main content

main content
11/10/201809:10
Premio GrausTIC 2018.
Madrid

Premio GrausTIC 2018 á integración social a través das TIC

A Fundación Orange foi premiada co Premio GrausTIC 2018 á integración social a través das TIC polo seu labor no campo da tecnoloxía e o autismo. Unha aposta firme pola tecnoloxía como ferramenta e oportunidade para mellorar a vida das persoas.

Por elo levamos xa máis dunha década liderando unha aposta para facilitar a comunicación e o desenvolvemento das persoas con TEA a través do uso da tecnoloxía, desenvolvendo, así mesmo, labor de difusión, a través de obras audiovisuais, para sensibilizar á sociedade sobre este trastorno, cuxa prevalencia se cifra nunha de cada 100 persoas, e a cuxa contorna se suman as familias e profesionais do sector educativo, pedagóxico ou sanitario.

A última iniciativa neste ámbito foi a campaña #JuntoalAutismo, lanzada na primavera de 2018, en colaboración coa Confederación Autismo España e a Fundación Atresmedia, e na cal, a través dunha serie de curtametraxes expóñense sucesos cotiáns que levan a reflexionar sobre como é o día a día dunha persoa con TEA.

En todos estes anos na Fundación Orange fomos impulsando diferentes aplicacións e programas para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA. Estes proxectos, todos eles gratuítos para o usuario final, realízanse en colaboración con universidades, expertos, empresas, asociacións de usuarios e inclúen sempre aos usuarios finais no proceso de desenvolvemento desas ferramentas. Máis información sobre as nosas ferramentas tecnolóxicas.

11/10/201809:10
Imaxe dunha persoa en cadeira de rodas en sombra.
Madrid

É hora de normalizar as persoas con discapacidade no mundo audiovisual

Un dos obxectivos das persoas con discapacidade e as organizacións que as representan é favorecer e normalizar a súa participación na sociedade, e neste aspecto a tecnoloxía e os medios audiovisuais son moi importantes.

Con todo, ata agora o papel destes medios e das novas tecnoloxías como soportes de películas, series e programas, non están a axudar a esta normalización, senón todo o contrario.

Na práctica totalidade dos contidos non aparecen persoas con discapacidade, e cando si participan, fano xeralmente cunha imaxe distorsionada da realidade.

Nestes contidos, a discapacidade asóciase a invalidez, a minusvalía, a incapacidade... no canto da valores máis reais como a superación, a igualdade ou a autonomía.

Por esta razón, os participantes no IX Congreso Amadis de 'Accesibilidade nos Medios Audiovisuais das Persoas con Discapacidade', reclamaron unha maior presenza das persoas con discapacidade nestes contidos e cunha participación próxima á realidade.

11/10/201809:10
O director do Igape, Juan Cividanes, xunto coas emprendedoras de Minervas Voice, en Ames.
Ames

A Xunta destaca en Ames a aposta da empresa Minervas Voice pola implantación da Industria 4.0 no eido cultural

  • O director do Igape, Juan Cividanes, visitou onte esta compañía coruñesa, que ofrece contidos audiovisuais innovadores baseados nas TIC
  • Salienta o compromiso da compañía coa cultura e a formación mediante a posta en marcha dunha plataforma audiovisual e unha editorial en liña
  • O novo proxecto empresarial conta co apoio do programa Galicia Rural Emprende, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria promove a creación de novas pemes no medio rural que non se circunscriben a actividades agrícolas
  • A través das edicións dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende do pasado ano a Xunta concedeu axudas que mobilizaron máis de 18M € e permitiron a creación ou mantemento de 385 postos de traballo

 

O director do Igape, Juan Cividanes, subliñou onte na súa visita ás instalacións de Minervas Voice, en Ames, a aposta desta empresa polo desenvolvemento de iniciativas innovadoras no ámbito rural, mediante a posta en marcha de dous proxectos culturais baseados nas TIC cos que ofrecerá publicacións e contidos audiovisuais sobre a achega artística, científica e intelectual das mulleres que contribuíron de forma decisiva á evolución da humanidade.

Salientou tamén que a Xunta, mediante o programa Galicia Emprende, facilita axudas directas para impulsar os investimentos dos emprendedores e autónomos que crean novas empresas ou que as crearon en datas recentes. Esta liña de axudas, á que se acolleu a compañía editorial coruñesa, está deseñada para fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e para favorecer a xeración de emprego mediante a posta en marcha de proxectos non vencellados á produción agrícola.

Como apuntou Cividanes na súa visita, Minervas Voice, orientada a proporcionar unha oferta editorial, formativa e de entretemento innovadora, destaca pola súa aposta pola implantación da Industria 4.0 no eido cultural. Cualificada como iniciativa de base tecnolóxica, a partir da intelixencia artificial, big data e sistemas de recomendación, ofrecerá ao público contidos web e audiovisuais a través dunha única plataforma, así como unidades didácticas e libros mediante unha editorial en liña intelixente.

Ademais do programa Galicia Rural Emprende, pero sen focalizar a súa incidencia no ámbito rural, desenvólvese o Galicia Emprende. Ao abeiro destas iniciativas, o pasado ano a Xunta concedeu axudas por importe de 6,8 millóns de euros a 162 proxectos empresariais de emprendedores, que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociados a creación ou mantemento de 385 postos de traballo.

11/10/201808:10
Asistentes á clausura da tercera edición do coworking da Mariña. IRIA L.V.
Mondoñedo

Os 22 proxectos do Coworking da Mariña apostan por servizos industriais innovadores e a valorización dos recursos do territorio

  • Mondoñedo acolleu o martes a presentación das iniciativas emprendedoras desenvoltas na aceleradora, na que colaboran a Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI)
  • Os 33 novos empresarios escolleron ámbitos de actividade como novos servizos e produtos relacionados co transporte, o turismo e a agroalimentación, as TIC e a industria da saúde, entre outros
  • Os participantes contaron con asesoramento especializado e titoría personalizada no espazo habilitado no Centro Comarcal do municipio lugués, onde se levan acelerado máis de 65 plans empresariais
  • Desde o comezo da súa actividade ata finais de 2018, a rede de espazos coworking da Xunta terá impulsado 440 proxectos de 540 emprendedores

 

O Centro Comarcal de Mondoñedo acolleu o martes a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking da Mariña lucense impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que 33 emprendedores recibiron formación e asesoramento á medida para o desenvolvemento dun total de 22 proxectos empresariais.

Os novos empresarios optaron pola oferta de servizos en diferentes ámbitos de actividade, como os relacionados coa valorización de recursos do territorio, o turismo e a hostalería; o uso das TIC en agricultura, seguridade ou fotografía; a asistencia e a conciliación familiar, laboral e persoal, e a fisioterapia; así como pola oferta de novos produtos do sector do transporte, o agroalimentario e a artesanía, entre outros.

Nas tres convocatorias da aceleradora da Mariña lucense levan participado ata o momento máis de 80 emprendedores con 65 proxectos, dos cales preto do 60% iniciaron a súa actividade empresarial. A iniciativa forma parte da rede coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Este apoio da Xunta para o fomento do espírito emprendedor, sobre todo nos concellos do rural, súmase ao programa Galicia Rural Emprende, que este ano mobiliza case 7,8 millóns de euros para impulsar un total de 74 proxectos de empresas ou autónomos, 30 máis que na edición anterior. Só na provincia de Lugo, mobilízanse dous millóns de euros na consolidación de 18 proxectos empresariais.

Nestes días finalizan tamén as accións de formación e asesoramento das últimas edicións dos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nas que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento. Desde o comezo da súa actividade e ata finais de 2018, estas iniciativas terán impulsado un total de 440 plans empresariais de 540 emprendedores.

Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

11/10/201808:10
Mesa redonda de #IURISTICGAL18.
Santiago de Compostela

A cuestión blockchain centrou boa parte dos contidos da #IURISTICGAL18

Sen dúbida unha das grandes cuestións que se tocou na oitava edición da Xornada de Informática Xudicial, #IURISTICGAL18, celebrada onte na Cidade da Cultura da man do CPETIG e a axencia AMTEGA, foi o amplo horizonte de oportunidades que ofrece a tecnoloxía blockchain. Asemade, os relatores que participaron no encontro, senlleiros representantes da rica zona de confluencia entre xustiza e TIC, afondaron no que nos agarda en materia de delitos dixitais.

Logo da sesión de inauguración, foi a quenda de Santiago Márquez, un dos pioneiros na escena blockchain en España, quen puxo de relevo as posibilidades da transformación dixital a través desta tecnoloxía de cadeas de bloques, aplicable a calquera sector: finanzas, seguros, loxística, enerxía, sanidade, etc. Segundo fixo saber, o blockchain serve para eliminar intermediarios e, segundo o experto, representa vantaxes como “a rapidez das transaccións e a redución de riscos nas operacións”, xa que fican a salvo de fraudes e ciberataques. 

Segundo Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, “as grandes oportunidades que abren as tecnoloxías deben ir acompañadas dunha sólida conciencia das ameazas e fendas de seguridade que poden supoñer”, poñendo de relevo na súa intervención a necesidade de aplicar “estritos sistemas de garantías”. A volatilidade da evidencia dixital e as dificultades da investigación dos ciberdelitos foron o eixo do relatorio de Silvia Barrera, consultora en ciberseguridade, experta en cibercrime e inspectora da UIT da Policía Nacional, agora en excedencia. Roubo de contrasinais, suplantación de identidade ou hackeos de WhatsApp son algúns dos exemplos citados pola experta para ilustrar que en 2016 se presentaron en España 60.154 denuncias de ciberdelitos, que representan aproximadamente o 5% dos delitos cometidos en internet, dos que somentes se esclarece unha pequena parte.

Os relatorios completáronse coa intervención de Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, que explicou a necesidade dunha resolución xudicial expresa para a “invasión do dereito ao entorno dixital de toda persoa investigada”, xa que a incautación durante un rexistro domiciliario do dispositivo onde estea a información non lexitima o acceso ao seu contido, que precisa dunha autorización xudicial expresa. O maxistrado engadiu que cómpre “introducir sensatez na práctica e autorización dos rexistros informáticos e de dispositivos electrónicos que conteñan información posiblemente delitiva, non executándose maximalistamente, senón centrando a ocupación previamente a ser practicada, coa información de que se dispoña”. A VIII Xornada de Informática Xudicial rematou cunha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, director técnico de IURISTICGAL18.

11/10/201808:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CPEIG e AMTEGA inauguran o vindeiro martes o curso superior de eAdministración

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inaugurarán o vindeiro 16 de outubro, oCurso Superior de Administración Electrónica, unha actividade destinada a introducir aos participantes na actualidade da dixitalización das institucións públicas, abordando as súas posibilidades (de cara ás propias administracións pero tamén de cara a cidadanía) e os seus principais retos. O acto, aberto ao público en xeral, será ás 11:00 horas no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.

A inauguración correrá a cargo da directora de AMTEGA, Mar Pereira, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Logo, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración Electrónica, que será impartido polo vogal asesor do Departamento de Xestión Tributaria da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Domingo Molina, e o socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González. 

Este curso pretende afondar (desde unha perspectiva técnico-xurídica) na concepción da Administración Electrónica, incidindo “na importancia que ten a súa implantación nas distintas institucións públicas da nosa Comunidade”. Os contidos do programa achegarán distintas perspectivas sobre o fenómeno do goberno dixital, co fin de que os participantes “adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática”. O presidente do CPEIG sinala que “o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso”. A formación, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade de Galicia. Celebrarase do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

11/10/201808:10
Preparación da XGN R Encounter.
Silleda

XGN R Encounter abre as súas portas este xoves de xeito non oficial

Hoxe abre as súas portas de maneira “non oficial” a festa informática XGN R Encounter, que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda, até o 14 de outubro. A apertura “non oficial” (que se “oficializará”, iso si, ao día seguinte) levarase a cabo ás 16.00 horas, sendo o seu obxectivo “facilitar o acceso graduado dos inscritos, permitindo a aqueles que o desexen comezar a instalar tanto os seus postos informáticos como os seus útiles para durmir, xa que a party conta con zona de acampada”, informa a organización (a dita Feira Internacional, a operadora galega R e máis a Xunta de Galicia, a través de Política Social).

Este primeiro día “informal” de actividades centrará boa parte do seu programa na realización de diversas probas técnicas e de montaxe. Así, se ben as persoas inscritas que acudan poderán comezar a empregar os seus equipos, faranse probas ao longo da xornada para “garantir a estabilidade da conexión e a dispoñibilidade da red de cara ao inicio oficial ao día seguinte”. Por outra banda, o programa de accións (relatorios, torneos, presentacións, obradoiros, etc) propiamente dito da XGN R Encounter non dará comezo de facto até o venres 12, día oficial da apertura do evento. Segundo informan os organizadores, “será entón cando se poñan en marcha as propostas da área Intranet”, orientada ás persoas inscritas, “que poderán participar na manchea de actividades e torneos exclusivos” que se lles ten preparados.

Esta posta en marcha de XGN tamén abranguerá a zona Extranet, que conta cun completo programa ao que poderán acceder de balde os inscritos e mailos visitantes en xeral que se acheguen ao recinto. Nesta edición o programa de actividades amplíase, celebrándose máis dunha decena de torneos de videoxogos, así como nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drons. Amais, haberá conferencias, como a de Nativos R, dirixida a persoas que non naceron na era dixital e obradoiros de robótica para a rapazada (os obradoiros de Crea R), entre outras alternativas de lecer.

11/10/201808:10
Nenos construíndo robots.
Ribadeo

Os obradoiros de Crea R chegan o día 20 a Ribadeo

A operadora R vai organizar o 20 de outubro un novo obradoiro de robótica para a rapazada: unha acción onde dar renda solta ao talento que todas as nenas e nenos atesouran. Desta volta, a cita (inserida no programa Digitalent 2020 da axencia autonómica AMTEGA) será en Ribadeo e estará novamente dirixida a cativos de entre 7 e 15 anos. A actividade formativa é de balde e nela os asistentes terán unha oportunidade de ouro para iniciarse na creatividade tecnolóxica e ir enfiando as súas importantes capacidades cara este eido, un ámbito de grandes posibilidades creativas, dixitais, sociais, laborais e persoais. 

Os obradoiros terán unha duración de dúas horas nas que a rapazada participante construirá e programará robots, marcadores de puntos e coches. Isto que significa? Pois en palabras da operadora de telecomunicacións galega, que os asistentes mergullaranse de cheo na programación, na construción de estruturas de enxeños tecnolóxicos e na experimentación in situ da súa operatividade final (vendo “como os obxectos toman vida”). En concreto, o obradoiro encamiñará ás nenas e nenos para que o robot no que traballarán camiñe, para que un marcador leve os puntos dos equipos nun partido e para que un coche acelere. 

Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 a 11 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas, rapaces de 12 a 15 anos rematarán esta xornada coa que sobre todo se procura que aprendan mentres se divirten. As persoas que se inscriban, deberán facelo na tendaR do número 28 da rúa de Galicia, en Ribadeo, onde poderán solicitar un convite para as 60 prazas dispoñibles.

Percorrido pola nosa xeografía
R retoma o fío dos seus talleres logo das experiencias do ano pasado, no que a operadora de raizame galega percorreu máis dunha vintena de localidades das nosas catro provincias. O periplo recomezou os días pasados, na feira de emprendemento innovador Pont Up Store de Pontevedra e máis en Baiona, e agora prosegue coa recalada en Xuventude Galicia Net (esta finde en Silleda), coa devandita cita de Ribadeo e (máis adiante) coas de Tui, Caldas, O Porriño e Santa Comba.

11/10/201808:10
Cartel do evento.
As Pontes

Os Amigus Labs convocan esta finde á comunidade argalleira galega

O espírito Maker non cesa este outono na nosa terra. Para quen queira seguir avanzando en coñecementos e habilidades arredor da robótica e o software e o hardware libres, vai ter ocasión de facelo os días 13 e 14 de outubro nas Pontes, cunha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que desenvolven regularmente os integrantes da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A nova edición destas xeiras creativas, participativas e abertas celébrase como de costume no Lar da devandita vila coruñesa. 
Os Workshops'18 dos días 13 e 14 de outubro serán tamén a antesala das actividades que prepara Amigus para a OSHWDem do 10 de novembro no museo DOMUS de A Coruña e para a Maker Faire Galicia, en Santiago os días 23, 24 e 25 de novembro na Cidade da Cultura. Nos devanditos workshops previos, a asociación aproveitará para rematar os proxectos que se van presentar ao detalle nestes dous acontecementos de novembro, que son tamén escaparates de primeira liña para mostrar achados argalleiros feitos en colectividade. 

Proxectos como por exemplo o Tetris LED, o barco autónomo solar, os velocistas, así como o labor de optimización das impresoras 3D das que dispón a asociación das Pontes, amais de novos proxectos como un mando Bluetooth para calibrar os velocistas, unha interface da mesma tecnoloxía de comunicación para unha recreativa ou a fabricación dun escáner 3D. Amigus e os seus integrantes tamén se introducirán no eido das FPGA coa Alhambra II. Na nova edición dos Amigus Labs, asemade, potenciarase o uso do software e o hardware libre, dende placas Arduino e Raspberry Pi, pasando por software de programación, deseño, modelado e animación 3D. A idade mínima para participar nos workshops é de 8 anos en adiante, e a inscrición é de balde. Novamente o horario será o seguinte: o sábado de 10:30 a 20:00 horas e o domingo de 10:30 a 14:00, facendo unha parada para xantar (no Lar) o sábado de 14:00 a 16:00.

11/10/201808:10
Home sentado diante dun portátil.
Santiago de Compostela

A Informática como materia obrigatoria nas etapas preuniversitarias

  • Un grupo de traballo da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) elaborou un informe sobre o ensino da Informática nas etapas educativas previas á universidade
     

Desde setembro de 2017, a SCIE puxo en marcha un grupo de traballo co obxectivo de elaborar recomendacións sobre a educación en Informática nas etapas educativas preuniversitarias. Este equipo de expertos está coordinado polo profesor da URJC Anxo Velázquez, en representación da Asociación para o Desenvolvemento da Informática Educativa (ADIE).

O último informe publicado considera que debe abordarse de forma integrada a educación no uso da Informática e nas súas bases científicas. 'Desta forma, os futuros alumnos terán unha formación adecuada no uso das TIC, a denominada 'competencia dixital', pero tamén dispoñerán de coñecementos suficientes dos seus fundamentos que lle sirvan no futuro, cando as tecnoloxías actuais quedáronse obsoletas', explica o profesor da URJC.

Implantar estas melloras na educación permitirán que as novas xeracións adquiran competencias relacionadas coa comprensión de novos coñecementos e estean mellor preparados para a sociedade que os rodea. Segundo apunta Anxo Velázquez, 'en concreto, facilitaría o fomento de vocacións en Informática, sobre todo entre as mulleres, a integración laboral e o emprendemento en novas tecnoloxías.

 

Nova materia educativa: a Informática

O informe propón que a introdución desta materia se concrete nunha materia obrigatoria nas etapas de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Neste documento, os expertos recollen unha proposta concreta de resultados de aprendizaxe para cada etapa educativa. 'Estes resultados organízanse en seis áreas: programación, computadores e sistemas operativos, redes e Internet, datos, contidos e cooperación, e seguridade', sinala Anxo Velázquez, quen engade que 'as recomendacións para Bacharelato atópanse particularizadas para cada modalidade e tamén se analiza o problema da formación do profesorado e algunhas cuestións didácticas'.

Para a elaboración deste estudo, o grupo de traballo da SCIE contou tamén co apoio da Coordinadora de Decanos e Directores de Enxeñería Informática (CODDII). O informe atópase dispoñible nas páxinas webs de SCIE e de CODDII e nos próximos meses realizaranse diversas accións de divulgación do mesmo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS