main content

main content
17/07/201812:07
Cartel do evento.
As Pontes

Amigus achéganos en xullo unha nova cita coas tecnoloxías que se comparten

Quen queira seguir exercitando este verán as súas habilidades robóticas e tecnolóxicas e, o máis importante, compartilas cos demais, vai poder facelo na nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros maker que organizan cada pouco os membros da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A edición 18.4 dos obradoiros celébrase os días 26 e 27 de xullo no Lar da vila coruñesa. A actividade estará centrada unha vez máis na arte e na creación dixital: desta volta traballando novamente en prototipos xa previamente perfilados, montando un sistema de intelixencia artificial nun barco solar ou experimentando con sensores de telemetría conectados por ESP8266. 

Ademais, na celebración da quedada retomarase o fío do desenvolvemento e testeo de robots velocistas. Tamén se habilitará unha área de exposición dos proxectos realizados nos últimos meses.

Por outra banda, haberá actividades para nenas e nenos, como de costume. Estas collerán corpo na zona Amigus Labs Kids que se celebra o xoves 26 de 11:00 a 14:00: unha oportunidade para aprenderen a modelar en 3D e afondaren en como imprimir pezas nas impresoras 3D. 

O venres realizarase un obradoiro de robótica, onde se brindará unha oportunidade para crear robots, adestrándonos en todas as fases de fabricación dos mesmos, dende o deseño dos PCBS até o proceso de soldadura, pasando por un achegamento pormenorizado aos compoñentes e a impresión 3D. Neste punto, segundo informa Amigus, entrará en xogo o enxeño Garabullos, un pequeno robot educativo creado por Diego Lale como unha variante do coñecido Escornabot.

A organización tamén fai saber que se o tempo así o permite, farase o xantar das súas xornadas de traballo no lago das Pontes, en horario de 14:00 a 16:00 horas, onde se desenvolverán as probas do barco autónomo e aproveitarase tamén para experimentar con drons.

A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde. Para asistirmos podemos vir equipados co noso ordenador e todo o necesario para poder conectalo a un só enchufe. A inscrición é de balde, e o prazo remata o 24 de xullo. Podemos facelo enviando un correo a amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas).

17/07/201812:07
Unha moza con síndrome de Down e outra nena comunícanse a través dunha tableta na praia.
Madrid

A app Soyvisual da Fundación Orange alcanza o millón de descargas

  • A Fundación Orange tróuxonos grandes novas xa que a súa aplicación Soyvisual, pensada para estimular o desenvolvemento da linguaxe e a comunicación en nenos e mozos con discapacidade cognitiva, alcanzou xa o millón de descargas.

 

É unha grande noticia porque é unha mostra de como a tecnoloxía posta ao servizo de persoas con discapacidade pode ter un gran éxito, como é esta aplicación que fomenta a linguaxe e a comunicación mediante o uso de láminas e imaxes.

Soyvisual é unha aplicación moi ben deseñada e que ademais é unha grande aposta da Fundación Orange, que fai uns poucos meses poñían en mans de desenvolvedores a biblioteca de imaxes para que puidesen utilizala na creación de novos recursos.

A aplicación Soyvisual está dispoñible tanto en Android como en iOS e conta cunha comunidade de creadores que continuamente soben novo contido, polo que é unha plataforma viva que se actualiza constantemente.

17/07/201812:07
Dúas mulleres maiores comendo.
Barcelona

Impresoras 3D nas residencias DomusVi para mellorar a alimentación dos maiores

  • Esta tecnoloxía posibilitará manter o gusto, o aspecto e o cheiro dos alimentos orixinais en preparacións texturizadas que permitan unha fácil mastigación e deglución
 
DomusVi está a incorporar impresoras 3D nas cociñas das súas residencias para preservar as características visuais dos alimentos e facer máis atractivos os pratos que se ofrecen ás persoas maiores aloxadas nos seus centros. Como adoita dicirse, "tamén se come polos ollos", e un dos principais problemas de nutrición nos maiores é a perda do apetito derivada de restricións alimentarias por problemas de saúde, de mastigación ou de deglución. As impresoras 3D permiten dar unha forma moi realista a alimentos texturizados e triturados, de forma que residentes con dietas brandas poden recuperar o pracer de gozar de, por exemplo, un anaco de pan con chocolate. Recuperar o pracer pola comida mellora as condicións nutricionais dos maiores, con dietas máis equilibradas e, en definitiva, mellora a súa saúde. O primeiro centro en implantar esta innovadora técnica foi a residencia DomusVi Bonanova, en Barcelona.
 
