main content

main content
19/10/201810:10
Pantallazo da app.
Madrid

Hazloposible lanza unha nova versión da súa app para empresas na liña das últimas tendencias tecnolóxicas

  • Esta plataforma móbil completa a súa oferta multidispositivo para impulsar o voluntariado corporativo nas empresas
  • A Fundación Hazloposible, entidade pioneira no desenvolvemento do voluntariado corporativo en España con máis de 15 anos de experiencia traballando con empresas e ONG, presentou unha nova versión multidispositivo da súa plataforma de voluntariado corporativo que permitirá aos empregados das empresas acceder ás oportunidades de voluntariado de forma fácil, segura e desde calquera lugar.

 

Esta nova solución tecnolóxica multidispositivo está baseada na tecnoloxía Progressive Web App, desenvolvida na liña das últimas tendencias e impulsada por compañías como Google, Apple, Microsoft ou Twitter entre outras.

Os empregados das empresas coas que colabora Hazloposible poderán, a partir de agora, elixir onde ver os contidos relacionados co voluntariado (pc, móbil, tablet), cunha experiencia adaptada a cada dispositivo, grazas a unha solución tecnolóxica que achega o mellor das app nativas e das plataformas web de forma combinada.

Esta tecnoloxía presenta numerosas vantaxes fronte ás app tradicionais como as notificacións push ou o acceso offline, que permitirá aos empregados acceder ás oportunidades de voluntariado aínda sen dispoñer de Internet. A app da fundación Hazloposible permite a instalación na pantalla de inicio do móbil, coa vantaxe de non requirir espazo de almacenamento na memoria do mesmo e unha maior seguridade.

Grazas a plataforma de Hazloposible os empregados poden, en tempo real e desde calquera lugar, levar no seu peto iniciativas solidarias propostas desde a súa empresa, ligadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), e unirse a oportunidades de voluntariado das máis de 10.000 ONG que colaboran coa fundación. Os empregados poden valorar as actividades nas que participan, compartir as súas experiencias e propoñer a colaboración dos seus compañeiros en proxectos do seu interese.

Esta nova versión da app completa a solución multidispositivo que Hazloposible pon ao servizo das empresas para canalizar, comunicar e xestionar os seus programas de voluntariado corporativo. A tecnoloxía Progressive Web App permite á fundación ofrecer ás empresas, que xa contan coa plataforma de voluntariado corporativo de Hazloposible, integrar os contidos e servizos do portal de voluntariado nos seus móbiles dunha maneira máis eficiente, de forma que poidan acceder a todo o contido da plataforma da súa empresa independentemente do dispositivo ou o lugar onde se atopen. Ademais esta plataforma multidispositivo, que integra todas as funcionalidades, permite unha sinxela implementación nas empresas e un mantemento económico.

Facilitar a participación dos empregados en proxectos de voluntariado a través do móbil permite ademais ás empresas aumentar o impacto das súas accións sociais e medir os resultados destas accións con indicadores en tempo real.

Este lanzamento a Fundación Hazloposible mellora a solución tecnolóxica multiplataforma que ofrece ás empresas, e continúa a senda da innovación tecnolóxica, sempre presente nos proxectos da fundación. Hazloposible aposta deste xeito polas últimas tendencias na tecnoloxía para a mobilidade para poñelas ao servizo do sector social e a participación dos empregados.

A plataforma de voluntariado corporativo está actualmente implementada en empresas das Rede Talento Que Impacta de Hazloposible, e grazas á mesma máis de 314.000 profesionais poden acceder a oportunidades de voluntariado da man das súas empresas.

19/10/201810:10
Galardoados nos Premios de Innovación Social de Fundación MAPFRE.
Madrid

Un dispositivo para predicir crise epilépticas, o vehículo "cero emisións" de repartición e unha plataforma financeira para axudar ás empregadas domésticas de Latinoamérica, gañadores da I edición dos premios Fundación MAPFRE á innovación social

  • Antonio Hortas: "Os Premios de Innovación Social de Fundación MAPFRE son o camiño para impulsar o talento con compromiso"
  • Foron elixidos entre preto de 500 proxectos presentados por investigadores e emprendedores de Latinoamérica e Europa.
  • Os 27 semifinalistas recibiron un programa de mentoring para potenciar a visibilidade dos seus proxectos, e cada un dos tres gañadores 30.000 euros para desenvolvelos.

 

Dous proxectos españois, MJN-SERAS, o primeiro dispositivo médico capaz de predicir unha crise epiléptica, Scoobic, o vehículo de repartición sustentable que descontamina o aire e axuda a salvar vidas, e o mexicano 4UN, unha plataforma financeira destinada a mellorar a calidade de vida das empregadas do fogar, resultaron gañadores da primeira edición dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social que se acaba de fallar hoxe en Madrid.

Para Salva Gutiérrez, un dos creadores de MJN-SERAS, "gañar este premio é un recoñecemento moi importante. Presentáronse proxectos cun enorme potencial e que elixisen o noso significa que estamos a facer ben as cousas. MJN-SERAS está na última fase de desenvolvemento, iniciando xa o lanzamento, e estamos a empezar a falar con partners comerciais. O premio da Fundación MAPFRE axudaranos a potenciar esta actividade en Alemaña e Reino Unido, dous mercados estratéxicos para nós"

José María Gómez, co-fundador e CEO de Passion Motorbike Factory, recoñece que "este galardón é importantísimo para nós xa que provén da Fundación MAPFRE, e dunha compañía de seguros moi interesada na seguridade e a mobilidade. A nosa idea é desenvolver a aplicación móbil que está destinada a xeolocalizar posibles infartos. Será de descarga gratuíta e permitirá que calquera cidadán poida xerar unha alerta para que o Scoobic máis próximo pare a repartición e se dirixa cara á localización cun desfibrilador. Cremos que esta é o mellor investimento que podemos facer. Se serve para salvar unha vida, este premio, e Scoobic, xa valerían a pena".

Miguel Duhalt, de 4UN, considera que "máis ca un premio representa un investimento nun colectivo moi vulnerable, as empregadas domésticas de México e Latinoamérica. Permitiranos desenvolver a seguinte versión do produto, que terá novas ferramentas enfocadas a mellorar as súas vidas e a das súas familias. De maneira máis inmediata traballaremos cunha empresa de innovación para ser aínda máis eficaces e solucionar os problemas que existen dentro deste grupo de poboación pola falta de acceso a produtos financeiros como os seguros"

O acto, celebrado en Madrid, foi inaugurado por Antonio Hortas, presidente da Fundación MAPFRE, quen destacou o enorme éxito dos mesmos. "Hoxe coñecemos aos tres gañadores pero detrás houbo 500 proxectos de innovación comprometidos coa sociedade. Estes premios atoparon a vía para impulsar o talento con compromiso. O éxito desta convocatoria fortalécenos para lanzar a segunda edición destes premios con compromiso social nas próximas semanas".

A cerimonia foi clausurada por Ana Lima, Secretaria de Estado de Servizos Sociais.

 

462 candidaturas, 27 semifinalistas, 9 finalistas e 3 gañadores

Deseñado como un certame, ao redor de tres rexións xeográficas, Brasil, resto de LATAM e Europa, o obxectivo dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social é facer posible o crecemento de propostas que, polas súas características, contribúan a resolver e mellorar aspectos concretos do mundo no que vivimos nas áreas de saúde, mobilidade e cultura aseguradora.

A convocatoria, lanzada a finais de 2017, recibiu un total de 462 proxectos creados por científicos, investigadores, emprendedores, estudantes de universidades e escolas de negocio procedentes de AustriaBrasil, Colombia, Chile, Ecuador, Italia, México, Perú, Reino Unido e España, entre outros.

Só 27 deles, os máis innovadores, optaron a un posto nas tres semifinais, celebradas na Cidade de México e Sao Paulo (xullo) e Madrid (setembro), así como a un programa de mentoring para potenciar a visibilidade dos seus proxectos. Dos 27 semifinalistas, os 9 mellores competiron hoxe na final, en Madrid, ante un xurado formado por expertos en innovación social, que elixiu os proxectos con maior potencial de impacto social e os máis viables desde o punto de vista técnico, económico e organizativo. O xurado destacou a gran calidade dos proxectos, que achegan solucións innovadoras eficaces para resolver algúns dos problemas sociais que existen nas diferentes rexións do mundo.

Neste sentido, Conchita Galdón directora de Innovación Social de IE, subliñou que "os tres gañadores son perfectos exemplos da sociedade que queremos axudar a construír con estes premios, unha sociedade en que a tecnoloxía e a innovación se poña ao servizo de quen máis o necesita".

Os gañadores de cada categoría recibiron un premio que ascende a 30.000 euros para desenvolver os seus proxectos.

19/10/201808:10
Participantes no encontro.
Vigo

A edición 2018 do Machine Learning Workshop Galicia desbordou previsións de participación

A nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018o gran acontecemento deste outono arredor das máquinas pensantes e con capacidade de tomar decisións, desbordou finalmente as previsións de asistencia e repercusión. A cita, que se desenvolveu hoxe na sede de Afundación en Vigo, contou coa participación de 170 asistentes, entre especialistas de universidades e centros de investigación e profesionais de empresas.

O simposio, que naceu hai tres anos froito da colaboración entre catro centros de investigación de referencia en Galicia (o centro AtlantTIC da UVigo, o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA; o CITIC da UDC e o CiTIUS da USC), serviu entre outras cousas para pór de relevo a ampla potencialidade do Machine Learning, un ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio. 

Segundo explicou Milagros Fernández Gavilanes, coordinadora da organización, “a clave da evolución do Machine Learning non está nos tipos de algoritmos, que tamén inflúen, senón na rapidez coa que un sistema é quen de procesar un gran volume de datos”. A investigadora engadiu que os grandes desafíos, neste eido, céntranse en poder aplicar estas tecnoloxías a novos ámbitos, “como por exemplo a ciberseguridade”.

No transcurso da xornada presentáronse máis dunha vintena de traballos científicos, divididos en catro sesións, relativas á aplicación da aprendizaxe máquina en cuestións como a clasificación multilingüe de documentos de texto, as operadoras de telecomunicacións, a detección e o tracking de obxectos en vídeo, os modelos de hábitos de compra de clientes, as técnicas de análise de datos na industria alimentaria, a interpretación de patróns en ondas cerebrais para o control dunha cadeira de rodas, a detección automática de marcas anatómicas na arteria aorta ou a segmentación semántica de nubes de puntos de estradas.

A conferencia de apertura correu a cargo de Ana Peleteiro, directora de Ciencia de Datos en Tendam (antes Grupo Cortefiel). Peleteiro fixo un percorrido polo impacto actual das tecnoloxías de computación modernas e a dispoñibilidade de grandes cantidades de datos, un impacto que abrangue tanto a industria como o mundo académico. A relatora, que cursou o grao de Enxeñaría de Telecomunicación na UVigo, fixo saber que a día de hoxe case non hai un sector produtivo que non se tivese decatado da importancia da Intelixencia Artificial e da Ciencia dos Datos para os negocios. Por exemplo o da moda, unha industria “moi complexa e multimillonaria que ten impactos económicos e sociais elevados, pero cunha compoñente persoal e subxectiva moi alta, xa que ano a ano mudan as tendencias e os gustos dependen moito da personalidade”. Isto, dixo, fai que as empresas do sector confíen cada vez máis nos datos para enxergar o futuro a curto, medio e longo prazo. Segundo fixo saber, eidos como a Aprendizaxe Profunda (Deep Learning) ou o Machine Learning teñen moitas aplicacións no mundo da moda, por exemplo, axudando a mellorar a segmentación e personalización para campañas de mercadotecnia, as recomendacións de produtos, as buscas, a oferta e demanda, a xestión de stocks ou a actualización de prezos. 
workshop, como dixemos, veu da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordinou o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e a empresa Imatia. A previsión era contar con 100 persoas (un número semellante ás edicións anteriores) pero finalmente a cifra incrementouse a 170. 

Amais das devanditas entidades, participaron no evento a Rede Temática en Tecnoloxías Emerxentes da Información e das Comunicacións (RedTEIC), a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, os colexios profesionais de Enxeñeiros de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática (AETG, CPEIG E CPETIG), o IGAPE e outras entidades entre as que están as tres universidades galegas.

19/10/201808:10
Participantes no encontro.
Ourense

A Tecnópole avanza cara a igualdade tecnolóxica perante un cento de escolares

A Tecnópole estase a sumar, con todos os seus recursos, á causa común internacional contra as falsas crenzas que desaniman ás mozas e mulleres de formaren parte das fileiras da comunidade tecnóloga e científica do mundo. A idea do parque ourensán é convidar ás mozas a formarse nestes ámbitos, que ofrecen unha manchea de posibilidades e nos que as mulleres están chamadas a desenvolver un papel crucial, de innovación, progreso e dixitalización. Hoxe mesmo, amplificouse este traballado derrubador de prexuízos ante a presenza de medio cento de escolares, que pasaron pola Tecnópole para participar nas súas xornadas de impulso das vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. 

Na cita participaron alumnas e alumnos do IES O Couto de Ourense, que puideron ver claramente como as diferenzas de xénero non son de ningunha maneira un condicionante para elixiren unha carreira. A xeira incluíu unha competición na que tiveron ocasión de demostrar os seus coñecementos sobre científicas e tecnólogas referenciais, máis en detalle as que integran a mostra Mulleres que cambiaron o mundo

No encontro tamén participou a enxeñeira técnica de montes Azahara Soilán, facéndolle saber ao alumnado os porqués de ter elixido os seus estudos e a súa experiencia durante os mesmos, unha experiencia na que “rapazas e rapaces facíamos equipo, non había diferenzas”. 

No obradoiro sobre o cerebro, o divulgador David Ballesteros lembroulles que non hai relación entre xénero e maior ou menor intelixencia, precisando que “sexas home ou muller, o cerebro consume o 20% da túa enerxía”. Con estas actividades, a Tecnópole únese a outros 15 parques de toda España no marco da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).

Todas os participantes nas xornadas recibiron a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Mañá serán escolares do IES As Lagoas de Ourense os que asistirán a estes encontros.

19/10/201808:10
Participantes na formación.
Lugo

O Concello de Lugo e Telefónica forman 11 mozas e mozos en protección TIC

O Concello de Lugo e a operadora Telefónica están a formar en protección tecnolóxica (de información, de redes, de servidores, de equipamentos) a unha ducia de mozas e mozos da contorna. A actividade formativa presentou novamente os seus detalles, hoxe, con motivo dunha visita ao obradoiro da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da Fundación Telefónica, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. O curso desenvólvese no Edificio de Novas Tecnoloxías, emprazado en pleno casco vello da cidade. 

Segundo explicaron, trátase dun curso presencial que ten como obxectivo que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, en palabras do Goberno local e a operadora “unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”. O obradoiro, amais, pon o foco no mercado, tendendo pontes entre a demanda real de empresas e o sistema educativo. Nun plano máis concreto abrangue adestramento teórico-práctico en cuestións como o hacking ético, as técnicas de proteccións para infraestruturas, as contramedidas... O curso arrincou a finais de maio e ten lugar en xornada de mañá no Edificio de Novas Tecnoloxías até o 8 de novembro.

Segundo engadiron o Concello a Telefónica, o interese da mocidade local por participar foi ben alto, xa que houbo 126 candidatas e canditatos para esta actividade en Lugo, a primeira destas características que desenvolve Telefónica en Galicia. Arestora o alumnado está a preparar os proxectos grupais finais con empresas. Con esta actividade, o Concello quere “crear sinerxías con Telefónica contra o desemprego xuvenil”, apostando “pola creación de emprego no municipio”. Asemade, constitúe un importante complemento e elemento dinamizador para o Edificio de Novas Tecnoloxías, que dentro da programación de Tecnoloxíza-T! para o último trimestre, ofrece 7 cursos e titorías tecnolóxicas.

19/10/201807:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Volve Toponimízate para facer perdurar os nosos nomes de lugar a través dos móbiles

A Real Academia Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vaille dar continuidade ao programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, destinado a pór en valor os nosos nomes de lugar, dende o máis coñecidos até o máis miúdos, dándolles difusión e contribuíndo a preservalos con axuda das novas tecnoloxías (Rede, móbiles, GPS, aplicacións). A segunda edición do programa foi presentada onte nos seus detalles. Por exemplo: que as súas accións de divulgación e mobilización a prol dos topónimos galegos chegará os vindeiros meses a 15 concellos, e que o roteiro inclúe charlas á veciñanza para, entre outras cousas, afondar na orixe de cada nome e difundir a microtoponimia galega a través da xeorreferenciación e xeolocalización.

A Real Academia Galega coordinará esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia. Interviñeron na rolda de prensa o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o técnico do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo, e María Luísa Pena Babío, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. A segunda edición do programa desenvolverá entre os meses de outubro e decembro en quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada de Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia. Vicente Feijoo visitará todos estes concellos cunha serie de charlas que contan coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza.

O presidente da RAG salientou novamente “a excepcional riqueza toponímica de Galicia” e lembrou que “preservala é un compromiso colectivo como o foi a súa creación”. E engadiu, facendo fincapé nesta riqueza inmaterial de noso: “Poucos países contan cunha xeografía tan humanizada como Galicia. Cada rueiro, cada camiño, cada regato, cada cancela, ata os máis pequenos currunchos, non digamos as cidades e os núcleos de poboación, teñen nome. Os nomes de lugar son a alma da Terra, a crónica profunda da historia dos avós, dos devanceiros todos, dende a noite dos tempos, que deixaron pegada neste país”. O secretario xeral de Política Lingüística subliñou, na mesma liña, que a toponimia e a microtoponimia “forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha gran riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer”. Pola súa banda, o técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, puxo o foco “na boa acollida” da primeira edición de Toponimízate e agardou que “o éxito se repita e contribúa a salvagardar a riqueza toponímica de Galicia”. Segundo dixo, esta é tamén a finalidade (esta arela de mobilizar a veciñas e veciños arredor dunha causa común: a preservación do tesouro dos nomes de lugar) da aplicación tecnolóxica Galicia Nomeada, que estará en datas vindeiras dispoñible para dispositivos móbiles. Nas súas palabras, esta ferramenta “servirá para involucrar o voluntariado cultural de Galicia, principalmente a nosa mocidade, na creación da maior obra cultural colectiva do pobo galego”. E engadiu: “Con ela abriremos unha xanela ao mundo para dar a coñecer parte da historia de cada concello, unha intrahistoria que se agocha detrás de cada nome de lugar”.

As charlas de Toponimízate incluirán divulgación sobre a posibilidade de consultarmos a microtoponimia xa xeorreferenciada no Buscador de topónimos e as utilidades desta ferramenta para as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais ou a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.

18/10/201810:10
Participantes no debate.
Madrid

IMF Business School e Plus40net abren o debate sobre o 'talento invisible' dos maiores de 40

  • 'Nin os millennials son tan tecnolóxicos nin os senior analfabetos dixitais, expresou Manuel Naharro, project manager da Plataforma Savia
Unha vez cumpridos os 40 anos parece que se entra nun declive profesional: as posibilidades de atopar un bo traballo redúcense e a taxa de paro entre os sénior aumenta. Quen e por que se percibe unha falta de capacidades a partir desa idade? Que poden facer as empresas, as institucións e a sociedade para cambiar ese escenario? Con esta formulación, a decana de IMF Business School, Ana Fernández-Ardavin, deu a benvida aos asistentes a unha xornada sobre a discriminación dos profesionais senior e a necesidade de políticas de retención e contratación, organizada pola propia escola xunto con Plus40net .
 
"Hai prexuízos. Asóciase mocidade con ganas e creatividade e debería asociarse a persoas. Cando hai un ERE, as empresas fíxanse no criterio da idade". Así definiu Ángela Gorostizu unha das realidades do mercado laboral español. Gorostizu é unha das autoras do libro #recuperandoeltalentoinvisible, unha obra de cuxo contido se falou na primeira mesa redonda da xornada. "Atribúenselles incapacidades, dise que non teñen ganas de aprender e que son practicamente ciberanalfabetos. É mentira, pero para combatelo necesitamos información", engadiu o sociólogo José Ignacio-Casas, socio fundador de Jomial Research & Consultants, que apuntou como un dos culpables desta percepción ás políticas de xubilacións anticipadas e prexubilacións que levan practicándose en España desde os 80. "A idea que queda é que a partir dos 40 o que estás a pensar é en xubilarte e se inocula a idea de que o que toca é emprender. Se non se fai, é culpa do profesional", aclarou.
 
Juan Carlos Delrieu, director de Planificación Estratéxica da Asociación Española de Banca, puxo algo de optimismo ao contexto, ao asegurar que, a pesar de ser un colectivo moi castigado, é un dos que máis ocupación laboral está a conseguir nos últimos dous anos. Aínda que iso, explicou, non evita que siga sendo vulnerable. "O noso modelo protexe ao que está dentro e castiga ao que está fóra", asegurou.
 
A seguinte mesa redonda contou coa participación de profesionais procedentes das empresas e expuxo un dos problemas máis importantes que vive a sociedade española: o demográfico. "Temos unhas taxas de natalidade baixísimas e en 2040 teremos a maior esperanza de vida do mundo, así que chegará un momento no que cando as empresas vaian buscar talento non haberá outro que o senior", apuntou Francisco Mesonero, director xeral da Fundación Adecco. Tamén incidiu nesa realidade e nas súas consecuencias Alicia Coronil, directora do departamento de Economía do Círculo de Empresarios, ao reivindicar que "temos que seguir contribuíndo á economía, tendo en conta que o momento demográfico que estamos a vivir é histórico".
 
"O 55% do talento científico europeo xubilarase en 2019 e o 50% do talento directivo entre 2019 e 2020", aclarou Manuel Naharro, project manager da Plataforma Savia, quen afirmou que atopa máis sensibilidade con este tema nos departamentos de RSC que nos de Recursos Humanos. Un tema que a Marian Paredes, directora de RR HH de GT Motive, parécelle "inconcibible". "O talento non é caro se é rendible", apuntou durante a súa intervención, na que aproveitou para reivindicar a eses profesionais da súa empresa que foron gañando experiencia e coñecementos. Prescindir deles, asegurou, "sería un suicidio para a compañía".
 
Alicia Coronil puxo unha data no calendario: 2024. Ese ano será cando se xubilen os baby-boomers, polo que sinalou a necesidade urxente de "desenvolver políticas de retención de talento e reciclaxe como se fai nos países nórdicos e especialmente nas micropemes, que é onde é máis complicado e onde habería que deixar actuar ao Goberno". "Nin os millennials son tan tecnolóxicos nin os senior analfabetos dixitais", concluíu Manuel Naharro.
18/10/201810:10
Cartel do evento.
Ourense

Como loitar por unha sociedade dixital igualitaria, polo miúdo nunhas xornadas da UVigo

Os vindeiros días, nos campus de Vigo e Ourense vaise falar do papel das mulleres na Sociedade do Coñecemento, de que maneira se poden seguir derrubando estereotipos e discriminacións laborais nas redes e que medidas se poden poñer en práctica para garantir unha Internet en positivo, igualitaria, que sexa útil para as novas xeracións de usuarias e usuarios. Trátase de dúas xornadas organizadas por profesorado da Facultade de Dereito nas que se abordarán dúas cuestións de actualidade: o caso do traballo muller na era dixital e a sentencia de La Manada.

As xornadas xorden no marco do desenvolvemento de proxectos de investigación con financiamento estatal, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e contan coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

A primeira das actividades leva por título Muller e traballo na era dixital e celebrarase o día 18 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo e o día 19 de outubro na Facultade de Dereito de Ourense. Organizadas por Jaime Cabeza, Marta Fernández, Francisca Fernández Prol e Mª Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, a actividade lévase a cabo no marco do proxecto Os dereitos fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital. O seu obxectivo é fornecer ás alumnas e alumnos de adestramento complementario sobre cuestións candentes como o acceso da muller ás novas formas de emprego xeradas no marco da economía dixital, o emprendemento feminino ou as autónomas low cost e as falsas autónomas no marco das novas industrias dixitais. Tamén se tocarán temas como os porqués de que se siga mantendo o sistema patriarcal no marco da economía dixital. O programa inclúe tres conferencias ofrecidas por expertas da área de Dereito do Traballo e a Seguridade Social das universidades de Santiago de Compostela, Murcia e Carlos III de Madrid.

A segunda das xornadas, Feminismo e teoría do dereito, celebrarase os días 25 de outubro e 15 de novembro tanto na Facultade de Dereito do Campus de Ourense como na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo. A cita, que vai pola súa terceira edición, aborda este ano a polémica suscitada coa sentencia no caso de La Manada.

18/10/201810:10
Madrid Games Week.
Madrid

A UDC lucirá na Madrid Games Week a súa formación avanzada en videoxogos

Universidade da Coruña vai presentar en Madrid, perante o máis representativo da industria galega, estatal e internacional dos videoxogos, a súa oferta académica no sector. E farao na gran feira anual deste ámbito de emprendemento en proxección, a Madrid Games Week 2018, a través do Campus Innova, o Campus Industrial e a Facultade de Ciencias da Comunicación. Segundo lembra a UDC, o recinto IFEMA (sede da feira) xuntará entre o 18 e o 21 de outubro as grandes marcas do sector, amais de servir de escaparate aos grandes lanzamentos da tempada. 

A Universidade da Coruña busca coa súa participación “achegarse ao público seareiro do mundo do videoxogo para presentarlle a súa oferta académica neste ámbito e poñer en valor a formación adquirida polo seu alumnado”. 
Co devandito obxectivo, contará cun stand de seu (14.0E03), situado no pavillón 14 do recinto feiral. 

De xeito complementario, participará de xeito activo nunha das grandes citas do programa, o sábado 20 ás 11:00 horas: unha conferencia que versará sobre a Oferta formativa da Universidade da Coruña en creación e desenvolvemento de videoxogos, impartida polo decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández.

Nun plano máis concreto, a UDC presentará os detalles do seu Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, un título oficial que iniciará o seu primeiro curso en setembro de 2019 e que abrangue, en palabras da entidade académica, “o proceso completo de produción de animación e videoxogos desde diferentes puntos de vista, incluíndo o creativo, técnico, artístico e comercial”.

Amais, a UDC mostrará as posibilidades que se abren co Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, que comezou a súa andaina no Campus de Ferrol neste curso 2018-2019 e que consiste nun título oficial que aborda as temáticas para “converter aos alumnos en profesionais con capacidade de achegar solucións creativas nunha industria cada vez máis dinámica e necesitada de talento”.

18/10/201810:10
A especialista en redes e xénero Andrea Ruthven.
Vigo

Salientan na UVigo o relevante impacto do movemento feminista virtual

O feminismo ten na Rede unha oportunidade de ampliar obxectivos e acadar importantes logros, malia ser a Rede, paradoxalmente, o ámbito do noso tempo no que máis medran e se perpetúan os conceptos, falsas crenzas, estereotipos e prexuízos que combaten hoxe en día as mulleres. Arredor desta cuestión e da cuarta onda feminista que abrolla no ciberfeminismo (logo do Século das Luces, o sufraxismo ou as revolucións a prol da muller do século XX) xirou o relatorio celebrado hoxe na UVigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución. A conferencia contou coa intervención da especialista en estudos de xénero da Universidade de Cantabria, Andrea Ruthven.

Baixo o epígrafe Cuarta onda feminista? Activismo e representacións de xénero na cultura contemporánea, a sesión serviu para avaliar a importancia que plataformas tecnolóxicas como #Me Too están a ter “na definición do feminismo actual”. Nela tamén participaron (na recta final da xornada) docentes das universidades de Vigo, Tras-os-Montes e Alto Douro e Barcelona: María Platas, Ana Cristina Gómes da Rocha e Katarzyna Paszkiewicz, respectivamente. A conferencia foi organizada polas docentes e investigadoras da Universidade de Vigo Belén Martín Lucas e María Platas, en colaboración coa Unidade de Igualdade.

Andrea Ruthven comezou a súa intervención lembrando a figura de Tarana Burke, impulsora hai doce anos do movemento Me Too, nun primeiro intre un apoio “para escoitar, entender e crer” ás mulleres vítimas de violencia sexual, que logo se trasladou e amplificou nas redes sociais. A especialista en estudos de xénero defendeu o valor das plataformas virtuais como a propia #Me Too, #I belive you ou #Just all we womenpara crear alternativas, ao tempo que “fan visibles as voces e a participación das mulleres de xeito que poidan xerar un efecto de onda”. Asemade, a investigadora puxo o foco nas facilidades que proporcionan as plataformas dixitais “para crear espazos para desenvolver a conciencia feminista individual e colectiva e para atopar e manter o apoio ás opinións feministas, así como no seu carácter inclusivo, “fronte á tradicional exclusión da muller e doutros colectivos da esfera pública”, aínda que tamén advertiu que “non se debe pintar o mundo virtual como un espazo utópico para a interacción”. 

No seu relatorio, a especialista en estudos de xénero reiterou o impacto do movemento feminista virtual, que mobiliza millóns de persoas que teñen historias que contar. “Ao dicir #Me Too”, sinalou,cada muller forma parte dun grupo máis amplo e elixe estar xunto a outras persoas que foron acosadas, agredidas ou violadas, e esta solidariedade é moi poderosa”, concluíu.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS