A Comunidade 'Conectados pola Accesibilidade' impulsada pola Fundación Vodafone comunicou a lista dos proxectos elixidos na última convocatoria de Proxectos de Transformación Dixital para afrontar o reto da transformación dixital accesible aos colectivos con discapacidade.
O obxectivo desta nova edición é o de apoiar iniciativas baseadas na innovación tecnolóxica aplicada ás persoas con discapacidade, favorecendo a súa plena inclusión para así aumentar a súa participación social e a visibilidade destes colectivos.
Nesta oportunidade a convocatoria contou cun orzamento de máis de 250.000€ no que cada proxecto seleccionado recibirá ata 15.000€ de axuda para desenvolver o seu proxecto de transformación dixital.
Destacan, entre os seleccionados, proxectos que queren facerse valer da Realidade Virtual como ferramenta principal polos beneficios que esta tecnoloxía brinda ao usuario. Tanto para poder crear novas contornas e escenarios de estimulación sensorial, como tamén para realizar terapias de rehabilitación personalizadas.
Tamén se abordarán, mediante o desenvolvemento tecnolóxico, retos que teñen que ver co turismo accesible, a cultura accesible, a saúde e os dereitos das persoas con discapacidade.
Gañadores da edición 2017
Na edición anterior, os proxectos gañadores de entre os 22 que participaron foron:
Estes proxectos recibirán máis de 250.000 euros para o seu desenvolvemento grazas ás axudas concedidas pola Fundación Vodafone España. Cada un dos proxectos seleccionados percibirá ata 15.000 euros.
Na selección dos candidatos, a comunidade 'Conectados pola accesibilidade' tivo en conta, tanto a innovación como a escalabilidade e a sustentabilidade de cada unha das ideas presentadas, que foron 58.
Entre os proxectos seleccionados destaca a aposta pola realidade virtual, ou aqueles dirixidos ao turismo accesible, a cultura accesible, a saúde e os dereitos das persoas con discapacidade.
A comunidade 'Conectados pola accesibilidade' está formada pola Fundación Vodafone España e unha serie de organizacións que traballan para mellorar a vida das persoas con algún tipo de discapacidade.
O mosteiro de San Salvador, no municipio ourensá de Celanova, acolleu onte a presentación dos proxectos participantes na terceira edición do coworking impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento de 19 iniciativas empresariais.
Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Xunta para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs).
Os 22 emprendedores que desenvolveron os 19 proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por diferentes ámbitos de actividade, como os servizos tecnolóxicos apoiados nas TIC, o sector da moda ou os servizos relacionados coa valorización de recursos do territorio, como turismo ou os produtos alimentarios.
Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 44 iniciativas de 64 novos empresarios, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial. Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.
Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking da Ribeira Sacra, Costa da Morte, A Mariña lucense e Ferrolterra, nos que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento.
O correo electrónico é un dos medios de comunicación indispensables para realizar moitas das xestións dispoñibles a través de Internet, darse de alta en servizos como as redes sociais, etc.
Neste curso aprenderemos o uso do correo electrónico e as posibilidades que nos ofrece.
Contidos
Aprende a usar o teu correo electrónico!
A operadora R vai organizar esta finde un novo obradoiro de robótica para a rapazada. Desta volta, a cita (inserida no programa Digitalent 2020 da axencia autonómica AMTEGA) será en Baiona e estará novamente dirixida a nenas e nenos de entre 7 e 15 anos. A actividade formativa é de balde e nela os asistentes terán unha oportunidade de ouro para iniciarse na creatividade tecnolóxica e ir enfiando o seu talento cara este eido, un ámbito de importantes posibilidades creativas, dixitais, sociais, laborais e persoais.
R retoma o fío dos seus talleres logo das experiencias do ano pasado, no que a operadora de raizame galega percorreu máis dunha vintena de localidades das nosas catro provincias. O periplo recomezou os días pasados, na feira de emprendemento innovador Pont Up Store de Pontevedra, e agora prosegue coa recalada en Baiona, á que lle seguirán citas análogas en Silleda, Ribadeo, Tui, Caldas, Porriño e Santa Comba. En Baiona a actividade desenvolverase no Centro Multiusos Ángel Bedriñana (rúa Carabela Pinta, 20), onde se desenvolverán tres obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces. Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 a 11 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas, rapaces de 12 a 15 anos rematarán esta xornada coa que sobre todo se procura que aprendan mentres se divirten.
Durante o obradoiro, os cativos van crear un prototipo tecnolóxico botando man de placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. Segundo informa a operadora, na actividade entrará novamente en xogo a iniciativa Crea R, buscando achegar á rapazada, “dun xeito natural e divertido”, a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. A finalidade de Crea R é que “os nenos desenvolvan e potencien a súa creatividade, que esperten o seu espírito emprendedor ao tempo que adestran habilidades importantes como o traballo en equipo e a comunicación”. Ademais, explica a empresa de telecomunicacións, procúrase que “deixen de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e boten man dela, desta volta, para crear e aprender”. Para acadalo, Crea R conta coa bagaxe do método educativo de Líbolis, Pequenos Emprendedores, en palabras da empresa “a única escola de emprendemento na nosa Comunidade”. Para quen non o saiba, cada un dos talleres de robótica programados está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, completamente gratuíta, só teñen que solicitar unha entrada na tenda R de Baiona (Marqués de Quintanar, 27) onde se entregan dende o pasado día 25 e ata o 5 de outubro.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou esta mañá en Santiago de Compostela, durante a inauguración da xornada O emprego do futuro, que a formación é o mellor investimento que poden facer as empresas galegas para afrontar os retos da Industria 4.0 e anticiparse, así, ao emprego que vén.
Esta xornada, na que participaron expertos que analizaron as tendencias do futuro mercado laboral ou as principais demandas profesionais das empresas, tiña como obxectivo poñer sobre a mesa as principais oportunidades de traballo que a 4ª revolución industrial, ligada á dixitalización e a automatización, vai ofrecer.
Na súa intervención o conselleiro insistiu na necesidade de que empresas e profesionais se aliñen para afrontar estes novos retos e de que as Administracións e institucións académicas ofrezan as ferramentas que permitan dar resposta ás demandas tanto da sociedade como das empresas e garantir a empregabilidade dos galegos e galegas a través da formación en novos perfís profesionais. Neste sentido, asinarase proximamente un acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago para a análise e seguimento do impacto da automatización na economía galega.
Ademais, o conselleiro insistiu na necesidade de apostar por unha formación continua e dual que permita contar con traballadores cualificados. Por este motivo, o Goberno galego conta con medidas que van neste camiño, cunha formación adaptada e á carta. Así enumerou programas como as Unidades Formativas, os plans específicos para o naval, a automoción ou o forestal ou os obradoiros duais. Iniciativas que se complementan con outras que pretenden potenciar e captar talento para o ecosistema innovador galego.
Conde finalizou instando a Administración, empresas, institucións académicas e traballadores a deseñar unha estratexia común que permita a Galicia adaptarse ao novo paradigma con profesionais capaces de afrontar os novos retos.
O 60% das empresas TIC galegas sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa. A pesar destas dificultades, o 24,4% das empresas TIC galegas ten previsto contratar novo persoal relacionado co ámbito tecnolóxico nos vindeiros anos, un 4,3% máis que o ano anterior.
O informe sinala que preto do 34% do persoal do sector ten titulación de grao superior ou media e o 27,2% dos empregados posúe ciclos formativos relacionados coas TIC.
Así se recolle no “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2018” que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Cifras macroeconómicas do sector TIC positivas
O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.579, o que supón a creación de 142 novas entidades (un 5,8% máis) e mantén a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas tecnolóxicas.
O sector TIC galego deu emprego a 16.866 traballadores no ano 2017, un 4,8% máis que o ano anterior. O volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.643 millóns de euros no ano 2017, cun aumento do 4,8% con respecto ao ano 2016.
Actividades de I+D+i
O estudo sinala que unha de cada tres empresas TIC galegas (o 34%) realizaron actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos, medrando en 3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Entre as empresas TIC que realizaron actividades I+D+i, un 65,2% obtivo resultados comercializables. Cabe salientar que se incrementa, tamén, a cooperación entre empresas para realizar actividades de innovación, superando o 20%.
Cara unha Internet móbil e ultrarrápida
Un ano máis increméntase a velocidade de conexión a Internet que teñen contratadas as empresas TIC galegas, de xeito que o 56% posúe xa velocidades superiores a 100 Mbps, un 9,8% que ao ano anterior.
A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas é a banda larga móbil, presente en máis da metade das empresas do sector (54,2%) cun aumento do 26,6% no último ano.
En conexión directa co incremento da contratación de banda larga móbil, obsérvase que crece a porcentaxe de empresas TIC galegas que encargaron un desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles (do 12,1% ao 15,5%) e as que ofrecen este servizo (do 28,9% crece ata o 31,1%).
Madurez tecnolóxica
Continúa o incremento dos envíos de facturas electrónicas, acadando o 44% no último ano, un 14,3% máis que o ano anterior. Neste ano tamén aumentaron tanto a dispoñibilidade de ferramentas ERP nas TIC galegas (do 29,8% ao 32,2%), como as ferramentas CRM (do 29,3% ao 31,4%).
A presenza en redes sociais crece ata o 42,4%. Respecto ao comercio electrónico, o 26,1% das empresas do sector vendeu a través de Internet, un 6,1% máis que o ano anterior.
Tres de cada catro empresas TIC galegas (76%) realiza trámites coas administracións de xeito electrónico, 5,5 puntos porcentuais máis que o ano anterior. Ademais, o 63,4% das empresas TIC galegas empregan a sinatura dixital, cun crecemento de 9,9 puntos porcentuais no último ano.
Nesta edición da enquisa ás empresas TIC de Galicia é especialmente significativo o auxe das tecnoloxías Cloud, que facilitan as empresas o uso de recursos compartidos e configurables a través da rede. O 56,3%, emprega servizos Cloud, 12,4 puntos máis respecto ao ano anterior.
Perspectivas futuras
Un 45,6% das tecnolóxicas galegas consideran que a súa situación é de consolidación e un 16,7% de expansión. En relación á situación do sector TIC para os vindeiros tres anos, unha de cada tres empresas TIC galegas percibe que a evolución do sector será expansiva nos próximos tres anos (36,4%), e preto da metade considera que a evolución continuará estable (49%).
No apartado de formación, aumenta lixeiramente ata o 32,5% a porcentaxe de empresas do sector TIC que formaron aos seus traballadores en tecnoloxías da información e da comunicación.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
Este 6 de outubro celébrase a nivel mundial o Día da Parálise Cerebral, e as entidades e organizacións que levan anos traballando polas mellores condicións posíbeis de vida para as persoas afectadas por esta doenza, están a pechar fileiras na Rede para conmemoralo e mostrar as grandes necesidades sociais do colectivo. Asemade, búscase poñer o foco na súa sexualidade e na súa intimidade. Con este motivo o movemento ASPACE puxo en marcha unha campaña, Non mires a outro lado, que se desenvolve no Twitter baixo o cancelo #MiraDeFrente, sendo o día de hoxe o punto álxido da campaña. O obxectivo dos colectivos estatais e tamén galegos é que o fío chegue este mércores a ser trending topic a nivel nacional entre as 12:00 e as 12:30 horas.
Amais, a Federación ASPACE Galicia e as entidades que a integran sairán á rúa en Oleiros (A Coruña), Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo e Lugo. A isto cómpre engadir o compromiso de ducias de usuarios referenciais nas redes (influencers) que xa confirmaron a súa adhesión e a súa participación na campaña. Baixo a mobilización subxace a seguinte proclama: reivindicar a sexualidade, a intimidade e afectividade destes colectivos “coma un dereito máis para vivir unha vida plena”.
A campaña acompase da canción Non mires a outro lado do grupo Ravioli Makers, un anuncio (que está a ter difusión entre as principais televisións nacionais e autonómicas) e máis un videoclip nas redes (que inclúe mensaxes reivindicativas para “eliminar ideas preconcibidas” e “concienciar á poboación sobre a importancia de normalizar a sexualidade e afectividade en parálise cerebral”).
Este mércores 3 de outubro o Movemento ASPACE fará un chamamento á cidadanía a través de redes sociais para facer viral a campaña. Amais disto, hoxe celebraranse en diferentes puntos do eido estatal varias actividades e iniciativas das 85 entidades que forman parte do Movemento. No caso galego, as asociacións membro de ASPACE-Galicia, teñen organizados os seguintes actos (sendo en todos eles un flashmob e a lectura dun manifesto as accións principais):
Ademais, o acto organizado por ASPACE-A Coruña no Concello de Oleiros contará coa presenza da nova Conselleira de Política Social da Xunta de Galicia Fabiola García Martínez.