O equipo de nutricionistas de DomusVi  traballa desde hai anos en melloras que acheguen unha dieta saudable dirixida aos maiores. Ademais de ser equilibrada e correcta, debe estar adaptada á capacidade de mastigación e deglución e incluír pratos que a persoa coñeza e consuma habitualmente. A comida debe ter a consistencia adecuada, agradable ao padal, idónea elaboración e unha boa presentación gastronómica. 
 
En 2013, DomusVi introduciu nos seus centros a alimentación texturizada, que resultou clave para solucionar a problemática da consistencia dos alimentos. Permitiu adecuar os pratos do menú normal á capacidade masticatoria ou deglutoria dos residentes, sen diminuír o valor nutricional, sen modificar o sabor e sen aumentar o tamaño da ración, efectos inevitables e negativos cando cos triturados clásicos transfórmanse os pratos de consistencia dura a puré.
 
Agora DomusVi sitúase por diante ao mellorar a presentación dos pratos. Na residencia DomusVi Bonanova xa se serven pratos texturizados con debuxos tridimensionais, do que resulta un mellor nivel de aceptación do menú. 
 
Coa impresora 3D, o persoal de cociña dá forma aos pratos texturizados. Pódense presentar co seu aspecto orixinal ou como flores ou outras presentacións agradables á vista. As impresoras funcionan de maneira similar a unha manga pasteleira robotizada: engaden capas de comida reproducindo o debuxo predeterminado en tres dimensións. Os pratos elabóranse da maneira tradicional e texturízanse para conseguir un puré espeso. Este incorpórase en cartuchos (de forma similar ás xiringas), prográmase o debuxo tridimensional que se quere realizar e, mediante émbolos automáticos, a máquina dosifica cada ingrediente na cantidade e o lugar programados ata que realiza o deseño. O resultado é un prato saboroso cunha esmerada presentación.
 
"A aparencia atractiva dos pratos non só predispón a unha maior satisfacción coa comida, senón que favorece a inxesta dos mesmos, xa que, como di a cultura tradicional, a comida entra polos ollos", explicou, Nekane Cárdenas, nutricionista de DomusVi. Cárdenas agregou que "a alimentación das persoas maiores asóciase moitas veces a adxectivos como rutineira, non atractiva, aburrida, pouco imaxinativa, especial etcétera. En DomusVi traballamos para romper con esa visión e ofrecer unha equilibrada e correcta alimentación compatible co gozar e a experiencia sensorial da comida, porque o noso obxectivo é servir aos maiores cos máis altos estándares de calidade".
 
Tras o éxito inicial da aplicación desta innovación na residencia DomusVi Bonanova, a empresa estenderá o uso da impresora 3D a outros centros da súa rede.
17/07/201812:07
Coidador con persoa maior.
Pontevedra

A fundación United Way chega a Pontevedra para axudar aos colectivos máis vulnerables

  • É a máis antiga do mundo e precursora do que hoxe é coñecido como Responsabilidade Social Corporativa (RSC)
 
United Way trae a Pontevedra o know how e a experiencia desta fundación americana que, hai 130 anos, foi a precursora do que hoxe coñecemos como Responsabilidade Social Corporativa. O seu obxectivo na provincia será implicar a toda a sociedade no progreso do ben común e avanzar cara ao seu benestar, desenvolvendo iniciativas en tres grandes áreas de actividade: a educación, a seguridade financeira/ inserción laboral e a saúde. 
 
Fundada en Colorado (EE UU) por un rabino, un ministro, dous sacerdotes e unha ama de casa, United Way está presente hoxe en máis de 40 países, cunha rede de 1.800 delegacións, máis de 60.000 socios, 9 millóns de doantes e 2.9 millóns de voluntarios. A fundación xestionou o pasado ano 5.000 millóns de dólares no desenvolvemento das súas actividades, que, ata a data, permitiron mellorar a calidade de vida de máis de 61 millóns de persoas.
 
United Way desenvolve actividades en España con algún dos seus socios corporativos internacionais desde 2013 e constituíuse como Fundación española no 2016. "O obxectivo "explica Marina Fuentes, a súa CEO en España" é seguir impactando localmente dunha maneira máis eficaz e traballar máis intensamente coas empresas españolas".
 
Para United Way, a educación, a estabilidade financeira e a vida saudable son os alicerces que permiten a individuos e familias alcanzar todo o seu potencial. "E a nosa misión para mellorar a súa vida "sinala Marnña Fuentes- é mobilizar ás comunidades e todo o seu potencial -organizacións públicas e privadas, empresas e outras entidades especializadas- ao redor do mundo, actuando localmente. A nosa fórmula é sumar, conectar e multiplicar".
 
En España, United Way é unha fundación sen ánimo de lucro que organiza e coordina os esforzos de empresas, entidades, institucións e particulares para levar a cabo proxectos sociais que melloran a vida das persoas que se atopan nunha situación vulnerable. Entre os seus socios españois figuran compañías como Lilly, John Deere, Lenovo, Airbus, Everis, Fundación Telefónica, Carburos Metálicos e Fundación Roviralta. Tamén colabora con entidades como YMCA, Save the Children, Fundación Desenvolvemento e Asistencia, Creática e Cruz Vermella entre outras.
 
No seu segundo ano de actividade como Fundación, a colaboración de United Way con once socios corporativos e entidades sociais mellorou a vida de preto de 1.300 nenos, novos e adultos, mobilizou a 163 voluntarios, que desenvolveron 2.655 horas de voluntariado, e doou case 100 equipos informáticos. 
 
Entre os seus proxectos destacan MEnCía Maiores en Compañía "financiado por Lilly Ibérica" onde voluntarios de Desenvolvemento e Asistencia acompañan a persoas maiores en situación de soidade; Coding4all, financiado pola Fundación Maria Francisca de Roviralta, é un programa de formación en scracht e programación para mozos de etnia xitana; outro de formación en ciberseguridad, IT4all, para nenos e mozos que participan nos programa educativos de Save de Children e YMCA; o programa Youth Challenge, orientado a combater o abandono escolar dos mozos.
 
Futuro
De cara ao futuro, United Way Pontevedra quere estender os seus proxectos a un maior número de persoas, acompañando ás entidades colaboradoras no seu gran labor, ofrecéndolles eficacia na xestión de proxectos a través da creación de sinerxias que permitan o empoderamento das poboacións coas que traballamos. Así mesmo, ampliará a súa rede de socios corporativos, poñendo foco nos socios que forman parte de United Way Global Corporate Leadership, traballando a través das United Way locais coas empresas que colaboran coa Fundación a nivel global.
 
"Queremos converternos nun axente de cambio para o éxito educativo en España, desenvolvendo proxectos con grande impacto nas comunidades, promovendo o voluntariado e empoderando aos mozos para que actúen sobre o seu futuro", indica a CEO de United Way.
 
Entre os novos proxectos destacan Tech4Change, desenvolvido grazas a Everis e coa colaboración de Creática para implementalo o curso escolar que vén e que promoverá Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) mediante a utilización de prototipos informáticos para dar solución a problemas reais que os escolares escollen. Pola súa banda, Youth Empowerment, co apoio da Fundación Telefónica e da man de Design for Change, potenciará o pensamento creativo e emprendedor dos mozos.
17/07/201812:07
Neno usando o exoesqueleto.
Madrid

Un proxecto español permite que tres nenos proben o primeiro exoesqueleto infantil

  • Un ensaio clínico permitiu andar por primeira vez nos seus fogares a tres nenos con atrofia muscular espinal (AME), unha enfermidade que lles impide camiñar, coa axuda do primeiro exoesqueleto infantil.

 

O proxecto comezou en 2016 e foi dirixido polo responsable da Unidade de Neurodesenvolvemento de Neuroloxía Infantil do Hospital Universitario Ramón e Cajal de Madrid, o doutor Gustavo Lorenzo Sanz, e pola investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Elena García Armada.

No proxecto colaboraron estreitamente a empresa de base tecnolóxica Marsci Bionics e o Centro CIGAT de atención temperá.

estudo foi financiado pola Fundación Mutua Madrileña a través dunha das súas Axudas anuais á Investigación en Saúde. O exoesqueleto infantil, cuxa tecnoloxía foi desenvolvida integramente en España polo CSIC, ten como característica principal o músculo artificial que imita o funcionamento dos tecidos naturais. Actualmente, para a súa utilización e colocación é necesaria a axuda dun fisioterapeuta.

"O exoesqueleto adáptase automaticamente a cada un dos nenos. Este estudo permitiunos mellorar enormemente a ergonomía do dispositivo ao utilizalo en pacientes con características diferentes", indicou Elena García, creadora do exoesqueleto. O obxectivo deste estudo foi probar os beneficios psicolóxicos e a mellora na calidade de vida dos menores grazas a esta tecnoloxía que lles permite manterse de pé e andar de forma independente.

A última fase do ensaio clínico consistiu na proba do exoesqueleto infantil durante dous meses no domicilio de tres nenos con atrofia muscular espinal, integrando o dispositivo nas actividades do seu día a día. "O uso do exoesqueleto permitiu que o noso fillo faga máis exercicio, probe novos xogos e mesmo bailásemos en casa.

Este dispositivo conseguiu aquilo que os médicos aseguraban que xamais sucedería cando lle diagnosticaron AME con 14 meses, e é que un neno con atrofia muscular espinal ande", declarou Ana, a nai dun dos participantes no ensaio clínico.

A atrofia muscular espinal afecta a un de cada 6.000 nenos en España e provoca unha debilidade muscular que lles impide manterse ergueitos, segundo datos facilitados por Mutua Madrileña. A AME tipo 2 diagnostícase entre os sete e os 18 meses de vida e os nenos que a padecen non chegan a andar nunca.

17/07/201808:07
Portátil e libros por riba dunha mesa nunha biblioteca.
Santiago de Compostela

110 novos centros incorporan o Libro Dixital no vindeiro curso 2018/19, con 18.000 alumnos beneficiados en toda Galicia

  • A Consellería de Educación dálle un novo impulso ao proxecto E-Dixgal, enmarcado na Estratexia galega de educación dixital 2020, cun total de 264 centros, un 70% máis que o pasado curso

 

Un total de 110 novos centros escolares incorporarán o libro dixital nas súas aulas por primeira vez o próximo curso 2018/19, polo que o proxecto de educación dixital, E-Dixgal, acada os 264 centros beneficiados (un 70% máis que o curso pasado) e chegará a 18.000 alumnos (40% máis que o pasado curso). Todos eles -estudantes de 5º e 6º curso de Primaria e 1º e 2º de ESO- recibirán unha ensinanza completamente dixital.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución, aínda provisional, (que pode consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25543 ) na que se dan a coñecer os centros E-Dixgal para este novo curso.

Do total dos 264 centros E-Dixgal, 91 son da provincia da Coruña (37 novos para o vindeiro curso), 47 de Lugo (22 novos), 19 de Ourense (11 novos) e 107 de Pontevedra (40 novos). Por ensinanzas, 162 deles incorporan o libro dixital na etapa de Primaria, 73 en Secundaria e outros 29 fano en Primaria e Secundaria.

Estes datos mostran o forte impulso que o departamento educativo da Xunta de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de realizar no E-Dixgal. O proxecto naceu como experimental no curso 2014/15 coa intención de proporcionarlle aos centros da rede Abalar un proxecto integral para facilitar o desenvolvemento de proxectos de educación dixital mediante a incorporación de materiais específicos. Deste xeito, no vindeiro curso, o 27% dos centros de ensino obrigatorio públicos contan con proxectos de educación dixital, 17 puntos porcentuais máis que no curso 2014/15, cando arrancou esta iniciativa con carácter experimental e que agora se consolida.

Unha vez finalizado o carácter experimental do proxecto, e consolidado no seu procedemento, optouse por darlle un novo impulso mediante a súa ampliación, así como flexibilizando algúns dos requisitos. Deste xeito, na convocatoria deste ano reforzouse o proxecto en ESO cun plantexamento máis flexible e adaptable, posto que require un mínimo de seis materias no modelo dixital, mentres que ata agora se incluían todas as materias na iniciativa.

Tamén cómpre lembrar que, ata o momento, para acceder a este programa era necesario que os centros participaran no proxecto Abalar. A partires de agora subminístrase o equipamento informático necesario –fundamentalmente ultraportátiles para os alumnos– aos centros que non conten con el. De feito, a Xunta de Galicia realizou este ano a renovación dos equipos dos centros E-Dixgal, o que supuxo o reparto de máis de 13.000 ultraportátiles.

 

Estratexia galega de educación dixital 2020
Continúase así co despregamento do libro dixital no ensino galego, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21.

Cómpre lembrar que os centros que se incorporan este curso poderán beneficiarse desde o inicio das novidades do programa, tales como a incorporación dun novo provedor de contidos, aulaPlaneta, que se sumou a Netex e Edebé. Ademais, estará dispoñible o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.

Tamén neste curso se activará o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos centros educativos implicados na iniciativa, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.

Os máis de 1.500 profesores, 18.000 alumnos e as súas familias dispoñerán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (teléfono, correo electrónico, web, app no móbil...), as 24 horas do día os sete días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou o docente para aqueles incidentes que requiran unha atención presencial.

 

Plan de formación
Cómpre lembrar, ademais, que o E-Dixgal vai máis aló do mero equipamento informático. Non en balde, todos os centros E-Dixgal contan cun Plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas á educación dixital.

Para o vindeiro curso 18/19, todos os centros E-Dixgal volverán contar de novo cun plan de formación propio. Ademais, en todos os CFR e no CAFI realizaranse cursos presenciais de iniciación e de profundización no manexo da contorna EVA E-Dixgal dirixida a todo o profesorado. Realizaranse tamén diversas xornadas de actualización nos CFR e no CAFI dirixida a aquelas persoas que realizan as funcións de coordinación do proxecto E-Dixgal nos centros educativos.

Ademais, ditos plans incorporan tamén unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.

17/07/201808:07
Portada do informe.
Madrid

Minsait publica un informe que defende un modelo de cidade dixital coa tecnoloxía como protagonista

O estudo A Cidade Dixital ao Servizo do Cidadán do Século XXI de Minsait, a unidade de transformación dixital de Indra, defende un modelo de cidade dixital concibida como un ecosistema de innovación e servizos centrados no cidadán, que actúa como unha plataforma aberta e conectada cos seus obxectos internos e territorios, e no que a tecnoloxía é facilitadora de solucións para afrontar os retos das cidades.

Para os expertos de Minsait, a incidencia da tecnoloxía sobre os distintos retos non será uniforme.

O modelo de Minsait tamén pon en valor o rol da cidade como plataforma aberta para fomentar a cooperación entre todos os axentes que participan na actividade social, económica e cultural, catalizando as iniciativas que requiren dos recursos e capacidades de todos eles.

"O impacto das smart cities na calidade de vida dos cidadáns será cada vez maior grazas ao desenvolvemento dunha nova xeración de servizos públicos proactivos e eficientes que se adaptan ás cambiantes necesidades da poboación e que, con frecuencia, necesitan dunha perspectiva máis aló dos límites físicos e administrativos da cidade, no que xa se entende como territorio intelixente, unha novo paradigma que chegou para quedar", destaca Miguel Ángel González San Román, director de Infraestruturas, Cidades e Produtos Conectados en Desenvolvemento de Solucións Propias de Minsait.

 

Tecnoloxía

Para os expertos de Minsait, a incidencia da tecnoloxía sobre os distintos retos non será uniforme: nalgúns casos achegará solucións integrais que abarquen toda a problemática, pero noutros limitarase a actuar como complemento ás distintas políticas gobernamentais e solucións de participación cidadá.

Minsait considera que once dos vinte retos establecidos poden superarse grazas a unha solución eminentemente tecnolóxica.

 

Diferentes retos

Dentro dos retos sociais, o estudo destaca o elevado impacto das solucións para adaptar a vida da cidade a unha poboación envellecida e dotala de oportunidades de envellecemento activo xunto ás relativas á creación de espazos seguros e atractivos.

Así mesmo, cita os casos da incorporación de funcionalidades como a xeolocalización á asistencia telemática e os estándares de accesibilidade, por unha banda, ou as plataformas colaborativas de participación cidadá para alertar de riscos, entre outros.

No apartado de retos económicos, Minsait sinala a importante contribución da tecnoloxía para prover mellores servizos con menos recursos grazas a solucións holísticas que permiten coñecer en tempo real as necesidades cidadás e que impactan na eficiencia e o aforro ou que permiten o desenvolvemento dun modelo de turismo sustentable.

No ámbito de retos ambientais, o estudo destaca a achega das plataformas integrais de xestión de transporte para afrontar o reto dunha repartición modal equilibrada con maior peso das alternativas de mobilidade sustentables, do mesmo xeito que as solucións de monitoraxe de redes de abastecemento e control de residuos responden o reto do uso eficiente dos recursos.

Por último, entre as solucións con maior impacto para responder os retos urbanísticos, destaca o despregamento colaborativo de redes wifi ou LPWAN mediante estudos de demandas de conectividade como resposta ao reto de facilitar os medios necesarios para unha conectividade dixital eficaz, ou as plataformas de datos abertos, que axudan ao sector privado a afinar as súas decisións de construción ou servizos.

17/07/201808:07
Produtos promocionais de emBarouta-T.
Ames

Premiada a iniciativa de cole intelixente do CEIP Barouta, Ames

Finalmente resolveuse no mes de xuño a quinta edición do concurso Proxecto Innovación, organizado pola Plataforma Proxecta, o espazo educativo-tecnolóxico da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, destinado a salientar e visualizar as propostas da nosa rapazada que máis potencial atesouren para convertérense en grandes inventos das comunicacións, da docencia, do medio ambiente ou da saúde, entre outros moitos eidos. O primeiro premio foi para o CEIP de Barouta (Ames), grazas ao proxecto Embaróuta- T: nó sostible de colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo. 

A iniciativa gañadora, apoiada pola ANPA e o Concello de Ames, recibirá unha contía de 7.880 euros (o 80% do importe solicitado), para poder desenvolver o devandito proxecto de colexio smart.

En termos máis concretos, Embaróuta- T: nó sostible pretende a transformación do propio centro, a través da robótica e o tratamento de refugallos (poñendo o foco nos plásticos con vistas á súa axeitada reciclaxe), cara a metodoloxías e procedementos propios das Cidades Intelixentes. Ou sexa, cara un aproveitamento das posibilidades das novas ferramentas da comunicación e da información para gañar en xestión, rendibilidade, sustentabilidade, eficiencia e eficacia. No caso do cole de Ames, a idea básica é que sexa un “cole conectado co mundo”: con calquera recanto do mundo. Ademais, outro dos obxectivos é convertelo nun centro docente “onde se promovan aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientados ás expectativas de todo o alumnado”.

O pasado 24 de maio os representantes dos seis proxectos finalistas do V Concurso Proxecta Innovación tiveron a oportunidade de explicar e defender os seus proxectos ante o xurado do certame no XII Encontro inspiraTIC. O xurado determinou que o segundo premio fose para o proxecto Hortus Cultus 3.0, do CEIP Balaídos de Vigo, e o terceiro premio levouno a iniciativa Realiz-Arte, do CPR Compañía de María da Coruña. Ademais, concedéronse 3 accésits, para os proxectos Curtas Inma, do CPR La Inmaculada - La Salle, de Santiago; Plataforma #Educagram, do IES do Castro de Vigo; e Mastigar e dixerir un libro: a Fraga Milmañas, do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo.

17/07/201808:07
Participantes no curso.
Carballo

Até 14 rapaces adestráronse en Carballo en fotografía cos móbiles e tabletas

Un total de 14 mozas e mozos da contorna de Carballo participaron a semana pasada nun obradoiro sobre teléfonos móbiles e tabletas e diferentes e enriquecedores xeitos de facer que sexan algo máis que unha simple ferramenta para sacar fotos, aínda que tamén. Houbo contidos sobre retoque de imaxes e dereitos, sobre técnica fotográfica, sobre exposición correcta ou sobre as mellores aplicacións móbiles para obter os mellores resultados nas fotografías. 

O curso rematou o venres 13 cunha clase sobre retoque e sobre dereitos de imaxe. Foi impartido por Alfredo Varela no Pazo da Cultura durante toda a semana, ao abeiro da programación do XX Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís.

Foron, en total, cinco sesións de tres horas de duración nas que os alumnos aprenderon conceptos sobre técnica fotográfica, a exposición correcta, o enfoque, a composición ou as mellores aplicacións móbiles gratuítas para sacarlle o mellor partido aos dispositivos. Ademais das nocións teóricas, houbo espazo para as saídas ao exterior, por exemplo á zona do Parque do Anllóns e a varios barrios de Carballo. 

Segundo explica Varela, o balance da experiencia “é positivo”, e os “rapaces quedaron moi contentos e conseguimos fotografías boas, e creo eu que quedamos todos con ganas de facer algún curso máis”. No que se refire á parte teórica, o profesor informa que se trataron aspectos básicos da práctica fotográfica, como por exemplo os detalles para acadar a mellor exposición ou para conseguir tirar proveito da luz que incide na cámara e na súa contorna.

16/07/201808:07
Participantes no curso.
Lugo

O Concello de Lugo acompaña o inicio do seu programa formativo TIC

Este venres a concelleira de Concello e Cidadanía de Lugo, Rosana Rielo, comprobou in situ o desenvolvemento dos obradoiros de novas tecnoloxías que organiza e desenvolve o Goberno local en diferentes emprazamentos (aulas CeMIT do Castiñeiro e María Balteira e Edificio de Novas Tecnoloxías), un total de 25 actividades formativas que achegan, en total, 323 prazas. 

A visita de Rielo foi a un dos tres cursos de balde que arrincaron esta semana. O programa Tecnoloxíza-T! desenvólvese ao longo do segundo semestre de ano e achega oportunidades de dixitalización para todas as idades. 

Segundo fixo saber a concelleira, trátase dun programa de gran amplitude temática con gran potencial para mellorar o currículo, a empregabilidade e a formación en xeral de toda a cidadanía. Entre os temas a tratar polos obradoiros figuran os seguintes: edición de fotografía e vídeo, creación de páxinas web e de videoxogos, robótica, comunicación a través de redes sociais (como por exemplo WhatsApp, Youtube ou Instagram), ou deseño gráfico, amais de informática (tanto iniciación como nivel intermedio) trámites a través do móbil ou introdución a Autocad, entre outros. Tamén haberá titorías tecnolóxicas encamiñadas a dar servizo a usuarias e usuarios que precisen aclarar calquera tipo de dúbida sobre novas tecnoloxías e posibilidades das mesmas. 

Segundo fixo saber a concelleira de Concello e Cidadanía, as persoas interesadas poden formalizar a inscrición neste centro TIC da cidade vella até as 20:00 horas do día do peche da inscrición, que é distinto para cada curso. O acceso aos cursos será por sorteo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS