main content

main content
21/05/201810:05
Portada do informe.
Santiago de Compostela

Observatorio estatal da discapacidade. Día Mundial de Internet

  • No Día Mundial de Internet, o Observatorio Estatal da Discapacidade advirte da persistencia da fenda dixital nas persoas con discapacidade e das barreiras para acceder á web en igualdade de condicións.
  • O informe Olivenza 2017 no seu capítulo: 'Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)' elaborado en colaboración coa Fundación Vodafone España, pon de manifesto esta realidade.

 

  1. Sete de cada dez persoas con discapacidade non utilizan internet. Tres variables son significativas e explican as tendencias neste uso de internet:
    • a. A idade. Así, mentres o 31,1% das persoas con discapacidade de 16 a 45 anos non o utilizan, esta porcentaxe sobe ata o 87,9% entre os maiores de 65 anos.
    • b. O nivel educativo. O non uso de internet entre as persoas con discapacidade que só chegaron a educación primaria chega ao 87%, mentres que naquelas que concluíron educación secundaria esta porcentaxe sitúase no 37,9%. Estas dúas variables tamén determinan o uso de internet na poboación xeral.
    • c. O perfil de discapacidade. O grao de uso de internet tamén varía segundo o perfil de discapacidade. Así, as persoas con discapacidade intelectual  presentan un  uso  máis  baixo  que aquelas con outros perfís de discapacidade.
  2. O principal motivo para non usar internet, segundo as persoas con discapacidade enquisadas, é que lles parece moi avanzado e complexo o seu uso. Un 15,3% tentárono, pero pareceulles inaccesible para o seu tipo de discapacidade. A un 9,3% dálle medo utilizalo porque cre que poden enganala.
  3. Entre as persoas que usan internet, a frecuencia da súa utilización é elevada, pois o 78,6% fano diariamente; mentres que outro 18% utilízano semanalmente.
  4. Para as dúas tarefas máis realizadas polas persoas con discapacidade (como son buscar información, usar o correo electrónico), o dispositivo máis utilizado é o computador. O teléfono móbil imponse para o uso das redes sociais (terceira tarefa máis realizada polas persoas con discapacidade).
  5. Practicamente en igual medida, as persoas con discapacidade consideran que as dúas principais achegas de internet á súa vida diaria son, por unha banda, que lles permite acceder a todo tipo de información (29,4%) e, por outro, que lles permite estar conectados co mundo (28,9%).
  6. A redución do prezo de internet (48,4%), a promoción de cursos de formación para utilizalo e o deseño das páxinas web de forma máis sinxela e intuitiva son as melloras máis relevantes sinaladas polas persoas con discapacidade para facilitar o acceso e uso de internet.

Para obter máis información podes facelo a través do: Observatorio estatal da discapacidade

O Observatorio Estatal da Discapacidade (OED) é un instrumento técnico que a Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e Real Padroado sobre Discapacidade), e a Junta de Extremadura, a través do Servizo Estremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia, SEPAD, poñen ao servizo das Administracións Públicas, a Universidade e o Terceiro Sector, para a recompilación, sistematización, actualización, xeración e difusión de información relacionada co ámbito da discapacidade.

O OED ten o seu amparo no artigo 73 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Configúrase como instrumento de promoción e orientación das políticas públicas de conformidade coa Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade.

As institucións promotoras do OED son o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e o Real  Padroado sobre Discapacidade, a Comunidade Autónoma de Estremadura a través do Servizo Estremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia (SEPAD), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade e a Universidade de Estremadura.

21/05/201810:05
Mans de persoa maior sostendo un smartphone.
Xermade

Curso básico de móbil-smartphone para maiores en Xermade

  • O Concello lucense organiza este taller gratuíto incluído no programa 'Promoción da Autonomía Persoal de Maiores da provincia' que organiza en colaboración coa Fundación TIC da Deputación de Lugo

 

O Concello de Xermade (Lugo) organiza un curso de uso básico e configuración de teléfonos móbiles e smartphones dirixido a persoas maiores do municipio. A formación impártese entre o 22 e o 24 de maio en horario de 9 a 11 horas na Biblioteca Pública Municipal da localidade. 
 
A formación é gratuíta e aínda dispón de prazas que se poden formalizar no teléfono do departamento de Servizos Sociais de Xermade: 982501001 ou na planta baixa do propio consistorio. 
 
A iniciativa forma parte do programa de envellecemento activo 'Promoción da Autonomía Persoal das Maiores da provincia' que a Fundación TIC da Deputación de Lugo e o Concello de Xermade están a desenvolver na devandita localidade desde novembro de 2017 a xuño de 2018.
21/05/201810:05
Portada do estudo.
Santiago de Compostela

O Hipersector TIC en Galicia emprega a preto de 22.000 traballadores, maior cifra rexistrada nos últimos cinco anos

  • A Amtega publica hoxe o estudo sobre o Hipersector TIC galego en 2017, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga)
  • O número de empresas do Hipersector TIC en Galicia crece un 2,7% e acada as 3.410 entidades
  • As exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia achegáronse no ano 2016 aos 76,8 millóns de euros, cun incremento do 5,5% respecto ao ano anterior
  • O gasto en innovación tecnolóxica nas empresas galegas medra un 9,3% e acada os 504 millóns de euros
  • Durante 2016 incrementouse nun 19,2% o número de empregados que traballaban en I+D no tecido empresarial galego.

 

O Hipersector TIC galego concentra un total de 3.410 empresas e dá emprego a 21.973 persoas, a maior cifra de traballadores rexistrada nos últimos cinco anos. Estes datos sitúan a Galicia como a quinta Comunidade en volume de empresas desta área, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana.
 
Así se recolle no estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que se publica hoxe.
 
O 75,6% das empresas do Hipersector TIC inscriben a súa actividade no subsector TIC e un 24,4% no subsector de contidos e servizos audiovisuais
 
O Hipersector TIC galego continúa na liña de crecemento emprendedor xa iniciada no ano 2015, con 520 novas altas de empresas no último ano. Non obstante, o número de baixas incrementouse respecto do ano pasado, aínda que o saldo entre altas e baixas de empresas é positivo, con 90 entidades. O emprendemento foi especialmente significativo no subsector TIC, onde o saldo entre altas e baixas de empresas dá como resultado 140 novas entidades empresariais.
 
 
O emprego segue a medrar no Hipersector TIC
O emprego no Hipersector TIC en Galicia experimenta un crecemento sostido dende o ano 2014. No ultimo ano medrou un 3,4%  e aproxímase aos 22.000 traballadores, a maior cifra dos 5 últimos anos. No  subsector TIC  rexistrouse un crecemento do 4,8% mentres que no subsector Contidos diminúe un 1%. `
 
Crece a porcentaxe de traballadores que cotizan no Réxime Xeral ata o 82,9% dos traballadores cotizan no Réxime Xeral e diminúe a porcentaxe no Réxime Especial de Autónomos, que se sitúa no 17,1%.
 
O emprego no Hipersector das tecnoloxías da información ten un alto grao de masculinización, algo superior ao ano 2016: o 65,7% dos traballadores son homes fronte a un 34,3% de mulleres. No subsector Contidos, a fenda é máis reducida, pois as mulleres representan o 41,7% dos traballadores/as fronte ao 32,1% do subsector TIC.
 
 
Contribución ao PIB e exportacións
O Hipersector TIC contribúe nun 2,1% ao PIB galego, destacando especialmente o subsector TIC, que representa o 1,8% do total desta contribución. 
 
As exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia achegáronse no ano 2016 ata os 76,8 millóns de euros, case 4 millóns de euros máis que no ano 2015 (5,5% de incremento). O forte peso das exportacións do Hipersector débese fundamentalmente ao Subsector TIC, e, en maior medida, ás exportacións de equipos de telecomunicacións (CNAE 26.3) que representa o 59,6% do total das exportacións do Hipersector TIC.
 
 
Aposta polo investimento en I+D
Durante o ano 2016, 900 empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron algún tipo de actividade innovadora. Se se amplía ao período de 2014 a 2016 son un total de 2.053 empresas de 10 ou máis traballadores  as que realizaron algunha actividade de I+D, o que representa o 27,5% das empresas galegas. A nivel estatal, Galicia ocupa a sexta posición no ranking de empresas innovadoras no ano 2016.
 
Atendendo ao tipo de innovación realizada polas empresas, o 12,2% do empresariado galego realizou innovacións tecnolóxicas durante o período 2014-2016, situándose en valores similares á media estatal.
 
O gasto en innovación tecnolóxica en Galicia incrementouse nun 9,3% no último ano e acada os 504 millóns de euros. Ademais, durante o ano 2016 incrementouse nun 19,2% o número de empregados/ as que traballaban en I+D no tecido empresarial galego. Así, en Galicia traballan 9.367 persoas en I+D a xornada completa, o que supón o 4,5% do total de traballadores/as en I+D de España.
 
Galicia é a sexta Comunidade Autónoma con maior número de traballadores en I+D a xornada completa, incrementándose respecto ao ano 2015 nun 3,6%.
 
21/05/201808:05
Xbox Adaptive Controller.
Santiago de Compostela

Microsoft presenta un mando para persoas con diversidade funcional

A tecnoloxía pode empregarse para superar barreiras, e dende Microsoft presentaron esta semana unha solución que agradecerán moitos xogadores de Xbox One e Windows 10 de todo o mundo, xa que facilitaralles poder gozar do lecer electrónico como fan outras persoas empregando un novo mando adaptable ás súas diversidades funcionais.

Xbox Adaptive Controller é un mando deseñado a través dun punto de vista inclusivo, tendo en consideración a xogadores que non poden suxeitar un gamepad tradicional ou que non poden premer nalgúns dos seus botóns, para que poidan gozar dos videoxogos pese ás súas limitacións de mobilidade. Temos así un dispositivo con botóns programables de grande tamaño que pode conectarse a conmutadores, botóns, soportes e joysticks externos (á venda por separado) que fan que os xogos sexan máis accesibles. Estes accesorios adicionais chegan de distintos fabricantes e inclúen dende grandes botóns até pedais, pasando por joysticks que poden manexarse coa boca ou cunha perna, de xeito que cada persoa pode organizar o controlador de xogo que se adapte ás súas características físicas.

Este dispositivo tamén goza de certo elemento social, xa que paralelamente pode completarse cun mando de Xbox One operando a xeito de copiloto, convertendo o xogo nunha experiencia cooperativa. Ábrese así todo un mundo de posibilidades para as persoas con diversidade funcional, que non teñen por que dicir adeus a gozar con videoxogos grazas a solucións como esta.
Xbox Adaptive Controller terá un prezo de 99,99 dólares (o prezo en euros aínda non se fixo público) e para que vaiamos facéndonos unha idea das súas posibilidades Microsoft publicou unha completa reportaxe sobre este grande avance na accesibilidade dos videoxogos.

21/05/201808:05
O Litter Drone vese recoñecido polo Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.
Santiago de Compostela

Fallados os premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018, que serán entregados o vindeiro 1 de xuño no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo no decurso da XXIII Noite Galega das Telecomunicacións. Esta convocatoria distingue, un ano máis, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por diferentes persoas e empresas.

En total, vanse entregar cinco premios. O primeiro deles distingue o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recae no proxecto Litter Drone, monitorización do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os membros do xurado valoraron a calidade e o grado de innovación tecnolóxica deste proxecto mediante o emprego de sistemas abertos e a participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental. 

O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC recae en David Vázquez polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications. O xurado valorou como razón determinante desta distinción o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes.

O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distingue o labor de Abanca. O xurado recoñece a utilización das TIC no proceso de transformación dixital da entidade financeira de cara a lograr unha banca máis áxil, próxima, transparente e innovadora; o que posibilitou a creación dunha infraestrutura flexible e segura que facilita a expansión nacional e internacional do seu negocio.

O Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recae en Joaquín Lameiro pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país. Enxeñeiro Superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica. Traballou para Wang Laboratories e tamén para IBM, empresa na que ocupou diversos postos de responsabilidade. Así, entre 1999 e 2014 foi director rexional desta multinacional na zona noroeste de España, ocupándose da representación institucional da empresa e da relación con clientes e partners.

Finalmente, o Premio Socio de Honra distingue a Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario. Neste sentido, recentemente o Colexio de Médicos da Coruña asinou un convenio co COETG para favorecer o uso das TIC na profesión médica co obxecto de que o seu emprego redunde «nunha mellor praxe e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns», segundo recolle o texto do acordo.

21/05/201808:05
Cartel do evento.
Boqueixón

Boqueixón incide cunha charla na problemática da adicción ás novas tecnoloxías entre a mocidade

O Concello de Boqueixón vai organizar o vindeiro 31 de maio unha sesión informativa sobre un problema cada vez máis frecuente entre os nosos rapaces: o problema de non dar interrompido a tempo as súas comunicacións a través das novas tecnoloxías, unha eiva que redunda negativamente nas súas relacións persoais, nos seus estudos e mesmo no seu desenvolvemento. 

A sesión, programada ao abeiro da iniciativa local Falamos de..., consiste nunha charla sobre Adicción ás novas tecnoloxías na adolescencia. A cita desenvolverase o próximo xoves 31 de maio na Casa do Concello ás 17.00 horas. Dirixida á veciñanza en xeral e ás familias de adolescentes en particular, esta actividade ten carácter gratuíto. As persoas interesadas en asistir deberán formalizar a súa inscrición antes do 23 de maio no Departamento de Educación e Cultura a través do teléfono 981 513 115 ou no e-mail cultura@boqueixon.com

Segundo lembra o Concello, a iniciativa é posible grazas á colaboración da Consellería de Sanidade, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. Dende o Concello animan á veciñanza a inscribírense nesta sesión.

18/05/201814:05
GaliciaTIC.
Santiago de Compostela

GaliciaTIC mostrará na Cidade da Cultura os desafíos e oportunidades da transformación dixital

Será a vindeira semana, o xoves 24 de maio, cando a compostelá Cidade da Cultura acolla a XVI edición de GaliciaTIC, un punto de encontro relevante no eido das TIC galegas que leva a cabo a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e a empresa INETEC.
Baixo o título de Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas que están a impulsar a transformación dixital, botará a andar este GaliciaTIC no edificio CINC do Gaiás coa finalidade de atraer non só aos profesionais deste ámbito, senón tamén aos dos demais sectores empresariais para amosarlles o que as ferramentas dixitais poden facer polas súas empresas.

O foro deste ano nace con varios propósitos: analizar as tendencias actuais na transformación dixital e as oportunidades de negocio asociadas a elas para as TIC galegas; amais de sensibilizar ao resto de sectores sobre as vantaxes que leva (aforro de custos, mellora de produtividade, redución de tempos...).

Haberá cinco tipos de actividades diferentes: relatorios, clases maxistrais e mesas de debate (onde expertos do eido dixital como Andrés Martínez, desenvolvedor de programas de Google, ofrecerán a súa visión sobre as ferramentas de meirande futuro, botando luz sobre as capacidades e as infraestruturas existentes para impulsar a transformación dixital), mesas temáticas (con sesións que abordarán temas como a transformación do posto de traballo, a información a gran escala -Big Data- para optimizar e personalizar a oferta turística, a dixitalización nos estaleiros 4.0 ou a mellora dos procesos de negocio con traballadores virtuais, entre outras cuestións), competicións de enxeñaría (da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, convocando estudantes e profesionais e incluíndo un reto sobre o desenvolvemento, o proxecto e a planificación dunha Cidade Intelixente para unha poboación mediana de Galicia), demostracións (con showrooms e presentacións en vivo de produtos comercializados por tecnolóxicas galegas, por exemplo as solucións de Xesol Innovation, compañía mergullada no ámbito da Internet das Cousas e orientada ao desenvolvemento de solucións para coche conectado e autónomo, e que mostrará en GaliciaTIC un vehículo cun sistema de percepción dinámica que detecta e monitora a traxectoria dos peóns) e sesións de networking (con xeiras de traballo en rede entre os asistentes nas pausas do café, do xantar e das zonas comúns de lecer).

 

Inscricións

A asistencia a GaliciaTIC é de balde pero é necesario un convite que pode solicitarse aos organizadores e patrocinadores do evento. Na páxina web do evento pódense consultar os mesmos, así como a totalidade do programa e as empresas participantes.

18/05/201810:05
Audioguía.
Santiago de Compostela

Museos hiperconectados e tambien accesibles

  • Con motivo do Día Internacional dos Museos, que se celebra hoxe día 18 de maio, a Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (FIAPAS) pide aos espazos museísticos que incorporen os medios necesarios para facer accesible a visita das persoas xordas.

 

'Hiperconectividade: enfoques novos, novos públicos' é o lema co que, no Día Internacional dos Museos que se celebra hoxe día 18 de maio, quérese lembrar a importancia da tecnoloxía e as novas formas de comunicación, como as redes sociais, para que os museos poidan facer chegar os seus contidos xa sexa de forma presencial ou non.

tecnoloxía permite que os museos poidan chegar a novos públicos e é tamén un instrumento idóneo para que as persoas con discapacidade poidan gozar dunha experiencia cultural en condicións de igualdade xunto ao resto de visitantes.

Tendo en conta que eses avances tecnolóxicos deben traballar en favor da accesibilidade e non xerar novas barreiras.

 

Nova Norma de Calidade para Museos

Neste sentido, enriquecer a experiencia do visitante nos museos, incluíndo un compromiso coa accesibilidade, é o obxectivo da Norma de Calidade para a prestación do servizo de visitas en Museos e Coleccións Museísticas, promovida polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e a Subdirección Xeral de Museos Estatais, coa colaboración dos representantes dos principais museos españois, e en cuxa redacción colaborou FIAPAS, achegando o seu coñecemento en materia de accesibilidade para as persoas xordas.

A Norma, que pronto verá a luz, entre outras recomendacións, indica que, para mellorar a accesibilidade universal, os museos deberían facilitar os materiais e produtos de apoio necesarios e ofrecelos tanto in situ como con antelación.

Así, no caso das persoas xordas que se comunican en lingua oral e usan prótese auditivas, é necesario que dispoñan de medios de apoio á audición, como o bucle magnético, e subtítulos tanto nos contidos audiovisuais ofrecidos nas súas instalacións, como naqueles que se difundan a través doutros medios como a súa web e as redes sociais.

18/05/201809:05
App Neuroft.
Madrid

A Fundación Curemos o Parkinson e UCB lanzan NeuroFit, unha app de saúde gratuíta con exercicios para pacientes con esta enfermidade neurolóxica

  • A Fundación Atlético de Madrid grava un vídeo apoiando o deporte fronte ao Parkinson e apoiando esta app de saúde, para iso, José María Giménez, xogador branquivermello, súmase á campaña #QueElParkinsonNoTePare concienciación sobre a importancia do exercicio diario para o tratamento do Parkinson.
 
Un dos principais beneficios para frear o Parkinson e manter activos ás persoas que o padecen, é facer exercicio físico moderado a diario. Co obxectivo de facilitar esa tarefa aos pacientes afectados, a Fundación Curemos o Párkinson e UCB acaban de lanzar a aplicación de saúde gratuíta NeuroFit, deseñada pola neuróloga Nerea Foncea, especialista en trastornos do movemento do hospital de Galdakao.
 
app NeuroFit conta cuns sinxelos exercicios enfocados a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta patoloxía neurolóxica. Tamén inclúe consellos sobre actividade física, hábitos posturais, mobilidade, equilibrio ou exercicios de relaxación, faciais e de mans que permiten aos pacientes con Parkinson exercitar os seus músculos para combater síntomas da enfermidade como a rixidez, a lentitude de movementos e o tremor.
 
En palabras da doutora Nerea Foncea, neuróloga do Hospital de Galdakao e creadora da APP: "NeuroFit nace coa intención de ofrecer unha ferramenta útil aos pacientes con Parkinson. Facer exercicio é vital para conseguir un bo estado físico e psíquico. Existen numerosos estudos que indican que os pacientes con Parkinson que fan exercicio, atópanse moito mellor que os pacientes que non o fan".
 
Co obxectivo de dar a coñecer os beneficios do deporte nestes pacientes, a Fundación do Atlético de Madrid, comprometida coa promoción do exercicio físico para mellorar a saúde, e o seu corpo médico apoiaron o lanzamento desta aplicación, coa gravación dun vídeo de concienciación. No devandito audiovisual contouse coa colaboración do xogador branquivermello, José María Giménez, cedendo a súa imaxe para para concienciar sobre esta enfermidade e a importancia do exercicio para mellorar a calidade de vida dos pacientes que a padecen.
 
O vídeo comeza con dous afeccionados con Parkinson do club branquivermello seguindo un partido do seu equipo no salón da súa casa, nun ambiente de cotidianidade que permite reflectir como é convivir día a día con esta enfermidade. Acto seguido, é o propio xogador o que recomenda seguir as indicacións da aplicación e facer estiramentos e exercicio a diario para mellorar a saúde dos pacientes.
 
Na actualidade, máis de 160.000 persoas padecen Parkinson en España, unha enfermidade diagnosticada habitualmente entre os 50 e 65 anos pero que, nalgúns casos, pódese dar en idades máis temperás. Entre os principais síntomas do Parkinson destacan o tremor, a rixidez, a lentitude do movemento e dificultades posturais.
 
Para o presidente da Fundación Curemos o Párkinson, Alberto Amil: "O feito de que tantas persoas padezan Parkinson en España é unha cifra que nos impulsa a traballar para conseguir cambios reais nas súas vida a través de diferentes proxectos de investigación. Con NeuroFit conseguimos axuntar ciencia e deporte co obxectivo de buscar o beneficio do paciente".
 
Pola súa banda Jesús Sobrino, director de UCB Iberia -compañía promotora desta campaña-, sinalou: "En UCB estamos plenamente comprometidos coas persoas con Parkinson, por iso promovemos e apoiamos iniciativas que axudan a facer fronte a esta enfermidade. Estamos sumamente convencidos de que esta aplicación servirá como guía e apoio para mellorar a calidade de vida do paciente". Jesús Sobrino tamén quixo destacar o papel da Fundación Atlético de Madrid: "Queremos agradecer o apoio do club, que sempre está disposto a colaborar e mostrar o seu apoio ante calquera tipo de causa social e humanitaria", sinalou.
 
Concienciación do Atlético de Madrid
Para apoiar #QueElParkinsonNoTePare e concienciar sobre a necesidade de impulsar o deporte para mellorar a saúde, neste caso, para os pacientes con Parkinson, difundindo os seus beneficios e apoiando esta app, a Fundación Atlético de Madrid involucrouse nun vídeo co que esperan chegar a un maior número de cidadáns.
 
Neste vídeo, o central uruguaio do equipo branquivermello, José María Giménez, cedeu a súa imaxe e a súa voz para concienciar sobre esta enfermidade e mostrar a importancia do deporte no tratamento do Parkinson.
 
Parkinson e deporte
A enfermidade de Parkinson é un proceso dexenerativo do cerebro que lesiona o sistema dopaminérxico nigroestriado, o cal utiliza a dopamina como neurotransmisor e intervén de forma decisiva no control do movemento.
 
Parkinson non ten cura. Existen tratamentos farmacolóxicos que axudan a tratar os síntomas. Con todo, unha forma de combater esta enfermidade e mellorar a calidade de vida de quen a padece é facer exercicio, tal como se recolle na revista científica "Frontiers in Neurology", na que se recollen varios estudos científicos respecto diso.
 
18/05/201809:05
Dra. Peii Chen.
Santiago de Compostela

A Fundación Kessler selecciona a Virtualware para o desenvolvemento dun innovador tratamento post-Ictus con Realidade Virtual

  • O NIDILRR apoia o desenvolvemento desta ferramenta de realidade virtual cuxo obxectivo é mellorar os resultados na rehabilitación despois dun ictus.
 
neglixencia espacial é un dos trastornos máis comúns entre persoas que sufriron un accidente cerebrovascular (comunmente coñecido como ictus). Interrompe as actividades básicas de autocoidado da vida diaria e deteriora o equilibrio postural, a capacidade de lectura e a orientación, e demostrouse que dificulta os resultados dos programas de rehabilitación e recuperación, cun incremento no risco de caídas e danos.
 
Consciente deste problema, a americana Fundación Kessler que pretende achegar un novo enfoque na intervención neste tipo de pacientes para mellorar a súa calidade de vida, seleccionou a Virtualware, como referente en tecnoloxías inmersivas e interactivas, para que os apoie no desenvolvemento dun innovador tratamento da neglixencia espacial por medio da realidade virtual.
 
Co tratamento que se expón, denominado Terapia de Reentrenamento Espacial con Realidade Virtual (VR-SRT nas súas siglas en inglés) espérase maximizar os resultados da terapia de rehabilitación, mellorar o control postural e o coñecemento do espazo corporal a través dun proceso de adestramento inmersivo, seguro, interactivo e gamificado.
 
Segundo sinala a Dra. Peii Chen, científica de investigación senior do departamento de investigación en rehabilitación de dano cerebral da Fundación Kessler. "O sistema VRSRT susténtase en teorías e aproximacións xa establecidas de neurorrehabilitación para o trastorno de neglixencia espacial. Se facemos que este tratamento teña formato de xogo, as persoas sentiranse máis motivadas a completalo, ao mesmo tempo que se beneficia das vantaxes do sistema de rehabilitación".
 
Mediante estímulos visuais, a través dun casco de realidade virtual, o sistema involucra á persoa usuaria, así como o seu sistema motor, mediante seguimento posicional sen necesidade de marcadores nin dispositivos nas mans, grazas ao uso de LEAP Motion, como sistema de captura de movemento.
 
A facilidade de uso do sistema VR-SRT vai permitir que a ferramenta se implemente e se utilice en diferentes localizacións como pode ser a clínica ou a propia casa.
 
O proxecto supón un novo reto para Virtualware no ámbito da eSaúde, tal como sinala Julio Álvarez, responsable da Unidade de Negocio de eSaúde : "Levamos 8 anos poñendo a tecnoloxía ao servizo da saúde, nun sector, como o sanitario, onde calquera innovación require dunha profunda análise. E este proxecto supón un reto tecnolóxico moi atractivo para Virtualware, polo beneficio que podería chegar a achegar a este tipo de pacientes no seu camiño á recuperación e polo feito de que vén da man dun partner co prestixio da Fundación Kessler, que achegará a súa excelencia no coñecemento científico sobre este trastorno e o seu tratamento".
 
Máis información na Web da Fundación Kessler e na Web de Virtualware.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS