main content

main content
26/09/201809:09
Varias persoas maiores utilizan un smartphone.
Madrid

Traballar para que a tecnoloxía evite a fenda dixital de persoas con discapacidade e maiores

Vodafone España presentou o seu informe integrado no que informa sobre o impacto que a compañía tivo sobre a sociedade durante o pasado exercicio.

Nesta presentación, o presidente da compañía, Francisco Román, puxo en valor o impacto do labor que realiza a Fundación Vodafone España no obxectivo de lograr que a tecnoloxía axude a evitar a fenda dixital que sofren as persoas con discapacidade e as persoas maiores.

Na súa intervención, Román destacou que, a través da fundación, a compañía atopou hai anos a simbiose entre a tecnoloxía e os colectivos vulnerables, como as persoas maiores ou as persoas con discapacidade.

Así, fixo fincapé na importancia que a tecnoloxía pode ter para axudar a evitar esa potencial fenda dixital.

O informe integrado recolle algúns resultados desa filosofía que pon en práctica a Fundación Vodafone España, como a formación en novas tecnoloxías para persoas maiores e para persoas con discapacidade.

Neste sentido, subliña que durante o pasado exercicio case 53.000 persoas maiores formáronse no uso dos smartphones, as redes sociais ou o uso de aplicacións como WhatsApp.

En canto ás persoas con discapacidade, a Fundación desenvolveu 27 programas enfocados na inserción laboral destas persoas mediante a formación en novas tecnoloxías, nos que participaron case 4.000 persoas.

Un dos datos máis interesantes é que unha de cada dez persoas que participaron neses cursos logrou xa un emprego.

É moi importante que unha fundación como a de Vodafone España centre un dos seus principais focos na importancia da tecnoloxía para as persoas con discapacidade e maiores, pero aínda é máis importante o impacto real que esas medidas teñen na sociedade.

26/09/201808:09
Cartel do evento.
A Coruña

Expertos en sistemas libres de firmas de todo o mundo xúntanse estes días na FIC

A Facultade de Informática da Coruña vai estar estes días no centro de atención da comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre, galega, estatal e mesmo internacional. O motivo? A celebración da X.Org Developer's, que se celebra a partir deste 26 de setembro coa presenza dalgún dos máis destacados representantes da tecnoloxía non privativa, dentro e alén das nosas fronteiras. Por exemplo Google, Intel, AMD, NVidia, Valve ou a galega Igalia. O evento estenderase até o venres 28. 

A inauguración terá lugar este mércores ás 8:45 horas no salón de actos da facultade. Segundo informa a organización, a X.Org Developer's é un escenario para o intercambio de coñecemento e recursos arredor de ferramentas empregadas a día de hoxe por centos de millóns de persoas de todo o mundo. De feito, céntrase en tecnoloxías gráficas libres dos sistemas de escritorio de sistemas operativos tan populares como GNU/Linux e Android. Nesta conferencia discutiranse os avances das mesmas entre a comunidade de desevolvedores. Os seus preto de 150 participantes son expertos procedentes de empresas líderes do sector tecnolóxico, entre as que se encontran AMD, ARM, Collabora, Google, Igalia, Intel, NVIDIA ou Valve, entre outras. As sesións da conferencia poden seguirse vía streaming a través da plataforma de vídeoconferencia da UDC.

O evento vén da man de GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) e a Universidade da Coruña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Companía de Tranvías da Coruña e Igalia, a consultora de software libre afincada na Coruña.

26/09/201807:09
Cartel do evento.
A Coruña

MOLAB celebrará a súa segunda gamejam en outubro

A primeiros de xuño a asociación estudantil coruñesa Monkey Laboratory (MOLAB) celebrou a súa primeira gamejam, competición non presencial baseada na plataforma en liña Itch.io, conseguindo unha ampla participación, de xeito que durante as 72 horas nas que tivo lugar o evento desenvolvéronse un total de 9 proxectos, e non será preciso esperar un ano enteiro para repetir a competición, xa que convocan a II MOLAB Gamejam entre os días 5 e 8 de outubro.

Os proxectos desenvolvidos durante a competición poderán verse publicamente o 10 de outubro ás 18:00 horas na Facultade de Comunicación Audiovisual, permitindo que o público poda probar os xogos en competición, así como unha chea de clásicos que están dispoñible nunha máquina recreativa construída na propia Facultade. O mesmo día, ás 19:30 horas, o xurado dará a coñecer os gañadores da gamejam nas categorías de Mellor Xogo, Deseño de Xogo, Deseño Artístico e Deseño Sonoro. Entregaranse trofeos físicos aos gañadores e a gala poderá seguirse en directo a través de Twitter e Twitch.

Este tipo de competicións son unha magnífica oportunidade para amosar a creatividade aplicada ao mundo dos videoxogos e as posibilidades do traballo en equipo, demostrando dun xeito práctico que é posible desenvolver proxectos en prazos moi axustados e que o resultado sexa un produto mínimo viable.

26/09/201807:09
Pantallazo do videoxogo.
Santiago de Compostela

Un equipo da USC desenvolve un videoxogo para achegarnos á ciencia

Son tempos de gamificación, e que ninguén se estrañe se as contribucións a este eido (a adaptación a múltiples procesos de divulgación e adestramento das metodoloxías propias dos videoxogos) van a máis con cada ano que pasa. Ten cabida o coñecemento científico neste gamificar? A resposta que nos chega hoxe dende a USC é un si rotundo. Alí, un equipo de investigadores está a desenvolver un videoxogos para achegar a ciencia a todo tipo de público. A fórmula: combinar os retos que lle son propios a certas aventuras dixitais con coñecementos. 

Segundo informa a USC, os responsables da proposta xa acadaron o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). O xogo coñécese como MatHex (FisiHex, BioHex, QuimiHex …) juego, estrategia y conocimientos e a investigadora principal é a profesora Elena Vázquez Abal. 

A iniciativa artéllase por materias, onde cada unha delas terá un videoxogo de seu, malia que nesta fase do desenvolvemento, a primeira, as matemáticas (o bloque MatHex) constitúan a cerna do mesmo. Vázquez Abal informou de que a dificultade poderá axustarse a todas as idades, dende a nenez até a Universidade, ou para un público xeral.

A un nivel máis concreto, o xogo alicérzase sobre un taboleiro constituído por hexágonos, ao estilo do xogo mesa Hex, combinado con preguntas. A profesora salienta como punto a destacar a tipoloxía destas cuestións, “que mesturan dun xeito ameno e coloquial diversas temáticas”. No caso particular das matemáticas, versarán sobre xeometría, operacións, historia, arte, sentido común e unha porcentaxe dedicada a mulleres matemáticas. Ademais, cada pregunta leva consigo a súa explicación.

Completan o equipo do proxecto José Carlos Díaz Ramos e Víctor Sanmartín López, polo Departamento de Matemáticas da USC, e Esteban Calviño Louzao, profesor de educación secundaria. Os avances que experimente o proxecto poderanse consultar na súa web.

26/09/201807:09
Xuventur.
Lugo

Preto de 200 mozos poderán desfrutar de estadías de lecer e formativas na Mariña, Os Ancares e O Courel en outubro a través de Xuventur 2018

  • Balseiro explicou que tres dos programas organizados para que a mocidade coñeza o medio rural terán como destino a provincia
  • A iniciativa é gratuita e incluirá rutas de sendeirismo, visitas culturais, obradoiros e actividades sobre emprendemento con novas tecnoloxías

 

Preto de 200 mozos e mozas poderán participar durante as fins de semana do mes de outubro na provincia de Lugo nas actividades ofertadas a través de Xuventur 2018, o plan de educación non formal impulsado por Turismo de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que combina programación de lecer saudable con estadías de fin de semana en establecementos situados en entornos rurais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que tres dos oito programas organizados na comunidade terán como destino a provincia e desenvolveranse na Mariña, Os Ancares e O Courel. “Esta iniciativa ofrece á xente nova a oportunidade de coñecer as posibilidades do turismo como un dos motores de desenvolvemento do medio rural”, destacou Balseiro. O investimento da Administración autonómica para levar a cabo este programa na provincia será de 40.200 euros.

O fío condutor da programación son os recursos naturais. As estadías perseguen que a xuventude galega coñeza a riqueza natural, cultural e patrimonial da comunidade, con actividades que promovan a educación ambiental.

O programa na Mariña de Lugo está centrado no ecoturismo e incluirá rutas de sendeirismo nocturnas, visitas guiadas polo interior das Covas do Rei Cintolo, visita á praia das Catedrais e ao porto de Rinlo, un percorrido cultural por Mondoñedo e Ribadeo e observación de aves na ZEPA (zona de protección para aves) na ría de Ribadeo.

Nos Ancares desenvolverase o programa de emprendemento na zona rural e novas tecnoloxías, con base en Cervantes. Haberá actividades relacionadas coa conformación de prototipos ambientais de base turística, creación de roteiros audiovisuais ou orientación nun espazo natural de referencia.

O Courel acollerá a iniciativa Estadías creativas, unha inmersión no medio natural a través da creatividade, con obradoiros de diversas disciplinas, como creación audiovisual, performances, artes escénicas, danza e creación literaria, entre outras actividades.

O programa é gratuíto e está dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos. Inclúe aloxamento en establecementos turísticos situados no medio rural, manutención completa dende a cea do venres ata o almorzo do domingo e programa de actividades. O prazo de inscrición está aberto e as persoas interesadas poden obter información e tamén inscribirse a través das páxinas web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a de Turismo de Galicia.

26/09/201807:09
Carnicería.
Santiago de Compostela

A Xunta mobiliza máis de 4M€ no impulso á dixitalización e á modernización do comercio de proximidade galego

  • Un total de 471 negocios obteñen apoios por 1,5 millóns de euros para a creación de páxinas web e mellora da imaxe en liña, loxística dixital ou packaging, ademais da reforma integral de locais
  • Ademais, máis de 100 establecementos contarán co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver fórmulas de promoción e comercialización na rede
  • O programa forma parte do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos fomentar un novo modelo comercial intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia

 

A Xunta vai mobilizar máis de 4 millóns de euros na dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais, para a implantación de solucións dixitais que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral de locais.

Así, cuns apoios públicos de 1,5 millóns de euros, beneficiaranse destas axudas un total de 471 comercios e obradoiros artesanais. O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.

Así, comerciantes e artesáns desenvolverán 313 actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Así mesmo, poñeranse en marcha 63 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 144 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 112 locais.

Ademais, a través desta mesma orde de axudas, máis de 100 comercios contarán co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.

Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

25/09/201808:09
Marcos Mata, presidente do CPETIG.
Santiago de Compostela

O CPETIG lévanos con #SilverBullet aos procesos que apuntalan o éxito dun proxecto TIC

Quen queira información nova sobre o novo, vaina ter. O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vaise encargar de proporcionala, o vindeiro 27 de setembro, co evento #SilverBullet18, unha das grandes citas TIC da tempada. Segundo nos conta máis en detalle o presidente do colexio, Marcos Mata, amais de cousas novas, vaise falar de tecnoloxías pero tamén de persoas, de liderado e, tamén, de propostas metodolóxicas a aplicar para garantir o éxito e a eficacia dos nosos proxectos. E todo, sinala, cun cariz marcadamente internacional.

-O CPETIG comeza setembro con forza. Por unha banda organiza o #SilverBullet18 e pola outra lánzase a formarnos nas oportunidades laborais que se abren co novo regulamento de protección de datos (poñendo o foco na figura do DPO). Significa isto que imos ter unha recta final de 2018 máis completa en actividades do CPETIG? 
-Este ano o inicio do curso está sendo especialmente intensivo, é verdade. Por unha banda, cun curso de formación especializado en protección de datos, e por outra o II Congreso de Dirección de Proxectos e a nova edición de Iuristicgal que preparamos para outubro. Por razóns organizativas e debido principalmente ás eleccións á xunta de goberno do Colexio, este ano actividades de difusión e formación si que se concentran máis no segundo semestre. Pero a dinámica natural é distribuír ao longo do ano a oferta de actividades e así agardamos facelo no futuro.

-O fío temático da nova edición de #SilverBullet18 son as novas tendencias na dirección de proxectos e na xestión de persoas no ámbito TI. Cales son en liñas xerais estas tendencias?
-Ás veces, as novas tendencias teñen realmente pouco de novo, e máis de recuperar ou afondar en conceptos xa antigos. O manifesto áxil, por exemplo, ten máis de 17 anos cumpridos e o concepto de peopleware, que fai fincapé na importancia das persoas no ámbito tecnolóxico, emprégase dende os anos 70. No SilverBullet falaremos de xestión de persoas, de liderado, pero tamén de propostas metodolóxicas, como o estándar proposto pola Unión Europea, o PM2, para o que contaremos nada menos que cun dos seus co-fundadores, ou de técnicas específicas para enfrontarnos a escenarios propios da xestión de proxectos de TI.

-Cóntanos algo do equipo de relatores cos que contades este ano. Que destacarías deles?
-Este ano o SilverBullet volveuse máis internacional, con relatores que estarán con nós procedentes de México ou Bruxelas, o que coido que enriquecerá aínda máis a visión da dirección de proxectos e dará a oportunidade de ampliar o punto de mira, abrindo o foco de interese máis aló do horizonte nacional. Esa mirada internacional ten os nomes propios de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM²; e Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). O panel de relatores complétase con Santiago Cabaleiro, cunha intervención moi agardada, porque desvelará as claves para facer que un lugar de traballo sexa un entorno excelente para a produtividade, e falará con coñecemento de causa, porque o Grupo Visual MS, do que el é directivo, foi premiado como Best Workplace 2017. E tamén estará Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e contornas colaborativas. Redondearemos a sesión cunha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, para avivar o debate e favorecer a participación do público sobre as cuestións máis candentes. Cremos que se trata dun programa moi completo e compensando, no que se abordarán cuestións metodolóxicas moi técnicas pero baixo o prisma do factor humano, sempre determinante no desenvolvemento e no éxito dos proxectos.

-En termos concretos e brevemente, cales son os obxectivos de #SilverBullet18?
-Por riba de todo, SilverBullet é un punto de encontro e debate que busca sensibilizar sobre a importancia dunha boa xestión de proxectos, en tódolos ámbitos, pero especialmente nun escenario, a informática, onde é tan importante una boa xestión de todo o ciclo de vida do noso proxecto, e, onde, aínda que estamos a falar dunha enxeñaría, o factor humano é fundamental. Trátase de pór en valor factores como a capacidade de liderado para motivar ao equipo e favorecer o espírito colaborativo. En definitiva, a capacidade de que os profesionais se sintan comprometidos co proxecto nun entorno de traballo motivador e positivo.

-Que salientarías da edición do ano pasado, non só en termos de pegada mediática, que foi ampla e que aínda rexistra actividade, senón en cuestión de froitos conseguidos?
-Pois a verdade é que a primeira edición tivo o sabor doce que teñen sempre as cousas que se estrean. Persoalmente quédome coa imaxe dun auditorio onde estaban presentes estudantes, traballadores públicos, profesionais das empresas do sector TI e doutras áreas, que por primeira vez tiveron a oportunidade de asistir en Galicia a un foro destas características. A boa acollida daquela primeira edición e a positiva valoración dos participantes foi para o CPETIG un estímulo que nos leva a presentar agora esta segunda edición, coa esperanza de que cumpra coas expectativas xeradas.

24/09/201814:09
GPUL Labs.
A Coruña

Os GPUL Labs achegan hoxe unha charla sobre concursos de software libre

Hoxe ás 18:30 horas, a Facultade de Informática da Coruña vai acoller unha nova cita dos GPUL Labs, os obradoiros impulsados polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux para ampliar e reforzar o carácter referencial da nosa terra no mundo do software libre, facendo comunidade e poñendo a semente de novos proxectos. Máis polo miúdo, a cita de hoxe servirá entre outras cousas para presentar o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre organizado pola axencia AMTEGA e que conta coa colaboración de GPUL.

Na xuntanza, amais de debullar os obxectivos e os detalles do galardón, Pablo Castro (activista do GPUL) tamén falará do futuro laboral que se abre con este tipo de tecnoloxías de software e hardware e do que poden deparar estes ámbitos a todas as persoas que están na recta final dos seus estudos, amais de achegar consellos sempre dende o punto de vista do mundo libre.

Lembrar que os GPUL Labs son unha serie de conferencias-demostracións-obradoiros organizadas por GPUL ao abeiro do convenio da AMTEGA coas asociacións de software libre. O evento naceu hai un par de anos e nel fan comunidade profesionais, estudantes, empresas e seareiros do software libre para dar a coñecer tecnoloxías e comunidades libres e punteiras e buscando sempre alentar novas incorporacións ao colectivo galego de usuarios e desenvolvedores de programas sen cancelas.

24/09/201812:09
Cartel da iniciativa.
Cangas

Chega a plataforma galega Benmercado.gal, o Amazon da nosa economía solidaria

A economía ética, a que ten a vontade de crear riqueza pero tamén de axudar, semella estar pechando fileiras a través das novas metodoloxías de promoción, comunicación e venda. Na punta de lanza deste movemento, levando a iniciativa e abrindo camiños pioneiros a nivel estatal, atópase unha plataforma galega, Benmercado.gal, en palabras de Ana Lorenzo, responsable do proxecto, “o Amazon da economía social e solidaria”. A iniciativa presentarase na Mostra do Posible (os días 6 e 7 de outubro en Cangas). 

Trátase dunha plataforma en liña que brindará aos produtos éticos da nosa terra un espazo de seu en Internet, e na que os consumidores terán ao seu dispor bens e servizos con garantía de sustentabilidade e respecto polo medio e polos dereitos das persoas. Segundo engade Ana Lorenzo acerca do papel vangardista do portal, malia existir outras propostas que buscan aproveitar a Rede para mostrar e vender este tipo de bens, Benmercado.gal é a primeira plataforma creada especificamente para potenciar e canalizar a venda en liña de produtos éticos. 

Segundo engade, a plataforma está dirixida ao mercado galego e garante que os produtos que ofrece sexan de proximidade e estean feitos por empresas comprometidas coa creación dunha sociedade máis xusta e sustentable. Ademais, explica, facilita o contacto directo entre empresas produtoras e o público consumidor que busca produtos e servizos acordes coas súas ideas e valores. 

Porén, Lorenzo tamén fai saber que non se trata dunha comunidade cen por cen aberta e dispoñible para todo tipo de iniciativas de mercado. Cómpre cumprir cunhas garantías de compromiso social: “Non todas as empresas poden facer uso desta plataforma, Benmercado.gal está dirixida a aquelas empresas galegas que funcionan con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios”. 

O sábado 6 de outubro ás 11:00 da mañá presentarase a iniciativa do Mercado Social Galego e poderase coñecer de primeira man o funcionamento de Benmercado.gal no marco da Mostra do Posible na Alameda Nova de Cangas do Morrazo. 

A Mostra do Posible é un encontro de Movementos Sociais e empresas de Economía Solidaria, aglutinando gran parte do tecido social galego e co obxectivo de mostrar que “son moitas as entidades que realizan propostas prácticas que permiten construír unha sociedade máis xusta”.

24/09/201812:09
Montaxe dunha fotografía dunha doutora mirando distintas pantallas con información.
Santiago de Compostela

A importancia da intelixencia artificial na sanidade

A Intelixencia Artificial vai xogar un papel clave no futuro da sanidade xa que será capaz de aproveitar a inxente cantidade de datos que cada persoa xera ao longo da súa vida para mellorar o seu benestar e a súa saúde.

Estes datos son especialmente importantes para aquelas persoas que teñen unha enfermidade crónica, como moitas persoas con discapacidade, ou aqueles que van máis a miúdo aos centros sanitarios, como as persoas maiores.

Segundo os datos ofrecidos pola patronal Dixitais, cada persoa xera ao longo da súa vida datos como para encher 300 millóns de libros. Con eses datos é posible xerar información moi valiosa, pero, dado o seu enorme volume, é necesaria a axuda da tecnoloxía.

Esa tecnoloxía leva o nome da intelixencia artificial, xa que será capaz de buscar patróns escondidos entre todos eses datos que axuden a prescribir tratamentos máis personalizados para cada paciente.

Ademais, a aplicación da intelixencia artificial liberará de tempo aos profesionais da sanidade para que o dediquen a tratar aos seus pacientes xa que terán a información moito máis accesible.

En todos os sectores a intelixencia artificial e o tratamento de grandes cantidades de datos, coñecido como Big Data, é unha gran revolución, e na sanidade tamén o será xa que permitirá personalizar os tratamentos e ofrecer un maior benestar ao paciente.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS