main content

main content
16/10/201814:10
Inauguración da xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega.
Santiago de Compostela

Política Lingüística e o Consello da Cultura analizan a importancia das tecnoloxías da fala

  • Valentín García participou esta mañá na inauguración da xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello coa colaboración do seu departamento

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura da xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega, que se celebra hoxe ao longo de todo o día na sede do Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada, organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aborda a importancia e a situación dunhas ferramentas que facilitan que a comunicación entre persoas estea por riba das barreiras idiomáticas.

Valentín García lembrou “que unha lingua de presente e de futuro coma o galego ten que participar dos avances que se producen no terreo das tecnoloxías da fala para que unhas ferramentas pensadas para facilitar a inclusión e a comunicación non se convertan en ferramentas de exclusión”. Neste sentido, o secretario xeral avogou “por traballarmos sen descanso desde a Administración, desde o ámbito da investigación, desde as empresas... para producir recursos e aplicacións que reduzan a nada a fenda dixital”.

Acompañaron o secretario xeral na presentación desta xornada Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Carmen García Mateo, coordinadora do encontro.

 

Transcrición voz-texto e procesamento da linguaxe natural
Os obxectivos da xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega son mostrar o estado da cuestión en dous aspectos relevantes das tecnoloxías lingüísticas: o campo da transcrición automática de voz a texto, como elemento fundamental para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva aos contidos audiovisuais, e o campo da tecnoloxía do procesamento de linguaxe natural como axente facilitador de medios en galego.

Para iso, ao longo da mañá abordaranse as seccións “Accesibilidade” (coa intervención de Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, e de Francisco Armero Real, director da Área de Accesibilidade de TVE) e “Estado da tecnoloxía de subtitulado”, coas análises de Belén Ruiz Mezcúa, directora do Centro Español del Subtitulado y la Audiodescripción, Pablo Romero-Fresco, director do observatorio galego de accesibilidade aos medios GALMA, e Artantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnologías del Habla y del Lenguaje Natural de Vicomtech. Pola tarde será a quenda de José Ramón Pichel, de Imaxín Software, que falará de “As tecnoloxías da linguaxe como facilitadoras de medios en galego”; de Pedro J. Moreno, de Google Research, que se referirá ao “Desenvolvemento de sistemas de recoñecemento de fala multilingües” e explicará “por que Google desenvolve tecnoloxía en galego”; e de Carmen García Mateo, directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, quen presentará unha “Panorámica de ferramentas e corpora de tecnoloxía de fala en galego” e fará unha reflexión sobre futuras liñas a seguir.

16/10/201814:10
Sinatura do convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta e as universidades galegas renovan a súa colaboración para organizar actividades formativas e de investigación conxuntas

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á sinatura dun convenio entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e os reitores das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña
  • Grazas á formalización deste convenio, o persoal universitario de administración e servizos recibe unha formación actualizada e de calidade, equiparando a súa situación coa dos demais empregados públicos de Galicia
  • Permitirá tamén a realización conxunta de cursos de verán aos que poderá asistir o persoal da Xunta

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á sinatura dun convenio entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para colaborar, por quinto ano consecutivo, na organización de actividades formativas, divulgativas e de investigación.

No acto participaron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e de Vigo, Manuel Reigosa; xunto coa directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

A sinatura deste documento marco posibilita que o persoal de administración e servizos das tres universidades públicas galegas acceda á formación convocada pola EGAP, tanto con actividades exclusivas para eles como coa súa participación no Plan formativo ofimático de Galicia, no programa de autoformación e no portal de idiomas. Desta maneira, o dito persoal recibe unha formación actualizada e de calidade impartida polos mellores profesionais, equiparando a súa situación coa dos demais empregados públicos de Galicia que teñen acceso a estas actividades desde hai anos.

Inicialmente, esta iniciativa só incluía a formación do persoal de administración e servizos das universidades, pero foi evolucionando ata adquirir cada vez máis relevancia. Así, entre outras novidades, este convenio permitirá a realización conxunta de cursos de verán aos que tamén poderá asistir o persoal da Xunta, beneficiándose desta acción todos os empregados públicos de Galicia.

Este acordo inscríbese na aposta da Administración autonómica pola cooperación e suma de esforzos en todos os ámbitos, incluída a formación. De aí que nos últimos anos se fora reforzando a colaboración entre a EGAP e outras institucións, como a Administración local, a Administración de Xustiza ou as propias universidades.

 

Máis de 7.400 prazas desde 2014

Desde o ano 2014 o persoal de administración e servizos das tres universidades galegas puido matricularse nun total de 144 edicións formativas e acceder a 7.432 prazas convocadas especificamente para este colectivo.

En concreto, para este 2018, o convenio permitirá a convocatoria de 25 edicións e 1.100 prazas, ademais do acceso deste colectivo ás materias do Plan formativo ofimático de Galicia, ao programa de autoformación e ao portal de idiomas da EGAP. Finalmente, ao abeiro deste texto tamén se convocará unha xornada sobre Protección de datos e ciberseguridade que terá lugar no mes de decembro.

16/10/201814:10
Inauguración do Curso Superior de Administración Electrónica.
Santiago de Compostela

A Xunta ofrece este ano máis de 1.200 horas de formación sobre administración dixital aos empregados públicos

  • As directoras da Amtega e da EGAP xunto co presidente do CPEIG inauguraron hoxe unha nova edición do Curso Superior en Administración Electrónica
  • Un total de 80 profesionais da Administración galega participan neste itinerario formativo, que rematará o 27 de novembro
  • É un dos 55 cursos do Plan que acompaña ao proceso de transformación dixital que se está a abordar na Administración autonómica

 

A formación é unha das liñas de actuación do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co que se está a consolidar o proceso de transformación dixital da Administración autonómica. Así o destacou esta mañá a directora da Amtega, Mar Pereira, na inauguración do Curso Superior de Administración Electrónica, na que tamén interviñeron a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez.

O curso, no que participan 80 empregados públicos ata o 27 de novembro, afonda na concepción da Administración electrónica desde unha perspectiva técnico-xurídica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da Comunidade.

 

Máis formación, maiores niveis de uso
Mar Pereira, lembrou que a Amtega colabora coa EGAP no desenvolvemento dun Plan para reforzar a formación do empregado público no ámbito da Administración dixital e da Protección de Datos, que a finais de ano terá ofrecido 1.200 horas formativas a través de 55 cursos presenciais e online. 

A directora da Amtega subliñou que a importancia da formación reflíctese na futura Lei de Administración Dixital de Galicia, actualmente en tramitación, que contempla un Plan de Capacitación Dixital para garantir aos empregados públicos o acceso á formación necesaria para desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.

O sistema de indicadores do Plan apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro e fóra da Administración. A nivel interno no primeiro semestre do ano os empregados públicos realizaron 3,3 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 113% máis que en 2017; máis de 137.000 notificacións electrónicas, case o triple do mesmo semestre de 2017 e asinaron máis de 1,1 millóns de documentos electrónicamente. Por parte dos cidadáns, Pereira destacou que este ano, por primeira vez, as xestións online coa Xunta superan as presenciais.

Pola súa banda, a directora da EGAP recoñeceu que as institucións públicas están obrigadas a coñecer as necesidades dunha cidadanía cada vez máis influenciada polas TIC e a adaptar os procedementos tradicionais a esta nova etapa, de xeito que se poida consolidar unha Administración eficaz e eficiente no cumprimento dos fins que ten asignados.

Ademais, resaltou que a importancia da administración electrónica e á súa complexidade xustifican esta nova edición do curso superior de administración electrónica o cal, a través dunha docencia semipresencial, permitiralles aos empregados públicos estudar aspectos concretos coma o sistema único de rexistro, a identidade dixital, a interoperabilidade de datos e documentos, a sede electrónica e a carpeta do cidadán, o impacto do Regulamento xeral de protección de datos ou a factura electrónica, entre outros moitos.

16/10/201813:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Unha xornada reflexionará sobre ‘Que pode facer o Código por nós’?

  • Enmarcada dentro da campaña CodeWeek da Comisión Europea, é de acceso libre ata completar o aforo e sen necesidade de inscrición previa

 

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE) organiza este xoves 18 a xornada ‘Que pode facer o Código por nós?’, iniciativa que se desenvolve con motivo da Codeweek que a Comisión Europea impulsa todos os anos. Como a propia Unión Europea a define, a Codeweek é unha campaña para achegar a programación e o alfabetismo dixital á cidadanía en xeral. 

A xornada promovida polo CEDE en Compostela desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas na Sala 1 do edificio das Facultades de Ciencias Políticas e de Relacións Laborais. A asistencia é libre ata completar o aforo sen necesidade de inscrición. As persoas que participen recibirán un xustificante do CEDE. 

Co acento posto no software libre e o código aberto, o programa da xornada achegará coñecementos básicos sobre o código fonte, conceptos de linguaxes de programación para persoas sen coñecementos previos e reflexionará sobre a importancia da liberdade no software. Intervirá persoal do CEDE e o enxeñeiro informático Rafael Rodríguez Gayoso ex coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego (CIXUG) e que actualmente preside a asociación MeLISA para a promoción do software libre. 

16/10/201813:10
Facultade de Humanidades no Campus de Ferrol.
Ferrol

O Campus de Ferrol acolle un obradoiro sobre impresión 3D, moda e deseño

A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación acollerá este mércores, 17 de outubro, ás 17:00 horas, o obradoiro profesional “Impresión 3D, Moda e Deseño” que organiza o Campus Industrial. Intervirán a directora da Unidade de Negocio de Impresión 3D e Robótica de BQ España, Astrid Sánchez-Pastor Mata, e a deseñadora e emprendedora en Chuic Shop, Rosa Serrano.

A actividade formativa está dirixida ao alumnado dos graos en Xestión Industrial da Moda e en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Tamén poderán participar estudantes doutras titulacións do Campus de Ferrol así coma calquera outra persoa interesada na temática a tratar. Inscricións: oficina.campusindustrial@udc.es / 881 013 621.

16/10/201812:10
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, nunha imaxe de Antonio Hernández para El Correo Gallego.
Santiago de Compostela

As cousas que poden facer as TIC pola fala e a comunicación, ao detalle no CCG

Este 16 de outubro celébrase en Santiago unha xornada dirixida a avaliar en detalle até que punto as ferramentas tecnolóxicas poden axudarnos a comunicarnos mellor, e non todo o contrario: a erguer máis barreiras das que xa hai. Estamos a falar da xornada As tecnoloxías da lingua, que organiza o Consello da Cultura Galega na súa sede e que dá comezo ás 9.30 horas cunha sesión inaugural a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Carmen García Mateo, coordinadora da xornada. Esta, que quere botar luz sobre as posibilidades que se abren ao converter a falta en texto ou coa tradución automática en liña, contará coa presenza de responsables de Google, RTVE, Galma ou Vicomtech. 

As sesións da xornada, que vén da man da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, centraranse no papel que poden xogar as tecnoloxías lingüísticas como ferramentas facilitadoras para a comunicación entre persoas, con especial interese en dous eidos concretos: o da transcrición automática de voz a texto e o da tecnoloxía do procesado de linguaxe natural. 

Respecto do programa de relatorios, darán comezo sobre as 9.45 horas coa intervención de Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, quen falará sobre A accesibilidade aos contidos audiovisuais en Galicia (o estado da cuestión).

Máis tarde, ás 10.30 horas, será a quenda de Francisco Armero Real, director da Área de Accesibilidade de TVE, quen mostrará os traballos actuais da RTVE en materia de accesibilidade. Os relatorios proseguirán logo con Belén Ruiz Mezcúa (directora do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescrición), quen falará sobre a evolución do subtitulado nas canles de TV estatais dende 2011. Sobre as 12.30 horas será a quenda de Pablo Romero-Fresco, director de GALMA (Observatorio Galego de Accesibilidade Aos Medios), quen fará unha análise sobre o subtitulado en directo a nivel nacional e internacional. As sesións de mañá rematan con Arantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnoloxías da Fala e da Linguaxe Natural de Vicomtech, que fará un percorrido por casos de éxito no ámbito da subtitulación automática. 

Pola tarde, José Ramón Pichel, de Imaxin Software, abrirá a sesión de intervencións cun relatorio sobre As tecnoloxías da linguaxe como facilitadoras de medios en galego. Máis tarde, ás 17.30 horas, será a quenda de Pedro J. Moreno, investigador de Google, quen achegará unha reflexión (vía videoconferencia) sobre Desenvolvemento de sistemas de recoñecemento de fala multilingües (o porqué de que Google desenvolva tecnoloxía en galego?).
Ás 18.30 horas falará Carmen García Mateo, directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo, achegando unha panorámica sobre as ferramentas de tecnoloxías da fala en galego.

15/10/201816:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Todo o que quixemos saber sobre eAdministración, a partir de mañá na EGAP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) abren mañá, a partir das 11.00 horas, o Curso Superior de Administración Electrónica, unha acción formativa que mergulla aos participantes na actualidade da dixitalización das institucións públicas, abordando as súas posibilidades (de cara ás propias administracións pero tamén de cara a cidadanía) e os seus grandes desafíos. O acto, aberto ao público en xeral, será no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.

A inauguración correrá a cargo da directora de AMTEGA, Mar Pereira, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Logo, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración Electrónica, que será impartido polo vogal asesor do Departamento de Xestión Tributaria da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Domingo Molina, e o socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González. 

Este curso pretende afondar (desde unha perspectiva técnico-xurídica) na concepción da Administración Electrónica, incidindo “na importancia que ten a súa implantación nas distintas institucións públicas da nosa Comunidade”. Os contidos do programa achegarán distintas perspectivas sobre o fenómeno do goberno dixital, co fin de que os participantes “adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática”. 

O presidente do CPEIG sinala que “o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso”.

A formación, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade de Galicia. Celebrarase do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

15/10/201813:10
Participantes nunha bootcamp.
Santiago de Compostela

Hai profesionais ensinando a programar gratis a refuxiados e persoas en risco de exclusión: esta é a súa historia

Simplon é unha organización sen ánimo de lucro de orixe francesa que se dedica a formar a persoas en risco de exclusión social no desenvolvemento web desde 2013. Ten unha rede de 42 escolas en todo o mundo e formou a máis de 2.600 persoas vulnerables. Este sistema chegou a España fai relativamente pouco, e fíxoo da man de Factoría F5. Tivemos a oportunidade de falar con eles e coa súa primeira promoción de coders (nome que reciben os seus alumnos) para coñecer que fan, como o fan e como aprender a programar axudoulles nas súas vidas.

Factoría F5 foi fundada por Guillaume Thureau, Stéphanie Marze, Ali Siam e David Picou, que xa coñecían as escolas de segunda oportunidade pero querían ir "un paso máis aló". A súa idea era sinxela: "usar a tecnoloxía como vehículo para a inclusión social" co fin de "demostrar que o talento do futuro posiblemente non se parece ao que moitos imaxinan".

Seguir lendo na fonte da noticia...

15/10/201813:10
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou na Cidade da Cultura nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”.
Santiago de Compostela

A Xunta participa no Día Internacional da Muller Rural que ten como obxectivo visibilizar as achegas que levan a cabo as mulleres nas áreas rurais

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou na Cidade da Cultura nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou hoxe nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, e segundo indicou o obxectivo principal de festexar este día é visibilizar a importancia das achega económicas, sociais e culturais que desenvolven as mulleres en áreas rurais de todo o mundo.

Susana López Abella lembrou que a Xunta colabora dende fai anos con Cooperativas Lácteas Unidas, e o pasado mes de xullo asinou un acordo para a visibilización e apoio a proxectos de promoción da Igualdade, xa que fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo da iniciativa “Mulleres de Seu”.

López Abella indicou que dende o Goberno galego traballase para mellorar a situación das mulleres rurais, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.
Conseguir o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade e tal e como indicou López Abella é importante priorizar algunhas áreas de actuación para conseguir a Igualdade entre as mulleres e os homes no rural galego, como son a visibilidade da muller rural, a promoción do emprendemento, a conciliación da vida familiar e laboral, e o fomento do uso da novas tecnoloxías.

Ademais, a titular de Igualdade precisou que é fundamental incentivar a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e de desenvolvemento rural para avanzar nunha maior presenza institucional nos ámbitos de decisión do medio, polo que as organizacións agrarias, as cooperativas e os grupos de desenvolvemento rural deben contar cunha presenza feminina en órganos directivos acordes coa realidade das mulleres rurais.

15/10/201813:10
Momento da xornada.
Santiago de Compostela

A AETG achega claves para non tolearmos coa Wi-Fi en Sarria e Celanova

Botar unha man, achegando pautas e respostas a dúbidas frecuentes, aos cidadáns en materia de posibles opcións a elixir para tirar proveito dos servizos de Internet. Este é o gran obxectivo do programa de xornadas itinerantes de asesoramento sobre servizos tecnolóxicos que organizan en outubro a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e máis a axencia autonómica AMTEGA, a través dun convenio recente de colaboración. O programa, que percorre as aulas CeMIT da xeografía galega, chegou os días pasados á súa terceira edición no centro TIC de Sarria, Lugo

O contido da xornada, que tivo unha duración de dúas horas (ao igual que as restantes xeiras de divulgación programadas), está baseado en conceptos tales como tipoloxía de tecnoloxías de acceso existentes, conexións precisas para os distintos usos de Internet, redes e operadores presentes en Galicia, canles dispoñibles para reclamacións, organismos competentes neste ámbito e normativa existente.

A xornada de Sarria, desenvolvida o 10 de outubro e retransmitida por videoconferencia no CeMIT de O Vicedo, contou coa presenza do colexiado Javier Fernández Fraga, o encargado de impartir esta serie de seminarios dirixidos principalmente a técnicos municipais, no que teñen cabida os usuarios de Internet en xeral. Previamente, o día 9, Fernández Fraga acudiu a Celanova para achegar unha sesión divulgativa previa á cidadanía, sendo esta retransmitido a Ortigueira e Guitiriz.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS