O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, vainos levar esta semana ás posibilidades de desenvolvemento e empresariais que pon en xogo a fórmula da innovación aberta e do traballo en comunidade dirixido a alentar novos e importantes achados tecnolóxicos. Na xornada Innovación Aberta e Big Data, que se celebra o día 25 na sede do CITIC, tamén se porán sobre a mesma as potencialidades de xuntarmos forzas (e capacidades) arredor da información a gran escala.
Trátase dun evento do Campus Innova e contará coa participación de Valentín Fernández García, Senior Advisor en Innovación Aberta e ex-director global de Desenvolvemento de Negocio e Alianzas de Telefónica Open Future, o ecosistema de crowdworking e innovación cooperativa da dita operadora de telecomunicacións, presente na nosa terra a través de Galicia Open Future, GOF, que xa celebrou catro edicións acelerando arredor de 150 proxectos tecnolóxicos.
A xornada do CITIC dará comezo ás 12 horas e a partir das 13 h terá lugar un petisco networking. Inscricións en oficina.innova@udc.gal.
A nova xira tecnolóxica da asociación @asLAN tocará a nosa terra o mes vindeiro. Máis concretamente, recalará na Coruña (no Hotel NH Collecting A Coruña Finisterre), o día 6 de novembro, en horario de 9.00 a 15.00 horas. O evento, que contará coa colaboración de entidades galegas como o Clúster TIC Galicia, o Colexio Oficial Enxeñeiros de Telecomunicación (AETG), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou a asociación Ineo, xirará arredor “do papel das tecnoloxías na rede para impulsar a transformación dixital”. Contarase coa presenza de empresa de primeira liña (Alcatel, Cambium, Dell, Huawei, Gigaset, Kaspersky, Panda, entre outras) falándonos das súas experiencias e obxectivos.
Amais disto, o obxectivo da xira (e da cita coruñesa) é ofrecer “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas para construír infraestruturas de negocio”. Por temáticas, tocaranse cuestións candentes e de gran interese como a protección dixital, a mobilidade ou as infraestruturas híbridas, pasando polas vantaxes da transformación TIC e as mellores fórmulas para aplicala no noso negocio, a tempo completo e abranguendo todos os procesos.
O programa de relatorios, logo da presentación de Francisco Verderas (secretario xeral da asociación @asLAN), contará coa presenza de especialistas en innovación empresarial e dixitalización como Roi Iglesias, director de Econocom Retail, David Peña, enxeñeiro principal de Sistemas de Dell EMC, Javier Gómez, director rexional para a península de Cambium Networks, David Tajuelo, xefe de Canles de Fon Technology, Rosa Gascueña, enxeñeira de Proxectos de CCTV Center, Javier Buitrago, KAM de Alcatel Home, María Jesús Rangil, xefa de Vendas de Gigaset, María José Montes, responsable de Ciberseguridade de ESET España, José Antonio Morcillo, xefe de Contas de Canle de Kaspersky Lab, Ivan Mateos, enxeñeiro de Vendas de Sophos, ou Vicente Manuel Martín, director de Pre-venda de Panda Security.
Quen queira enchouparse de software libre e das posibilidades do programa R para investigarmos e innovarmos mellor e tirando máis proveito da (gran) información que temos ao noso alcance, vai ter esta semana unha gran oportunidade para facelo. Estamos a falar da nova edición da Xornada de Usuarios de R en Galicia, que se celebra o xoves 25 na Facultade de Matemáticas de Santiago e xa ten o programa de actividades máis ca perfilado na súa páxina web, contando con representantes de empresas e entidades de primeira liña (FINSA, Improving Metrics, ABANCA) para facer un percorrido das súas respectivas experiencias co dito software de información.
A xuntanza, segundo lembran os organizadores, vai pola súa quinta edición e diríxese novamente a pechar fileiras arredor das vantaxes e utilidades do programa estatístico R, software libre moi estendido entre a comunidade investigadora internacional de calquera vertente. A xornada está organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG, e patrocinada por AMTEGA, ao abeiro das actividades de fomento do software libre en Galicia que impulsa esta axencia autonómica.
A cita ten como retos e finalidades a promoción da linguaxe R e as súas aplicacións, ademais de facilitar o traballo en rede entre a comunidade de persoas usuarias da linguaxe e aquelas outras interesadas en coñecela ou en poñer en común as súas experiencias.
As xornadas, que incluirán obradoiros prácticos de balde, contarán coa presenza de Antonio Vidal (FINSA), Eva María González Vior (Improving Metrics), Belén Fernández de Castro e Teresa Veiga (ABANCA), Noa Veiguela (Instituto Galego de Estatística), Marcos Fernández (Xunta de Galicia), Nora Martínez (Centro Tecnolóxico Gradiant), Ana Belén Buide (ITMATI), Manuel Antonio Novo (ITMATI), Aurelio Rodríguez (CESGA), Rubén Fernández e Tomás Cotos (Universidades da Coruña e de Vigo), Beatriz Pateiro (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), Laura Freijeiro (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), Arís Fanjul (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), Alejandra López (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC) e María José Ginzo (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), entre outros especialistas en materia de aplicación e aproveitamento de R.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
Esta semana vaise desenvolver a terceira edición da Finde.U, a Feira Internacional de Emprego Universitario que organizan a Universidade de Vigo e máis a de Porto (xunto coa de Tras-os- Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa). A previsión é de que participen máis de 2.000 participantes e unhas 70 empresas, moitas delas empresas do sector dixital (Televés, HPE, Arca Telecom, Imatia, Alert Life Sciences Computing ou Viewnext). A feira celébrase no recinto de IFEVI os días 23 e 24 de outubro, logo da exitosa edición previa de Porto este mesmo mes. Inaugúrase este martes ás 16.30 horas. No acto participará Manuel Reigosa, reitor da UVigo, e máis o seu homólogo da de Porto, Helder de Vasconcelos e Silva.
Tamén concorrerán Artur Fernando Arede Correia Cristóvão, vicerreitor da área de planificación e emprendemento da UTAD, e Manuel Fontaine Campos, vicepresidente do Centro Regional do Porto da Universidade Católica Portuguesa, para a Academia e a Internacionalización. Segundo engade a universidade galega, a Finde.U ofrecerá a estudantes e persoas tituladas “a oportunidade contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores e que se atopan na procura de persoal cualificado, ao tempo que as firmas comerciais da Eurorrexión terán a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do alumnado formado na institución académica viguesa”.
Pescanova, FINSA, ABANCA, Televés, Borgwarner, BBVA, Carrefour, Hewlett Packard, ENCE ou Garrigues, son algunhas das empresas que xa confirmaron a súa presenza no evento, que como todos os anos completará o seu programa con actividades paralelas de formación e información. Dúas son as novidades que este ano introduce a Finde.U. Dunha banda, o día 24 e como continuación da xornada que o 9 de outubro se celebrou no Campus de Vigo, o IFEVI acollerá a derradeira sesión do programa O talento feminino SUMA. Nesta sesión as estudantes e tituladas que participaron na primeira sesión da xornada, presentarán a través dun formato elevator pitch, o seu talento perante os responsables de recursos humanos que participan na feira.
Así mesmo, nesta terceira edición a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal incorpora á feira o seu Job Day TIC, achegando a participación de 13 empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da comunicación de ámbalas beiras do río Miño, así como os clústeres TIC dos dous lados da raia.
O programa de formación dixital e emprendimiento "Conecta Emprego" de Fundación Telefónica, e que conta co apoio do Concello de Ourense, preparará a 20 persoas para convertelos en expertos en Big Data Processing, para traballar no ámbito tecnolóxico.
O auxe do Big Data nas empresas, que se basea na extracción, a transformación e o procesamiento de grandes cantidades de datos, está a xerar cada vez máis postos de traballo, debido a que axuda ás empresas para mellorar o seu negocio. O curso de Big Data Processing permitirá coñecer outras facetas da especialidade, como "Data quality" e "Data cleaning", básicas para o preprocesamiento de datos.
"Ourense converteuse nun referente do emprego e a innovación grazas aos programas levados a cabo pola Concejalia de Promoción Económica a través da Molinera, non só na provincia, senón en toda Galicia", asegura o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz.
Desde ese departamento, o edil Jorge Pumar agradece a "aposta decidida" desta entidade nos programas de emprego realizados desde o Concello, e que "conseguiron unha porcentaxe moi elevada de inserción laboral dos seus alumnos".
O acordo entre ambos os organismos, "pioneiro e único da Fundación Telefónica en Galicia", destaca Pumar, vén confirmar a "aposta decidida" por estas iniciativas como creadoras dun "ecosistema emprendedor en Ourense".
O curso desenvolverase no laboratorio de innovación social dixital da Molinera, unha institución que para Cruz supón "un lugar inmellorable para impartir este módulo pola súa condición de motor tecnolóxico da rexión".
Este programa formativo en Big Data Processing está dirixido a maiores de 18 anos que terminasen a ESO e celebrarase do 20 de novembro ao 23 de xaneiro de 2019, de 8:30 a 14:30 horas.
O módulo terá unha duración de 175 horas e permitirá adquiririr as habilidades necesarias para capturar e procesar grandes volumes de datos, manipulalos, integrar novas fontes, deseñar procesos... Todo co fin de entregar os datos aos analistas dunha forma limpa e segura.
Os alumnos contarán cunha aula virtual, posibilidade de aprendizaxe sobre proxectos reais, sesións de masterclass, e acompañamento individual en formación e inserción laboral.
Os premios IAVE recoñeceron un ano máis o labor do programa de voluntariado corporativo de Telefónica que actualmente conta con case 40.000 voluntarios activos en 32 países, que doan o seu tempo e coñecemento colaborando en actividades solidarias co obxectivo de impulsar o lado social da transformación dixital.
A International Association for Volunteer Effort (IAVE), recoñece con este premio como unha das catro mellores mellores practicas inspiradoras o programa "Game Do Bem", desenvolvido por Voluntarios Telefónica en Brasil. Esta plataforma web nada en Brasil xorde co obxectivo de contaxiar a solidariedade e responsabilidade cidadá promovendo o voluntariado online a partir de xogos intereactivos e colaborativos. "Game do Bem" conta con máis de 100 retos relacionados coa educación, a tecnoloxía, a cidadanía dixital, a mobilidade urbana, o emprendimiento social, o medio ambiente e a protección dos animais.
As outras tres prácticas inspiradoras 2018 premiadas foron as das empresas Merck, Sharpe and Dohme, Ritz-Carlton e GSK. Doutra banda, foron tamén premiados Tata Group (The Global Volunteer Program Award), The Berlin Social Academy (The German Volunteer Program Award), e UPS (Disaster Volunteering Program award).
Voluntarios Telefónica promove a acción social das persoas vinculadas ao Grupo Telefónica que queren achegar unha parte do seu tempo, as súas habilidades, os seus recursos e a súa ilusión en beneficio da comunidade e dos máis desfavorecidos. Unha das súas liñas estratéxicas é o voluntariado dixital, unha transformación que persegue multiplicar o impacto e, así mesmo, acurtar a fenda dixital dos colectivos vulnerables.
O programa, xestionado desde a Fundación Telefónica, é hoxe una das principais iniciativas de voluntariado corporativo no mundo, con case 40.000 participantes activos en 2017 e 268.000 beneficiarios entre todos os países nos que está presente Telefónica. O ano pasado dedicaron 364.000 horas a realizar máis de 4.000 actividades con fins sociais e colaborando con máis de 350 entidades sociais.
A Intelixencia Artificial deixou atrás as distopías futuristas para comezar a formar parte da nosa vida. A esta transcendente tecnoloxía, que promete remover a nosa realidade e a nosa forma de pensar de forma irreversible, dedicaremos esta edición 2018 da Thinking Party, a festa do pensamento que este ano celebra a súa sexta edición.
Intelixencia Artificial (IA) convivencia e futuro
As transformacións e o impacto que supón a integración da Intelixencia Artificial na nosa vida son múltiples e inminentes e teñen lugar en todos os ámbitos da sociedade. Por elo resulta cada vez máis urxente afrontar os desafíos laborais, educacionais, sociais, económicos e mesmo filosóficos e éticos que nos asaltan neste novo escenario cheo de cambios e oportunidades.
Vivimos unha realidade cada vez máis mediada pola Intelixencia Artificial. A presenza consciente desta tecnoloxía deu lugar a importantes debates que van desde o seu emprego en contornas laborais ata a consolidación de novas formas de convivencia entre humanos e máquinas ou o cuestionamiento do que significa a propia intelixencia humana.
Conferencias maxistrais, casos, experiencias e performances sucederanse no transcurso dunha xornada aberta a expertos, profesionais e a calquera mente inquieta con ganas de aprender e reflexionar acerca dos retos e os avances que o desenvolvemento da Intelixencia Artificial traerá no futuro.
A xornada centrará o seu contido en dous eixos fundamentais que vertebran o debate sobre os usos da Intelixencia Artificial: as súas aplicacións relacionadas coa creatividade e o coñecemento, desde a perspectiva humanística, e as súas implicacións éticas e legais.
Para iso, abriremos a sesión coa conferencia dunha das maiores expertas e divulgadoras na materia, a investigadora británica Margaret Boden, que explora as relacións entre humanos e intelixencia artificial de cara ao futuro e coa intervención de Chema Alonso, Chief Data Officer de Telefónica. Para falar sobre humanismo, linguaxe e coñecemento contaremos con especialistas como Claudia Giannetti, Elena González Blanco, David del Val ou Pablo Gervás, mentres que a perspectiva ética, será desenvolvida por Natalia Martos, Elena Valderrábano e Moisés Barrio.
Así mesmo, terá lugar a presentación de casos prácticos por parte de representantes de IBM e a axencia de comunicación Prodixioso Volcán. O evento terá o seu broche final grazas ás intervencións innovadoras de Alberto Levy e a performance de #MúsicaBiotrónica do artista Ain TheMachine.
Seguir lendo na fonte da noticia
Cando adquirimos un teléfono móbil hai aplicacións que xa veñen instaladas por defecto e outras que podemos instalar en función ás nosas necesidades.
Neste curso faremos un percorrido práctico por aquelas que polas súas características son de gran axuda para na nosa vida.
Contidos
Na nosa terra nin a mocidade en xeral aposta o suficiente por carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) nin tampouco as mozas teñen todas as facilidades e os estímulos que deberan ter para convertérense en tecnólogas ou científicas. Esta realidade leva anos poñéndose de relevo e criticándose, e hoxe escoitouse ben alto na nova xeira de divulgación e información do o programa Girl STEM, dirixido a combater a falsa crenza que identifica aos homes coa ciencia e novas tecnoloxías, deixando de lado o crucial traballo das mulleres nestes ámbitos. Girl STEM, que vén da man da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA, contou hoxe coa presenza de Julia Bernal, directora xeral de Red Hat.
A relatora, considerada unha das máis importantes directivas españolas, engadiu ao devandito que o talento feminino “non está chegando como debería chegar ás carreiras técnicas”. Así o manifestou na xornada que celebrou na Coruña (na sede da Fundación Barrié de la Maza) o programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, inserido no Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA. Bernal, unha das candidatas ao Top 100 Mulleres Líderes 2018, dixo que as profesións STEM (as vencelladas aos eidos da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) teñen “máis demanda que nunca”, pero o interese polas carreiras técnicas por parte das mulleres “descendeu un 25% nos últimos dez anos”, aludindo a información achegada pola UNESCO. Na cita con rapazas e rapaces de varios centros de ensino da Coruña e da súa contorna, Bernal engadiu que “non se pode permitir prescindir do talento das mulleres nun escenario que cambia cada vez a unha maior velocidade”.
Asemade, fixo un chamamento para, entre todas e todos, facerlles ver ás mozas que “a creatividade non é incompatible con estas carreiras, é máis, é necesaria xunto con outros valores como a colaboración e a necesidade de compartir coñecementos”. Na sesión tamén participou Rosa Méndez, directora da área de Sociedade Dixital da AMTEGA, quen indicou que en Galicia “só o 9,3% das persoas que estudan unha carreira universitaria escolle ámbitos STEM”, dos cales só unha quinta parte son mulleres, unhas cifras que, segundo Méndez, "contrastan coa ampla empregabilidade" das profesións científico-técnicas. A directora tamén salientou que as profesións STEM dan emprego a 17.000 persoas na nosa Comunidade.
Quen é Julia Bernal
Segundo nos conta AGASOL, é a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017 e foi a primeira muller en ocupar este cargo na compañía en España. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das Tecnoloxías da Información (TI) e ocupou unha manchea de posicións técnicas e de liderado en referentes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. A compañía norteamericana Red Hat, representada na Península por Julia Bernal, é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns (a única organización do seu sector que alcanza esa cifra).
Girl STEM, obxectivos e metodoloxía
AGASOL e AMTEGA queren reducir a fenda entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para iso, poñen en marcha o programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Trátase dun programa de asesoramento con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo con mocidade de ESO e Bacharelato, achegarán a súa experiencia, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. A primeira cita, o 21 de setembro, contou coa presenza de Edita de Lorenzo. Logo foi a quenda de Monsterrat Guardia e de Deborah García.
Mañá, sábado 20 de outubro, terá lugar na Cidade da Cultura o IV Scratch Day, unha iniciativa na que participarán 30 escolares de entre 7 e 15 anos que aprenderán a programar co seu ordenador videoxogos de naves espaciais, tendo que asistir a esta sesión práctica acompañados polos seus pais ou nais.
O IV Scratch Day, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ten como obxectivo difundir os valores da programación informática entre os nenos e os seus pais, de xeito que os participantes poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida.
Pero amais, o CPETIG busca que esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero.
O CPETIG e a Amtega conciben esta formación no contexto da familia por considerar decisiva a implicación dos pais e as nais, como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.
A formación do Scratch Day será impartida pola Asociación Programamos, dedicada a promover o desenvolvemento do pensamento computacional en todas as etapas escolares, a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles.