A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), queren reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes nos estudos dos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para isto, poñen en marcha o programa 'Girl STEM: derrubando estereotipos', que se desenvolverá en sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, farán chegar a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.
Desde o 21 de setembro ao 19 de outubro haberá diversos encontros entre mozas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores. O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás mozas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.
A Fundación Barrié na súa sede da Coruña acolle a sesión que pechará a serie de encontros nas diferentes cidades galegas.
Esta xornada correrá a cargo de Julia Bernal, a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle.
Á sesión acudirán alumnos de varios IES da Coruña e a súa área metropolitana así como doutros puntos da provincia, pero tamén haberá entrada libre á sesión ata completar o aforo.
A Escola de Vela de Cabana de Bergantiños acolleu onte a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do IGAPE, e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 20 iniciativas.
Os 23 emprendedores que desenvolveron os proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por diferentes ámbitos de actividade, como os servizos tecnolóxicos apoiados nas TIC, o sector da moda, a construción de de vivendas modulares ou os servizos relacionados coa valorización de recursos do territorio, como turismo ou os produtos agroalimentarios.
O delegado territorial da Xunta destacou que “nas 3 convocatorias da Costa da Morte participaron un total de 62 emprendedores con 55 proxectos. Na actual edición, con 20 proxectos, un 80 % dos participantes xa iniciou a súa actividade como empresa”. Neste sentido, engadiu que o obxectivo destes espazos de emprendemento é “axudar a madurar e a pulir as ideas de negocio e procuramos darlles as claves para saír ao mercado con recursos e motivación”:
Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 35 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.
Nestes días finalizan tamén as accións de formación e asesoramento das últimas edicións dos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nas que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento. Desde o comezo da súa actividade e ata finais de 2018, estas iniciativas terán impulsado un total de 440 proxectos de 540 emprendedores.
Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.
Onte subiu un novo chanzo o programa Girl STEM, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA para derrubar estereotipos, ideas preconcibidas e falsas crenzas en materia de ciencia, novas tecnoloxías e mocidade: unha morea de prexuízos que levan anos tentando convencernos de que a ciencia e as novas tecnoloxías son cousa de homes (cando resulta que as empresas innovadoras son máis innovadoras e competitivas cantas máis mulleres haxa nas súas fileiras). O programa, que se compón de relatorios con referentes femininos en ámbitos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), achegou onte unha cita coa influencer científica Deborah García, natural da Coruña. Foi unha xuntanza coa mocidade do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.
Ante máis de 100 rapazas e rapaces do centro, a relatora falou da súa experiencia divulgando nas redes (onde ten máis de 30.000 seareiros) e fixo un percorrido detallado polas dificultades que teñen as mulleres para abrirse camiño nas contornas científico-tecnolóxicas: “Antes, cando ía a un acto de divulgación, moitas veces sentía que se forzaba a paridade e sempre me preguntaba se me chamaban por ser muller ou porque realmente lles gustaba o meu traballo”, reflexionou. Sobre a situación das mulleres científicas na actualidade, Deborah García considera que é necesario “equiparar as baixas de maternidade e paternidade para que ambos proxenitores repartan as cargas”. Ademais, dixo que “o ámbito da investigación científica é moi duro, porque esixe moitas horas e desprazarse continuamente de cidade en cidade, algo que moitas mulleres que deciden ser nais non se poden permitir”, explicou. Por outra banda, mostrou o seu convencemento na escasa recompensa económica que reporta a investigación a quen traballa nela e para ela: “Ten que cambiar o sistema público de contratación para as persoas investigadoras. En ciencia nunca temos estabilidade. De feito, só se pode conseguir unha cátedra despois de moitos anos e raramente antes dos 50, o cal trunca a vida persoal e familiar de moitas mulleres”. Coa súa participación no programa Girl STEM, Deborah García súmase a outras referentes que queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.
De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García
Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é “tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos”. Deborah, que é química e divulgadora científica, traballa tamén como colaboradora na Televisión Española e na Televisión de Galicia. Conta coa súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega e, ademais, escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L''ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.
Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.
É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.
SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de outubro catro relevantes actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores de Barro. Os catro obradoiros sobre as máis diversas temáticas TIC celebraranse no Viveiro de Empresas do Polígono de Barro. Como lembraremos, SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas da provincia (a través das súas oficinas de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro) servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC.
A primeira cita do mes terá lugar o sábado, 6 de outubro ás 10 h, coa acción Jam Session de Deseño e Desenvolvemento de Prototipos. A segunda acción, Iniciación á impresión 3D. Que podo facer e como impartirase o xoves da seguinte semana, 11 de outubro, ás 17 h. Por outra banda, o martes 16 de outubro, ás 17 h terá lugar Introdución ao deseño 3D: FreeCAD I. E xa por último, Introdución ao deseño 3D: FreeCAD II impartirase o xoves 18 de outubro á mesma hora. Como dixemos, a oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro empresarial do polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
O programa da Deputación de Pontevedra desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de “continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual”. O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC.
O Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e maila Universidade de Santiago entregaron onte en Madrid os premios da primeira edición do Concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Pois ben, os galardóns foron dar a HGBeyond e Frame, as dúas iniciativas lideradas por mulleres e creadas co apoio das súas universidades, as de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid. As distincións entregáronas a secretaria de Estado de Igualdade, Soledad Murillo de la Vega, e o reitor da USC, Antonio López Díaz.
A santiaguesa HGBeyond, gañadora na modalidade de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, xurdiu en 2015 como unha spin-off da USC para “explotar e comercializar resultados relevantes do grupo de Investigación I+D Farma e desenvolver solucións biosanitarias, con aplicación directa na industria oftálmica”. Máis polo miúdo, desenvolve lentes de contacto con capacidade para tratar doenzas oculares, como procesos inflamatorios e de alerxia, ademais de glaucoma ou enfermidades relacionadas coa diabetes. Este premio está dotado con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector.
Pola súa banda, na categoría de startup e cun premio de 7.000 euros e asesoramento de tres meses, a galardoada foi Frame, nada no seno da Universidade Carlos III de Madrid. A súa tecnoloxía é un sistema de drons equipados con intelixencia artificial, prontos para despegarse tras calquera catástrofe, que se coordina de maneira autónoma durante o voo para rastrear unha zona afectada. O resultado, segundo informa a USC, é un mapa pos-desastre no que se indican as vías de evacuación, os cambios nas infraestruturas e os núcleos de poboación afectadas.
As dúas iniciativas foron elixidas de entre un grupo de finalistas no que ademais figuraban Applynano Solutions S.L. (Universidade de Alacante) e Tastelab S.L. (USC), na modalidade de base tecnolóxica, e Minervas Voice, S.L. (USC) e Mundoarti Global SL: Competicións de arte (Politécnica de Valencia), na de startups.
No acto de onte, celebrado na sede da Secretaría de Estado de Igualdade, o reitor compostelán lembrou que a USC foi “pioneira en España na súa aposta polo apoio ao emprendemento das mulleres”, sabendo que son maioría nas aulas e que son xeradoras dos mellores expedientes académicos formando un capital intelectual que a sociedade non debe desaproveitar”. A este respecto, subliñou que a USC lidera Innovatia 8.3, un movemento de ámbito estatal para integrar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e de creación de empresas de alicerce tecnolóxico.
Esta finde, a partir do venres 12, quen queira mergullarse de cheo nas principais tendencias da informática creativa, vaino poder facer na xuntanza para a mocidade XGN R Encounter, que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia de Silleda, tal e como detallamos hoxe (facendo fincapé no programa de actividades, nos obxectivos e nos aspectos técnicos do evento). Pois ben, a operadora R vai ter novamente un papel destacado na xuntanza.
Tanto no que se refire á organización (co-organiza a party xunto coa Feira Internacional ABANCA e a Xunta), como no que atinxe ao fornecemento de tecnoloxía (con velocidades de 10 Gbps grazas á fibra achegada pola compañía) como no que respecta ao programa de actividades.
Sobre este último punto, R estará no recinto desenvolvendo obradoiros de balde de interese para a nosa mocidade. En primeiro lugar, haberá un taller de robótica no que poderemos participar en familia e que está concibido para cativos de 7 a 15 anos, que poderán contar cos recursos precisos para construír un robot “mentres se divirten e aprenden”, segundo explica R. O obradoiro, inserido nas actividades de CreaR da operadora, vén con tres modalidades: para nenas e nenos de 7 a 8 anos (de 10:30 a 12:30h), para nenas e nenos de 9 a 11 anos (de 12:30 a 14:30h) e para nenas e nenos de 12 a 15 anos (de 17:00 a 19:00h). R tamén informa que as entradas para podermos desfrutar desta actividade estarán estes días á nosa disposición no distribuidor R en Silleda, na Avenida do Parque, 37 (tel. 986580621). En caso de que non nos poidamos achegar, temos a posibilidade de reservar en liña as entradas.
Amais do devandito, a operadora organiza no encontro unha actividade encamiñada a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. Trátase da iniciativa Nativos R, unha actividade pensada para pais, titores, avós ou docentes, prevista para o 13 de outubro ás 17.00 horas. En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixo, abrindo interesantes camiños de comunicación entre uns e outros.
Esta semana temos unha cita de primeira liña coa informática que se comparte e se crea, e que, por se fóra pouco, é fonte de lecer, diversión e aprendizaxe persoal. Estamos a falar da party galega XGN R Encounter, que comeza este venres 12 a súa décimo oitava edición, segundo informan as entidades impulsoras do encontro (o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, a firma R e a Consellería de Política Social), unha convocatoria que sobe novos chanzos en materia de acollida, de temas a tratar, de repercusión e de actividades. Isto déixase notar no interese da nosa mocidade por participar nela: xa se superou o rexistro de inscritos do pasado ano, cando 800 persoas tomaran parte co seu computador.
Ademais, agárdase que outras 1.500 persoas acudan ao recinto de Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda) para gozar das actividades que se desenvolverán durante os tres días, até o domingo 14. Os asistentes, nun nivel técnico, poderán navegar a unha velocidade de 10 Gbps (grazas á rede de cable de fibra óptica despregada por R o ano pasado: un equipamento de 120 metros de lonxitude dende Vigo até o pavillón), así como aprender, intercambiar coñecementos e divertirse coas ducias de actividades previstas. Nesta edición celebraranse máis de dez torneos de videoxogos, así como nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drons. Ademais, haberá máis conferencias, obradoiros formativos e alternativas de lecer. Por outra banda, a organización lembra que a nova entrega do encontro XGN R Encounter tamén artellará a súa actividade en dous ámbitos complementarios: por unha banda a zona denominada “Intranet”, orientada aos inscritos (onde gozarán dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos) e, pola outra, a área “Extranet”, a contorna aberta ao público en xeral, que acubillará un completo programa ao que poderán acceder de balde tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.
Conexións (en todo o senso do termo) con Euskadi e Galicia
Como lembraremos, a XGN R Encounter vinculouse o pasado ano á rede de Encounters de Euskaltel, que vén desenvolvéndose desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense. De feito, a incorporación como patrocinadora e colaboradora da empresa de telecomunicacións R, integrada no Grupo Euskaltel, permitiu este irmandamento entre os seareiros á informática de ambas as comunidades, e permitiu un enriquecemento mutuo de coñecementos e experiencias.
Actividades para inscritos e visitantes
Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital, nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e a programación. Haberá competicións (para que abrolle o talento creativo dos participantes), obradoiros, conferencias e unha ampla listaxe de accións para os seareiros do hardware. Entre elas, a modificación, cambio e personalización dos equipos de cada quen, “para mellorar a súa estética ou as súas prestacións”, sinalan os organizadores, que engaden que tamén se dará acubillo a granxas de impresoras en 3D e a un espazo adicado á robótica (os talleres Crea R), onde a rapazada poderá introducirse de cheo na montaxe destes enxeños electrónicos. O programa tamén inclúe unha charla (Nativos R) dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven co xente que si que o fixo. Ambas as iniciativas enmárcanse no programa Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do que R forma parte.
Inscricións
O prezo de inscrición á XGN R Encounter é de 40 euros durante a party e de 35 euros levándose a cabo mediante reserva previa, a cal aínda se pode realizar xa que quedan algunhas prazas libres, explican as entidades impulsores da xuntanza informática, que tamén engaden que será posible participar no evento mediante as entradas de día, que teñen un custo de 10 euros, e que poderán ser adquiridas no mostrador de acreditación, aínda que non dan dereito a conectar un ordenador na party (en todo caso, quen desexe achegarse a Silleda como espectador terá acceso libre e de balde).
O Concello de Brión organizará un curso gratuíto de Word e Excel para persoas desempregadas, que se vai desenvolver ao longo de 40 horas lectivas a partir do vindeiro 6 de novembro. Segundo informan fontes do Goberno local, trátase dun obradoiro de formación que busca que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade. Para quen queira máis información, o Concello habilitou un PDF cos datos ao completo.
As clases impartiranse na aula CEMIT de Brión os martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas. A inscrición estará aberta ata o 19 de outubro na Casa da Cultura de Brión, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com.
Para quen non o saiba, Microsoft Word e Microsoft Excel son dous elementos integrantes (dous elementos clave) da suite de Office, e están presentes nunha manchea de contornas laborais de todos os sectores. O primeiro é o procesador de textos de Microsoft Office e o segundo é o programa de folla de cálculo de Microsoft Office (empregado para gardar todo tipo de datos, desde información financeira a listaxes).
Segue adiante, a lume de carozo, o programa de actividades da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) destinado a derrubar os estereotipos e as falsas crenzas tecnolóxicas que impiden ás mozas o libre acceso ás carreiras TIC: o programa Girl STEM. A fórmula elixida para acadalo? Pois algo tan sinxelo e eficaz como deixar que mulleres referentes tecnólogas e científicas dean conta das posibilidades de enriquecemento da súa escolla ante a nosa mocidade, e contribúan a eliminar mitos. Desta volta tócalle á química e divulgadora científica Deborah García Bello (A Coruña 1984), unha das maiores referentes no seu ámbito en España e no mundo (con máis de 30.000 seareiras e seareiros nas redes sociais).
En concreto, Deborah asistirá á sesión que terá lugar o luns, 8 de outubro, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, entre as 16:10 h e 17:50 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Deborah García contará a súa propia experiencia e falará sobre fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto.
Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia AMTEGA
Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos. Esta química e divulgadora científica é colaboradora de Televisión Española e Televisión de Galicia. Ten a súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega. Escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L’’ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.
Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.
É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.
A tecnoloxía é un gran aliado para lograr que persoas con discapacidade e maiores poidan ter un fogar adaptado ás súas necesidades. Con todo, en moitos casos ese proceso require un investimento que algunhas persoas non poden permitrse.
Por esta razón, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) presentou unha serie de medidas que teñen como obxectivo axudar a que as persoas con discapacidade e as persoas maiores poidan acceder a unha vivenda adaptada ás súas necesidades.
Entre estas medidas inclúense axudas económicas para realizar as adaptacións nas vivendas que, a través da tecnoloxía, permitan facer máis accesibles os fogares.
Con todo, as demandas que o Cermi expuxo ao Goberno van máis aló, e inclúen obrigar ás comunidades de veciños a realizar as obras necesarias para facilitar a entrada e saída do fogar a persoas con discapacidade e maiores.
A entidade tamén propón a creación dunha bolsa de vivendas accesibles que poidan ocupar as persoas con discapacidade mentres se realizan as adaptacións no seu fogar; ou a creación de distintos incentivos fiscais para acometer estas obras.
No fondo, o obxectivo da proposta é facilitar que as persoas con discapacidade e as persoas maiores poidan acometer as modificacións necesarias no seu fogar que poidan favorecer a súa independencia e autonomía.