Por sexto ano consecutivo a Fundación Vodafone España segue apoiando os nosos métodos de formación, e este ano permítenos dar un paso máis, con novas propostas formativas dos que poderán beneficiarse 110 alumnos coa nova convocatoria de Formación en contornas de Contact Center 2018-19.
O obxectivo final é a inserción no mundo laboral destas persoas a través dunha formación global, complementaria, a persoas que traballan en contornas de venda, atención ao cliente ou administración ou en calquera ámbito de empresa, non só en contact centers.
Cangas vai acoller os vindeiros 6 e 7 de outubro unha feira sobre os novos movementos sociais e solidarios que se están a fraguar na nosa terra e, por extensión, no mundo real e virtual do noso tempo. Trátase da Mostra do Posible, activa xa en mostradoposible.gal e cuxos detalles foron presentados esta semana no consistorio de Cangas por Ánxela Vizoso, concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego, e David Esperón, coordinador do encontro. Este, que contará coa participación de case medio cento de entidades galegas do ámbito social, servirá para visualizar a importancia das novas tecnoloxías para impulsar a posta en marcha de todo tipo de iniciativas para crear un mundo mellor.
Por exemplo, o sábado 6 ás 11:00 presentarase o portal galego Benmercado.gal, plataforma de venda en liña de produtos da economía social e solidaria da que xa falamos os días pasados, salientando o seu carácter pioneiro e a súa vontade ser o Amazon das empresas éticas.
Na mañá do sábado 6, ás 12:30 horas, tamén se vai dar coñecer unha criptomoeda dixital e social, a moeda Faircoin, que serve como alternativa non-capitalista ao diñeiro tradicional e preséntase como unha ferramenta para o intercambio de produtos e servizos entre persoas e colectivos que buscan a transformación social. Segundo informaron os organizadores da Mostra do Posible, a Faircoin é unha moeda ecolóxica e democrática que xa está en circulación en diferentes países do mundo e que en Galicia está a ser empregada xa por preto de medio cento de establecementos.
O mesmo día, ás 18.00 horas, a feira tamén acollerá a presentación do Sistema Participativo de Garantía A Gavela e máis do seu portal, spg.saramaganta.info, que serve de punto de encontro (o sistema participativo e máis a web) para produtores, distribuidores e consumidores de produtos de alimentación ecolóxica. A SPG A Gavela, para quen non o saiba, é unha certificación ecolóxica realizada pola propia comunidade que facilita o coñecemento mutuo e incrementa a soberanía alimentaria.
O programa de actividades compleméntase con múltiples actividades e encontros sobre comunicación entre grupos de consumo alternativo ou sobre economía social e solidaria (e as súas vantaxes para a transformación social). Tamén haberá proxeccións de filmes, faladoiros e obradoiros sobre tecnoloxías de licenzas libres e bioconstrución, entre outras temáticas.
Montserrat Guardia, directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, explicou a súa visión sobre a presenza das mulleres nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no marco do programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que impulsa a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a AMTEGA.
A directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, con máis de 20 anos traballando no sector tecnolóxico e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002, nun encontro con máis de 100 rapazas e rapaces do IES Valle Inclán de Pontevedra apuntou algunhas claves necesarias para que as rapazas escollan libremente una carreira científica ou tecnolóxica, que son ámbitos nos que a presenza feminina apenas chega ao 30% do total de estudantes. Guardia asegura que «a conciliación non inflúe á hora de escoller unha carreira STEM» e salienta que «en carreiras como Medicina, por exemplo, hai moitas mulleres, a pesares da dureza do traballo e das gardas que hai que facer, que son difíciles de encaixar nunha vida familiar», polo que cre necesaria unha maior comprensión cara o papel que pode ter a muller en profesións técnicas.
A directiva do Banco Sabadell apuntou ao momento «histórico» que está a vivir a humanidade, no que a tecnoloxía está transformando todos os ámbitos da nosa vida e economía e asegurou aos estudantes do IES Valle Inclán de Pontevedra que «estades vivindo o pico da onda dun momento histórico e, se vos dedicades a estas carreiras STEM, ides surfear a onda porque actualmente todos os sectores e empresas teñen unha vertente dixital. O futuro é tecnolóxico».
Navegar por Internet é sinxelo coñecendo o seu uso e funcionamento básico. Pero á hora de atopar a información que queremos pode levar máis tempo do desexado.
Neste curso compartiremos como utilizar de forma eficaz os navegadores de Internet e multitude de consellos prácticos para que atopes a información que buscas rapidamente.
Contidos
Aprende a buscar de forma eficaz en Internet!
A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) veñen de unir forzas para tirar abaixo barreiras reais e virtuais entre as empresas provinciais, por unha banda, e o mundo, pola outra. Para isto, puxeron en marcha unha nova ferramenta (ao abeiro do programa ExportOU) que consiste nunha solución tecnolóxica con capacidade para que os negocios locais melloren a súa presenza comercial internacional e capten clientes e distribuidores doutros países “de maneira sinxela e accesible”. A ferramenta Sistema de Feiras Comerciais Virtuais foi dada a coñecer na sede da CEO.
No acto participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz; e o profesor Jesús Albizu, asesor e especialista en deseño de programas relacionados coa internacionalización das empresas, co punto de mira nas PEME, e que desenvolveu programas para impulsar programas de exportación en 21 países de Europa, América, Asia e África.
Rosendo Fernández lembrou que en marzo a Deputación de Ourense e a CEO asinaron un convenio de colaboración para “desenvolver un plan de aceleración e reforzo intelixente para a internacionalización das empresas ourensás”, no marco da iniciativa ExportOU. Da formalización desa alianza, dixo, abrollou a ferramenta presentada onte, a oficina virtual de apoio á procura de novos mercados. “Con esta iniciativa”, engadiu, “fortalecemos o Programa ExportOU para beneficio das empresas de Ourense, nun mundo globalizado onde é difícil competir”.
Pola súa banda, o vicepresidente da CEO incidiu na “aposta decidida” da entidade pola internacionalización do empresariado da provincia, a través de programas de formación específica e a organización de misións comerciais inversas.
No acto, Jesús Albizu encargouse de debullar a metodoloxía da ferramenta, salientando que as feiras virtuais operan como “un reforzo á presenza internacional”, posibilitando que o encontro entre empresas interesadas en vender e os potenciais clientes “se produza a baixo custe nunha plataforma accesible en Internet”. O Sistema de Feiras Virtuais, que Albizu cualificou como “tren do futuro”, pon en xogo un extra importante de eficiencia e eficacia na exportación comercial: máximos resultados con mínimos recursos. Segundo dixo, o feito de que o encontro se poida producir dunha maneira virtual “permite multiplicar os esforzos comerciais sen o custe engadido das viaxes aos países de destino nos que se quere presentar o produto e captar empresas interesadas”.
O Sistema de Feiras Virtuais pon a disposición dos usuarios a posibilidade de enviar convites a potenciais clientes, axentes ou distribuidores, co fin de animalos a visitar unha feira virtual na que estean presentes as empresas interesadas, cada unha delas co stand de seu personalizado, no que mostrar polo miúdo súa oferta de produtos a través dun vídeo.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de dar un novo paso a prol da historia dos concellos e das tecnoloxías que contribúan a preservala e a divulgala, unha liña de traballo da que teñen abrollado iniciativas tan salientables como a plataforma colectiva da Memoria Dixital de Lugo, o banco de recordos dixital aberto á participación de todas e todos os lucenses. O novo proxecto da Fundación materializarase na preservación da cultura pesqueira de Viveiro.
Para este concello, a entidade de formación e divulgación tecnolóxico-audiovisual elaborará diversos audiovisuais, unha serie de pezas que se integrarán en Vivemar, o proxecto sociocultural da Administración local para a promoción dos valores do mar e dos ríos do municipio, a través das testemuñas da veciñanza.
O presidente do Executivo provincial, Darío Campos Conde, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o concelleiro do Mar, Jesús Fernández Fernández, acompañados por Lucas Requejo de Vivemar, presentaron este xoves esta colaboración, pola que a TIC gravará a testemuña dos protagonistas en primeira persoa.
Campos Conde anunciou que “esta colaboración arranca coa entrevista a Paco Alonso, armador e patrón de 94 anos que é todo un referente no porto de Celeiro”. O titular da Deputación engadiu que “ninguén mellor que este viveirense para contarnos como evolucionou Viveiro no último século. A través da súa experiencia vital e profesional de case cen anos podemos coñecer a transformación do sector pesqueiro e da propia sociedade viveirense. O audiovisual incluirá documentación gráfica e recollerá termos en desuso, como tipos de artes de pesca, entre outros”.
Campos Conde engadiu que “esta colaboración é unha proba máis de que a TIC está ao servizo dos lucenses e dos concellos. Somos útiles á provincia e, ademais, formamos aos futuros profesionais lucenses do audiovisual, xa que varios bolseiros da nosa Escola participarán na elaboración dos documentais”. Tamén dixo que con estes audiovisuais “contribuiremos a preservar e divulgar o noso patrimonio inmaterial, neste caso, a cultura mariñeira que forma parte do ADN dos viveirenses”.
Pola súa banda, a alcaldesa viveirense, María Loureiro, sinalou que con esta colaboración perséguense varios obxectivos. Primeiro, a través dela o documento pasará a formar parte do arquivo audiovisual da cidade. Segundo, sentaranse os alicerces para impulsar o ámbito educativo do Concello, coa súa proxección nas escolas e institutos da cidade. Por último, terá “unha finalidade turística”, xa que, sinalou, “a gravación servirá para achegar aos visitantes experiencias que os aproximan ao mar e a súa cultura”.
Paco Alonso
Paco Alonso, xunto ao seu irmán Ramón, foi armador do boniteiro Hermanos Alonso. Segundo destacaron onte os participantes na presentación, Paco é “un dos protagonistas directos do desenvolvemento da pesca na Mariña, da irrupción dos avances, o acceso aos novos caladoiros e da evolución dos barcos e da sociedade mesma”. Ademais, engadiron, é “unha testemuña privilexiada do que a pesca supuxo e supón para Viveiro, contribuíu coa súa achega ao que hoxe é o porto de Celeiro”. No documental da TIC fará un repaso pola súa vida, desde a súa nenez, cando pasaba a maior parte do tempo na praia de Celeiro, e os seus inicios na pesca, nun litoral tan difícil como o Cantábrico.
O presidente da Deputación, Darío Campos e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, mantiveron onte un encontro no consistorio do Valadouro, co alumnado que está a participar na actividade formativa sobre o manexo básico de móbil, que desenvolve a Fundación TIC de xeito gratuíto. Campos Conde lembrou que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”.
A actividade, como dixemos, insírese no programa formativo da Fundación TIC para este terceiro trimestre de 2008. O programa vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural, incluído o concello da Pastoriza.
Entre as novidades do programa para esta recta final do ano figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil.
Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementouse o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.
O auditorio do CINC da Cidade da Cultura foi onte pola mañá un fervedoiro de ideas na procura das claves do éxito para a dirección de proxectos TI, baixo o criterio dunha axeitada xestión dos equipos humanos. Motivación, alto grao de satisfacción personal, capacidade de liderado, confianza ou recoñocemento do traballo ben feito son algúns dos factores visibilizados hoxe polos relatores de #SilverBullet18, o II Congreso de Proxectos TI, organizado polo CPETIG e a AMTEGA celebrado hoxe en Santiago.
Na inauguración, o presidente do CPETIG, Marcos Mata, falou do valor de “poñer en dúbida as cousas tal e como sempre as fixemos” e neste contexto, dixo agardar que o Congreso sirva “para que os relatores consigan precisamente iso, facernos poñer en dúbida o que fixemos sempre”. Pola súa banda, o director de Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Amtega, Adrián Lence, destacou na súa intervención a potencia do sector empresarial TIC en Galicia e o impulso dixital de Galicia por parte da Administración.
#SilverBullet18 achegou a mirada internacional a través da experiencia de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do best seller The Lean Project Management. No seu relatorio, describiu as vantaxes da PM2 Guide, nunha exposición de fondo contido técnico na que pasou revista á súa ampla experiencia neste eido.
O segundo relator, Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e entornos colaborativos, puxo de relevo a eficacia de ferramentas como Evernote ao obxecto de gardar, ordenar e estruturar de forma accesible todo o conxunto de experiencias e ideas acumuladas que, “debidamente organizadas son un tesouro”, explicou.
Santiago Cabaleiro, responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, desvelou no seu relatorio o “sistema de boas prácticas” que levou a esta empresa viguesa da que é directivo a ser nomeada Best Workplace 2017. Entre ese listado de boas prácticas, enumerou como primeiro factor unha boa remuneración, “porque o salario emocional non é suficiente”, argumentou. Complementariamente, horarios flexibles, conciliación familiar, teletraballo algún día á semana, favorecer as boas relacións personais, a transparencia, a cultura do feedback e o recoñecemento. A clave, resumíu, “é crear relacións de confianza no equipo”. Amais, o sistema posto en práctica con tanto éxito por Visual MS inclúe tamén o fomento do desenvolvemento persoal e profesional ou a rotación de postos de traballo cada cinco anos. Pero advertíu que montar este sistema de boas prácicas e obter resultados “é unha carreira de fondo”, que finalmente impacta na productividade e satisfacción dos equipos.
E foi no concepto de satisfacción no que incidíu tamén no seu relatorio Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). Na súa opinión, mentres o éxito no século XX medíase en termos de resultados económicos, no século XXI mídese en termos de satisfacción dos equipos. Considera que o traballo ten un gran impacto no nivel de satisfacción de cada persoa, se ben recoñece que pode resultar “transgresor soster que o traballo é unha fonte de felicidade, tendo en conta que levamos no ADN unha idea diametralmente oposta e que etimolóxicamente a palabra negocio significa a negación do ocio”. A clave, dixo, é “que cada persoa busque retos acordes ás súas capacidades, para evitar frustracións”.
#SilverBullet18 rematou cunha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, responsable de Content Factory en Netex Learning, na que se produciu un vivo debate do público sobre as cuestións máis candentes expostas nos relatorios.
Esta edición persegue os seguintes obxectivos: establecer un espazo de reflexión sobre futuro do voluntariado; poñer en valor o voluntariado de Galicia como a comunidade autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria; destacar o voluntariado como un dos nosos activos máis importantes para a creación dunha sociedade mellor.
O recinto de Expourense acollerá os días 28 e 29 do vindeiro mes de novembro a celebración do XX Congreso Estatal de Voluntariado. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou este evento ao que se prevé que poidan asistir cerca dun milleiro de persoas e que permitirá o intercambio de experiencias e boas prácticas, coa finalidade de fomentar o voluntariado e mellorar a visibilidade das actividades solidarias que este realiza.
Na súa intervención, Cecilia Vázquez indicou que este foro congregará a todos os actores relacionados co ámbito da solidariedade: organizacións non gobernamentais (ONG’s), administracións públicas, empresariado, medios de comunicación. De tal xeito que constituirá un “importante espazo de reflexión en torno aos problemas de afectan e preocupan a acción voluntaria e as entidades sociais de todo o estado”, apuntou.
Ao respecto, a responsable do departamento autonómico de Xuventude explicou que entre os obxectivos do congreso está o de “debater sobre o futuro do voluntariado, poñendo o énfase na súa valía como elemento dinamizador das accións altruístas como un dos activos máis importantes para avanzar cara unha sociedade mellor”. Así mesmo, salientou a importancia do voluntariado como “un elemento de recoñecemento e de proxección para unha futura empregabilidade das persoas máis novas”.
Ademais, Cecilia Vázquez manifestou que este foro anual de carácter estatal será unha oportunidade para poñer en valor o voluntariado en Galicia. Neste sentido, sinalou que Galicia é a Comunidade Autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria, tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio da Plataforma do Voluntariado sobre a acción voluntaria en España en 2016. Un documento que corroboran os datos que figuran no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, con 970 entidades inscritas nas que participan un total de 41.317 persoas voluntarias que día a día aportan o seu tempo e dedicación á mellora da sociedade.
Programa
Galicia organiza esta vixésima edición do simposio nacional de voluntariado tomando a testemuña de Sevilla como sede e baixo a lenda Enlázate ao voluntariado. Os temas claves que se abordarán son: participación, cidadanía activa e valores de solidariedade; novas modalidades de voluntariado; áreas de actuación; protagonismo de persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria; afianzamento do voluntariado social; papel das empresas na responsabilidade social empresarial; voluntariado internacional e importancia da certificación das experiencias voluntarias, da súa inclusión no currículo e do seu recoñecemento empresarial como elemento favorecedor da inclusión laboral.
Desde hoxe está aberto o prazo de inscrición daquelas persoas e entidades interesadas en asistir ao congreso, tanto para os mostradores como para a asistencia en grupo. Deben anotarse na páxina web do evento e teñen como data límite para facelo o 15 de novembro ou ata completar a capacidade.