O Aeródromo de Rozas acolleu onte o acto de presentación do Mestrado Oficial Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, unha contribución formativa que se dirixe a fornecer ao sector de profesionais cualificados para o deseño, fabricación, certificación, operación e mantemento deste tipo de sistemas e tecnoloxías aéreas (UAV, drons e toda a tecnoloxía de control, manexo, seguimento e xestión dos datos que os acompaña). Segundo se fixo saber, o mestrado será impartido o vindeiro curso polas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, concretamente pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
O acto contou coa asistencia de Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Higinio González, coordinador do mestrado por parte da Universidade de Vigo; Tomás Cuesta, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría; Mª Luz Gil, coordinadora do mestrado por parte da Universidade de Santiago de Compostela; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.
Segundo explicaron, o Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un posgrao oficial de carácter presencial que está estruturado en 60 créditos ECTS e que se imparte ao longo dun curso académico. O posgrao, “de marcada orientación profesional”, arrancará no curso 2018/2019 cun límite de 24 prazas, considerándose o perfil de ingreso recomendado calquera grao en enxeñaría ou física. A actividade formativa contará con dúas especialidades, unha de aplicación na xestión dos recursos da terra, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e outra de enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados, liderada pola Universidade de Vigo. Haberá prácticas obrigatorias de dous meses para todo o alumnado en empresas, centros de investigación e centros tecnolóxicos, sendo xa máis de 30 as entidades que apoian a posta en marcha deste programa oficial de posgrao.
O edificio CINC da Cidade da Cultura acolle este 24 de maio a XVI edición de GaliciaTIC baixo o epígrafe Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas para a transformación dixital. O foro, unha xuntanza histórica na nosa historia tecnolóxico-informática, vén da man da asociación Ineo e de Inetec. A previsión é xuntar máis de 200 profesionais nunha xornada na que se sucederán relatorios, debates, mesas temáticas, unha competición de enxeñaría e diversas demostracións de produtos tecnolóxicos galegos. Entre as solucións en exhibición figura un innovador sistema que detecta e fai seguimento das traxectorias dos peóns.
Este sistema, como lembraremos, foi desenvolvido pola firma galega Xesol Innovation, empresa mergullada no ámbito da Internet das cousas (IoT) e especialmente orientada ao desenvolvemento de solucións para coche conectado e autónomo. Esta empresa mostrará nun coche o seu sistema de percepción dinámica da contorna que detecta e monitora o percorrido dos peóns. Ademais, exporá un sistema baseado en visión artificial que detecta fatiga, distracción e somnolencia no condutor.
Por outra banda, a axencia de mercadotecnia virtual DaVinci Factory realizará proxeccións holográficas e exemplos de realidade aumentada.
GaliticiaTIC 2018 dará comezo ás 10.00 horas, cunha sesión de inauguración na que participarán Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA, Carlos Abal, presidente de Ineo, e Miguel Merino, profesor titular da Universidade de Vigo e, dende as súas primeiras edicións, principal impulsor deste evento tecnolóxico.
O evento ten varios obxectivos: por unha banda, analizar as tendencias actuais na transformación dixital e as oportunidades de negocio asociadas a elas para as TIC galegas; e doutra banda, sensibilizar ao resto de sectores sobre as vantaxes que carrexan as novas tecnoloxías e os procesos de dixitalización (aforro de custos, mellora de produtividade, redución de tempos, etc.).
Haberá cinco tipos de actividades diferentes: relatorios, clases maxistrais e mesas de debate (onde expertos do eido dixital como Andrés Martínez, desenvolvedor de programas de Google, ofrecerán a súa visión sobre as ferramentas de meirande futuro, botando luz sobre as capacidades e as infraestruturas existentes para impulsar a transformación dixital), mesas temáticas (con sesións que abordarán temas como a transformación do posto de traballo, a información a gran escala -Big Data- para optimizar e personalizar a oferta turística, a dixitalización nos estaleiros 4.0 ou a mellora dos procesos de negocio con traballadores virtuais, entre outras cuestións), competicións de enxeñaría (da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, convocando estudantes e profesionais e incluíndo un reto sobre o desenvolvemento, o proxecto e a planificación dunha Cidade Intelixente para unha poboación mediana de Galicia), demostracións (con showrooms e presentacións en vivo de produtos comercializados por tecnolóxicas galegas) e sesións de networking (con xeiras de traballo en rede entre os asistentes nas pausas do café, do xantar e das zonas comúns de lecer).
Aproveitando a celebración de ExpOtaku en A Coruña, o vindeiro sábado ás 20:00 horas presentarase o Master en Creación de Videojuegos da European Business Factory (EBF), que en contraste con outros mestrados ten unha forte carga humanística para que os alumnos aprendan a pensar o videoxogo (analizando a historia do medio), explorar o seu deseño e desenvolvemento (aprendendo a traballar con Blueprints en Unreal, así como animar e deseñar personaxes e escenarios dende cero) e tamén a coñecer as técnicas de marketing necesarias para publicar e vender a idea dun videoxogo e destacar nun mercado tan competitivo.
O mestrado terá unha duración de 500 horas e desenvolverase os venres de 16:00 a 21:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas, e aínda que non esixe título universitario ou ciclo superior, recomendan vocación artística e paixón polo medio.
O prazo de matrícula para este mestrado está xa aberto, podendo informarse sen compromiso sobre o mesmo até o 7 de xuño, sendo a presentación no recinto de EXPOCoruña unha boa oportunidade para afondar nos contidos e formato deste mestrado profesional.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vainos xuntar o 31 de maio cos principais desafíos actuais e futuros da protección en liña, unha cuestión que incrementa o seu interese a cada minuto, agora que todos os axentes e elementos implicados na protección en liña (usuarios de a pé, conexións, dispositivos, servidores, servizos, funcionalidades, posibilidades, datos) preséntanse en meirande número e con maior complexidade. A terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia conta co patrocinio da firma Emetel e a colaboración de ABANCA, Symantec, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e o Campus Innova (UDC). Contará coa presenza de expertos en salvagarda de datos e infraestruturas de Google e Microsoft.
A cita será en Santiago, en horario de mañá, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Con esta actividade, o CPEIG quere “conectar co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de cidadáns, empresas e administracións públicas”. A xornada será inaugurada ás 10.00 horas por Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Roberto Baratta (director de Prevencion Perdida, Continuidade e Seguridade en ABANCA), Manuel Lago (director xeral de Emetel) e Mar Pereira Álvarez (directora da axencia AMTEGA). Logo haberá relatorios sobre administracións públicas e protección TIC a cargo de Alberto Hernández Moreno (director xeral de INCIBE), Jose Luis Piñar (DPO do Consejo General Abogacia Española) e Javier Candau (xefe de Ciberseguridade do Centro Criptográfico Nacional – CCN). A continuación da pausa para café, será a quenda das empresas. Intervirán Rafael Ave, director de Transformación Dixital e Seguridade de EMETEL, Julien Blánchez (Google Cloud at Google Inc), Fernando Rubio (Microsoft), Ramsés Gallego (Symantec) e Román Ramírez (co-fundador e co-organizador do evento RootedCON). O peche correrá a cargo de Fernando Suárez e Roberto Baratta.
Son xa sete anos celebrando o Día Mundial de Concienciación sobre a Accesibilidade, no que distintas compañías e entidades únense para reclamar unha tecnoloxía pensada e deseñada para todas as persoas, incluídas as persoas con discapacidade e maiores.
Nestes anos celebráronse cada vez un maior número de actos en todo o mundo en conmemoración deste día no que empresas, universidades e entidades demandan unha maior presenza da accesibilidade no deseño e desenvolvemento de produtos, servizos e aplicacións tecnolóxicas.
Na edición deste ano foron preto de setenta os actos que tiveron lugar ao longo de todo o mundo dentro da celebración deste día dedicado á accesibilidade tecnolóxica.
Pola nosa banda, queremos aproveitar este día tanto para destacar os avances que nestes meses fomos relatando, como para pedir un maior esforzo a todos os actores da sociedade para que o deseño para todos e a accesibilidade universal sexan unha realidade.
Así, a través destes galardóns, a Universidade Europea premiará aos emprendedores sociais que dispoñan de trazos como o liderado, a empatía ou a capacidade para desenvolver un traballo colaborativo e en equipo, explicou a universidade nun comunicado.
De todos os proxectos que se presenten, un xurado experto escollerá a dez novos de entre 18 e 29 anos que estean a desenvolver un proxecto social ou ambiental en España, que leve un mínimo de seis meses en marcha e que "persiga o progreso a través da innovación social".
Cada un dos proxectos seleccionados recibirá 2.000 euros, ademais dun programa específico de formación, visibilidade para a súa iniciativa e o apoio dunha gran rede internacional.
Os galardóns, que se celebran en colaboración con Laureate International Universities como parte do programa YouthActionNet da International Youth Foundation e en colaboración coa División Santander Universidades, pretenden "recoñecer o valor innovador, social e empresarial" dos proxectos premiados, así como "promover" a creación dunha comunidade nacional e internacional de emprendedores sociais.
Despois dun ano da posta en marcha do portal Orientatech, os promotores da solución realizan un balance moi positivo da plataforma Orientatech, dado que se lograron grandes avances no obxectivo de converterse como punto de referencia de tecnoloxías sociais tanto para os expertos e profesionais nesta materia, como para os propios colectivos vulnerables. O proxecto quere consolidarse como punto de encontro para todos os actores do sector: os usuarios finais dispoñen dun medio para comparar os produtos existentes e compartir a súa opinión, os fabricantes poden dar a coñecer e adaptar os seus produtos e as administracións públicas e profesionais do sector dispoñen dunha fonte para contrastar información.
Ademais, búscase que os fabricantes desenvolvan produtos que se adapten mellor ás necesidades e teñan en conta no seu deseño criterios de usabilidade, accesibilidade e deseño para todos e en definitiva poidan mellorar a calidade de vida das persoas.
A análise dos produtos é levada a cabo por un equipo de enxeñeiros da Fundación de Tecnoloxías Sociais e da Fundación Vodafone que son expertos na aplicación social da tecnoloxía, que realizan a verificación técnica do produto; e un grupo de voluntarios e usuarios de Cruz Vermella, que coñecen as necesidades á quen vai dirixido o produto e que realizan a validación social.
Esta valoración técnica e social compleméntase con información práctica como vídeos, fotos, opinións doutros usuarios e entidades con información do produto incluíndo tipo de garantía, formas de adquisición e toda aquela información que poida ser relevante para coñecer o produto.
Durante este ano de implantación, o equipo de Orientatech puido probar 45 produtos, cun equipo de 13 persoas voluntarias e organizacións de usuarios como APAM e a Asociación Madrileña do Parkinson.
Contouse ademais coa colaboración de institucións como CEAPAT (Centro Estatal de Produtos de Apoio e Axudas Técnicas) e eVia (Plataforma Tecnolóxica Española de Tecnoloxías para a Saúde e a Vida Activa e Independente) nas actividades de asesoramento e divulgación.
A Xunta de Galicia abre este ano o proxecto de libro dixital E-Dixgal a todos os centros sostidos con fondos públicos de Galicia, sempre e cando impartan 5º e 6º de Primaria ou 1º e 2º da ESO. Cómpre lembrar que ata o momento para acceder a este programa era necesario que os centros participaran no proxecto Abalar. Nesta ocasión, subministrarase o equipamento informático necesario –fundamentalmente ultraportátiles para os alumnos– aos centros que non conten con el. De feito, a Xunta de Galicia realizou este ano a renovación dos equipos dos centros E-Dixgal, o que supuxo o reparto de máis de 13.000 ultraportátiles.
Deste xeito continúase co despregamento do libro dixital no ensino galego, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a máis de 11.600 alumnos. O obxectivo da convocatoria publicada hoxe no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25011) é incorporar a E-Dixgal un total de 30 centros –aínda que se pode estender a máis–, o que suporía arredor de 800 alumnos máis no proxecto.
Novos materiais
Cómpre lembrar que os centros que se incorporen este ano poderán beneficiarse desde o inicio das novidades do programa, tales como a incorporación dun novo provedor de contidos, aulaPlaneta, que se sumou a Netex e Edebé.
Ademais, estará dispoñible o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.
Servizo Premium
En 2018 activarase, así mesmo, o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos centros educativos implicados na iniciativa, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.
Os máis de 1.000 profesores, 12.000 alumnos e as súas familias dispoñerán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (teléfono, correo electrónico, web, app no móbil...), as 24 horas do día os sete días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou o docente para aqueles incidentes que requiran unha atención presencial.
Plan de formación
Cómpre lembrar, ademais, que o E-Dixgal vai máis aló do mero equipamento informático. Non en balde, todos os centros E-Dixgal contan cun Plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas á educación dixital.
Ademais, ditos plans incorporan tamén unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.
A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ofrece no mes de xuño un ciclo de tres cursos de balde que teñen por obxectivo “a formación dos usuarios e das usuarias no eido das novas tecnoloxías”. Segundo informan os responsables do centro, as actividade formativas teñen en común (alén da súa temática compartida, aínda que botando luz sobre diferentes vertentes do dixital) ser actividades formativas de natureza práctica. O obxectivo? Que as/os participantes estean en disposición de aplicar todo o aprendido, punto por punto, na súa vida cotiá.
As sesións formativas desenvolveranse nas salas de traballo en grupo do terceiro andar e a biblioteca porá a disposición de cada un dos participantes un ordenador portátil con conexión a Internet vía Wi-Fi. Segundo explican os organizadores, é requirimento imprescindible que cada quen carrexe aos cursos un teléfono móbil para acceder á rede sen fíos local. Os cursos son os seguintes: Iniciación ao retoque de fotografía dixital con Gimp, Programación de aplicacións para teléfonos móbiles e Xestións por internet: banca online, eAdministración, eSaúde, servizos electrónicos. Serán impartidos por Manuel Alonso Arnejo. voluntario do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia.
O período de inscrición abrirase o 22 de maio e prolongarase ata o 6 de xuño. Requírese inscrición previa na páxina web da biblioteca. No mostrador de Información da biblioteca facilitarase un tríptico informativo a todas as persoas interesadas.
A obra social de Abanca, Afundación e a compañía de emprendimiento social activiza! celebran entre o 6 e o 21 de xuño, o curso 'Envellecemento Activo e Saudable' baixo o lema 'Base conceptual, tendencias e ferramentas prácticas para entender a revolución da lonxevidade'. A formación consta de 16 horas presenciais en cada unha das tres edicións que se pode cursar: A Coruña, o 6 e 7 de xuño; Ourense, o 13 e 14 de xuño; e Vigo o 20 e 21 de xuño.