main content

main content
11/10/201808:10
Inauguración da xornada #IURISTICGAL18.
Santiago de Compostela

Rueda e Pereira salientan en #IURISTICGAL18 o gran chimpo adiante que experimenta a xustiza da man das TIC

Non hai nada que indique que vaia cesar o debate, a reflexión e o intercambio de coñecemento arredor dos moitos puntos onde conflúen TIC e xustiza. Proba diso é a gran repercusión que ten a nova edición, a oitava, de #IURISTICGAL18, a Xornada de Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia coa colaboración da AMTEGA, este ano co título Privacidade, blockchain e ciberseguridade. A cita desenvolveuse onte no edificio CINC da Cidade da Cultura, ante a presenza de preto dun cento de asistentes. 

No acto de inauguración fíxose fincapé nos retos que achega a protección en liña, a salvagarda dos datos ou os novos xeitos seguros de transmitir información e diñeiro dixital (criptomoedas). “Todo o que se faga a prol destes ámbitos, repercutirá positivamente na cidadanía”, sinalouse.

Na sesión de apertura participaron Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, Mar Pereira, directora da axencia AMTEGA, e Marcos Mata, o presidente do CPETIG. Segundo fixo saber este último, “xa non podemos ficar á marxe da protección dixital e dos seus retos principais, nin podemos interromper o debate arredor do regulamento actual de protección de datos”. Mata tamén aproveitou para reivindicar o importante papel que despregan nestes ámbitos as e os profesionais que representa o colexio, as Enxeñarías en Informática, e fixo unha nova proclama a prol do pleno recoñecemento da profesión respecto das restantes enxeñarías, un tema no que, por desgraza, cómpre seguir traballando. 

Na inauguración tamén interveu Mar Pereira, que cualificou a xornada “como un máis que necesario punto de debate sobre o punto de encontro entre o xurídico e o tecnolóxico”, onde se poñen de manifesto unha serie de retos que a axencia AMTEGA comparte plenamente. Por exemplo, o desafío da dixitalización da xustiza e o reto dos ciberdelitos e o seu imparable crecemento. Asemade, salientou o “primeiro nivel” dos relatores e a “plena actualidade” dos temas a tratar, con asuntos de gran interese como os sistemas blockchain, unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información.

Na apertura tamén participou Alfonso Rueda, que enxalzou a colaboración que hai hoxe en día, “ao longo de todo ano”, co CPETIG, principalmente á hora de facer cousas tecnolóxicas e innovadoras que son “de interese público e común”. Asemade, o vicepresidente dixo que nunha xornada de asuntos tan avanzados como a Xornada de Informática Xudicial é inevitable ollar cara a atrás e facer balance do acadado nestes anos en materia de dixitalización, un proceso no que xogou un papel decisivo o Plan Senda da Administración autonómica, que está arestora mergullado na súa segunda parte e que xa supuxo a posta en xogo dun investimento de 50 millóns de euros. Segundo fixo saber, “a Administración de Xustiza será unha das que máis fará notar estes cambios tecnolóxicos tan relevantes”. E engadiu: “En moi poucos ámbitos administrativos poderá percibirse dunha forma tan clara este antes e este despois do proceso dixitalizador”. 
 

Relatores
Trala inauguración interveñen Santiago Márquez, Luis de Salvador, Silvia Barrera e Eloy Velasco. Logo, será a quenda da mesa redonda Quo Vadis seguridade TIG-xurídica?, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada. 
O congreso, segundo informamos os días pasados, ten por obxecto “profundar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas”. 

Para quen non o saiba, o blockchain é unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información. Segundo avanza nun plano máis concreto o CPETIG, falar de blockchain é falar da tecnoloxía de cifrado de datos que está detrás da moeda virtual bitcoin. Porén, engade o colexio, as súas posibilidades van máis aló, e tamén serve para crear outras criptomoedas que se baseen nos mesmos principios, pero que teñan outras propiedades (política, algoritmo, etc.).

A edición deste ano da Xornada de Informática Xudicial abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros acotío, “no que representa”, en palabras do CPETIG, “unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes”. Para a entidade profesional que preside Marcos Mata, unha das cuestións máis innovadoras deste diñeiro virtual radica na súa tecnoloxía base, a rede blockchain, que permite dotar da máxima seguridade a contornos públicos e descentralizados.

11/10/201808:10
Logo Simpático.
Santiago de Compostela

Ategal, Cogami e Fegaus protagonizan a sesión inaugural da nova fase do Proxecto 'Simpático'

A sede central en Santiago de Compostela da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) da Xunta de Galicia, acolleu este venres a sesión inaugural da segunda fase do proxecto europeo 'Simpático'. Nela participaron alumnos e socios e socias das Aulas Senior de Galicia (Ategal), Fegaus e Cogami.
 
En concreto, unha trintena de persoas maiores, discapacitadas ou maiores con discapacidade, realizaron unha proba piloto desta nova fase do 'Simpático' e un posterior protocolo de formación co obxectivo de mellorar o acceso á administración electrónica.
 
As probas repetiranse a próxima semana, o 8 de outubro, en Ategal Coruña e do 16 ao 18 de outubro, en Ategal Santiago de Compostela e realizaranse con e sen ferramentas específicas propias deste proxecto continental.
 
Faise así, explica a directora de Ategal, Paula Sande, 'para poder valorar e comparar a execución de cada persoa e os resultados individuais e colectivos e, desta forma, engadir ao informe e conclusións finais'.
 
O proxecto 'Simpático' desenvólveno en España, entre 2017 e 2020, Deusto Hibérica e a Xunta e a súa finalidade é achegar as administracións públicas á cidadanía a través de servizos online amigables (e-administration).
 
Proxecto europeo
En Galicia, Ategal, Cogami e Fegaus son as entidades coas que a Xunta de Galicia mantén un convenio de colaboración para a realización das súas actividades. As tres serán as responsables de testar os resultados e impactos das ferramentas desenvolvidas no marco do proxecto a través da réplica do programa de benestar en balnearios e a orde de axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade.
 
No consorcio participan á súa vez as Universidades de Sheffield e Deusto, a Fundación Bruno Kessler e as enxeñerías HI Iberia, Sparta Dixital e Business Engineering.
11/10/201808:10
Cartel da iniciativa.
Pontevedra

A cidade de Pontevedra acollerá o III Fórum RIES18

  • 'Cidades intelixentes, saudables e amigables' é o lema deste encontro que se celebrará do 24 ao 26 de outubro

 

O III Fórum RIES18, baixo o lema 'Cidades intelixentes, saudables e amigables', celebrarase do 24 ao 26 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Organizado polo Cluster da Saúde de Galicia (CSG), e grazas ao éxito de edicións anteriores, este encontro preséntase como un marco de discusión sobre os novos métodos de relación sociosanitaria, os modelos de negocios orientados ás persoas e aqueles servizos enfocados nos cidadáns. 
 
O evento está aberto aos todos os membros do CSG, profesionais da saúde, empresas, usuarios e todos aqueles grupos interesados ou vinculados á saúde. Segundo explica Lucía Saborido, presidenta do comité organizador, "esperamos que os relatores seleccionados, así como os paneis de expertos, talleres e visitas que conforman o programa cumpran coas súas expectativas, mentres os convidamos a participar neste foro para favorecer un ecosistema que fomente un proceso de innovación social que teña o cidadán como o seu eixo central".
 
Fórum RIES18 complétase coas exposicións e relatorios dun equipo de expertos relacionados coa rede europea de ecosistemas de saúde á cal pertence o CSG e que lideran a rexión de Galicia; varios debates de carácter rexional, nacional e europeo sobre tecnoloxías ou proxectos actuais e de futuro en saúde; e diversos talleres prácticos ao redor das principais temáticas do encontro: os avances tecnolóxicos na mellora da saúde, mobilidade, tecnoloxía, relacións interxeneracionais, envellecemento activo e outros.
 
No programa desta edición destaca a presenza, entre outros expertos, do profesor e investigador da Paris I-Pantheon Sorbonne e presidente de InTI (Innovación, Tecnoloxía e Investimento), Carlos Moreno, e da fundadora e presidenta do Israel Smart City Institute, Edna Pasher, que falarán sobre tecnoloxías da información ao servizo da saúde neste tipo de urbes.
10/10/201814:10
Xornada de
Santiago de Compostela

Celebrada a terceira xornada de asesoramento sobre os servizos de internet "Non tolees coa Wifi"

No marco do convenio de colaboración entre a AETG e a Amtega, durante este mes de outubro celebramos una serie de xornadas en distintos puntos da xeografía galega a través da rede de centros CeMIT da Xunta de Galicia, sobre os servizos de Internet disponibles no mercado. O contido das xornadas, cunha duración aproximada de dúas horas cada unha, está baseado en conceptos tales como tipoloxía de tecnoloxías de acceso á internet existentes, conexións precisas para os distintos usos de internet, redes e operadores presentes en Galicia, canais dispoñibles para reclamacións, organismos competentes neste ámbito e normativa existente.

Esta tarde a partir das 17 horas, terá lugar na aula CeMIT de Sarria a última destas xornadas que será retransmitida por videoconferencia no CeMIT de O Vicedo. O colexiado Javier Fernández Fraga é o encargado de impartir esta serie de seminarios dirixidos principalmente a técnicos municipais, no que teñen cabida os usuarios de internet en xeral.

10/10/201808:10
Presentación da web en Cambados.
Cambados

O Concello de Cambados lanza unha nova web ao servizo da mocidade

O Concello de Cambados segue a ampliar os seus horizontes dixitais, avanzando nun proceso de renovación ou creación de páxinas que xa atinxiu (recentemente) ao seu obradoiro de emprego, entre outros servizos e departamentos. Esta liña de traballo (en palabras do Goberno local “un xeito de achegar á veciñanza o traballo municipal”) vén de abranguer tamén a web da Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, que irrompe na Internet para converterse “nun escaparate no que a mocidade descubra e coñeza servizos nos que que non repararía se non fose pola súa presenza en liña”. Podémola ver en http://omix.cambados.es.

A OMIX, situada no centro sociocultural da Merced, é a casa da xuventude de Cambados, e ofrece actividade tanto de formación a través de diversos cursos, como de información sobre os máis diversos eidos de interese da mocidade. Até o de agora, o labor comunicativo e participativo da OMIX levábase a cabo principalmente a través do seu perfil de Facebook e (tamén) na sección de seu da web municipal, pero a idea era permitir que dese, con esta páxina propia, un “salto de calidade”. Segundo engade o Concello, “trátase dunha páxina que nace con vocación de servizo e que servirá por exemplo como axuda aos mozos e mozas que queiran poñer en marcha unha idea e precisen ese asesoramento sempre necesario”. 

A web, entre outros recursos, conta cunha ferramenta para axudar a confeccionar un currículo en liña, e para solicitar unha serie de carnés que aportan varias vantaxes como o carné xove, estudante ou de familia numerosa. Tamén se informará no sitio en liña de todas as actividades e eventos organizados polo Concello neste ámbito, coma cursos, obradoiros, xornadas de lecer alternativo ou concertos xuvenís.

O desenvolvemento desta web, así coma das outras webs temáticas, foi levado a cabo por persoal municipal, empregando ferramentas de balde, polo que non supuxo ningún custe para as arcas municipais.

10/10/201807:10
Cartel da iniciativa.
Ferrol

A UDC pescudará nunha xornada na dupla vertente da innovación: social e tecnolóxica

O Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía (Campus de Ferrol) vai acoller unha xuntanza que pescudará nos múltiples espazos de contacto (e de interactividade) entre os estudos humanísticos e os saberes tecnolóxicos. Trátase doEncontro sobre Innovación Social e Innovación Tecnolóxica, impulsado polos dous campus da UDC e concibido como unha xuntanza aberta a estudantes e profesionais interesados nos múltiples xeitos de ollar cara adiante dende a ciencia, a investigación e as novas tecnoloxías (o que se coñece hoxe, precisamente, como innovación). Proporcionarase un diploma acreditativo de asistencia aos participantes.

Entre os relatores convidados atópase Javier Echeverría (catedrático, investigador no Centro de Innovación Social da Universidade do País Vasco, doutor en Filosofía pola Universidade Complutense e Docteur d''Eta-ès-Lettres et Sciences Humaines pola Sorbona), Elena Castro Martínez (científica titular de Organismos Públicos de Investigación, adscrita ao Consello Superior de Investigacións Científicas, amais de doutora en Química Industrial pola Universidade Complutense de Madrid e investigadora do Instituto de Xestión da Innovación e do Coñecemento), Jorge Barrero (director xeral da Fundación COTEC, licenciado en Bioquímica pola Universidade de Salamanca e mestrado en Estudos de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade pola dita institución académica) e Valentín Fernández García (membro impulsor da plataforma de crowdfunding Telefónica Open Future, é actualmente asesor senior en innovación aberta e mentor e investidor en startups).

O encontro celebrarase o 24 de outubro, a partir das 10.00 da mañá, co relatorio de Javier Echeverría: Filosofía da innovación e valores sociais nas empresas. A continuación, será a quenda de Elena Castro Martínez, coa conferencia Sistemas de innovación: Innovación no sector cultural. Pola tarde, Jorge Barrero falará de Innovación para un futuro máis humano e Valentín Fernández García (Telefónica Open Future) de Innovación aberta: A experiencia de Telefónica.

10/10/201807:10
Cartel da iniciativa.
Silleda

XGN acollerá a presentación das aventuras científico-espaciais do proxecto Hamsternauta

Esta finde, do 12 de outubro en adiante, imos ter unha boa oportunidade para avanzar nos nosos coñecementos de informática... e tamén de ciencia espacial. E de que maneira? Pois da man dos demais usuarios informáticos, que é, a fin de contas, un dos mellores xeitos de aprender. Estamos a falar da party galega XGN R Encounter, que comeza este venres 12 a súa décimo oitava edición e que, segundo informan as entidades impulsoras do encontro (o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, a firma R e a Consellería de Política Social), virá máis potente ca nunca. Amais de todas as cousas que avanzamos onte, celebrarase a presentación oficial do proxecto educativo Hamsternauta, que chega á súa primeira convocatoria aberta. 

Trátase, como lembraremos, dunha iniciativa dirixida a centros educativos e a familias, ben sexa a través de colectivos ou individualmente. Consta de tres fases baseadas en enxeñaría e na resolución de problemas semellantes aos que se enfrontan as misións aeroespaciais reais. O seu obxectivo, tal e como nos contan os seus impulsores, é “educar, divertir e inspirar a nenos de toda Galicia”. Está patrocinada entre outras empresas e organismos por ABANCA, R-Cable e AFundación. Na cita de Silleda, Hamsternauta presentará HANA I, a primeira misión espacial concibida para nenas e nenos e centros educativos. Nun plano máis concreto, Hamsternauta quere achegar á rapazada de Primaria e Secundaria ao Espazo, mediante un concurso que expón retos baseados en misións reais. Para logralo deberán superar tres misións nos que un hámster virtual debe sobrevivir ás condicións que existen máis alá do noso planeta. A presentación terá lugar no marco do evento informático XGN R 2018, que se celebrará os próximos venres, sábado e domingo nos pavillóns 1 e 3 da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda. O acto será dirixido por Frankie Gómez, fundador e organizador de LaconNetwork, a iniciativa que actúa como principal impulsora do proxecto Hamsternauta. A primeira edición deste leva como lema O espazo empeza aquí

A actividade inclúe tres misións inspiradas en retos reais da ciencia aeroespacial: construír e manexar un rover a distancia; deseñar un foguete de dúas etapas que deberá voar e recuperar a fase habitable; e finalmente, lanzar unha sonda ao límite da atmosfera e traela de volta. En todas estas misións, transportarase un simulador de vida co peso dun hamster, que deberá sobrevivir a cada unha delas, quedando eliminados os colexios que non logren cumprir os retos.

No proxecto colaboran unha manchea de enxeñeiros e técnicos, que ademais de asesorar cientificamente á iniciativa, son os encargados de deseñar as pezas precisas para que a rapazada e o profesorado poidan levar a cabo as misións. Segundo lembran as entidades impulsores da propostas, o ex-astronauta e actual ministro de Ciencia, Educación e Universidades Pedro Duque, mostrou o seu interese e apoio á iniciativa durante a presentación de Hamsternauta no STEMlab Galicia. As inscricións poderán realizarse a partir do venres día 12 en https://www.hamsternauta.com.

10/10/201807:10
David Aguilar.
Santiago de Compostela

David Aguilar mostrará en Galicia Maker Faire como mellorar a nosa calidade de vida coa fórmula Maker

Xa vai quedando menos para a cuarta edición da Galicia Maker Faire, a gran feira galega do coñecemento, das habilidades tecnolóxicas para compartir e da metodoloxía, apicada á innovación e ao desenvolvemento, de “se queres, podes facelo” (o que se coñece como movemento Maker). A cita, que se vai celebrar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 23 ao 25 de novembro, contará (segundo puidemos saber este mes) coa presenza do mozo andorrano David Aguilar, un referente mundial en materia de “autosuperación e creatividade”, xa que foi quen de construír un brazo protésico artellado con pezas Lego, grazas ao cal conseguiu recuperar a mobilidade da súa man. 

David, quen naceu cunha malformación no brazo, iniciou o seu proxecto de extremidade artificial con apenas nove anos, a partir de pezas básicas de Lego mesturadas con elementos doutros xoguetes robóticos e unhas pinzas. Os traballos foi quen culminalos con 18 anos de idade, a partir dun brinquedo-helicóptero da súa marca favorita. “Cando movo o brazo a man ábrese e péchase, o que me permite coller obxectos lixeiros e tamén flexionalo”, explica. O brazo foi bautizado como o MK1, ao que máis tarde lle seguiría o MK2, quen ten a súa orixe nun avión Lego. O MK2 é un modelo máis avanzado que inclúe unha batería que lle permite automatizar movementos e a carga de obxectos máis pesados. Dende fai tan só unhas semanas, xa conta cunha versión nova do brazo, o MK3, feito a partir dunha grúa Lego de máis de 4.000 pezas. David Aguilar foi nomeado embaixador do Grao de Bioenxeñería da Universidade Internacional de Cataluña (UIC) e foille outorgada recentemente en París a medalla de prata da Liga Universal do Ben Público polos seus servizos á humanidade. 

Tamén compartirá coñecemento cos asistentes Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ou o venezolano José Luis Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas nas que sostén, entre outras cousas, “que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán quen de deter o envellecemento e mesmo a morte nunha media de 30 anos vista”. 

A Galicia Maker Faire, en palabras dos organizadores “a maior feira de inventores do mundo”, ten o obxectivo de achegar un escaparate “para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas” e que aglutina creatividade en ámbitos como a gastronomía, a robótica, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía. Segundo engaden o impulsores do cita, ilustrándonos acerca das repercusións e fitos acadados pola mesma, durante as edicións de 2015, 2016 e 2017 acudiron máis de 30.000 asistentes e ao redor de 500 argalleiros expuxeron os seus proxectos.

As entidades organizadoras (Vermis Project, O Gato Cósmico, a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago) coinciden ao afirmar que nesta cuarta entrega proseguirase a devandita proxección ascendente do acontecemento, presentándose como “a confirmación definitiva da feira máis importante da Península” na súa materia, tanto en número de argalleiros como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de cidades como Roma e París. Durante o evento o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas serán as de MakerMinimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 12 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc).

09/10/201814:10
Mar Pereira na anterior inauguración de  #IURISTICGAL17.
Santiago de Compostela

Alfonso Rueda e Mar Pereira inaugurarán a oitava Xornada de Informática Xudicial

Mañá temos unha cita coa protección en liña e todos aqueles recursos cos que contamos (e poderemos contar) para gañarmos en eficacia, comodidade e compatibilidade á hora de salvagardar a información e as canles que permiten acubillala e compartila. Estamos a falar de #IURISTICGAL18, a oitava Xornada de Informática Xudicial que organiza o CPETIG coa colaboración da AMTEGA, este ano co título Privacidade, blockchain e ciberseguridade

A cita será inaugurada ás 9.30 horas, no auditorio 2 do edificio CINC da Cidade da Cultura, por Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, Mar Pereira, directora da axencia AMTEGA, e Marcos Mata, o presidente do CPETIG. Trala inauguración intervirán Santiago Márquez, Luis de Salvador, Silvia Barrera e Eloy Velasco. Logo, será a quenda da mesa redonda Quo Vadis seguridade TIG-xurídica?, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada. 

O congreso, segundo informamos os días pasados, ten por obxecto “profundar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas”. 

Para quen non o saiba, o blockchain é unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información. Segundo avanza nun plano máis concreto o CPETIG, falar de blockchain é falar da tecnoloxía de cifrado de datos que está detrás da moeda virtual bitcoin. Porén, engade o colexio, as súas posibilidades van máis aló, e tamén serve para crear outras criptomoedas que se baseen nos mesmos principios, pero que teñan outras propiedades (política, algoritmo, etc.).

A edición deste ano da Xornada de Informática Xudicial abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros acotío, “no que representa”, en palabras do CPETIG, “unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes”. Para a entidade profesional que preside Marcos Mata, unha das cuestións máis innovadoras deste diñeiro virtual radica na súa tecnoloxía base, a rede blockchain, que permite dotar da máxima seguridade a contornos públicos e descentralizados.

Para presentar unha visión integral do entorno, #IURISTICGAL18 reunirá un panel de expertos nas distintas materias. Santiago Márquez Solís, CTO en Clluc e autor do libro Bitcoin: guía completa de la moneda del futuro, ofrecerá o relatorio Blockchain e a lei. Pola súa banda, Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, falará de Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información, e Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional, intervirá sobre Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital, completándose o panel de relatores con Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, e a súa intervención Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria. É suficiente? Como podemos mellorar?
A xornada rematará coa mesa redonda Quo vadis seguridade TIC-xurídica?, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico de IURISTICGAL18. Finalmente, unha comidanetworking, á que asistirán os relatores e o público participante, porá o remate á xornada.

19/10/2018De 12:00 a 13:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Sede da Fundación Barrié da Coruña

Relatorio Girl STEM: Derrubando estereotipos

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), queren reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes nos estudos dos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para isto, poñen en marcha o programa 'Girl STEM: derrubando estereotipos', que se desenvolverá en sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, farán chegar a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS