Entre os días 5 e 8 de outubro a asociación estudantil de desenvolvemento de videoxogos nacida ao abeiro da Universidade da Coruña, Monkey Laboratory (MOLAB), celebrará unha gamejamen liña, ou sexa, unha competición de creación de videoxogos que desenvolverase de xeito non presencial a través da plataforma Itch.io.
Ao inicio da II MOLAB Gamejamdesvelarase a temática da competición, de xeito que os concursantes poderán realizar as súas creacións entre as 12:00 horas do venres até as 12:00 horas do luns, para que logo un xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos, de empresas como Polygon-e, Imaxin Software ou Gato Salvaje, xunto a persoal docente das facultades de Informática e Ciencias da Comunicacións, poidan avaliar os xogos completados que poderán verse na Aula de Graos da Facultade de Informática da Coruña (FIC) o vindeiro 10 de outubro a partires das 18:00 horas, para que ás 19:30 horas, no mesmo lugar, se anuncien os gañadores nas categorías de Mellor Xogo, Game Design, Deseño Artístico e Deseño Sonoro. Os trofeos entregaranse en persoa, aínda que tamén poderá seguirse en vivo a través de Twitter e Twitch.
O Concello de Lugo presentou esta semana o seu programa de obradoiros de dixitalización para a recta final de 2018. Estamos a falar de 11 cursos de balde a desenvolver ao longo destes meses nas aulas CeMIT do Castiñeiro e de María Balteira e máis no Edificio de Novas Tecnoloxías emprazado en pleno casco vello da cidade. As accións formativas achegan 145 prazas e titorías tecnolóxicas. Por temas, abordaranse de cheo cuestións de especial relevancia para a empregabilidade das veciñas e veciños de Lugo (e tamén para mellorar a súa formación e mesmo a súa calidade de vida). Achéganse introducións á informática, á robótica ou á creación de páxinas web.
O programa, que se desenvolve baixo a programación de Tecnoloxíza-T!, desenvolverase nun emprazamento ou noutro dependendo das idades ás que se dirixe. Así, no caso da aula do Castiñeiro, as actividades están encamiñadas a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, e no resto, para persoas maiores de 14 anos.
Na aula do Castiñeiro e no Edificio de Novas Tecnoloxías as actividades desenvolveranse en xornada de tarde, e na de María Balteira todas serán en quenda de mañá.
O número máximo de alumnos e alumnas é de 10 ou 15, dependendo da actividade formativa, sendo o mínimo de persoas inscritas de 8 no caso de que as prazas ofertadas sexan 15, ou de 6 no caso de 10 prazas.
Inclúense os seguintes cursos na aula do Castiñeiro: Informática de nivel intermedio para nenas e nenos (30 horas, 15 prazas, luns e mércores de 18.00h a 19.30 horas, do 15 de outubro ó 19 de decembro) e Creación de páxinas web (24 horas, 15 prazas, martes e xoves de 18.00h a 19.30h, do 16 de outubro ó 13 de decembro).
No caso da aula de María Balteira, os obradoiros son: Iniciación á informática nivel II (15 prazas, 30 horas de formación, de luns a venres de 10.00h a 12.00h, a partir de 14 anos), Informática nivel intermedio (15 prazas, 30 horas, de luns a venres de 11.00h a 13.00h, do 19 de novembro ó 11 de decembro, para maiores de 14 anos) e Titorías tecnolóxicas (de 12.00h a 14.00h, o primeiro luns de cada mes a partir de novembro, non é precisa inscrición previa).
No Edificio de Novas Tecnoloxías celébrase o seguinte programa de obradoiros: Iniciación ao Autocad (40 horas, 15 prazas, de luns a xoves de 17.00h a 19.00h, do 1 ó 31 de outubro, a partir de 14 anos), Monta unha impresora 3D (oito horas, 10 prazas, sábados de 17.00h a 21.00h, do 20 e 27 de outubro, a partir de 14 anos), Creación de videoxogos (30 horas, 10 prazas, para maiores de 14 anos, de luns a xoves de 17.00h a 19.00h, do 5 ó 28 de novembro), Iniciación á robótica (12 horas, 10 prazas, os sábados de 17.00h a 21.00h, do 3 e 17 de novembro, para maiores de 14 anos), Trámites electrónicos coa Administración (4 horas, 15 prazas, o sábado 24 de novembro de 17.00h a 21.00h, para maiores de 14 anos), Negocios online (20 horas, 15 prazas, de luns a xoves de 19.00h a 21.00h, do 3 e 18 de decembro, para maiores de 14 anos), Introdución á robótica (12 horas, 10 prazas, de mércores a venres de 17.00 a 21.00 horas, a partir de 14 anos) e Titorías tecnolóxicas (de 17.00h a 19.00h, o último sábado de cada mes a partir de outubro e sen que sexa precisa inscrición previa).
O programa de adestramento tecnolóxico para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, o programa SmartPEME, volve este mes de outubro co seu achegamento pormenorizado á realidade da dixitalización. A comarca de Vigo acolle este mes de outubro 21 accións formativas do programa, ou sexa, nas sedes de Vigo, Ponteareas e O Porriño. As inscricións nos devanditos obradoiros (sete en cada sede) pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. As quendas para o mes de outubro na oficina de Vigo comezan este xoves, 4 de outubro, ás 19 h con Aprende a usar correctamente Facebook para empresas. A seguinte acción será Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, o martes 9 ás 18 h. O curso Estratexias de marketing para a túa empresa turística chegará a Vigo o martes 16 ás 19 h. O seguinte xoves 18 de outubro, ás 19 h, impartirase Escolle o hosting máis axeitado para as túas necesidades. O xoves 25 de outubro, á mesma hora, será a quenda de Como vender os teus produtos nun marketplace. O martes, 30 de outubro á mesma hora, celebrarase a acción Guía de boas prácticas para redes sociais. E, para rematar, Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 17 h. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Escolle o hosting máis axeitado para as túas necesidades, este xoves 4 ás 19 h. O martes 9 de outubro, ás 18 h, terá lugarCrea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. O xoves desa mesma semana, ás 19 h, impartirase 10 puntos clave SEO para a túa web. A seguinte será Facebook para promover o teu negocio turístico, o xoves 18 á mesma hora. A quenda de Fotografía de produto, especial sector téxtil será o martes 23 de outubro, tamén as 19 h. Por outra banda, o xoves desa mesma semana á mesma hora, terá lugar o obradoiro Como vender os teus produtos no marketplace. E, xa por último, o martes 30, ás 17 h, Comercializa os teus servizos a través das redes sociais será a acción que impartirá o persoal do programa, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS). A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes, 9 de outubro, ás 18 h. O xoves 11, ás 17 h, impartirase Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais. A acción Mellora a túa presenza online promovendo o teu blog terá lugar o martes 16 de outubro, ás 19:00 horas. O martes 23, á mesma hora, será a quenda de Como vender os teus produtos nun market places. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19 h, impartirase o curso Linkedin: a túa rede de networking. E, por último, o martes 30 de outubro á mesma hora terá lugar Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Tecnópole quere tirar muros en materia de estereotipos e prexuízos de cara ás carreiras STEM. En base a isto, vén de preparar un máis que completo programa de divulgación, acción e difusión. En concreto, máis dun cento de escolares de Ourense participarán a mediados deste mes de outubro en dúas xornadas organizadas por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole co obxectivo de “impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas”. Tecnópole únese así a outros 13 parques de toda España no marco da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
As xornadas seranlle presentadas esta tarde ao alumnado das Aulas Tecnópole coincidindo co primeiro día de curso do programa de formación en habilidades científicas e innovadoras que o Parque Tecnolóxico organiza co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os días 18 e 19 de outubro serán senllos grupos do IES O Couto e do IES As Lagoas os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos devanditos estudos STEM (siglas en inglés siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
Segundo informa a dirección do Parque, o programa de actividades deseñado por Tecnópole está “protagonizado pola oferta de referentes ás rapazas”. Deste xeito, inclúese unha visita a unha exposición que fai un percorrido por mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos, ao que cómpre engadir unha actividade para compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous obradoiros nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As gañadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.
A intención da APTE e dos parques participantes nesta iniciativa é “darlles máis visibilidade e aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo”. O obxectivo final é “contribuír a un Sistema de Innovación máis igualitario en España no que se poida desenvolver todo o talento á marxe do xénero”. En total, as actividades chegarán a máis de 2000 escolares de todo o país entre outubro e novembro.
O proxecto europeo BRAIN-IOT chegou onte a un dos seus puntos álxidos de actividade e de repercusión. Estamos a falar da visita do alcalde Xulio Ferreiro á xuntanza de traballo do proxecto que se está a desenvolver estes días na Coruña, na sede de EMALCSA. Nas sesións concorren representantes das universidades, empresas e asociacións que participan en BRAIN-IOT, unha iniciativa dirixida a crear un alicerce tecnolóxico común, unha linguaxe doada e segura, para os dispositivos autónomos. O rexedor da Coruña, que veu a acompañado da concelleira de Medio Ambiente, María García, tivo ocasión de coñecer os detalles do proxecto da man de Jesús Echarri, director executivo de Improving Metrics.
A cita veu da man das firmas locais EMALCSA e Improving Metrics, da que falamos recentemente en Código Cero para informar dos interesantes resultados dunha xeira colectiva de traballo na que se mediu o nivel de implicación dos participantes (o público) e mailo custo do evento polos seus sorrisos.
En BRAIN-IoT toman parte activa compañías internacionais como Siemens (Alemaña), Airbus (Francia), o Instituto Superior Mario Boella (Italia), Paremus (Inglaterra), STMicroelectronics (Suíza), IDATE Digiworld (Francia), a Universidade de Grenoble (Francia), Robotnik (España), o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías Alternativas CEA Tech (Francia) e a Fundación Eclipse Europa. Para levar a cabo este proxecto, os socios contan con 5 millóns de euros do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea, Horizonte 2020, un programa que financia proxectos en áreas estratéxicas a nivel europeo. A intención do encontro é profundar nas actividades do proxecto BRAIN-IOT, siglas en inglés de Modelo Baseado en Framework para Detección Confiable e Actuación en Sistemas da Internet das Cousas (IoT) Descentralizados Intelixentes.
Segundo informa EMALCSA e Improving Metrics, representantes galegas de BRAIN-IOT, “trátase dunha ambiciosa iniciativa que busca desenvolver unha metodoloxía para que distintas plataformas conectadas a Internet poidan traballar xuntas dun modo descentralizado, compatible e dinámico: unha solución para facer que varios dispositivos autónomos, dende drons a sensores pasando por diversos sistemas de monitoraxe, colaboren entre si e compartan información dun modo sinxelo e seguro, a través de estándares abertos”. A empresa galega Improving Metrics participa na investigación e desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica de datos, ademais de encargarse da dirección de calidade do proxecto. Pola súa banda, a participación de EMALCSA baséase no estudo de escenarios, as probas de concepto en colaboración co CITEEC da UDC, e a aplicación destas tecnoloxías ás infraestruturas críticas.
Que é exactamente BRAIN-IOT?
Os obxectivos técnicos de BRAIN-IOT son lograr que dispositivos IoT heteroxéneos sexan quen de cooperar en tarefas complexas, cun “comportamento autónomo e dinámico”, a través de “federacións altamente dinámicas con capacidade de evolucionar, adaptarse a diferentes contornas e soportar operacións seguras”. Ademais, aspira a establecer métodos seguros de Autenticación, Autorización e Contabilidade (AAA) en escenarios IoT (Internet of Things), e fornecer a empresas e entidades solucións para o control da privacidade. Deste xeito, aspírase a desenvolver un sistema “de integración rápida”, que apoie o comportamento cooperativo intelixente e que permita a posta en marcha de aplicacións descentralizadas baseadas en IoT. A intención é ”ofrecer ferramentas que permitan a toma de decisións baseada en datos de forma autónoma e segura”. Ademais dos aspectos habituais de repaso dos paquetes de traballo incluídos no proxecto, o encontro da Coruña serviu para que os técnicos e investigadores coñecesen de primeira man a dimensión e alcance das infraestruturas que compoñen un sistema de auga urbana, cunha visita ao encoro de Cecebre.
Moitas veces a tecnoloxía nace cun propósito e evoluciona a outras posibilidades que tamén son moi útiles. É o caso da tecnoloxía de captación de movemento que moitos estudos cinematográficos de animación utilizan e que unha cadea de hospitais de Norteamérica usa para axudar a nenos con parálise cerebral.
O primeiro hospital que a utilizou é o Shriners de Montreal (Canadá), onde os profesionais da saúde poden analizar con todo detalle o movemento dos nenos e novos para decidir cal será o tratamento ou a cirurxía máis indicada para mellorar a súa calidade de vida.
Así mesmo, esta tecnoloxía serve para poder detectar dunha forma obxectiva a evolución e a mellora no movemento dos nenos. Algo que, ata agora, baseábase na percepción do médico.
A tecnoloxía que utiliza este hospital infantil de Canadá, e que xa se está estendendo a outros hospitais da cadea por toda Norteamérica, tamén se utiliza en nenos con outro tipo de discapacidade, así como con pacientes con pé quino; distinta lonxitude de ósos; desordes ortopédicos, neurolóxicos ou xenéticos; osteoxénese imperfecta e espiña bífida.
Na reunión mantida esta semana na cidade de Ankara, Turquía, a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) presentou os avances do programa europeo #Tools4Brain, xunto ao Servizo de NeuroRehabilitación de Hospitais Vithas Nisa, a asociación portuguesa NOVAMENTE (Associacao de Apoio aos Traumatizados Cranio Encefalicos e Suas Familias) e a organización turca Buyuk Ortadugu Saglik Ve Egitim Vakfi (BOSEV).
A aplicación, que estará activa en breve para móbiles e tablets nas diferentes plataformas, será unha nova ferramenta que axudará a mellorar a calidade de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e as súas familias. Na actualidade, preto de 10 millóns de persoas sufriu DCA, é dicir, o 9 % da poboación mundial. Só en España, 420.000 familias viven con Dano Cerebral Adquirido e, cada ano, prodúcense máis de 100.000 casos novos.
Xeralmente, os coidadores das persoas afectadas por un DCA non dispoñen de formación previa na materia e atópanse ante un duro reto, xa que 'a aprendizaxe do coidado do seu familiar adoita coincidir co proceso de duelo e de integración desta nova e dura situación ás súas vidas', sinala o Dr. Joan Ferri, responsable do Servizo de NeuroRehabilitación de Hospitais Vithas Nisa.
Por este motivo, durante 36 meses e enmarcado no programa europeo Erasmus+. Cooperation for Innovation and the Exchange for Good practices | Estrategic partnership for adult Education, vén desenvolvendo unha app e un manual de boas prácticas para o coidado das persoas con Dano Cerebral Adquirido, en diferentes idiomas.
Tras a primeira reunión en Valencia, que tivo lugar o ano pasado e onde se detallou o organigrama dos fitos de desenvolvemento desta útil aplicación, programáronse os eventos para realizar en Madrid, Lisboa, Ankara e Valencia, cuxa finalidade é axudar a concienciar e difundir a situación destas familias.
As elevadas cifras de persoas con DCA e a experiencia do Servizo de NeuroRehabilitación e dos seus socios europeos con pacientes e familiares foi a base deste proxecto, que foi presentado no marco de programas europeos ERASMUS+, e que, polos beneficios que presenta á sociedade e polo seu carácter internacional, conseguiu a subvención para o seu desenvolvemento como asociación estratéxica.
FEDACE, representa ao movemento asociativo do DCA e agrupa a 40 entidades territoriais de familiares e persoas afectadas (9.000 socios). Entre os seus obxectivos figura concienciar á sociedade e á Administración sobre a importancia de crear unha rede de recursos e servizos socio-sanitarios, acorde co número de persoas que sofren unha lesión cerebral e a gravidade e variedade das súas secuelas.
Quen non ten contas na rede e enfróntase a diario ao reto de ter que gardar e lembrar unha plétora de nomes de usuario e contrasinais? Un equipo internacional de investigadores deu a coñecer unha nova plataforma segura de autenticación para dispositivos móbiles que vincula todas as contas en liña coa identidade do usuario, deixando que o teléfono móbil se encargue da súa xestión.
A maioría dos dispositivos móbiles están vinculados con centos de contas e aplicacións, que presentan todo tipo de configuracións de seguridade, identidades e contrasinais. O proxecto ReCRED, financiado pola Unión Europea, desenvolveu solucións avanzadas de software para abordar o problema da sobrecarga de contrasinais a fin de que poidamos acceder de forma segura ás nosas contas sen ter que lembrar múltiples contrasinais.
Un único contrasinal que memorizar
ReCRED deixa atrás a era dos contrasinais ao desenvolver un sistema de acceso avanzado, seguro e flexible. «A adopción da arquitectura de autenticación baseada no dispositivo é clave para eliminar os contrasinais como o método principal de autenticación na web», sinala o coordinador do proxecto, Christos Xenakis da Universidade do Pireo (Grecia).
Este método mellora a seguridade do usuario final en internet ao empregar o móbil como un intermediario ou «proxy» de autorización. «A autenticación e a autorización simplifícanse ao realizarse por medio do uso combinado dun pin curto, información biométrica (por exemplo a voz, impresións dixitais ou a firma) e credenciais anónimas (por exemplo, un pseudónimo)», afirma Rubén Cuevas, investigador da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), unha das entidades que contribuíron ao proxecto.
Identidade do usuario e administración da conta
A maioría dos usuarios de internet están rexistrados en moitos servizos en liña, como provedores de correo electrónico, redes sociais, banca electrónica ou aplicacións corporativas. Isto dificulta a tarefa de identificar que existe unha propiedade conxunta de servizos asociada a un só usuario.
ReCRED proporciona un acceso seguro a estes servizos ademais de facer posible a administración de contas desde un único dispositivo, independentemente do método de autenticación empregado en cada servizo. O módulo de adquisición de identidade en liña desenvolvido encárgase de vincular horizontalmente as identidades do usuario que están fragmentadas na rede. O servizo permite ao usuario outorgar autorización explícita a ReCRED para acceder á información de cada conta en liña que posúe.
Os investigadores crearon, ademais, un módulo de adquisición de identidade física para aqueles servizos que requiren un maior nivel de garantía de atributos. Este servizo verifica todos os atributos de identidade incluídos na identidade física do usuario, por exemplo o seu número de pasaporte ou documento de identidade, número de conta bancaria, a súa foto, etc.
Con todos estes servizos ReCRED mellora a garantía de identidade e reforza o vínculo entre identidades físicas e virtuais. «Os usuarios finais poden agora corroborar que son propietarios de diferentes contas partindo de distintos provedores de identidade, vinculalas entre si e consolidar os seus atributos de identidade», afirma Christos Xenakis.
Seguridade baseada en datos, non en contrasinais
Un suposto típico que ejemplifica todo o relacionado coa xestión da identidade dos usuarios na rede asóciase coa diversidade de servizos que requiren que os usuarios finais inicien sesión para ter acceso.
Ante este suposto habitual, ReCRED aposta pola seguridade baseada en datos. Os investigadores lograron que características únicas do usuario como a idade, a nacionalidade ou a ocupación poidan servir para acceder a datos, recursos ou servizos. «Priorizamos unha autenticación que requira utilizar só datos esenciais que actúan como credenciais anónimas. Non é necesario verificar o correo electrónico, por exemplo, xa que este revelaría a identidade do usuario», explica Antonio Fernández Anta, investigador de IMDEA Networks Institute, colaborador da UC3M en ReCRED.
Duplicar a seguridade reforzando o dispositivo móbil
O dispositivo que se converte na principal porta de ligazón de autenticación presenta os seus propios problemas de seguridade. Este pode converterse nun punto único de fallo en caso de perda ou dano, ou ser vulnerable a ser pirateado tras a autenticación do usuario.
ReCRED (From Real-world Identities to Privacy-preserving and Attribute-based CREDentials for Device-centric Access Control, H2020 Grant Agreement 653417) evitou estes problemas creando medidas de seguridade adicionais con capacidades de bloqueo e recuperación. En particular, os investigadores aproveitaron unha entidade chamada Consolidador de Identidade (IDC, polas súas siglas en inglés) así como firmas comportamentais e fisiolóxicas do usuario e protocolos de seguridade baseados en cartóns SIM para verificar a identidade do usuario. O IDC permite a consolidación e a xestión de identidades, á vez que favorece a recuperación eficiente ante fallos. «No caso de que un usuario perda o seu dispositivo, pode recuperar o acceso aos servizos ao proporcionar unha autenticación de dous factores, como atributos persoais escaneados a partir de características físicas ou datos biométricos conductuais», sinala Xenakis.
A eliminación da necesidade de empregar contrasinais diferentes fará que os servizos baseados en internet sexan máis seguros e fáciles de usar. Ademais dos usuarios finais, outros beneficiarios desta nova plataforma aberta serán os operadores de telecomunicacións, as empresas de aloxamento web e os fabricantes de dispositivos móbiles.
A palestra de emprendemento innovador de Estrella Galicia, The Hop, xa ten gañadores. Os responsables da iniciativa, unha plataforma de lanzamento de proxectos altamente innovadores (proxectos de Intelixencia Artificial, de Big Data, de Internet das Cousas, de robótica, de aplicacións ou de bots) na que participaron un total de 130 propostas achegadas por 420 emprendedoras e emprendedores dunha manchea de países, decidiron recoñecer os esforzos das novas firmas Trucksters, Talentoo, Flexsas, Estrella-Day, Data Monitoring e Barley.
Todas elas darán o seu chimpo empresarial da man da compañía cervexeira galega, que apoiará a estes equipos de mozas e mozos emprendedores nos seus proxectos dixitais.
Trucksters
A tecnoloxía desta startup facilita ás empresas de transporte acceder a unha rede de condutores para que estes fagan relevos na estrada e conduzan un mesmo camión ao longo dun traxecto de media e longa distancia. A solución axuda a optimizar o traslado do produto por estrada e chegar a novos mercados de forma máis eficiente e económica.
Talentoo
Trátase dunha plataforma de selección de persoal, cun modelo B2B, que conecta a empresas contratadoras con seleccionadoras de forma sinxela e baixo un rexistro de balde. Segundo informaron os seus impulsores, o sistema mellora os custosos procesos de emprego, “actuando como único intermediario e provedor”.
Flexsas
É un mercado en liña para solucións de almacenamento baixo demanda. Conecta a distribuidores e outros axentes do sector con operarios de almacéns. A iniciativa conta con centos de socios e apoios en Brasil, desde onde xestionan a distribución nas distintas canles de retail co obxectivo de reducir custos e aumentar as vendas en zonas máis remotas.
Estrella-Day
A tecnoloxía de Estrella-Day pretende prover cervexa fría a clientes nunha hora, grazas á migración cara ao que se coñece como Same-Day-Delivery (entrega inmediata nun mesmo día). O obxectivo é optimizar as operacións a tempo real e conseguir novos consumidores, ao crear novas liñas de negocio e potenciar as existentes.
Data Monitoring
Esta solución consiste en deseñar, fabricar e programar un dispositivo de seguimento e monitoraxe con IoT (Internet of Things, Internet das Cousas), de baixo custo e adaptado aos barrís de cervexa de adega. Doutra banda, inclúe unha app móbil desde a que controlar distintos parámetros cos que poder facer estudos sobre o estado e o consumo do produto, así como a loxística para reposicións.
Barley
Trátase dunha plataforma de xestión e intelixencia orientada a bares, distribuidoras e produtoras de cervexa. Grazas aos caudalímetros IoT que pon en xogo, xérase a información a gran escala (Big Data) precisa para crear solucións de analítica, optimizar a toma de decisións, ofrecer un mellor servizo e aumentar vendas.
Seguintes pasos
A compañía cervexeira incorporará os diferentes proxectos e iniciativas dixitais aos seus procesos e actividade empresarial. As startups colaboradoras no programa recibirán, pola súa banda, a formación, o seguimento, o asesoramento e o impulso necesarios para desenvolver e acelerar os seus proxectos desde esta contorna de creación aberta.
18 proxectos finalistas de entre máis de 130 inscritos
O obxectivo con The Hop pasa por identificar talento, desenvolver emprendemento tecnolóxico e fomentar a colaboración de Estrella Galicia con startups e mozos emprendedores.
Desde a presentación do programa, o 31 de maio, a comunidade de hoppers rexistrou máis de 130 propostas, das cales só 18 proxectos resultaron preseleccionados.
Durante a mañá do martes, día da entrega de premios, os equipos finalistas tiveron a ocasión de defender as súas solucións perante os membros do xurado, cuxa resolución final produciuse pola tarde.
A partir de agora, as firmas innovadoras finalmente seleccionadas por The Hop poderán achegar valor engadido coas súas solucións tecnolóxicas ás diferentes áreas estratéxicas da cadea de valor da cervexeira galega, como son as de comercialización, fabricación e calidade, xestión, loxística e aprovisionamento, e mercadotecnia, entre outras.
Cada un dos equipos gañadores recibirá un premio en metálico de 10.000 euros, non sen antes pasar pola Experiencia The Hop, un período de inmersión corporativa e cultural no que aprenderán desde A Coruña como facer medrar de maneira exponencial os seus proxectos e desenvolver as súas metas.
Ao acto acudiu tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que salientou na entrega dos Premios The Hop que “os galegos somos innovadores, vivir na esquina de Europa non é fácil, e interésanos moito o talento e as iniciativas emprendedoras. Aos premiados dígolles que son afortunados por poder traballar xunto a unha empresa como Estrella Galicia e tamén considero que a compañía é moi afortunada por poder traballar con tanto talento”.