de menos de 5.000 habitantes, e o incremento no uso de internet entre os maiores de 55 anos.
Usos de Internet
Respecto á utilización de Internet, a porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses incrementouse en Galicia 4,4 puntos nun ano e sitúase no 78,4%. Entre os galegos que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 83% fano a diario e un 14,1% todas as semanas.
O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados, estando especialmente estendido nos concellos de máis de 50.000 habitantes, onde supera amplamente a media galega e acada unha porcentaxe do 85,5%, por riba da media estatal e europea. Non obstante, cabe salientar, especialmente, o incremento de 11,9 puntos porcentuais no uso de Internet nos concellos galegos de menos de 5.000 entre 2015 e 2017.
As compras a través da Rede continúan en ascenso, acadando ao 31,8% da poboación galega que adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos tres últimos meses e aumentando 3 puntos porcentuais no último ano.
Galicia volve ser líder no uso dos servizos da administración electrónica respecto aos ámbitos nacional e europeo, de xeito que o 67,4% dos galegos que utilizaron Internet no último ano buscaron información de trámites administrativos a través de Internet, e o 66,1% ten utilizado as posibilidades da administración electrónica para enviar formularios cubertos.
Efecto das variables socioeconómicas sobre os indicadores TIC
A idade do usuario, o nivel de ingresos do fogar ou a convivencia con nenos con idades entre os 3 e os 16 anos, son as variables que afectan de maneira máis directa aos distintos indicadores TIC analizados.
Practicamente a totalidade de mozos galegos menores de 35 anos conectáronse a Internet nos últimos tres meses, dato que incluso supera a porcentaxe estatal. Cómpre destacar o significativo aumento no uso de internet no colectivo de persoas de 55 a 64 anos de idade, un 15% respecto ao último ano e máis dun 42% desde 2014. O 63,7% dos galegos deste tramo de idade empregan internet.
Ademais, o estudo indica que estudantes, ocupados e con nivel formativo superior á etapa secundaria son os colectivos que máis empregaron a rede nos últimos tres meses.
A estrutura do fogar é outro dos factores que inciden na evolución das TIC. Así, a contratación de Internet é superior nos fogares que contan con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 97,5% superando á media autonómica en 13,4 puntos porcentuais.
Outro dos indicadores determinantes na análise dos indicadores TIC é o volume total de ingresos do fogar, de modo que a medida que estes aumentan, a porcentaxe de calquera dos indicadores analizados tamén se incrementa gradualmente.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
O Curso CiberTIC Galicia, Ciberseguridade para a Industria 4.0 conta co co-financiamento do IGAPE e inclúe unha serie de módulos formativos de 50 horas que buscan introducir aos nosos profesionais nos principais aspectos relacionados coa ciberseguridade.
O Clúster TIC vainos achegar nos meses vindeiros á formación máis avanzada e eficaz en materia de protección en liña, pero non unha protección en liña senón unha metodoloxía anti-risco moi envorcada coa nova revolución produtiva: os xeitos de producir máis automática, intelixente, eficiente e sustentábelmente cos que, queirámolo ou non, teremos que convivir (e producir). O Curso CiberTIC Galicia, Ciberseguridade para a Industria 4.0 conta co co-financiamento do IGAPE e inclúe unha serie de módulos formativos de 50 horas que buscan introducir aos nosos profesionais nos principais aspectos relacionados coa ciberseguridade.
Entre os temas que se abordarán nas sesións inclúese a protección de datos persoais ou a propiedade intelectual, sendo este último un tema que, segundo lembra o Clúster TIC, “afecta especialmente ás entidades empresariais”. A plataforma empresarial tamén fai que saber os módulos incluídos permitirán aos asistentes “recoñecer as ameazas e posíbeis ataques que poden dirixirse aos sistemas telemáticos dunha entidade”. Tamén aprenderán “a xestionar a seguridade dos datos na Rede ou recoñecer os perigos agochados nos dispositivos móbiles ou en mobilidade”. Ao remate do percorrido formativo, as persoas participantes estarán en disposición de “facer fronte ao crecente número de ameazas” e de encarar, coas mellores ferramentas, a defensa do ben máis prezado para as corporacións de calquera índole: a información.
A programación desenvolverase as tardes dos martes e xoves de setembro e outubro en formato teórico e práctico en horario de tarde. As sesións teóricas levaranse a cabo en Santiago de Compostela e os módulos prácticos nas instalacións do Centro Tecnolóxico Gradiant en Vigo. O alumnado deberá acudir co seu equipo informático ás sesións de laboratorio.