A transformación dixital e a revolución tecnolóxica están transformando a economía e con ela tamén o mercado laboral.
A Xunta de Galicia pon en marcha o programa 'O Emprego do Futuro' para a identificación das necesidades dos sectores económicos e a capacitación e a adaptación do talento.
Con este novo programa analizaranse os novos perfís profesionais que demanda a Industria 4.0 detectando competencias e capacidades co obxecto de elaborar o catálogo de accións formativas do Emprego do futuro.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo está a impartir esta semana no concello da Pastoriza un dos cursos cos que achega, ao longo deste terceiro trimestre de 2018, as novas tecnoloxías da información e as súas principais vantaxes comunicativas e informativas aos maiores do rural. O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o alcalde de Pastoriza, Primitivo Iglesias mantiveron este mércores un encontro cos 20 participantes na actividade. A través desta acción formativa, a veciñanza do devandito concello introdúcese de cheo no manexo básico de móbil e inícianse nas utilidades de Internet, de maneira gratuíta.
A actividade insírese como dixemos no programa formativo da Fundación TIC para este terceiro trimestre de 2018. O programa vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural, incluído o concello da Pastoriza.
Os obradoiros foron dados a coñecer recentemente polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”.
O presidente da TIC fixo saber na presentación que “este trimestre haberá varias novidades”, todas co nexo común de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, “no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”, sinalou. Entre estas novidades figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil. Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.
Montserrat Guardia, directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, será unha das mulleres referentes que participe no programa galego Girl STEM, derrubando estereotipos, salientando a súa vontade de tirar abaixo os atrancos que impiden unha meirande presenza (e visibilidade) das mulleres nos eidos científico-tecnolóxicos, onde só representan o 30% do total. O programa, como lembraremos, está impulsado por AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Máis polo miúdo, Guardia asistirá á sesión que se celebrará este venres, 28 de setembro, no IES Valle Inclán de Pontevedra, entre as 12:00 e 14:00 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Montserrat Guardia desmontará diversos prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando, en palabras da organización, “datos e exemplos inspiradores”. A continuación, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto. Con estas citas do programa Girl STEM, AGASOL e AMTEGA queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia autonómica que dirixe Mar Pereira.
É a directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. Ademais, é unha gran experta en blockchain, unha tecnoloxía en claro proceso de proxección, baseada en cadeas de bloques e achegando, a nivel de operatividade para empresas e entidades, a eliminación de intermediarios para todo tipo de procesos comunicativos, trámites ou xestións, ou descentralizar o traballo das tarefas diarias, introducindo un extra de seguridade. Guardia ocupa a presidencia da Quantum Blockchain Alliance e maila vicepresidencia do consorcio Alastria.
Esta fin de semana que vimos de deixar atrás, o día 22, a feira de emprendemento Pont-Up Store chegou ao seu punto álxido, na praza de España de Pontevedra, coa entrega de galardóns que o comité organizador adica cada ano ás máis salientables iniciativas galegas de mercado nas diferentes modalidades do encontro. A iniciativa Yaracán conseguiu o premio ao mellor emprendemento coa súa proposta para facilitar terapias asistidas para mellora a comunicación de persoas con diferentes diversidades funcionais.
Yaracán, que durante a feira estableceu un acordo con Bichoh!, outra das propostas participantes (adicada ao deseño de complementos artesáns para cans), conseguiu tamén o premio na categoría de turismo, lecer e benestar. Ao acto de entrega de recoñecementos asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promocíón Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus CREA de Pontevedra pertencente á Universidade de Vigo; María del Carmen Fernández Penas, directora territorial de ABANCA en Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store. Na categoría de alimentación e restauración, a firma distinguida foi a viguesa Exga3D, unha aposta gastronómica ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos con grandes posibilidades no eido da saúde. Por exemplo, elaborando pílulas médicas con feituras e sabores de froitas ou doces; ou peixe con formas máis divertidas e gorentosas destinadas a nenas e nenos. Na Pont Up Store os responsables de Exga3D iniciaron unha alianza coa pontevedresa Natural Snack Lab, outra das participantes desta edición, que elabora snacksde froita deshidratada feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% sen conservantes, colorantes nin azucres engadidos.
Na modalidade de formación, educación, arte e cultura, o premio foi dar a Espacio Matrioska, un proxecto de dinamización, produción e axitación cultural, que levan a cabo un grupo de mozas e mozos instalados no concello ourensán de Os Brancos. Na categoría de comunicación, deseño gráfico e evento, as vencedoras foron as Mulleres Atlánticas, unha comunidade de emprendedoras nacida das reivindicacións feministas do 8 de marzo que promove as sinerxías e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas. Na vertente de enxeñarías, consultorías e outros servizos, o galardón foi dar á firma viguesa Xtonebox, que presentou unha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. No ámbito da moda, os complementos e a decoración, as gañadoras foron as impulsoras de Las Flores de Greta, empresa da área metropolitana de Vigo que presenta coleccións téxtiles elaboradas coa técnica do Ecoprint, coa que conseguen trasladar os pigmentos naturais de follas e flores a tecidos de orixe orgánica.
Na categoría de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o xurado concedeu un premio duplo a dúas empresas pola “súa implicación” nas actividades do Espazo Gaming que se estreaba nesta edición. As gañadoras son SPA-CC, que traballa no deseño de contornas visuais para videoxogos; e a asociación Gaming Troop, que agrupa a centos de seareiros do lecer dixital entre os que promove a colaboración, a competividade no bo sentido e o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo, pero sobre todo “a filosofía de pasalo ben”.
O Concello de Lugo está a facer balance dos froitos acadados co seu Centro de Emprendemento e Innovación do Concello, o CEI Nodus. Por este motivo, este 28 de setembro celébrase unha xornada de portas abertas, a partir das 10.00 horas, para “dar pulo e visualizar a intensa e ampla actividade do centro a prol do medre e a diversificación da economía local e da creación de emprego”. Na xornada, aberta ao público en xeral (incluídas asociacións e entidades de emprendemento), tamén se mostrarán en detalle as instalacións e o traballo que alí se desenvolve en asesoramento e formación. O Concello complementa esta visita cun reconto de fitos. Segundo fixo saber a concelleira de Economía Ana Prieto, o centro ten hoxe unha “elevada actividade”, amosando un 100% en materia de ocupación empresarial.
Esta porcentaxe do 100% é aplicábel aos 27 espazos-palestra (viveiro, obradoiros, laboratorios, espazos-semente e aula coworking) que se poñen en xogo para proxectos innovadores de empresas, emprendedores e asociacións.
Dende a súa posta en marcha, no ano 2004, prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que 400 colleron impulso, dando emprego a medio milleiro de persoas. Segundo engadiu Prieto, a porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%, e “unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento”.
Ana Prieto subliñou que o CEI Nodus é un dos piares das políticas de emprego do Concello, ás que o Goberno destina 3M€ no Orzamento deste ano. A día de hoxe, ten proxectos en marcha por valor de 2M€ que benefician a 250 persoas, entre os programas Empregalia, Inicia Coworking, o viveiro de empresas do CEI e da Tinería, os obradoiros de emprego e o plan Mellora Lugo. Así mesmo, “no marco do seu continuo traballo por atraer investimentos”, presentou candidatura a fondos europeos co plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social, cun orzamento de2M€ e 300 beneficiarios.
Este xoves 27 toca falar das cousas que podemos facer para que os nosos proxectos tecnolóxicos cheguen a bo porto, amais de ter entre mans un bo proxecto de saída (cousa que en ocasións non abonda para garantir o éxito: cómpre empregar metodoloxías para sacar o mellor da iniciativa e do equipo humano co que contamos). Estamos a falar do congreso #SilverBullet18, segunda edición, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, na Cidade da Cultura (auditorio do edificio CINC). A inauguración está programada para as 9.30 horas. Participan na sesión de apertura o presidente do CPETIG, Marcos Mata, e o director de Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da AMTEGA, Adrián Lence.
Trala inauguración, dará comezo a sesión na que intervirán como relatores Laurent Kummer (co-autor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM²), Rafa García (fundador de Valor 2.0 e experto en produtividade persoal e contornas colaborativas), Santiago Cabaleiro (responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017), Santiago Vázquez (director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrey, México) e Berta Candendo (responsable de Content Factory en Netex Learning, que moderará a mesa de debate).
Organizado en colaboración coa AMTEGA, o foro está concibido “como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais ligados á xestión e á dirección de proxectos tecnolóxico-dixitais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área”. Ademais, outro dos seus grandes obxectivos é derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
A razón do nome
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posible co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.
En novembro imos ter unha cita para ver e para crear tecnoloxías. Trátase da Maker Faire Galicia, a feira de enxeños e tecnoloxías maker de Santiago, unha das grandes citas argalleiras do panorama estatal e internacional (en palabras da organización, “a meirande feira de inventoras e inventores do mundo”). Segundo puidemos saber estes días, a cuarta edición da xuntanza contará coa presenza do transhumanista José Luis Cordeiro e David Aguilar, responsable da prótese Lego. A Maker Faire Galicia celébrase entre os días 23 e 25 de novembro na Cidade da Cultura, cuxa Fundación patrocina o evento, amais do Concello de Santiago (a través do programa Compostela Móvese).
A cita, un lugar de encontro para todas as persoas con independencia do seu nivel de coñecementos tecnolóxicos e da natureza da súa formación, quere xuntar nunha soa fin semana “aos creadores máis innovadores da nosa Comunidade e tamén de fóra”, incluíndo este ano a presenza de expositores e relatores de referencia a nivel internacional, coma Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ao que agora se lle suma o anuncio do venezolano José Luís Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas nas que sostén, entre outras cousas, “que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán quen de deter o envellecemento e mesmo a morte nun promedio de 30 anos vista”.
Amais, o programa tamén contará coa presenza do mozo andorrano David Aguilar, en palabras da organización un referente mundial en materia de “autosuperación e creatividade”, xa que foi quen de construír un brazo protésico artellado con pezas Lego, grazas ao cal conseguiu recuperar a mobilidade da súa man.
Coñecemento de xeración a xeración
Amais do devandito, Maker Faire Galicia ten entre as súas finalidades a de favorecer a transmisión de coñecemento entre as diferentes xeracións, de aí que ofreza un amplo programa no que ademais das charlas, contará con numerosas actividades e obradoiros orientados a tódolos públicos. Dende a organización advirten que o prazo de inscrición de proxectos está a piques de rematar, polo que convidan a que todos aqueles “argalleiros” e “argalleiras” que queiran amosar as súas creacións na feira non dubiden en apuntarse. A inscrición realizase de maneira online a través da súa propia páxina web, http://galicia.makerfaire.com/.
A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking impulsado polo Igape e a Escola de Organización Industrial, na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 17 proxectos.
A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, felicitou os emprendedores por ter completado esta primeira parte do camiño e convidounos a seguir contando co apoio do Centro de Emprendemento do Gaiás para consolidar os seus proxectos. “O Centro está ao servizo das persoas emprendedoras. Ofrecémoslles un espazo de traballo, acompañámolas coa sabedoría de expertos e levamos a cabo ao longo de todo o ano máis dun cento de actividades para formar, mellorar e dar visibilidade ás súas iniciativas”, subliñou.
Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.
Os emprendedores que desenvolveron os 17 proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por ámbitos de actividade tan diversos como son servizos culturais e formativos apoiados nas TIC, de desenvolvemento persoal e de produtos do sector da moda, así como dos relacionados coa valorización de recursos do territorio.
Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 44 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.
Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nos que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento.
A plataforma de teleasistencia @tendidos, de creación española, protagonista no Congreso X-Patient, celebrado en Barcelona; esta plataforma aproveita o televisor, omnipresente nos fogares e de fácil acceso, para o contacto do paciente maior co seu médico e o obxectivo é promover unha asistencia sociosanitaria integradora, capaz de reducir a presión asistencial en Atención Primaria e os ingresos hospitalarios, está desenvolvida por Idemm Farma e supón unha novidade nos recursos de teleasistencia.
Segundo un estudo da Comisión Europea, en 2020 prevese que existirán contorna a uns 750.000 e 900.000 postos TIC sen cubrir na UE, dos cales 85.000 postos estarán en España. Por este motivo, Cisco lanzou un programa de aceleración de talento para tentar diminuír esa cifra.
Cisco Networking Academy (NetAcad) impartirá cursos gratuítos a mozos e mozas desempregados para formarse no mundo das tecnoloxías dixitais. Estes cursos online comezan en decembro de 2018 e finalizarán en maio de 2019, en total 20 semanas de duración e poderán cursalos mozos e mozas de entre 18 e 35 anos.
David De San Benito, Director de Responsabilidade Social Corporativa en Cisco España, recalca que "as organizacións teñen problemas para atopar persoal cualificado en tecnoloxías como IoT, intent-based networking ou ciber-seguridade, constituíndo un freo para a transformación dixital de España. A través de máis de 370 Academias e 700 profesores, Cisco NetAcad ten un sólido compromiso coa empregabilidad,e facilitando unha adecuada formación dos mozos e unha constante reinvención dos profesionais para que a dixitalización contribúa ao crecemento económico e o benestar social".
Os cursos que se impartirán abarcará catro disciplinas: ciberseguridade, programación de redes, networking, IoT e big data. Así mesmo, os estudantes terán acceso a seminarios e webinars para reforzar os seus coñecementos. Os interesados deberán realizar un curso introductorio específico, da disciplina escollida, cunha duración de 15 horas, para poder pasar ao proceso de selección e a posterior adxudicación das bolsas.
En total 400 Bolsas Dixitaliza ofreceranse, 100 bolsas para cada curso. O prazo de inscrición e petición das axudas está aberto ata o próximo día 15 de outubro. Para todos os interesados poden informarse e rexistrarse na súa páxina web.